ZAIDA BEN-YÚSUF (1869-1933)

Pioneira da fotografía de orixe inglés, emigrada a EE. UU., onde deixou unha forte pegada polos seus famosos retratos artísticos a finais do XIX e principios do XX.

VIDA:

O seu verdadeiro nome era Esther Zeghdda Ben Youseph Nathan, nacida en Hammersmith, Londres, Inglaterra, o 21 de novembro de 1869. O seu pai, Es-Seyyid Mustapha Moussa Ben Youseph Nathan, de orixe alxeriano, era un actor itinerante reconvertido en tendeiro, e a súa nai, Anna Kind (1845-1909), de orixe alemá, nacida en Berlín, era sombreireira. Esther Zeghdda, ou Zaida Ben-Yúsuf, nome que se colocaría anos máis tarde, era a maior das catro fillas que tivo o matrimonio: Heidi (c.1873-1915), Leila (c.1877-1967) e Pearl (c.1878-1940).

Abandonadas polo seu pai ao redor de 1881, cando Zaida tiña uns 12 anos, a súa nai, Anna, mudouse coas fillas a Ramsgate, unha localidade situada na costa inglesa, no distrito de Thanet, ao oeste do condado de Kent, que por esa época era un importante porto británico, onde se empregou de institutriz, como consta nos rexistros do ano 1881.

A finais da década de 1880, Anna Kind emigrou aos EE. UU. alí conseguiu realizar o “soño americano”, xa que aos poucos anos da súa chegada a Boston, en 1891, estableceu unha sombreirería na rúa Washington que mantivo ata 1905, ano no que foi contratada como instrutora na refinería Pratt Instituteen Brooklyn de Nova York, un posto ao que renuncio en 1907 para establecer a súa propia escola no West 23rd Street. En 1909 publicou o que sería un dos primeiros libros de referencia para ensinar a arte da confección de sombreiros, titulado “A arte da sombreirería: leccións prácticas para o artista e o afeccionado”.

En 1895, anos máis tarde que a súa nai, Zaida Ben-Yúsuf, emigra a Nova York á idade de 26 anos, xunto coas súas irmáns. Mentres Zaida se establece en Nova York, no padrón da cidade figura residindo no 1 East 28th Street, ao lado do apartamento do ilustrador de revistas LL. Roush (1862-1918), con quen lle uniría unha gran amizade; a súa nai, Anna, permanecería en Boston, acompañada das outras tres fillas, quen anos máis tarde seguirían a afección que o seu pai tiña pola farándula, actuando en teatros de Nova York e con compañías itinerantes por todo o país. Seguindo os pasos da súa nai, parece que ocupa os primeiros meses traballando como sombreireira, un labor que compartiría coa afección á fotografía que posiblemente xa practicaba cando estaba en Inglaterra.

Pasou a ser coñecida como fotógrafa en abril de 1896, cando dúas das súas fotografías foron reproducidas na revista internacional de moda e entretemento The Cosmopolitan Magazine, dirixida a lectoras femininas. Viaxou a Londres, onde coñeceu a George Davison, importante fotógrafo paisaxista británico, e un dos cofundadores da sociedade The Linked Ring(1) /em>, quen eloxiou a estética de enfoque suave de Zaida animándoa a continuar coa fotografía e a presentar o seu traballo na exposición “Linked Ring Salon” prevista para este mesmo ano. Entre 1896 e 1902, a fotógrafa participaría en todas as exposicións anuais que realizaba esta sociedade.

A finais desta década de 1890, as revistas experimentaran un cambio importante desde que a tecnoloxía permitira reproducir fotografías en páxinas impresas. En xaneiro de 1897, a fotógrafa, posiblemente influenciada polo traballo do seu veciño ilustrador LL. Roush, escribiría e ilustraría un artigo sobre a fabricación de sombreiros na sofisticada revista de moda Harper’s Bazaar, un artigo sobre moda ao que seguirían outros, como “A fabricación e o recorte dun sombreiro: Recorte da cinta”, primeira parte, publicado o 8 de xullo de 1898 no The Ladies’Home Journal, un dos periódicos para mulleres de máis prestixio dos EE. UU., e a segunda parte, “Facer un sombreiro de trenza de palla” o 9 de agosto.

Abriría o seu primeiro estudio de fotografía de retratos, chegada a primavera de 1897, no 124 da Quinta Avenida, en Nova York, converténdose así nunha das “Novas Mulleres” que se uniron á forza laboral remunerada na década de 1890, nunha cidade como Nova York, considerada a segunda cidade máis grande do mundo nesa época, destino e punto de encontro dun conxunto internacional de escritoras e escritores, artistas e exploradores. En lugar de recorrer ás convencións tradicionais de retratos, utilizando fondos pintados e poses artificiais, buscou a inspiración en pintores impresionistas como Whistler ou Sargent. Ao respecto, Sadakichi Hartmann(2) comentaria:

[…] É un feito palpable e instrutivo, que si tomáramos os traballos representativos de media ducia dos principais fotógrafos profesionais, habería moi pouco diferencia nas súas producións. O seu traballo é igualmente mecánico, igualmente o resultado dun sistema estereotipado de pose, iluminación e retoque posterior.
Mis Benn Yúsuf, polo contrario, esfórzase por producir impresións máis individuais para o artista e, sen embargo, logra obter unha semellanza e, o que aínda é máis difícil, compracer a súa clientela. […]

De aí que a pesar da súa curta idade e da súa recente chegada aos Estados Unidos Zaida Ben-Yúsuf, conseguira atraer ao seu moderno e exótico estudio a moitas figuras artísticas, literarias, teatrais e políticas, as máis destacadas da época. A súa popularidade como fotógrafa impulsaríase como consecuencia tamén da aparición en prensa de diferentes artigos: O sete de novembro deste mesmo ano, o periódico New York Daily Tribune, editaría un artigo titulado “Pictorial Photographer”, onde ademais de falar sobre o traballo como retratista, o periodista describía o estudio comentando o decorado e o traballo de creación de carteis publicitarios que realizaba a fotógrafa; o 30 de decembro, a revista literaria e de noticias ilustrada, Frank Leslie’s Weekly, publicaría outro artigo cinguíndose esta vez só ao seu traballo.

Zaida Ben-Yusuf foi moi eloxiada nestes comezos por figuras tan relevantes na fotografía artística como Alfred Stieglitz, Sadakichi Hartmann ou F. Holland Day quen admiraba a “dozura, fidelidade e orixinalidade” do seu traballo. Cando o tema da fotografía era abordado nos círculos artísticos, o nome da señorita Zaida Ben-Yúsuf era mencionado como un dos expoñentes máis talentosos da rama do retrato, comentaba Sadakichi Hartmann(3)

[…] falar dela de maneira condescendente ou adoptar un ton superior sería impertinente, xa que é dubidoso que en todos Estados Unidos haxa un expoñente máis interesante da fotografía de retratos que ela; […]

Este apoio elevaríaa rapidamente aos niveis máis altos no campo da fotografía artística, tanto en Nova York como en Londres. Neste mesmo ano 1897, Alfred Stieglitz, líder deste movemento nos Estados Unidos e vicepresidente do Camera Club de Nova York, adquiriría fotografías de Zaida para a súa colección persoal.

Aínda que asegurou que era autodidacta, Zaida Ben-Yúsuf expuxo as súas primeiras fotografías en salóns exclusivos e publicou o seu traballo en revistas importantes. Así dous dos seus traballos formaron parte da Exposición Fotográfica Eastman celebrada entre o 26 de setembro e o 8 de outubro de 1898, na Academia Nacional de Deseño de Nova York, patrocinada pola 67ª Feira Anual do Instituto Americano(4) na que a propia Zaida sería a encargada da súa decoración. Nesta exposición gañaría unha medalla de bronce no apartado de “Retratos y grupos” cunha fotografía de corpo enteiro da actriz de comedias e óperas lixeiras Virgina Earle. As súas obras participaron asemade nunha exposición patrocinada polo Vienna Camera Club, de Viena, primeiro impulsor da corrente pictorialista. Un dos seus traballos máis coñecidos, “recendo a granadas”, sería publicado este mesmo ano “In the Art World”, New York Times.

11/11/1898. Ilustrated American. “In Woman’s Realm – A Remarkable Woman Photographer”, por Marion Barton

Cinco das súas fotografías foron publicados na revista Ilustrated American, o once de novembro de 1898, no artigo publicado por Marion Barton, titulado “In Woman’s Realm – A Remarkable Woman Photographer”. No mes de novembro, Zaida Ben-Yusuf xunto con outra gran fotógrafa, Frances Benjamin Johnston, exhibiría numerosas obras da súa autoría no The Camera Club de Nova York, un foro que se creou para explorar a fotografía e que Alfred Stieglitz, fotógrafo promotor da arte moderna, utilizaría como lugar para convencer a un público aínda escéptico de que a fotografía era unha arte digna de comparación coa pintura. O traballo de Zaida sería reseñado no Camera Notes do mes de abril por William Murray.

En marzo de 1899, Zaida volve aparecer na prensa xunto con outros fotógrafos no American Amateur Photographer e, neste mesmo mes, fotografía a Theodore Roosevelt, cando aínda era gobernador de Nova York. Tres meses máis tarde, viaxa a Boston para visitar a súa nai. Na cidade, atópase co fotógrafo e editor estadounidense F. Holland Day, quen lle realiza unha serie de fotografías no tempo en que estiveron xuntos. Este fotógrafo, moi controvertido polo tipo de fotografías que realizaba, retratando a mozos varóns espidos, pertencía ao movemento pictorialista. Entre o 22 de outubro e o 19 de novembro, Zaida presenta catro fotografías na exposición do II Salón Fotográfico de Filadelfia, que se realizaba na Academia de Belas Artes de Pensilvania, cuxo xurado estaba formado polo mencionado fotógrafo, F. Holland Day, acompañado de Gertrude Käsebier, Clarence White, Frances Benjamin Johnston e Henry Troth, nun momento no que Alfred Stieglitz lidera un boicot a este salón cando perdeu a autoridade para desenvolver a exposición ao seu gusto. En decembro, presenta nove fotografías no Photographic Salon do American Institute, en Nova York e ten a oportunidade de fotografar ao xeneral Leonard Wood, no día da súa partida de Nova York para tomar o mando do goberno provisional en Cuba.

12/11/1901. The Ladies Home Journal. “The Foremost Women Photographers in America” por Frances Benjamin Johnston. Zaida Ben-Yúsuf.

Frances Benjamin Johnston publica a partir de 1900, unha serie de artigos sobre as fotógrafas que participaron na exposición de París no The Ladies’ Home Journal, titulados “As fotógrafas máis importantes de América”. Concretábanse nunha serie de páxinas con fotografías que amosaban o que fixeran as mulleres americanas cunha cámara; o mes de novembro de 1901 o artigo, que era o sexto da serie, dedicouno a Zaida Ben-Yusuf, e dicía textualmente:

Unha desviación radical da tradición en calquera liña de traballo, xeralmente fai que o éxito dunha nova empresa sexa máis lento e difícil. Isto é particularmente certo no retrato fotográfico, no que, ata hai moi pouco, unha costume tradicional esixía un conxunto de posturas e iluminación para cumprir coa idea xeralmente aceptada dunha boa imaxe.

Sen trabas cos métodos convencionais, mentres que estaba fortemente influenciada polos seus ideais artísticos, Miss-Ben-Yûsuf ingresou no campo da fotografía profesional case como unha novicia, pero pronto obtivo un amplo recoñecemento polo seu atrevido e orixinal traballo. Dedicándose case totalmente ao retrato, a señorita Ben-Yûsuf imbúe todos seus estudos cun toque pintoresco, e na súa mellor expresión combina un rico efecto de luz con liñas de cortinas e distincións de pose.

Cun tratamento vívido e sorprendente, os retratos da señorita Ben-Yûsuf son sempre característicos, non só para os seus espectadores, senón tamén pola súa intensa personalidade.

Esta mostra fotográfica de París, da que Frances Benjamin Johnston fora comisaria, coincidira coa Exposición Universal de 1900, onde Zaida Ben-Yûsuf participara con cinco retratos. Ademais de París, a mostra percorrería diversas cidades como San Petesburgo, Moscú e Washington, DC; estaría presente na exposición do Día de Holanda, na Nova Escola de Fotografía Americana, e na Royal Photogrphic Society en Londres.

Participa na exposición de fotógrafas e fotógrafos estadounidenses que organiza F. Holland Day na Royal Photographic Society de Londres, titulada “Nova Escola de Fotografía Americana”, onde Zaida presenta catro fotografías. Como resposta a esta exposición, Alfred Stieglitz faise cargo do Terceiro Salón Fotográfico na Academia de Belas Artes de Pensilvania, que se celebraría entre o 21 de outubro e o 18 de novembro, onde o xurado estaba formado por Gertrude Käsebier, Clarence White, Frank Eugene e Eva Watson Schutze, pero Zaida non participaría, aínda que si o faría con tres fotografías na exposición organizada por Clarence White en Newark, Ohio, celebrado entre o 28 de novembro e o 1 de decembro.

Influenciada pola vena cómica do seu pai e das súas irmáns, a súa especialidade eran os retratos teatrais. Proporcionaba retratos de actores e actrices caracterizados para a columna “The Drama” do New York Times e revistas líderes como Haper’s Weekly. Moitas das personaxes aparecen como artistas de comedia musical, aínda que algunhas amosan actores e actrices que representaron obras de Ibsen e Shakespeare. O retrato que realizou a súa irmá máis pequena, Pearl, cun cigarro na man, apareceu publicado na revista Metropolitan no ano 1901, moito antes de que as mulleres consideraran que fumar cigarros era socialmente aceptable. En relación con isto, Sadakichi Hartmann(5) comentaría:

[…] Ela asiste ás actuacións de Ibsen, e todo o demais que axita suavemente os círculos bohemios, le literatura decadente e se imaxina imaxes de alto perfil, como eclipsarse en cor, mellor. E sen embargo, por estraño que pareza, na súa fotografía case se escapa do seu entorno. Non hai suxestión del; todo é sobrio, intelixente e refinado. […]

1901-09-Autoretrato de Zaida Ben Yúsuf, acompañando o seu artigo titulado “A nova fotografía: o que fixo e está facendo para o retrato moderno”

O grao de interese que espertaba o traballo da fotógrafa permitía que políticos tan importantes como Stephen Grover e Franklin D. Roosevelt, que sería presidente dos EE. UU., ou Leonar Wood (Xefe do Estado Maior do Exército dos EE. UU.), foran retratados por ela. Ela mesma confesoulle a Hartmann que lle gustaría retratar a celebridades, como fixera Julia Margaret Cameron, e conseguiuno, pois ademais de políticos fotografou a intelectuais y escritores para publicacións como The Bookman, The Critic, Metropolitan Magazine e Outlook. Zaida Ben Yûsuf, publicaría no periódico The Sunday Evening Post, na edición do 1 de xuño de 1901, o artigo titulado “Celebrities Under the Camera” no que describía as súas experiencias coas persoas que fotografaba.

Na edición de setembro do Metropolitan Magazine, escribiu outro artigo titulado “A nova fotografía: o que fixo e está facendo para o retrato moderno”, onde describiu o seu traballo como un “camiño intermedio” no territorio disputado entre o retrato comercial e a fotografía artística practicada por persoas afeccionadas. No artigo comparou o obxectivo do fotógrafo comercial de compracer á clientela co desexo da persoa afeccionada de lograr un efecto estético agradable. Ela optou pola estética e dixo: “A nota clave de interese na fotografía moderna é a posibilidade de expresar o punto de vista persoal”.

Alfred Stieglitz volve liderar un boicot contra o VI Salón Fotográfico de Filadelfia, celebrado do 18 de novembro ao 14 de decembro de 1901, na Academia de Belas Artes de Pensilvania, no que a fotógrafa exhibe dez das súas fotografías.

Zaida Ben-Yusuf comeza o século XX deixando pouco a pouco a fotografía artística e comeza a viaxar, escribir e dar conferencias. Unha proba diso é a resposta que lle dá a Stieglitz comentándolle que non tiña nada o suficientemente bo para amosar na Exposición Internacional de Glasgow, onde, a pesar dista consideración, incluíron catro das súas fotografías. Quizais foi debido á concepción que a fotógrafa tiña sobre o seu traballo artístico o que a foi apartando desta área fotográfica para continuar noutra dirixida cara unha estética máis comercial. Unha teoría que se pode confirmar coa ausencia dos seus traballos nas seguintes exposicións organizadas por Alfred Stieglitz, como a exposición “Fotografía pictórica estadounidense” no National Arts Club de Nova York, entre o 5 e o 22 de marzo de 1902, na que inclúe o traballo de trinta e dous fotógrafos que el estimaba máis importantes nese momento; unha exposición considerada como a inauguración da Photo-Secessión(6) pero na que Zaira Ben-Yusuf tampouco participa.

Durante este ano, a fotógrafa ilustra artigos periodísticos coas súas fotografías e tamén publica varios sobre fotografía en diferentes periódicos, como “A nova fotografía: o que fixo e está facendo para o retrato moderno”, publicado o 3 de setembro de 1901 no Metropolitan Magazine; e unha serie de seis artigos ilustrados entre o 23 de novembro de 1901 e o 5 de abril de 1902, para Saturday Evening Post sobre o tema “Fotografía avanzada para afeccionados”. Tamén aparece en varias publicacións, destacando os artigos sobre fotógrafas publicado no The American Amateur Photographer, e no The Photographic Times, no que Sadakichi Hartmann, a describe esta vez como unha “interesante expoñente da fotografía de retratos”.

A fotografía independente non lle permitía cubrir os gastos a Zaida, a pesar da publicidade dos artigos que a anunciaban como unha das fotógrafas máis importantes dos EE. UU., o seu esforzo estaba resultando esgotador; pero a pesar das dificultades mantíñase alerta, tratando de atopar novas oportunidades que cubriran as débedas da súa economía, pois foron tempos nos que a fotógrafa aparecía nunha lista de debedores publicada polo New York Times, o 27 de xuño de 1902, na que un xuíz local ordenáballe que realizara o pagamento e 119 $ a unha tal Henrietta Prades; e, anos máis tarde, en 1905 e no 1916 sería de novo este mesmo periódico quen volvería dar publicidade do seu nome en novas listas de debedores. Este mesmo ano, 1902, participa con dúas das súas fotografías entre o 19 de setembro e o 1 de novembro, no Décimo Salón Fotográfico de The Linked Ring, en Londres.

Zaida Ben-Yusuf, tiña trinta e cinco anos de idade cando en 1903 faise membro do recente The Salon Club(7) /em>, un dos primeiros salóns fotográficos que se abriron en EE. UU. Sadakichi Hartmann menciona nun artigo a fotógrafa, onde afirma ter tido a oportunidade de ver no estudio dela, unha destas carteiras mensuais cos traballos que esta organización realizaba para enviar a cada un dos seus membros.

Embarcouse nunha nova aventura profesional este mesmo ano 1903, viaxando a Xapón nun barco de vapor, para realizar unha xira polas cidades de Yokohama, na que chegou en abril, Nagasaki e Kobe antes de continuar a Hong Kong onde pasaría unha breve estadía. Nunha nova viaxe volvería a Xapón, e alugaría unha casa para pasar o verano en Kioto, co propósito de vivir as experiencias como unha nativa e coñecer as costumes do país. Máis tarde, visitaría Tokio e Nikko durante a súa estadía, para regresar a Nova York en outono.

A súa estancia en Xapón resultaría moi proveitosa, pois o traballo de investigación levado adiante pola fotógrafa, permitiríalle dar conferencias e publicar ensaios sobre diferentes temas en diversas revistas e periódicos durante os vindeiros anos, ata 1908:

  • Sobre esta viaxe publicou entre o 23 de abril de 1904 e o 6 de agosto, no The Saturday Evening Post, unha serie ilustrada de catro artigos titulada: “Xapón ao través da miña cámara”.

  • A revista Booklovers, publica no mes de febreiro de 1905 un artigo de Zaida titulado “A Kyoto Memory”, ao mesmo tempo que a revista Leslie’s Monthly Magazine publica outro artigo ilustrado con fotografías titulado “Mulleres de Xapón”.

  • O 23 de novembro, realiza unha conferencia ilustrada sobre “Casas japonesas”, no Salón de Actos de Pratt.

  • En 1906, a súas fotografías serviron para ilustrar un artigo escrito por Katharine Budd titulado “Casas xaponesas” para a revista mensual dedicada á arquitectura e o deseño de interiores Architectural Record, na súa edición de xaneiro. No número publicado en febreiro a revista presentou outro artigo da fotógrafa sobre arquitectura xaponesa titulado “The Period of Daikan”.

  • O 23 de maio de 1906, The Sydney Morning Herald, publicaba un anuncio anunciando que Zaida Ben-Yusuf daría unha conferencia ilustrada con fotografías sobre o pobo xaponés:

La señorita Zaida Ben-Yusuf, una reconocida artista y escritora estadounidense, que da conferencias sobre “El pueblo japonés” en el St. James’s Hall en Thuraday, en el 31 ° lugar, ha adquirido un amplio conocimiento de Japón y su gente. Sus conferencias estarán bellamente ilustradas con diapositivas de sus propias fotografías. El plan se abre en Paling’s hasta mañana.

  • Zaida publica un artigo titulado “As flores honorables de Xapón”, na edición de marzo de 1907 do Century.

A nai de Zaida, Anna Kind, comeza a ensinar no Instituto Pratt de Brooklyn no ano 1905, como instrutora de sombreiraría no Departamento de Artes Domésticas, mentres a fotógrafa aparece, quizais, na que sería unha das últimas publicacións que como fotógrafa artista realizaría a prensa, sería no perfil semanal que a publicación American Art News comeza a publicar a partir do 14 de outubro de 1905 de cada un dos artistas estadounidenses.

A partir de agora as exposicións de Zaida Ben-Yúsuf comezarían a ser máis esporádicas, de feito, a última exposición coñecida do seu traballo foi en 1906, onde amosou no Museo de Arte de Worcester, Massachusetts, un retrato na terceira exposición anual de fotografías. Como xa se mencionou antes, as viaxes, as conferencias e a publicación de artigos acompañados de fotografías cubrirían o seu traballo:

No mes de setembro do ano 1906, publicou tres fotografías dunha visita realizada á illa mediterránea de Capri na revista Photo Era, no que informaba do tempo que pasara na illa explorando as súas montañas, rocas e grutas. No mes de outubro, expuxo un retrato na Terceira Exposición Anual de Fotografías no Museo de Arte de Worcester en Massachusetts.

Logo de estar case que tres anos viaxando ao redor do mundo, Zaida Ben-Yúsuf reaparece en novembro de 1980 en Nova York, no mesmo momento no que a súa nai Anna King renuncia ao seu posto en Pratt para establecer unha escola propia no West 23rd Street.

Como froito das súas longas estadías en Londres, publica tres artigos sobre a vida en Inglaterra para a revista The Saturday Evening Post, unha das publicacións máis difundidas e influentes dirixida á clase media estadounidense: “O custo da vida en Londres: aforrando diñeiro e gastando chelins” publicado o 6 de xuño de 1908; “Prezos estadounidenses fronte a ingleses”, publicado o 27 de xuño de 1908; e, “Nosos primos prácticos”, publicado o 5 de decembro de 1908.

Zaida Ben-Yúsuf volvería a Nova York con motivo da morte da súa nai o 8 de decembro de 1909, pero pronto regresaría a Londres, onde aparece establecida na zona acomodada de Chelsea, como fotógrafa, segundo figura na guía telefónica de Londres de 1911. Nesta cidade sería elixida para formar parte do feminista Lyceum Club de Londres.

O censo británico de 1911, indicaba que Zaida Ben-Yúsuf era esposa de LL. Roush, o ilustrador que tiña como veciño cando se establecera en Nova York, e que ambos eran fotógrafos e empregados en Bolton Studio en Londres. E aínda que os biógrafos de Roush non atoparon ningún rexistros de que este se divorciara da súa primeira esposa en Pelsivania, sabemos que Zaida Ben-Yúsuf, tras o estalido da Primeira Guerra mundial e a invasión alemá de Francia, regresa o 15 de setembro de 1914 a Nova York nun barco que parte desde o porto de “Le Havre”, viaxando baixo o nome de Zayda Roush. Neste mesmo ano Roush convértese en membro do Real Instituto Antropolóxico de Gran Bretaña e Irlanda e regresaría aos EE. UU. tempo máis tarde.

Xa en Nova York, Zaida Ben-Yúsuf se establece no nº 142 West 44 th Street, e recupera a fotografía de retratos durante dous anos, pois chegado 1917, regresa ás artes da costura que lle ensinara a súa nai, convertendo o seu estudio fotográfico nun salón de confección. Publica en marzo deste ano un anuncio no New York Times, buscando unha xove ou principiante intelixente que soubera coser. A pesar deste cambio, a súa profesión seguía figurando como “fotógrafa”, pois o 30 de xuño de 1919 presentou unha solicitude de naturalización (proceso legal para adquirir a cidadanía ou nacionalidade dun país), indicando no apartado de ocupación que ese era o seu oficio. Nesta ficha de datos indica que tiña 39, dez anos menos dos que lle correspondía, pois o 21 de novembro cumpriría o seu cincuenta aniversario.

Na década de 1920, Zaida Ben-Yúsuf viaxa a diferentes países, Cuba, Xamaica, e continúa dedicada ao mundo da moda como “experta en arte, creadora de moda e profesora de deseño de vestiario”. Durante esta década e a seguinte, sería coñecida como “Madame Zayda Ben-Yúsef” e publicaba anuncios clasificados no New York Times polos seus servizos de confección.

Á idade de cincuenta e cinco anos, en 1924, obtivo un posto no Reed Fashion Service na cidade de Nova York e deu conferencias sobre temas relacionados coa moda en grandes almacéns locais; sendo nomeada directora de estilo en 1926 para o desfile anual de primavera que a Retail Millinery Association, realizaba na cidade, unha organización da que sería directora tempo máis tarde.

Sobre o ano 1930, cando Zaida Ben-Yusuf tiña aproximadamente 61 anos, figuraba censada como casada, con residencia nun apartamento alugado en Greenwich Village. O seu marido era actor e especialista en teas Frederick J. Norris. A ocupación da fotógrafa no censo era de “ningunha”, de aí que pensemos que é posible que estivera retirada.

Zaida Ben-Yusuf morre un 27 de setembro de 1933, á idade de sesenta e tres anos, cumpriría 64 en novembro, no Hospital Metodista de Brooklyn. A súa morte é anunciada no New York Times nun breve artigo.

A pesar de ter unha gran carreira como fotógrafa e destacar noutros campos, Zaida Ben-Yusuf non tivo a repercusión que debería, se a comparamos coa de outros fotógrafos con carreiras moito máis breves que non impediron diminuír a súa reputación, pola contra a fotógrafa foi esquecida. Sen embargo, o seu traballo chegouse a coñecer a través de fotografías de arte de dúas importantes coleccións institucionais americanas: A Colección Alfred Stieglitz, no Museo Metropolitano de Arte e a Colección Frances Benjamin Johnston, na Biblioteca do Congreso. Tamén axudou a rescatar a súa figura do esquecemento, a exhibición que se realizou no ano 2008 na Smithsonian National Portrait Gallery de Washington, unha exposición dedicada exclusivamente ao traballo da fotógrafa, titulada “Zaida Ben-Yusuf; Retrato New York fotógrafa”. O comisario da exposición, Frank H. Goodyear comentou que a discriminación de xénero podería ser unha das causas polas que a fotógrafa Ben-Yusuf fora esquecida, a pesar de ser unha das figuras clave no desenvolvemento inicial da fotografía artística.

A División de Gravados e Fotografías da Biblioteca do Congreso ten trece fotografías orixinais de Zaida Ben-Yusuf e varias ilustracións fotográficas escaneadas de revistas en liña.

Na biografía “Zaida Ben-Yusuf: New Hork Portrait Photographer” que Frank H. Goodyear publicou no ano 2008, resalta o seu traballo de retratos.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

NOTAS AO FINAL DO DOCUMENTO:

(1) unha sociedade fotográfica creada para propor e defender que a fotografía era tanto una arte como una ciencia, e poder impulsala así cara o mundo das belas artes.

(2)em>The valiant knights of Daguerre – Selected critical essays on photography and profiles of photographic pioneers. Sadakichi Hartmann. University of California Press Berkeley – Os Ánxeles – California – London – (1978).

(3)em>The valiant knights of Daguerre – Selected critical essays on photography and profiles of photographic pioneers. Sadakichi Hartmann. University of California Press Berkeley – Os Ánxeles – California – London – (1978).

(4) en Nova York no ano 1825, era unha asociación honoraria de artistas estadounidenses, cuxo obxectivo era promover as belas artes en América a través do ensino e as exposicións.

(5)em>The valiant knights of Daguerre – Selected critical essays on photography and profiles of photographic pioneers. Sadakichi Hartmann. University of California Press Berkeley – Os Ánxeles – California – London – (1978).

(6) movemento artístico fundado en 1902 en Nova York por Alfred Stieglitz, inpirado no movemento secesionista dos pintores de Münich. Aínda que nun principio se basearon na corrente pictorialista, máis tarde convertéronse no símbolo do rompemento co pasado académico do pictorialismo que marcou o inicio da fotografía modernista. En 1902 comezou a publicar a revista Camera Work, e tres anos máis tarde abriron a súa galería no nº 291 da Quinta Avenida, baixo o nome de “Galería 291”.

(7)em>The Salón Club foi o primeiro salón fotográfico Americano, organizado en decembro de 1903, por once pintores cuxo traballo tivera éxito entre os xurados dos Salóns das exposicións realizadas en Filadelfia e Chicago. O seu traballo consistía en preparar varias impresións montadas mensualmente, acompañadas dunha breve descrición, que incorporaban a un portfolio mensual que o Director enviaba acompañado dunha lista de membros, para realizar un circuíto entre todos eles. É dicir, cando chegaba o portfolio, cada un dos membros escribía una crítica nun espazo en branco para tal fin e o enviaba ao seguinte membro do listado. As catro persoas máis coñecidas do Salón Club eran Jeanne E. Bennet, Walter Zimmerman, Curtis Bell e Adolph Petzold.

FONTES:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest