LUISA PARDO CAMPOS (1867-1926) e ROSINA PARDO DURÁN (1898-1987)

Publicado o 26/06/2021

Rosina e Luisa Pardo. Composición de dúas fotografías, a primeira de Feliciano Pardo Ferrer e a segunda recorte dun autorretrato de Luísa Pardo.

Dúas pioneiras da fotografía (tía e sobriña) con estudio propio en Mondariz Balneario, Pontevedra, que exerceron a profesión de retratistas desde as primeiras décadas do século XX.

Neste organigrama, só aparecen os nomes dos fotógrafos e das fotógrafas da familia.

Luisa e Rosina, formaban parte dunha saga de fotógrafos, “os Pardo”. O pai de Luisa, e avó de Rosina Pardo, Feliciano Pardo Ferrer, era un recoñecido fotógrafo con estudio en Mondariz. O seu legado fotográfico continuaría cos seus fillos, Feliciano e Manuel e a súa filla e protagonista deste escrito, Luisa Pardo Campos. A saga, prolongaríase na terceira xeración na persoa dos seu netos, os Pardo Rodríguez (Faustino e Feliciano), fillos de Feliciano; e os Pardo Durán, (Rosina), filla de Manuel.

ANTECEDENTES FAMILIARES: FELICIANO PARDO FERRER

Feliciano Pardo Ferrer, naceu no ano 1833 en Santa María de Galdo(1), parroquia pertencente ao concello lugués de Viveiro; fillo de Manuel Pardo Fernández, orixinario desta localidade e Antonia Ferrer Segurola, natural de Pinel, Cataluña, ambos propietarios.

Fotógrafo ambulante, instalaríase coa súa primeira muller Antonia Campos no nº 145 da coruñesa rúa de Orzán; e aí, entre 1867 e 1870, nacería a súa prole, Luisa, Manuel e Feliciano(2). Segundo informacións tomadas do seu bisneto, Alfonso Paredes(3), nos comezos profesionais da fotografía practicou o proceso artesanal do daguerrotipo, técnica á que, como algúns outros pintores, se incorporaría.

A finais dos setenta do século XIX, os avances técnicos coa xeneralización das placas secas e do procedemento do xelatino-bromuro(4) que acaba desprazando ao colodión, melloran e facilitan moito o traballo fotográfico, permitindo que estes profesionais amplíen o seu campo de actuación xeográfico, e a pesar das precarias condicións das comunicacións(5), puideran exercer a súa profesión, en modo itinerante, en diferentes vilas e cidades. Así que é posible que Feliciano Pardo Ferrer, visitara outras cidades da península, máis aló de Galicia, ata que a finais da década dos oitenta, regresa a súa terra.

A través da prensa dese tempo, pódense seguir os desprazamentos que Feliciano Pardo Ferrer realizaba pola xeografía galega; e á vez, obter información sobre a súa produción fotográfica, maiormente circunscrita a retratos de persoas e sobre todo de grupos. O tres de Abril de 1888, un pequeno artigo (Figura 1) publicado na Gaceta de Galicia (6), advertía da súa presenza en Santiago de Compostela, presentándoo como “un fotógrafo reputado da Coruña”, e que, “dispoñía de estudio temporal na rúa Hórreo nº 26 da capital galega”. Era este un local emblemático, xa que, no seu día fora ocupado pola fotógrafa María Cardarelly (1864-66) e o fotógrafo Eliseo Segond en (1865). Esta última información foi desvelada por Carlos Castelao na publicación “As orixes da fotografía en Galicia – Estudios composteláns do XIX”(7). Asemade, no artigo da Gaceta, explícase que practicaba o retrato colectivo, xénero moi común nos primeiros tempos da fotografía. E que para conseguir clientela, ofrecía os seus servizos á colexios e corporacións, aos que prometía módicos prezos e obsequiaba cunha primeira copia gratuíta.

“La Gaceta de Galicia – Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela”. Núm. 74 (Figura 1)

O artigo, ademais comparaba o facer de Feliciano Pardo co de outro coñecido fotógrafo francés, Jules David(8), tamén especializado en retratos de grupos escolares e militares que percorreu varios países europeos, incluído Galicia.

O seguimento, a través da prensa escrita (Figura 2), das peripecias vitais e profesionais de Feliciano Pardo Ferrer, revelan que no ano 1889 o fotógrafo mantiña o seu domicilio familiar na cidade da Coruña, dato que se puido coñecer, a consecuencia das precarias condicións de comunicación postais propias da época. O xornal o Diario de Lugo, publicaba un anuncio enxertado por iniciativa da súa familia, a través do cal, requiríase a súa localización a causa dun asunto doméstico. O xornal convidaba a aqueles que puideran dar razón do se paradoiro a que o participaran na redacción do xornal coruñés “El Telegrama”(9).

“El Lucense – diario católico de la tarde”. 18/06/1889. Num. 1412. (Figura 2)

Grazas a outro anuncio publicado no diario “El Correo Gallego” (Figura 3), sabemos que o 27 de marzo de 1894, Feliciano Pardo atopábase en Ferrol, cidade da que procedía a súa primeira muller, Antonia Campos. Nesta vila fora autorizado para sacar fotografías da mestranza do Arsenal, da compañía de gardas, da mariñeiría dos buques e Depósito; e dos aprendices mariñeiros; nova que viña a reforzar a semellanza entre a liña profesional de Feliciano Pardo e a do fotógrafo Jules David, —citada anteriormente polo xornal La Gaceta de Galicia— quen, anos antes, retratara a diferentes promocións de alumnos entre 1881 e 1882(10).

“El Correo Gallego – diario político de la mañana”. 27/03/1894. Num. 4668. (Figura 3)

Entre os lugares referencia da actividade profesional fotográfica de Feliciano Pardo, está Mondariz Balneario. No libro, “Mondariz Balneario, episodios memorables”, escrito polo seu bisneto Alfonso Paredes Pardo, reprodúcense testemuños fotográficos realizados polo seu bisavó entre 1880 e 1882.

No libro anteriormente citado, o seu bisneto revela un dato esclarecedor sobre o protagonismo que o seu avó chegou a ter na súa etapa en Mondariz Balneario: o ofrecemento que lle fixo Enrique Peinador Vela a fin de que se incorporara como apoio gráfico, ao proceso de constitución do emporio termal que se estaba erguendo. A participación de Feliciano Pardo neste proxecto foi efectiva, a publicación “La Temporada en Mondariz” de xuño e xullo do ano 1901, baixo o título, “Aguas bicarbonatado-sódicas de Mondariz – Relación del personal que presta servicio en el Establecimiento” (Figura 4), incluíao como a persoa que tiña ao seu cargo o “Gabinete Fotográfico”.

La temporada en Mondariz. Ano XIII. Nº 4. 23/06/1901. Aguas bicarbonatado-sódicas de Mondariz – Relación del personal que presta servicio en el Establecimiento. (Figura 4)

O aproveitamento termal das augas de Mondariz comezou en 1873, ano no que son declarados de utilidade pública os mananciais da Gándara e Troncoso. A partir de aquí, os irmáns Peinador(11), comezan coa edificación, dentro da finca da súa propiedade das diferentes instalacións que ían a ir configurando o futuro complexo termal: A Casa de Baños-Fonda en 1880; entre 1884 e 1886 un pavillón para salóns de recreo e comedor, e outro para cortellos, obradoiros e cocheiras. Nestes anos iríanse tamén construíndo os primeiros chalés, moitos dos cales aínda seguen configurando a estampa actual da Vila. O trinta de agosto de 1893 poríase a primeira pedra do Gran Hotel Balneario (Figura 5), realizado baixo proxecto do mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez, e que sería inaugurado en 1898. O impoñente edifico, do que Feliciano Pardo tomaría fotografías panorámicas, contribuiría a realzar a imaxe e o prestixio do Hotel Balneario de Mondariz, e do propio complexo termal.

Gravado do Hotel Balneario. (Figura 5)

No ano 1894(12), Feliciano Pardo Ferrer, establecíase coa súa familia no barrio de O Pazo, lugar de Redondelo, dentro dos límites da que sería, tempo máis tarde, a parroquia de Troncoso(13), concello de Mondariz, onde mercara unha casa con finca (Figuras 6 e 7). Desde esta casa, situada no alto da vila, hoxe en ruínas, divísase todo o complexo balneario, polo que é posible que as fotografías panorámicas desta época que están sen asinar, foran realizadas por Feliciano.

Sobre esta mesma casa escribe Emilia Pardo Bazán na sección fixa que dispoñía de “La vida contemporánea”, na revista “La Ilustración Artística” con data vinte e un de agosto de 1899:

[…] !Qué flores las del Mondariz de antaño, del Mondariz en que Enrique Peinador no había empezado á dar impulso á su iniciativa creadora! Cuando algún agüista obsequioso deseaba ofrecer flores tenía que subir á “la casa del fotógrafo,” en lo alto del monte, y devastar un jardincillo humilde, para reunir un mísero ramillete. […]

Chegou a Mondariz acompañado de Adelaida Fadelli Campini, soprano de ópera, natural de Pavía, Italia, coa que casara en segundas nupcias; da súa filla Luisa Pardo Campos; e, de dúas persoas máis, un home e unha muller, que posiblemente serían os padriños da súa filla Luisa, e irmáns solteiros do fotógrafo: Luis e Manuela Pardo(14).

Na imaxe (Figura 8), reprodúcese unha fotografía realizada por Feliciano Pardo na finca da súa casa. Nela, mirando de esquerda á dereita, amósanse: Rosina Pardo, que podería ter arredor de seis anos; ao seu carón, Adelaida Fadeli; cun pequeno parasol e de pé, Luisa Pardo; e, por último e sentado, Feliciano Pardo Ferrer. Considerando o ano de nacemento de Rosina (1898), a foto podería estar datada aproximadamente no ano 1904.

De esquerda á dereita: Rosina Pardo, Adelaida Fadelli, Luísa Pardo e Feliciano Pardo Ferrer. Ca. 1904. Colección familiar. (Figura 8).

Os outros dous fillos do fotógrafo Feliciano e Manuel Pardo Campos, continuaron a senda iniciada polo seu pai na fotografía profesional. O primeiro, exerceu como fotógrafo ambulante polas diferentes vilas e cidades asturianas, ata que se estableceu en Oviedo, onde chegaría a alcanzar un gran recoñecemento profesional(15). Manuel, o seu segundo fillo, estableceríase profesionalmente en Caldelas de Tui, vila onde casaría e tería as súas cinco fillas, sendo unha delas, Rosina Pardo. Rosina, —da que nos ocuparemos máis adiante—, ao herdar o establecemento fotográfico que a súa tía Luísa tiña en Mondariz, daría, continuidade a saga familiar de fotógrafas e fotógrafos.

Segundo as informacións proporcionadas pola familia, Feliciano Pardo Ferrer contaba con dous estudios en Mondariz: O primeiro, destinado á atención da clientela durante a estación invernal, estaba instalado no propio domicilio familiar do barrio de O Pazo; mentres que o segundo, localizábase a uns cincuenta metros máis abaixo da fonte de Troncoso, lugar máis accesibles e cómodo para os usuarios do Balneario e visitantes turísticos, xeralmente moi interesados en facerse cun retrato de recordo da súa estancia na vila termal. O estudio fotográfico, do que podemos ver unha fotografía (Figura 15) máis adiante, era un edificio de baixo e piso, dotado das dimensións, equipos e recursos necesarios para as actividades profesionais, e que o propio Feliciano ideara e elaborara.

Nos primeiros anos na vila de Mondariz, Feliciano Pardo viríase acollido profesionalmente por Enrique Peinador Vela; e, entre ambos, comezaría a trabarse unha fonda amizade. Na Fundación Mondariz-Balneario, consérvanse algúns dos traballos fotográficos que o fundador do balneario lle encargaba.

Por milleiros, poderíanse contar as fotos realizadas por Feliciano Pardo Ferrer na súa estadía na vila de Mondariz. Porén, a pesar de que a maior parte está sen catalogar e de que moitas das publicadas non están asinadas, existen numerosas series localizadas, en formato de Tarxeta Postal, que se vendían como “Recuerdo de Mondariz”, e outras nas que plasmaba documentalmente a historia gráfica do establecemento termal neses primeiros anos do século XX. A destacar o retrato(16) (Figura 9) tomado a un grupo de estudantes de medicina da Universidade de Santiago, que visitaban Mondariz Balneario, posiblemente conmemorando a finalización de estudos, entre os que se atopaba un moi novo —contaba co 22 anos— Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No pé do cartón que soporta á fotografía pódese ler: á esquerda, “F. Pardo”, no centro a lenda “Miembros de la Facultad de Medicina en Mondariz” seguida do nome da localidade á dereita.

Visita ao Balneario de Mondariz da Universidade de Galicia. ca 1908-1909. Feliciano Pardo Ferrer. Colección particular. (Figura 9)

A integración de Feliciano Pardo na vida social e económica de Mondariz quedaba patente a través dunha nova que en xuño de 1904, publicaba “La Temporada en Mondariz”(17). A revista referíase a fundación, —na recen constituída “Comarca de Troncoso”— da “Sociedad de amigos del país de Troncoso-Mondariz”. A entidade, estruturábase en tres seccións: Agricultura, Industria e Comercio, e Instrución e Recreo. Feliciano Pardo, como presidente da sección de Instrución e Recreo, ocupaba un posto de vocal no órgano reitor da sociedade. Outra nova incluída nese mesmo número, daba a coñecer a relación de persoas doantes de libros para a biblioteca da mesma organización; entre elas, ademais do libro “El Arte en la Fotografía”, aportado polo fotógrafo, destacaba a doazón de dous tomos, realizada pola distinguida clienta do Balneario, Emilia Pardo Bazán. A escritora, acudía con asiduidade a Mondariz para someterse a tratamento coas augas bicarbonatadas sódicas, a única medicación existente naqueles tempos contra a “diabetes sacarina” que padecía, e que, co tempo acabaría por precipitar a súa morte en 1921. [La escritora en el balneario. Emilia Pardo Bazán y Mondariz. Yolanda Pérez Sánchez. (UDC- University Collage Dublin)].

O labor social da nova sociedade íase a ver novamente plasmado a través dunha carta publicada no nº 3 (30/05/1909) da revista “Temporada” que editaba o establecemento(18) de augas bicarbonatadas. O escrito, de carácter reivindicativo, dirixíase aos residentes en Portugal e América nacidos no distrito de Ponteareas. Nel, despois de loar a prosperidade crecente da zona, á que contribuía en moi alto grao as actividades empresarias desenvolvidas en Mondariz-Balneario, denunciaba o afogo que a zona sofría por parte do caciquismo, e o abandono sistemático por parte dos poderes públicos, das corporacións populares e dos representantes nas Cortes. E todo isto acontecía a pesar das denuncias e dos reiterados requirimentos impulsados desde o corpo socioeconómico local, para acadar unhas mellores condicións de servizos e infraestruturas: accesos viarios; escolas e centros de formación; alumeado público; auga potable; limpeza, hixiene e beneficencia; etc. Apuntábase ademais a necesidade de poder dispoñer de capacidade parar intervir sobre o crecemento urbanístico que se estaba dando na vila. A nova incluía así mesmo, unha relación de establecementos hoteleiros, comerciais (entre eles citábase o estudio fotográfico de Feliciano Pardo); e de plantas industriais, que foran creando na comarca. A mesma comunicación sería difundida meses máis tarde polo periódico “El Tea”(19).

Moitos deberon ser os fotógrafos que por esta época, frecuentaron o Balneario de Mondariz, uns como clientes e outros atraídos polo nicho de mercado constituído por un turismo de aristocracia e de burguesía adiñeirada, que acudían a tomar as augas, e que gustaban de simbolizar a través do retrato, o seu poder, ou o seu recoñecemento social. Entre estes profesionais, podemos nomear algúns, cuxas fotografías aparecían asinadas nas publicacións do Balneario, como foron o casos de, M. Company, de Madrid, con fotografías publicadas en “Las Augas de Mondariz – Álbum guía”; ou, Baños e Martín, tamén de Madrid, con fotografía de grupo no bosque do Establecemento.

O vinte de maio de 1911, na súa casa barrio de O Pazo en Mondariz(20), e a consecuencia dunha “conxestión pulmonar”, morría Feliciano Pardo Ferrer, que contaba nese momento con 68 anos. Ao seu carón estaba a súa dona, Adelaida Fadelli, quen morrería tres anos máis tarde, o vinte e seis de maio de 1914. Os seus corpos descansan no Cemiterio de Troncoso.

“La Correspondencia Gallega – Diario de Pontevedra”. 20/05/1911. Ano XXIII. Num. 6370 (Figura 10)

A noticia do seu falecemento foi publicada polo periódico “La Correspondencia Gallega”, diario de Pontevedra(21)(Figura 10).

A saga fotográfica dos Pardo continuaría a través dos seus fillos: Luisa en Mondaríz-Balneario, Manuel en Caldelas de Tui e Feliciano en Asturias. A súa neta, Rosina Pardo Durán, filla de Manuel Pardo Campos, formaría parte da terceira xeración desta estirpe familiar.

LUÍSA PARDO

Luisa Pardo, a fotógrafa que motiva a realización desta investigación, nace no ano 1867, na daquela casa familiar dos Pardo Campo situada no número 145 da coruñesa rúa do Orzán, unha das rúas do barrio da Pescaría. Esta barriada coruñesa, a primeira construída extramuros da “cidade vella” aló polo século XIV, tomaría o nome do feito de ser unha zona inicialmente habitada por pescadores. No século XIX a zona sufriría unha gran transformación debida ao establecemento de fábricas cara a rúa de Orzán, e aos recheos na outra parte do istmo, que darían lugar a ampliación do porto e a aparición dos xardíns de Méndez Nuñez.

A meniña Luísa recibiría as augas bautismais, na parroquia de San Nicolas(22), o 20 de maio de 1867, adoptando os nomes de Luisa Manuela Bernarda Pardo. Actuaron como padriño/madriña, na cerimonia o seu tío Luís e a súa tía Manuela, irmáns de Feliciano. O certificado literal da inscrición no rexistro parroquial, indica que era filla lexítima de Feliciano Pardo, natural de Santa María de Gardú(23), provincia de Lugo e de Doña Antonia Gallegos(23a) de San Julián de Ferrol. Neta por parte paterna, de Don Manuel, tamén de Gardú e de Dona Antonia Ferrer, xa defunta, procedente de Pinel, Cataluña; e por parte materna, de Don Carlos, defunto, veciño da mesma parroquia de Orzán, e Dona Ana Campos, tamén finada, procedente de San Pedro, en Lugo.

Luísa, o nome pola cal sería identificada, tanto no eido privado como no profesional, foi a filla primoxénita do matrimonio formado por Juan Feliciano Pardo Ferrer e Antonia Campos, primeira muller do seu pai; e, xunto cos seus irmáns Manuel e Feliciano Pardo Campos, conformarían a segunda xeración da saga.

Trala morte do seu pai, acontecida en 1911, Luisa Pardo, que nese momento tiña corenta e catro anos, e con toda a experiencia profesional acumulada, faríase cargo do negocio familiar que, a partir de aí cambiaría a súa marca de “F. Pardo” a “Fotografía de L. Pardo”.

A fotógrafa, construiríase un periplo vital discordantes co papel asignado socialmente á muller. Ao non casar, e poñerse ao fronte do estudio, quebrantaba a orde social imposta, que consideraba o traballo feminino como antinatural: as mulleres debían quedar na casa, o contrario representaba a subversión da orde social. Porén, a fotógrafa tería que compaxinar o esforzo que representaba a atención dos dous establecementos —o instalado na casa, no barrio do Pazo, e o situado preto da Fonte de Troncoso— coa atención as necesidades domésticas da familia, que medrara co acollemento, por parte de Luisa, das súas sobriñas.

Este incremento de número no fogar familiar dos Pardo, debeuse a que o seu irmá Manuel Pardo que, como anteriormente quedou dito, residía e exercía como fotógrafo en Caldelas de Tui, quedara viúvo moi pronto, con cinco fillas ao seu cargo; así que, recorrendo a axuda de Luisa, envioullas progresivamente, para que as criara. A primeira en chegar a Mondariz, sería Rosina, a maior das irmás, en 1904, segundo consta nos datos do padrón do ano 1924. As seguintes en chegar foron Julia, Adelaida e Alicia, en 1908; e, cando o fotógrafo casou en segundas nupcias, enviaría en 1910, a súa filla máis nova, Encarnación(24).

Rosina Pardo Duran (1898-1987) e Luisa Pardo Campos (1867-1926). Ca. 1906. Colección familiar (Figura 11)

Na (Figura 11), fotografía sen sinatura e, posiblemente realizada por Feliciano Pardo, vese a Luísa Pardo, de pé, acompañada da súa sobriña Rosina. Esta imaxe puido ser tomada en 1906, un par de anos máis tarde da comentada anteriormente (Figura 8), onde posaba a unidade familiar coa sobriña recentemente chegada no ano 1904.

En 1898, e co fin de ampliar os servizos que o balneario proporcionaba aos seus hóspedes, Enrique Peinador Vela, mandaría construír no interior da finca, no lugar coñecido por “o bosque”, unha capela en advocación de “Nosa Señora do Carme” (Figura 12), a patroa do Establecemento. Monseñor Isidro Fariñas encargaríase de dirixir tanto a capela, como a a vida espiritual do Centro. O servizo relixioso, supuña unha importante mellora, xa que así, evitábase que a clientela que demandaba este servizo, tivera que desprazarse ata igrexa de Sta. Eulalia de Mondariz, distante case que dous quilómetros do recinto termal.

Capela construida por Enrique Peinador Vela. Foto FP 2021 (Figura 12)

Chegado 1904, sobre terreos disgregados de Sta. Eulalia de Mondariz creábase a parroquia de Nosa Señora do Carme de Troncoso(25), que pouco a pouco iríase estruturando. Tres anos máis tarde a parroquia contaba con varias congregacións. Entre elas estaba a “Congregación de Hijas de María”, que presidía Luísa Pardo, quen, no exercicio das atribucións do seu cargo, portaba o estandarte da Irmandade nas procesións que anualmente se celebraban con motivo das festas do Carmen. Un artigo publicado o vinte e un de xullo de 1907 na revista “La temporada en Mondariz”(26), describía estas festas como fastuosas, e situaba a fotógrafa e congregante na procesión, acompañada da súa sobriña Rosina Pardo, quen portaba unha das cintas do estandarte.

[…]Una larga fila de distinguidas señoras seguía á esta comisión y en el centro contemplamos á la Congregación de Hijas de María de la parroquia de Troncoso con su estandarte que llevaba la presidenta Srta. Luisa Pardo sosteniendo sus cintas las niñas Rosina Pardo é Inocencia Escaso vestidas de blanco con coronas de flores.[…]

O estudio fotográfico da “Fonte de Troncoso” activo só durante a tempada de verán, era unha casa de dous pisos. O edificio, hoxe desaparecido, estaba rodeado por un xardín onde había árbores ornamentais e froiteiras, o que propiciaba á fotógrafa un escenario moi aproveitable para a confección de fondos para os retratos. No estudio, dispoñía ademais dos elementos decorativos necesarios para conseguir unha boa composición fotográfica; e, onde os traxes tradicionais galegos, constituían o elemento do “atrezzo” máis demandado polos bañistas termais e turistas. Os retratos que se reproducen nas figuras 13 e 14, ilustran claramente o comentado.

Retrato de labrega, sen identificar. Luísa Pardo. Sen datar. Colección particular. (Figura 13)

Tarxeta postal con selo oval lateral. L. Pardo. Colección particular. (Figura 14)

Na figura 15, vese unha fotografía do estudio, realizada por Luísa Pardo. Destaca o gran rótulo coa marca da fotógrafa na fronte da fachada principal: “FOTOGRAFÍA DE L. PARDO”, e como reclamo fotográfico, os paneis con fotografías de todos os tamaños e cartóns, colocados ás beiras das xambas das fiestras no andar baixo da casa. No retrato, a fotógrafa realiza unha suxestiva composición. Sitúa en cada un dos vans do piso superior e en actitude de pose as tres sobriñas maiores, de esquerda a dereita: Rosina (1898), Julia (1900), Adelaida (1902), Encarnación (1908), aparece apoiada nas caixas de madeira que se ven ao lado da porta do establecemento; e, Alicia (1904), na entrada, apoiada no muro da parte baixa das escaleiras que dan acceso a casa. Todas elas colaboraban con Luísa Pardo, non só na parte fotográfica, senón que tamén se encargaban do coidado dos xardíns e da horta das fincas da familia.

“Fotografía de L. Pardo” Mondariz-Balneario – Fonte de Troncoso. Colección familiar. Fotografía de Luisa Pardo. Ca 1916. (Figura 15)

A emblemática fonte de Troncoso que daba nome ao barrio, estaba situada nun terreo coñecido polos paisanos co nome de Saidoiro, era nas súas orixes só unha charca gurgullante de auga mineral que quedaba anegada cando crecía o río Tea. A partir de 1862, por encargo do párroco desta localidade de Mondariz, realízanse unhas pequenas construcións, que darían lugar a unha pequena fonte, á que accedían as persoas enfermas a tomar as augas. Coa morte do párroco, Enrique Peinador Vela merca en 1886 a finca na que se atopaba, e comeza un longo litixio co concello de Mondariz que defendía que as augas eran públicas. O preito resólvese en 1905, a favor dos Peinador, pero non sería ata o ano 1910, un ano antes de que Luisa Pardo se fixera cargo do negocio familiar, cando, o arquitecto Antonio Palacios, por encargo de Enrique Peinador concluiría coas obras de rehabilitación da citada fonte. A construción consta de dous corpos de planta rectangular: un diáfano, onde se encontra o cano que canaliza o groto, que é de acceso público, e que está cuberto por unha marquesiña; e, lateralmente pechado cun enreixado de ferro forxado. Anexo á marquesiña esta un pavillón, construído en claro contraste compositivo e material —está realizado con granito—, e que se usaba como local para o engarrafamento de augas.

A fotografía seguinte(27)(Figura 18), tamén realizada por Luisa Pardo, amosa a Fonte de Troncoso, antes de que sufrira o tremendo deterioro producido polo abandono a que se veu sometida no transcurso dos anos. En 2019, produciuse o derrube total dun dos tellados dos dous corpos no que está dividida a construción, feito que sería denunciado polo Faro de Vigo(29)en abril dese mesmo ano. O estado actual da construción pódese apreciar nas imaxes sinaladas como figuras 20 e 21, realizadas en abril de 2021.

Fonte de Troncoso. Fotografía de Luisa Pardo. Revistes UPC. (Figura 18)

Na imaxe anterior (Figura 18), a autora presenta unha moi coidada composición, onde as tres nenas incorporadas á imaxe agregan equilibrio e profundidade á mesma. A nena da esquerda, que posa cun sorriso e apoiando o cóbado do brazo dereito na árbore, ben podería ser a súa sobriña Rosina, que nese momento podería ter 13 ou 14 anos. As outras dúas, nenas, que posan no lado dereito da imaxe, serían con moita probabilidade as outras sobriñas, Julia e Adelaida.

Existe outra fotografía (Figura 19)(30) moi semellante á anterior no encadramento e na composición, cuxa autoría está sen identificar. O ángulo de enfoque é o mesmo, e as persoas que pousan, un home á esquerda e unha muller cunha nena á dereita, están exactamente igual distribuídas que na tomada por Luisa Pardo.

Tarxeta postal. Novo edificio da Fonte de Troncoso. Colección particular (Figura 19)

Luísa Pardo, utilizaba selos de tinta para asinar as fotografías cando non utilizaba cartóns para enmarcalas. Na parte inferior esqueda da fotografía da (Figura 22) (31), pódese ver estampado un dos selos de forma circular. O selo personalizábase co seguinte texto escrito en letras en maiúsculas:

L. PARDO FOTOGRAFÍA MONDARIZ

Retrato de dous homes, sen identificar. Luisa Pardo. Sen datar. Colección particular. (Figura 22)

En canto aos procesos técnicos de obtención de fotografías, dicir que Luísa Pardo utilizaba o sistema ao xelatinobromuro de prata, que fora inventando en 1871 por Ricard Leach Maddox; un dos procedementos fotográficos máis usuais durante todo o século XX, As copias fotográficas eran entregadas á clientela en formato “Tarxeta Postal” ou enmarcadas en diferentes cartóns, un dos modelos, podémolo ver nun dos autorretratos da propia Luisa (Figura 23-I), adornado cun festón que enmarca a imaxe, e leva no pé a lenda “Recuerdo de Mondariz  L. Pardo”.

Rematada a tempada de verán, a atención á clientela volvíase a realizar na casa-estudio do barrio do Pazo, co tempo recoñecida na vila como a casa de “as retratistas”. Neses meses de decaemento turístico, cambiaba o tipo de demandas de traballos fotográficos, tomando protagonismo os eventos familiares locais, como as vodas, primeiras comuñóns, etc. Moitas destas fotografías aínda hoxe, seguirán adornado as paredes do salón dalgunhas casas, ou descansarán nalgúns dos ineludibles álbums familiares ou en caixas, auténticos caixóns de xastre onde cabía de todo, desde as fotografías ata os diversos recordatorios, postais, etc.

A fotógrafa non se circunscribía ao traballo de estudio, senón que, con moita frecuencia, era requirida para documentar fotograficamente eventos de diferente natureza nos exteriores do balneario tal e como se pode comprobar nas imaxes que acompañan a este texto. Seguindo a tradición do seu pai, todo un mestre dos retratos en grupo, ela tamén deixou o seu sinal na memoria deste concello con retratos como os realizados á grupos de visitantes, nas portas do Gran Hotel, nas escalinatas, no parque, etc. e que se evocan nas figuras 24 e 25. Mencionar asemade, dentro do seu traballo a fotografía costumista, da que existen varias imaxes, como as expostas anteriormente (Figuras 13 e 14).

Fotografías en grupo. Mondariz Balneario. L. Pardo. Colección particular. (Figura 24)

Retrato de grupo. Escalinatas do xardín Balneario de Mondariz. Luisa Pardo. Colección Real Academia Galega (Figura 25)

En 1907, Enrique Peinador Vela sería substituído na dirección do balneario polo seu fillo primoxénito Enrique Peinador Lines. O novo director afondaría con moita eficiencia na construción do turismo cultural-termal, que naqueles primeiros anos de século veríase favorecido pola incorporación ao ocio das capas sociais intermedias; pola crecente sensibilización da poboación pola saúde, e polas prácticas hixiénicas saudábeis; e, sobre todo, pola expansión do uso do automóbil e a consolidación da rede viaria do ferrocarril.

Finalizada a primeira década do século XX, —comezaba a época dourada do Hotel Balneario—, a vila de Mondariz estaba inzada de aloxamentos para atender a variada clientela, sen contar o Gran Hotel (Figura 29), proporcionaban hospedaxe arredor de 15 hoteis entre os que se atopaban O Hotel Abelino (Figura 26 e 27) e o Hotel Continental (Figura 28), hoxe ambos case en ruínas; e, outras tantas pousadas. A cargo do arquitecto Antonio Palacios, construírase o palacete da fonte da Gándara (Figuras 32, 33 e 34), o edificio de “La Baranda” (Figura 28), e un novo hotel-sanatorio (Figura 30), cuxa construción quedaría interrompida co falecemento de Enrique Peinador Vela. Neste puxante entorno exercería a súa experiencia profesional Luisa Pardo. A fama do Balneario traspasara fronteiras, estaba considerado como un dos mellores establecementos á altura de balnearios como Baden-Baden en Alemaña ou Bath en Londres. Visitado por xentes procedentes de diversos países americanos, como Estados Unidos, Porto Rico, Uruguai, Brasil, Chile, México; e europeos como Portugal, Inglaterra, Francia e Alemaña. Entre as altas personalidades de diferentes ámbitos que acudían ao balneario como clientes encontrábanse, entre outros: José Echegaray, Galdós, a familia real de Portugal, Isaac Peral, Isabel de Borbón, John Rockefeller II, o arcebispo de Westminster, Miguel Primo de Rivera ou o sultán Muley Haffid; e, ilustres galegas como Emilia Pardo Bazán (unha asidua desde 1887 ata a súa morte), que xunto con Alfredo Vicenti, Curros Enríquez, Basilio Álvarez, Noriega Valera, Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Cabanillas —que dirixía o labor editorial da publicación Mondariz, suplemento de “A Temporada”—, eran fieis colaboradores das publicacións do balneario; amais doutros colaboradores fotógrafos, pintores, ilustradores, debuxantes entre os que estaba Castelao.

Mondariz Balneario, ofrecía daquela xunto coas máis completas e modernas instalacións, unha ampla gama de servizos, como: o Museo Etnográfico, a moderna granxa agrícola de Sanmil (Pías); o Asilo de pobres, no barrio de Troncoso; a Capela do Bosque e a imprenta, onde se editaba o semanario local “La temporada en Mondariz”; ou o acuñado de moedas para o uso interno no Balneario. En 1915 Enrique Peinador Lines inauguraba o Teatro-Cine, con capacidade para catrocentas persoas e, iniciaba a súa andaina a revista mensual “Mondariz”, que como suplemento de “La Temporada”, dirixía Ramón Cabanillas,

En 1917 morre Enrique Peinador Vela, alma e principal propulsor do complexo hoteleiro e termal de Mondariz-Balneario, a partir da posta en valor da fonte da Gándara e, posteriormente, da de Troncoso. As mostras de recoñecemento dos logros acadados, non tardarían en producirse; dous anos máis tarde, a Cámara de Comercio de Vigo, inauguraba, no paseo central do Balneario, e na súa honra. un monumento granítico, realizado polo escultor sevillano Lorenzo Coullaut Varela. A escultura representa ao homenaxeado sentado, posición á que o escultor gustaba situar as persoas a enaltecer. Na (Figura 35), reprodúcese unha fotografía —de autoría descoñecida— que plasma un momento do acto de inauguración do monumento en 1919, Está editaba en formato “Tarxeta Postal”, pola fototipia Castañeira, Álvarez y Levenfeld(32), de Madrid.

Monumento a Enrique Peinador Vela. Mondariz-Balneario. Tarxeta postal. Anónima. Fototipia Castañeira, Álvarez y Levenfeld (Madrid). (Figura 35)

O Balneario fora conformando a súa “Belle Époque” a partir de 1871. As augas mineiromediciñais e o entorno que pouco a pouco se fora xerando a consecuencia das iniciativas e realizacións dos Peinador, polarizaron a atención de veraneantes e clientes terapéuticos europeos e americanos. Tal foi a importancia adquirida polo Balneario que, rematando o primeiro cuarto do século XX, a parroquia de Troncoso, tras cambiar o nome polo de “Nuestra señora de Lourdes”, e de constituírse como entidade menor o 30 de novembro de 1924, lograría erixirse en concello independente co nome de Mondariz Balneario. O 17 de abril de 1925, o rei Alfonso XIII concederíalle á vila o título de “Moi Hospitalaria”. A este estado xeneralizado de cambios, sumouse tamén ao nicho fotográfico que rexentaba, Luisa Pardo quen, nesas datas modifica a forma do seu selo fotográfico, de circular a ovalado; pero mantendo o mesmo texto: L. Pardo – Fotografía – Mondariz-Balneario, tal como se aprecia no lateral esquerdo da “Tarxeta postal” (Figura 14).

Durante a rexencia de Enrique Peinador Limes, o Balneario, ademais do servizo hidrotermal, ofrecería á súa clientela un importante acompañamento cultural, artístico e científico; a vez que, no programado, asumía unha comprometida aposta pola galeguidade. Nese ano de 1924, a programación cultural incluía dúas salientables exposicións: Unha fotográfica, de Ksado; e outra de cincuenta debuxos de Castelao.

Segundo anuncio do Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera), no ano 1921(33), a publicación seguía recollendo á fotógrafa en situación de activa no concello de Mondariz. Cinco anos máis tarde, o dezanove de xuño de 1926, Luísa Pardo sería sorprendida pola morte, provocada por unha insuficiencia cardíaca, na súa casa do barrio do Pazo(34); contaba con cincuenta e nove anos, e sumaba, nese momento, quince anos de exercicio como profesional. Nos últimos tempos limitara o ámbito físico de actuación, centrándose preferentemente no traballo de estudio. Os seus restos repousan xunto cos do seu pai e madrastra, no cemiterio desta localidade.

Por esta época, na “Casa das retratistas”, como así era recoñecida na vila, seguían residindo as súas sobriñas, ás que Luísa Pardo coidou, educou e traspasou os seus coñecementos fotográficos: Julia, co seu fillo Antonio Otero Pardo; Alicia; Encarnación e Rosina; Adelaida, casada con José Paredes, vivía coa sua familia aparte, noutra rúa de Mondariz-Balneario. Todas elas figurando como fotógrafas no padrón de 1924. Non obstante, sería Rosina Pardo Durán, a maior das irmáns, quen a sucedería á fronte do negocio fotográfico aos vinte e oito anos de idade.

ROSINA PARDO

Rosina Pardo Durán (Figura 36), naceu o 5 de xuño de 1898(35), no barrio de Baños, en Caldelas de Tui(36); e, como antes se adiantou era a filla primoxénita do fotógrafo Manuel Pardo Campos —irmán de Luisa— e de Consuelo Durán Castro, natural da parroquia Tomiñesa de Taborda.

Rosina Pardo, por Feliciano Pardo. Ca. 1904. Colección familiar. (Figura 36)

A causa do falecemento prematuro da súa nai, tanto Rosina como as súas irmáns pasarían a vivir na casa do seu avo paterno Feliciano Pardo Ferrer en Mondariz Balneario a partir de 1904.

Nena intelixente e desenvolta, viría descorrer a súa nenez e adolescencia subsumida nun ambiente onde o a creatividade asociada ao fenómeno fotográfico ocupaba todo o espazo. Este entorno combinado coas súas calidades persoais faría que, desde moi nova, se distinguira como unha rapaza singular capaz de moverse con soltura e competencia en situacións cargadas de potencial incomodidade. Cando tiña 9 anos, un artigo anónimo, publicado na revista La Temporada(37), refería un acontecemento que respalda as afirmación realizadas sobre ela anteriormente; contábase no escrito que, durante a procesión celebrada con motivo das festas do Carmen, e no tempo no que a procesión facía a súa habitual parada diante do Gran Hotel; a nena Rosina, despois de rematada a audición da Salve de Hilarión Eslava, recitaba con suave entoación e gran serenidade, uns versos diante dun numeroso público que, emocionado, escoitaba a interpretación.

En 1928, cando contaba con vinte e nove anos, dous anos máis tarde de encargarse dos estudios fotográficos que fundara o seu avó Feliciano, e nos que continuara a súa tía Luísa, Rosina Pardo casaría(38)co pintor e veciño do barrio do Pazo, Enrique Blanco García. O casamento celebraríase na parroquia de Mondariz Balneario, actuando como padriño o correspondente administrativo na localidade do xornal “El Pueblo Gallego”, Enrique Álvarez Rey; e como madriña; Concepción Farias. Como resultado desa unión nacerían tres fillos: Rosina, Consuelo e Enrique Blanco Pardo. A nova do casamento sería recollida pola prensa(39)(Figuras 37 e 38).

Cando Rosina Pardo se puxo á fronte do negocio fotográfico en 1926, a situación económica pola que pasaba Mondariz-Balneario xa non era a mesma. A localidade comezara o seu declive coa primeira guerra mundial, mais esperábase que houbera unha recuperación posbélica que nunca chegou. Durante a década dos anos vinte, e a pesar da deriva económica, continuaron inaugurándose servizos en Mondariz Balneario(40.

A finais da temporada balnearia de 1931, a familia Peinador, como consecuencia da situación financeira que atravesaba, deixa de editar a publicación semanal “La Temporada en Mondariz”; e, un ano máis tarde, as empresas “Augas de Mondariz” e o seu Balneario, constitúese nunha sociedade limitada, no que entra como accionista maioritario o Banco Pastor, que pasa a ter o control das empresas balnearias.

Todas estas circunstancias, axudadas polos momentos políticos difíciles que atravesaba a clientela lusa que supoñía un 25% das persoas que ían tomar as augas, repercutirían nos negocios fotográficos que co tempo irían paulatinamente perdendo clientela.

As últimas referencias encontradas sobre a actividade profesional de Rosina Pardo, remítenos aos Anuarios (Bailly-Baillière-Riera(41)e Industrial Artístico de España(42)) dos anos 1929 e 1933, publicacións que, na sección de anuncios, incluían o que sería o derradeiro da publicidade do seu establecemento. O ano 1933, sería transcendente na vida do complexo termal, xa que nel produciríase o abandono da xerencia do Balneario por parte de Enrique Peinador Lines. Segundo fontes familiares, a fotógrafa, logo de dez anos exercendo como retratista, abandonaría a profesión sobre o ano 1936, coincidindo co estalido da guerra civil provocada polo golpe de Estado do dezaoito de xullo dese ano. En consecuencia, chegado o ano 1940, os herdeiros de Luísa Pardo poñen en alugueiro a casa de Troncoso —onde estaba situado o estudio fotográfico—, publicando un anuncio no Faro de Vigo (Figura 39). Na información subliñábase: a súa idoneidade para instalar un negocio fotográfico.

07/05/1940. Faro de Vigo. Anuncios Breves. (Figura 39)

Na actualidade, non queda rastro desta construción. O seu espazo foi ocupado pola arboleda do paseo fluvial construído ao carón do río Tea.

No tempo de exercicio profesional de Rosina en Mondariz Balneario, exercía tamén a fotógrafa Isabel Crespo — quen se anunciaba, con data catro de xullo de 1926 (Figura 40), no periódico “La Temporada”—, e o seu pai, o fotógrafo Vicente Crespo(43). A primeira, con Galería fotográfica instalada no edificio da Baranda, permanecería nesta localidade ata o ano 1933(44); instalándose posteriormente no Barco de Valdeorras. Outros fotógrafos comunicaban a súa estadía na localidade nos mesmos anuarios(45), como Arturo Montero en 1929 e José Montero en 1921.

“La Temporada en Mondariz”. 04/07/1926. (Figura 40)

O pasamento de Rosina Pardo, que tería lugar o vinte e sete de xaneiro de 1987 no barrio Chan da Gándara en Ponteareas, produciríase a causa dun infarto de miocardio, cando a que formara a terceira xeración de fotógrafos dos Pardo, contaba con oitenta e nove anos de idade. O seu corpo descansa ao lado dos seus tíos-avós, Feliciano Pardo Ferrer e Adelaida Fadelli, no cemiterio de Troncoso (Figura 41).

Tumbas de Feliciano pardo Ferrer e Rosina Pardo Durán. Foto FP. 22/05/2021. (Figura 41)

Co tempo, a súa sobriña bisneta homenaxearía a Luísa e Rosina asignándolle o nome de “Las Retratistas”, a unha tenda que a descendente abriría en Mondariz Balneario.

ALGUNHAS IMAXES DE LUÍSA PARDO:

A continuación publicamos algunhas das numerosas fotografías que a familia da fotógrafa posúe nos seus álbums. Case todas carecen do selo que Luísa Pardo adoitaba estampar, quizais porque son retratos de familia. As cinco primeiras, son retratos individuais; o primeiro é un autorretrato da propia fotógrafa e os catro seguintes correspóndense con retratos realizados as súas sobriñas;  o resto de fotografías, son imaxes de grupos, de amigos e familiares, pero sobre todo das sobriñas que ela coidou, e que nos permiten coñecer un pouco máis de como podía ser a súa vida. Todas elas efectuadas pola fotógrafa entre 1911 e 1926, inclusive.

A maioría das fotografías están realizadas no exterior, en diferentes épocas, utilizando como pano de fondo a propia natureza do xardín que rodeaba o estudio, os seus valados e bancos.

Fora do álbum familiar, podemos ver unha fotografía máis pertencente a unha colección particular. A imaxe, en formato de “Tarxeta Postal”, posiblemente realizada no xardín do estudio, leva o selo estampado no dorso, co nome de “L. Pardo Fotografía – Mondariz” e un texto no que se pode ler “Mondariz 11 Agosto 1916”.

1916- Retrato de señora e neno. Luisa Pardo. Colección particular.

IMAXES DE ROSINA PARDO:

O traballo desta fotógrafa, que estivo activa ata 1936 está practicamente desaparecido ou esparexido por álbums privados aos que non tivemos acceso. A continuación, podemos amosar tres fotografías de nenos realizadas por Rosina. A igual que a súa tía Luísa, a fotógrafa prefería o xardín como pano de fondo. Nas tres imaxes, podemos observar, que os nenos están mirando atentamente á cámara.

NOTAS AO PÉ:

(1) Certificado literal (correspondente ao nacemento de Luisa Pardo Campos) dos Libros Sacramentais, número P009074, folio 33 vto. Do Arquivo Histórico Diocesano, Santiago de Compostela.
Certificado literal de falecemento de Feliciano Pardo Ferrer. Rexistro Civil de Mondariz, Tomo 24, páxina 137, Sección 3ª.

(2) Datos obtidos do Certificado literal dos Libros Sacramentais, do Arquivo Histórico Diocesano.

(3) Alfonso Paredes Pardo. Mondariz Balneario, episodios memorables. Deputación de Pontevedra.

(4) Creado por R. L. Maddox e mellorado en 1878 por Charles Harper Bennett.

(5) Por poñer un exemplo de Mondariz, vila na que se establecería ao final da súa vida, os accesos a esta localidade por esta época eran moi dificultosos. En 1878 non existía a estrada que vai desde Ponteareas a Salvaterra. As persoas que chegaban de fora de Galicia viñan desde Salvaterra, onde fora inaugurada o dez de novembro dese mesmo ano a estación que uniría Salvaterra con Caldelas de Tui, dentro da liña que pretendía unir Vigo con Monforte de Lemos. En Salvaterra collían ferrocarril ata Porriño. Desde Salvaterra a Ponteareas só había un camiño que unicamente podía transitarse a cabalo ou en carro do País. Hai escritos que describían as penalidades que tiñan que pasar para chegar ao seu destino, como este exemplo que podemos ler a continuación onde describe o desprazamento desde Coruña a Mondariz:

[…] … emprendí mi marcha a dicho punto aquel mismo año de 1878. Entonces como puede deducirse no era tan fácil y cómodo el viaje desde La Coruña, y menos desde Madrid u otros puntos, porque si bien podía llegarse hasta Porriño con la lentitud y molestias de los malos coches que en Carril podían tomarse, unas veces por llegar éstos retrasados y no querer salir alguno que hubiera, y otros por haber salido ya con otros pasajeros, se corría el riesgo de tener que dormir en Porriño.
Por fin se emprendía la marcha en cualquiera de los coches ómnibus que hacían este recorrido, y para hablar de sus condiciones, es preciso decir que eran aún mas malos que los citados anteriormente y con ganado desigual: mulas y caballos pequeños del país, enganchados con tirantes de cuerdas y atalajes destrozados, que muchos no correspondían a la magnitud del ganado; en fin, que contemplando aquello, acudía la idea de si podrían arrastrar en alguna regular pendiente aquel armatoste, y si no sería peligroso exponerse al riesgo de un vuelco o retroceso que fuera causa de lanzar al coche a algún barranco. […]

En relación coas liñas férreas, o Álbum-guía “Las aguas de Mondariz” publicado polo propio Balneario en 1899, no artigo titulado “LOS FERROCARRILES”, dicía:

En cuanto á vias férreas, poquísimo tiene Galicia que agradecer al Estado, y menos aún á las Compañías.
Más tarde que á ninguna otra provincia, si se exceptúa la de Almería, llegó á sus valles la locomotora, y desde el día en que al fin pudo comunicarse con el centro de la Península, tales deficiencias en comodidad, velocidad y coste ofrecen los trenes, que apenas si se echan de ver las ventajas.
[…]
En las expediciones temporales de Julio, Agosto y septiembre, cuesta de 120 á 125 pesetas el billete de primera clase, y de 84 y 87 el de segunda.
Lento, perezoso y lleno de cambios é interrupciones es el recorrido, y no se expenden medios billetes para niños sino con arreglo á la tarifa ordinaria.
Ahora bien; por 85 pesetas en primera y 45 en segunda (42,50 y 22,50 los niños) se puede ir desde Madrid, Toledo, Cáceres, Avila, Segovia, Zamora, Salamanca, etc. Á Figueira, Amieira, Caldas da Rainha, Ovar, Espinho, Granja, Valladares ú Oporto. […]
Afortunadamente para la provincia de Pontevedra, la estación minero-medicinal de Mondariz ha conseguido impedir la completa desbandada, y gracias á ella, aún siguen frecuentando los puertos próximos muchas personas de fuera de Galicia.

(6) Gaceta de Galicia – Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela. Núm. 74. Páx. 2. 03/04/1888.

(7) Publicado pola Editorial Alvarellos e o Consorcio de Santiago en 2018.

(8) Jules David (photographe, 1848-1923).

(9) Anuncio publicado tamén en “El Regional – diario de Lugo”. 01/07/1889. Núm. 1962.

(10) María Fidalgo Casares. Galicia Ártabra. Armada. Ferrol protagonista de “Hombres y barcos: la fotografía de la Marina Española en el Museo Naval 1850-1935. 08/09/2019.

(11) Sabino Enrique Peinador Vela, licenciado en Medicina e Cirurxía, e Gumersindo Ramón, licenciado en Dereito, chegaron a Mondariz entre 1870 e 1872. O mérito do primeiro, foi descubrir o manancial da Gándara, realizar as análises da auga e obter a declaración de Utilidade pública xunto coa súa concesión, creando así o Gran Balneario de Mondariz. A Enrique Peinador Vela, sucederíao en 1907 o seu fillo, Enrique Peinador Lines, que ademais de agrandar o emporio dos Peinador, foi un mecenas da cultura galega, filántropo, e socio protector do Seminario de Estudos Galegos e cantos proxectos de país se poñían a andar.

(12) Dato deducido dos Padróns municipais dos anos 1924 e 1926 de Mondariz-Balneario, onde a súa filla Luisa Pardo, indica que levaban residindo no municipio 30 e 32 anos, respectivamente.

(13) En 1904 nace a nova parroquia de Troncoso, cuxos territorios foron disgregados da parroquia de Santa Eulalia de Mondariz, dependente da parroquia de Mondariz.

(14) Datos obtidos Certificado literal dos Libros Sacramentais, do Arquivo Histórico Diocesano.

(15) Un dos principais museos con fotografía antiga asturiana é o Museo del Pueblo de Asturias, en Gijón, onde conservan fondos dos principais fotógrafos dos séculos XIX e XX, entre os que se atopa Feliciano Pardo Campos.

(16) Fotografía publicada por Albino Ferreira no vídeo “Recuerdos de Mondariz Balneario 2”. 25/08/2020.

(17) O 05/06/1904 “La Temporada en Mondariz – Ano XVI – Nº 1”.

(18) “La Temporada en Mondariz”. Ano XXI – NÚMERO 3 – 30/05/1909.

(19) “El Tea”. Ano III. Ponteareas (Pontevedra). Num. 74. 12/02/1910. Publicábase os sábados.

(20) Certificación literal falecemento. Rexistro Civil de Mondariz (Pontevedra). Tomo 24, Páxina 137, Sección 3ª. Neste certificado literal está escrito o seguinte:

“Que el referido finado estaba casado en el acto del fallecimiento con Doña Adelaida Fadelli, natural de Pavía (Italia), vecina de la indicada de Troncoso, de cuyo matrimonio les quedaron tres hijos, llamados Manuel, Feliciano y Luisa Pardo y Fadelli.”

Información que entra en contradición co Certificado literal de Nacemento de Luisa, onde o nome da súa nai é a primeira muller de Feliciano Pardo, Antonia.

(21) “La Correspondencia Gallega – diario de Pontevedra”. Ano XXIII. Núm. 6370. No apartado “Los que mueren”: En Mondariz, el fotógrafo don Feliciano Pardo Ferrer.(22) Inscrición literal do Rexistro Fondo Parroquial de Coruña, S. Nicolás. Serie Libros Sacramentais, número P009074, folio 33 vto. Neste documento está escrito o seguinte:

“hija legítima de Don Feliciano Pardo, natural de Santa María de Gardú, provincia de Lugo y de Doña Antonia Gallegos, de San Julián del Ferrol. Abuelos paternos Don Manuel, de Gardú y de Doña Antonia Ferrer, difunta de Pinel, provincia de Cataluña. Maternos Don carlos, difunto de esta parroquia, y Doña Ana Campos también difunta de San Pedro, en Lugo.”

Aínda que a vila de Feliciano Pardo, indica a transcrición, é Santa María de Gardú, provincia de Lugo, cremos que se refire a Santa María de Galdo, en Viveiro, Lugo, porque Viveiro aparece no seu certificado de defunción.
En canto ao apelido da nai, debe haber outra confusión, pois figura Antonia Gallegos, e non Campos, e a súa avoa como Ana Campos.

(23) Parece que no nome do sitio de procedencia do seu pai e do seu avó, Santa María de Gardú, tal e como recolle o rexistro, hai un erro de transcrición, pois non existe na provincia de Lugo ese nome, senón Santa María de Galdo, en Lugo, unha parroquia de Viveiro, localidade que se cita noutros documentos oficiais cando se fai referencia a súa procedencia, como por exemplo no certificado de falecemento de Feliciano.

(23a) Chama a atención tamén, o apelido que lle asignan a súa nai, Gallegos, e a súa aboa Campos, pois noutros documentos oficiais referidos a Luisa Pardo, aparece como segundo apelido Campos, o que parece confirmar unha confusión entre o apelido da avoa e o da nai por parte deste rexistro.

(24) Datos recollidos do Padrón municipal e follas de variación de 1924.

(25) A partir de 1919, esta parroquia pasou a denominarse Nosa Señora de Lurdes de Mondariz-Balneario.

(26) “La temporada en Mondariz. Año XIX. Número 8”. 21/07/1907. “Fiestas del Carmen en Mondariz”. Artigo anónimo.

(27) Esta fotografía foi publicada no 2019 na Revistes UPC – ID Entidades – Laboratorio Internacional de Paisajes Culturales, no traballo realizado por Enrique Orche García e María Pilar Amaré Tafalla: La emblemática fuente de Troncoso (Mondariz, Pontevedra) la inacción que ha conducido a la ruina de este sobresaliente patrimonio minero.

(29) Faro de Vigo. Verónica Palleiro. “El tejado de la Fuente de Troncoso, obra de Antonio Palacios, sucumbe por su abandono”. 09/04/2019.

(30) Fotografía publicada nun vídeo de Pedro R. M., publicado por Albino Ferreira. “Recuerdos de Mondariz Balneario 2” 25/08/2020.

(31) Fotografía publicada nun vídeo de Pedro R. M., publicado por Albino Ferreira. “Recuerdos de Mondariz Balneario 2” 25/08/2020.

(32) Castañeira y Álvarez era unha editorial establecida en Madrid, especializada en fototipia e na impresión de tarxetas postais entre 1906 e 1918. A partir de 1915 asociouse con Levenfeld, pasando a ser o seu nome comercial “Castañeira, Álvarez y Levenfeld”.

(33) Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso. Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936).

(34) Datos tomados do certificado literal de falecemento de Luisa Pardo Campos. Rexistro Civil de Mondariz Balneario: Tomo 1, páxina 13 da Sección 3ª.
Neste documento, hai un dato que entra en contradición con outros documentos oficiais: indica que era natural de “Valladolid”. Segundo certificado de nacemento, a fotógrafa nacera no ano 1867, na rúa Orzan, en Coruña.

(35) Datos do certificado literal de nacemento de Rosina Pardo Durán. Rexistro Civil de Tui (Pontevedra). Folio 73. Tomo 30. Sección 1ª.

(36) Nesta vila balnearia, ao igual que en Mondariz, tamén existía un manancial que utilizaban os veciños para tomar as augas, que sería mercado por Antonio Oliver Rubio xunto coas terras adxacentes en 1882. Sete anos máis tarde, en 1889, o empresario colocaría a primeira pedra para construír as instalacións balnearias xunto cun hotel. Grazas á estación do tren onde paraban os expresos, este balneario chegaría a ter moita fama, que, a igual que Mondariz, prolongaría o seu uso ata a Guerra Civil.

(37) “La temporada en Mondariz. Año XIX. Número 8”. 21/07/1907. “Fiestas del Carmen en Mondariz”. Artigo anónimo.

(38) Certificado literal de matrimonio de Rosina Pardo Durán. Rexistro Civil de Mondariz-Balneario. Tomo 1. Páxina 9 da Sección 2ª. O Certificado de Matrimonio indica que tiña vinte e oito, pero si temos en conta a súa partida de nacemento, sería vinte e nove.

(39) Faro de Vigo – Noticias Mondariz-Balneario. 03/02/1928.
El Correo de Galicia – órgano de la colectividad gallega en la República Argentina – N 1158. 01/04/1928.

(40) Como en 1925, unha subcentral telefónica, dependente da central de Ponteareas, máis un locutorio público no Balneario. Dentro do Gran Hotel había comunicación telefónica interna desde principios de 1898.

(41) 1929 e 1933: Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima.

(42) 1931 e 1933: Anuario Industrial y Artístico de España. Artes, Industria, Comercio, Profesiones. 1931 e 1933. Madrid. Editorial Rivadeneyra.

(43) 1921, 1929 e 1933: Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima.
1931 e 1933: Anuario Industrial y Artístico de España, Artes, Indusria, Comercio, Profesiones. 1931 e 1933-34. Madrid. Editorial Rivadeneyra.

(44) 1929 e 1933: Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima.

(45) 1929 e 1921: Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima.

FONTES:

  • Álbum-guía “Las aguas de Mondariz”. 1899.
  • Alfonso Paredes Pardo (2012). Mondariz Balneario: episodios memorables. Deputación Pontevedra.
  • Rexistro Civil de Mondariz.
  • Rexistro Civil de Mondariz-Balneario.
  • Rexistro Civil de Tui.
  • Rexistro Fondo Parroquial de Coruña, S. Nicolás.
  • Padróns municipais 1924 e 1930.
  • Carlos Castelao (2018). As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do XIX. Alvarellos Editora e Consorcio de Santiago.
  • Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
  • Ricardo Gurriarán. “Enrique Peinador Lines e Mondariz”. Foro Enrique Peinador. Imprime Grupo Academiua Postal.
  • María Jesús del Castillo Campos (Madrid, 1992). Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936.
  • “El Tea”. Ano III. Puenteareas (Pontevedra). Num. 74. 12/02/1910. Publicábase os sábados.
  • Real Academia Galega. Retrato de grupo no balneario de Mondariz.
  • Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia.
  • Europeana.
  • Elvira Lindoso-Tato y Margarita Vilar-Rodríguez. Cuadernos de estudios gallegos, IXII. Num. 128.La literatura de viajes y el transporte en Galicia desde el último tercio del siglo XVIII hasta mediados del XIX.
  • GEO CRITICA. Scripta Nova. Revista Electrónica de Geografía y Ciencias Sociales. Universitat de Barcelona. Origenes y evolución del turismo en Galicia durante el siglo XIX. Margarita Vilar Rodríguez, Elvira Lindoso Tato da Universidade da Coruña e Rafael Vallejo Pousada da Universidade de Vigo.
  • Metropolitano 26/07/2018. La recuperación del Balneario de Mondariz, historia del termalismo que da nombre a un concello.
  • Tranvía Porriño-Mondariz.
  • María Fidalgo Casares. Galicia Ártabra. Armada. Ferrol protagonista de “Hombres y barcos: la fotografía de la Marina Española en el Museo Naval 1850-1935”. 08/09/2019
  • Teinteresa.es Oviedo
  • Isabel Argerich. Fotografia I Historia de L’Educació. Imatges fotogràfiques de temàtica educativa en col-leccions i arxius públics i privats. Institut del Patrimoni Cultural d’Espanya, Ministeri de Cultura.
  • Todocolección.net. Mercado de Antigüedades.
  • Margarita Vilar-Rodríguez, Elvira Lindoso Tato e Rafael Vallejo Pousa, titulado Orígenes y evolución del turismo en Galicia durante el siglo XIX. Geo Crítica.
  • “Sociedad Perriniana de Corao – en el valle del Güeña. ”Los inicios de la fotografía en Cangas de Onís (primera parte).
  • Lamareza – en el valle del Güeña. “Los inicios de la fotografía en Cangas de Onís (primera parte)
  • Trabajo fin de Máster – Facultad de Filosofía y Letras – Departamento de Historia – Universidad de Oviedo. Vestidos de Asturianos. 100 años de fotografía e indumentaria en Asturias. Mª Felisa Santoveña Zapatero. Director: Jorge Uría González. Oviedo, junio 2012.
  • Traballo realizado por Enrique Orche García e María Pilar Amaré Tafalla: La emblemática fuente de Troncoso (Mondariz, Pontevedra) la inacción que ha conducido a la ruina de este sobresaliente patrimonio minero. Revistes UPC – ID Entidades – Laboratorio Internacional de Paisajes Culturales.
  • Hemeroteca de Faro de Vigo
  • Enrique Orche. La Fuente de Troncoso, origen del Balneario de Mondariz: un patrimonio cultural y minero abandonado a su suerte.
  • Mª Felisa Santoveña Zapatero. Vestidos de Asturias. 100 años de fotografía e indumentaria en Asturias. Facultade de Filosofía e Letras, Departamento de Historia da Universidade de Oviedo
  • Hemeroteca de Galiciana.
  • Anuarios varios.
  • Mondariz Balneario Antiguo2.mpg. Pedro R. M., publicado por Albino Ferreira.
  • Outras fontes documentadas nas notas ao final do artigo.

AGRADECEMENTOS:

  • Á familia de Luisa e Rosina Pardo, en concreto a Marga Paredes, pola información recibida sobre estas dúas fotógrafas e a súa familia, así como a autorización para publicar parte das imaxes que acompañan esta pequena biografía.
  • Aos Rexistros Civís de Mondariz, Mondariz-Balneario e Tui.
  • Aos Rexistros municipais de Mondariz e Mondariz-Balneario.

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest