DORA MAAR (1907-1997)

Autorretrato (1930). Retrato de Dora Maar por Man Ray (1936). Retrato de Dora Maar por Brassaï (1940)

Publicado o 24/07/2020

Pintora e fotógrafa surrealista francesa, unha das pezas clave das vangardas europeas.

VIDA:

O seu verdadeiro nome era Henriette Theodora Markovitch, nacida un 22 de novembro de 1907 en París. O seu pai, Joseph Markovitch, era un arquitecto croata, nomeado embaixador de Austria-Hungría en Bos Aires, Arxentina, onde se mudaron cando Henriette tiña tres anos de idade. A súa nai, Julie Voisin, era unha violinista francesa, orixinaria de Tours, que se nacionalizou croata para poder casarse, recuperando máis tarde a súa nacionalidade francesa.

Henriette Markovitch, pasou a súa infancia e adolescencia en Arxentina, de aí que na súa familia se falara tanto o francés como o español.

Regresou a París en 1923, con dezaseis anos. A súa vocación levouna a matricularse na École & Ateliers d’Art Décoratifs pour Jeunes(1), na rúa Beethoven, que dependía da Union Centrale des Arts Décoratifs parisina, onde estudaría durante tres anos. Aquí coincidiría con Paul Éluard, Georges Bataille e Jacqueline Lamba(2) muller de André Bretón, quen a introduciría no círculo surrealista.

En 1927 matriculouse no obradoiro do pintor André Lhote, unha influencia que se reflectiría nas pinturas de paisaxes que Dora Maar pintaría nos anos cincuenta. Lhote, interesado na fotografía como medio de expresión, contaba entre o seu alumnado con algúns fotógrafos entre os que estaban a fotógrafa Florence Henri(3) e Henri Cartier-Bresson, un dos mellores fotógrafos do século, un ano menor que Dora, coa quen coincidiu e coñeceu no obradoiro; ambos manterían o contacto durante moito tempo, e sería bastantes anos máis tarde, en 1949, cando Cartier-Bresson ademais de admirar a obra pictórica de Dora, definiríaa como unha “notable fotógrafa, cuxas obras posuían sempre algo moi misterioso e moi alarmante”.

Dora Maar non estaba de todo satisfeita co ensino recibido no obradoiro de Lhote, así que máis tarde, seguindo o consello de Marcel Zahar, crítico de arte e periodista da importante revista Formes, inclinouse pola fotografía, continuando os seus estudios na École de Photographie de la Ville de Paris, da rúa Vaugirard.

En 1930-31, entra a traballar no taller do fotógrafo polaco, Harry Ossip Meerson, coñecido por ter fotografado a Marlene Dietrich en 1929. Algunha das fotografías de moda realizadas por Dora Maar, pertencentes hoxe á colección do Centro Georges Pompidou, amosan o impacto que tivo o refinado estilo de Meerson sobre a fotógrafa, que comeza a publicar as súas primeiras obras como Dora Markovith en 1930. Neste estudio Dora coñeceu a Brassaï, quen como ela, comezaba a súa carreira, e con quen establecería unha longa amizade. Foi por esta época cando Dora se inicia na profesión fotográfica e cambia o nome de Henriette Markovith por outro máis fácil de pronunciar e máis comercial, Dora Maar.

A falta de laboratorio onde revelar as fotografías e para poder custear os gastos de revelado, no ano 1932, convenceu ao decorador Pierre Kéfer un amigo da fotógrafa que pertencía a unha coñecida familia parisina adiñeirada, para darlle clases, quen a cambio deixáballe usar o seu taller, situado no xardín da casa familiar no bulevar Ricard Wallace. Ambos firmarían as súas obras co tampón Kefer-Maar ata 1934, aínda que segundo parece, a maioría delas, e sobre todas as últimas, foran realizadas por Dora. Como estudio Kéfer-Dora, realizaría dous proxectos publicitarios para produtos de beleza: unha crema anti-idade co o eslogan “Os anos espérante”; e unha loción para Pétrole Hahn.

Esporadicamente, Dora Maar respondía realizando reportaxes para revistas dirixidas á mulleres como “Séduction”, “Beauté magazine” ou “Secrets de Paris”.

Recibía encargos sobre fotografía publicitaria e de moda, un traballo que lle permitiría emanciparse grazas ao gran desenvolvemento experimentado polo mercado da prensa ilustrada, unha especialización que comezaba a desenvolverse nesa época, e que as fotógrafas e fotógrafos utilizaban como medio para obter ingresos. Fotógrafos como Edward Steichn, Horst P. Horst ou Cecil Beaton dedicáronse á moda; mais chama a atención que nesta época, en París, había unha vintena de fotógrafas francesas e estranxeiras que destacaban por este traballo, entre as que se pode nomear a Florence Henri, Gisèle Freund ou Lisette Model. entre outras. Dora Maar realizaría reportaxes de moda para revistas como “Excelsior modes”, “Femina”, “Le Figaro Ilustré” ou “VU”, cun estilo que a distinguiría pola elección dos decorados e os accesorios que utilizaba como ambientación, e a fotomontaxe.

A “fotografía de rúa”, era unha máis das liñas que traballou Dora Maar, onde combinaba a sensibilidade surrealista co particular humor e crítica social que caracteriza o seu traballo. Como consecuencia da gran depresión derivada do crack de 1929, os países quedaron sumidos nunha gran pobreza, que se exteriorizaba con máis crudeza nos barrios pobres das cidades. A partir de 1933 Dora Maar decide denunciar a situación, recollendo coa súa cámara a situación dos barrios pobres de París, viaxando soa a Londres e a Barcelona, para retratar a miseria que atopaba ao seu paso polas rúas. En Barcelona retrataría obras de Gaudí e escenas das Ramblas e do mercado da Boquería. De regreso en París, e grazas a axuda do seu pai, a fotógrafa establecería o seu propio estudio, na rue d’Astorg, onde utilizaba tampón propio co nome de “DORA MAAR”. Empregaba unha cámara Leica e unha Rolleiflex 9-12, que apareceran no mercado en 1925, facilitando moito a tarefa dos fotógrafos pola súa lixeireza e rapidez de funcionamento.

Por esta época, o pictorialismo xa fora desterrado e comezara a chamada Nova Visión, que se caracterizaría por reflectir dramatismos e realidades distorcidas, para o que utilizaban esaxerados primeiros planos, fotografía nocturna, perspectivas oblicuas, ángulos inusitados, experimentos con colaxes, solarizacións, sobreimpresións, etc. Algúns destes procedementos aparecerían nas primeiras fotografías de Dora, que se acercaría ao medio surrealista ao redor de 1933. Formando parte do seu traballo, tamén experimentou coa superposición de negativos, os colaxes e as fotomontaxes, compostas de xustaposicións inquietantes e ambiguas, que impregnaban a súa obra fotográfica do absurdo e o onirismo surrealista.

Mary Ann Caws, historiadora de arte e experta en surrealismo, biógrafa de Picasso, entre outras personaxes importantes, fai o seguinte comentario sobre as fotografías de Dora Maar:

As fotografías deste período temperán son case expresionistas, cunha tinguidura dramática e algo perturbadoras. O seu innato sentido do humor, do que todo o mundo falaba, tiña un fío macabro: na humorística e non tan graciosa pose dun esquelete, un auto-retrato ou a colaboración dun estudante, Dora sonríe. […]
É unha confrontación da vida e a morte…”

Dora Maar preséntase á mostra Internacional da Fotografía en Bruselas no ano 1932; e, durante 1934, expón individualmente en dúas galerías, na galería Van den Berghe, de Montparnasse, e na galería de Beaune; Participa en mostras colectivas como a do Studio St. Jacques, na que expuxo xunto a Germaine Krull, Man Ray, Addré Kertész, Maurice Tabard, Roger Schall e Jean Moral entre outros. Foi neste ano cando coñeceu a Emmanuel Sougez, tamén fotógrafo e fundador do servizo fotográfico do semanario francés L’Illustration, con quen publicou, conxuntamente, fotografías máis dunha vez, como a editada en agosto deste mesmo ano na revista Arts et Métiers Graphiques. En 1935, participa na exposición colectiva titulada “Carteis-Fotos”, da galería Billiet-Vorms, onde está presente Jean Moral, con quen Dora Maar mantería unha breve relación.

Retrato de Ubu. Dora Maar. 1936.

Chegado 1936, o círculo de amizades da fotógrafa é moi amplo, relaciónase con todo tipo de artistas a quen fotografaba no seu estudio; e, entre os que se pode mencionar a Jean-Louis Barrault, Jean Cocteau, Jacques Prévert ou Frida Cahlo. Este mesmo ano, participaría noutra mostra colectiva titulada Exposition Internationale de la Photographie Contemporaine, do Museo das Artes Decorativas de París. Deste último ano, data a súa fotografía máis coñecida, titulada Retrato de Ubu, unha imaxe que parece representar o feto dun armadillo, algo que non foi confirmado nin pola propia fotógrafa cando lle preguntaron: “é un animal real pero nunca direi cal, para gardar o misterio”.

Mar era, ademais, unha muller moderna, atractiva e misteriosa, segundo transmiten algúns dos seus retratos, realizados por Man Ray, Andé Rogi, Lee Miller ou BrassaÏ durante os anos trinta e corenta; tiña unha vida artística e intelectual de gran solidez. Foi unha activista política, que compartía as súas inquietudes sociais con moitos artistas surrealistas. Este activismo vese reflectido nas fotografías que realizaba nas rúas, prestando atención e denunciando, como se comentou antes, ás realidades sociais; militaba activamente en colectivos revolucionarios de esquerda dirixidos por artistas e intelectuais, como o grupo Contre-Attaque, impulsado polo filósofo Georges Batallai durante os anos previos á Segunda Guerra Mundial. No ano 1934, asina o folleto “Chamado á loita”, escrito en resposta aos disturbios producidos pola extrema dereita o seis de febreiro.

En 1935, Dora Maar coñece a Picasso durante a presentación á prensa de “Le Crime de Monsieur Lange”, escrito e dirixido por Jacques Préver e Jean Renoir, no que Dora traballaba como fotógrafa do estudio cinematográfico. A fotógrafa mantiña por esta época unha tormentosa relación con Bataille e co actor Louis Chavance. Pero non foi ata 1936, pouco tempo antes do comezo da guerra civil española que comezou a súa relación con Picasso. Dora Maar tiña 29 anos e o artista case que lle duplicaba a idade, seguía casado coa rusa Olga Khokhlova, nai do seu fillo Paulo, e era parella da sueca Marie Thérèse Walter, coa que tiña outra filla, Maya. O seu reencontro no mítico café Deux Magots, foi a través dunha famosa escena que magnetizou ao pintor, na que Dora Maar xogaba nunha mesa a cravar unha navalla entre os dedos da súa man cubertos por guantes, que as veces se salpicaban con sangue cando calculaba mal, era un xogo masoquista.

A familia de Dora opúxose sempre a súa relación con Picasso. A súa nai morreu durante a ocupación de Francia polos nazis, mentres discutía coa súa filla por teléfono; deulle un infarto e deixou de falar, era de noite e estaba establecido o toque de queda. A fotógrafa atopouna morta ao día seguinte co teléfono na man.

Durante os case oito anos que durou a relación, esta estaría marcada polo intercambio intelectual e artístico, compartirían a súa creatividade, levando adiante unha serie de retratos nos que combinaron técnicas experimentais de fotografía e gravado. Aínda que o papel de musa de Dora Maar é moi coñecido, ela foi a primeira en tomar a Picasso como modelo das súas fotografías e da súas pinturas.

A pesar de que a relación que mantivo co pintor, deixaría unha imaxe da fotógrafa como unha persoa trastornada polo abandono de Picasso, algo xustificable para o patriarcado da época, hai que destacar e lembrar que foi ela quen acercou a Picasso ao Partido Comunista. Na súa compañía, Picasso comezou a traballar o 1 de maio de 1937 nos bosquexos do Guernica, mentres Dora Maar fotografía e documenta, unha por unha, as fases de creación do cadro, no que ela tamén aparece, como a muller chorando que suxeita a lámpada. Documentar este traballo non foi tarefa fácil para a fotógrafa, pois as fotografías non puideron ser tomadas nas mellores condicións, dado o gran tamaño do lenzo e a escasa iluminación do estudo, así que, para dar máis forza as imaxes, tivo que empregar métodos de retoque fotográfico, internegativos e copias de (4) .

Juan Manuel Garrido Roldán, no artigo sobre “Picasso y el cine: Historia y lenguaje artístico” publicado o 20 de outubro de 2004 pola Universitat de les Illes Balears, comenta textualmente:

[…] La conciencia política de Picasso toma una mayor dimensión cuando conoce a Dora Maar, […]

E continúa dicindo que para a realización do Guernica, Picasso puido inspirarse no cine de Eisenstein, cuxas películas se difundían nos cine-clubs parisinos, onde acostumaba a acompañar a Dora Maar. En concreto, comenta este autor, que sería a secuencia da Escaleira de Odessa, unha das escenas máis relevantes da película do “Acorazado de Potemkin”, onde se puido inspirar.

Brassaï, a quen coñecera Dora Maar no ano 1930, como se mencionou anteriormente, no taller do fotógrafo Harry Ossip Meerson, traballaba como fotógrafo para Picasso desde 1932, retratando a súa obra, unha tarefa que duraría longos anos, ata ben entrada a posguerra; pero foi Dora Maar, quen a petición de Picasso fotografou os seixos esculpidos polo artista, e quen documentou a complexa realización do Guernica e moitas teas do pintor.

A relación entre Dora e Brassaï era moi boa. En 1948 compartiron a edición dun famoso libro, Les Sculptures de Picasso, co texto de Daniel-Henry Kanhweiler. Todas as fotografías son de Brassaï, agás oito de Dora, os seixos esculpidos por Picasso.

O nome de Dora Maar foi mundialmente coñecido por ter sido compañeira sentimental e modelo de Picasso. Como pasa sempre na Historia coas mulleres, a súa obra pictórica e sobre todo, fotográfica, quedaba no esquecemento, na invisibilidade, a pesar de posuír méritos suficientes para ser considerada como unha das grandes obras contribuíntes do surrealismo; dun auténtico surrealismo que emanaba do cotiá, e que aínda hoxe segue inspirando.

Como comentamos anteriormente, antes de coñecer a Picasso, as súas fotografías eran admiradas e publicadas nas mellores revistas, libros e catálogos surrealistas. A relación co pintor duraría ata 1946, sería a súa quinta compañeira coñecida, unha das vítimas do despotismo do pintor. A súa vida cambiara tanto con esta relación, que influenciada polo pintor comezou a dubidar da fotografía, menos considerada por aquela época que a pintura, pasando a retomar esta última.

En 1943, Picasso comezou unha nova relación con Françoise Gilot, mai de Claude e Paloma Picasso, nun principio Maar pensou que se trataba dunha aventura pasaxeira, pero a medida que pasaba o tempo e o idilio continuaba, a relación entre ambos íase deteriorando. Neste contexto, e como consecuencia de sufrir maltrato psicolóxico, Dora sufriu unha crise nerviosa en maio de 1945, e foi internada no sanatorio de Sainte-Anne, onde estivo ingresada durante once días(5) atendida polo psicanalista, Jacques Lacan, encargado da súa recuperación, quen a encamiñou cara un enfoque espiritual da vida, como táboa de salvación.

Casa de Dora Maar en Mènerbes, ao sur de Francia.

Durante a década dos cincuenta, a fotógrafa centrou o seu traballo na realización de pinturas xestuais e abstractas que tiñan como referencia a paisaxe que a rodeaba; mantiña a súa actividade social, asistindo ás reunións de escritoras e escritores, artistas e personalidades do mundo da monda que a súas amigas celebraban nas súas casas. En 1954, mantivo unha estreita amizade co escritor norteamericano James Lord, a quen invitou a Ménerbes, a súa casa do sur de Francia(6)

Nos últimos anos de existencia, unha Dora Maar teimosa e independente, como comenta a súa biógrafa Victoria Combalía, decidiu pecharse entre as catro paredes do seu apartamento para concentrarse no traballo. Mantívose creando ata o final, fusionando de xeito sorprendente fotografía e pintura na obra dos anos oitenta, illándose progresivamente das súas amizades. Así chegou aos últimos anos da súa vida, soa na súa casa, por decisión propia, relacionándose coas poucas persoas achegadas á súa particular vida, o seu confesor, a súa asistenta, e dúas ou tres persoas máis do seu círculo máis íntimo.

Durante a posguerra e ata a súa morte, Dora Maar estivo considerada como unha pintora que pouco a pouco atopara o seu estilo nas melancólicas paisaxes do sur de Francia, pero non se comentaba nada sobre a súa obra fotográfica.

Morreu o 16 de xullo de 1997, aos oitenta e nove anos de idade, recluída no seu apartamento de París e convertida nunha fervente católica, deixando en testamento centro trinta obras de Picasso e a maioría da súa obra fotográfica.

A sombra xerada pola figura de Picasso sobre Dora Maar foi a necesaria para a invisibilidade dunha fotógrafa, quen sen dúbida algunha, estaría entre as grandes fotógrafas da historia.

O seu traballo foi reintroducido en 1990 como “Dora Maar: Owuvres Anciennes”, unha exposición das súas fotografías e pinturas na Galerie 1900-2000 de Marcel Fleiss, en París. Seguida dunha gran exposición en 1995 en Valencia.

No 2006, a casa que Dora Maar tiña no vila de Ménerbes, situada nun recuncho da Provence francesa, abriuse como un retiro para escritores, académicos e artistas nun programa administrado polo Museo de Belas Artes de Houston.

O 29 de xullo de 2019, o Museo Nacional de Arte Moderno Pompidou expón nunha retrospectiva, máis de catrocentas obras e documentos de Dora Maar, entre os que se atopan retratos realizados entre 1925 e 1935 de artistas de París. O museo adquirira no 2004 un fondo de 1900 negativos e máis de 300 contactos da fotógrafa, pero que, a diferenza doutros fondos (Brassaï, Brancusi e Man Ray) este nunca fora exhibido. A exposición viaxaría á Tate Modern e chegado xullo do 2020 ao Paul Getty Museum dos Ánxeles.

Dora Maar non só comprendeu e ilustrou o surrealismo, en cuxo círculo gozaba de gran prestixio e admiración, senón que o condensou nas súas imaxes. A súa obra fotográfica ten méritos suficientes para ser considerada como un gran referente do surrealismo.

As súas fotografías consérvanse no MET e no MOMA de Nova York, na National Gallery of Art de Washington, o SFMOMA, no Cleveland Museum of Art de Ohio, no Philadelphia Art Museum e no Museo Reina Sofía de Madrid.

A súa biógrafa, Victoria Combalía, historiadora e crítica, dedicou vinte anos ao estudio da vida de Dora Maar, publicando, como resultado deste traballo, o libro titulado “Dora Maar: más allá de Picasso” (Circe 2013), no que ao longo de trescentas cincuenta e oito páxinas recolle a vida desta fotógrafa, devolvéndolle o lugar que lle pertence como artista.

ALGUNHAS IMAXES:

NOTAS AO PÉ:

(1)Esta escola de Artes foi creada en 1892 por coleccionistas e industriais que desexaban dar recoñecemento ás artes aplicadas. Nela impartíanse clases de xoiería, vidro, artes gráficas, deseño téxtil e cerámica.

(2)Pintora e debuxante francesa, nada en París o 17/11/1910.

(3)Nacida en Nova York en 1893, medrou e estudou en Europa, pasando por Roma, Berlín, París e a Bauhaus en Weymar, Alemaña. O seu traballo como fotógrafa inclúe a fotografía experimental, a publicidade e os retratos, sobre todo de artistas. A finais dos anos vinte, a súa obra fotográfica ocupou un lugar central no mundo da fotografía de vangarda.

(4)O Museo Reina Sofía conserva un total de vinte e oito fotografías onde se amosan as diferentes fases da execución do cadro.

(5) Segundo a súa biógrafa, Victoria Combalia, Dora Maar nunca estivo louca, tivo unha depresión que a levou a ser internada, da que se curou.

(6)El Cultural. Saioa Camarzana. Dora Maar: pintura y misa para superar el abandono. 05/08/2019.

FONTES CONSULTADAS:

VÍDEOS:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest