CELIA ÍNSUA (1873-1907)

Cámara solar para ampliacións utilizada en 1890. O aparato completo consta de Reflector co seu mecanismo, Cámara escura con Porta-cliché, Condensador e Obxectivo.

Publicado o 28/06/2020

Pioneira fotógrafa e retratista que exerceu durante máis de quince anos en Viveiro, Lugo. Unha das poucas mulleres galegas que se estableceron con marca propia.

INTRODUCIÓN

Reconstruír a vida desta fotógrafa non é nada doado. Ao igual que outras profesionais da época, moi escasas, que tiveron a afouteza de poñer o seu nome ao fronte da denominación social dunha empresa fotográfica, apenas hai datos e case non quedan imaxes polas que se poda estudar a súa obra. Trátase máis ben de facer unha homenaxe ao traballo desta profesional da fotografía, ao igual que se mencionan outros profesionais masculinos na historia da fotografía galega.

Partimos neste caso dos artigos que o seu sobriño bisneto, Emilio Ínsua, publicou no Heraldo de Viveiro e no seu blog “A ínsua do Ínsua” en conmemoración do primeiro centenario de José Ínsua López, seu bisavó e irmá de Celia; tamén coa información que sobre esta saga de fotógrafos ofrece Carlos Nuevo Cal no libro “Viveiro – unha historia en fotografías 1888-1930” editado polo Seminario de Estudos Terra de Viveiro no ano 2004; e coas achegas que Fausto Galdo realiza no libro publicado por Edicións do Castro, “Pintura y pintores de Viveiro”; contando, ademais, coas noticias e anuncios aparecidos na prensa da época e a información que proporcionan os arquivos e rexistros municipais.

ENTORNO FAMILIAR

Celia Ínsua, cuxo nome completo era María Celia Insua López(1), naceu ás 10 da mañá do once de setembro de 1873, no fogar familiar, sito no número 19 do barrio de Santiago, na vila de Viveiro, a capital da Mariña occidental luguesa. Concello encaixado no val polo que descorre o río Landro. Viveiro é berce de ilustres persoeiros, entre eles, María Sarmiento Ribadeneira, que fundou no século XVI o “Colexio Insigne da Natividade”, e prestou o seu nome a unha rúa e ao Instituto de Educación Secundaria da localidade; o periodista, escritor e político do Romanticismo e do Rexurdimento, Nicomedes Pastor Díaz (1811-1863), do que hai na vila monumento na súa lembranza; ou da esquecida escritora, con máis de trinta premios no seu haber, Purificación Camelia Cociña(2) (1847-?), que tendo proxenitores viveirenses, viviu na cidade do Landro desde os catro anos. Entre os contemporáneos de Célia Ínsua, cabe subliñar aos irmáns Vilar Ponte, Antón(3)(1881-1936) e Ramón(4)(1890-1953), preclaras figuras das Irmandades da Fala, así como as súas donas Micaela(5)e Tereixa Chao Maciñeira(6). No eido artístico, destaca de maneira especial, a gran creadora e unha das principais figuras da xeración do 27, Maruja Mallo, pintora que cultivou un surrealismo moi especial, cunha etapa colorista ata os anos 20 e outra apagada e sombría nos 30, e que máis tarde integraríase no movemento coñecido como Realismo Máxico. A Ana María Gómez González, que era o seu auténtico nome, recoñeceuna a súa terra natal, dedicándolle unha das súas rúas.

Juan Antonio Ínsua Dorado, o seu pai, coñecido polo sobre nome “Tío Novenas”, contaba cun gran recoñecemento na localidade, dada a súa actividade profesional como mestre ebanista, e pola súa implicación voluntaria en asuntos de tipo social. Foi presidente da “Sociedad de Obreros(7) e promoveu diversas iniciativas educativas e culturais.

Impulsou a restauración do antigo Teatro(8)situado á carón da Porta da Vila(9), que na actualidade ábrese á avenida de García Dóriga. O establecemento acollería ademais ao gabinete fotográfico que utilizaría esta saga familiar de fotógrafos durante bastantes anos. Tras a restauración, o edificio sería convertido nun elegante teatro polo pai de Celia, José Antonio Insua, quen  subscribira co concello un contrato polo cal se lle adxudicaba a administración do inmoble. A edificación, fora construída en orixe en tempos do corrixidor Losada a principios do século XIX coa función de hospital, sendo máis tarde o seu uso destinado a escola pública. Coñecido popularmente como “O Caixón dos figos”, tiña certas similitudes cos denominados “Teatro Circo”, que se construíran nas principais cidades como Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Unha especie de espazos “multiúsos” nos que se realizaban todo tipo de actividades culturais e recreativas, como bailes, concertos, teatro, cinematógrafo… No “Caixón dos figos” a maiores, dábanse comidas. Cando as compañías artísticas de distinta tipoloxía: líricas, cómico-líricas, dramáticas, cómico-dramáticas ou de variedades, facían a súa correspondente xira por provincias, Juan Antonio Ínsua, aproveitaba a ocasión para comprometer as súas actuacións no teatro que xestionaba. O seu bisneto, Emilio Xosé Ínsua, nun artigo publicado no blog “A insua do Ínsua”, con motivo do primeiro centenario do pasamento do fotógrafo viveirense José Ínsua López, lembraba algunha delas: a compañía dramática do Sr. Larripa , a compañía cómico-dramática dirixida polo primeiro actor José Montijano, a modesta de Miguel C. Recio…

A súa nai, Antonia López Ponte, irmá do presbítero Luís López Ponte que exercía como capelán do cárcere municipal, dedicábase a administrar a casa. O matrimonio, tivo tres fillos (Laureano, Cándido e José), e dúas fillas (Celia e Dolores), pero tan só tres deles, entre os que estaba Celia, herdarían a vea artística do pai.

Na casa familiar, convivía ademais a súa avoa paterna, María Dorado, xa viúva de Benito Ínsua. A outra avoa por vía materna, Rita Ponte, viúva de Antonio María Lopez, residía na rúa Espartero número 17 na mesma localidade de Viveiro(10).

CELIA E A SAGA FOTOGRÁFICA FAMILIAR

As datas en cor negra, entre paréntese, correspóndense con cada un dos períodos fotográficos nos que estiveron presentes diferentes marcas familiares. Elaboración propia.

Unha das veas artísticas compartida por varios membros da familia foi a fotografía, actividade que, a finais do século XIX, estaba en plena expansión debido ás innovacións científicas e técnicas experimentadas. O descubrimento das placas secas ao xelatino-bromuro, que permitía positivar moitas copias en papel albumina, e a fabricación pola casa Kodak de carretes con película enrodelada, foron fitos importantes no progreso deste emerxente sector profesional. A saga familiar agrupada entorno ao fenómeno fotográfico, reuniu aos tres irmáns, Laureano, Celia e José Ínsua López, e, ao descendente deste último, Emilio Ínsua Polo.

Como se pode observar no gráfico, realizado en función dos datos obtidos, deducimos que Celia Ínsua comezaría a exercer a profesión de fotógrafa, xunto co seu irmá maior, compartindo actividade durante tres anos, ata que a morte deste, ocorrida en 1891, interrompe a colaboración. Continuaría, senlleira, uns once anos máis co gabinete a nome de “Celia Ínsua”, ata o ano 1902, no que probablemente produciuse a incorporación á marca do seu irmá pequeno José, tomando o estudio a partir de aí, a denominación “J. Y C. Ínsua”. A nova unión profesional prolongaríase ata o pasamento de Celia, acaecido en 1907, sendo moi nova, pero cunha dilatada experiencia profesional acumulada nos dezaoito anos de oficio.

CELIA e LAUREANO ÍNSUA

Laureano Ínsua López (1863-1891), dez anos maior que Celia éra ademais o primoxénito. A pesar da súa curta vida, morreu cando contaba vinte e oito anos, facíase notar en todo canto traballo desempeñaba. Acudiu a escola pública viveirense, onde se distinguiu pola súa aplicación e afabilidade. Segundo a necrolóxica, que o seu amigo José A. García Meitín escribira á súa morte no semanario “El Vivairense”, os seus pais,  pretendían que, “al ver su mucha aplicación y privilegiada inteligencia”, estudara unha carreira científica, pero a economía familiar, limitada de recursos o impediu. Así mesmo, tampouco lle foi posible seguir os anhelados estudos artísticos que el desexaba.

Neste escenario, finalmente, Laureano intégrase no campo profesional do seu pai, que, dentro das diversas actividades que un carpinteiro realizaba nunha pequena vila por aquel tempo; e, vendo a inclinación que o seu fillo tiña polo debuxo e a pintura, asígnalle a decoración das bandas ornamentais das paredes ou frisos.

Farto de pelexar contra toda clase de obstáculos que lle impedían satisfacer as súas arelas, Laureano decide en 1883, con vinte anos, incorpórase á gran sangría migratoria de galegos cara América que se produciría entre 1882 e 1920, sobre todo a Cuba, Arxentina, Uruguai e Brasil, tentando deixar atrás unhas lamentables condicións de vida e na procura de benestar para o futuro. Laureano, como tantos outros e outras optou por aproveitar a oportunidade que ofrecía a emigración para desenvolver e perfeccionar os seus oficios nun país que estaba en plena expansión económica. Con este fin desprazaríase ata o porto de A Coruña, cidade onde, en 1870, se instalara a Axencia de Inmigración á República Arxentina, organismo encargado de facilitar aos emigrantes galegos o duro camiño que se dispoñían a emprender, proporcionándolles pasaxes e o transporte chegado ao país de destino. Laureano non sería o único irmá de Celia en emigrar, pois segundo o Padrón Municipal de 1897, o seu irma Cándido, seis anos máis vello que a fotógrafa, e xastre de profesión, constaba, nese tempo, como ausente na Habana.

Xa na Arxentina, Laureano consegue introducirse nos círculos de artistas italianos como aprendiz, e grazas ás súas calidades persoais e artísticas, gáñase o afecto dos mestres,  pasando ao cabo dun ano, a desempeñar o papel de encargado e director na ausencia destes.

En 1884, un ano máis tarde de chegar a Bos Aires, logra establecer un estudo de decoración e pintura xunto con outro paisano, encargándose ao mesmo tempo de retratar ao óleo e decorar habitacións; parece que con certo éxito; mais os seus sonos veríanse pronto frustrados, xa que, contaxiado da tise veríase obrigado a retornar a Galicia.

Instalado xa na súa cidade natal, e a pesar da mala saúde, seguiría desenvolvendo as súas aptitudes artísticas e deixando pegadas das súas producións. Entres elas, destaca o retrato ao óleo realizado ao médico Ramón Díaz Freijo, que, con éxito, expúxose ao público no escaparate do comercio de Dª Carmen Quintana(11); e, como obras maiores, pódense destacar, o traballo  realizado en 1890 na Casa Teatro da Porta da Vila, “Caixón dos Figos”, onde decorou o pano da boca do teatro e pintou os medallóns coas efixies de Pastor Díaz, Zorrilla, Lopez de Vega, Calderón de la Barca, López de Ayala e Quevedo, todos eles situados no antepeito do primeiro piso. Laureano tamén decorou o Salón de Baile do “Círculo de Vivero” con motivos arabescos, e a capela do Hospital da Caridade; así como, o Oratorio da casa dos López Vilar, e outros variados traballos decorativos en casas particulares, onde deixou a apegada do seu bo gusto pola combinación das cores(12).

O fervor artístico de Laureano, levouno ao exercicio da actividade fotográfica  e, en 1888, decide inaugurar un gabinete fotográfico na mesma Casa-Teatro, o primeiro aberto por orixinarios vivarienses(13). A este establecemento incorporaríase, con quince anos, a súa irma Celia, que iniciaba así a súa formación.

A fotografía, contemplada nas súas orixes como instrumento de traballo, camiñou paseniñamente ata a actual consideración como actividade artística, da que Celia Ínsua, ten que ser reivindicada como unha das súas precursoras. Anteriormente, a fotografía en Viveiro estaba nas mans dos fotógrafos coñecidos como “transeúntes” ou “de paso”, que se establecían na localidade durante un curto período de tempo, normalmente na época do estío na que afluían a Viveiro os veraneantes. Entre estes fotógrafos estaban Luís Hermida(14), Manuel Iglesias, e o estudio chamado “Gran Fotografía Eléctrica”(15).

A terrible enfermidade que padecía Laureano, obrigábao a marchar da cidade para tomar as augas en Caldas de Oviedo, lugar elixido para pasar unha curta temporada acompañado, segundo a prensa local doutro paisano(16). Pero todos estes coidados non serían suficientes para restablecer a súa saúde, pois, apenas transcorreran tres anos desde a apertura do establecemento fotográfico, cando, como consecuencia desta tuberculose contraída na emigración a ultramar, prodúcese o pasamento de Laureano, quen contaba nese momento coa idade de vinte e oito anos. Eran as tres e media da madrugada do 30 de agosto de 1891(17), coincidindo co ano no que a reina rexente María Cristina, no nome do seu fillo o rei Alfonso XIII, outorgaba á vila de Viveiro o título de cidade e o tratamento de “Excelencia”, accedendo así á petición realizada polo concello en sesión celebrada o dezaoito de xuño dese mesmo ano.

A significación do seu quefacer no escaso tempo que lle tocou vivir, non quedou  sen o correspondente recoñecemento. A súa figura pasou a engrosar o listado que sobre “Vivarienses ilustres” dos Séculos XIX e XX, relacionou Juan Donapetry no seu libro “Historia de Vivero y su concejo”

CELIA ÍNSUA CONTINÚA EN SOLITARIO

Trala morte do seu irmán, tal como se adiantou anteriormente, Celia Ínsua López, continuou co estudio aberto, desenvolvendo o proxecto profesional emprendido. Amencendo o ano 1892, xa se anunciaba como fotógrafa na Casa Teatro de Porta da Vila, no mesmo local que compartira co seu irmán.

O pouco tempo de aprendizaxe pasado a carón de Laureano engadido á gran temporada pasada na Coruña durante os primeiros meses dese ano, perfeccionándose como fotógrafa, proporcionaríalle a Celia Ínsua a base de coñecementos suficientes para, a pesar do hándicap que lle supuña o ser muller nun sector na que apenas as había, facerlle fronte a esta complexa actividade profesional.

A produción fotográfica desenvolvida polo gabinete fotográfico que dirixía, divulgábase a través do enxerto de anuncios nas páxinas do semanario local “El Vivariense”(18), como no caso do que se pode ver a continuación:

Este anuncio, foi o primeiro en ser publicado con data 6 de novembro de 1892, seguiríanlle semanalmente outros, cuxo texto permanecería inalterable durante todo un ano, ata outubro de 1893. A propaganda resalta o nome da fotografa coa maior tipografía, e a continuación, a localización do establecemento, algo habitual en este tipo de publicidade. Ao mesmo tempo informaba de que, pasara un tempo mellorando a súa formación na arte fotográfica, cun dos mellores profesionais da cidade da Coruña.

Nun sector profesional moi competitivo polo exceso de oferta, había que diferenciarse, e Celia Ínsua elixiu incrementar o prestixio do seu gabinete a partir de conseguir unha mellora cualitativa dos  produtos que realizaba, opción, no seu caso, moi  encomiable, xa que, ademais, debería superar os prexuízos derivados da súa condición: muller-fotógrafa. Porén, na busca dunha mellor formación debería afrontar outros moitos condicionantes e prexuízos. Pénsese na complexidade das comunicacións(19), cos desprazamentos en dilixencia ou a cabalo pola estrada coñecida como Linares; no dobre custo do desprazamento e estancia na cidade herculina, dado que os costumes da época posiblemente a obrigaría a ter que estar acompañada dalgún parente; e tamén, o esforzo económico que lle representaría tendo en conta a modesta economía familiar.

Na comunicación, Celia fai referencia á fotografía como unha “arte”, non utiliza o termo fotografías, senón “obras”, tratando así de que as súas producións se contemplen e valoren no amplo marco da expresión plástica. No mesmo anuncio alúdese aos prezos das fotografías, neste caso de forma moi sutil, subliña “la equidad de los precios”, este era un elemento importante na competencia establecida cos fotógrafos retratistas itinerantes que se asentaban por tempadas na cidade, os que, para facer o seu negocio máis rendible, ocupaban tamén os eidos de traballo habitual dos permanentes, como era, o da captura de imaxes tomadas nas vilas máis próximas.

Foi nese tempo cando comezou a actividade mineira no concello viveirense. Empresarios alemáns fixéronse cos dereitos de explotación da chamada “Mina Silvarosa” da que se extraía mineral de ferro, e para o seu aproveitamento, os adxudicatarios constituirían a compañía mineira, The Vivero Iron Ore Co. Ltda. Aínda que os traballos preparatorios da mina comezaron en 1893, non sería ata decembro de 1899 cando o primeiro barco mercante levantaría a áncora da Ínsua en Viveiro, partindo rumbo a Alemaña.

Anos máis tarde a cámara do irmá de Celia, José Insua, gardaría para a memoria as imaxes da mina  e do cargadoiro dotado dun sistema teleférico para o transporte do mineral aos barcos mercantes. Actualmente todo este espazo esta reconvertido nun parque de lecer.

Desde un punto de vista económico, a explotación mineira estaba considerada como unha das máis importantes de Galicia en extracción de ferro, e o seu funcionamento prolongouse ata metade da década dos sesenta do século XX. En tempos da compañía británica (1899-1919), chegaron a traballar catrocentos obreiros, aos que habería que engadir uns cincuenta oficios que se crearon ao seu redor, xerando centos de postos de traballo.

Non cabe dúbida que tanto o incremento da poboación como de persoal técnico que  traballaba na vila e nos arredores, como consecuencia de toda a industrialización que viña experimentando a zona, sumado a isto á poboación que acudía ás temporadas estivais ás praias, unha moda de finais de século, e as feiras e festas de agosto, para as que a fotógrafa realizaba algunha doazón(20), favorecía indirectamente tamén ao negocio fotográfico.

No tempo de vida profesional de Celia as fotógrafas e os fotógrafos, utilizaban a prensa como un medio de achegamento publicitario a un público por aquel entón ilustrado, que lía a pouca prensa que se editaba, polo tanto pertencía a ese 26,84% de persoas que a finais do século XIX sabían ler e escribir(21). Porén, a posible clientela procedería, sobre todo, dos sectores máis acomodados da poboación, os que ademais poderían afrontar con naturalidade os correspondentes custos. As notas sociais e os anuncios publicitarios difundidos pola prensa local sobre o gabinete fotográfico de Celia Ínsua, permítenos hoxe obter informacións sobre a traxectoria profesional desta pioneira da fotografía. Neste caso, todos estes datos quedaron recollidos nas publicacións que os semanarios locais “El Vivariense” e “El Eco de Vivero”, recolleron nas súas páxinas entre 1892/1897 e 1888/1907, respectivamente.

Chegado o 29 de novembro de 1893, Celia publica o seu segundo anuncio, unha serie cuxo texto, ao igual que o do primeiro, permaneceu inalterable ata novembro de 1897.

É certo que os continuos avances e modificacións nos procedementos fotográficos, obrigaron á renovación permanente do traballo da fotógrafa, e a retirar sistemas obsoletos que xa non demandaba o público, renovándoos por outros novos, algo que se constata no anuncio publicado no semanario “El Vivariense”(22). Celia Ínsua recorre a unha das fórmulas básicas para atraer a atención da clientela nesa época, referíndose a que os seus traballos serán máis perfectos grazas as importantes modificacións realizadas no seu gabinete. Facendo referencia a este aspecto no anuncio, trataba, unha vez máis, de destacar e distinguirse nun contexto masificado polos fotógrafos “transeúntes”, realizando a diferenza deles, unha esmerada fotografía a prezos máis baratos.

Chegado 1895, Celia Ínsua desprázase novamente á Coruña, e durante uns meses, e da man do fotógrafo Enrique Ferreiro Bello, continua co proceso de actualización e perfeccionamento nas novas técnicas fotográficas. Enrique Ferreiro, era un coñecido fotografo herculino, que, segundo se deduce da información publicitaria recollida nos Anuarios(23) mantivo estudio aberto na cidade, polo menos entre 1879 e 1903, na rúa Angosta nº 1 e na rúa San Andrés nº 35. Durante o tempo de ausencia da fotógrafa o gabinete seguía coa sua actividade, e así o proclamaban os reclamos publicitarios que periodicamente se publicaban no semanario “El Vivairiense”, polo que posiblemente fora José, o seu irmá máis novo, que daquela andaba polos 18 anos, quen se ocupara de levar a cabo a xestión do negocio.

Revista Gallega – Semanario de Literatura e Intereses Regionales. Ano I. Nº 1. 17/03/1895.

Na derradeira década do século XIX, as prioridades informativas da prensa escrita, en relación co emerxente eido fotográfico, orientáronse en maior medida sobre a publicación de crónicas, artigos e as novas que se ían producindo no sector, paliándose, así, a diminución que se apreciaba na publicación de anuncios publicitarios. Foi pois, a través dunha noticia recollida no semanario “El Vivariense”, e non dun anuncio, como era o habitual, que  se deu coñecemento do retorno de Celia Ínsua a Viveiro o 28 de xullo de 1895, e que textualmente dicía:

“Acaba de llegar a esta población, procedente de La Coruña, nuestra distinguida convecina D.ª Celia Ínsua López, que pasó una temporada en la ciudad herculina estudiando los adelantos de su profesión, al lado del acreditado fotógrafo D. Enrique Ferreiro Bello, circunstancia que, entre otras ventajas, le reporta la de poder ofrecer a su numerosa clientela una gran rebaja en los precios.”

As viaxes da fotógrafa á Coruña para intercambiar información cun afamado fotógrafo como Enrique Ferreiro Bello, son datos que acreditan o interese e a preocupación que esta precursora da fotografía tiña por estar ao día e incorporar as novas técnicas fotográficas, algo que, por outro lado, iría consolidando o propio proxecto artístico e comercial,  xa que non se debe esquecer que nos últimos anos do século XIX, a fotografía experimentara unha rápida evolución e as novas técnicas afloraban con rapidez no mercado, permitindo rebaixar os prezos e reducir os tempos de exposición, nun contexto, como anteriormente se expresou, de cada vez maior competencia debido ao incremento de profesionais.

Nos máis de dez anos nos que Celia Ínsua mantivo o seu estudio profesional aberto na súa vila natal, outros retratistas exercían a profesión por períodos limitados de tempo. Ademais de pintores como Ignacio Botino(24), concorrían outros moitos, como eran os casos de Alejandro Gómez que en maio de 1897 visitaba a vila; o retratista de Ortigueira Joaquin García do que hai constancia da súa presenza en todos os veráns desde 1897 a 1899; sábese tamén da comparecencia, en 1899, dun membro da Sociedad Fotográfica Ferrolá que instalou a súa galería no patio da casa de Marcel Lorenzo e doutro retratista, P. Corral(25), procedente de Mondoñedo; ou “Nueva fotografía Julián”(26). Todos eles, competían en prezo coa Tarxeta Americana, que era un dos formatos preferidos pola clientela, para o seu uso como soporte dos retratos que enviaban aos seus seres queridos establecidos na emigración. Estes profesionais, transeúntes, instalaban os seus improvisados estudios en habitacións alugadas a particulares, normalmente radicadas en pisos altos con galerías ou en azoteas, na busca das mellores condicións de luz, decisión moi lóxica se se considera que en Viveiro comezou o alumeado eléctrico en 1896(27), a cargo do concesionario José Baro G. Polo.

No tempo de actividade profesional de Celia Ínsua, outras fotógrafas compartían en Galicia as mesmas inquedanzas e intentaban superar as dificultades derivadas dun sistema opresor patriarcal que deixaba poucas fendas para a manifestación artística ou profesional das mulleres. Entre este grupo de adiantadas e de precursoras, algunhas mesmo contaban con gabinete propio, como era o caso de tres fotografas con domicilios en cada unha das comarcas da Mariña: dúas en Mondoñedo, Antonia Santos e Filomena Díaz e outra en Ribadeo, Estrella del Valle Soto. Unha cuarta, María Vila, en Tui, na capital da comarca do Baixo Miño; e, unha quinta, Cándida Otero, cuxa biografía forma parte tamén desta páxina web de “fotografas pioneiras.com”, que exercía a súa profesión de retratista en Vigo, compartindo estudio co seu marido Felipe Prósperi, figurando na denominación comercial do negocio coa postila “y Señora”, formula bastante común cando o matrimonio compartía o negocio, e que entrañaba a desvalorización da participación feminina.

Formando parte dos avances tecnolóxicos, chegaba tamén o cinematógrafo a Galicia. Os irmáns Louis e Auguste Lumière ofrecían o 28 de decembro de 1895 a primeira proxección do seu cinematógrafo en París, e nove meses máis tarde, o 3 de setembro de 1896, presentábase por primeira vez no Teatro-Circo da Coruña. A Viveiro chegaría, case un ano máis tarde, en outubro de 1897, aproveitando as xiras que as compañías realizaban por provincias, o pai de Celia, Juán José Ínsua, contrataba con elas para que realizaran as exhibicións no Teatro “O caixón dos Figos”.

CELIA E JOSÉ ÍNSUA

Recorte do pé dun cartón fotográfico onde utilizan a marca “J y C Ínsua”.

Houbo un tempo, no que Celia Ínsua asinaba os cartóns fotográficos xunto co seu irmá José. Ao pé dos cartóns aparecía a marca comercial “J y C. Ínsua”, como se pode apreciar na imaxe anterior. Pola información de que se dispón, sábese que José decidiu agrandar o seu espazo profesional, e, no mes de maio de 1901, asóciase  co fotógrafo ferrolán Saavedra(28) instaurando a “Sociedade Fotográfica”(29). Na “volanta”(30) publicitaria editada por José con motivo da presentación da emerxente asociación, dicía textualmente que:

Esta Sociedad tiene el gusto de participar al público vivariense que, debido á las últimas reformas hechas en la Galería que fue de la propiedad de Celia Ínsua López y a la adquisición de modernos aparatos, puede hacer toda clase de retratos, ampliaciones, …

Na breve pero completa comunicación emitida deixábase constancia da anterior pertenza a Celia Ínsua do local de asentamento da nova sociedade. A inclusión deste dato, non resultaba trivial, xa que falaba claramente da significación profesional de Celia entre a súa clientela, e en consecuencia, á información prestixiaría o nacente proxecto. Aludíase ademais aos cambios promovidos no establecemento, entre eles: as reformas de acondicionamento do local e a adquisición de novos aparellos; así mesmo, anunciábanse as novas tarifas tanto para os traballos realizados no estudio fotográfico como para os realizados no exterior. Por último, informaban dunha  fermosa colección de vistas da cidade e dos seus arredores, que tiñan a disposición da clientela para a súa venda. Esta sociedade apenas duraría uns meses, e pola información da que se dispón, pódese colixir que a fotógrafa non chegaría a desvincularse totalmente do seu quefacer no gabinete.

Fracasada a “Sociedad  Fotográfica” e á vista da información que ofrecían os cartóns e os anuncios publicados nos xornais, poderíamos afoutarnos a dicir, que foi neste xusto momento, cando os irmáns comezan a traballar xuntos baixo a mesma marca comercial de “J y C Ínsua”. É probable que o traballo do gabinete fotográfico o repartiran entre os dous irmáns. Celia, probablemente responsabilizaríase da parte do traballo a realizar no establecemento, mentres José, ocuparíase das actividades a realizar no exterior como: a elaboración de series fotográficas sobre os diferentes acontecementos que se producían tanto en Viveiro como no seu entorno próximo (Semana Santa, feiras, etc); ou, a habitual captura de vistas panorámicas e de lugares de interese tanto na propia cidade como nas vilas da contorna. Os cartóns impresionados con estes motivos, que levaban só a firma do fotógrafo, eran un produto moi apetecido pola clientela e visitantes.

A hipótese comentada anteriormente, de que Celia Ínsua non deixou  en ningún momento de traballar no gabinete, basease na análise das informacións que ata a súa morte se foron acumulado na prensa local. Sábese que, en abril de 1902, co seu irmán perfeccionándose nas novas técnicas fotográficas co impresor e destacado fotógrafo e gran amigo Pedro Ferrer(31), na cidade da  Coruña; a súa irmá mantiña aberto o establecemento.

Chegado o mes de Xuño de 1904, o seu pai, Juan Antonio Ínsua Dorado, deixa a concesión do Teatro “O Caixón dos figos” e, como consecuencia, o gabinete fotográfico vese na obriga de cambiar de emprazamento. O novo domicilio situaríase na Avenida de Cervantes(32), antigamente rúa de San Francisco. O día 26 dese mes, o semanario “El Eco de Vivero” amosaba a noticia do traslado, destacando a boa iluminación da que estaba dotado o local, a adecuada distribución de espazos dos corenta metros cadrados de superficie que habitaban, e os innovadores accesorios co que o establecemento estaba equipado. A breve nota de prensa dicía así:

“Hoy abre al público, perfectamente instalada, la nueva Galería que en el barrio de Santiago ha establecido el acreditado Fotografo vivariense D. José Ínsua López.

Es un local con buena luz, de 40 metros cuadrados, distribuido en oficina, tocador y cuarto obscuro, con todos los accesorios propios de tales instalaciones á la altura de los modernos adelantos.

Deseamos al amigo Pepe mucha clientela y abundante cosecha de motas.”

Se se atenden as novas, en forma de anuncios publicitarios que, en relación co establecemento fotográfico se ían incrustando nos xornais, semellaría que a figura de Celia Ínsua  volvía a desaparecer do escenario, e non era a primeira vez, e posiblemente tivera que ver con esa visión antropocéntrica coa que os medios operaban. Porén, a hipótese máis probable é que ela continuaría o seu labor a carón do seu irmán, sobre todo, se se ten en conta que, en anos posteriores os anuncios, como o que se reproduce máis abaixo de 1906, volven a situar aos dous irmáns, Celia e José, compartindo a titularidade do Estudio.

Con trinta e dous anos Celia Ínsua contrae matrimonio con Juan Martinez Fernández. A cerimonia nupcial celebraríase na igrexa parroquial de Santiago(33) de Viveiro, o 22 de novembro de 1905. Juan Martinez, dependente de comercio, que contaba nese momento con trinta e oito anos, era tamén natural de Viveiro; a súa nai Vicenta Fernández, vira ao mundo na parroquia viveirense de Santa María de Magazos; e o seu pai, Manuel Martinez, xa falecido no momento da voda, nacera na cidade de Oviedo.

O casamento non afectou a actividade profesional da fotógrafa. Celia, continuou  traballando ao carón do seu irmán no gabinete fotográfico, como se pode inferir da lectura do anuncio publicado no xornal “El Eco de Vivero” con motivo da celebración da afamada  semana santa do ano 1906:

GABINETE FOTOGRÁFICO
de
JOSÉ Y CELIA INSUA LÓPEZ
AVENIDA DE CERVANTES
En este conocido gabinete se hace toda clase
de trabajos tanto en papeles brillantes como en artísticos platinos.
Ampliaciones á todos los tamaños y á precios sumamente baratos.

Un anuncio que confirma a dirección compartida de Celia e José no negocio fotográfico, e, novamente se subliñaba que o gabinete contaba co equipamento máis moderno, e  con accesorios que lles permitía realizar ás imaxes tanto en papeis brillantes como en artísticos platinos. O proceso da platinotipia(34), que din realizar no anuncio, foi un procedemento moi apreciado polos fotógrafos da época, non só pola súa alta duración, senón por que incluía unha ampla e delicada gama de tons que ían desde o negro ao branco cun rango de grises medios imposibles de conseguir con calquera outro procedemento. Comunicaban así mesmo que realizaban ampliacións, e aínda que non o especificaban referíanse tanto de imaxes antigas como de retratos novos, unha das especialidades centrais dos estudios fotográficos nesta época; engadindo a prezos sumamente baratos, dato característico da competencia existente.

Pero tanto o proxecto persoal como o profesional de Celia Insua íase ver subitamente truncado. O 1 de maio de 1907, cando contaba con trinta e tres anos, falece(35), sen deixar descendencia, na súa casa familiar da rúa Pastor Díaz, a consecuencia dunha septicemia puerperal, proceso infeccioso  coñecido popularmente como a “febre do parto”. A sepsis puerperal, que era moi habitual nos partos hospitalarios do século XIX, afecta a todo o organismo desencadeando unha resposta inflamatoria xeral.

O TRABALLO DE CELIA ÍNSUA

O descoñecemento xeneralizado do valor histórico-cultural da fotografía fixo cunha parte importante deste patrimonio fora destruído. Ademais, no caso de Celia Ínsua, hai que engadir que a maior parte dos retratos que realizaba á clientela eran para enviar aos familiares na diáspora, outros que estaban gardados en albumes familiares perdéronse co tempo ou están esquecidos nalgún faiado, de aí que apenas se atope testemuño fotográfico do seu labor. Non así coas coleccións de vistas de Viveiro e a súa contorna realizadas polo seu irmá José Ínsua, xa que os negativos se conservaban para ser reproducidos e comercializados en formato de “Tarxeta Postal”.

Como mostra do traballo realizado por Celia Ínsua, reproducimos dúas fotografías realizadas no estudio da Casa Teatro, que nos amosan a sinxeleza na composición e a austeridade dos decorados:

A primeira(36) é unha imaxe dun grupo composto por unha rapaza e dous rapaces, vestidos de festa, os tres moi atentos, e coa mirada posta no obxectivo, algo difícil de conseguir con nenos e que amosaba o oficio da fotógrafa.

Grupo de nenos. Celia Ínsua. Ca. 1892-1904. Colección particular.

A decoración é inexistente, ademais dunha alfombra, utiliza un fondo branco e xoga cun pequeno tallo e un caixón onde sube ao máis pequeno, para crear unha composición onde os retratados quedan todos á mesma altura.

A segunda(37), é outro retrato, onde podemos ver a dúas mulleres, posiblemente nai e a filla. É unha composición igual de sinxela que a anterior, a muller de máis idade está sentada nunha cadeira de respaldo moi alto onde apoia o brazo esquerdo, mentres a máis nova, de pé, apoia a súa man sobre o ombro dereito. Ambas con elegantes vestimentas que poden corresponder ao primeiro lustro do século XX. Mantén o estilo, sen apenas decoración, utiliza a mesma alfombra que na foto anterior, e un pano de fondo semellando o interior dunha casa nobre, onde se percibe unha cortina cun moble e un reberete na parte inferior.

Parella de mulleres. C. y J. Ínsua. Ca. 1902-1904. Colección particular.

A fotografía está montada sobre un cartón con formato de Tarxeta Americana con cantoneiras, unha peculiar forma destas tarxetas que estivo de moda entre 1890 e 1910. Na parte inferior dereita do anverso, pódese ler impreso en relevo e de cor verde, o nome da localidade, Vivero, e na parte esquerda o nome comercial de J y C Insua, o que nos confirma, como comentábamos con anterioridade, que Celia e o seu irmá José utilizaron o mesmo selo durante unha época.

Polos datos de que dispoñemos, sabemos que durante o primeiro lustro do século XX, cando os dous irmáns traballaban como profesionais, coexistían dous tipos de cartóns: os asinados conxuntamente e os asinados por J. Ínsua.  Porén, é posible que fotografías realizadas por Celia, foran montadas en cartóns con sinatura única de José. Un exemplo disto, podería ser a que se reproduce a continuación, probablemente realizada pola fotógrafa pouco antes do seu falecemento:

Retrato de grupo familiar. Ca. 1906. Posible autoría de Celia Ínsua. Colección particular.

A fotografía retrata un grupo familiar de vinte e cinco persoas, dezasete mulleres e oito homes, contando cos nenos. Están gozando dunha merenda nun día de campo, onde, entre os retratados, pódese ver ao irmá de Celia, Jose, o terceiro de pé comezando a contar desde a esquerda, sendo a fotógrafa quen estaría detrás da cámara. Na instantánea, como si dunha composición teatral se tratara, vese servindo a unha das mulleres un vaso de viño á compañeira que ten ao lado; outra, mantén suxeita unha cafeteira no  aire mentres a súa compañeira achégalle un vaso; e, dúas delas, sentadas no chan, suxeitan unha cunca que parece están a punto de levar á boca. Na imaxe todas as persoas fotografadas están mirando á cámara, ata os nenos máis pequenos.

É moi probable tamén que as dúas fotografías que se inxiren a continuación, montadas sobre cartóns de J. Ínsua, estiveran realizadas por Celia.

A fotografía da esquerda, está realizada no exterior do gabinete, reprodúcese a arcada de papel que se construía a modo de ornato e tamén como aldrabada das  festas patronais da localidade dese ano de 1904. Na imaxe(38), aparece José Ínsua e o seu pai, situados diante da arcada de papel, que para as festas de verán fora elaborada por un grupo de presos no cárcere municipal. Aínda que o cartón leva impreso ao pé “J. Ínsua”, é moi probable que fora realizada por Celia, cando tiñan o gabinete na “Avenida de Cervantes, tal e como recolle o cartón.

A imaxe da dereita, é un retrato de José Ínsua, que, como a anterior, aínda que está montada sobre un cartón coa sinatura de “J. Ínsua”, probablemente fora realizado pola súa irmán Celia, no estudio da Avda. Cervantes.

Carecemos de información sobre as técnicas que utilizaba Celia Ínsua. Nos anuncios que publicaba na prensa local insistía sobre os novos avances, o esmero co que traballaba, as reformas do estudio e, sobre todo, os prezos; pero non explicitaba que tipo de fotografía realizaba, salvando o caso dalgún anuncio antes do seu falecemento, no que se indicaba que realizaba todo tipo de traballos fotográficos, as ampliacións a tamaño natural era un deles, e tamén que usaba o proceso da platinotipia. Sabemos que na época en que Celia estivo en activo, traballábanse máis técnicas, entre elas a coñecida “instantánea fotográfica”. Detrás deste nome podíase atopar tanto a utilización das placas secas de vidro ó xelatino-bromuro de prata(39) o aparato coñecido na época como obturador(40) que permitía unha exposición dunha fracción de segundo. O que si é seguro, é que ambos métodos rebaixaban moito o tempo de exposición dos retratos ante a cámara, de aí o seu nome de “instantánea”; e, sobre todo, facilitaban o retrato das nenas e nenos.

Entre os soportes de cartón máis utilizados na época de Celia, estaba o formato xa coñecido de Tarxeta de Visita,(41) que a pesar da aparición de novos tamaños, mantívose ata ben entrado o século XX; un cartón que, pouco a pouco, foi sendo substituído por outros máis grandes, como a “Tarxeta Victoria” (124×81 mm), “Tarxeta Salón” (254×174 mm), “Tarxeta Mignon Promenade” (207×99 mm), “Tarxeta París” (217×129 mm) ou “Tarxeta Americana”(42) (167×109 mm). Este último, algo máis grande en tamaño que a de “Visita”, era un dos preferidos pola clientela desa época, como se comentou antes, para enviar imaxes aos familiares na emigración. Un formato que sería co cambio de século, substituído polo de “Tarxeta Postal”(43) .

JOSÉ ÍNSUA (PEPE DA MOTA)

A altura de 1907, morta xa Celia, a saga fotográfica familiar continuaba co seu irmá, catro anos máis novo que ela, José Manuel Ínsua López (1877-1918), máis coñecido como “Pepe da Mota”. Ademais de fotógrafo era un incansable animador cultural e un  destacado colaborador da prensa local. Posuía unha bis cómica que o facía moi popular e era un asiduo e activo participante en todas as celebracións e festexos que habitualmente se celebraban na cidade, como era no caso do Entroido, as festas de verán, etc.

José tiña uns catorce anos, cando a súa irmá Celia reabriu o estudio fotográfico uns meses máis tarde da morte de Laureano, en 1891, polo que se deduce que aprendeu con ela o oficio fotográfico.

Aínda que supoñemos que era José, quen quedaba atendendo o estudio fotográfico cando a súa irmá Celia se desprazaba a Coruña para seguir actualizándose nas novas técnicas fotográficas, non sería ata o ano 1901, case que dez anos máis tarde da reapertura do estudio,  cando, José, xunto ao fotógrafo ferrolán Saavedra, constitúen a “Sociedad Fotográfica”. Esta unión, tal e como antes se dixo, tivo unha moi curta duración. Posiblemente debido a isto, os irmáns decidiran retomar a súa unión profesional, alianza que sería selada baixo a marca comercial “J. Y C. Ínsua”. Á vista da información aparecida no anuario publicado en 1906 no periódico local “El Eco de Viveiro”, o emblema reproducido anteriormente, manteríase ata o pasamento da fotógrafa.

Ao igual que fixera antes a súa irmá Celia, José, completou a súa formación fotográfica na Coruña durante o mes de abril de 1902, neste caso baixo a tutela do fotógrafo Pedro Ferrer Sanz(44) quen, tempo máis tarde, imprimiría ao fotogravado, en formato “tarxeta postal”, os diferentes motivos da cidade que José seleccionaba para a súa  posterior comercialización. Foi este fotógrafo coruñés quen puxo en marcha o proxecto editorial “Portfolio de Galicia”, unha gran colección de imaxes que reflicten a Galicia dos comezos do século XX, publicada en fascículos no ano 1904 cunha importante repercusión comercial, e na que participaron destacados fotógrafos, entre eles o viveirense, quen interviu con sete fotografías en diferentes cadernos(45).

Durante o ano 1903, o periódico local “El Eco de Vivero”, publica pequenas notas que dan conta da evolución fotográfica de José Ínsua. Así temos a publicada o 31 de maio, na que informa sobre o éxito acadado polas probas de ampliación ao platino realizadas polo fotógrafo:

El Fotógrafo Insua ha hecho con feliz éxito pruebas de ampliación al platino. De día en día se notan los progresos que hace en el arte que cultiva, por lo cual se hace merecedor de que sus conciudadanos le animen y protejan

Ou a de data 11 de outubro, sobre a exposición fotográfica que José Ínsua realiza na galería da xastrería do Sr. Marqués, na localidade:

Llaman justamente la atención las artísticas fotografías de nuestro convecino D. José Insua, expuestas en la galería de la sastrería del Sr. Marqués.

Tamén neste mesmo periódico, e a partir de finais de 1906, achamos anuncios como o que se ve a continuación:

O mesmo que acontecera cos seus irmáns, a súa marca coexistiu coa dos fotógrafos transeúntes, habitualmente, retratistas que viñan de Ferrol, como “Fotografía Julián”(46) ou os Irmáns Reigosa(47).  Se a esta rivalidade engadíaselle a competencia no axuste de prezos e tamaños, e a cada vez maior carga impositiva; a consecuencia, non era outra que a grande dificultade que os profesionais da fotografía tiñan, neses tempos, para poder vivir exclusivamente do retrato. De aí, que, como modo de incrementar os ingresos dos negocios retratistas desde finais do século XIX e principios do XX, estes recorreran á a realización e venta de vistas paisaxísticas, coas que amosaban os lugares e monumentos máis representativos da cidade, que tiñan unha doada comercialización entre as persoas que visitaban a localidade. Co cambio de século, como comentamos antes, púxose de moda o formato de “Tarxeta Postal”, un soporte para fotografías que foi eliminando ao resto dos antigos formatos. Fora introducido no estado pola primeira editora de postais, a Fototipia Hauser y Menet(48), que xa en 1902 aseguraba en anuncios producir mensualmente medio millón de unidades.

En Viveiro foi José Ínsua López o pioneiro da introdución das “Tarxetas Postais”, animado polo incremento que o turismo de praia experimentara nesa época e a necesidade que había de información visual para a xente da diáspora. No periódico El Norte de Galicia – diario político y de información, con data 18 de novembro de 1902, no Nº 539, podíase ver a seguinte nova:

Noticia máis amplamente recollida no semanario “El Eco de Vivero”, segundo Emilio Ínsua transcribe no seu artigo publicado no Heraldo de Viveiro(49):

Ya llegaron las tarjetas postales con vistas de Vivero.- Son lindísimas y honran al Fotógrafo de esta ciudad D. José Insua, que por tal medio se ha propuesto dar á conocer la hermosura del país vivariense. Están pulcramente fotograbadas en la acreditada casa coruñesa, Viuda de Ferrer.

La colección consta de diez asuntos diversos, con variadas y hermosas vistas de Vivero, Cillero, Covas, Landrove, Junquera y Minas de la Silvarosa. Solo cuesta la colección 1,10 pesetas.

Los amantes de Vivero no dudamos aprovecharán un medio tan sencillo como barato para propagar las bellezas de nuestra tierra.

Hoy abre el Sr. Insua su nuevo escaparate-muestraria en la calle Pastor Díaz, frente a la farmacia del Lic. Puente. En él pueden apreciar las personas de gusto la última novedad en fotografía ó sea excelentes retratos en tarjeta postal, que es el retrato de actualidad.

A nova refírese ás tarxetas postais con vistas de Viveiro, un dos traballos máis coñecidos do fotógrafo, a mellor serie por calidade e impresión que se coñece sobre a cidade viveirense. Unhas imaxes que serven de referencia para contar a historia desta vila e achegarnos virtualmente á imaxe da localidade de hai máis dun século. De seguido, amósanse algúns exemplos(50) de tarxetas postais, impresas ao fotogravado no taller fotográfico da Viúva de Ferrer:

Esta serie non sería a única. En 1903 fotografaría a Semana Santa viveirense, considerada unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se ven desenvolvendo ininterrompidamente desde o século XIII. José Insua, plasmaría en imaxes a famosa representación, con figuras articuladas, do episodio bíblico do encontro. Imaxes que logo vendería a cinco pesetas a colección completa e a 6 reais cada postal(51). Entre 1906 e 1914, explotaría este tema, incluíndo outras procesións e celebracións relixiosas que se producían con frecuencia ao longo de todo ano na vila, como as procesións do Corpus, misións… Algunhas destas coleccións viñan impresas por unha casa alemá, tal e como anunciaba o diario de Lugo “El Regional” o 4 de xuño de 1912:

Chegado o 1915, José Ínsua prepara unha nova serie de vinte postais sobre Viveiro onde reproduce diferentes imaxes de sitios de interese e escenas paisaxísticas da cidade que a prensa local(52)encargábase de publicar, e que representaban unha importante difusión do traballo do estudio, e tamén, supuña un elemento de atracción para os hipotéticos visitantes. Entre elas cabe citar, a Ponte, a Travesía e o Paseo do Malecón.

O estudio dispuña dunha ampla rede de correspondentes na emigración que se encargaban da distribución e venda destas tarxetas. Segundo conta Carlos Nuevo Cal no libro “Viveiro – unha historia en fotografías 1888-1930”, estas corresponderías situábanse  na Habana (Cuba), en Bos Aires (Arxentina) e Chalchicomula (México). Algunhas das tiradas destas postais que realizaba o fotógrafo, pódense ver en libros adicados a temática viveirense(53).

José Ínsua conciliaba a súa profesión de fotógrafo co teatro, rama da arte escénica que, como actor practicaba desde neno(54), e, que xa de maior, exercía como director e crítico da prensa local. Ademais, neste eido cultural e lúdico, o fotógrafo estaba comprometido en moitas das iniciativas  que se impulsaban na cidade, como a de integrar a comisión de festexos que en setembro de 1904, foi elixida por aclamación popular coa finalidade de preparar as festas do verán de 1905(55). Así mesmo, foi correspondente artístico da revista Vida Gallega(56), e da revista na diáspora “El Eco de Galicia”, cuxas fotografías ilustraron algunhas portadas. A parte de contribuír cos seus traballos en obras como a “Geografía General del Reino de Galicia”(57) ou no libro “A Tola de Covas”, de Xan Plá Zubiri, publicado en 1917; e tamén en diferentes publicacións periódicas como “La Raza”, revista quincenal compostelá; así como numerosas foron as publicacións da diáspora galega que ilustraron as páxinas coas súas fotografías. Aquí nomeamos algunhas, como “Aires d’a Miña Terra”, “Almanaque Gallego”, “Viveiro en Cuba”, “Suevia”, “Vivero en el Plata”…(58).

Católico practicante, o fotógrafo, encargouse da dirección do semanario “Pró Neutralidad”, aparecido o 18 de febreiro de 1917,  e que dirixía Fernando Pérez Barreiro. O equipo de redacción da revista, que se repartía gratuitamente, estaba formado por membros da “Juventud Católica” e se editaba na imprenta de López Muñoz. A publicación  desapareceu ao seguinte ano, estando datado o seu último número o 4 de xullo de 1918.

Entre a ampla oferta comercial ofrecida polo estudio fotográfico, e que os xornais divulgaban, eran dignas de mención, as ampliacións de tamaño natural, produto moi eloxiado pola prensa, que exemplificaba coa referencia a un un busto de Celso Varela enmarcado de tamaño natural que o fotógrafo exhibira na Praza da vila. Anunciaba  ademais o revelado en todo tipo de papeis, ao platino, ao citrato de prata, sobre mármore ou porcelana, en negro ou en cores(59). Foi no entroido de 1903, cando a prensa eloxiou as fotografías de cores(60) que o fotógrafo expoñía no escaparate da rúa de Pastor Díaz, fronte á Farmacia do licenciado Puente. Ver fotografías de cor, non coloreadas posteriormente, nesta data, resulta curioso e rechamante, pola dificultade que entrañaba a súa produción.

Como parte da ambientación das fotografías realizadas no estudio da rúa Cervantes, J. Ínsua utilizaba panos de fondo acompañados de plantas, pequenos mobles e imaxes relixiosas, que logo inxería en decorativos cartóns, como se pode ver nos exemplos seguintes:

O 7 de xuño de 1917 morre o pai, Juan José Ínsua Dorado, e no ano seguinte, as traxedias familiares encadéanse: primeiro coa prematura morte da filla do fotógrafo de seis anos, Lolita, o 29 de xuño, necrolóxica recollida polo periódico “La Defensa”(61); e meses máis tarde, en outubro, a Moira Átropos volve visitar á familia, esta vez, baixo a cobertura da “gripe española”, para cortar o fío da vida, do propio fotógrafo, José Ínsua López, quen nese momento contaba con corenta anos.

Trala súa morte, é a súa muller, Consuelo, quen asume o reto de dar continuidade ao traballo do gabinete, pero agora baixo a marca de “Viuda de Insua”.

“VIUDA DE ÍNSUA”

Consuelo Polo Lago, este era o seu nome completo, tal como fixeran anteriormente  outras viúvas de fotógrafos, durante o período de transición ata a incorporación ao negocio familiar dalgún dos fillos do matrimonio, responsabilizouse de dar continuidade a actividade comercial do establecemento. Consuelo non se ocupou de fotografar, esta tarefa resolveuna coa contratación de fotógrafos, pero os cartóns que se poñían á venda seguían levando a sinatura “Viúda de Insua”. Ao seu cargo, quedou, a rexencia do establecemento e a atención  da clientela, tamén nos eidos complementarios ao fotográfico, como eran, a venda de motivos relixiosos e materiais de papelería e libraría.

Varios foron os profesionais contratados polo estudio para ocuparse de suplir a falta de José. Entre 1918 e 1921, ocupouse desta función un xove madrileño chamado Salvador Díaz Flor, fotógrafo da Casa Kaulak, ata que se independiza montando un estudio propio na rúa Pastor Díaz, 54. Seguiuno outro profesional de nome Moreno; e, máis tarde, entre 1925-1927, o contratado foi Marcelino Buesa Martín, un fotógrafo de Valladolid; a este sucedeuno, en 1929, Juán Gutiérrez, quen, ao igual que Salvador Díaz Flor, estivera traballando fora de Galicia, en Madrid, na Casa France, onde adquirira unha gran reputación como artista, e que tamén remataría por independizarse establecendo o seu propio estudio na rúa de Pardiñas número 12(62).

.

Retrato de muller. Fotografía co selo de “Viuda de Ínsua” en formato “Tarxeta Postal”. Datada en 1922.

Na fotografía(63), impresa en formato de “Tarxeta Postal”, pódese ver que no estudio, a diferenza de épocas anteriores, dispoñían de numerosos elementos decorativos. A persoa retratada está situada dentro dun salón simulando unha casa burguesa mediante cadeira de brazos, mesa auxiliar, cortinas e alfombra, cun pano de fondo onde hai pintada unha paisaxe e balaústres que recrean o pórtico da casa.

A viúva de Ínsua anunciábase como tal no Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera) e no Anuario Industrial y Artístico de España, no apartado de “Fotógrafos”, durante os anos 1929 ao 1934(64), ademais de prodigarse na prensa local con diferentes anuncios, como os publicados entre o 29 de xullo e o 5 de agosto, como neste caso, cando se desprazaba a outras vilas da contorna, onde se presentaba como “Fotografía Artística – Viuda de Insua-Viveiro” ofrecendo para a venda postais, retratos e ampliacións, e todo a prezos nunca vistos.

Anuncio prensa local.

Esta denominación de “Fotografía Artística” foi un dos reclamos máis utilizadas polos estudios fotográficos nesa época, co fin de prestixiar a actividade fotográfica e como xeito de resaltar os seus aspectos ornamentais.

O traballo realizado por José Ínsua coas imaxes sobre Viveiro, tería proxección a través da súa viúva, Consuelo Polo Lago, quen chegado o ano 1925 decide volver a editar a serie de tarxetas postais iniciada polo seu marido, publicando unha nova edición.

Tarxeta postal. Galiciana. Foto J. Ínsua.

O relevo á fronte do gabinete fotográfico, que dará continuidade á saga familiar, produciuse na figura de Emilio Ínsua Polo (1911-1950), coñecido popularmente polo hipocorístico “Milucho”, quen se agregaría ao estudio ao redor de 1925, cando contaba uns catorce anos. Rosario (1914-1981), a outra filla do matrimonio formado por José e Consuelo, non continuaría coa tradición familiar, e non ingresaría no eido da fotografía profesional.

Un feito moi relevante, que posiblemente non pasou inadvertido polo novel fotografo Emilio Ínsua, ocorreu o 29 de maio de 1925, data na que se ten documentada a estancia  na localidade viveirense da coñecida fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson. Entre o conxunto de fotografías realizadas no seu paso documental por Galicia, a reputada fotógrafa inclúe unha na que se retrata o paso da procesión da Misión, cando estaba saíndo da igrexa parroquial de Santiago. Desta pasaxe, anos antes, deixara tamén pegada o malogrado José Ínsua, quen incluiría esta vista formato de “Tarxeta Postal” para a súa comercialización.

Acerca da marcha do estudio fotográfico e, sobre a idoneidade de Emilio Ínsua Polo para rexentalo existe unha publicación, Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi, escrita por J. Nistal López(65), que entra de cheo en ambas circunstancias. Expón o autor no seu relato, que a Emilio non se lle daba a actividade fotográfica, e que a súa galería, alá polo ano 1929, asemellábase máis a un lugar de encontro, onde se reunían unha morea de amigos a parolar e a enredar no cuarto escuro, que a un laboratorio comercial. Nas propias palabras de J. Nistal:

Milucho” muy “longo” muy indolente, muy alegre, muy infantil, muy buen amigo… Pudo ser fotógrafo, repito, si no fuese porque carecía de afición.

A marcha comercial do gabinete neses anos parece avalar a percepción de Nistal López, se se consideran as diferentes contratacións de fotógrafos que realizou a súa nai ao longo dese tempo, e o feito de que no ano 1929 entrara a traballar no estudio un novo retratista, xa nomeado anteriormente, Juan Gutierrez.

A principios da década de 1930, o traballo fotográfico do estudio comeza a decaer, derivando a súa actividade na venta de postais e traballos para afeccionados.

Así a todo, Emilio Ínsua Polo aparece rexistrado como fotógrafo activo no ano 1932 na mesma localidade de Viveiro, segundo recolle o Anuario Regional del Norte de España(66), xunto con outro profesional da localidade, José Cartelo Prieto, este último posiblemente itinerante.

Anuncio no Annuario Regional del Norte de España.

Emilio, xa empregado do Banco Pastor, casou o 14 de abril de 1934 con Eugenia García Lage na igrexa parroquial de Santiago de Viveiro, noticia que se recollía no periódico de información galaico-asturiana “Las riberas del Eo”(67).

O destino fixo que coincidiran no exercicio da profesión como fotógrafos, os tres irmáns, Laureano, Celia e José Ínsua, e, a fatalidade, en que deixaran este mundo a unha idade moi nova: Laureano aos 28 anos, Celia aos 34 e José aos 41. Dentro da saga, Celia foi o eixe central na que se apoiaron os seus irmáns, a que máis tempo traballou no oficio fotográfico e a que serviu de nexo entre os dous fotógrafos.

NOTAS AO FINAL DO DOCUMENTO:

(1)Inscripción do Rexistro Civil de Viveiro do día 13 de setembro. Certificado de nacemento: Libro 5. Folio 167. Número 175 da Sección 1ª do rexistro.

(2)Camelia Cociña, nacida en Córdoba, considérase vivairense e galega por ter nacido a súa nai, Concepción Riveira, en Viveiro e o seu malogrado pai no porto de Celeiro. Pasou a súa infancia na localidade do Landro, asistindo á escola no mesmo edificio que anos máis tarde pasaría a ser o “Teatro da Vila”, onde tivo como compañeiro ao poeta García Dóriga. Marcharía a Madrid para recibir instrución no Colexio Loreto. Casou co maxistrado Joaquín Llanso. Como escritora cultivou diferentes xéneros, sendo a poesía o que máis lle atraía. Recibiu numerosos premios, trinta e tres, en diferentes certames ao longo de todo o Estado, e algún en Francia. Foi Membra Titular da Academia de Montreal de Tolouse, Socia de Honra do Centro Galego de Bos Aires; C. da “Academia de Ciencias, Bellas Letras y Nobles Artes” de Córdoba, etc. Colaboraba con publicacións en numerosos periódicos. (Vivarienses ilustres. La familia Cociña-Fernández-Victorio. Boletín nº 309-320 – (Chao Espina, Enrique))

(3)Consello da Cultura Galega

(4)Consello da Cultura Galega

(5)Naceu en 1892 en Feás-Susavila, unha parroquia de Ortigueira, hoxe pertencente ao concello de Cariño. Foi a única muller que participou no acto fundacional das Irmandades da Fala e a única que viaxou a Cataluña no ano 1917, formando parte da delegación. Formou parte do elenco de actrices en diversas pezas teatrais do Conservatorio Nacional del Arte Gallego e a principal animadora da constitución dunha Sección Feminina da Irmandade coruñesa no ano 1918, da que foi a súa primeira conselleira.

(6)A diferenza da súa irmán, naceu en Cuba no ano 1893, durante o período no que emigrou a súa familia. Casou con Ramón Villar Ponte. Ao igual que a súa irmá Micaela Chao Maciñeira, participou activamente nas Irmandades da Fala e formou parte da Sección Feminina no seo da Irmandade coruñesa que propiciou a súa irmán, chegando a ser vicesecretaría. Actuou como actriz en diversas montaxes realizadas polo Conservatorio Nacional del Arte Gallego.

(7)A “Sociedade de Obreros”, foi fundada en decembro de 1888. Tiña carácter mutualista, dirixida a paliar as adversidades que sobre a saúde puideran afectar aos traballadores. Información recollida do blog “A Ínsua do Ínsua”.

“El Regional, diario de Lugo”, nº 8449 do 18 de xullo de 1908, recolle unha noticia onde Juan Antonio Insua Dorado aparece como Vicepresidente da Sociedad de Obreros, directiva constituída nesa data.

(8)A crónica “Un solo Ayuntamiento – XIV. VIVERO”, publicada polo semanario “El Eco de Vivero” o 16 de marzo de 1890, comentaba textualmente sobre a restauración do Teatro:

“En un extremo de la villa se halla situado el único teatro que en la misma existe, y que hasta hace poco era un destartalado edificio, más propio para alojar un escuadrón de caballería, que para ser dedicado al arte de Talía. Fué, á lo que parece, construido para hospital en tiempo del Corregidor Losada, á principios del presente siglo, habiendo sido destinado más tarde á escuelas públicas. Desde que estas se trasladaron al ex convento de S. Francisco, no tuvo más objeto que el teatro.
Hoy se han hecho en el interior grandes reparos por el maestro Don Juán Antonio Insua, que merced á un contrato celebrado con el Ayuntamiento, quien administra aquel local como proio del ramo de beneficencia municipal, pudo hacer del feo y horrible caserón un elegante teatrito, quizá el mejor de la provincia de Lugo.”

(9)Unha das tres portas que se conservan da muralla. Formada por un sinxelo arco de medio punto con bóveda de canón, entrada do chamado Camiño Real. Conserva unha inscrición epigráfica en pedra, a máis antiga de Viveiro: ERA MCCLV IN TEMP:R:AF.
Na parte interior da porta consérvase un moderno camarín de madeira, obra do tallista José otero, formado por un Cristo do século XVIII, unha Virxe e un San Xoán ambos do século XVI.

(10)Rexistro Civil de Viveiro. Certificado de nacemento: Libro 5. Folio 167. Número 175 da Sección 1ª do rexistro.

(11)“El Vivariense – Semanario de intereses locales”. Año I, nº 22. 02/11/1890

(12)Información recollida de:

Galdo, Fausto (1992). Pintura y pintores de Viveiro.

Ínsua, Emilio (2019). No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (VI).

(13)Emilio Ínsua (2019). No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (VII).

(14)Este fotógrafo, aparece anunciándose no periódico local “El Vivariense” en varias ocasións: O 04/01/1890, o 28/12/1890, o 22/02/1891 e o 01/03/1891. Sendo neste último ano de 1891, que anuncia a súa despedida e o peche da galería, rebaixando os prezos das fotografías (12 reais por 3 retratos visita, 20 reais por 3 retratos en tarxeta americana; 30 reais por 3 retratos en formato archiduquesa e 40 reais por 3 retratos en tamaño salón.

(15)Carlos Nuevo Cal no seu libro Viveiro unha historia en fotografías 1888-1930. Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

(16)“El Vivariense – Semanario de intereses locales”. Año I, Nº 16. 21/09/1890 e 12/10/1890. Este semanario editouse en Viveiro entre 1890 e 1915.

(17)“El Vivariense – Semanario de intereses locales”. Año I, Nº 65. 30/08/1891.
“Gaceta de Galicia” – Diario de Santiago – Decano de la prensa de Compostela. 09/12/1891. Ano XXI. Nº 201.

(18)“El Vivariense” – semanario de intereses morales y materiales. Nº 127. AÑO III, 6 de novembro de 1892.

(19)A estrada coñecida como Linares, considerada de 3º orde, conducía ao Ferrol e A Coruña, atravesando Covas (2 km), Folgueiro (5,4), Ponte do Barqueiro (16,3), Ortigueira (35) e Linares (74), onde se dividía en dúas ramas: a que vai a Ferrol (88 km) e a de A Coruña (139 km). Información recollida do libro “Historia de Vivero y su Concejo” de Juan Donapetry Iribarnegaray.

(20)El Eco de Vivero – “Lista de cantidades entregadas á la Comisión ejecutiva por los señores que se expresan, para las ferias y festejos de Agosto. 01/07/1894.

(21)José Antonio Vázquez Vilanova. La enseñanza secundaria en Galicia a finales del siglo XIX. Características y destinatarios.

(22)“El Vivariense – Semanario de intereses locales”. 29/11/1893.

(23)Tomo II Directorio de Fotógrafos de España (1851-1936). Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso:

Ferreiro Bello, Enrique. Fotógrafo activo na cidade da Coruña na rúa Angosta, 1 nos anos 1879, 1880, 1881, 1882, 1883, 1884, 1885, 1886 (Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración Baylly-Bailliére; na rúa Angosta de San Andrés, 1, en 1887, 1888, 1890, 1892, 1894 (no mesmo Anuario); na rúa San Andrés, 35 en 1897, 1898, 1899, 1900, 1901 (Almanaque Bailly-Baillière) e (Anuario-Riera Guía Práctica de Industria y Comercio de España), en 1902 e 1903 nos dous anuarios.
Revista Gallega – Semanario de Literatura e Intereses Regionales, 17/03/1895, ano I, nº 1. Anuncio do fotógrafo:

(24)Pintor nacido en Viveiro, que realizaba retratos ao óleo, neste caso. Propietario do periódico local “El Eco”.

(25)Fotógrafos nomeados por Carlos Nuevo Cal. Viveiro unha historia en fotografías 1888-1930. Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

(26)“El Eco de Vivero”. 25/05/1902. Anuncio de “Nueva Fotografía Julian”.

(27)Alberte Martínez López. La electrificación en la periferia: Galicia, 1883-1935. Facultad de Economía y Empresa. Universidade da Coruña.

(28)Segundo o Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración ó Almanaque de las 400.000 señas de España, Ultramar, Estados Hispano-Americanos y Portugal con anuncios y referencias al comercio e industria nacional y extranjera (Bailly-Baillière), en Ferrol estaban activos co nome de Saavedra, dous fotógrafos: Bernardino, que se anunciaba na rúa Cantón nº 6 dende o ano 1885 ata 1911 e José, posiblemente fillo, que se anunciaba no mesmo enderezo entre 1908 e 1914.

(29)Este nome ten a súa orixe nas “Sociedades Fotográficas” creadas por fotógrafos afeccionados que contaban coa publicación de revistas para dar difusión ás novas técnicas e tendencias fotográficas. A primeira sociedade fotográfica creada no Estado foi no ano 1863, en Cádiz, cuxo periódico titulábase “El Eco de la Fotografía”. Máis tarde apareceron outras, entre elas, as máis coñecidas eran a “Sociedad Fotográfica de Madrid”, fundada en 1889 ou a “Sociedad Fotográfica Española” creada en 1891. En Galicia estaban entre outras a “Sociedad Fotográfica de La Coruña” e a de Santiago. Pero dende os últimos anos do século XIX e primeiros do XX, comezaron a anunciarse estudios fotográficos con este nome, como o caso que nos ocupa, ou a “Sociedad Fotográfica Ferrolana” que tivo representación en Viveiro durante algunha temporada; ou tamén cos nomes de “Sociedad Artístico Fotográfica” ou “Sociedad Electro Fotográfica”.

(30)Imaxe que publica Carlos Nuevo no libro Vivero – unha historia en fotografías 1888-1930”

(31)O mesmo fotógrafo que anos máis tarde, reproduciría ao fotogravado as tarxetas postais producidas por el mesmo.
Francisco Ferrer y Puigdengolas, comeza en 1864 cunha papelería na Coruña e na que co tempo vai desenvolvendo outro tipo de actividades, como a imprenta, a fotografía, venda de aparatos fotográficos, e a finais de 1880 un taller de fotogravado. Co seu pasamento, faise cargo do negocio o seu fillo, Pedro Ferrer Sanz (1870-1939), quen continuará o labor do pai ata 1939. Pedro Ferrer Sanz anunciábase no apartado de Artículos e material para a Fotografía na cidade de A Coruña, con establecemento na rúa Real número 61, e tamén con Talleres de Fotograbado entre o ano 1903 e 1911 no Anuario del Comercio, de la Industria… Bailly- Baillière. As súas fotografía editáronse por primeira vez a finais do século XIX en formato tarxeta postal, imáxenes que recollían as vistas das vilas, paisaxes, artes e costumes de toda Galicia. Destacan as series de “A Pastoriza” e o “Portfolio de Galicia”.
Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso. II Directorio de Fotógrafos de España (1851-1936). :

Pedro Ferrer, anúnciase no apartado de Artigos e material para a Fotografía na cidade da Coruña na rúa Real, 61 nos anos 1909, 1910 e 1911 no Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración de España….
Tamén se anuncia como Talleres de Fotograbado no mesmo enderezo no ano 1903, 1904, 1905, 1906, 1909 e 1911, no (Anuario del Comercio de la Industria de la Magistratura y de la Administración…).

(32)Esta avenida chamada nos seus inicios rúa de San Francisco e logo de Santiago, formaba parte da ronda ou camiño exterior das murallas.

(33)A Igrexa Parroquial de Santiago, atópase xusto enfronte da nova casa familiar, na avenida de Cervantes, xunto co Convento de San Francisco, forma un conxunto histórico-artístico. Data do século XII-XIII, sendo un exemplo de estilo oxival, no que se conxugan elementos góticos e románicos. A igrexa ten planta de cruz latina e ábsida pentagonal con bóveda de abanico, no que se abren cinco ventás oxivais, considerada como a máis esvelta e grandiosa das igrexas conventuais galegas. No seu interior garda o sepulcro do ilustre político e escritor viveirense Nicomedes Pastor Díaz y Corbelle.

(34)A finais do século XIX a impresión en papel platino adquiriu unha gran popularidade nos medios fotográficos que se estendeu ata 1916, ano no que Eastman Kodak deixa de fabricalo debido ao encarecemento que experimentou o platino durante a 1ª Guerra Mundial.

(35)Rexistro Civil de Viveiro. Libro 31. Folio 270. Nº 268 da Sección 3ª.

(36)Imaxe cedida por Emilio Ínsua.

(37)Imaxe cedida por Emilio Ínsua.

(38)Fotografía e información cedida por Emilio Ínsua.

(39)A emulsión ao xelatino-bromuro de prata sobre vidro para negativos, foi presentada en 1871 polo inglés R. L. Maddox, aínda que non foi ata os inicios de 1880 cando as chamadas “placas secas” negativas comezaron a comercializarse. Producíanse industrialmente e mercábanse xa sensibilizadas, sen necesidade de preparalas antes de usalas.

(40)A partir de mediados dos oitenta do século XIX, aproximadamente, e grazas ao uso de material fotográfico máis sensible comezaron a ser necesarios sistemas que deixaran pasar a luz en cantidades “medibles” de poucos segundos, ou fraccións dos mesmos. Xa non era posible, co cronómetro na man, recolocar a tapa no obxectivo tras tempos de 1/10s, 1/50s e moito menos 1/100s, así que se comezaron a desenvolver diferentes tipos de obturadores mecánicos. Ao principio mercábanse as cámaras e os obxectivos e logo o obturador que se puidera acoplar, co tempo, as cámaras comezáronse a vender directamente co obxectivo e obturador.

(41)A Tarxeta de Visita foi un formato de retrato inventado por André Adolphe Eugène Disdéri, quen obtivo o privilexio de invención o 24 de marzo de 1854. Segundo se indica na páxina 516 do II Volume do Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936), de Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso, este formato comezou a utilizarse no estado nos primeiros meses de 1860 en Madrid, polos fotógrafos Ángel Alonso Martínez, Juan Laurent Minier, Pedro Martínez de Hebert e José Martínez Sánchez, ata quedar implantado por todo o territorio na década dos oitenta. O seu tamaño era de 102×62 cm.

(42)As primeiras noticias de utilización do formato Tarxeta Americana, coñecida tamén como Cabinet ou Retrato Gabinete, correspóndense cos últimos días do mes de xuño de 1867 en Madrid, anunciada por Juan Laurent (Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso. Directorio de Fotógrafos en España (1851- 1936)).

(43)Aínda que as Tarxetas Postais ilustradas circularon por todo o Estado dende 1892, sendo a primeira editora de postais a Fototipia Hauser y Menet, empresa fundada en Madrid en 1890 por dous suízos, Óscar Hauser e Adolfo Menet, non foi ata o cambio de século que este formato comezou a ser utilizado como soporte de fotografías. Ata 1905 considerábase o reverso a parte onde estaba impresa a imaxe, que tamén se utilizaba para escribir o texto, pois no anverso, que estaba sen dividir, só se podía escribir o nome da persoa destinataria e o enderezo. Foi a partir do Real Decreto do 7 de decembro de 1905 que se modificou o Regulamento do Servizo de Correos en relación con estas tarxetas, cando comezaron a presentar un anverso dividido, a metade dereita reservada para poñer o destinatario e o enderezo e a metade esquerda para escribir o texto.

(44)Fillo de Francisco Ferrer y Puigdengolas, que montou no ano 1864 una papelería na Coruña que acabou por converterse co paso do tempo en nun taller de fotogrovado e imprenta en 1880. Falecido Francisco é a súa viúva e o seu fillo Pedro quen continúa co seu labor ata 1939.

(45)Segundo o artigo que publica Emilio Ínsua “No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (VIII)” no “Heraldo de Vivero” en 1919, os títulos das imaxes coas que José Ínsua participou no Portfolio Galicia, eran as seguintes:

1ª serie do Portfolio Galicia, formada por 24 fascículos vendidos ao longo de 1902, 1903 e 1904:
Caderno nº 11: “Castillo del Puente”
Outro caderno: “El Muelle”
2ª serie de Portfolio Galicia, aparecida entre 1910 e 1913:
Caderno nº 4: vista do embarcadoiro de ferro das minas da Silvarosa na Ínsua
Noutro caderno: “Puente Viejo del Landrove”
Caderno nº 14 do 20/09/1911: “Estatua de Pastor Díaz”
Caderno nº 15, 20/10/1912: “Porto Chao”
Caderno nº 17, 20/03/1913: “Iglesia de Santa María del Campo”

(46)Este estudio tiña a súa sede central no Cantón de Ferrol, e estableceuse en Viveiro durante unha temporada na rúa Cayuela nº 19, como NUEVA FOTOGRAFÍA “JULIÁN”, utilizando procedementos fotográficos ao platino.

(47)Estes fotógrafos, con estudio na rúa Real, 138 de Ferrol, anunciábanse para retratar aos nenos nas súas camiñas e demais xogos infantís. Tamén realizaban a domicilio fotografías de escritorios, despachos, festas de familia etc.

(48)Empresa fundada en Madrid en 1890 por dous suízos, Óscar Hauser e Adolfo Menet. Esta empresa de artes gráficas foi capaz de reproducir por impresión fotomecánica as fotografías con gran nitidez e riqueza de tons, que sorprenderon pola súa perfección. A casa Hauser y Menet dispoñía en 1900 de cerca de 600 vistas diferentes, e en anuncios de 1902 aseguraba producir mensualmente medio millón de unidades. (Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alfonso (2013). Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936), do “Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia”).

(49)No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (VII). “Heraldo de Vivero”.

(50)Imaxes cedidas por Emilio Ínsua.

(51)Carlos Nuevo Cal. Viveiro unha historia en fotografías 1888-1930. Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

(52)Heraldo de Vivero. Nº 120, 31/05/1915.

(53)Díaz Martínez e Galdo, Fausto (2005). A memoria de Viveiro – Álbum Postais. Xerais.
Carlos Nuevo Cal. Viveiro – unha historia en fotografías 1888-1930. (2004). Introdución: Departamento de Arte. Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

(54)“El Eco de Vivero”, con data 29/089/1895, comentaba sobre a compañía de afeccionados de Viveiro:

“En el Teatro. Una improvisada Compañía Cómico-dramática, compuesta de los jóvenes vivarienses José Insua, Gonzalo Fernández, Jesús Barreiro y Luís García, presentose por vez primera en escena en la tarde del pasado domingo, representando el drama histórico de Olona: “La Tienda del Rey Don Sancho”, y el juguete cómico de Anguita, titulado: “Robo y envenenamiento”.
Aun cuando se decidieron á salir á escena sin pretensiones de ningún género y confiados en la benevolencia del público, como rezaba el programa, la representación fue bastante acertada, y, dados los pocos años y falta de educación artística de los actores, circunstancias que deben tenerse en cuenta para juzgar rectamente los defectos que, naturalmente, se notaron en la ejecución de las indicadas obras, aparecieron bastante ligeros.
Lo mismo los trajes que el decorado, estaban en harmonía con el asunto. Todos los citados jóvenes fueron aplaudidos y llamados á escena al finalizar la representación.
Reciban nuestra enhorabuena.

(55)Esta nova comisión sería a encargada de dar un pulo a organización dos “Festejos Populares”, como así os chamaban, que permitira un maior desenvolvemento económico da localidade. Crearon un precioso díptico co programa editado en Valencia, na imprenta e Litografía de J. Ortega. Imaxes cedidas por Emilio Ínsua.

(56)Vida Gallega, agosto de 1909:

Crónica Gráfica
Nela aparece un retrato de José Ínsua López coa lenda no pé de: D. José Ínsua López, corresponsal artistico de VIDA GALLEGA en Vivero.

(57)Publicación que comprendía 6 tomos, dirixida por E. Carreras e Candi. Publicada pola Editorial Alberto Martín, de Barcelona, en 1928.

(58)Para unha información moito máis ampla sobre as imaxes que ilustraron estas publicacións, pódese consultar o artigo “No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (IX), que Emilio Ínsua publicou a principios do ano 2018 no “Heraldo de Vivero”.

(59)El Eco de Vivero: 04/05/1902, nº 715 e 21/09/1902 nº 735.

(60)A primeira fotografía en cor foi capturada polo físico James Clerk Maxwell en 1861. Realizou tres fotografías sucesivas con diferentes filtros para a lente: vermello, azul e verde; e ata que non apareceron as primeiras placas que permitían realizar as fotografías a cor, as imaxes coloreábanse a man con óleo, acuarelas, anilinas ou outros pigmentos. A auténtica primeira placa fotográfica autocroma, foi patentada polos irmáns Lumière en 1903 e comercializada en 1907.

(61)Periódico “La Defensa”. Año 5, 29/06/1918:

El viernes subió al Cielo una preciosa hija de nuestro amigo el acreditado fotógrafo de esta ciudad D. José Ínsua López, a quien, como a su familia toda, acompañamos en el natural sentimiento, que debe ser atenuado por la consideración que, lejos de ser lamentable el fallecimiento de la angelical Lolita, debe ser tenido como fausto natalicio para la Gloria.

(62)Datos consultados de:

Viveiro unha Historia en Fotografías (1888-1930). Achegas para unha historia da fotografía en Viveiro. Carlos Nuevo Cal, presidente do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

Emilio Ínsua. 1919. No primeiro centenario de José Ínsua López, Pepe da Mota (XI). “Heraldo de Vivero”.

(63)Fotografía cedida por Emilio Ínsua.

(64)(Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima, 1929, 4 vol.)

Anuario Industrial y Artístico de España. Artes, Industria, Comercio, Profesiones. 1931, Madrid, Editorial Rivadeneyra, 1931, vol 2.

(Anuario General de España (Baillty-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Profesiones, Elemento Oficial, Agricultura, Ganadería, Minería y Propietarios, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 22, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima, 1933, 4 vol.)

(Anuario General de España (Baillty-Baillière-Riera). Comercio, Industria, Profesiones, Elemento Oficial, Agricultura, Ganadería, Minería y Propietarios, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 23, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima, 1934, 4 vol.)

(65)Nado en Viveiro o 9 de novembro de 1909. Anécdotas dun Viveiro que se foi. 2000. Seminario de Estudos “Terra de Viveiro”. Impreso por Gráficas Neira Brochs, de Viveiro. Coordinadores da publicación Fausto Galdo e Anxo Bertolo.

(66)Anuario Regional descriptivo, informativo y seleccionado de la Industria, Comercio, Agricultura, Profesiones, Arte y Tursimo del Norte de España. Comprende las provincias de Galicia, Asturias, Santander y Vascongadas, Madrid, Anuarios Regionales de España, 1ª edición, 1932.

(67)Las riberas del Eo – periódico de información galaico-asturiana, nº 3071: 14/04/1934.

FONTES CONSULTADAS:

Bibliografía:

  • Emilio Xosé Ínsua, artigo no blog “A Ínsua do Ínsua”,Da tradición musical de Viveiro (IV)”.
  •  Emilio Xosé Ínsua, artigo no blog “A Ínsua do Ínsua”, Da tradición musical de Viveiro (VI)”.
  • Emilio Xosé Ínsua, artigo no blog “A Ínsua do Ínsua”, “No primeiro centenario do pasamento do fotógrafo vieirense José Ínsua López – Pepe da Mota (I)”.
  • Emilio Xosé Ínsua, artigo no blog “A Ínsua do Ínsua”, “No primeiro centenario do pasamento do fotógrafo vieirense José Ínsua López – Pepe da Mota (II)”.
  • Emilio Xosé Ínsua, artigo no blog “A Ínsua do Ínsua”, “No primeiro centenario do pasamento do fotógrafo vieirense José Ínsua López – Pepe da Mota (III)”.
  • Carlos Nuevo Cal. Viveiro – unha historia en fotografías 1888-1930. (2004). Introdución: Departamento de Arte. Seminario de Estudos Terra de Viveiro.
  • Donapetry Iribarneguay, Juan – Historia de Vivero y su Concejo.
  • Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfons. Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.  (2013). Tomo II, pax. 766.
  • Anuario Regional descriptivo, informativo y seleccionado de la Industria, Comercio, Agricultura, Profesiones, Arte y Tursimo del Norte de España. Comprende las provincias de Galicia, Asturias, Santander y Vascongadas, Madrid, Anuarios Regionales de España, 1ª edición, 1932.
  • Nistal López, José (2000). Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi. Semanario de Estudos ‘Terra de Viveiro’.
  • Díaz Martínez e Galdo, Fausto (2005). A memoria de Viveiro – Álbum Postais. Xerais.
  • Galdo, Fausto (1992). Pintura y pintores de Viveiro.
  • Canosa, Ramón (1969). Vivero otra vez… Gráficas Ruimor – Madrid.
  • Campos Álvarez, José Ramón. “La emigración gallega a América (1880-1930) integración y retorno. Univ. de Vigo.
  • Lee Fontanella (1981). La historia de la fotografía en España desde sus orígenes hasta 1900. Ediciones El Viso, S. A.

Periódicos e revistas:

  • El Norte de Galicia – diario político y de información.
  • El Pueblo Gallego – diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia.
  • El Regional – diario de Lugo.
  • El Vivariense – Semanario de intereses locales.
  • El Eco de Vivero.
  • Gaceta de Galicia. Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela.
  • La Defensa.
  • Vida Gallega
  • Las riberas del Eo – periódico de información galaico-asturiana.

Outros:

  • Certificados de nacemento, casamento e morte do Rexistro Civil de Viveiro (Datos nas notas ao final de documento).
  • Padróns Arquivo Municipal de Viveiro.
  • Programa de los Festejos Populares que han de celebrarse durante los días del 14 al 19 de Agosto de 1905.
  • Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera. Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 18, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima, 1929, 4 vol.
  • Anuario Industrial y Artístico de España. Artes, Industria, Comercio, Profesiones. 1931, Madrid, Editorial Rivadeneyra, 1931, 2 vol.
  • Anuario General de España (Bailly-Baillière-Riera. Comercio, Industria, Agricultura, Ganadería, Minería, Propiedad, Profesiones y Elemento Oficial, Director Gerente Eduardo Riera Solanich, 2ª época, año 22, Barcelona, “Anuarios Bailly-Baillière y Riera Reunidos”, Sociedad Anónima, 1933, 4 vol.
  • Anuario Industrial y Artístico de España. Artes, Industria, Comercio, Profesiones. 1933-34, Madrid, Editorial Rivadeneyra, 1933, 2 vol.
  • Anuario Regional. Descriptivo, informativo y seleccionado de la Industria, Comercio, Agricultura, Profesiones, Arte y Turismo del NORTE DE ESPAÑA. Comprende las provincias de Galicia, Asturias, Santander y Vascongadas. Primera Edición 1932.

Agradecementos:

  • A Emilio Ínsua, sobriño bisneto de Celia, por toda a colaboración que me prestou pasándome a información e fotografías necesarias para realizar este traballo.
  • A todas aquelas persoas que me facilitaron o traballo nos museos, bibliotecas, arquivos e rexistros.
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest