BERTHA WEHNERT-BECKMANN (1815-1901)

Autorretratos e retrato de Bertha Wehnert-Beckmann

Foi a primeira fotógrafa profesional europea en ingresar na historia da fotografía.

VIDA

O seu nome completo é Bertha Ernestine Henriette Beckmann, nacida o 25 de xaneiro de 1815(1) en Cottbus, cidade pertencente á Baixa Lusacia(2) , daquela formando parte do reino de Saxonia, cedido a Prusia polo Congreso de Viena nese mesmo ano, converténdose así en parte da provincia de Brandenburgo, que na actualidade é un dos 16 estados federados de Alemaña. Filla de Johann Dietrich Beckmann, mestre cortador e de Johanne Christiane, nacida en Rietchel; era a maior dos tres fillos habidos no matrimonio. Os outros dous irmáns eran Robert e Rudolph Julius Arnold nacido este último en 1830.

Pouco ou nada se sabe de como foi a súa infancia, pero a través de varios retratos(3) e autorretratos realizados ao longo do tempo, coñecemos o seu físico: De aparencia agradable, vestía con roupas escuras e no seu peiteado destaca a raia ao medio que divide o seu cabelo, con trenzas laterais que enmarcan a súa cara atadas na parte posterior da cabeza.

Foi xusto no ano 1839, cando o daguerrotipo(4) foi anunciado e difundido como primeiro procedemento fotográfico, no que Bertha Beckmann trasladouse a vivir a Dresde, cidade situada ao leste de Cottbus, a uns 135 km, onde vivía e traballaba nun alpendre do hotel “Stadt Wien”. Parece que hai evidencias(5) de que estando nesta cidade foi introducida no daguerrotipo polo pintor e fotógrafo de retratos Wilhelm Horn (1809-1891) que abrira un estudio en Praga ese mesmo ano.

Cando no ano 1842 se publicou en Leipzig unha guía práctica para a elaboración dos daguerrotipos acompañada das instrucións e ilustracións do aparato, Bertha Beckmann, estábase preparando para abrir un estudio en Dresde, e, a partir deste mesmo ano, os anuncios ao seu nome aparecían con frecuencia na prensa diaria da localidade, ofrecendo retratos con daguerrotipo, óleo, gravados e outros traballos relacionados coa arte da imaxe.

Sería aquí, en Dresde, onde coñecería a quen sería o seu futuro marido, Eduard Wehnert (1811-1847)(6) , do que tomaría o apelido, Wehnert, un fotógrafo que no ano 1842 dirixía xunto co seu irmá o primeiro estudio de daguerrotipo en Leipzig e que sería nomeado tamén por ser un dos primeiros viaxeiros na práctica deste procedemento.

Nesta primeira época da fotografía, as fotógrafas e fotógrafos tiñan que viaxar en busca da clientela, algo do que tamén temos constancia no territorio español. Moitos foron os fotógrafos estranxeiros que atravesaron a península (Charles Clifford, Jean Laurent, E. K. Tenison, Piazzi Smyth que contaba coa axuda da súa muller Jessie Duncan…) pero tamén fotógrafas, como no caso de Madama Fritz, unha das primeiras daguerrotipistas, de orixe francés, que percorreu diferentes cidades españolas e algunha de Portugal entre os anos 1843, no que chegou a Barcelona(7) , e 1854 no que marchou a Portugal. Bertha Beckmann tamén viaxou por toda Saxonia durante os anos 1843 e 1844, visitando Cottbus, a súa cidade natal, e percorrendo Turingia, daquela territorio pertencente á provincia de Saxonia, hoxe estado federado alemán situado no centro xeográfico do país. No seu percorrido fotográfico utilizaba a lendaria cámara Voigtlander(8) ofrecendo retratos en cor en varios tamaños e formato medallón. Nestes desprazamentos, as fotógrafas adoitaban ir acompañadas dalgunha persoa cando saían de viaxe, normalmente dun familiar; era unha das condicións impostas pola sociedade patriarcal, dicían que, co propósito de manter a súa reputación intacta. No caso de Bertha era un dos seus irmáns.

En Altenburg participou, por primeira vez, con tres fotografías, nunha exposición organizada pola Asociación de Arte e Artesanía desta cidade.

Chegou no ano 1844 a Leipzig, cidade situada a uns 112 km cara o Oeste de Dresde. Nesta localidade, toma contacto co periódico Leipziger Moden, para o que realiza retratos de personalidades famosas en varias edicións, un traballo que lle dará a oportunidade de coñecer a moitas personalidades. No mes de setembro, anúnciase coa realización de retratos en branco e negro e cor, en todo tipo de tamaños; e, a través da propia prensa sería recomendada ás damas da localidade para que realizaran os seus retratos artísticos. Aquí traballaría xunto con Eduard Wehnert, nos balnearios de Bohemia.

No mes de novembro de 1844, Bertha Beckmann solicitaría ao concello a súa residencia permanente na cidade, a través dunha carta na que dicía(9) :

Nacida en Cottbus, inmediatamente despois de inventar o daguerrotipo, dirixín os meus esforzos para asegurar o meu futuro aprendendo este arte e obtendo un traballo para min.

Solicitude que foi rexeitada, a pesar de que dispoñía dos activos mínimos necesarios (600 táleros(10) ) para ser inscrita; alegándose dúbidas sobre a capacidade que podía ter unha muller para exercer como daguerrotipista. Só cando renovou a súa petición sinalando no apartado de profesión que era perruqueira, co respaldo das testemuñas de Dresde, foille recoñecida a súa residencia.

Dorso fotografía realizada por Bertha a Gustav Freytag. Ca. 1860. Museo Paul Getty.

A partir de 1845 compartiu estudio fotográfico con Eduard Wehnert, na rúa Burgstrasse, 8, aínda que seguiu anunciándose co seu propio nome. Casarían o 14 de novembro de 1845 na igrexa de Thomas; unha unión que duraría un ano e nove meses, pois Eduard Wehnert falecería aos 36 anos o 7 de agosto de 1847; sospeitase que a causa dos químicos nocivos que manexaba como o mercurio e o cianuro. A pesar de ser matrimonio, na marca comercial constaban os nomes de ambos cos dous apelidos.

Xa viúva, Bertha Wehnert-Beckmann, continuou dirixindo o estudio ata que en 1849, aos 34 anos de idade, deixa nas mans do seu irmán Robert a dirección do mesmo e marcha aos Estados Unidos acompañada do seu outro irmá Rudolph, de 19, nunha viaxe educativa que duraría tres anos, e cuxa experiencia melloraría o seu facer fotográfico. En Nova York dirixiu estudios da súa propiedade co nome de “Mme. Bertha Wehnert Beckmann & Brothers”, primeiro no número 62 de White Street e logo no número 385 de Broadway, onde contaba como clientes a embaixadores e políticos, caso do propio presidente dos EE. UU., Millard Fillmore(11) , os senadores Henry Clay e Sam Houston, ou artistas como a coñecida soprano sueca Jenny Lind.

Foi como consecuencia da súa destacada carreira profesional como retratista, que o Instituto Americano outorgoulle en 1850 un “Diploma ao Mérito Especial para a Fotografía de Retratos”.

Logo de transferir o gabinete de Nova York ao seu irmá Rudolph, Bertha Wehnert-Beckmann regresou a Leipzig no ano 1851, para facerse cargo do estudio situado na rúa Burgstraße que deixara baixo o mando do outro irmán, Robert, quen aproveitou para marchar a Gera, unha das cidades máis importantes de Turingia, situada no centro de Alemaña.

ca. 1850 Estudio

Cando o seu irmán Rudolph regresou de Nova York acompañado da súa esposa Oline Adolphine e do seu cuñado, o pintor Fernando Cornelio Grünewald, Bertha incorporounos como empregados no gabinete fotográfico.

No ano 1854 abre a primeira exposición estereoscópica en Leipzig que fai circular por máis países da contorna, de fala alemá. Este mesmo ano, expuxo, xunto con 21 fotógrafos máis, na Allgemeine deutsche Industrie-Ausstellung, primeira feira industrial Alemá que se realizaba entón no Reino de Baviera, en Múnich, onde amosou, ademais de daguerrotipos, copias sobre papel.

Entre 1855 e 1860, utiliza o proceso do colodión en placas de vidro e realiza fotografías estereoscópicas, entre as que se atopan as primeiras imaxes arquitectónicas da cidade, entre elas, unha foto de Alte Peterskirche, construción que foi demolida en 1880 e unha vista realizada ao redor de 1846/47 dende o patio traseiro de Burgstraße, da parte posterior do Museo de Bach de hoxe, coa torre da Thomaskirche, probablemente a fotografía máis antiga da cidade.

No ano 1865, trasladouse a vivir a súa nova casa, construída nunha propiedade que adquirira en 1853. Chamouna Villa Elsterstraße, por estar situada na rúa do mesmo nome, no número 33, unha das rúas máis céntricas da cidade, no barrio Gerhard Garten. Un ano máis tarde trasladaría aquí o seu estudio e incrementaría o número de empregados, entre eles contrataría a Emilie Louise Blau (1849-1937), filla dos litógrafos e fotógrafos Erdmann Lajos Blau, que se formara inicialmente no retoque co seu pai, con quen traballara dende o ano 1867 ata que casou en 1871. Sería nesta nova radicación, onde o seu gabinete se convertería nun dos máis destacados, por onde pasarían grandes personalidades do mundo da música, da erudición ou da economía; como Clara Shumann (1819-1896), unha das máis importantes compositoras do Romanticismo alemá ou Johannes Brahms (1833-1897); Franz Dominic Grassi (1801-1880), empresario en Leipzig de orixe italiano que deixou unha fortuna á cidade que permitiu levar adiante numerosos proxectos de construción, parques e monumentos; ou Karl Heine (1819-1888), avogado e destacado empresario da cidade, entre moitas persoas máis.

Bertha Wehnert-Beckmann retirouse do seu estudio fotográfico á idade de 67 anos en 1882, despois de corenta anos de profesión con éxito, na que desafiara con confianza a forte competencia dunha industria dominada por homes.

Un ano máis tarde de comezado o retiro, en 1883, vendería Villa Elsterstraße e a finca onde se situaba, para mudarse á rúa Weststraße número 55, primeiro piso, onde falecería. O seu pasamento produciríase aos 86 anos de idade, o 6 de decembro de 1901, sendo soterrada no Novo Cemiterio Johannis. A súa tumba foi destruída durante a conversión do lugar no Parque da Paz na década de 1970.

OBRA

Bertha Beckmann iniciouse na fotografía co proceso do daguerrotipo e continuou co do colodión, manténdose ao longo da súa vida profesional na vangarda das novas técnicas, como así o amosan as etiquetas da empresa e os anuncios do estudio que publicaba:

Ofrécense fotografías de daguerrotipos y estereoscópicas [imaxes tridimensionais] sobre vidro, prancha e papel.

Este interese que amosaba pola tecnoloxía, asociado ao seu carácter emprendedor e a súa habilidade na aplicación de estratexias publicitarias e de ventas modernas, contribuíu a que o seu éxito fora excepcional como fotógrafa.

Bertha Beckmann traballou nun momento moi especial. Eran os tempos do comezo da fotografía, onde cada unha delas tiña un gran valor, e requiría moito traballo e tempo para capturar mellor o motivo que quedaría para a eternidade. No seu legado fotográficocombina a súa visión particular como retratista con altos niveis de calidade técnica e artística, onde os retratos de nenos e nenas destacan como os máis salientables de toda Alemaña. Na súa herdanza contémplanse, ademais, retratos de señoras e señores, familias, empresarios e celebridades, pero tamén fotografías doutra natureza, como daguerrotipos de obras de arte, natureza morta e arquitectura.

Os seus traballos están representados en importantes coleccións de Hamburgo, Colonia e Munich, así como nos Estados Unidos e Canadá.

A súa obra, pódese ver no Museo de Historia da Cidade de Leipzig (Stadtgeschichtliches Museum). Os daguerrotipos de Bertha Wehnert-Beckmann que figuran no inventario do Museo, atópanse entre os traballos máis valiosos da historia temperá da fotografía.

O Stadtgeschichtliches Museum, de Leipzig, rendiu tributo ao seu traballo, celebrando, no ano 2015 (dende o 25 de xaneiro ata o 26 de abril), o 200 aniversario do nacemento de Bertha Wehnert-Beckmann, como a primeira fotógrafo profesional feminina en Europa, unha exposición completa(12) , onde se puideron visualizar mais de 3000 negativos de vidro realizados nas décadas de 1860 e 1870, incluíndo novos descubrimentos, como un retrato de Lord Maior Bruno Tröndlin, as primeiras imaxes dunha cidade historicamente importante e fotografías orixinais de grandes personalidades, ata hoxe incriblemente valiosas.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS

As fotografías que se ven a continuación proceden de varias fontes, Europeana collections, Wikipedia, Museo Paul Getty e outras:

NOTAS AO FINAL

(1)Ano da derrota definitiva de Napoleón Bonaparte en Waterloo, cando decidiu invadir os Países Baixos, e loitar contra as tropas británicas, holandesas e alemanas dirixidas polo duque de Wellington e o exército prusiano do mariscal de campo Gebhard von Blücher.

(2)Na rexión da Baixa Lusacia, lugar de nacemento de Bertha Beckmann, falábase o sorabo, unha lingua eslava occidental, como o checo ou o polaco, pero como consecuencia do proceso de unificación alemán dirixido polo primeiro ministro prusiano, Ottto von Bismarck, o uso da lingua foi reprimido, chegando a decretarse no ano 1875, a prohibición do seu uso na escola, e, posteriormente, en 1888, por decisión do Ministerio de Educación, a súa ensinanza no bacharelato en Cottbus. Na actualidade o sorabo está protexido, aínda que a poboación é xermana ou está xermanizada.

(3)Como por exemplo o que lle realizou Eduard Wehnert en 1843, cando tiña vinte e oito anos e o executado por Johann Eberthar Feilner (Euroeana. Retrato de Bertha Wehnert-Beckmann. Autor: Feilner, Johann Eberhard. Daguerrotipo), cando tiña trinta e dous.

(4)O daguerrotipo foi un proceso fotográfico que permitiu fixar imaxes detalladas en pranchas de prata ou cobre. Foi desenvolvido e perfeccionado por Louis Jacques Mandé Daguerre, a partir das experiencias previas inéditas de Niépce (antes de 1826), e dado a coñecer en París, na Academia de Ciencias de Francia.

(5)Jochen Voigt (2004). “Der gefrorene Augenblick”.
Jochen Voigt (2014). “A german Lady”.

(6)É un dos primeiros fotógrafos profesionais. Del coñécense máis de catro mil fotografías de retratos (Daguerrotipos, calotipo, colodión húmido).

(7)L’àlbum del Jep. Fotografia del segle XIX. Llums i ombres

(8)Voigtländer é unha empresa dedicada á fabricación de produtos fotográficos. Os obxectivos de Voigtländer foron revolucionarios porque foron os primeiros obxectivos matematicamente calculados de precisión na historia da fotografía, desenvolvidos polo profesor de matemáticas xermano-hungaro Josef Maximilian Petzval. Pasou a producir a primeira lente fotográfica de retrato Petzval (a lente máis rápida nese momento: f/3.6) en 1840 e a primeira cámara de daguerrotipo completamente metálica do mundo.

(9)Jochen Voigt (2014). A german Lady – Bertha Wehnert-Beckmann. Edition Mobilis.

(10)Antiga moeda de prata.

(11)Aínda que non gañou nunca unhas eleccións, foi o décimo terceiro presidente dos Estados Unidos como consecuencia da morte do seu predecesor Zachary Taylor.

(12)Stadtgeschichtliches Museum, Leipzig

FONTES

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest