BRITA SOFIA HESSELIUS (1801-1866)

Daguerrotipo anónimo

Publicada o 15/02/2021

Foi a primeira fotógrafa profesional sueca, con estudio propio, que comezou traballando co daguerrotipo.

BRITA SOFIA HESSELIUS (1801-1866)

Brita Sofia Hesselius naceu o 6 de xuño de 1801 na parroquia de Alster, no Municipio de Karlstad, cidade capital da provincia de Värmland, situada na ribeira norte do lago Vänern, unha das cidades máis grandes de Suecia. Filla de Anna Katarina Roman y Olov Hesselius, inspector de obras. O seu avó paterno era Jonas Hesselius, vicario en Särna.

Formada en Belas Artes, Brita pintaba ao óleo e dirixía unha escola para nenas en Karlstad entre os anos 1845 e 1853, onde tamén impartía clases de debuxo e pintura. Compaxinaba este traballo cun estudio fotográfico que abrira nese mesmo ano 1845, na mesma localidade onde naceu, sendo o único estudio permanente que había na provincia de Värmland.

No seu gabinete fotográfico traballaba co proceso do daguerrotipo, inventado poucos anos antes, polo francés Louis J. Daguerre, anunciado oficialmente en París o 19 de agosto de 1839; pasaran só tres semanas antes de que os xornais publicaran a noticia en Suecia, e catro meses máis tarde, no Nadal de 1839, o procedemento xa estaba traducido ao sueco. Este sistema, que era moi preciso en termos de detalle e pulcritude, revelaba ao mundo detalles que non se tiñan visto na pintura, de aí que como pintora se interesara por esta nova tecnoloxía e abrira o estudio fotográfico como complemento do seu traballo artístico e docente. A pesar de que co proceso do daguerrotipo só se podía producir unha copia, este método era moito máis rápido e máis eficaz que a única alternativa de pintar retratos.

Probablemente foi a primeira fotógrafa profesional do seu país, pois comezou a fotografar poucos anos despois de que Johan Adolf Sevén abrira o seu primeiro estudio fotográfico en Suecia no ano 1841; logo tamén é probablemente, unha das primeiras fotógrafas profesionais femininas do mundo, xunto con Bertha Wehnert-Beckmann (1815-1901), unha fotógrafa alemá considerada como a primeira profesional europea en ingresar na historia da fotografía. Tras ela, abriron estudio outras fotógrafas suecas, como Hedvig Söderström, que estaba activa en Estocolmo desde 1857 e María Kinnberg, en Gotemburgo e Norrköping desde 1852.

En Galicia, coas investigacións publicadas ata o momento, non houbo daguerrotipistas. A primeira pioneira, documentada por Carlos Castealo (As orixes da fotografía en Galicia – Estudios composteláns do XIX), é María Cardarelly no ano 1864, en Santiago de Compostela, xa na época en que as Cartas de Visita, patentadas polo fotógrafo francés André Adolphe Disdéri en 1854, estaban popularizadas. No resto do Estado, podemos indicar algúns nomes, como Madame Valpery en Madrid no ano 1842; Madame Fritz en 1943 e Anaïs Napoleon en 1853, ambas en Barcelona.

Na época do uso do daguerrotipo, en Suecia existía unha Ordenanza aprobada en 1846 de fábricas e artesanía que outorgaba ás mulleres os mesmos dereitos artesanais que aos homes. É dicir, que as mulleres adultas podían exercer unha profesión artesanal. Aínda que o antigo sistema de gremios artesanais tiñan un forte carácter masculino, esta Ordenanza permitiu, que unha longa lista de mulleres emprendedoras se incorporaran ao mundo laboral. No caso da fotógrafa, Brita Sofia Hesselius, era unha excepción nos anos que se incorporou, décadas 1840-1850, pois o sector fotográfico aínda estaba completamente dominado por homes. Grazas a esta ordenanza, Suecia é un dos países que máis pioneiras fotógrafas ten rexistradas, unhas catrocentas entre 1860 e 1920. Só na década de 1860 había rexistrados 100 fotógrafos na capital, dos que 14 deles eran mulleres, entre as que se atopaban Bertha Valerius (1824-1895) e Wilhelmina Lagerholm (1826-1917), que abriran os seus primeiros estudios no ano 1862; ou, Hilda Sjölin (1835-195) en 1860. Probablemente foron moitas as razóns que motivaron que tantas mulleres elixiran a profesión de fotógrafas; entre elas podemos indicar algunhas: como a influencia de ser un negocio moi novo, en evolución, e que apenas pasara tempo para que fora monopolizado polos homes; tamén que a fotografía era considerada unha profesión respectable e burguesa, con boas perspectivas financeiras; ou, que o traballo que realizaban os gabinetes fotográficos, considerábase máis axeitado para as mulleres, dada a súa delicadeza. Xa en 1881, a Sección Editorial do Faro de Vigo (17/01/1881), baixo o título de “La Educación de la mujer en Suecia”, describía nun longo artigo, o avanzado que estaba o país respecto a outros de Europa no que á lexislación e centros de instrucións enfocados á muller se refería, e textualmente, dicía:

[…] Multitud de mujeres célebres ha tenido Suecia, debido á esta notable organización de la enseñanza femenina y escritoras tan conocidas como la señora Leangrea y Federica Bremer cantantes como Jenny Lind, Cristina Nilson y Luisa Michaeli, y pintoras como Sofia Adiespane, son verdaderas ilustraciones en este país. Posee además Suecia mujeres acreditadas en el conocimiento de las ciencias físicas y naturales, y otras consagradas á distintas profesiones como el comercio, la litografía, fotografía, cirujía, telégrafos, y al estudio y ejercicio de las ciencias médicas. […]

En 1853, Brita Sofía Hesselius tiña intención de trasladar o seu negocio a Estocolmo, pero debido ao cólera tivo que quedar en Karlstad.

Finalmente, marchou a Francia, onde morreu en 1866, aos sesenta e cinco anos no cantón de Mentón, distrito de Niza, poboación francesa situada no departamento dos Alpes Marítimos, na raia coa fronteira italiana, a medio camiño entre a cidade italiana de Ventimiglia e o principado de Mónaco.

A finais da década de 1870, moitas fotógrafas seguiron os pasos de Brita Sofía Hesselius, en Suecia, traballando como empresarias profesionais, moitas delas solteiras, pero as casadas, a partir de 1874 tiñan dereito a dispor dos seus propios ingresos.

FONTES:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest