MARUJA ROCA (1912-)

Publicado o 29/12/2020

Retrato de Maruja Roca. Colección privada.

Este remate de ano, sorpréndenos coa publicación do traballo dunha nova pioneira da fotografía en Galicia, Maruja Roca.

O libro titulado “O feitizo de Maruja Roca”, con edición fotográfica de Eutropio Rodríguez e textos de Nieves Neira Roca, a sobriña neta da fotógrafa, foi publicado pola aCentral Folque neste mes de decembro de 2020.

Con máis de cen fotografías realizadas por Maruja Roca na década dos corenta do pasado século XX, o libro, descríbenos, cun texto poético, a súa vida, e permítenos admirar o traballo desta fotógrafa profesional que naceu en Castro de Rei no ano 1912, pero que marchou coa súa familia cando era unha cativa para Baralla (nome que Gonzalo Torrente Ballester inmortalizou na súa novela La saga/fuga de J.B.), municipio de Lugo, pertencente á comarca dos Ancares.

Segundo narra Nieves Neira, no libro recen saído do prelo, rematada a guerra civil e por motivo do seu casamento, Maruja Roca abandonaría a súa residencia en Baralla para instalarse en Becerreá, Nesta vila, e como axuda para a economía familiar, a futura retratista, portando unha máquina Zeiss Nikon, comezaría a súa andaina na práctica fotográfica á que, paseniñamente, iría achegando o seu particular e suxestivo punto de vista. O costume de queimar os negativos impide hoxe ter unha visión completa da súa obra, pero o recompilado a partir daqueles retratos que ela mesma conservou, e as reunidas posteriormente a partir dos álbums familiares da veciñanza de Becerreá, permitiron a súa sobriña neta evocar a singularidade da súa obra e o seu contexto vital.

A obra de Maruja Roca é inédita, ten un estilo propio moi marcado. A composición da maior parte das súas imaxes teñen como pano de fondo a propia natureza, contexto onde se desenvolve a acción, aparecendo as persoas retratadas en actitude espontánea, lonxe de falsas poses. Retrata a todo tipo de xentes: nenos e nenas, pero sobre todo moitas mulleres, con especial atención á xitanas e outras ambulantes que transitaban pola vila, así como a feirantes e traballadores, buscando nos seus rostros as pegadas que o tempo e as duras condicións de vida ían deixando.

Xitanas, por Maruja Roca. Colección privada.

Como muller fotógrafa, nunha época na que a ditadura franquista relegaba ás mulleres a un papel de subordinación e de opresión xerada pola reclusión no ámbito doméstico, Maruja Roca foi unha máis nese reducido grupo de briosas mulleres que se atreveron a traspasar esa raia vermella imposta polo patriarcado. Polos anuarios, sabemos que en Galicia exerceron como fotógrafas profesionais, utilizando o seu nome, entre 1851 e 1936, unhas catorce fotógrafas; catro delas anunciábanse no primeiro terzo do século XX, probablemente algunhas outras permanecen no ostracismo debido a falta da visibilidade que proporcionaba a presenza nestes anuarios e nos xornais a través dos anuncios. En relación con outras zonas do estado, Galicia destacaba neste período, como unha das comunidades co maior número de profesionais, só superada por Andalucía, Cataluña, Valencia e Madrid. Aínda quedan moitas por visibilizar nesa longa lista de mulleres fotógrafas, as que exerceron antes e despois da posguerra. Hoxe sae outra mais á luz, Maruja Roca, grazas a súa sobriña neta Nieves Neira e ao fotógrafo Eutropio Rodríguez.

 

FONTES:

  • Eutropio Rodríguez e Nieves Neira Roca. 2020. O feitizo de Maruja Roca. aCentral Folque.
  • “El Progreso”.15/93/2019. Nieves Neira. A fotógrafa, revelada.
  • “Faro de Vigo”. 22/06/2020. La lucense Nieves Neira gana el Johán Carballeira de Xornalismo por un trabajo sobre Maruja Roca. Redacción. Bueu.
  • Becerreá.net. O tesouro insólito – Álbum comarcal.
  • G24.gal. Maruja Roca, unha gran fotógrafa descoñecida no Lugo dos anos 40. 26/03/2019.
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest