LUCIA SHULZ (LUCIA MOHOLY) (1894-1989)

Publicado o 22/02/2022

Lucia Moholy, foi unha fotógrafa, historiadora e escritora; pioneira dunha nova linguaxe fotográfica; e, figura importante da vangarda alemá de entreguerras do pasado século.

VIDA

Rematada a I Guerra Mundial, a década dos anos vinte do pasado século destaca polo seu rexurdimento cultural, coñecido polo seu rompemento coas convencións do pasado. É unha das miñas épocas preferidas porque rompe con todas as teorías que rodeaban á fotografía, creando novas linguaxes fotográficas como as introducidas pola propia protagonista deste artigo, Lucia Moholy, que dan lugar a unha gran creatividade. Esta ruptura pasaba nese momento, por abrazar a “Nova Obxectividade”(1)e abandonar o servilismo que a fotografía tiña coas xerarquías da historia da arte. A partir de aquí nunca máis a fotografía sería tratada como si estivera en débeda coa pintura. Este estilo artístico comprendía a pintura, o debuxo e a fotografía, e foi unha das correntes máis importantes en Alemaña. Mentres na pintura alemá, posterior á I Guerra Mundial, buscábase facer un comentario político e social, na fotografía buscábase amosar unha maior obxectividade e veracidade da realidade. Paralelamente, e fronte á “Nova obxectividade” aparece a “Nova Visión”, cuxos principios foron desenvolvidos polo fotógrafo Lázló Moholy-Nagy, que propoñía traspasar as marxes do convencional para desafiar aos espectadores enfrontándoos a imaxes descoñecidas.

Lucia Shulz, como así se chamaba a protagonista deste artigo, naceu o 18 de xaneiro de 1894, en Karolinenthal, Checoslovaquia, unha cidade independente cando ela chegou a este mundo, pasando a ser parte de Praga en 1922. De orixe xudeu, de pai checo e nai alemá, recibe unha esmerada educación, chegando a dominar catro idiomas: ademais do paterno e materno, o francés e o inglés.

Remata o bacharelato en 1910 no liceo alemá de Praga e obtén o diploma como mestra para o ensino do inglés e filosofía en 1912. Continúa asistindo a clases de Filosofía e Historia da Arte na Universidade de Praga durante dous anos máis.

De forte personalidade, e vendo que non estaba cómoda traballando para o bufete de avogados do seu pai, onde realizaba traballos auxiliares, Lucia Shulz decide independizarse economicamente da familia en 1915, aos 21 anos de idade, trasladándose a vivir a Wiesbaden, cidade situada no suroeste de Alemaña, na ribeira do río Rin, capital do estado federado de Hesse, onde dirixiu a secretaría de redacción do periódico “Wiesbadener Zeitung”. Como di Mercedes Valdivieso, este desexo de independencia familiar e económica inscribe a Lucia dentro do concepto da “nova muller” (Die neue Frau), un fenómeno que se daba entre as mulleres que, procedentes dunha burguesía ilustrada, comezaban a introducirse no mundo laboral e artístico tras a I Guerra Mundial.

Abandona Wiesbaden e marcha a Leipzig, cidade situada ao noroeste do estado de Saxonia, que conta cunha das universidades máis antigas de Alemaña, coa intención de compatibilizar os estudos de fotografía co traballo en diferentes editoriais como “Verlag B. G.” e “Berliner Hyperion-Verlages”, onde permanece traballando ata o 31 de marzo de 1918, en que se traslada a Berlín. Este interese de Lucia Shulz pola fotografía posiblemente estea asociado á forte tradición social alemá, onde, desde finais do século XIX, as mulleres podían acceder a unha educación fotográfica dentro das escolas de artes aplicadas e decorativas.

Xa en Berlín, traballando como editora na editorial “Ernst Rowohlt”, estando na casa duns amigos no mes de abril de 1920, coñece a Lázló Moholy-Nagy, un pintor que se trasladara a esta cidade recentemente, con quen casou nove meses máis tarde e de quen adquiriu o seu apelido pasando a chamarse Lucia Moholy.

Por esta época, os únicos ingresos que entraban no matrimonio eran os xerados por Lucia como traballadora da editorial. Ademais, como coñecedora do idioma alemán, colaboraba co seu marido corrixindo os textos teóricos que publicaba, e que, con frecuencia, László deixaba nas súas mans a elaboración final, sen que en ningún momento a nomeara como coautora. Sobre este proceso de colaboración, Sibill Moholy-Nagy, segunda muller do pintor, comentaría no seu libro “László-Moholy, ein Totalexperiment”:

“A un pintor cunha visión tan obsesiva non lle resultaba fácil expresarse con palabras. Necesitaba axuda, a paciente influenza dun intelecto exercitado. Esta influenza atopouna en Lucia, unha xove universitaria que tiña coñecido Moholy durante o seu primeiro ano en Berlín. Ela incorporou a súa febril percepción sensorial unha intelixencia extraordinaria e unha desapaixonada disciplina de traballo No seu traballo conxunto aprendeu Moholy a razoar e expresarse de forma lóxica e intelixible.”(2)

László entraría en contacto coa fotografía a través de Lucia. En 1922, estando a parella de veraneo na conca do río Rhin, comezaron a producir e a perfeccionar fotogramas(3)grazas aos métodos e a técnica depurada de Lucia. Ela mesma dicía que o interese de ambos por traballar directamente coa luz sobre papel fotográfico xurdiu dunha conversa acerca das distincións entre o uso produtivo e reprodutivo dos novos medios. Este traballo sería exposto na galería Der Sturm ese mesmo ano. Foi a raíz desta exposición que Walter Gropius contactou coa parella para que se trasladaran a Weimar e colaboraran na Bauhaus(4).

En 1923 ambos trasladáronse á Escola da Bauhaus, en Weimar, onde László fora contratado para dirixir o taller de metal, substituíndo ao que fora o seu director Johannes Itten(5). Nesta escola permanecerían cerca de seis anos, ata 1928. Lucía non desaproveitaría esta ocasión para seguir formándose en fotografía, ampliando a súa formación durante os dous primeiros anos con Otto Eckner, principalmente en técnicas de revelado. Durante os anos 1925 e 1926, matriculouse na “Akademie für Graphische Künste und Buchgewerbe” de Leipzig, para seguir o curso de técnicas de impresión e reprodución(6). Ao remate dos estudos, e dominando unha ampla gama de técnicas, instalou un cuarto escuro na súa casa.

Desde a súa chegada a Bauhaus, Lucia puxo os seus coñecementos fotográficos i editoriais á disposición de Gropius, quen naquel momento consideraba necesario dar a coñecer os produtos que realizaban na escola utilizando folletos e publicacións. Sen ter ningún cargo oficialmente recoñecido, a fotógrafa e editora traballou activamente fotografando os produtos de cerámica, madeira e metal que se realizaban nos talleres. Como exemplos, podemos nomear a Teteira realizada por Marianne Brandt(7), a lámpara Wilheim Wagenfeld… etc..

A partir de 1925, o coñecemento editorial que Lucia Moholy adquirira durante os seus traballos en diferentes editoriais foron tamén utilizados pola Bauhaus para aplicalos nas publicacións de folletos comerciais, na revista “bauhaus. zeitschrift für gestaltung”; e, tamén, nos catorce libros que a escola publicou. Sen embargo, a pesar desta forte colaboración, non se menciona o seu nome como coordinadora en ningunha das publicacións.

Entre finais de 1926 e principios de 1927, cando a Bauhaus se traslada a Dessau, Lucia Moholy volve contribuír co seu traballo fotográfico deixando a única pegada visual que queda hoxe en día dos edificios da nova escola, todos deseñados por Gropius, así como das casas construídas para os mestres e os seus interiores. Estas fotos, que ilustrarían tamén os artigos de prensa cando a escola foi inaugurada, destacan polas súas composicións angulosas onde a perspectiva xoga un papel fundamental. As imaxes serviron, ademais, para dar a coñecer en todo o mundo o espírito arquitectónico da Bauhaus, pero, unha vez máis, sen dar visibilidade á sinatura da súa autora.

Entre a colección de fotografías que realizou Lucia na Bauhaus, está a importante reportaxe social que efectuou das figuras da escola a través dos retratos dos estudantes, como por exemplo os realizados a Florence Henri e Nelly Van Doesburg; do profesorado, como Paul Klee, ou Vasili Kandinsky, entre outros, posando nas casas e talleres da escola.

En 1928, Gropius cesa como director da Bauhaus e Lucia e László abandonan a escola e se trasladan a Berlín. A relación matrimonial xa non era a mesma, comezara a deteriorarse cando o László negouse a recoñecer a autoría de Lucia en moitas das súas colaboracións, incluído o libro publicado en 1925 “Malerei, Photografie, Film” (Pintura, Fotografia, Cine).

Chegado o ano 1929 o matrimonio se separa, pero a súa relación profesional continúa. No ano da súa separación, ambos participan en dúas exposicións: unha delas “Fotografie der Gegenwart”, a máis importante que houbo no período de entreguerras; realizouse entre xaneiro e decembro, itinerante por diferentes cidades alemás e inglesas. Nela participaron moitos artistas asociados aos movementos Bauhaus e Expresionista, entre os que estaba Berenice Abbott, Eugéne Atget, Man Ray, Elisabeth Heddenhausen, Florence Henri, Germaine Krull, entre outras moitas máis. Na segunda, “Film und Foto”, exposición colectiva realizada en Stutgart entre o 18 de maio e o 7 de xullo, participan xunto con numerosos artistas de diferentes países entre os que están, Edward Steichn, Edward Weston, Berenice Abbott, Florence Henri, André Kertész, Germaine Krull, El Lissitzky, Man Rayt, Eli Lotar, etc.(8)

O gran labor fotográfico realizado por Lucia na Bauhaus deixaría raíces suficientes para que anos más tarde, a fotografía fora recoñecida como un factor artístico fundamental na escola, inaugurándose en 1929 a nova materia que sería impartida por Walter Peterhans (1897-1960)(9).

Despois da separación de László, Lucia comeza a traballar na escola que fundara Johannes Itten en Berlín como directora de fotografía entre 1930 e 1933. Paralelamente, continúa colaborando con Moholy-Nagy, fotografando as montaxes de ópera que realiza nesta cidade. Por esta época únese sentimentalmente ao deputado comunista Theodor Neubauer (1890-1945), doutor en Historia e Linguas modernas, e líder do grupo de resistencia civil ao réxime de Hitler.

O ambiente político alemá viña enrarecéndose desde que en 1930 os nazis conseguiran uns bos resultados nas eleccións, converténdose en 1932 o partido con máis escanos no Reichstag. O 30 de xaneiro de 1933, logo de formar unha coalición entre os nazis e os conservadores nacionalistas, o presidente Paul von Hindenburg nomeaba a Hitler “canciller”. Coa aprobación da “Lei Habilitante” que lle permitía a Hitler gobernar por decreto de emerxencia, comezou a abolir poderes dos estados federados e puxo no punto de mira a partidos e organizacións políticas, sendo estes últimos, coa excepción do partido nazi, oficialmente ilegalizados.

Días antes de que Hitler fora nomeado Canciller de Alemaña e a situación fora crítica para moitos artistas e intelectuais xudeos, Walter Gropius escribe unha carta a Josep Lluís Sert(10), no momento en que se fundaba o GATEPAC, na que manifesta que Lucia Schultz, ex-esposa de László Moholy-Nagy, necesita saír de Alemaña. Na carta fálalle sobre o seu amplo coñecemento da arte moderna e do actual movemento arquitectónico, da súa intelixencia pouco común, da súa facilidade para os idiomas e a fotografía; e, pregúntalle sobre a posibilidade que tería de atopar traballo en Barcelona. A resposta non é moi satisfactoria, pois Sert amablemente escribe que si vai pola cidade farían todo o posible por axudala pero que na situación económica actual non se apreciaban ese tipo de traballos e só gañaban ben a vida quen se dedicaba á fotografía para publicidade industrial.

Un mes máis tarde Lucia Moholy escribiría en persoa a Josep Lluís Sert, na que entre outra información dicíalle que “Hasta hace poco pensaba que iba a ir muy pronto. Pero, debido a diversos asuntos por aquí, no me queda más remedio que aprazar una vez más mi decisión”(11). Posiblemente o motivo deste aprazamento fora a detención de Theodor Neubauer na casa de Lucia Moholy, máis tarde acusado de ter participado na queima do Reichstag.

A situación de Lucia en Alemaña vólvese arriscada e perigosa porque pode ser detida en calquera momento, pero non perde as esperanzas e Viaxa a Praga, Viena, París e Londres, mobilizando á prensa e a opinión pública para pedir a liberación da súa parella. Este esforzo non daría os resultados esperados e Theodor sería executado en 1945 por pertencer a un movemento clandestino. A fotógrafa acabaría por instalarse en Londres neste mesmo ano, onde permanecería ata 1959.

Libro “A Hundred Years of Photography 1839-1939/Hundert Jahre Fotografie 1839-1939”

Durante os anos que fica en Londres, Lucia imparte clases sobre fotografía na “London School of Printing and Graphic Art” e na “Central School of Arts and Crafts” e, en 1939 a editorial “Penguin Books”, publícalle o libro “A Hundred Years of Photography, 1839-1939(12), no que se expoñían ideas sobre fotografía que eran radicalmente novas nese momento. A Enciclopedia Británica recoñecería este libro como o primeiro no seu xénero escrito en inglés.

Co estalido da II Guerra Mundial recibe un encargo da Universidade de Cambridge para microfilmar documentos e libros importantes da biblioteca. Chegado 1942 incorpórase á dirección do Servizo de Microfilmación e Reprografía da Biblioteca do Museo da Ciencia de Londres, que era dependente da “ASLIB”, unha Asociación para a Xestión da Información que se ocupaba das bibliotecas especiais e centros de información, fundada en Inglaterra en 1924 como “Association of Special Libraries and Information Bureaux”. Tras a incorporación desta asociación á UNESCO no ano 1946, Lucia Moholy viaxaría ao Oriente Próximo por encargo deste organismo para traballar en importantes proxectos arquivísticos, impartir conferencias e publicar artigos sobre o microfilmado en revistas científicas.

Co transcurso do tempo, Lucia Moholy acabaría por lamentar toda a implicación desinteresada que realizou nos traballos da Bauhaus, tanto na parte fotográfica como na editorial. Referíndose a esta última, ela mesma comentaría, que tanto Gropius como Moholy-Nagy non tiñan suficientes coñecementos sobre a materia. Para maior agravio descobre que os 560 negativos en placas de vidro das fotografías que realizou na Bauhaus, que ela describira como “o meu único activo tanxible”, e que tivera que deixar en Berlín en 1933 nas mans de László Moholy-Nagy, cando tivo que abandonar precipitadamente a cidade tras a detención polos nazis do seu compañeiro Neubauer, non foran destruídos por un bombardeo na casa onde quedaran depositados polo seu ex-marido, como ela pensaba, senón que estaban nas mans de Walter Gropius, que os levara cando se trasladou aos Estados Unidos en 1937, dous anos antes de que se declarara o conflito militar mundial.

1926 – Vista oblicua – Edificio taller Bauhaus por Lucia Moholy

Rematada a Segunda Guerra Mundial, en medio dun rexurdimento polo interese da Bauhaus, Lucía Moholy tratou de localizar, sen éxito, os negativos. Durante todos estes anos, as súas fotografías foran publicadas sen recoñecer a súa autoría e sen a súa autorización en diferentes publicacións: Por exemplo, a fotografía que tomou en 1926 da escola desde abaixo, titulada “Vista oblicua”, foi distribuída durante anos para promover a estética Bauhaus; corenta e nove dos seus gravados apareceron sen acreditar no catálogo que acompañaba á exposición “Bauhaus, 1919-1928” realizada no MoMA por Gropius en 1938; e cando se reeditan os “Libros da Bauhaus” no ano 1946, nin sequera lle pediron o seu consentimento, senón que foi a segunda muller de Moholy-Nagy quen o deu sen ter nada que ver con eles.

En 1954 cando Walter Gropius recoñeceu que os negativos estaban no seu poder, que os reproducira e que non tiña intención de devolverllos, Lucia Moholy inicia unha batalla legal para tratar de recuperar as placas de cristal(13); pero non será ata 1957 que recobra parte das mesmas, pois no traslado sufriron numerosas perdas; tamén comeza a perseguir os dereitos de copyright das fotografías publicadas en diferentes libros nos que non se recoñecía nin a súa autoría nin fora autorizada a súa publicación.

Moitos anos máis tarde, en 1959, cando tiña sesenta e cinco anos, retiraríase a Zollikon, en Suíza, onde comezaría unha nova fase na súa carreira profesional como crítica de arte. En 1972, cando tiña 78 anos, publica o libro “Marginalien zu Moholy-Nagy/Marginal Notes” escrito en alemán e inglés, que ben sendo unha revisión de todo o seu traballo, centrado na figura do que fora o seu marido, onde puntualiza numerosos erros, datos ou fallos de catalogación na súa obra. Lucía Moholy xustificaría a súa edición dicindo: “Desde que volvín a escribir e dar conferencias pola miña conta, e estiven estreitamente asociada coa investigación e a documentación académicas nun plano internacional, a mestura de disciplinas transformou aínda máis unha obriga inicial privada nunha responsabilidade histórica convincente”.

En 1985, cando Lucia Moholy xa era moi maior, tiña 91 anos, publícase a súa primeira monografía, escrita por Rolf Sachsse e publicada por Edition Marzona en Düsseldorf. Falece poucos anos máis tarde, o 17 de maio de 1989, aos 95 anos.

O arquivo da Bauhaus de Berlín adquire en 1992 a súa obra. Este legado sobre a historia da escola, está composto de diferentes materiais (publicacións, escritos orixinais, proxectos, obxectos de deseño, fotografías, etc.). Tres anos máis tarde, en 1995, esta institución realiza unha exposición monográfica sobre a artista titulada “Lucia Moholy. Bauhausfotografin”.

OBRA:

Durante os anos nos que permaneceu na Bauhaus, o papel desempeñado por Lucia Moholy tanto no traballo fotográfico (realizou máis de cincocentas fotografías) como no editorial, foi imprescindible para que agora podamos ter suficiente documentación sobre esta importante escola antes de 1928.

A súa fotografía é un exemplo do movemento “Nova Obxectividade”, onde se lle da moita importancia ao primeiro plano para captar a expresión do modelo, como por exemplo, nos retratos realizados a Florence Henri en 1927 (foto 1)(14)e o perfil de Nelly van Doesburg (foto 2)(15), ambas estudantes da Bauhaus, expresan moi ben cal era o seu estilo a finais dos anos vinte. Nestes retratos, Lucia trata de romper a linguaxe fotográfica clásica e establecer unha nova relación entre obxecto e suxeito fotografado. Eliminando a distancia, este primeiro plano establece certo diálogo entre a artista e a modelo.

A parte da súa obra que recolle as fotografías dos diferentes produtos que se producían nos talleres como, utensilios metálicos, cerámicos, téxtil, mobiliario, etc., presenta unha fotografía moi coidada, onde o produto se percibe con moita claridade, froito dunha composición no que os obxectos aparecen centrados e con fondos neutros, para darlles un maior protagonismo.

En canto as fotografías dos edificios da Bauhaus en Dessau, realizadas por Lucia, salientan a contundente composición volumétrica do edificio e as acentuadas arestas que o definen. As sombras e as diagonais visuais dan profundidade aos espazos. Encadradas dentro da “Nova Obxetividade”, estas imaxes caracterízanse por amosar o obxecto do xeito máis comprensible posible, sen abstraccións compositivas, desprovistas de persoas e cunha idea de totalidade, a pesar de amosar fragmentos. Estas imaxes representan algo novo na fotografía de Arquitectura e que a fai diferente doutras fotografías tomadas por outros colegas, como Lázsló Moholy-Nagy, Erich Consemüller o Lux Feininger, nas que a repetición dos balcóns, a presenza de figuras, o xogo de patróns e confusas estruturas son o medio co que xerar a abstracción propia do movemento “Nova Visión”.(16)

Son moitos os traballos que realizou Lucía Moholy que quedaron sen documentar ou que foron asinados baixo o nome do seu marido, pois a pesar do progresista que resultou a Bauhaus, na práctica as mulleres quedaban relegadas a un segundo plano.

ALGUNHAS IMAXES:

NOTAS AO PÉ:

(1)A “Nova obxectividade” desenvolveuse na República de Weimar durante a década dos anos 20 (nacida como respostas ao Expresionismo suxeito imperante na pintura, o cine e na fotografía).

(2)Sibill Moholy-Nagy. 1972 (1950). “László Moholy-Nagy, ein Totalexperiment”. Mainz/Berlín, Florian Verlag.

(3)Un fotograma é unha imaxe fotográfica obtida sen cámara. Esta técnica sen cámara era moi coñecida nas dúas primeiras décadas do século XX.

(4)Do alemán BAU=construción e HAUS=casa; foi unha escola de arquitectura, deseño, artesanía e arte fundade en 1919 por Walter Gropius en Weimar, Alemaña.
O primeiro curso, atraídas polos folletos que proclamaban a igualdade nas aulas, matriculáronse 51 mulleres e 61 homes; pero, a pesar de ser unha escola de vangarda, o espírito patriarcal pesaba o suficiente para que a dirección da Escola considerara que as mulleres non estaban capacitadas para estudar algunhas materias, dirixíndoas cara estudios máis acordes ao seu xénero: deseño téxtil e cerámica. Moitas delas loitaron contra este criterio e co paso do tempo, foron admitidas nos talleres de metal, deseño, carpintería ou arquitectura.

(5)(1888-1967), pintor deseñador e escritor suizo que formou parte da Bauhaus entre 1919 e 1923.

(6)Bauhaus-archiv museum für gestaltung berlin http://www.bauhaus.de/bauhaus1919/biographien/lucia_moholy.html
Marisa Vadillo. 2010. “Otra mirada: Las fotógrafas de la Bauhaus”. Universidad de Sevilla – Universidad de Córdoba.

(7)1893-1983). Foi unha pintora, escultora e deseñadora industrial, que acabou sendo a primeira muller en ingresar no Taller de Metal, sucedendo neste caso en 1928, a Moholy-Nagy como directora de estudio.

(8)Object:Photo: https://www.moma.org/interactives/objectphoto/exhibitions/5.html

(9)Fotógrafo alemán, profesor na Bauhaus desde 1929 a 1933.

(10)Arquitecto catalán, membro fundador da GATEPAC (Grupo de Arquitectos y Técnicos Españoles para el Progeso de la Arquitectura Contemporánea), que foi o primeiro en realizar edificios de carácter racionalista no Estado.

(11)Alfons Puigarnau e Oriol Vaz-Romero Trueba. 2012.”Lucia Moholyt-Nagy. Cartas cruzadas en el entorno del GATCPAC”.

(12)MOHOLY-NAGY, Lucia, A Hundred Years of Photo- graphy, 1839-1939, Penguin Books, Harmondsworth, 1939

(13)Respecto a este conflicto, Lucia Moholy escribiu para “The British Jounarl of Photography”, do que hai copia no Arquivo da Bauhaus.

(14)(Foto 1) Florence Henri – Xelatina de prata, 37.2 x 27.7 cm. Gift of Ford Motor Company and John C. Waddell. The Museum of Modern Art, New York. Inv. 1987.1100.20. © 2011 Artists Rights Society (ARS), New York.

(15)(Foto 2) Nelly van Doesburg – Xelatina de prata, 16.2 x 14 cm. Subasta de Christie’s King Street. Lote n. 124/r/n, venta n. 6717. 21 de mayo de 2003.

(16)Ángela Juarranz. “Lucia Moholy: Negativos del edificio Bauhaus y de los productos diseñados en la Escuela (1924-1928)”. “Revisiones críticas del edificio de la Bauhaus en Dessau de Gropius y Meyer (1925-1926)”.

FONTES:

  • Paloma Castellanos. 1999. “Diccionario Histórico de la Fotografía”. Istmo.
  • Marisa Vadillo. 2010. “Otra mirada: Las fotógrafas de la Bauhaus”. Universidad de Sevilla – Universidad de Córdoba.
  • Alfons Puigarnau e Oriol Vaz-Romero Trueba. 2012.”Lucia Moholyt-Nagy. Cartas cruzadas en el entorno del GATCPAC”.
  • Mercedes Valdivieso. “Lucia Moholy: la fotógrafa de la Bauhaus”. Universidad de Lleida.
  • Museo Nacional de Artes Decorativas 
  • Object:Photo 
  • bauhaus-archiv museum für gestaltung berlin
  • MoMA. Lucia Moholy
  • bauhaus kooperation
  • Mariola Campelo Tenoira. 2012. “Lucia Moholy y Berenice Abbott: fotografía de arquitectura”. De Arte.
  • Archivo Digital UPM: Ángela Juarranz. “Lucia Moholy: Negativos del edificio Bauhaus y de los productos diseñados en la Escuela (1924-1928)”. Revisiones críticas del edificio de la Bauhaus en Dessau de Gropius y Meyer (1925-1926).
  • THE MET: László Moholy-Nagy 1925-26
  • Oscar en Fotos
  • AD. Lucia Moholy, la fotógrafa que inmortalizó a la BAUHAUS.
  • ¡Ah! Magazine: http://www.ahmagazine.es/lucia-schulz-moholy/
  • El País – Babelia – Lucia Moholy: Luz, textura y forma.
  • Raquel Sáez – Lucia Moholy, cien años después
  • El Periódico: Lucia Moholy
  • La Vanguardia. Mad-Photoespaña 2016: Lucia Moholy, la fotógrafa de la Bauhaus
  • Junta de Andalucia, “Pioneras de la modernidad. Lucia Moholy”
  • Document: “Lucia Moholy, la fotógrafa que inmortalizó la Bauhaus, finalmente consigue lo que le corresponde”
  • El Español: Lucia Moholy y los ángulos complejos
  • Aware: Lucia Moholy
  • RevistaDeArte – Logopress: La fotografía modernista de la pionera Lucia Moholy, en la Fundación Loewe.
  • TATE: Lucía Moholy
  • ES DESIGN: Lucia Moholy yt László Moholy-Nagy – 200 Bauhaus
  • ART MADRID FERIA DE ARTE CONTEMPORÁNEO: Homenaje a Lucia Moholy en Fundación Loewe Madrid
  • La vida no imita al arte: Lucia Moholy: la fotógrafa de la Bauhaus.