JANE MARTHA ST. JOHN (1801-1882)


Publicado o 05/10/2020

Unha das primeiras fotógrafas afeccionadas inglesas que é recordada polos calotipos que realizou en varias cidades de Italia, durante unha longa viaxe.

VIDA

O seu verdadeiro nome era Jane Martha Hicks Beach, nacida o 24 de xullo de 1801 na mansión Williamstrip(1) lugar de residencia da familia Hicks Beach desde finais do século XVIII ata principios do XXI; rodeada dun parque forestal, esta mansión, hoxe convertida nun hotel, está situada na parroquia de Coln St. Aldwyns, condado de Gloucestershire, Reino Unido. O seu pai, Michael Hicks Beach (1760-1830)(2) era fillo de Sir Howe Hicks, e irmá de sir William Hicks; foi deputado do Parlamento inglés pola circunscrición parlamentaria de Cirencester durante o período de 1794 a 1818. A súa nai, Henrietta María Beach (1760-1837), procedía dunha rica e nobre familia, que non só dotou a familia Hicks coa súa fortuna, senón tamén co seu nome “Beach”. Á morte do seu pai, herdou, ademais Williamstrip Park, a mansión Netheravon, situada nunha localidade do condado de Wiltshire.

Williamstrip Park

Jane Martha ocupaba o cuarto lugar dos oito fillos que tivera o matrimonio. A súa nai, Henrietta María Beach, era moi maior cando tivo a súa filla, contaba con corenta e un anos. A pesar da súa gran familia, pronto se encontrou soa. Cando cumpriu os nove anos, tres das súas irmás e dous dos seus irmáns xa morreran; o irmán maior, que lle levaba vinte e un anos, Michael Hicks-Beach (1780-1817), casara e o seu irmán William Hicks-Beach (1783-1856), que estudara en Eton e Edimburgo, sería membro do Parlamento pola circunscrición de Malmesbury desde 1812 a 1817, ao mesmo tempo que o seu pai exercía como deputado de Cirencester e como terratenente.

Cando Jane Martha contaba con dezaseis anos, en 1817, morre o seu irmá maior, Michael. Esta situación familiar converteuna na única filla que habitaba o lugar, provocando que pasara moito tempo a soas coa súa nai; circunstancia que posiblemente pesou moito na decisión da fotógrafa cando rechazaba as propostas matrimoniais que recibía.

Ás circunstancias anteriores, sumáronse outras en 1831, cando Jane Martha tiña trinta anos: Falece a súa boa amiga e curmá, ademais de cuñada, Jane Henrietta Browne, casada co seu irmá William, deixando tres fillos moi pequenos, que pasaron ao seu coidado. Un ano máis tarde, en 1932, a sombra da morte volvería visitar á familia, esta vez na persoa do seu tío Wither Bramston, quen deixaba en herdanza a súa propiedade de Oakely Hall en Hampshire a William, onde se trasladou a vivir cos seus fillos.

Coa marcha do seu irmá, Jane Martha quedaría totalmente soa acompañando a súa nai, cuxa morte se produciría anos máis tarde, en 1837, deixándoa libre para mudarse a Oakley Hall. Anos máis tarde viaxaría a Alemaña, onde o seu irmán William decidiu pasar unha longa temporada cos seus fillos entre 1844 e 1845.

Casa cando tiña corenta e sete anos, o 24 de febreiro de 1848, con Edward William St. John, catorce anos menor que ela, único fillo do reverendo Edward St. John e a súa esposa María, que vivían na finca de nome Ashe, fronteiriza co parque; pasando a chamarse a partir dese momento, Jane Martha St. John. Ambos quedarían instalados nunha casa de campo de Oakley, na finca propiedade do seu irmá Michael.

Nesa época o “matrimonio” seguía sendo o eixo estrutural en torno ao que xiraban as relacións sociais, e os St. John, pertencían ás clases terratenentes que asomaran na paisaxe social e cultural da Gran Bretaña de mediados do século XIX. Asociados a boas linaxes, posuían conexións e amizades en toda a sociedade, a ambos lados do matrimonio, educación e, sobre todo, unha liberdade económica que lles permitía vivir unha vida privilexiada. Foi a través destas conexións sociais e familiares, como Jane Martha conectou coa fotografía. Os seus curmáns en Glamorgan, condado de Gales, os Mansel Talbot, tamén descendentes do seu bisavó Thomas Beach, faláranlle do proceso do calotipo inventado por William Henry Fox Talbot(3)(1800-1877). Tamén estaban en Gales os Llewelyns de Penllegare, Emma Thomasina Talbot (1808-1881), irmá de Chistopher Rice Mansel Talbot (“Kit”), curmáns galeses de W. H. T. Talbot, quen a chamaba cariñosamente “tía Jane”, e John Dillwyn Lleweling (1810-1882), o seu marido, botánico e tamén fotógrafo, irmán da importante fotógrafa galesa Mary Dillwyn (1816-1906). Un fillo desta parella, John Talbot Dillwyn Llewelyn(1836-1927), casaría en 1861 coa súa sobriña, Carolyn Julia Hicks Beach, de cuxo acontecemento, Jane Martha deixaría testemuña gráfica no seu álbum familiar.

Na década de 1850, Jane Martha St. John, adquiriu unha cámara coa que retratou a amigos e familiares. Algunhas destas fotos, pódense ver no álbum familiar, depositado agora no Museo Metropolitano de Arte, que fora propiedade de Emma Charlotte (1837-1929), filla da súa curmá Emma Thomasina Talbot.

A pesar da proximidade familiar por parte dos Dillwyn e dos Talbot, parece, segundo a documentación estudada ata o momento, que Jane Martha non recorreu a súa axuda para iniciarse na arte fotográfica, nin ao seu lonxano parente Henry Fox Talbot, nin ao marido da súa curmá Emma Thomasina, John Dillwyn. Demostrado está que Talbot visitou Williamstrip cando ela tiña quince anos, pero non volveu ter contacto desde ese ano 1816; en canto a John Llewelyn, marido da súa curmá, non aparecen fotos no álbum familiar da fotógrafa, nin tampouco fotos de Jane Martha en Penllergare, domicilio dos Llewellyn, ou deste fotógrafo na casa de campo de Oakley Cottage, onde vivía Jane.

Na época en que mercou a cámara, Jane Martha comezou un álbum familiar propio, onde pegaba as fotos realizadas por ela e as que recibía dos demais, entre as que se achaban numerosas fotografías realizadas ao seu marido Edward e as enviadas pola súa curmá, Emma Thomasina Talbot, realizadas, neste caso, polo seu marido, o xa nomeado fotógrafo John Llewelyn Dillwyn, e datadas en 1853. Neste álbum tan persoal e familiar, aparece na primeira páxina, diante de toda a súa familia, a fotografía de Peter Wickens Fry(4)(1795-1860), unha persoa que non pertencía ao seu entorno familiar, e que se ignora como chegou a coñecelo, aínda que sendo conscientes do interese que Jane Martha tiña pola fotografía, e de que o fotógrafo visitaba a casa de John, é posible que o seu acercamento se producira a través dos Llewelyn. Isto disiparía as interrogantes de como Jane Martha comezou coa fotografía, xa que posiblemente foi Fry, quen a axudou cos procesos fotográficos que utilizaba a fotógrafa, primeiro cos calotipos realizados na viaxe a Italia que emprendería nos últimos anos da década de 1850 e máis tarde co colodión que utilizaría nos anos seguintes. Este álbum familiar, permaneceu en Oakley Hall ata 1931; e, cando o bisneto do irmán de Jane, William Guy Hicks Beach (1891-1953) foi declarado en quebra, vendeu a propiedade con todo o seu contido, e sen dar conta á familia, a un especulador, quen rapidamente realizou a venda de todos os enseres. A familia puido rescatar algúns dos artigos, entre os que estaba o álbum, que volveu ao seu lugar en Williamstrip Park, onde se atopou en 1992.

Cando contaba con cincuenta e tres anos, en 1854, Jane Martha St. John comeza unha longa viaxe por Francia e Italia acompañada do seu marido. A viaxe duraría ata 1956, percorrendo diferentes cidades nas que realizou máis de cen fotografías, hoxe depositadas no Museo J. Paul Getty e o Museo Metropolitano de Arte (MET). Desta viaxe só hai constancia das fotografías realizadas en Italia en 1856, que figuran montadas no álbum e datadas cronoloxicamente. Segundo as datas indicadas, Jane Martha tomou un par de fotos, pouco salientables, despois da súa chegada a Xénova. Na súa xira por Nápoles comezou en serio o seu traballo fotografando desde a ventá do Hotel des Etrangers onde se hospedaba, o paseo marítimo da baía, dúas fotografías consideradas excepcionais para a época, que se poden visualizar na galería que se acompaña como mostra do seu traballo.

Nas fotografías realizadas durante a viaxe, a diferenza da obra de Talbot, coa que seguramente estaba máis familiarizada, as súas composicións mostran un enfoque pouco estudado, máis propio dunha persoa observadora que está preocupada en captar o momento que en conformarse cos principios artísticos reinantes nese momento, algo que confire á súa obra espontaneidade.

Esta despreocupación, móstrase en moitas das fotografías que realizou durante esta viaxe; por exemplo, na fotografía que efectuou dun carro de bois que se establecera diante dunha porta de entrada romana. Jane Martha St. John sabe que a exposición é longa, e que os bois se moven, pero a pesar de todo isto, realiza a fotografía. Esta inmediatez que amosa a imaxe, fai que as súas fotografías sexan como as que se tomarían décadas máis tarde, cando a introdución de emulsións máis rápidas e cámaras de man que fixeron máis común este tipo de imaxes.

Como comenta Roger Taylor, no seu libro Impressed by Light: British Photographs from Paper Negatives, 1840-1860, publicado polo Metropolitan Museum of Art Publications, no ano 2007, Jane Martha St. Johns, era capaz de estruturar unha imaxe con tanta habilidade como calquera outro fotógrafo, coidaba a composición das súas fotografías buscando visións menos comúns, dotando a fotografía dun novo enfoque para eses tempos, como cando fotografou en Roma o Coliseo co Arco de Constantino, ou a basílica de Santa María Maior, colocando a cámara de tal xeito que o pavimento empedrado dirixira a vista cara á igrexa, mentres que as avenidas de árbores a enmarcaban polos lados. Segundo comenta textualmente este autor:

Aínda que é improbable que sexa considerada unha gran fotógrafa, St. John foi sen dúbida unha das persoas afeccionadas máis interesantes de mediados do século XIX, non só porque era muller, senón porque a súa actitude cara a fotografía era moi orixinal.

Ao remate desta viaxe a Italia, Jane Martha St. John realizara máis de cen fotografías, recollidas todas elas, como se dixo antes, cronoloxicamente no álbum.

A idade tardía do seu casamento, seguramente impediu que tivera fillos, así que as súas fotografías familiares están cheas de moitos sobriños e sobriñas de ambas ramas da familia a quen Jane Martha St. John se encargaba de retratar, e co tempo, tamén aos fillos e fillas destes, e todos os animais domésticos e mascotas que existían na propiedade de Oakley e Williamstrip Park, entre os que se atopaban Polly e Peter, un loro e un can que aparecen nalgunhas das fotografías do álbum datadas entre 1859 e 1866.

Na época en que Jane Martha St. John fotografaba, había outras mulleres, todas elas pertencentes á alta burguesía inglesa, que sobresaíron como afeccionadas á fotografía, utilizando diferentes procesos fotográficos. Mencionar á primeira fotógrafa en publicar un libro de fotografías que, a diferencia das demais, utilizou o cyanotipo, Anna Atkins (1799-1871). Tamén estaban, utilizando a maioría delas o calotipo: Miss Bush, da que só se conserva unha fotografía; Mary Dillwyn (1816-1906), e a súa sobriña Thereza Mary Dillwyn Story Maskelyne(5)(1834-1926), sobriña neta de Jane Martha St. Jhon; Elixabeth Annbe Finn(6)(1825-1921); Amelia Elisabeth Guppy(7)(1808-1886); Caroline (1829-1887), Henrietta Augusta (1830-1912) e Emily (8); Mary Rosse(9)(1813-1855); Blanche Enrietta Johnes Shelley (1841-1898); Pauline Jermyn (10) (1816-1866); Harriet Ann Tucker(11) e Harriet Christina Tytler(12) (1828-1907), entre outras.

Jane Martha San Juan morreu en Oakley o 18 de novembro de 1882 aos 81 anos de idade, catro anos antes que o seu marido Edward. Está soterrada en St. Leonards Churchyard, Oakley.

OBRA

A obra de Jane Martha San Juan inclúe retratos, vistas de viaxes e escenas dos xardíns da súa casa e das que visitaba. Coidaba moito a composición nos seus traballos, engadindo un enfoque moi particular, o que a converteu nunha das fotógrafas afeccionadas máis interesantes da metade do século XIX.

No seu álbum familiar, descuberto en 1992 na casa natal de Jane, en Williamstrip Park, pódense ver as fotografías máis familiares; cun tamaño de 225x197mm, está encadernado en cor verde, cunha soa liña labrada en ouro no borde e páxinas con marca de auga. Nel hai 96 fotografías dispostas en oitenta e sete páxinas numeradas a man por ela mesma. As primeiras fotografías familiares que aparecen son do marido da súa curmá, o fotógrafo John Dillwyn Llewelyn, datadas aproximadamente en 1853; como se comentou anteriormente, foron enviadas pola súa curmá Emma Thomasina Talbot; outras dúas dun grupo de cinco, están datadas a man o sete de maio de 1861, e foron tomadas o día en que a neta do seu irmán Michael, Caroline Julia Hicks Beach, casa con John Talbot Dillwyn Llewelyn, fillo da súa curmá Emma Thomasina. No álbum aparecen tamén algúns retratos de estudio e outros que se corresponden cos terreos da súa casa de campo en Oakley e Williamstrip Park, que parecen datar entre 1859 e 1866.

Entre as fotografías máis notables, destacan as realizadas na súa viaxe por Italia, reunidas todas elas nun só álbum. Poucos fotógrafos da xeración de Jane Martha St. John fixeron fotografías como esas. Nese momento, entre os profesionais, valorábase a técnica, algo que a Jane St. John non lle preocupaba tanto, porque non pertencía ás sociedades fotográficas, nin exhibía as súas fotografías, senón que as realizaba para ser vistas polos familiares e as amizades.

As súas fotografías, forman parte das coleccións permanentes de:

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS

The J. Paul Getty Museum:

The MET:

NOTAS AO PÉ:

(1)Esta mansión, coñecida horixinalmente como Hall Place, data de 1299. Ao longo dos séculos cambiou de mans varias veces, ata que en 1780 foi mercada pola familia de Jane Martha, quen realizou importantes modificacións no edificio. A propiedade, ademais da mansión, comprendía a parroquia de Coln St. Aldwyn e a metada da parroquia de Quenington.

https://www.eastleach.org/williamstrip/

(2)Michael Hicks, engadiu o apelido da súa muller, Beach, ao aceptar a herdanza do seu sogro, que morreu en 1790.

(3)Destacado fotógrafo pioneiro, precursor dos procesos fotográficos de finais do século XIX e XX. Inventor do papel salgado e o proceso do calotipo ou talbotipo.

(4)Un fotógrafo afeccionado que traballou con Frederick Scott Archer, axudándoo nos primeiros experimentos do colodión húmido; membro da Sociedade de Artes e fundador do Royal Photographic Club en 1848.

(5)Filla de John Dillwyn Llewelyn e Emma Thomasina Talbot. Cando era moi nena, cuns sete ou oito anos, Thereza axudaba ao seu pai nas longas exposicións do daguerrotipo. Na década de 1840, comezou a realizar calotipos e máis tarde, o seu centro de interese trasladouse á placa de colodión húmido, un dos procesos nos que Thereza sobresaía como afeccionada.

(6)Quen coñeceu os novos adiantos fotográficos en Londres. Casada en 1846 con Jame Finn, marchou a Palestina onde o seu marido ocupou o posto de cónsul británico en Xerusalén. Aquí coñeceu a un bo amigo de H.F. Talbot, George Wilson Bridges, quen lle explicou todo o necesario sobre os calotipos. A partir de aquí, solicitou lle enviaran os materias fotográficos necesarios para dedicarse á fotografía. Regresou a Inglaterra en 1861.

(7)Quen comezou primeiro coa pintura. Casou en 1834 con Robert Guppy, viviron uns anos en Trinidad e volveron a Inglaterra. A súa primeira fotografía é un retrato do seu fillo Robert Lechmere Guppy, datada en 1847. En 1854 Amelia E. Guppy amosou catro calotipos de arquitecturas e paisaxes británicos na exposición da Photographic Society en Londres, e converteuse en membro da sociedade cinco anos máis tarde. En 1858 doou un negativo que realizara en Trinidad a esta mesma Sociedade. A fotografía era a súa paixón e, chegado 1871, á idade de sesenta e tres anos, partiu soa para explorar o curso alto do río Orinoco en Venezuela, coa intención non só de fotografar, senón tamén de pintar e recoller as raras orquídeas da rexión. A súa obra fotográfica, aparellos, e demais obra pictórica, foron destruídas polos efectos do almacenamento durante a Segunda Guerra Mundial.

(8)Fillas de William Nevill, cuarto conde de Abergavenny. As tres irmáns, Caroline, Henrietta Augusta e Emily, eran afeccionadas á fotografía, coñecidas nestes círculos fotográficos como “O trío”. As tres expuxeron os seus traballos en 1854, na Photographic Society de Londres co título de “The Ladies Nevill”. Caroline e Henrietta participaron na fundación da Photographic Exchange Society cando se fundou en 1855, contribuíndo con vistas arquitectónicas de Sussex e Kent, feitas con papel negativo encerado, que a sociedade publicaba en álbums entre 1855 e 1859. Henrietta casou en 1855 e continuou expoñendo como Lady Augusta Mostyn. Caroline, nunca casaría.

(9)Participara xunto co seu marido no deseño e construción dun telescopio, daquela, o máis grande do mundo, coñecido como “O Leviatán”. Mary Rosse, comezara co daguerrotipo en 1842 e coñecera a Talbot dentro dos círculos científicos nos que se movía. En 1853, cando esperaba o seu undécimo fillo, comezou a fotografar, enviando a Talbot algúns exemplares das primeiras fotografías. Mary Rosse traballaba con negativos de papel encerado, un proceso no que se faría experta. Converteuse en membro da Dublin Photographic Society en 1856, sendo premiada cunha medalla de prata “ao mellor papel negativo” da Photographic Society de Irlanda en 1859.

(10)Filla dun crego, anticuario e naturalista, que acompañaba ao seu pai, cando tiña dezasete anos, ao redor de 1833, ás reunións da Asociación Británica para o Avance da Ciencia, en Cambridge. Aquí coñeceu ao xeólogo Walter Trevelyan, con quen casou en 1835. Durante a primeira década da súa unión, dedicáronse a viaxar por Europa, estudando temas científicos, mercando arte, e realizando Pauline bosquexos coa súa cámara lúcida. En 1840 aprendeu os principios químicos e ópticos da fotografía. En abril de 1844 comezou a axudar ao seu marido a facer algúns calotipos, e polo seu aniversario, en 1845, agasallouna cunha cámara, coa que comezou a traballar en serio na fotografía, utilizando o método do calotipo, aplicando toda a súa formación artística e científica que previamente adquirida.

(11)Ocupaba un posto de dirección na empresa do seu marido John Tucker, a exitosa fábrica de encaixes Honiton. Coñecida como Pauline Trevelyan, dispoñía, ademais da teoría e dos medios, das habilidades técnicas para dominar a fotografía. Dous dos seus calotipos  foron vendidos en poxa en 1977.

(12)Nacida en Londres, Harriet Earle converteríase na segunda esposa de Robert Tytler en 1848, comandante do exército da Compañía das Indias Orientais. Foi unha das poucas que sobreviviu á rebelión da Indía de 1857. Chegou a realizar uns cincocentos negativos en papel encerado despois do asedio de Delhi. Asinaba como “H.C.T” . Na década de 1980 venderon en poxa moitas das súas fotografías.

FONTES CONSULTADAS

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest