DOLORES GIL DE PARDO (1842 – 1883)

portada artigo

Unha pequena mención a esta pioneira aragonesa da fotografía profesional, que exerceu como retratista en diferentes cidades de Aragón e Cataluña.

VIDA:

Gil de Pardo exerceu a fotografía profesional durante aproximadamente 16 anos, entre 1867 e 1883.

Esta aragonesa, cuxo nome completo é Dolores Fausta Dorotea Gil Pérez, nacera no ano 1842 en Almonacid de la Sierra, municipio pertencente á comarca de Valdejalón, na provincia de Zaragoza.

Casou co tamén fotógrafo Bernardino Pardo Cerdá, natural de Tarragona. Xuntos tiveron catro fillos, chamados David, Enrique, Antonia e Manuel; nados todos en Zaragoza, agás o segundo, Enrique, nacido en Olot, Girona.

É unha das poucas mulleres casadas cun fotógrafo, que rexentaba os seus propios gabinetes fotográficos e que figuraba co seu nome completo no reverso das fotografías, cando nesa época, o habitual era que ocultaran o seu nome, someténdose á marca comercial do marido, ou aparecendo coa postila “Y Señora”, como foi o caso en Galicia, por exemplo, de Cándida Otero.

Logo de que nacera o seu primeiro fillo en Zaragoza, o matrimonio desprazouse cara Cataluña, percorrendo Barcelona, onde tiveron un establecemento situado na rúa Jaume I, nº 6; máis tarde a Vic e Olot, localidades das que hai información da súa estadía a través da prensa.

O 7 de xuño de 1867 “El Lloyd Español. Diario economista, marítimo, mercantil, industrial, literario, de noticias y anuncios“, comentaría o seguinte en relación cunha prensa de satinar que a fotógrafa tiña no seu estudio:

Adelantos Industriales.-  Hemos quedado admirados, al ver en el establecimiento fotográfico que doña Dolores Gil de Pardo tiene en la calle de Jaime I, núm. 6, una plancha de acero destinada á la prensa de satinar, de un pulido tan acabado, que creiamos ver un verdadero espejo de cristal; nuestra admiración y asombro han cesado cuando hemos sabido que quien había hecho este trabajo era el ortopédico señor don Eugenio Clausolles, quien enseña gratuitamente la manera de dar todos los pulimentos ó abrillantados en los aceros, hierros, cobre, packfonc y demás metales, incluso los preciosos.

Neste mesmo ano 67, aparecía rexistrada como fotógrafa na localidade de Olot capital da comarca da Garrotxa, situada no nordeste de Cataluña entre o Alto Ampurdán e o Ripolles, provincia de Girona. Aquí nacería o seu segundo fillo, e permanecería posiblemente ata 1870, ano do seu 25 aniversario, do que hai unha fotografía asinada por Maria Jolis o 12 de febreiro nesta localidade. Desta época existen algunhas imaxes en formato de Carta de Visita, nas que se poden ver nos reversos dos cartóns unha gran litografía que leva escrito en maiúsculas o texto seguinte:

Segundo indica Juantxo Egaña no seu blog, dentro do artigo de “Las Guerras Carlistas en la fotografía”, apartado de “Los fotógrafos ambulantes”, cando estalou a segunda guerra, Dolores Gil e o seu marido Bernardino Pardo, como fotógrafos ambulantes que eran, desprazábanse por diversas localidades, anunciándose na prensa local ofrecendo o formato de Carta de Visita ao prezo de 10 reais. Tiñan así ocasión de retratar a numerosos voluntarios carlistas cataláns nas cidades de Vic e Olot, dos que ao parecer existen retratos. A igual que Dolores, en Galicia había outra fotógrafa, Antonia Santos García, coñecida como a fotógrafa do carlismo, quen realizaba reproducións do retrato de Carlos VII e a quen se lle coñece un retrato dunha partida de carlistas mindonienses.

Dolores Gil de Pardo non era a única muller que exercía a fotografía en Cataluña. Durante esta época en Barcelona, exercían a profesión de retratistas outras fotógrafas: Anaïs Napoleón, rexentando un dos estudios máis estables e duradeiros da cidade; e, Margarita Miret, que rexentou os locais situados no Pla e o Palau ata 1887.

O matrimonio regresaría a Aragón pasando por Calatayud antes de establecerse en Zaragoza, onde nacerían os dous últimos fillos. Nesta localidade ambos rexentaban diferentes estudios.

No Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936) de Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso, pódese ver na páxina 187, a imaxe do reverso dunha tarxeta de visita no  que se pode ler a seguinte información:

BERNARDINO PARDO
Y SU SEÑORA
DOLORES GIL
Fotógrafos
Plaza de Sn. Andres
Calatayud

Este reverso indicanos o seu paso por esta localidade, aínda que a información non apareza recollida nos Anuarios.

Segundo os Anuarios, Dolores Gil de Pardo estivo activa como fotógrafa na rúa Mercado de Zaragoza entre os anos 1879 e 1883. O seu marido, Bernardino Pardo, aparece activo nesta localidade entre os anos 1882 e 1890, pero con estudio en rúa distinta, na chamada Escuelas Pías, nº 63, do que se pode deducir que rexentaban estudios diferentes.

1879-ANUARIO-ALMANAQUE- DOLORES GIL DE PARDO - ZARAGOZA

1879-1880

Recorte do Anuario-Almanaque del Comercio de la Industria, de La Magistratura y de la Administrción ó Almanaque de las 400.000 señas de Madrid, de las provincias, de ultramar y de los estados hispano-americanos (Bailly-Bailliere). 1879-1880.

Mencionar que este Anuario-Almanaque del Comercio… comezouse a editar en 1879, de aí que non haxa información anterior da súa presenza en Zaragoza.

1882-ANUARIO DEL COMERCIO DE LA INDUSTRIA DE LA MAGISTRATURA Y - DOLORES GIL DE PARDO

1882

Durante os anos 1882 e 1883, ambos aparecen reflectidos no apartado de Fotógrafos, do Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, exercendo en Zaragoza, e rexentando diferentes gabinetes fotográficos: Dolores continúa co estudio na rúa Mercado e Bernardino na rúa Escuelas Pías nº 63.

Dolores Gil de Pardo falece no ano 1883, moi nova, contaba con 41 anos. O seu viúvo volvería casar en segundas nupcias con Victoria Lardiés, natural de Calatayud, provincia de Zaragoza, con quen tivo outro fillo chamado Alfredo.

Segundo o Certificado de defunción, Bernardino Pardo Cerdá finou o 14 de febreiro do ano 1890, aos 54 anos de idade, como consecuencia dun cancro de píloro. Dous anos máis tarde, durante o período 1892 a 1894, a súa segunda esposa Victoria Lardiés, rexistrábase nos Anuarios como “Pardo, Viuda de”, no mesmo número da rúa de Escuelas Pías.

OBRA:

O formato utilizado nas fotografías que se conservan de Dolores Gil de Pardo, é o de Tarxeta de Visita, un formato que estaba totalmente implantado na década dos oitenta en toda a península, tras ser patentado, en 1854, polo fotógrafo francés Adolphe Eugéne Disdéri.

Durante o mes de xullo do ano 2006 celebrouse unha exposición en Madrid, no centro cultural Blanquerna, titulada “Fotógrafas pioneras en Catalunya”, comisariada pola fotógrafa Isabel Esteva “Colita” e a historiadora Mary Nash na que se expuxeron os traballos fotográficos inéditos, rescatados, de doce das pioneiras máis relevantes de Cataluña, entre as que se atopaba o traballo realizado por Dolores Gil de Pardo. As outras once eran: Anaïs Napoleón, Carme Gotarde Camps, Maria Serradell Sureda, Madroñita Andreu, Montserrat Vidal i Barraquer, Carme García de Ferrando, Rosa Szücs de Truñó, Roser Oromí Dalmau, Roser Martínez Rochina, Montserrat Sagarra y Joana Biarnés.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

FONTES:

Bibliografía:

  • Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
  • Información sobre a data de falecemento de Dolores Gil de Pardo, recollida de: José Antonio Herández Latas. Primeros tiempos de la fotografía en Zaragoza – Formatos “Carte de Visite” y “Cabinet Card”. Dondos procedentes de colecciones privadas. Cajalón.
  • Información sobre a data de nacemento de Dolores Gil de Pardo, recollida de: Mª del Carmen Agustín Lacruz e Sandra Tomás Esteban. 2018. Las primeras mujeres fotógrafas en Aragón: pioneras y modernas. Revista General de Información y Documentación. Ediciones Complutense.
  • El Lloyd de España. Diario Economista, Marítimo, Industrial, Literario, de Noticias y Anuncios. Ano I. Venres 7 de xuño de 1867. Número 6. Director e editor responsable, D. R. Leopoldo Palominao de Guzman.

Páxinas web:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest