JUANA CABELLO (1846-1885)

Recentemente ven de saír do prelo o libro de Carlos Javier Iglesias Castelao “As orixes da fotografía en Galicia”, publicado en edición conxunta entre o Consorcio de Santiago e Alvarellos editora. Nesta monografía, o máis completo traballo coñecido ata hoxe sobre os albores da fotografía na cidade de Compostela, descubrimos a existencia doutra pioneira da fotografía en Galicia, trátase de Juana Cabello Samitier, a segunda muller con estudio fotográfico, (María Caldarelly, tivérao anteriormente), na cidade compostelá.

Carlos Castelao dá a coñecer que, Juana Cabello Samitier era orixinaria de Zaragoza, onde, moi nova aínda, amosaba xa coñecementos fotográficos. O seu casamento, o nacemento de fillos e diversos cambios de residencia, interromperían esta súa afección fotográfica. No ano 1881, chega a Compostela, onde as novas condicións de vida permítenlle transformar esta propensión na súa profesión. Segundo o autor, Juana Cabello, abriría estudio baixo a denominación “J. Cabello” cerca de 1884. Sen dúbida a marca escollida buscaba disimular a condición feminina da profesional debido a estigmatización a que a muller víase sometida para o exercicio de certas actividades consideradas “naturais do home”. Estes intentos de eludir o marco patriarcal eran frecuentes nesas épocas; como exemplo o de Sabina Muchart, fotógrafa profesional en Málaga, que abrira o seu estudio co nome “S. Muchart”.

Da súa autoría só se coñecen, segundo Castelao, dúas Cartas de Visita, pero ao autor parécelle bagaxe suficiente para chegar á seguinte conclusión: “a súa calidade está moi por riba da media vista ata ese momento na cidade”.

A historia da fotógrafa ten continuidade no seu fillo Luís Hermida, unha historia que non vou desvelar agora, pero que agarda como outras moitas e interesantes novidades na lectura do atraente libro.

 

FONTE:

  • CARLOS CASTELAO (2018). AS ORIXES DA FOTOGRAFÍA EN GALICIA. Estudios composteláns do XIX. Alvarellos Editora e Consorcio de Santiago.

  • Imaxes adaptadas do Catálogo de los productos quimicos – papeles, aparatos y demás artículos para la FOTOGRAFÍA – Lohr y Morejón – 1890.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest