ISABEL CRESPO (1904-1989)

 

Publicado o 28/09/2021

Fotógrafa pioneira que exerceu como retratista e foto-reporteira, desde a década dos vinte do século XX nas poboacións de Mondariz Balneario, Rúa-Petín e Barco de Valdeorras.

VIDA:

Isabel Crespo Pintor naceu en Mondariz, concello da provincia de Pontevedra, ás oito da mañá do día once de xullo de 1904. Filla de Vicente Crespo Marco (1869), natural de Madrid, peiteador de profesión e de Micaela Pintor García (1868), natural de Alarilla, provincia de Guadalajara, labradora, ambos veciños de Troncoso, aínda concello de Mondariz no momento do nacemento da fotógrafa(1).

Tal e como podemos ver, as orixes familiares de Isabel non son galegas, ademais dos seus país, os seus avós por vía paterna eran, Francisco Crespo e Leonor Marco, naturais de Esplegares, Sigüenza, Guadalajara; e os avós por vía materna, eran José Pintor e Josefa García, labradores e veciños de Alarilla, municipio da mesma provincia de Guadalajara, na comunidade autónoma de Castela-A Mancha, xa defuntos nesa época(2).

Cando Isabel Crespo chegou a este mundo, o seu pai de trinta e cinco anos e a súa nai de trinta e seis, había poucos anos que se desprazaran a Mondariz, posiblemente atraídos pola evolución que experimentara o Establecemento balneario creado polos irmáns Peinador(3), desde que en 1873 se declararan de utilidade pública as augas que brotaban das fontes, coñecidas como a Gándara e Troncoso. Segundo as anotacións realizadas nos Padróns municipais de 1924 e 1930, Vicente Crespo chegou a esta localidade no ano 1894, seguido da súa muller Micaela Pintor en 1902.

A fotógrafa era a segunda filla do matrimonio, e tiña tres irmáns: o maior de nome Julio (Vigo 1902 – Mondariz Balneario 1988), Paz (Bouzas(3a) – Alicante ?) e Francisca (Mondariz 1908 – Mondariz Balneario 1996). Todos eles traballando en fotografía segundo acreditan as fontes familiares consultadas e os datos dos Padróns municipais. O seu irmá, Julio Crespo, do que temos coñecemento pola prensa(4), seguía exercendo como fotógrafo en Mondariz-Balneario, segundo os padróns do ano 1950,  mentres a súa irmá Isabel estaba, xa desde a década dos corenta, establecida no Barco de Valdeorras. Polas mesmas fontes familiares, sábese que as súas irmáns Francisca e Paz, exercían a fotografía en Sarria (información que non se puido contrastar), aínda que si hai constancia da súa profesión como fotógrafas nunha variación do 23 de decembro de 1929, rexistrada no Padrón municipal de Mondariz-Balneario, cando aínda residían nesta localidade. As dúas irmáns desprazaríanse de Sarria a Alicante, onde falecería Paz. Francisca, xa moi maior, regresaría para morrer na casa do seu irmá Julio, en Mondariz-Balneario, en cuxo cemiterio está soterrada.

A declaración de utilidade pública, do manancial de augas mineromedicinais de características nitrosas, no barrio de Troncoso,—lugar que vería nacer a Isabel—, fora conseguida o 16 de xuño de 1873, grazas ao labor de Enrique Peinador Vela. Por iniciativa do empresario, arredor da fonte, construírase o complexo termal ao que se lle adxudicou o nome de Balneario de Mondariz. A partir de 1898, a zona experimentaría, un forte crecemento, proliferando establecementos diversos de hospedaxe onde albergar aos centos de persoas que visitaban o lugar para tomar as augas; e, daqueles outros servizos complementarios, necesarios para facer máis grata a estancia da importante poboación flotante: tendas, cafés, ou salóns de peiteados como o establecido polo pai da fotógrafa, Vicente Crespo.

Pese as deficiencias que por moitos anos mantivo a vila de Mondariz nas súas infraestruturas de acceso, o número de persoas que acudían a tomar as augas multiplicábase ano a ano. Estas carencias nas comunicacións, eran denunciadas ao inicio de cada tempada polo semanario “La Temporada en Mondariz”(5), con parágrafos como o que publicaba este periódico(6)no ano 1903.

[…]
Si hay algo de apremiante necesidad en nuestra comarca, ese algo es una carretera amplia, cómoda y bien entretenida que ponga en fácil comunicación los Baños de Mondariz con la villa de Puenteareas.
Bien venidas serán, cuando vengan, las vías férreas de cualquier clase que nos acerquen á salvatierra y el Porriño; (…)
(…) No hay de seguro, en toda la provincia trozo de vía por donde tantos peones, tantos coches y tantos carros circulen. De Junio á Octubre, así de día como de noche es contínuo el movimiento, y causa maravilla el que no se multipliquen los siniestros y los choques, pues en las dos terceras partes del trayecto apenas si cogen de frente dos medianos carruajes. […]

Se temos en conta a estatística de “Número de enfermos concurrentes durante los años expresados”, que publica María Jesús del Castillo Campos na “Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936″(7); apréciase, que nos comezos das actividades do Balneario, no ano 1877, o número de persoas que acudían a tomar as augas eran catrocentas oitenta; mentres que chegado 1903, a cantidade incrementáranse ata dúas mil novecentos seis, é dicir, multiplicárase por seis; isto contando só os pacientes, e obviando os acompañantes, amigas, familiares ou do servizo. Todo este movemento, atraía á localidade a profesionais da fotografía, interesados polo negocio que se lles presentaba, e que, coas súas imaxes deixarían vestixios da súa presenza no complexo balneario.

Chegado 1907, Enrique Peinador Lines, fillo de Enrique Peinador Vela, faise cargo da dirección balnearia e continua co labor comezada polo seu pai, planificando, durante o primeiro terzo do século XX, a construción dunha serie de edificios que mellorarían notablemente o complexo termal. A partir de 1908, encargaba a Antonio Palacios, — de quen era amigo—, o proxecto da fonte da Gándara(8); o da Fonte de Troncoso; o edificio de “La Baranda” (Figura 2 e 2a), —lugar dedicado a actividades comerciais, onde Isabel Crespo abriría o seu estudio fotográfico anos máis tarde—; o edificio de Comunicacións postais e Dirección Médica; e, un novo Hotel-Sanatorio, destinado a tratar a artrite, cuxa construción alongaríase no tempo e quedaría interrompida co falecemento do seu pai en 1917. No mesmo ano que se comezan a construír estes edificios, Isabel Crespo contaba con cinco anos, e aínda que moi pequena, era testemuña directa do apoxeo que o emporio balneario estaba a comezar. Segundo un artigo publicado polo presidente da “Sociedade de amigos do país de Troncoso-Mondariz”, no semanario “La temporada en Mondariz”, con data 30 de maio deste ano 1909 (aparecido tamén no semanario “El Tea” o doce de febreiro de 1910), a localidade contaba, ademais do Establecemento rexentado polos Hijos de Peinador, once hoteis, seis fondas, dezaseis pousadas; tres fábricas e numerosos establecementos comerciais (ao redor duns trinta e dous), entre os que se atopaban no barrio de Troncoso o estudio fotográfico de Feliciano Pardo, e o salón de peiteado de Vicente Crespo, este último en competencia con outros tres máis: o propio do Establecemento, “Domingo Abril” e “La Vallisoletana”.

Figura 1: “destacadas personalidades del distrito de Puenteareas que ayer saludaron al Sr. Portela Valladares en el balneario de Mondariz. Esta visita ha constituido un transcendental acto de la lucha ciudadana en Galicia”. El Pueblo Gallego. Ano VII, Nº 2020. 24/09/1930. Foto Vicente Crespo

Amais de peiteador, Vicente Crespo, amosábase nos anuncios dos anuarios(9), como fotógrafo actuante nesta localidade entre os anos 1921 e 1934; e tamén aparece con esta ocupación nos Padróns municipais de 1924 e de 1930. O compatibilizar dous ou máis traballos por necesidades económicas, era algo bastante común nesa época. Como mostra do seu facer como fotógrafo, temos a imaxe (Figura 1), realizada en Mondariz Balneario, e publicada polo periódico “El Pueblo Gallego”. Nela, pódese ver un grupo de destacadas personalidades do distrito de Ponteareas, que visitaban ao señor Portela Valladares(10), que se encontraba tomando as augas no Balneario. A imaxe encabezaba un artigo titulado La lucha ciudadana en Galicia, movemento contra o fin do caciquismo, que fomentaba a formación de sociedades agrarias.

Polas informacións conseguidas, non quedou constancia da existencia dun estudio fotográfico a nome de Vicente Crespo, nin tampouco a nome dos outros tres fillos; pero si hai testemuño de que a súa filla, Isabel Crespo, en 1926, —contaba con 20 anos— dispoñía dunha galería fotográfica ao seu nome que ocupaba un dos quioscos existentes no edificio “La Baranda” (Figura 2 e 2a), dentro do propio Establecemento balneario. A pesar de que a súa profesión era pública, nos Padróns municipais de 1924, 1927 e 1930, constaba nese apartado como “sus labores”. A publicación semanal “La Temporada en Mondariz”, que se repartía gratuitamente entre os clientes do balneario, todos os domingos da estación de verán, inxería no seu número de 4 de xullo de 1926 (Figuras 3 e 4), o primeiro anuncio publicado do seu establecemento fotográfico.

[…] En el hermoso paseo de “La Baranda”, de que publicamos una fotografía, se hallan instalados varios comercios de objetos artísticos y de fantasía, el consultorio del médico del Dr. Ferrer y el servicio público de Teléfonos.
[…]

A fotógrafa, publicaría o mesmo anuncio durante todas as tempadas de augas, desde o ano 1926 ao 1931, inclusive. A información trasladada a través da comunicación era sempre a mesma (Figura 4). Así, sábese que, dentro do parque do Establecemento, vendía postais, e realizaba retratos, así como fotografías con diferentes temáticas. A publicación de “La Temporada”, impresionábase na imprenta do Balneario; e ademais da distribución gratuíta entre a clientela do Balneario —como anteriormente se dixo—, tamén podía ser adquirida polas persoas que habitaban os hoteis e hospedaxes da zona.

Maior información sobre o tempo en que Isabel Crespo exerceu como profesional nesta localidade, dóunola o Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera)(11), publicación que a mencionaba como fotógrafa no novo concello de Mondariz-Balneario entre 1929 e 1933. O municipio de Mondariz Balneario, xurdira como resultado da segregación da parroquia de Troncoso do concello de Mondariz. O proceso de separación, que culminaría o 30 de novembro de 1924, sería impulsado e conducido polos Peinador. A idea era conseguir á mellora dos servizos elementais como, o subministro de augas, sanitarios, limpeza de rúas, policía, beneficencia…, e dispoñer de mercado, escola, etc; e, ademais, poder regular a construción de edificios que comezaban a multiplicarse de xeito improvisado, a causa da puxanza que a zona ía adquirindo a resultas da actividade do Balneario. Como consecuencia, aínda hoxe, pódese percibir unha fisionomía urbanística diferente á das poboacións circundantes.

Mondariz-Balneario era unha das localidades galegas con augas mineiro-medicinais máis concorridas, e ás que podían acceder todo tipo de economías. Os prezos por habitación en 1928, variaban entre as corenta e dezanove cincuenta pesetas diarias no Hotel do Establecemento, ou as sete pesetas do Hotel Europa; dúas pesetas na hospedaxe La Esperanza e unha peseta diaria por habitación na hospedaxe María Velo(12). Doutra banda, o Gran Hotel, construído, baixo proxecto do mestre de obras Jenaro de La Fuente, por encargo de Enrique Peinador Vela, e inaugurado en 1899, rivalizaba con outros grandes balnearios europeos, como Baden-Baden, en Alemaña ou Bath, en Londres. Dotado co máximo confort, atraía a personaxes da nobreza, e a figuras importantes da cultura, da política e os negocios, tanto da península como fora dela, chegando a converterse desde principios do século XX nun centro social, político e cultural internacional. Emilia Pardo Bazán, cliente asidua do balneario desde setembro de 1887(13), e colaboradora das súas publicacións, escribiría na sección fixa de “La vida contemporánea”(14)que tiña na revista “La Ilustración Artística”:

“A Mondáriz, milagroso para el estómago, afluyen nuestros “ilustres enfermos,” los descalabrados de las letras, de la política y del arte. Si deseáis conocer, sorprender en su vida diaria á los escritores españoles de renombre, á los políticos de talla, á Mondáriz. Por allí ha desfilado en pocos años lo escogido de la inteligencia española.”

O Balneario convertérase tamén nun punto de referencia para a cultura galega. Nel, celebráronse actos como a recepción dos ilustres poetas e académicos: Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto, novos membros da Real Academia Galega(15)e unha homenaxe a Murguía. O suplemento de “La Temporada”, “Mondariz”, con data 10 de outubro de 1920, abría o artigo titulado “La Real Academia Gallega en Mondariz”, “Recepción de los académicos Antonio Rey Soto y Ramón Cabanillas – Homenaje al patriarca Murguía”, onde na súa introdución dicía:

[…] Mondariz siente el orgullo noble y legítimo de un pueblo que colaboró en la cultura gallega, que prestó a la resurrección de la vida galiciana su solar, que fué sede de la representación más genuina de la intelectualidad celta, que sintió la emoción inefable de latir a compás de los más altos cerebros de la Raza y de vibrar al unísono con los corazones más intensamente abrasados en el amor a la tierra. […]

A publicación “La Temporada en Mondariz”, do mes de xullo de 1926, data na que Isabel Crespo xa traballaba como fotógrafa, abría a súa portada cun debuxo do pórtico da catedral de Tui; e, entre os temas desenvolvidos nela, incluía un artigo sobre o ingreso na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando do arquitecto Palacios; e outro, onde se relacionaba a clientela que se hospedada no Gran Hotel para tomar as augas, especificando as diversas procedencias, entre as que se incluían, a veciña Portugal e mesmo a afastada Cuba.

Da vida social que se desenvolvía no Balneario, e das personalidades públicas e relevantes que a visitaban, quedou unha ampla relación de referencias gráficas, unha parte importante destas testemuñas encóntranse na revista periódica que editaba o propio Balneario. Outra parte importante de referencias pódense achar nos xornais e revistas, que interesadas pola popularidade que o Balneario estaba conseguindo, elaboraban amplas reportaxes sobre a súa vida social. O propio traballo gráfico dos fotógrafos chegados de fora da localidade, constitúen outra fonte informativa que non se pode desdeñar. Entre eses profesionais cabe citar a, Compañy, Baños e Martín, de Madrid, ou Gil, Zagala e Sarabia. E por suposto, a cámara de Isabel Crespo, ocuparíase de ampliar este legado gráfico. A visita ao Balneario dos Rockefeller, cuxa fotografía reprodúcese máis abaixo é un exemplo paradigmático da súa actividade profesional na estación balnearia.

Temos constancia de que Isabel Crespo, a partir dos vinte e cinco anos, exerceu como correspondente fotográfica do periódico “El Pueblo Gallego”, durante polo menos, catro anos, entre 1929 e 1932, como así o confirman os seguintes artigos periodísticos que foron ilustrados coas súas fotografías. As imaxes publicadas aquí están recortadas directamente do periódico escaneado, de aí a súa mala calidade:

Figura 5: Fotografía de Isabel Crespo, inxerida no periódico “El Pueblo Gallego” con data 14/02/1929.

A imaxe (Figura 5), ilustraba un artigo publicado o 14 de febreiro de 1929, redactado polo correspondente do diario, que titulaba “Los carnavales en Mondariz” – “Puenteareas envía una embajada de arte y juventud” – “Introito”. Na fotografía realizada por Isabel Crespo, podemos ver a esta numerosa agrupación músico-coral de Ponteareas “Los Arlequines”, constituída por unhas sesenta e cinco persoas, que visitara Mondariz durante estas celebracións . Ao pé pódese ler: “Fotografía de nuestra redactora gráfica Srta. Isabel Crespo”. Esta información do periódico déixanos entrever, polo tratamento de “Srta.”, nomeamento que a sociedade patriarcal daba ás mulleres solteiras nesa época. A información de que a fotógrafa non casara, ratificaríase no seu certificado de defunción.

Figura 6: Fotografia de “El Pueblo Gallego” realizada por Isabel Crespo. 14/08/1929.

Como se comentara anteriormente, o ditador, Miguel Primo de Rivera, neses momentos presidente do consello de ministros do directorio civil creado en decembro de 1925, visitou o Balneario durante dúas temporadas estivais, seguramente para aproveitar as propiedades das augas mineromedicinais para o tratamento da súa diabetes. A imaxe (Figura 6), ilustra un longo artigo anónimo, titulado “El marqués de Estella en Galicia”, no que se informa dos movementos realizados polo militar golpista e político español:

“LA CONSTITUCIÓN DE MONDARIZ
Mondariz.- A pesar de haberse levanto temprano, el señor Primo de Rivera no bajo para hacer la acostumbrada cura de aguas hasta medio día, habiendo invertido la mañana en dar los últimos toques al estudio de la nueva Constitución y a despachar varios asuntos particulares.

EL ALMUERZO
MONDARIZ.- Con el presidente almorzaron el ministro de Hacienda, duques de Almenara Alta, condes de Monte Lirio, Villafuentes Bermeja y Ramiranes, marquesa viuda de Quintanar y marqués de Quintanar, don Manuel Girola, señora e hija; señores Manresa, González Conde y Chao.

VISITA DE UNIVERSITARIOS
Mondariz.- Para saludar al marqués de Estella llegaron procedentes de Santiago el rector de la Universidad señor Blanco Rivero, el decano de la Facultad de Farmacia don Antonio Eleicegui y el catedrático, director del Hospital provincial don Vicente Goyanes.

Sen embargo, esta fotografía, autoría de Isabel, e publicada en “El Pueblo Gallego” na mesma páxina que a crónica anterior, con data catorce de agosto de 1929, non recolle ningún deses actos, senón que ilustra unha reivindicación: a dunha Comisión de Secretarios municipais galegos de segunda clase, que se desprazaba a Mondariz para entregarlle ao presidente unha solicitude de ascenso á primeira categoría. O grupo aparece na fotografía acompañado do tenente da Garda Civil, e o correspondente do periódico. A diferenza da anterior, a composición fotográfica, presenta certo desorden, aínda que, os fotografados fixan a mirada directamente á cámara en correspondencia coa indicación da retratista.

Figura 7: Fotografía de Isabel Crespo. “El Pueblo Gallego”. 14/08/1929.

Anteriormente, dicíamos que o Hotel Balneario convertérase nun dos centros sociais, políticos e culturais máis relevantes a nivel internacional, e nesta ocasión as familias atraídas polo esplendor que ofrecía o centro termal eran ás de Rockefeller e de Mac Donald. Con esta imaxe (Figura 7), que mostra a ambos persoeiros saíndo de visitar ao marqués de Estella no Hotel Balneario, antes da súa partida para París, Isabel Crespo deixaba para a historia, a pegada da célebre visita.

Figura 8: Fotografía de Isabel Crespo. “El Pueblo Gallego”. 31/10/1929.

Na fotografía anterior (Figura 8), a fotógrafa mostraba á banda municipal en grupo, co alcalde e os primeiros tenentes de alcalde no centro, nun dos descansos do concerto celebrado o día 27, domingo, en Mondaríz. A imaxe publicada polo diario “El Pueblo Gallego”, abría unha composición de varias fotografías no apartado titulado “Actualidades Gráficas”.

Figura 9: Fotografía de Isabel Crespo. “El Pueblo Gallego”. 06/03/1930.

A imaxe (Figura 9), recolle o numeroso grupo de cincuenta e nove persoas que formaban a comparsa “Legionarios del Amor”, organizada polo correspondente do periódico “El Pueblo Gallego”, Sr. Lamartín. A fotografía ilustraba unha vez máis o apartado “Actualidades Gráficas” deste xornal en marzo de 1930.

Figura 10: Fotografía de Isabel Crespo. “El Pueblo Gallego”. 13/07/1932.

A fotografía situada á esquerda, (Figura 10), realizada tamén pola fotógrafa, ilustra o artigo titulado “La loteria agüista de Mondariz Balneario”. Nela aparecen as persoas agraciadas co premio “gordo”, Severino Fernández coa súa esposa Ramona F. e Méndez, acompañadas do Sr. Lamartín, correspondente do periódico e o vendedor da Lotería. A fotografía está realizada no “Hotel La Estrella”, lugar onde se hospedaban os afortunados, e foi publicado no mes de xullo de 1932 polo periódico “El Pueblo Gallego”.

No texto da noticia, indican que Severino Fernández, persoa moi coñecida no Balneario, era propietario da pensión “La Riojana”, de Madrid, e que concorría coa familia a tomar as augas desde facía máis de quince anos. No relato periodístico tamén informan que cando lle pediron permiso para realizar a “foto” para o periódico, accederon moi gustosos ao saber que “a “fotógrafa” sería a simpatiquísima Isabel Crespo, redactora gráfica de El Pueblo Gallego”.

A multitude de persoas que se achegaban a Mondariz Balneario a tomar as augas, atraía a numerosos profesionais da fotografía, algúns como clientes do propio balneario que aproveitaban para fotografar, e outros ambulantes, que se establecían na localidade durante a temporada de augas. Ademais dos fotógrafos itinerantes, había outros que contaban con establecemento na localidade. Segundo os Anuarios consultados, entre os anos 1926 e 1934, estaban activos con establecemento propio, Arturo Montero, —durante 1929—, e dúas fotógrafas, que coincidiron na localidade durante o tempo de exercicio do seu artístico oficio: unha era, Isabel Crespo, á profesional que motiva este propósito de recuperación da súa figura e, a outra, Rosina Pardo. Rosina, era sobriña da tamén fotógrafa, Luísa Pardo, falecida en 1926, ambas neta e filla, respectivamente, do coñecido fotógrafo Feliciano Pardo Ferrer.

Os Anuarios consultados, subministran unha substanciosa información sobre o tempo de actividade profesional das fotógrafas Rosina Pardo e Isabel Crespo. A partir de 1935, os anuncios que habitualmente aparecían nestas publicacións sobre os seus establecementos en Mondariz-Balneario, deixaríanse de espallar. O motivo posiblemente era alleo ás propias fotógrafas: A localidade comezara o seu declive como consecuencia da primeira guerra mundial; e, aínda que se esperaba unha recuperación pasada a contenda, chegado o ano 1921 esta non chegara. As empresas da familia Peinador, promotora de todo o emporio balneario, comezaban a acumular débedas; circunstancia que foi en aumento durante a década dos vinte. Como consecuencia desta situación financeira, ao final da temporada balnearia de 1931, deixa de editarse a publicación semanal de “La Temporada en Mondariz”; e, un ano máis tarde, as empresas “Augas de Mondariz” e o seu Balneario, constitúese nunha sociedade limitada, no que entra como accionista maioritario o Banco Pastor, que pasa a ter o control das empresas balnearias. Como resultado deste novo rumbo, Enrique Peinador Lines abandona Mondariz Balneario no ano 1933 e establece a súa residencia en Vigo. O emporio balneario cambaleábase, axudado tamén pola diminución da clientela lusa(16), que atravesaba por momentos políticos difíciles. Todas estas circunstancias repercutirían sobre a vida termal no seu conxunto, e particularmente sobre o negocio dos establecementos fotográficos, que co tempo, irían paulatinamente perdendo clientela. Esta situación prolongaríase ata que, como consecuencia da guerra civil no ano 1936, provocada polo golpe de Estado dado polos xenerais Franco, Mola, Queipo de Llano e Sanjurjo, paralizara definitivamente as actividades termais, e reconvertera o Gran Hotel Balneario nun hospital militar.

Mentres durou a contenda, nada sabemos sobre a produción fotográfica de Isabel Crespo. Posiblemente, como tantas e tantos outros fotógrafos, veríase obrigada a paralizar a súa actividade, pois un dos efectos provocados por esta situación foi a escaseza de diñeiro e a imposibilidade de mercar materiais de revelado e fotografía. Tomando os padróns como fonte, sabemos que Isabel xa non residía en Mondariz Balneario desde principios da década dos 40; e, que o seu pai e a súa nai seguían sendo veciños de Mondariz Balneario no ano 1943. Como se comentou anteriormente, sabemos por fontes familiares do seu cambio de residencia á vila luguesa de Sarria, lugar onde as súas irmáns Francisca e Paz, parece que estaban establecidas como fotógrafas.

Sarria, era un punto neurálxico nesa época. Estaba ben comunicada por diferentes medios de transporte coas cidades de Lugo ou Ourense, e con outras localidades de menor tamaño como Becerreá ou Samos. A vila experimentara un forte crecemento de poboación entre 1930 e 1950, pasando de 13.891 a 16.142 habitantes(17). Aínda así, non se daban as condicións necesarias para que outra fotógrafa abrira un novo establecemento xa que, ademais das súas irmáns, contaban con estudio propio: Antonio Gómez Requejo, Enrique Prado e Joaquín Ramírez. De aí que Isabel, con bo criterio, tomara a decisión de establecerse no Barco de Valdeorras, outra vila que tamén incrementara moito a súa poboación entre 1930 e 1950, pasando de 5.930 a 8.081 habitantes(18).

Ao final da II República, en 1936, a situación da muller conseguira certas melloras na súa situación de postergación e de desigualdade. A Constitución do 31 estendera o voto ás mulleres en igualdade de condicións cos homes, ademais doutras medidas que foron suficientes para que o papel da muller deixara de ser a dun suxeito pasivo na sociedade, e, coa súa incorporación a ela, contara con máis recursos a fin de decidir o seu propio destino sen depender dos seus homólogos masculinos. A Guerra civil e o novo Estado imposto tras a vitoria das forzas franquistas o 1 de abril de 1939, botaría pola borda todos os dereitos conseguidos. A pesar de todo, Isabel Crespo non se arredaría; e, chegado 1940, estableceríase definitivamente no Barco de Valdeorras co nome de “Foto Moda”, iso si, renunciando ao de “Galería Fotográfica Isabel Crespo” que mantivera en Mondariz Balneario durante case que dez anos; quizais este cambio nominativo na marca fotográfica, buscara eludir a compoñente de xénero presente na anterior, obxectivo que se chegaría a conseguir xa que, a partir do cambio de nome, os barquenses chegaríana a identificar polo distintivo ”Foto Moda”, máis que polo seu propio nome.

O estudio fotográfico, e tamén a súa residencia, situáronse no primeiro andar do inmoble nº 7 da Praza Maior da vila. O “Edificio Foto-Moda”(19)(Figuras 11, 12 e 13), así é coñecido actualmente, foi proxectado dentro das tendencias modernistas vixentes nos comezos do século XX, e, hoxe é unha das edificacións máis emblemáticas da cidade. Construído no ano 1900, o edificio de dúas alturas e baixo cuberta, ten planta rectangular, e coa fachada principal orientada á Praza Maior, e a outra, dá a un patio interior no que se encontra unha fonte de estilo sevillano.

Como se pode apreciar na fotografía (Figura 13), nos baixos do edificio, estaba instalado o “Banco de la Coruña”(20), cuxo gran rótulo coroaba os dous vans centrais de entrada á entidade bancaria, e o último andar sobre a fermosa balaustrada. Na imaxe, pódese ver o rótulo do estudio de Isabel Crespo, “Foto Moda”, colocado no balcón do primeiro andar, que ampliamos a continuación (Figura 14). Estes baixos estiveran ocupados tamén polo “Café Fredo” (Figura 15).

Establecerse como fotógrafa nunha pequena localidade como esta non lle resultou fácil. Pasaran poucos meses do remate da guerra civil e as novas políticas dirixidas ás mulleres que a ditadura publicaba, deran unha volta de porca, creando un intenso rechazo, desprezo e crítica ás ideas, valores e reformas promovidas polo goberno da República. O novo estado desacreditaba ao feminismo, suprimía as medidas tomadas cara á igualdade xurídica e volvía á recuperar a tradición que supoñía o retorno-reclusión da muller no interior da súa casa dedicada á cociña, crianzas, etc. Isabel Crespo, tivo que loitar contra todo isto como profesional da fotografía, e someterse ás miradas da xente, que vía pouco, ou nada apropiado, que unha, muller puidera desenvolverse nun traballo dominado por homes, andando pola rúa coa cámara ao lombo. Quizais debido a iso, a fotógrafa decidiu pecharse no seu estudio para realizar retratos e utilizar o balcón da súa céntrica casa como un miradoiro, que lle permitiría, durante varias décadas, realizar sen significarse, fotografías das festas e acontecementos da vila, así como dos ritos católicos, caso das procesións, comuñóns e vodas que se celebraban na igrexa de San Mauro, e na propia praza onde tiña o estudio.

Grazas a esa determinación por parte da fotógrafa, e a ese gran miradoiro, desde onde Isabel fixaba o obxectivo da cámara, hoxe, o Barco de Valdeorras, dispón de fotografías que axudan a contar a historia da localidade desde principios dos anos corenta e cincuenta do pasado século. Imaxes, que A Casa da Cultura deste mesmo concello, utilizou, dentro das exposicións que Outono Fotográfico realizou entre o 20 e 29 de novembro do ano 2000, para crear a exposición de título “Desde o balcón”(21), con catálogo coordinado por Gustavo Docampo, editado pola Concellería de Cultura, Xuventude, Festas e Turismo do Concello. As fotografías expostas, baixo a marca de “Foto Moda”, procedentes dos fondos municipais e outras cedidas pola veciñanza, amosan a dureza da posguerra e o despegue industrial dos anos cincuenta nesta vila.

A reprodución dun anuncio de Isabel Crespo, como “FOTO-MODA”, publicado nun dos programas das festas locais do Barco (Figura 16), impreso na Imprenta Llorden, da localidade, danos información do tipo de traballos fotográficos que realizaba. Anunciábaos como “TRABAJOS ARTÍSTICOS”, entre os que se achaban as fotos pintadas, unha especialidade exercida por moitas fotógrafas e fotógrafos antes de que se implantara a fotografía en cor. Realizaba ampliacións, na que dicía ser especialista, ademais de retratos para vodas; reproducións e fotografía para carnés que aseguraba de entrega rápida. Neste anuncio, chama a atención que puxera á disposición dos afeccionados o seu laboratorio, algo pouco común, posiblemente como complemento extra a fonte de ingresos como fotógrafa.

Figura 16: Anuncio no programa das festas locais.

Polo anuncio, sabemos tamén, que O Barco non era a única vila onde exercía a súa profesión, xa que, como se informaba no mesmo, os días 7 de cada mes e os días festivos, a fotógrafa desprazábase ao municipio Valdeorrés da Rúa-Petín, onde, posiblemente alugara un cuarto no Hotel Iglesias, a modo de estudio transitorio.

A chegada de Isabel Crespo ao Barco, viña encher, en certa medida, o baleiro deixado polos fotógrafos Manuel Barrio e Manuel Blanco Pascual (1900-1940)(22). Ambos desaparecidos na guerra civil. Manuel Blanco(23), que desenvolveu a súa profesión na localidade entre 1926 e 1936, formaba, ademais, parte da corporación municipal como tenente de alcalde. Militante do Partido Comunista, Manuel Blanco foi perseguido, conseguindo, a finais de xullo do 1936, zafarse da planificada e brutal represión imposta polo conglomerado insurrecto franquista. En xullo de 1940, catro anos máis tarde da criminal rebelión militar, sería capturado e asasinado por un grupo de regulares. Os seus restos apareceron nunha fosa situada nunha finca cerca da localidade de Sigüeya, na comarca leonesa de La Cabrera, recibindo sepultura no cemiterio do Barco. Manuel Barrio, o outro fotógrafo, establecerase no Barco en 1918, e anos máis tarde creou, xunto con Manuel Blanco, un establecemento dedicado á exposición e venda de fotografías. Ao igual que o seu compañeiro, e como consecuencia da guerra civil, marchou para Aragón, establecéndose en Canfranc, onde realizaba fotos de carnés para os salvocondutos a Francia e o DNI(24).

Ademais dos anteriores fotógrafos, deixaron constancia gráfica no Barco de Valdeorras outros profesionais, como: Martín Gómez, os anuarios cítano, exercendo nesta localidade entre os anos 1931 e 1934(25); o seu fillo Joaquín, con estudio fotográfico na rúa Estación; Rufino Rodríguez, coa marca “Foto Rufino”, un dos principais cronistas gráficos da localidade nos anos corenta e cincuenta do pasado século; Tamén Ismael Núñez Negral (1931-2008) procedente de Valladolid, que compatibilizaba esta profesión coa de carteiro, e que dispoñía de estudio, —do que se conservan fotos dos anos 60 e 70(26)do pasado século—, no centro da localidade.

Pasado o tempo, Isabel Crespo quedou como a única inquilina do emblemático edificio onde residía; unha estancia que co paso do tempo fórase estragando, e que ao final quedara sen servizo de luz e auga, a causa das discrepancias que mantiña cos seus propietarios, residentes por esa época en Valdegodos (27) . A pesar da súa avanzada idade, tiña oitenta e seis anos en 1989, levaba unha vida normal, realizando a compra e paseando pola praza Maior, onde residía.

Unha semana antes de que atoparan o seu corpo, membros da Garda Civil, alertados polo párroco, a quen os veciños deran conta de que Isabel Crespo levaba días sen saír da casa, entraron no seu piso pola única ventá que estaba aberta, e alí atoparon á fotógrafa, con bo aspecto, que lles preguntou, con voz firme, segundo os propios gardas, cal era o motivo da súa presencia. Tras rexeitar o ofrecemento de ser atendida na residencia valdeorresa, votounos fora(28).

A súa morte, ocorrida, o 16 de xullo de 1989(29), poucos días máis tarde do episodio relatado anteriormente, ía a conturbar a veciñanza barquense, O achado do cadáver de Isabel Crespo, por un funcionario da policía local e uns garda civís, —que foran alertados por veciños e persoas achegadas, preocupadas por que levaban días sen vela saír—, produciríase catro ou cinco días despois de acontecido o óbito.

A noticia saltaba aos medios de comunicación(30)que describían, con crueza, o estado físico no que atoparon á defunta. Segundo o forense, a fotógrafa falecera por causas naturais, tras un accidente cerebro vascular con hemorraxia intracerebral. Para o seu enterro, sufragado con diñeiro que posuía na súa conta corrente, as autoridades municipais avisaron aos familiares, entre os que estaba á única irmá viva que lle quedaba, Francisca Crespo, residente en Alicante, quen acordaron que fora soterrada no cemiterio do Barco.

Co pasamento de Isabel Crespo, o edificio no que residía, situado no número 7 da Praza Maior, quedaba libre de inquilinos, e baixo a propiedade dos herdeiros de Segismundo Prieto Rodríguez. Co paso do tempo o edificio foise pouco a pouco deteriorando, ata que, o 31 de maio do ano 2001(31) Luís González, empresario ferrolán con raíces valdeorresas, mercou o inmoble coa intención de convertelo nun “hotel con encanto” e, así recuperar o esplendor perdido nos anos anteriores.

OBRA:

O labor fotográfica de Isabel Crespo, pivotou, sobre todo nos retratos de estudio. Ao longo da súa traxectoria profesional, en cada unha das vilas nas que morou, —“Galería fotográfica Isabel Crespo” en Mondariz Balneario, e “Foto Moda”, no Barco de Valdeorras—, crearía o seu propio establecemento fotográfico, dedicados basicamente a realización de fotografías de estudio, fotografía social e outros eventos. Entre as súas especialidades encontrábanse as fotos pintadas ou coloreadas, e os retratos de vodas, os de carnés e as ampliacións e reproducións.

Ademais da especialización no traballo de estudio, do que desgraciadamente non se conservan os negativos, a fotógrafa, desenvolveu unha considerable obra no exterior: como reporteira gráfica de varios xornais e revistas, na súa etapa en Mondariz-Balneario; e máis tarde, no Barco de Valdeorras, onde incrementaría o montante de traballo social (vodas, bautizos, primeiras comuñóns, etc), recollería testemuños gráficos da crúa posguerra, e posteriormente, do despegue industrial dos anos cincuenta.

Como correspondente de “El Pueblo Gallego”, Isabel Crespo realizaba no exterior instantáneas que recollían a noticia do día a día en Mondariz-Balneario, deixando a súa particular visión fotográfica rexistrada nas imaxes que agora forman parte da historia desta localidade; e, que recollen información de todo tipo, desde as festas do entroido, ou os visitantes ilustres ata a música da banda ou as pequenas reivindicacións profesionais. A maior parte destas fotografías son retratos de grupos moi numerosos e tamén pequenos; onde a composición, primaba nos grupos máis grandes, nos que pasaba tempo colocando en fileiras ás persoas que ía retratar, de forma que saíran todas na foto; e, era moito máis natural nos grupos máis pequenos, no que a posición das persoas retratadas era moito máis espontánea.

Figura 17: Portada catálogo exposición “Desde o balcón”. Autorretrato de Isabel Crespo no balcón.

A mostra de fotografías que se poden ver a continuación, forma parte do catálogo da exposición “Desde o balcón”(32)(Figura 17), coordinada por Gustavo Docampo, técnico cultural do Concello desta localidade. Aínda que as imaxes non sexan de boa calidade, por estar escaneadas do propio catálogo, si permítennos observar como esta fotógrafa, non só se dedicaba a retratar no estudio, senón que se interesaba tamén por reflectir en imaxes as paisaxes e eventos da vila entre as décadas dos corenta e cincuenta do pasado século, hoxe en día irrepetibles.

Podemos ver a ponte de San Fernando, en catro das imaxes: en tres delas como si dun pano de fondo se tratara; e, na cuarta, como lugar desde onde Isabel Crespo realiza unha fermosa panorámica da vila do Barco. O interese destas imaxes, hoxe en día, non só se circunscribe ás persoas retratadas, senón tamén porque reporta a imaxe da desaparecida Ponte de San Antonio. Era unha ponte que comunicaba as dúas orelas do municipio do Barco, e que foi destruída totalmente pola forte riada do día 27 de decembro de 1959, como consecuencia da crecida do río Sil. Da ponte, tan só queda na actualidade un piar convertido en miradoiro sobre o río Sil.

A continuación, podemos ollar escenas tomadas pola fotógrafa desde o balcón da súa casa da Praza Maior, por onde discorrían a diversidade de celebracións de carácter relixioso: as procesións de Semana Santa; a procesión en honor da patroa, Santa Rita; e a procesión e misa en honor ao Cristo. O carácter multitudinario que amosaban estes actos en momentos tan delicados como os que representaban, os anos 40 e 50, onde outro tipo de celebracións e concentracións estaban totalmente prohibidas, di moito sobre a simbiose existente entre a Igrexa católica e o aparello franquista. Persoas maiores que viviron esa época, aínda lembran hoxe o control que se exercía sobre o alumnado desde os colexios, para entrar na mente das crianzas e adoutrinalas nos principios que o réxime consideraba fundamentais. A segregación por sexos, e o estudo da moral e a relixión católica como obrigatorias, serían as dúas primeiras disposicións para adaptar a escola, á “moi alta misión que tiña España de converterse na reserva espiritual de Occidente”; e, a inmediata posterior, vinculada coa obriga de colgar nas paredes da escola a imaxe da virxe, que establecía o deber do alumnado de saudar ao mestre na entrada á aula, “Ave María Purísima” e a obriga deste, a contestar “Sin pecado concibida”.

Outras fotografías, amósannos actuacións dos corpos militares. Neste caso, a garda civil, que nas décadas dos anos 40 e 50 do pasado século XX, vixiaba a zona entre o Barco e Ponferrada, onde as partidas da guerrilla antifranquista, mantiveron importantes períodos de actividade. Para facer mención tamén da represión sofrida polas mulleres nesta zona, Aurora Marco, relata a súa historia no libro “Dicionario de mulleres galegas”(33), na que nomea a máis de once que foron represaliadas, desterradas ou fusiladas; algunha das mestras, polo simple feito de ter retirado o crucifixo da escola.

Nas seguintes fotos podemos ver: o retrato dun numeroso grupo de cincuenta e sete persoas, a maioría gardas civís, ben colocados en seis filas; un tipo de fotografía de grupo grande, que Isabel Crespo realizaba con frecuencia cando estaba en Mondariz Balneario. Asemade, na imaxe da dereita, móstrase a números dese mesmo corpo, levando sobre os seus ombreiros unha estatua relixiosa nunha procesión, evidenciado, unha vez máis, a estreita relación existente entre ambas institucións.

No catálogo aparecen dúas fotos moi fermosas realizadas no estudio: A primeira trátase do retrato dun grupo familiar da comunidade xitana, cunha composición piramidal que nos permite deducir que podería tratarse de dous matrimonios, composto cada un deles polo home, muller e os seus fillos, separados pola figura dunha familiar maior situada no centro; os homes todos de pé, os dous maiores ao fondo, ensinando un deles unha cachaba, signo de respecto para a persoa que a porta, e o neno diante; as mulleres, sentadas a ambos lados da anciá, cos nenos pequenos no colo. A composición complétase cunha alfombra e un fondo branco con cortinas a ambos lados. A segunda fotografía, trátase do retrato dunha nena vestida co traxe tradicional galego portando unha aguillada e unha cesta con viandas. A rapaza vai adornada con moitas xoias: pendentes, dous colares, unha cruz e unha pulseira en cada man; onde, o seu aspecto fainos pensar que se trata dunha rapaza de boa familia.

A vida industrial vese representada tamén neste catálogo. A continuación podemos ver dúas fotografías: unha, panorámica da fábrica de CEDIE, creada no ano 1942 para producir combustibles e outros derivados; e, a imaxe dun traballador en bicicleta.

Completan esta colección, imaxes da vida cotiá da vila: merendas no campo, xogos na praza baixo o balcón do estudio de Isabel Crespo; retratos de mulleres no rural; e, parte do Pazo de Arnado, unha construción de finais da segunda metade do século XIX, localizada na parroquia de San Clemente de Arnado, concello de Vilamartín de Valdeorras(34), cando estaba habitado por Pilar Argudín Bolívar, esposa de Pedro Sanjurjo Flórez, fillo do Conde de Penela, antigo propietario, na que se pode observar está custodiada por dous homes de uniforme, un na entrada do portal e outro na subida das escaleiras.

NOTAS AO PÉ:
(1)Datos recollidos da copia literal do certificado de nacemento do Rexistro Civil de Mondariz. Tomo 61, Folio 125, Sección 3ª.

(2)Datos recollidos da copia literal do certificado de nacemento do Rexistro Civil de Mondariz. Tomo 61, Folio 125, Sección 3ª.

(3)Sabino Enrique Peinador Vela e Gumersindo Ramón Peinador Vela. Enrique Peinador, licenciado en Medicina, descubriu en 1872 o manancial da Gándara en Mondariz e comezou a explotalo. Coa axuda do seu irmá Ramon obtivo, a fonte de Troconso. As augas foron declaradas de utilidade pública en 1873 e comezaron a explotalas co nome de “Aguas de Mondariz. Establecimiento minero-medicinal de los Señores Hijos de Peinador”. Enrique abriu en 1879 a primeira casa de baños, e, en 1898, inaugurou o Gran Hotel de Mondariz.

(3a)Cando aínda era concello independente.

(4)“El Pueblo Gallego” 17/10/1943 – Ano XIX Nº 6287, no que aparece nomeado como fotógrafo, nun artigo sobre Mondariz-Balneario que describía a despedida-homenaxe que lle fixeran ao médico municipal da localidade e Xefe Local da Falange, don Atilano Lamas y Andres, un grupo numeroso de persoas da vila, entre os que estaba o fotógrafo Julio Crespo Pintor.

(5)Publicación semanal editada polo Establecemento de Augas de Mondariz entre os anos 1888 e 1931, que se repartía gratuitamente entre a clientela do establecemento. Esta publicación imprimíase na imprenta que os Peinador tiñan como un servizo máis do balneario, onde editaron ao longo dos anos moitas outras. Saía sobre todo na temporada de baños, os meses de xuño, xullo, agosto, setembro e outubro.

(6)“La temporada en Mondariz”, Ano XV, Nº 4 – 18/06/1903.

(7)María Jesús del Castillo Campos. Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936. Madrid, 1992. ANONIMO: “CONCURRENCIA á los Establecimientos de aguas minerales de España que se citan, en los años expresados”, Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica, Tomo XV, Imprenta Ricardo Rojas, Madrid 1903, p. 20. Así mismo deben consultarse los tomos XXIII (p. 42>, XXVII (p. 43>, XXX1I (p. 21>, XXXV (p. 129>, XXXVIII (p. 197—344>, Años 1906—32.

(8)O manantial da Gándara foi descuberto en 1872 por Enrique Peinador Vela está situado nos xardíns do Gran Hotel, no centro da vila. Para que o seu aspecto fora máis acorde co luxoso Gran Hotel, encargou un edificio aos arquitectos Palacios e Otamendi, con dúas partes ben diferenciadas, unha destinada a taller de embotellado e embalaxe das augas dedicadas á exportación; e, outra máis elegante, para a toma das augas.

(9)Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Reira Reunidos”, Sociedad Anónima, 1921, 1929, 33.

(10)Fundador do diario El Pueblo Gallego, en Vigo, no ano 1924; e un dos asinantes do chamado “Pacto de Barrantes” que se asignaría ao día seguinte desta visita, o 25/09/1930, en Ribadumia, no que participaron líderes republicanos e galeguistas como Ramón Otero Pedrayo e Castelao. No documento afirmábase que a causa fundamental dos problemas de Galicia radicaba no centralismo político e que a solución pasaba pola súa autonomía política e administrativa.

(11)Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Reira Reunidos”, Sociedad Anónima, 1929 e 1933.

(12)Datos de “La Temporada en Mondariz”. Ano XL. Num. 8. 29/07/1928.

(13)Yolanda Pérez Sánchez. La escritora en el balneario. Emilia Pardo Bazán y Mondariz. “La Tribuna”. Cadernos de estudo da Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

(14)“La Ilustración Artística”: 22/08/1898.

(15)En 1904, Manuel Murguía publicou un artigo no suplemento de “La Temporada”, “Mondariz”, no que propugnaba a creación dunha academia galega.

(16)Ao redor dun 25% da clientela era portuguesa. Foron os primeiros en descubrilo como lugar para tomar as augas e como repouso.

(17)Foro-Ciudad.com

(18)Foro-Ciudad.com. Consultado en 2020.

(19)Plan especial de protección e reforma interior. PEPRI o Barco de Valdeorras.

(20)“La Región”. Centenario del Banco de A Coruña. Cartas al director de Amador Rego Villar Amor. Banco absorvido polo Banco de Bilbao o 17 de novembro de 1970. Estableceuse no Barco de Valdeorras en 1928.

(21)“A nosa Terra”, periódico galego semanal. 23/11/2000. Ano XXIII. IV XEIRA. Nº 962
“Faro de Vigo”. 20/11/2000.
“Faro de Vigo”. Ourense en vivo. 25/11/2000
“La Voz de Galicia”. 31/10/2000.

(22)Andrés Crespo Prieto. Exhumación Sigüeya. Informe arqueolóxico da exhumación. “Asociación para la recuperación de la memoria histórica”.
Anuario Comercial Guía Nacional de la Industria y del Comercio. Parte oficial – profesiones – comercio – industria – agricultura – correos – telégrafos – teléfonos – ferrocarriles – fiestas – ferias – mercados y demás datos de interés general, Director Luis Guía Pascual. Barcelona. 1932.
Nota de Outono Fotográfico 2010: “… fotógrafo barquense, desaparecido trala guerra civil, Manuel Blanco Pascual (Lleida 1900-Sigüeya 1940), o que máis e mellor ten fotografado a vida social, o territorio e os elementos patrimoniais do Barco e a súa comarca entre 1915 e 1936.”

(23)Un dos fotógrafos que máis pegada deixou da vida social, da súa paisaxe, e dos elementos patrimoniais do Barco de Valdeorras e a súa comarca durante os anos vinte e trinta do século XX.

(24)Ricardo Grasa. “Diario del Alto Aragón”. 20/12/2018.

(25)Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Reira Reunidos”, Sociedad Anónima, 1931.
Anuario Industrial y Artístico de España, artes, industria, comercio, profesiones 19334-34. Madrid. Editorial Rivadeneyra, 1933.

(26)Álbum “Ismael Núñez. Un aire de mudanza. Fotografías do Barco dos anos 60 e 70 do século XX”. Concello do Barco de Valdeorras, novembro de 2010.

(27)Información do artigo publicado en “La Voz de Galicia” o 21/07/1989.

(28)“La Voz de Galicia”, 21/07/1989.

(29)Certificado de Defunción. Sección 3ª. Tomo 00061. Páxina 125 do Rexistro Civil de O Barco de Valdeorras.

(30)“La Voz de Galicia”, 21/07/1989.
(31)“La Voz de galicia”, 31/05/2001.
(32)Editado polo Concello do Barco. Concellería de Cultura, Xuventude, Festas e Turismo. Impreso en Peymar artes gráficas, S. L. Tirada de 500 exemplares. Coordinado por Gustavo Docampo.

(33)Aurora Marco. 2007. Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra.

(34)Localizado a uns 10-14 km do Barco de Valdeorras.

FONTES:

  • Rexistro Civil de O Barco de Valdeorras (Ourense).
  • Rexistro Civil de Mondariz.
  • Rexistro Municipal de Mondariz-Balneario (Padróns e variacións dos padróns, anos 1924, 1927 e 1930).
  • Catálogo exposición 2000 “Desde o Balcón – Isabel Crespo”. Concello do Barco. Concellería de Cultura, Xuventude, Festas e Turismo. Coordinado por Gustavo Docampo.
  • Galiciana.
  • Mª Jesús del Castillo Campos (1992). “Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936”. Madrid.
  • Margarita Vilar Rodríguez.”Balnearios, intereses políticos y desarrollo turístico en el noroeste de España: el caso de A Toxa y Mondariz (1874-1935)”. Universidad de A Coruña.
  • Aurora Marco. 2007. “Dicionario de mulleres galegas”. Edicións A Nosa Terra.
  • Andrés Crespo Prieto. “Exhumación Sigüeya. Informe arqueolóxico da exhumación“. Asociación para la recuperación de la memoria histórica.
  • Vídeo 17:54 minutos: “O Barco, as imaxes da Memoria“. Realizado por Anxo Santomil.
  • Comunicación cercana “SomosComarca”. Audio. Un paseo de 100 años por O Barco a través de 100 imágenes. 01/11/2017.
  • “El Pueblo Gallego – Rotativo de la mañana”.(14/02/1929, 14/08/1929, 31/10/1929, 24/02/1930, 06/03/1930, 24/09/1930, 13/07/1932)
  • “El Tea, semanario independiente”. Ano III Nº 74. 12/02/1910
  • “Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera)”.
  • “Anuario Industrial y Artístico de España”
  • Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso. “Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936)”. Comunidade Valenciana
  • “La Temporada en Mondariz”. Ano XIV, Nº 3. 15/06/1902
  • “La Temporada en Mondariz”. Ano XV, Nº 2. 14/06/1903.- Nº 4. 28/06/1903
  • “La Temporada en Mondariz”. Ano XXI, Nº 3. 30/05/1909.
  • “La Temporada en Mondariz”. Anos 1926 a 1933.
  • “Mondariz”. Madrid. Ano I, Nº 2. 20/07/1915 (suplemento de “La Temporada”)
  • “Mondariz”. Madrid. Ano III, Nº 22. 15/03/1917 (suplemento de “La Temporada”)
  • “Mondariz”. Madrid. Ano VI, Nº 40. 20/10/1920 (suplemento de “La Temporada”)
  • “La Ilustración Artística”. Ano XVII – Nº 869. 22/08/1898. “La vida contemporánea” “Mondariz”, por Emilia Pardo Bazán.
  • “Anuario Comercial Guía Nacional de la Industria y del Comercio”.
  • Pérez Sánchez, Yolanda. “La escritora en el balneario. Emilia Pardo Bazán y Mondariz”. UDC – University Collage Dublin. La Tribuna – Cadernos de estudio da Casa Museo Emilia Pardo Bazán.
  • Guía “Outono Fotográfico 2010”.
  • Ricardo Grasa. “Diario del Alto Aragón”.
  • Plan especial de protección e reforma interior PEPRI O Barco de Valdeorras.
  • “Álbum “Ismael Núñez. Un aire de mudanza”. Fotografías do Barco dos anos 60 e 70 do século XX”. Concello do Barco de Valdeorras, novembro de 2010.
  • “Las aguas de Mondariz”. Álbum-guía.
  • “Mondariz-Vigo-Santiago-Guide to the tourist”. Museo do pobo Galego.
  • “La Voz de Galicia”. Valdeorras. “Un empresario ferrolano recuperará un emblemático edificio de la Plaza Mayor”. 31/05/2001
  • “La Voz de Galicia”. Ourense. “El balcón de la fotógrafa Isabel”. 30/05/2001.
  • “La Voz de Galicia”. Valdeorras. “Las gentes de la posguerra aparecen reflejadas en una exposición barquense”. 31/10/2000.
  • “La Voz de Galicia”. Valdeorras. “Localizada una anciana que llevaba varios días muerta en su domicilio”. 21/07/1989.
  • “Faro de Vigo”. 20/11/2000 e 25/11/2020.

AGRADECEMENTOS

Aos Rexistros Civís de Mondariz e Barco de Valdeorras.
A Gustavo Docampo, Técnico Cultural do Concello do Barco, pola información prestada.
Á familia de Isabel Crespo.
A Maite, do Arquivo Municipal de Mondariz-Balneario.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest