Sobre min

foto-identificativa Fernanda Padín Ogando

A miña afección pola fotografía ven dende moi lonxe, pero agora podo dedicarlle tempo, así que me propuxen penetrar na historia da fotografía a través da actividade fotográfica das mulleres. Para conseguir este obxectivo creo necesario indagar na vida das fotógrafas que fixeron historia e ás que aínda están por facela, poñendo en práctica un traballo de investigación que me permita, ademais de aprender, ir elaborando biografías de fotógrafas internacionais e de fotógrafas galegas, estas últimas moi esquecidas e con moito máis traballo porque apenas hai datos.

En Galicia, sitúanse as primeiras noticias de utilización dun daguerrotipo no ano 1843, da man do daguerrotipista Enrique Luard Falconier que exerceu na Coruña, un ano antes de que Madama Fritz, a primeira muller que se dedicou á fotografía no Estado, chegara a Valencia no ano 1844, pero a pesar de que foron moitas as mulleres que se incorporaron á fotografía na segunda metade do século XIX, a tendencia dominante foi a de excluír ás mulleres do relato histórico, facéndoas invisibles, ocultando as súas pegadas. Moitas delas traballaban nos estudios fotográficos sen definir a súa profesión, sen visualizarse na marca comercial, ocultas baixo a tutela do seu marido, nuns tempos nos que o traballo da muller estaba moi mal visto por parte dalgúns sectores da sociedade; a pesar de todos estes inconvenientes, cando quedaban viúvas, eran o suficientemente valentes como para enfrontarse a todos os prexuízos sociais e continuar co negocio en solitario, fotografando.

Outras fotógrafas galegas de finais do século XIX e principios do XX, fixéronse visibles como resultado do pé de foto dalgún libro ou dalgún artigo periodístico. Así nomease a Antonia Santos García nacida no ano 1831 en Mondoñedo como a fotógrafa do carlismo mindoniense, a Cándida Otero con estudo fotográfico en Vigo dende finais do século XIX ata o ano 1915 no que morreu, como viúva do fotógrafo Filippo Prósperi ou a Maria Cardarelly como fotógrafa de Rosalía de Castro. Pero salvando estas referencias, ningunha destas fotógrafas, nin moitas máis que quedaron ocultas, forman parte da historia da cultura fotográfica galega.

Xaneiro 2015

Se necesitas poñerte en contacto, cubre este formulario:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest