CORONA GONZÁLEZ SANTOS (1875-1972)

inicio artigo bnFoi unha das primeiras fotógrafas afeccionadas en Galicia, a quen lle publicaron na revista Vida Gallega unha das súas reportaxes fotográficas.

VIDA

Corona González Santos naceu no seo dunha familia acomodada o 10 de outubro de 1875 na freguesía de Santiago de Vilaño, do concello coruñés da Laracha, pertencente a comarca de Bergantiños. Filla de Faustino González Cobas, médico, natural de Cotobade, provincia de Pontevedra; e de Jesusa Santos Cervela, natural de “Santa Eufemia la Real del Centro”, provincia de Ourense(1) . Corona foi a terceira en chegar ao mundo, na numerosa prole familiar dos González Santos, formada por un home e sete mulleres, dúas das cales, morrerían moi novas(2) .

A familia trasladouse a vivir ao concello de Mos, na provincia de Pontevedra, onde, Faustino González Cobas exercía de médico local. A casa familiar, da que eran propietarios, estaba nunha finca coñecida como Vila do Adro, situada na raia divisoria entre os concellos de Mos e Porriño, na estrada que une Porriño e Redondela.

A formación escolar recibida por Corona González foi a estipulada na sociedade da época para as mulleres, que non contemplaba para elas a posibilidade de seguir as ensinanzas universitarias. O “Artigo 5 da Lei de Instrucción Pública”, que estaba en vigor, máis coñecida como “Lei Moyano”, de 1857, establecía, para as mulleres, un ensino enfocado aos labores do fogar e o seu currículo incorporaba materias como “Labores propias do sexo”, “Elementos de Debuxo aplicado ás mesmas labores”, “Lixeiras nocións de Hixiene doméstica”(3) ; e, contando co acompañamento dunha contundente ensinanza relixiosa. É dicir, a formación das mulleres dirixíase especialmente a asegurar a competencia no rol de esposas e nais.

A división artificialmente creada no ensino polo patriarcado percibíase tamén nas relacións sociais. Mentres as mulleres quedaban na casa ou asistían aos oficios relixiosos e as mozas, nos días marcados, podían facer o paseo, por suposto sempre acompañadas; os homes, nos cafés e tabernas, os seus puntos exclusivos de reunión, debullaban o xornal, xogaban ás cartas ou establecían conversación. No Porriño o sector máis ilustrado asistía ás reunións que se celebraban na rebotica da farmacia da vila, propiedade de José Palacios (irmá do arquitecto Antonio Palacios).

CAPELA AS ANGUSTIAS

Capela “As Angustias” en Mos – Foto F. P.

A mocidade de Corona vaise desenvolvendo na vila porriñesa, coas rutinas habituais propias da época(4) ; na que os paseos pola rúa principal, constituían unha das formas máis comúns de socialización e divertimento. É nunha destas andadas, neste caso pola rúa da estación do ferrocarril, cando Corona, que ía acompañada dunhas amigas, coñece a Ramón González Fernández, o que co tempo, chegaría a ser o seu marido. Ramón era natural de Ribadeo e ocasionalmente pasaba uns días no Porriño debido a unha visita que estaba a realizar a un amigo.

Ramón González, como anteriormente se dixo, era natural de Ribadeo e procedía dunha familia acomodada; polo que se sabe, o seu pai participaba ou era copropietario dun barco que facía o percorrido Coruña-Habana. Nacido no ano 1856, realizou estudos de Náutica e Comercio na suprimida Escola Superior, e unha vez rematados estes e contando con quince anos, marchou no barco da familia para a Habana, xa en Sudamérica estableceuse en Arxentina. Os primeiros anos reside en Bos Aires, para máis tarde asentarse en Rosario, a cidade máis poboada dá provincia de Santa Fe. Nesta urbe, establécese como comerciante, o que lle permitiría acumular unha importante fortuna. Preocupado pola situación dos seus compatriotas máis desfavorecidos, intégrase na “Asociación de Socorros Mutuos”, da que chega a ser un destacado membro; e tamén formará parte do equipo directivo do “Club Español de Rosario”, entidade social creada pola comunidade española inmigrante. Asemade, desempeñou o cargo de conselleiro na sucursal do “Banco Español del Río de la Plata” en Rosario. Cando no ano 1899 retorna a súa Galicia natal, continuaría ligado a esta actividade financeira, promovendo a apertura de sucursais da institución bancaria nas cidades de Vigo e Santiago.

O 22 de setembro de 1900(5) , Corona, que contaba con 22 anos e Ramón, con 44, contraen matrimonio na Capela das Angustias(6) en Santa María de Sanguiñeda, parroquia do concello de Mos; fixando a súa residencia na mesma casa familiar da Vila do Adro, cuxa construción foi ampliada por Ramón González.

A posición económica, as expectativas culturais, profesionais e de afeccións do recente feliz matrimonio, foron con seguridade os factores que explican, que entre os lugares a acudir na súa lúa de mel, escolleran a visita á gran Exposición Universal(7) que nesas datas se estaba celebrando en París; e que se caracterizou, por presentar novas concepcións construtivas e importantes adiantos na industria; e que tivo como símbolo principal a torre Eiffel cuxa construción rematara ese mesmo ano. Un dos argumentos da exposición consistía na exhibición dunha compilación de máis de vinte fotógrafas estadounidenses composta por máis de 150 fotografías, e na que actuaba como comisaria, seleccionada pola International Congress of Photography, a gran fotógrafa americana Frances Benjamin Johnston. Con moita probabilidade, a visión desta exposición fixo agromar en Corona González o seu interese pola expresión a través da representación fotográfica. Como elemento de proba, considerar que, sería na capital francesa onde se faría cunha Gaumont(8) modelo Block-System “Carrée”, con caixa de madeira de caoba, a súa primeira cámara fotográfica. A partir dese momento, incluiría a fotografía nun lugar preeminente entre as súas outras afeccións artísticas, como era o caso do gusto pola escultura en cemento, habilidade da que deixou constancia, cando se lle encomendou o arranxo dunha figura da Virxe, á que se lle desprenderan as mans con motivo dunha caída(9) .

Camara fotografica de Corona Gonzalez

Cámara utilizada por Corona González Santos

O día 12 de outubro, xa de volta da viaxe de noivos, os recen casados visitaban Santiago . O xornal “El Áncora”(10) , daría conta da súa estancia nesta localidade:

Se halla en aquella ciudad el rico banquero de la Argentina Sr. D. Ramón González, con su distiguida señora doña Corona González Santos.

Nestes anos, a prensa, con frecuencia, incluía referencias, como a comentada anteriormente sobre a presenza do matrimonio na vida social ou como a habitual visita a Baños de Molgas para tomar as augas. Neste sentido, cabe destacar a compra dun coche, realizada en 1908 á factoría Hotchkiss(11) ; empresa francesa dedicada a fabricación de armas, que se incorporara á produción de automóbiles a finais do século XIX. O vehículo, do que Corona González tomou algunha foto, foi un dos primeiros matriculados, PO-43, na provincia de Pontevedra; tiña, 35 C.V, unha potencia considerable para época, tal como aseveraba o xornalista e escritor Gerardo González Martín, nun artigo de título “Los coches franceses, mayoría entre los primeros vigueses motorizados” que publicou o 14 de marzo de 1993.

O matrimonio por tempadas, residía en Ribadeo, e nesta vila, berce de Ramón González, trabaron amizade con Benito Prieto Ferrero(12) , fotógrafo establecido na localidade, con estudio propio “Foto Prieto”, e con establecementos abertos en Navia, Vegadeo e Luarca. Corona e Ramón serían fotografados en repetidas ocasións polo seu amigo e destacado profesional. Celia Castro, no seu traballo “Corona González Santos e Ramón González: Un matrimonio de Mecenas”(13) , ofrece amplas explicacións sobre algúns deses retratos. O interese pola expresión artística, común ao matrimonio, volveuse a por de manifesto no seguimento da evolución artística de Benito Prieto Coussent, fillo do fotógrafo que chegaría a ser pintor de éxito, a quen apoiarían nos seu comezos encargándolle algunhas pinturas, dúas das cales están depositadas actualmente no Museo Quiñones de León en Vigo(14) .

Coincidían por esa época, xunto a Benito Prieto, outros fotógrafos(15) en Ribadeo: Acisclo Abasolo activo na localidade entre 1900 e 1905; Adolfo García, entre 1901 e 1914; “La Artística”, un estudio fotográfico con actividade na rúa Benito Prieto durante o ano 1902; Constantino Reigosa activo en 1914 e Domingo Sáez Fernández desde 1921 en diante; nun Ribadeo impulsado polo auxe económico derivado da explotación das minas de ferro e o tren mineiro que percorría Ribadeo – Vilaoudriz(16) . A vila de Ribadeo gozaba dunha gran actividade social e cultural, onde emerxía o asociacionismo en moi diversa formas, como era co caso da “Sociedade de Socorros Mútuos A Concordia”, existente aínda na actualidade e á que pertencía Ramón González. Este tipo de sociedades tiñan unha finalidade eminentemente de apoio aos socios nos casos de enfermidade e na ancianidade, crear caixa de aforros e seguros mutuos en caso de accidente, falecemento…; fundación de escolas, organización de celebracións etc, etc.

Aínda que non se dispoñen de datos sobre a adquisición de formación fotográfica de Corona González, todo parece indicar que esta foi fundamentalmente autodidacta; e que tiña os seus alicerces, na atracción e agrado que, segundo fontes familiares, ela mostraba polas actividades de tipo creativo. Corona mostrou moito interese, non só en fotografar, senón tamén en positivar os negativos, amosando algúns deles alteracións, segundo se percibe nas fotografías da súa autoría depositadas no Museo de Pontevedra. Pero, seguramente neste proceso de coñecemento resultaron de moito apoio a relación de amizade mantida con Benito Prieto, o fotografo de Ribadeo e con Pedro Cima(17) , fotógrafo residente en Bos Aires, a quen nas súas viaxes á Arxentina, o matrimonio sempre visitaba. No apartado “Obra” rexístrase unha das fotografías da voda duns familiares deste fotógrafo feitas por Corona González.

Con toda certeza ambos os dous destacados fotógrafos puideron ser a fonte na que bebeu a fotógrafa para somerxerse nos químicos do laboratorio. A súa curiosidade fotográfica tamén se manifestaba cando, aproveitando as súas viaxes, visitaba os estudios dos importantes fotógrafos para ser retratada por eles. Con motivo dun desprazamento do matrimonio a Barcelona acudiron, para ser fotografados ao estudio dos “Napoleón” un dos gabinetes máis prestixiosos da cidade. O retrato da parella, foi realizado, posiblemente, por Emilio, que nese tempo estaba á cabeza do estudio central que os Napoleón tiñan nesa capital. Emilio era fillo de Anaïs Napoleón, unha das pioneiras do daguerrotipo na península e fundadora da marca fotográfica Napoleón. A imaxe mostra un plano de busto esvaído do xove matrimonio coas cabezas levemente ladeadas cara a súa esquerda, cun leve sorriso, vestidos de gala. O retrato, tomado en formato horizontal, está inxerido sobre un soporte de cartón vertical, recollendo á dereita, con pintura dourada, a ilustración da marca: á esquerda o nome Antº y Emilio F. Dits, no centro o texto de “MEDALLA DE ORO 1888 BARCELONA” e baixo el tres escudos e, á dereita, o nome xenérico da casa Napoleon.

Corona Santos y Ramón González.Foto Napoleón. Barcelona. Ca 1900 - P

Corona González Santos y Ramón González. Foto Napoleón. Barcelona

Non era doado achegarse ao traballo fotográfico como afección nesa época, e en maior medida se ademais eras muller. A súa práctica chegaba a constituír un auténtico privilexio. O hándicap principal viña dado pola necesidade de ter unha situación económica o suficientemente desafogada para poder enfrontar os custes de equipo e consumibles; e, ademais, requiríase doutras condicións imprescindibles: inquedanza cultural, sensibilidade e gusto pola expresión artística. O número de fotógrafas afeccionadas das que nese tempo se ten constancia é moi escaso. Moi cerca da residencia de Corona González, na contigua vila de Redondela, outra muller, María Vinyals y Ferrés, nacida no castelo de Soutomaior no mesmo ano que Corona, e herdeira do marqués de Mos(18) , compartía con ela o mesmo gusto pola “escritura con luz”, significado etimolóxico de “fotografía”. A obra fotográfica da coñecida como Marquesa de Ayerbe, María Lluria ou, “Marquesa Roja”, atópase depositada no Museo Sorolla, en Madrid(19) .

Como a maior parte das fotógrafas non profesionais da época. Corona González Santos, atopaba os contidos a fotografar no seu entorno, estando pendente do que sucedía ao seu redor, tendo, xa que logo, a súa produción fotográfica un marcado carácter costumista. A observación do conxunto de retratos que o seu sobriño José Ramón Fontán González(20) deixou en custodia do Museo de Pontevedra non fan máis que confirmar a anterior aseveración. Entre as 127 fotografías que compoñen o fondo, unha gran parte correspóndense con escenas familiares e de amigos, tanto no interior da vivenda como no xardín exterior; paisaxes das contornas nas que residía ou visitaba; algunha que outra escena labrega; fotografías do iate “Giralda”(21) e do buque-escola “Nautilus”(22) , así como do retablo de estilo gótico que doara á capela de As Angustias; ademais de moitos retratos individuais ou en grupo, de mulleres novas, nenas e nenos. Nalgunha das fotos pódese ver que, con frecuencia, utilizaba un pano branco de fondo cando retrataba dentro da casa, un recurso moi utilizado polos profesionais da época, para realzar e darlle mais protagonismo á persoa ou persoas retratadas, pero neste caso chama moito a atención, pois os positivos depositados no Museo están sen recortar, é dicir, vese, ademais do pano que sirve de fondo, todo o decorado da habitación, posiblemente por ser copias directas das placas, así que nos inclinamos a supoñer que era a propia fotógrafa quen facía este traballo nos positivos orixinais. Tendo en conta esta colección de imaxes, pódese deducir que practicou a fotografía durante vinte e cinco anos, período coincidente entre o ano que mercou a cámara en 1900 e o ano da morte do seu marido en 1925.

Corona González, ademais de deixar pegada da actividade familiar e social na que se desenvolvía a través das fotografías, contribuíu co altruísmo do seu marido durante a súa vida en común ocupándose, á súa morte, de rematar todas as obras que el comezara. Entre as contribucións benéficas e culturais máis importantes realizadas no Porriño salientan: o financiamento dun novo templo parroquial que se inaugurou en 1913(23) ; a Casa do Concello, inaugurada en 1924, edificio de estilo rexionalista con proxecto do arquitecto Antonio Palacios e a doazón do campo de fútbol. Ramón González exerceu un importante labor filantrópico na súa vila natal de Ribadeo, e canalizou parte da súa dedicación no servizo dos intereses xerais a través da súa incorporación a diferentes sociedades. Como anteriormente se dixo, formaba parte da sociedade de socorros mutuos “La Concordia”, e no ano 1910 accedería a presidencia desta entidade benéfica; foi, ademais, membro do Ateneo, onde financiou a compra de instrumentos musicais e subvencionou aulas en diferentes disciplinas, así mesmo, colaborou na dotación de bolsas de estudos. Foron, ademais, destacados impulsores da celebración das festa patronais e, en canto ao fomento de infraestruturas cabe subliñar a súa contribución, con importantes achegas á construción da necesaria Praza de Abastos(24) , obra estilo art decó, do arquitecto Ramiro Saez; e, ao aboamento da construción do Teatro.

A revista “Vida Gallega”(25) publicaría o 10 de xaneiro de 1914 unha reportaxe fotográfica de Corona González Santos, titulada “El arte y la belleza” en relación cunha festa benéfica realizada no Casino, onde, baixo a dirección artística de D. José Palacios representábase teatralmente “Canción de Cuna”(26) , unha obra que se estreara no Teatro Lara de Madrid en 1911, e que, debido ao seu argumento, calou moi fondo entre as persoas afeccionadas ao teatro en Galicia. Neste caso estaba interpretada por un elenco de actrices e actores da distinguida xuventude de Porriño, entre as que se atopaban familiares da propia Corona.

Corona González en Vida Gallega

Reportaxe gráfica na revista “Vida Gallega”

Nesta reportaxe, pódese ver un retrato de Corona González Santos, e catro fotografías de diferentes escenas da representación cos seus intérpretes.

No pé do retrato da fotógrafa, pódese ler: “La bellísima autora de esta información gráfica, D.ª Corona González, esposa del acaudalado capitalista D. Ramón González”.

Debido ao seu exercicio filantrópico, o matrimonio recibiu o recoñecemento do Concello de Ribadeo. Así no ano 1922 nomearon a Ramón González “Fillo Predilecto” e, posteriormente ao seu pasamento, no ano 1926, a corporación estendeu o agradecemento a Corona González; nomeándoa “Filla adoptiva”, como proba de afecto e gratitude pola súa valiosa e eficaz colaboración nas altruístas actuacións levadas a cabo polo seu finado esposo e fillo predilecto da vila(27) .

No Porriño nomearon a Ramón González “fillo adoptivo” en 1915 e, cinco anos máis tarde, en 1920, o Concello deulle o seu nome á rúa coñecida como Gabino Bugallal, rúa que estaba relacionada co paso da estrada de Castela polo centro da Vila(28) .

Ramón González, finou o 15 de decembro de 1925, na casa familiar de Vila do Adro, en Porriño, aos 69 anos de idade, sendo soterrado dous días mais tarde na súa vila natal de Ribadeo. Na necrolóxica do cuarto aniversario do seu pasamento, publicada no Faro de Vigo(29) , ademais dos cargos que ocupou en diferentes entidades e asociacións, aparecía as mencións de: “Caballero de la Gran Cruz de la Orden Civil de Beneficiencia” “Caballero de la Orden de Isabel la Católica”, e deputado provincial. A revista “Vida Gallega”, con data 10 de xaneiro de 2016, ilustraba cunha reportaxe, o seu enterro, pasando o cadaleito levado a ombros por diante do Concello, edificación que se levara adiante grazas a súa contribución; ao pé de imaxe, pódese ler:

PORRIÑO – Entierro del filántropo D. Ramón González, hijo de Ribadeo y adoptivo de aquella villa. La comitiva en las calles. Paso ante el nuevo Ayuntamiento, para cuya construcción donó el finado cuarenta mil duros. Fas. Pacheco.

Xa viúva e adiada a práctica da fotografía, Corona González Santos non abandonou a actividade altruísta que compartira co seu marido ata a morte deste. Entre as súas novas contribucións cabe destacar, no ano 1929, a consistente na a doazón de terreos, para a construción da nova igrexa para a “Orde Franciscana Terciaria” en Ribadeo, á que a mesma Corona pertencía e que se rematou de edificar o 17 de xuño de 1931. Neste templo, Corona mandaría erguer un mausoleo de estilo Art Decó, a fin de que servira como última morada dos restos do seu marido, e onde ela mesma, á súa morte, ocorrida en 1972 sería soterrada anos máis tarde (1983). Os tramites necesarios para a realización da inhumación dos restos de Ramón González para o traslado ao mausoleo construído, así como para o soterramento de Corona González e o da súa cuñada Dominica, foron realizados pola Xunta de Sanidade do Concello de Ribadeo(30) , o 21 de xaneiro de 1927.

Unha vez viúva diminuíu moito a súa presenza nos medios de prensa, de cando en vez, algunha nota de sociedade facíase eco da súa actividade pública; como cando, o diario “El Pueblo Gallego”(31) , de 5 de setembro de 1929, informaba do regreso, no vapor Massilia(32) , dunha das viaxes realizadas a América, na que estivera acompañada da súa irmá Esther e o seu marido Benito González Fornos; ou, cando no mes de xullo de 1936, días antes da sublevación militar contra o goberno da Segunda República, o Faro de Vigo(33) informaba que pasaba a tempada de verán acompañada da súa irmá Elodia na fermosa casa que tiña na vila de A Ramallosa.

No comezo dá guerra civil, aos 61 anos, Corona incorporouse á Cruz Vermella exercendo como enfermeira auxiliar no “Hospital Militar de Evacuación de Bella Vista”(34) . Durante os seguintes anos, continuou a súa colaboración en diferentes ámbitos de cooperación.

En 1948, o concello de Ribadeo volveu a homenaxeala, en agradecemento ás contribucións pecuniarias que fixeran posible as necesarias obras executadas nas instalacións do Hospital Municipal. A corporación, en sesión ordinaria celebrada o 22 de maio, acordou se lle dera o nome do seu defunto marido, á sala de homes do piso segundo de dito establecemento; ademais, da colocación nun lugar destacado do mesmo edificio, dunha lápida de mármore, onde se fixera constar a gratitude que o Concello e pobo amosa a tan ilustre benfeitora.

A Ilustrísima Señora Dona Corona González Santos faleceu aos 96 anos, o 11 de maio de 1972, en Vigo, sendo soterrada o día 12 no cemiterio de Pereiró(35) . As súas cinzas serían trasladadas anos máis tarde, o seis de maio de 1983, ao panteón que ela mesma mandara construír na Igrexa da Orde Franciscana Terciaria(36) , en Ribadeo, onde como se dixo antes, repousaban os restos do seu marido.

OBRA

A obra de Corona González Santos, pasou totalmente desapercibida ata que as incursións nas reportaxes fotográficas na revista “Vida Gallega”, e a iniciativa do seu sobriño José Ramón Fontán González, doando ao Museo de Pontevedra cento vinte e sete copias fotográficas realizadas directamente das placas(37) que obran en poder da familia, permitiron coñecer e valorar a súa obra. Atendendo á temática, a obra fotográfica de Corona pódese organizar en dous grandes grupos. O familiar e máis numeroso, oitenta e nove fotografías individuais e colectivas, das que dezanove son de mulleres e trece retratos infantís. As outras trinta e oito son de carácter máis social e etnográfico: secuencias en representacións teatrais, paisaxes, escenas agrícolas, mariñeiras, etc.

Neste traballo, amósase un fato reducido, pero representativo, dunha produción fotográfica que debeu ser moito mais extensa, tendo en conta os vinte e cinco anos que a cámara acompañou a Corona. Os dezaseis retratos, seleccionados do conxunto fotográfico depositado no Museo de Pontevedra, permiten apreciar o dominio técnico e o nivel de inspiración conseguido pola fotógrafa.

A obra fotográfica de Corona González Santos asomase tanto ao interior da súa vida cotiá como ao universo exterior da súa contorna e as súas viaxes. Entre as fotografías de ámbito familiar e privado, cabe destacar a variedade de tomas que realizou, sempre utilizando a luz natural, tanto en interiores como en exteriores. Empregaba a galería da súa casa como estudio fotográfico, deixando testemuño da vida familiar e da oportunidade que as visitas de amigos da familia lles proporcionaban para o exercicio da súa artística vocación. No exterior; as paredes da casa, bancos, veladores e plantas do seu xardín, conformaban o escenario ornamentado de fondo para a realización de retratos individuais ou en grupo dos seus familiares e amigos.

Para os retratos individuais ou en parellas, habitualmente femininos, gostaba de non repetir a composición, situando as persoas sentadas ou erguidas, ben na galería da casa, aproveitando a luz que se filtraba a través dos cristais, ben no xardín, onde previamente semella que preparaba as diferentes escenografías. No que segue coméntanse algunha desta Instantáneas.

Na imaxe de abaixo a esquerda, sentada nunha cadeira, posa a nai da fotógrafa, apoiando o brazo dereito sobre unha mesa auxiliar na que descansa un pequeno floreiro. Como fondo, e en harmonía cos recursos utilizados nos estudios profesionais, un fondo branco para resaltar a figura da persoa retratada. Como era común entre as e os profesionais, a fotógrafa durante o proceso de positivado efectuaría as correspondentes manipulacións creativas entre as que entraría o axuste do encadre, operación que non se realizou en ningunha das fotos que se presentan, por ser copias directas das placas.

A fotografía da dereita, de composición diferente, está tomada no mesmo espazo da anterior, tamén na galería da casa e co pano branco de fondo. O retrato mostra a unha muller, sen identificar, que está sentada nunha cadeira, cun ramo de flores nas mans e franqueada por dous mobles, unha mesa sobre a que descansa un gramófono e un moble maceteiro sobre o que hai un xarro con flores.

No seguinte conxunto de fotografías; a situada á esquerda, un autorretrato fotográfico de Corona, móstraa nunha actitude reflexiva na que destaca a súa beleza. Posa na galería, sentada de medio lado e apoiando a cara na man do brazo esquerdo que repousa sobre un coxín da cadeira, mentres a man dereita sostén un catálogo de perfumes de Éd. Pinaud(38) .

Na da dereita, Corona utiliza a ventá da súa casa como marco, para situar unha escena cargada de tenrura, neste caso, presenta a dúas mulleres en cómplice dialogo ao que, coa súa mirada particular incorpórase a fotógrafa.

Dentro dos numerosos retratos infantís que hai na súa obra, destacamos este, no que se presentan dúas nenas pequenas, situadas sobre unha alfombra colocada na terraza e posando baixo un parasol. Unha imaxe onde as meniñas observan directamente á cámara, amosándose moi conscientes do seu papel protagonista no acto.

Para os retratos infantís Corona González buscaba compoñer escenarios, naturais e atractivos para os destinatarios aos que ían dirixidos, incorporando, en ocasións xoguetes que facilitasen a colaboración da cativaría.

C.G.S 1-44 - Retrato de duas nenas con parasol

ca. 2ª década 1900. Retrato de dúas nenas con parasol. Museo de Pontevedra.

A fotografía de grupos é unha invariante na obra de Corona. Este eido de traballo permite mostrar a destreza dunha fotógrafa, empeñada en atopar o sentido da imaxe e a súa expresión a través dunha coidadosa composición. Nalgunhas das que se comentan a continuación o posado é explicito; as persoas que están sendo retratadas miran directamente cara o obxectivo, mentres noutras, amósanse distraídas, ausentes da presenza da cámara, semellando escenas pictóricas:

Na imaxe da esquerda vese un retrato familiar realizado na galería de Vilar do Adro. Figuran na foto, o pai, a nai, dúas irmáns de Corona e a propia fotógrafa. Chama a atención que ningunha das retratadas está mirando a cámara, incluída a propia autora, sentada en primeiro plano á esquerda, quen, sendo consciente de que esta sendo fotografada, dirixe a mirada en dirección contraria á da cámara, dando como resultado unha escena moi natural.

Á dereita vese a fotografía dun grupo numeroso de mulleres de diferentes idades e dúas nenas. Organizadas en pequenos grupos, móstranse ignorantes da presenza da cámara e, cada un dos pequenos grupos parece ocupado no seu propio leiv motiv.

As fotografías que veñen a continuación, amosan grupos moi numerosos que presentan a peculiaridade de que todas e cada unha das persoas que os compoñen están mirando á cámara, algo difícil de conseguir se se ten e conta a presenza de nenas e nenos.

A imaxe da esquerda mostra un grupo de veciños de O Porriño. A da dereita, a voda duns familiares do fotógrafo arxentino e amigo de Corona, Pedro Cima, do que xa se falou anteriormente.

Dentro do segundo grupo de fotografías, as clasificadas como de paisaxes, escenas agrícolas, mariñeiras e teatrais, destacar esta, como referencia documental da vida de Corona González. Na imaxe vese a casa familiar de Mos, coñecida como Vilar do Adro, actualmente desaparecida. Aparcado, diante da porta da entrada ao garaxe o seu coche, ocupado por tres persoas e, ergueito o seu carón, Ramón González, o seu marido.

ca. 1908. Ramón González e o seu coche diante da casa de Mos. Museo de Pontevedra.

ca. 1908. Ramón González e o seu coche diante da casa de Mos. Museo de Pontevedra.

As seguintes fotografías tamén foron elixidas polo seu carácter documental. Na da esquerda, aparece unha boneca de porcelana de principios de século, que semella corresponder cun modelo da marca alemá Simon & Halbig 1078, de 70 cm de altura. Como fondo unha mata de xeranios e, aos seus pés, un cartel ilexible. Na imaxe da dereita vese o retablo de estilo gótico co que Corona González Santos agasallara á capela As Angustias, mencionado anteriormente.

Das súas viaxes por Galicia e Ribadeo, deixaría tamén algunha pegada fotográfica. Corona González, coa súa mirada curiosa, deixou pegada do traballo realizado por esta draga e os operarios que nela había. A fotografía, posiblemente, foi realizada no porto de Ribadeo, dado o parecido da paisaxe que se ve ao fondo. Dentro do grupo de fotografías depositadas no Museo de Pontevedra hai outras, desta localidade, onde se ven a mulleres recollendo argazos ou pescando.

C.G.S 1-41 - Draga

Draga. Museo de Pontevedra.

Nas seguintes fotos, vese ao iate Giralda e a corveta Nautilus, fondeados na dársena do Arsenal de Ferrol, onde as embarcacións gorecíanse nos períodos de estancia no porto. Na foto da dereita, vese o buque escola Nautilus, que ten como fondo ao iate Giralda atracado no peirao e as torres da Igrexa de San Julián(39) ao fondo; detalle que nos permite concluír que as fotos foron realizadas no mesmo día(40) .

NOTAS AO PÉ DE DOCUMENTO

(1)Segundo consta no certificado de nacemento. Rexistro Civil de A Laracha.

(2)Carlos, o maior, morreu o 1 de febreiro de 1924; Elodia, a segunda en nacer, morreu o 22 de xaneiro de 1951; Josefa, a nai do sobriño de Corona, José Ramón Fontán González, morreu o 24 de agosto de 1966; Esther, morrería o 18 de agosto 1975; Aurora, o 28/04/1972; e, Acacia e Etelgiva, as dúas últimas en nacer, morrerían de novas, o 27 de marzo de 1900 e o 21 de febreiro de 1904, respectivamente.

(3)Lei de Instrución Pública de 9 de decembro de 1857.- Artº 5 da Lei Moyano:

En las enseñanzas elemental y superior de las niñas se omitirán los estudios de que tratan el párrafo sexo del artº 2º ^”Breves nociones de Agricultura, Industria y Comercio”] y los párrafos primero y tercero del artº 4º [“Principios de Geometría, de Dibujo lineal y de Agrimensura” y “Nociones generales de Física y de Historia Natural”], reemplazándose con:

Primero. Labores propias del sexo
Segundo. Elementos de Dibjo aplicado a las mismas labores
Tercero. Ligeras nociones de Higiene doméstica.

(4)“Boletín Museo Castro de Viladonga.- Corona González Santos e Ramón González”: un matrimonio de mecenas”. Celia Castro.

(5)Segundo consta no certificado de matrimonio, do rexistro civil de Mos.

A referencia á súa voda, aparece reflectida tamén nos periódicos:

  • “El Áncora: Diario Católico de Pontevedra”, 26/09/1900, dá a noticia da súa voda con Ramón González Fernández.
  • “Gaceta de Galicia”. 27/08/1900.

(6)Esta capela das Angustias está situada no barrio Do Adro, en Mos; situada na estrada N550, na bifurcación para Vigo e Redondela, no camiño de Santiago, na entrada da finca familiar de Corona. É unha pequena capela de planta rectangular. Foi construída no ano 1511 e, aínda que as súas liñas arquitectónicas exteriores carecen de importancia, na súa parte interior chama a atención un pequeno arco central policromado en tricolor, moi deteriorado, e un precioso retablo románico no altar que foi retirado no ano 1913 ante a ameaza de derrubamento, e substituído por outro, de estilo gótico, doado pola que era Camareira Maior da Confradía, Corona González Santos.
Faro de Vigo 21/03/1953.

(7)A Exposición Universal de París celebrouse entre o 15 de abril e o 12 de novembro de 1900, coincidindo cos Xogos Olímpicos de París dese mesmo ano. Abarcou unha superficie de máis de 120 hectáreas, ocupando os Campos Elíseos, a Explanada dos Inválidos, o Trocadero e o Campo de Marte ao pé da Torre Eiffel. Nela participaron 58 países cos seus correspondentes pavillóns mostrando os últimos avances en sectores como a agricultura ou o transporte ferroviario, ademais de ser un punto de encontro para inventores e artistas que amosaban as súas últimas técnicas, como nos pavillóns dedicados aos avances da fotografía. Foi visitada por máis de 50 millóns de persoas.

(8)A marca Gaumont, era unha compañía produtora e distribuidora de películas francesa, fundada en 1895 polo inventor Léon-Ernest Gaumont (1864-1946), baixo o nome de L. Gaumont et compagnie, que comerciaba con aparatos fotográficos, entre eles diversos tipos de cámaras, como a cámara estereoscópica Gaumont para placas de vidro de 6×13 cm que obtivo o Gran Premio de París en 1900. En 1897 comezou a producir curtametraxes para promover o seu proxector de cámara.
O modelo da cámara de Corona, Block System, é en realidade un nome que se refire aos puntais curvados que sosteñen a placa frontal verticalmente. A cámara foi fabricada en Francia no ano 1900.

(9)Fonte familiar.

(10)“El Áncora: Diario Católico de Pontevedra”, Año IV, Nº 955, 12 de outubro de 1900.

(11)http://www.autopasion18.com/HISTORIA-HOTCHKISS.htm

(12)“Boletín Museo Castro de Viladonga.- Corona González Santos e Ramón González”: un matrimonio de mecenas”. Celia Castro, sobre Benito Prieto Ferrero: Segundo este artigo, Benito Prieto Ferrero natural de La Bañeza (León), estableceuse en Ribadeo e estaba casado con Nieves Coussent Centeno, coa que tiña 6 fillos, un deles o pintor Benito Prieto Coussent. Morreu no ano 1944 aos 72 anos de idade.

Aparece rexistrado no “Anuario Riera”, como fotógrafo activo nesta localidade dende os anos 1903 a 1908, inclusive; No “Anuario del Comercio Bailly-Bailliere” durante os anos 1914, 1921, 1926, 1929, e 1933; e no “Anuario do Norte” no ano 1932.

(13)As tres imaxes pódense ver, xunto con outras deste fotógrafo, no “Boletín Museo Castro de Viladonga.- Corona González Santos e Ramón González”: un matrimonio de mecenas”, onde Celia Castro analiza cada unha das mesmas.

(14)Información familiar.

(15)Datos sacados de:

  • Directorio de Fotógrafos en España (1851.1936). Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso (2013). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
  • Portal Clifford – Fotoconnexion.

(16)Unha liña ferroviaria de vía estreita que discorría polo val do río Eo e a ría de Ribadeo, transportando mineral e persoas das minas de ferro de Santiago de Villaoudriz.

(17)A amizade con este fotógrafo, pódese deducir, a partir dun retrato realizado por Pedro Cima dunha parente súa vestida de primeira comuñón, dedicado de puño e letra pola nena ao matrimonio González. Fotografía que a familia de Corona conserva.

(18)O Marqués de Mos, Antonio de Aguilar Correa y Sotomayor y de la Vega de Armijo (1824-1908) estaba casado con Zenobia Vinyals Bargés (1827-1891). Á súa morte, María Vinyals, sobriña, recibiría en herdanza o castelo de Soutomaior.

(19)Aurora Marco e Mª Ángela Comesaña (2017). “De María Vinyals a María Lluria – Escritora, feminista e activista social”. Museo de Pontevedra.

(20)José Ramon Fontán González, era afeccionado aos deportes náuticos, foi Presidente de Honra da Federación Galega de Vela, socio de Honra do Monte Real Club de iates de Baiona e Presidente da cruz Vermella entre 1974 e 1984. No ano 1963 foi nomeado alcalde da cidade de Vigo, posto no que durou apenas 15 meses dados os escasos apoios con que contaba no Ministerio da Gobernación, sendo substituído no cargo por Rafael Portanet.

(21)Na Wikipedia, pódese ler:

El Giralda, fue un yate, construido para el famoso político, estadista y deportista Hugh McCalmont en 1894. Poco antes del inicio de la guerra hispano-estadounidense fue adquirido por la Armada Española para ser utilizado como aviso, y tras la contienda, fue utilizado como yate real por el rey de España Alfonso XIII.

Vida Marítima. Blog de Vicente Luís Sanahuja Albiíñana: El Yate Giralda.

(22)A corbeta Nautilus foi un buque da Armada Española, que prestou servizos como buque escola coa clasificación de “corbeta”. Entre as súas celebracións para conmemorar o cuarto centenario do descubrimento de América, o Ministerio de Marina aprobou que dera a volta ao mundo, viaxe que comezou en Ferrol o 30 de novembro de 1892 e finalizou na mesma localidade o 11 de agosto de 1894. O buque foi substituído como buque escola polo Galatea e o Elcano, permanecendo algúns anos como aula a flote e dado de baixa e desguazado en 1933, na Graña, en Ferrol.

(23)Chamada Santa María. É de estilo neogótico segundo proxecto do arquitecto Manuel Felipe Quintana Ochayta (Madrid 1842-Vigo 1911). Comeza a construírse no ano 1907 e inaugurase en 1913. A obra estaba subvencionada polo Ministerio de Gracia e Xustiza, pero a forte contribución económica recíbese por parte de Ramón González e outros “indianos” afincados en América.

(24)Inaugurouse no ano 1925. Ao seu redor séguese celebrando o mercado da vila, de tradición medieval. “Atalaia”: No Registro General Ayuntamiento de Ribadeo 1897-1964 1925-1926:

“MERCADO. No cuenta esta Villa con Plaza de Abastos verificándose las transacciones en la vía publica…. pero muy pronto se inaugurará la magnífica Plaza Mercado cuya construcción inicia a sus expensas el hijo predilecto y constante benefactor de este pueblo el Excmo. Sr. D. Ramón González Fernández q.e.d., y continua en la actualidad su viuda y colaboradora en todos sus actos de altruismo la Excma. Sra. Doña Corona González Santos que en breve la entregará al Ayuntamiento”.

(25)Vida gallega: ilustración regional: Año VI Volumen IV Número 50 – 1914 xaneiro 10.

(26)“Canción de Cuna” é unha obra de teatro, cuxa autoría se atribúe a María Lejárraga. O argumento conta a historia dunha nena abandonada ás portas dun convento de monxas quen se encargaron de educala; cando cumpre 18 anos casa e emigra co seu marido a América.

(27)“Atalaia”: Rexistro Xeral Concello de Ribadeo 1897-1964.

(28)Proxecto Interdisciplinar IES “Pino Manso” O Porriño:

(29)Faro de Vigo, 13/12/1929.

(30)“Atalaia”: Casa Consistorial de Ribadeo, 21 de enero de 1927, El Secretario de la Junta:

El Sr. Alcalde por decreto de esta fecha acordo convocar a sesión extraordinaria al Pleno la Junta Municipal de Sanidad, para el salón de sesiones de esta Casa Consistorial y hoy diecisiete del próximo lues, 24 del actual, con objeto de que emita informe acerca de la petición que la Comisión Permanente propone elevar al Excmo. Sr. Ministro de la nación en suplica de que se digne conceder la necesario autorización para poder inhumar en la Capilla de la Venerable Orden Tercera, que se proyecta construir en esta Villa, el cadaver del filántropo ribadense Excmo. Sr. Don Ramón González Fernandez, y en su día el de su esposa Excma. Doña Corona González Santos y su hermana doña Dominica González Fernández.

(31)El Pueblo Gallego 05/09/1929:

De sociedad.- Regresaron de su excursión a las Américas del Norte y Sur, en el Massilia, la excelentísima señora doña Corona González Santos viuda de González y sus hermanos los esposos González Fornos.
Estos pasarán una breve temporada en la finca Villadoadro.

(32)Wikipedia: O buque Massilia cubría a ruta regular Burdeos-Buenos Aires ata o estalido da II Guerra Mundial en setembro de 1939, data na que realiza esta travesía levando a bordo 384 persoas de diversas nacionalidades, a maioría refuxiados que fuxían da guerra en Europa e máis da metade republicanos españois que foran forzados a exiliarse en Francia tras a caída do goberno republicano, entre os que destacaba un nutrido grupo de intelectuais, de diversas profesións e oficios. Por iso, foi considerado o barco dos intelectuais republicanos españois.

(33)Faro de Vigo 05/07/1936:

La Ramallosa, Veraneantes:
Entre las muchas y distinguidas familias que se hallan en esta localidad disfrutando la temporada veraniega, tenemos el grato honor de contar a la caritativa y virtuosa dama Excma. Sra. Doña Corona González Santos y a su bondadosa hermana Srta. Elodia. Deseamos a tan apreciada familia la más grata estancia.

(34)El Pueblo Gallego. 07/04/1937: Listado da quenda de enfermeiras auxiliares da Cruz Vermella.

Faro de Vigo. 07/04/1937.

(35)Certificado de Defunción. Rexistro Civil de Vigo.

(36)Proxectos de vida evanxélica segrar inspirados dentro da familia relixiosa dos franciscanos.

(37)Placas con emulsión ao xelatinobromuro de prata, coñecidas como placas secas, perfeccionadas a mediados da década de 1880 por Richard Leach Maddox, propostas por el no ano 1871, que permitían tempos de exposición moi curtos (instantáneas); e, o seu procesado, unha vez impresionadas as placas, podía pospoñerse; a xelatina empregada como aglutinante nestas emulsións permitía a preparación e sensibilización da placa en fábrica; unha vantaxe que permitiu a incorporación á fotografía de moitas persoas afeccionadas, como no caso de Corona. Para os positivos, aparecen comercializados tamén uns novos papeis listos para o seu uso, xa emulsionados e sensibilizados. En calquera caso, o sistema de positivado continúa sendo o mesmo que o empregado para as albuminas.

(38)Édouard Pinaud (1810-1868), foi un empresario francés que fundou a empresa de perfumería e cosméticos Pinaud en 1830 en París. Ed. Pinaud foi clasificada entre as cinco marcas máis importantes do mundo, xunto con Guerlain, Coty, Chanel e Christian Dior no século XX.

(39)A igrexa data do último terzo do século XVIII. É obra do enxeñeiro Julián Sánchez Bort, quen ultimou o proxecto baseándose nos planos da igrexa de san Andrés Avelino de Roma. Por bula de S. S. Juan XVIII de 9 de marzo de 1959, esta igrexa parroquial acadou a categoría de concatedral da diocese Mindoniense-Ferrolense.

(40)Investigados diferentes periódicos, dimos cunha noticia onde ambos barcos coinciden na dársena do Arsenal de Ferrol; o iate Giralda para reparacións e o Nautilus fondeado antes de marchar de viaxe:

1903-10-14-NAUTILUS E GIRALDA EN FERROL

FONTES

Agradecementos:

Ao Museo de Pontevedra
Aos familiares de Corona González Santos.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest