INGE MORATH (1923-2002)

Autorretratos de Inge Morath

Publicado o 16/10/2021

De orixe austríaca, foi a primeira fotógrafa que entrou na axencia internacional de fotografía Magnum. Ademais de fotógrafa foi unha prolífica escritora e cronista.

VIDA

Ingeborg Morath, como así era o seu nome completo, naceu en Graz, cidade situada á veira do río Mura, ao sueste de Austria, o vinte e sete de maio de 1923. A súa nai e o seu pai, eran científicos que traballaron en laboratorios de diferentes cidades entre as que estaban Darmstadt ou Berlín, en Alemaña, lugares onde Inge se formou cando era nena.

Aprobado o Abitur(1) tras rematar a súa educación secundaria, Inge Morath foi requirida, como todos os e as estudantes da súa idade, para realizar seis meses de servizo no Reichsarbeitsdienst (RAD), traducido como “Servizo de Traballo do Reich”, durante o réxime nazi.

Xa na Universidade de Berlín, e durante os seus estudos de filoloxía, Inge aprendeu a falar fluidamente francés, inglés e romanés, ademais da lingua materna, o alemán; máis tarde engadiría o español, ruso e chino. Segundo as súas propias palabras, durante este período universitario que coincidía coa Segunda Guerra Mundial desencadeada por Alemaña, estudaba onde podía, ben na propia Universidade ou nas estacións de metro que servían de refuxios antiaéreos.

Durante a guerra negouse a ingresar nas xuventudes hitlerianas, polo que foi obrigada a traballar nunha fábrica de pezas de aviación, en Tempelhof, xunto a prisioneiros de guerra ucraínos. Inge aproveitou un ataque de bombardeiros rusos para escapar e refuxiarse en Austria onde estaba a súa familia. A experiencia desta fuxida a pé durante uns 700 km, quedaría marcada para o resto da súa vida. Referíndose a ela, diría textualmente anos máis tarde:

“Todos estaban mortos, ou medio mortos. Andei entre cabalos mortos, e mulleres que levaban nenos mortos nos seus brazos. Por iso non podo fotografar a guerrra”

Cando chegou a Salzburgo comezou traballando para o Servizo de Información dos Estados Unidos (USIS), traducindo artigos e asignándolles fotógrafos; e foi cando este Servizo se traslado a Viena cando Inge Morath tivo a oportunidade de coñecer a esfera artística e intelectual da cidade, pouco antes de traballar como periodista para Der Optimisist. En 1948 foi contratada por Warren Trabant editor da revista ilustrada Heute que publicaba a Sección de Servizos de Información con sede en Munich. Aquí coñeceu ao fotógrafo Ernst Haas, para quen escribía os artigos que acompañaban ás súas fotografías. Entre estes traballos estaba unha historia sobre os prisioneiros de guerra austríacos en Rusia, publicada en Life. Coñecido este artigo por Robert Capa, invitou a Haas para que se unira á recentemente creada axencia Magnum. Inge entrou na esfera profesional de Magnum(2)como socia profesional de Haas en 1949 e pronto comezou a traballar con outros membros do colectivo editando e escribindo os seus textos, entre eles os pés de fotos que obrigatoriamente deberían acompañar ás imaxes dos fotógrafos de Magnum, como Cartier Bresson ou David Seymur, entre outros.

Casada durante un período moi breve co periodista inglés Lionel Birch, mudouse con el a Londres en 1951, deixando o grupo Magnum. Durante este período, comezou a realizar as súas propias fotografías, dándose conta de que se convertera nunha necesidade para ela e que non quería renunciar a iso por nada. Por esta época convertérase na aprendiz de Simon Guttman, nese momento editor de Picture Post e director da axencia fotográfica Report. Tras pasar algún tempo traballando para Guttman(3), comezou a realizar reportaxes de inauguracións, exposicións, etc. baixo o seudónimo de Egni Tharom (o seu nome ao revés), que vendía a todo tipo de publicacións.

Divorciada de Birch, regresou a París e traballou durante algúns meses realizando unha reportaxe sobre os sacerdotes obreiros que vivían nos barrios máis pobres da capital. Esta reportaxe, que sería a súa primeira historia fotográfica de gran formato, mostroulla a Capa, quen a invitou a unirse á axencia Magnum. Entre 1953 e 1954, Inge Morath traballou como aprendiz e asistente de Henri Cartier-Bresson, con quen mantivo unha relación intermitente durante case dez anos. A fotógrafa pasa a ser membro asociado da axencia neste último ano de 1954(4). Ningún dos fotógrafos que entraron a formar parte da axencia foran asignados tanto tempo como asistentes a outro máis veterano, o que se pode interpretar no caso de Inge como unha falta de confianza por ser muller, que se tivo que gañar a súa incorporación tendo que demostrar a súa valía moito máis que si fora un home. Pasaría a ser membro de pleno dereito da axencia en 1955.

En 1953  Inge Morath acompañou a Henri CartierBresson nunha viaxe por toda Europa, realizando un encargo para a revista Holiday. Nesta viaxe ían acompañados pola esposa xavanesa do fotógrafo, Elie, e o editor de imaxes da revista, Lou Mercier. Visitaron Alemaña, Italia, Inglaterra e España.

O máis destacado do encargo de Holiday Magazine foi España, así que Capa asignoulle a Inge Morath en 1954 unha reportaxe titulada World of women, no que se analizaba os perfís de catro mulleres de diferentes países que destacaran neses anos por diferentes motivos. Xunto á española Mercedes Formica(5)compartían a reportaxe a reina Federica de Grecia, a doutora e escritora de Singapur Han Suyin, e a científica norteamericana Eugenia Clark. Nesta viaxe, a fotógrafa foi introducida na elite do país por Formica. Coñece a Balenciaga e ao Duque Gonzalo Figueroa, con quen se comprometeu, aínda que o compromiso non chegou a rematar en voda. Da man de Gonzalo Figueroa, Inge Morath acompañada da súa Leika, coñece a España profunda, viaxando por todo o país, chega as Urdes, a La Alberca ou Puerto Lumbreras, lugares onde realizou destacadas reportaxes, fixándose nas personaxes máis humildes no seu quefacer diario; pero tamén coñece Madrid, Barcelona, Pamplona, Almería, Vigo, Cáceres, Zamora, Murcia, ou Xerez da Fronteira. Durante as visitas realizadas na década dos cincuenta a España, a fotógrafa atópase cunha poboación que sufre unha longa e traumática posguerra tras o cruel enfrontamento civil e a dura represión política exercida polos vencedores, como queda reflectido no retrato dun campesiño baixo un cartel de feira que paradoxicamente di “guerra a la tristeza” e que tempo máis tarde a fotógrafa materializaría nun libro co mesmo título. Como sinala Lola Garrido(6)“el retrato que Morath hace de las gentes y pueblos de España a lo largo de varios viajes, es distanciado y elegante. No busca el lado miserable y desgarrado, no hace retratos tenebristas de una España inculta y folclórica sin más. Recoge con dignidad los personajes encuadrados entre las piedras en su actividad cotidiana y su actitud es de respeto”.

Nos seguintes anos, Inge Morath viaxaría por todo o mundo realizando reportaxes en Europa, África, Medio Oriente, Estados Unidos e América do sur que publicaba en cor (as súas imaxes reflicten os vermellos e os azuis das vellas películas de Kodachrome) en diferentes medios: Holiday, París Match ou Vogue, entre outros; ao mesmo tempo que realizaba outros traballos para teatro, moda ou publicaba libros. Desta época son os libros que publicou xunto ao seu amigo o escritor francés Dominique Aubier: “Guerre à la Tristesse” da súa visita a España, e “De la Perse à I’Iran”, editados ambos por Robert Delpire en Francia en 1955 e 1958, respectivamente; e os publicados en EE. UU. en 1956 por Universe Books “Fiesta en Pamplona” ou Reynal & Co. “Venice Observed”.

Como fotógrafa de Magnum, Inge Morath traballou como directora de fotografía en numerosas películas, entre elas varias dirixidas por John Huston: Moulin Rouge(7), que foi un dos seus primeiros encargos no ano 1952; e, en 1960 Os que non perdoan(8); e Vidas rebeldes(9), baseada nun guión de Arthur Miller, na que tamén traballarían outros fotógrafos da Axencia, entre eles a fotógrafa Eve Arnold(10). Sería na rodaxe desta última película cando coñecería ao dramaturgo, neste momento aínda casado con Marilyn Monroe.

A pesar de que Magnum era unha axencia formada por membros notoriamente antifascistas, moitos deles xudeos, que defendían una visión cosmopolita do mundo, non entendían que unha muller chegara a ser fotógrafa profesional. Os compañeiros tomábanse pouco en serio o seu traballo, o que facía máis difícil o seu labor profesional. Disto era consciente a propia Inge Morath, que xunto con Eve Arnold, converteríanse nas pioneiras dunha institución predominantemente masculina, aínda a día de hoxe (de 106 fotógrafos, tan só 15 son mulleres).

Entre os anos 1959 e 1961, visita Nova York e realiza un proxecto en colaboración co escritor e debuxante Saul Steinberg, utilizando máscaras para fotografar a diferentes persoas, ben en grupo ou por separado. Anos máis tarde, este traballo daría como resultado, o libro titulado “Masquerades”.

Tras o seu regreso aos EE. UU. na década dos sesenta, Inge Morath casaría o dezasete de febreiro de 1962 con Arthur Miller, unha vez divorciado de Monroe e se establecería en Nova York e Connecticut. A parella tería unha filla, Rebecca Miller, escritora e directora de cine; e un fillo, Daniel Miller, con síndrome de Down, a quen internaron nun centro especializado ao pouco tempo de nacer.

A partir do seu matrimonio e durante as décadas dos 60 e 70, a fotógrafa poría como o seu traballo prioritario coidar a súa familia e acompañar a Arthur Miller nalgúns proxectos (“En Rusia”, “Encontros chinos”, “No campo”) que reflectían as súas viaxes por Rusia (a primeira vez en 1965) e China (a primeira vez en 1978) asi como o entorno máis próximo no que se movían como Europa, Nova York ou Connecticut.

Inge Morath preparaba intensamente estas viaxes, non só no estudio da linguaxe, senón tamén na arte e na literatura do país que visitaban para poder entender completamente a súa cultura. A habelencia demostrada de Inge Morath cos idiomas, era capaz de falar nove linguas, facilitaba as viaxes da parella por todo o mundo. Destas viaxes, realizou algunhas exposicións en Estados Unidos: “Inge Morath: Photographs” na Gallery 104, e no Instituto de Arte de Chicago, en Illinois, en 1964; ou “Inge Morath: Photographs of China” no Grand Rapids Art Museum (GRAM) de Míchigan en 1979. Tamén preparou algunhas monografías: “Le Masque” (traballo que realizara entre 1959 e 1961 co escritor e debuxante Saul Steinberg), editada por Maeght Editeur en Francia en 1966; “In Russia” editada por Viking Press en Nova York en 1969, con textos de Arthur Miller; “East West Exercises”, editada por Simon Walker & Co., en EE. UU., con textos de Ruth Bluestone, en 1973; “Grosse Photographen unserer Zeit: Inge Morath”, editada por C. J. Bucher Verlag, en Suíza en 1975, con textos de Olga Carlisle; “My Sister, Life y otros poemas”, editado por edicións Harcourt Brace Javonovich, en Nova York en 1976, con poemas de Boris Pasternak e textos de Olga Andreyev Carlisle; “In the Country” editado por Viking Press, EE. UU. en 1977, con texto de Arthur Miller; e dúas máis no ano 1979, “Inge Morath: Photographs of China”, editada por Grand Rapids Art Museum e “Chinese Encounters” editada por Farrar Straus & Giroux en Nova York, con textos de Arthur Miller. En todas estas viaxes a fotógrafa tivo oportunidade, ademais de iniciar amizade con artistas e escritores, e de retratalos, un dos seus logros máis importantes en fotografía. Entre os fotografados pódese contar a políticos como Mao Tse Tung e Mijail Gorbachov; a personalidades da cultura como Pablo Neruda, Joan Miró, Hans Arp ou Alexander Calder.

Nas décadas dos 80 e 90, continuou alternando os traballos por encargo cos seus proxectos persoais, publicando máis libros que ilustraba coas súas fotografías, como “Vendedor en Beijing”, “Retratos”, “Diario ruso”, “Salzburgo: la visión de un artista”; “Inge Morath: Fotografien 1952-1992”, “Inge Morath: España Años 50 (España en los años cincuenta)”, etc. O documental Copyright by Inge Morath, realizado en 1992 pola directora alemá Sabine Eckhard, foi seleccionado para a exposición que se realizaba sobre a axencia Magnun no Festival de Cine de Berlín de 2007. No documental aparece a fotógrafa na compaña dos seus amigos entre os que estaban Henri Cartier-Bresson e Elliot Erwit tanto en Nova York como en París.

Durante estas mesmas décadas foi homenaxeada polo Senado do Estado de Michigan  en Resolución Nº 295 en recoñecemento ao seu destacado logro como fotógrafa e cronista da vida humana; en 1983, nomeada Doctor Honoris Causa Fine Arts, pola Universidade de Connecticut, Hartford, EE. UU. en 1984; e recibiu o Gran Premio Nacional de Fotografía de Austria en 1992. Ademais de colaborar en diversas monografías, realizou múltiples exposicións individuais por todo o mundo, algunha delas en España: no ano 1988 a titulada “Unión Retrospectiva de Fotoperiodistas no Museo Sala do Canal de Madrid; no ano 1995 a titulada “España en los cincuenta”, no Museo de Arte Contemporáneo Reina Sofía en Madrid e no Museo de Navarra en Pamplona, traballo que fora exposto un ano antes, en 1994, no Spanish Institute de Nova York, en EE. UU; en 1997 realiza unha exposición na vila toledada de Navalcán, que recollía cincuenta instantáneas da reportaxe que a fotógrafa realizara no ano 1954; no ano 1997 realiza unha exposición fotográfica en Pamplona, sobre os Sanfermíns que ela fotografara en 1954; e, no ano 2000 “Retrospectiva Kunsthalle Wien” no FNAC de Barcelona. Inge Morath publica varias monografías nesta época, dúas delas publicadas en España: en 1994 “Inge Morath: España en los años cincuenta” editada por Arte con Texto; e no ano 1999 “Arthur Miller: fotografiado por Inge Morath” publicado por FNAC.

En 1999, regresa a España xunto co seu marido Arthur Miller e realiza unha nova serie sobre o Camiño de Santiago, que publica en 1998 editado por Lola Garrido Armendariz con texto de Manuel Rivas.

Pouco antes de morrer, Inge Morath volveu ás terras dos seus antepasados, á fronteira entre Estiria e Eslovenia para documentar o libro “Last Journey” con case que 300 fotografías que reflicten un mundo marcado pola guerra e a pobreza;  e a película dirixida por Strassengger “Grenz Räume” (Derradeira Viaxe).

Inge Morath faleceu de cancro en Nova York, o 30 de xaneiro de 2002, aos setenta e oito anos, deixando un legado moi importante, pois ademais da súa obra fotográfica, era unha prolífica escritora de diarios de viaxes, cartas, notas de traballo e comentarios sobre as súas fotografías, algo pouco inusual entre os colegas de profesión.

Ata o último momento da súa vida quixo ser testemuña dos grandes acontecementos. Dentro da súa obra póstuma atopáronse fotografías efectuadas a cidades estadounidenses a raíz dos atentados do 11 de setembro de 2001. Trala súa morte recuperáronse case que 10.000 orixinais en cor ata ese momento descoñecidos. A fotógrafa traballara principalmente en branco e negro, posiblemente influenciada por Henri Cartier-Bresson, pero xa nos seus inicios, en 1954, utilizaba a cor nas súas fotografías, e desde a década dos sesenta en diante, empregaría a cor como un elemento central dentro das súas narrativas documentais.

Co obxectivo de preservar e compartir o seu legado, a súa familia creou, ao seguinte ano do seu pasamento, a Fundación Inge Morath ata que puidera ser colocado nalgunha institución de carácter investigador para a súa custodia permanente. O arquivo foi adquirido pola Biblioteca Beinecke da Universidade de Yale, e un conxunto de gravados  pola Galería de Arte da Universidade de Yale, onde agora están a disposición do público para o seu estudo.

No ano 2002, os membros da axencia Magnum Photo estableceron o Premio Inge Morath, un galardón anual que é administrado pola Fundación Inge Morath, e que vai destinado a fotógrafas menores de trinta anos que presenten proxectos concretos a longo prazo.

Durante o verao de 2014, oito fotógrafas, todas galardoadas co premio “Inge Morath”, quixeron render unha homenaxe á fotógrafa e expandir o seu legado, realizando unha viaxe ao longo do Danubio. A homenaxe pretende lembrar a mítica viaxe que realizou Inge Morath, con cámara en man, e con pouco máis de trinta anos polo Danubio, chegando ata onde a burocracia das fronteiras lle permitiu naquel momento, e que logo rematou cando caeu o Telon de Aceiro. Como resultado desta viaxe realizouse un documental no que se recolle os sitios que visitaron e a testemuña das fotógrafas, que no ano 2016 deu lugar a unha exposición titulada “Tras os pasos de Inge Morath. Miradas sobre o Danubio” promovida pola fundación Telefónica no marco de PhotEspaña. O documental, producido tamén pola Fundación Telefónica e Piovra, pódese ver en YouTube.  

Recentemente, con data 2 de xullo de 2021, inaugurouse unha exposición no Centro Niemeyer de Avilés, titulada “Tres Mujeres Magnum: Eve Arnold, Inge Morath y Cristina García Rodero”, en homenaxe a estas tres mulleres fotógrafas con mirada propia, que romperon límites e tópicos do oficio de fotógrafo, e que abriron portas e ventás para outras profesionais.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

Galería fotográfica CLAIR 

NOTAS AO PÉ:

(1)Diploma que se obtén ao rematar a secundaria con éxito e que permite asistir directamente á universidade en toda Europa.

(2)A axencia Magnum foi creada en París no ano 1947 por Robert Capa, David Seymour (Chim), Hgenri Cartier-Bresson e George Hodger. Esta axencia foi a primeira, a nivel mundial, de fotógrafos independentes e os seus fondos documentais teñen un gran valor histórico ao gardar os acontecementos internacionais máis importantes desde a década dos anos cincuenta.

(3)Wilhelm Simon Guttmann (nacido o 15 de novembro de 1891 en Viena, e falecido o 13 de xaneiro de 1990 en Londres) foi un escritor alemán, autor político (un dos fundadores do Partido Comunista dos Traballadores en Alemaña en 1920), xerente de axencias de fotografía e inspirador de varios grupos de fotógrafos.

(4)A primeira fotógrafa en entrar como asociada en Magnum foi Eve Arnold, pero non foi membro de pleno dereito ata 1957, dos anos máis tarde que Inge Morat.

(5)Mercedes Formica-Corsi Hezode (1913-2002). Foi unha xurista, novelista e ensaísta, especialmente coñecida pola defensa que fixo dos dereitos da muller en España. Destacou no réxime de Franco por defender o dereito da muller ao divorcio e desafiar o dobre moral existente con respecto ao adulterio.

(6)Estudio Xeografía e Historia na Universidade de Deusto, e é comisaria, asesora e crítica de arte. Como coleccionista fotográfica, posúe unha das coleccións privadas de fotografía máis importantes do mundo.

(7)Película británica protagonizada por José Ferrer, Zsa Zsa Gabor, Suzanne Flon, Claude Nollier, Katherine Kathy, Muriel Smith, Peter Cushing… Gañadora de dous premios Óscar, á mellor dirección de arte ao mellor deseño de vestiario.

(8)Protagonizada por Audrey Hepburn, Burt Lancaster e Audie Murphy e rodada en México.

(9)Protagonizada por Marilyn Monroe, Clark Gable e Montgomery Clift, rodada en Reno, Nevada, EE. UU.

(10)Nacida en Filadelfia, EE. UU., en 1912 e falecida en 2012. Fotógrafa da axencia Magnum desde 1951 como membro asociado que se convertería en membro de pleno dereito en 1957, dous anos máis tarde que Inge Morath.

FONTES:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest