EVA WATSON-SCHÜTZE (1867-1935)

Coñecida principalmente como fotógrafa pola alta calidade dos seus traballos e unha das fundadoras da radical Photo-Secession (1) , Eva Watson tamén foi pintora.

VIDA:

O seu nome completo é Eva Lawrence Watson-Schutze, nacida o 16 de setembro de 1867 en Jersy City, no estado de Nova Jersey, EE. UU., un territorio ocupado polas tribos dos lenape antes de ser ocupado polos inmigrantes chegados de Europa, na súa maioría holandeses. Como cidade industrial que era, dispoñía dun importante peirao por onde pasaban decenas de millóns de inmigrantes que se dirixían ao oeste dos EE. UU.

Pouco se sabe da súa familia, agás que era filla de John e Mary Lawrence Watson, orixinarios de Escocia, e que era a máis nova de catro irmáns. Tampouco coñecemos a que se dedicaban, aínda que a posición económica familiar non debía ser mala cando Eva Watson puido matricularse en 1882 cando tiña quince anos, na academia de Belas Artes de Pensilvania, en Filadelfia, onde estudou debuxo, pintura, escultura e gravado durante sete anos, sendo director o recoñecido artista, pintor, fotógrafo e escultor Thomas Eakins.

A súa paixón pola fotografía comeza ao redor de 1890, cando tiña uns 23 anos, paixón que mantén e comparte con Amalia Van Buren. Xunto con ela, ex-alumna tamén da mesma academia de Filadelfia, abre un estudio e unha galería de arte en Atlantic City, Nova Jersey, que dirixiría durante sete anos. En 1897 Eva separaríase de Amalia para abrir o seu propio estudio de retratos. Ambas foron recoñecidas como artistas experimentadas, e ambas expuxeron no Camera Club de Pittsburgh en 1899.

Eva Watson pronto pasaría a ser recoñecida polos seus retratos “pictorialistas”,  movemento creado a finais do século XIX (concretamente en 1891, cando a exposición de Viena), que perduraría ata os principios do XX. O seu estudio converteríase nun lugar de encontro para as persoas que defendían a fotografía como arte.  As persoas que fundaron esta corrente tiñan como obxectivo considerar a fotografía como unha parte máis das Belas Artes, fomentando a compra de fotografías como obras de arte. Finalidade que conseguiría en 1896 o Museo Nacional dos Estados Unidos, realizando a primeira compra oficial de fotografías. Ese mesmo ano crearíase tamén o Museo Fotográfico de Bélxica, anexo aos Museos Reais de Arte e de Historia.

En 1898, participou como Eva Lawrence Watson no primeiro Salón Fotográfico de Filadelfia, onde exhibíu seis fotografías. Sería nesta mostra promovida pola Sociedade Fotográfica de Filadelfia, onde coñecería a Alfred Stieglitz(2) que formaba parte do tribunal da exposición. En 1900 sería a fotógrafa quen pasaría a formar parte do xurado deste Salón, acompañada doutra colega, Gertrude Käsebier, e tres fotógrafos, o mesmo Alfred Stieglitz, Frank Eugene e Clarence Hudson White. Un ano máis tarde, en 1899, sería elixida membro desta mesma Sociedade, sendo eloxiado o seu traballo polo fotógrafo e crítico José Keiley, outro membro fundador de Photo-Secession.

Coincidindo coa Exposición Universal de París de 1900, a fotógrafa Frances Benjamin Johnston que actuaba como comisaria seleccionada pola International Congress of Photography, para realizar unha exposición fotográfica en París, que fora representativa da fotografía realizada por mulleres, solicitoulle a Eva Watson a súa participación. A fotógrafa dubidou nun principio en participar, xa que non quería que encasillaran o seu traballo como “traballo das mulleres”, senón que pretendía que o xulgaran independentemente do seu sexo. A persistencia de Frances fixo que cedera, pasando a ser unha das vinte fotógrafas que participaron na mostra. Doce foron as imaxes que amosou, o maior número de todas as participantes.  Este mesmo ano participaría na exposición New Holland School realizada na Royal Photographic Society, en Londres.

Por esta época, comezou a desenvolverse unha división dentro da Sociedade Fotográfica de Filadelfia entre os que querían que a fotografía fora obxectiva e documental e os que  sentían que debía apuntar a ideais artísticos máis elevados.  Eva Watson estaba do lado destes últimos, xunto con Alfred Stieglitz, a quen suxeriu a necesidade de crear unha nova asociación de fotografía.

Eva Watson casou en 1901 co avogado e profesor Martín Schütze, nacido en Alemaña, profesor de alemán na Universidade de Chicago, onde Eva se mudou para estar con el. Del tomaría o apelido, como era habitual nese tempo, pasando a chamarse Eva Watson-Schütze. Foi por esta época que o seu traballo foi incluído na serie The Foremost Women Photographers in America (As fotógrafas máis importantes de América), unha serie de páxinas de imaxes que amosan o que fixeron as mulleres americanas coa cámara,  acompañadas de artigos escritos por Frances Benjamin Johnston, e que se publicaban no diario Ladies’ Home Journal. O artigo que Frances dedicou a Eva, viña dicir:

MISS WATSON, como é coñecida entre os amantes da fotografía pictórica, é unha verdadeira artista. Co verdadeiro deleite do artista en todas as cousas fermosas da vida e da natureza. O seu traballo abarca unha variedade inusualmente ampla e variada de retratos, vida infantil, flores e paisaxes.

Cada unha destas ramas as manexa con gran refinamento e graza, e cun certo sentido decorativo peculiarmente propio que lle da a todas as súas imaxes un encanto especial.

Este mesmo ano sería elixida membro The Ring Linked(3) , unha sociedade fotográfica que interpretaba a fotografía de dous xeitos: fotografía artística e fotografía científica.

O seu amigo Stieglitz crea o novo grupo Photo-Secession en 1902. Nel incluía aos fotógrafos e fotógrafas de arte máis importantes da época, coincidentes en traballar unha estética de enfoque suave. Iniciaría o proxecto inspirándose no movemento secesionista dos pintores de Múnich. Aínda que nun principio baseábanse na corrente “pictorialista”, máis tarde converteríanse no símbolo do rompemento co pasado académico do “pictorialismo” marcando o inicio da fotografía modernista, seguindo os pasos da arte austríaca e alemá.

En 1902  Photo-Secession comeza a publicar o primeiro número da revista Camera Work na que Stieglitz incluiría fotografías das imaxes de Eva Watson-Schütze; e,  sobre 1905, José Keiley escribiría un longo artigo sobre a fotógrafa, no que a destacaba como unha das defensoras máis férreas e francas do movemento pictórico en América. Tres anos máis tarde, o grupo abriría unha galería no número 291 da Quinta Avenida, baixo o nome de “Galería 291”, na que fomentaban a exposición de fotografía e da pintura máis vanguardista.

A pesar de ser unha das trece persoas que fundaron Photo-Secession, pouco a pouco os seus contactos foron diminuíndo dende o seu matrimonio, quizais debido ao cambio de domicilio e ao novo entorno de amizades.

Eva Watson comeza a pasar os veráns en Woodstock, unha cidade situada no condado de Ulster, en Nova York, na Byrdliffe Arts Colony, unha das máis antigas colonias de artes e oficios en América, fundada por Ralph Radcliffe Whitehead(4) a súa esposa Jane Byrd McCall, Hervey White(5) (asociado con Hull House(6) e Jane Addams(7) e o pintor Bolton Brown, que a concibiron baixo o precepto establecido por John Ruskin e William Morris(8) un movemento resistente á rápida urbanización e á industrialización durante a última parte do século XIX. A finalidade desta colonia, consistía en desenvolver unha comunidade utópica que fomentara a educación e a colaboración de artistas con ideas afíns. Entre os seus cometidos estaba producir obxectos feitos a man para financiar a colonia e, ao mesmo tempo, organizar clases para prestar as súas tradicións estéticas ás xeracións futuras.

Atraída polo entorno e un grupo de amigos, idealistas humanitarios como Jane Addams e John Dewey(9) ela e o seu marido mercaron un terreo cerca da colonia, onde construíron unha casa que chamaron “Hohenwiesen” (prados altos). Neste lugar Eva pasaría a metade do ano, durante as estacións do verán e outono entre 1910 e 1925. Nun principio, o seu tempo transcorría realizando retratos de persoas de Woodstock que lles gustaban ou que admiraba,  utilizando o cuarto escuro de Byrdcliffe onde as positivaba. Co tempo, a fotógrafa iría dando paso de novo a pintura, chegando a deixar a fotografía ao redor de 1920, cando tiña cincuenta e tres anos.

Entre 1929 e 1935 Eva Watson-Schütze pasa a liderar The Renaissance Society, un museo non coleccionista fundado en 1915 na Universidade de Chicago, que é o museo independente de arte contemporáneo máis antigo desta localidade. Durante o seu mandato axudou a crear exposicións innovadoras de modernistas como Georges Braque, Picaso, Jean Arp, Marc Chagall, Joan Miró, Wassily Kandinsky, Piet Mondrian, Henri Matisse e Constantin Brâncusi; así como espectáculos clave para os que contou coa colaboración de Isamu Noguchi, Alexander Calder, Fernand Léger e Ludwig Mies van der Rohe, que permitiron converter á Sociedade nunha institución de vangarda recoñecida internacionalmente pola súa axenda modernista rigorosa.

EvaWatsón-Schütze morre en Chicago en 1935. Tempo máis tarde a Renaissance Society, realizaría unha exposición en memoria do seu traballo, onde se incluirían trinta e dúas pinturas e debuxos, aínda que ningunha das súas fotografías.

Posteriormente, houbo dúas exposicións retrospectivas do seu traballo fotográfico: En 1985 na Biblioteca da Universidade de Chicago titulada “Eva Watson-Schütze, Chicago Photo-Secession” e no 2009, “Eva Watson-Schütze, fotógrafa” no The Samuel Dorsky Museum of Art, da Universidade Estatal de Nova York en New Paltz.

Ademais, os seus traballos foron incluídos en dúas exposicións realizadas no Museo Nacional de Mulleres nas Artes, en Washington, DC: “A historia das mulleres Fotógrafas” de 1997 e “Mulleres Fotógrafas en Camera Work”, en 1992.

OBRA:

A influencia “pictorialista” obsérvase nas fotografías a través  do coidado do encadre das figuras, as texturas suaves utilizando técnicas de distanciamento coñecidas como “escola do desenfoque” ou o interese polo primeiro plano.

Os retratos románticos de Eva Watson-Schütze reflectían a miúdo a vida infantil ou parellas afectuosas que salientaban a comunicación entre pai e fillos, pero tamén a luz que emanan as súas paisaxes, como a paisaxe “Storm” (tormenta), publicada na revista Cámera Work en xaneiro de 1905.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

Ver máis fotografías en:

NOTAS AO FINAL:

(1) liderado por Alfred Stieglitz e F. Holland Day, formado en 1902, que intentaban dar a coñecer a fotografía como unha expresión artística semellante á da pintura e á escultura.

(2) e promotor da arte moderna estadounidense, vicepresidente de “The Camera Club de Nova York”

(3) pictorialista que xurdiu en 1892 en Londres, e que rivalizaba coa Photographic Society of Great Britan. Os seus membros fundadores eran Henry Peach Robinson, George Davison, Lionel Clark, H. Hay Cameron (fillo de Julia Margaret Cameron) e Alfred Maskell. O nome Linked Ring procedía dun anel de compromiso composto de dúas pezas e os membros da asociación considerábanse os elos dese anel. O seu lema era “Liberdade-fidelidade”. Entre os seus obxectivos estaban reunir ao maior número posible de fotógrafos e fotógrafas de calidade, utilizar a escultores, pintores e outros artistas que non foran fotógrafos para que xulgaran os traballos realizados.

(4)1854-1929) Nacido en Inglaterra e emigrado a América en 1892. Estudou “Mestría en Artes” en Oxford en 1880, onde tivo como profesor a John Ruskin, quen foi a persoa quen máis influíu nel para crear unha sociedade utópica baseada na arte, a artesanía e a unidade.

(5)1866-1944) Novelista, poeta e construtor de comunidades estadounidenses, fundador da colonia Byrdcliffe e máis tarde fundaría outra de artistas máis radical.

(6) casa de asentamento para os residentes pobres das veciñanzas circundantes do Near West Side de Chicago, en Illinois. Fundada en 1889 por Jane Addams e Ellen Gates Starr.

(7)1860-1935) Pioneira activista estadounidense de asentamentos, reformadora, traballadora social, filósofa pública, socióloga, administradora pública, manifestante, autora e líder en sufraxio feminino e paz mundial.

(8)1834-1896) Principal expoñente do Movemento Europeo de Artes e Oficios.

(9)1859-1952) Pedagogo, psicólogo e o filósofo máis importante da primeira metade do século XX estadounidense, fundador do “pragmatismo” xunto a Charles Sanders Perice e William James.

FONTES:

Fotografías:

Biblografía:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest