SABINA MUCHART COLLBONI (1858-1929)

inicio artigoUnha fotógrafa pioneira, de orixe catalá, pero establecida en Málaga, considerada como unha das primeiras mulleres en exercer o periodismo gráfico e posiblemente a primeira muller reporteira de guerra.

VIDA

Grazas as investigacións realizadas nos diferentes rexistros eclesiásticos e municipais, polo Fotohistoriador e coleccionista Juan Antonio Fernández Rivero(1) e recentemente actualizadas pola Dra. Mª de los Santos García Felguera(2) , podemos coñecer datos máis concretos sobre esta fotógrafa.

O seu nome completo é Sabina Gerónima Manuela Muchart Collboni, nacida o 20 de novembro de 1858 na localidade de Olot, provincia de Girona, en Cataluña, no seo dunha familia humilde. A súa nai chamábase Jerónima Collboni Roca e o seu pai, Juan Muchart Plana, era albanel de profesión, fillo dun emigrante francés da zona de Dax, no suroeste de Francia, cerca da fronteira española, de aí a singularidade do seu apelido. Formaba parte dunha familia numerosa, pois doce foron os fillos do matrimonio dos que sobreviviron dez, onde Sabina era a maior das irmáns.

Cando Sabina Muchart contaba con 12 anos, sobre o ano 1871, tres dos seus irmáns, Manuel de 24 anos, Esteban de 22 e Luís de 14 marcharon emigrados a Málaga, onde se estableceron, ocupándose do comercio de tecidos, unha actividade á que se dedicaron moitas das familias catalás que emigraron a outras poboacións, a raíz do incremento da produción de tecidos en Cataluña. Sabina seguiría os seus pasos, a súa chegada a esta cidade quedaría rexistrada cando tiña 17 anos, vivindo na mesma casa que os seus irmáns na rúa Granada nº 56, aínda que os datos do padrón indican que levaba residindo na localidade dende había catro anos, data que a sitúa en Málaga dende o ano 1972-73.

A rúa Granada, situada no centro histórico, era unha das máis importantes da cidade, nela concentrábanse as vivendas de parte da burguesía malagueña. Aquí foi onde os irmáns Muchart comezaron, nun principio, a desenvolver o seu negocio téxtil. Entrando nesta rúa, está o pazo dos Gálvez, familia orixinaria de Macharaviaya, un pobo de Málaga, cuxos membros foron ministros e vicerreis na época de Carlos III; e nela tamén residía a escritora Josefa Ugarte Barrientos (1854-1891), condesa de Parcent.

Tempo máis tarde, os irmáns trasladarían o seu negocio a outro edificio situado no ángulo entre as rúas Don Luis de Velazquez nº 1 e Santa Lucía nº 6, moi preto da súa residencia anterior. Na Guía General de Andalucía, Valencia y Extremadura é indicador de España para 1881, aparecían cun anuncio coñecido polo nome comercial de “Las Novedades Muchart Hermanos”, “Establecimiento de tejidos del reino y extrangeros”; un negocio moi próspero, que permaneceu aberto na cidade durante unha década, aproximadamente, que lles permitía contratar a dependentes e serventas, vivindo os catro irmáns con certo desafogo.

1881-GUIA GENERAL DE ANDALUCIA VALENCIA Y EXTREMADURA E INDICADOR DE ESPANA - 2

Guía General de Andalucía, Valencia y Extremadura é indicador de España para 1881 – de Muñoz Cerissola. Anuncio.

No ano en que se publicaba este anuncio, 1881, non aparecían ningún dos irmáns rexistrados como fotógrafos na Guía General de Andalucía, que recollía no apartado de “Fotografías” a estes profesionais(3) . Pero tras o peche do comercio debido á marcha dos seus irmáns, Sabina ou “Jerónima”(4) , primeiro e segundo nome que utilizaba cando asinaba as súas fotografías, abriu, xunto co seu irmán máis pequeno, Francisco, nove anos menos que ela, un estudio fotográfico na Praza da Constitución número 6, no terceiro piso, onde fixarían tamén a súa residencia. Carecemos de datos sobre Francisco, sabemos que morreu de tuberculose quince anos máis tarde, pero o seu nome non aparece rexistrado como fotógrafo nos anuarios, agás da única excepción no ano 1906, que se recolle na Guía de Guzmán y Supervielle(5) como Muchart, Francisco.

Descoñécese como foi a formación en fotografía de Sabina Muchart e cal era o papel dentro da firma do seu irmá Francisco, o que si parece estar claro tanto no rótulo externo como nos anuncios publicitarios dos anuarios, é que era Sabina quen figuraba como titular do estudio, un gabinete que estaba moi recoñecido na época e polo que pasaba a retratarse xente moi importante da sociedade malagueña.

Juan Antonio Fernández Rivero comenta nos estudos realizados sobre a fotógrafa o seguinte:

Sin embargo, algo ocurre posteriormente, quizás enfermedad o muerte de Francisco, que convierte a Sabina en uno de los fotógrafos más misteriosos del siglo XIX español. Y ello es así no sólo porque hasta ahora había pasado por un hombre ante los historiadores que de una u otra forma se han ocupado de los fotógrafos malagueños sino porque además se trata de uno de los fotógrafos más importantes de la historia malagueña de la fotografía, de manera que no creo exagerar si reivindico su nombre como una de las fotógrafas más destacadas de la España del XIX, quizás la más importante.

Quizais o comentario que realiza sobre que Sabina fora un dos fotógrafos máis misteriosos do século XIX e que a confundiran cun home, é debido a que asinaba co seu apelido, Muchart, as veces precedido de dúas abreviaturas, a (J) de Jerónima(6) o seu segundo nome, que utilizou nalgunha das súas reportaxes fotográficas, e a (S) de Sabina, cuestión esta bastante habitual nas fotógrafas do século XIX para non ser identificadas como mulleres. A reivindicación que realiza J. A. Fernández Rivero sobre que quizais fora a fotógrafa máis importante do século XIX, é compartida tamén por Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchís Alonso en O Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936), que confirma na páxina 124, que Sabina Muchar, xunto co fotógrafo Manuel Rey, foron os máis importantes de Málaga dende a década dos oitenta ata os anos trinta do século XX.

O seu traballo como fotógrafa non se quedou pechado no interior do gabinete, realizando retratos en Tarxetas de Visita e outros formatos, senón que saíu a rúa para realizar diferentes tomas de paisaxes estereoscópicas e postais de panoramas da cidade, un detalle que fai pensar que o gabinete fotográfico era grande e contaba con máis empregados que atendían á clientela. Existen varias mostras do seu traballo no exterior, a través de diferentes tarxetas postais que publicaban ou reproducían outras casas e as revistas. A revista La Ilustración – Revista Hispano-Americana, no número 467 do 13 de outubro de 1889, publica unha das súas reportaxes fotográficas sobre Málaga, asinada como J. Muchart (Jerónima, o seu segundo nome): Na primeira, segunda e terceira imaxe pódense ver diferentes vistas do peirao, segundo o comentario da propia revista, nun día onde non había embarco de emigrantes ás repúblicas americanas en busca de fortuna, de aí que apenas se vexa movemento na fotografía, un peirao de construción moi antiga que desaparecería unha vez concluídas as obras do novo; na cuarta imaxe, vese a rúa de Molina-Lario modelo das construcións modernas nesa época en Malaga; na quinta, vista da Praza da Constitución coa súa fermosa fonte de Génova, fotografada antes da apertura da rúa do Marqués de Larios, exemplo da arquitectura moderna, unha praza onde Sabina Muchar tiña instalada a súa residencia e estudio; na sexta imaxe, fotografa El Guadalmedina, onde se ve a canle do río, posteriormente desviado, que case nunca leva auga; e, por último a imaxe da Alameda desde a ponte de Tetuán, lugar de paseo con longas fileiras de corpulentas árbores que dan sombra.

O 19 de abril de 1891, La Ilustración Española y Americana, no número 546, publica catro fotografías realizadas por Sabina Muchar de catro cadros do pintor malagueño A. de la Torre, titulados Arribada forzosa, Preparativos de pesca, La caída de la tarde e Paisaje.

Segundo amosa o Anuario Bailly-Bailliere(7) , Sabina Muchart estivo rexistrada como fotógrafa activa na Praza da Constitución nº 16, de Málaga, dende 1887 ata 1911, ano no que este Anuario se funde co Anuario catalán Riera(8) e pasa a chamarse Anuario General de España, onde continuará aparecendo rexistrada como fotógrafa dende o1912 a 1935. Tamén aparece inscrita no apartado de “Fotografía” do Anuario Riera dende 1901 a 1908; no Anuario de Andalucía(9) no ano 1932 e na Guía Comercial de Málaga no ano 1894. Carecemos de información sobre cales son as causas polas que seguiu figurando rexistrada nos anuarios e guías a partir do mes de marzo de 1929, data da súa morte.

Anuario Bailly Baillieri - ano 1887

Anuario Bailly Baillieri – ano 1887

Anuario Riera - ano 1901

Anuario Riera – ano 1901

A finais do ano 1893, Sabina Muchart emprendeu a súa segunda gran viaxe, algo maior de idade que na primeira, pois nesta tiña 35 anos. Cargada co seu pesado equipo fotográfico e botándolle moito valor para ser muller nesa época, desprázase a Marrocos en barco. Posiblemente saíra desde o peirao malagueño, dende onde se establecían as comunicacións coas prazas de África, tanto dende o punto de vista comercial como militar naquela época. Desembarcou en Melilla, onde estaba o Protectorado español de Marrocos, inmerso por aquel entón na chamada Guerra del Rif(10) . Nese ambiente bélico, realizou as súas primeiras fotografías como profesional de guerra, inmortalizando a un grupo de soldados fronte a entrada do Fuerte de Rostrogordo, construído había apenas tres anos para defender Melilla dos ataques das cabilas rifeñas(11) e ao grupo de Xefes de ambulancia enviado pola Cruz Vermella. Sabina Muchart, unha vez alí, debeu facer múltiples fotos relacionadas con esta guerra, posiblemente moitas a soldados que logo enviaban aos seus familiares, pero como a tantas outras fotógrafas que a historia da fotografía invisibilizou, os investigadores non foron quen de recoñecerlle esta faceta, a de ser unha das primeiras reporteiras de guerra, como si foron capaces de identificar a de outros fotógrafos, como Enrique Facio, tamén malagueño, que xa tomaba imaxes das campañas contra os rifeños africanos no ano 1859 ou José Luis Demaría López Campúa fotógrafo xerezano, en 1909, no conflito bélico con Marrocos que pasou a historia como a guerra do Rif(12) ; polo contrario, a fotógrafa saíu a luz como reporteira de guerra, grazas a que as citadas imaxes foron publicadas o 11 de decembro de 1893 en La Ilustración Artística, revista editada en Barcelona, onde aparecen: a primeira copiada como gravado para poder reproducila, e a segunda en fotografía; e, mercé tamén, ao fotógrafo e periodista cordobés Antonio Jesús González Pérez(13) quen recoñeceu a sinatura de “S. Muchart”, como a pertencente á fotógrafa malagueña, e que nun artigo para a revista OjosRojos, onde facía unha introdución do seu libro Fotógrafo de guerra – La fotografía de guerra en España 1859-1939, comentaría o seguinte:

Parece claro que Sabina fue una activa profesional de la fotografía durante casi 40 años en Málaga, pero por desgracia no existen más fotografías ni más información sobre el reportaje norteafricano. A falta de más datos y dando credibilidad al pie de la fotografía, se puede barajar la hipótesis que Sabina Muchart fue la autora, por lo que podríamos estar no sólo ante la primera fotoperiodista española, sino también ante la primera fotógrafa del mundo presente en una guerra. Una figura que se anticipa en más de 40 años a las consideradas hasta ahora como primeras fotógrafas de conflictos que se iniciarán en esta especialidad durante la Guerra Civil española de 1936.

Pola contra, o fotohistoriador e coleccionista Juan Antonio Fernández Rivero, quen realizou un intenso traballo de investigación dende 1990, revisando padróns municipais para saber quen dirixía ese estudio fotográfico, cuxa información reflicte no libro que publicou no ano 1994 sobre a fotografía malagueña, mostra cautela ante esta afirmación. Nunha entrevista realizada por Ana Pérez-Bryan para Diario Sur o 19 de marzo de 2017, dicía: “Las cosas hay que situarlas en su contexto. Salvo esa única foto, no existe ni una sola prueba más de la presencia de S. Muchart en ese frente”; argumentando que quizais alguén se desprazara ata a zona en guerra e logo fora a propia casa de fotografía a que enviara os documentos ao periódico La Ilustración Artística coa súa sinatura.

Non sería a única muller en realizar unha reportaxe das Guerras de África, anos máis tarde, o periódico El Heraldo de Madrid, enviaría como correspondente de guerra a Carmen de Burgos, que as veces utilizaba o sobrenome de “Colombine”, para que dende alí informase da contenda. A crónica quedou reflectida nun artigo publicado polo periódico con data 10 de setembro de 1909. Esta periodista sería considerada como a primeira correspondente de guerra en España.

1893-12-11-La Ilustracion Artistica - gravado de foto remitida por S Muchart de Malaga - Soldados espanoles no Fuerte de Rostrogordo

“La guerra de África.- Fuerte de Rostrogordo (copia de una fotografía remitida por S. Muchart, de Málaga)”. La Ilustración Artística (11/12/1893)

Na primeira das imaxes vemos aos soldados co Fuerte de Rostrogordo como fondo. Segundo a Ilustración Artística, a situación do forte era de gran valor estratéxico, pero, debido a que estaba situado moi lonxe da praza, estaba exposto e a situación podía chegar a ser nalgúns casos verdadeiramente comprometida, como sucedeu nos últimos días de outubro e primeiros de novembro dese ano 1893, nos que houbo que librar serios combates para poder aprovisionalo(14) .

Na segunda fotografía vese a un grupo composto polo alto persoal de ambulancia enviado a Melilla pola Cruz Vermella de Madrid. Nela aparece o Reverendo Mariano Antonino Herrero, o Marqués da Casa Pacheco (vicepresidente da Asamblea Suprema de la Cruz Roja), Juan Cortellini (tesoreiro), Ramón García Rodrigo Nocedal e os doutores Ricardo Moraga Ucelar, Victor Gutierrez Romillo e Manuel Rodríguez(15) .

1893-12-11-LA ILUSTRACION ARTISTICA - ANO XII - N 624

Xefes de ambulancia enviada a Melilla pola Cruz Vermella de Madrid para o rescate de víctimas.

No ano 1900, o 15 de decembro, Sabina Muchart realizaría unha reportaxe fotográfica na que deixa testemuña do afundimento da fragata alemá “Gneisenau”, un tráxico naufraxio dun barco de vela de tres mastros, abatido por un forte temporal no porto de Málaga, onde morreron atrapadas corenta e unha persoas, entre elas doce malagueños que acudiran a prestar axuda; unha información gráfica que causa gran impacto visual, onde se ven os tres mastros afundíndose abatidos polas olas e o vento.

Sabina Muchar, Naufraxio do Gneisenau, tarxeta postal editada por R Alvarez Morales, coleccion particular

Anos máis tarde, o 28 de abril 1904 a revista especializada en vistas monumentais de cidades Alrededor do Mundo(16) , editada en Madrid, publicaba outra serie de fotografías de Málaga capital. A reportaxe fotográfica titulada Impresiones de Málaga, estaba ilustrada con sete gravados, tres deles (La Alameda, o Gudalmedina e o vendedor de peixe) eran reproducións de tarxetas postais de R. Álvarez Morales, de Málaga, feitas con fotografías de Sabina Muchart.

No ano 1906 a revista editada en Barcelona La Fiesta Nacional(17) , dedicada á tauromaquia, publicou o 24 de novembro, outra reportaxe de Sabina Muchart realizada na praza de touros de Málaga dous meses antes, o 23 de setembro, onde toureaba o pai de Manolete, coñecido polo mesmo nome, acompañado no cartel de Serranito. Nas imaxes chamaba a atención a proximidade con que foron captadas as escenas taurinas.

1904-09-23-FOTO MANOLETE no seu primeiro

Manolete no seu primeiro toro

Lee Fontanella(18) indica que Málaga era unha das cidades andaluzas de maior actividade fotográfica no século XIX, despois de Sevilla, e nomea toda unha lista de dezasete nomes de fotógrafos establecidos nese século, incluída Madame Lorinchon, pero entre eles, escápaselle o nome de S. Muchart. Hoxe dispoñemos de máis datos e, segundo o Directorio de Fotógrafos en España (1851-19369), podemos dicir que, aproximadamente, durante o século XIX, houbo en Málaga establecidos uns corenta e un fotógrafos, mentres que a cifra se incrementa ata sesenta e seis dende principios do século XX ata o ano 1929, morte de Sabina Muchar. Resaltar nesta localidade dous feitos importantes na historia da fotografía. O primeiro, segundo constata o fotohistoriador Fernández Rivero, débese á aparición da Tarxeta de Visita(19) , en marzo de 1861, poucos meses máis tarde que en Madrid, tarxetas que se vendían como reproducións fotográficas de artistas famosas, actores, políticos, cantantes, etc., na librería “La Puntualidad” para álbums; o segundo en 1883, cando Joaquín de Oses Cruz, solicitou á patente de invención dun procedemento químico para facer retratos de fotografías pola noite ou con escasa luz, invento que lle valeu ser nomeado socio de mérito da Academia de Ciencias Físicas y Naturales de Málaga.

Polos escasos datos que aínda temos, sabemos que Sabina Muchart non sería a única pioneira fotógrafa que exercería en Málaga no século XIX e principios do XX. Antes que ela, exerceran na cidade Luisa Dovare(20) con estudio na rúa Casapalma nº 10, activa como fotógrafa no ano 1866; a Viuda de Spreafico(21) , fotógrafa activa no pasaxe de Larios no ano 1878; e, Joaquina Mayor Baro(22) , viúva de Eugenio Lorichon, quen continuou, á morte do seu esposo, co establecemento fotográfico que tiñan aberto na rúa Calderería nº 6 ata finais do ano 1864. Asemade, Matilde Rey(23) , tamén fotógrafa e irmá do fotógrafo Manuel Rey, considerado un dos fotógrafos máis importantes de Málaga xunto a Sabina Muchart, dirixía na década dos 80, coincidindo no tempo con Sabina, un dos tres gabinetes fotográficos que o seu irmán tiña abertos na cidade (r/Comedias, r/Compañía e praza da Constitución), para máis coincidencia o da Praza da Constitución. Sumar a estes nomes femininos, outro máis, a filla de J. Ayola, que se anunciaba nos anuarios entre 1905 e 1917 como J. Ayola e hija(24) na rúa Granada nº 50 esquina rúa Sánchez Pastor.

Praza da Constitucion - 2 -Tarxeta postal de Thomas - Detalle

Praza da Constitución de Málaga. Detalle dunha tarxeta postal de Thomas. Estudio de “Fotografía S. Muchart”.

O estudio fotográfico de Sabina Muchart permaneceu aberto durante máis de tres décadas na fermosa e céntrica praza onde se instalou, alí as grandes letras que anunciaban FOTOGRAFÍA S. MUCHART atravesaban baixo as ventás da ampla galería do terceiro andar, toda a fachada do fermoso edificio de arquitectura neorenacentista, como se pode ver na fotografía da esquerda. Sabina Muchart Foise sen que se coñeza ningunha mención ou referencia escrita dela ou da súa obra na prensa malagueña da época, pese a que media cidade pasou por diante da súa cámara durante varias xeracións(25) .

Sabina Muchart, consta como fotógrafa no padrón municipal de Málaga do ano 1925, catro anos antes de que se producira a súa morte na residencia da Praza da Constitución, o 21 de marzo de 1929, solteira e sen descendentes, cando contaba setenta anos. O seu corpo foi soterrado no cemiterio de San Miguel.






ALGUNHAS FOTOS:

NOTAS A FINAL DE DOCUMENTO:

(1)Libro publicado en 1994. La Fotografía en Málaga en el siglo XIX.

(2)Artigo de M. de los Santos García Felguera. De Olot a Málaga. La Fotográfa Sabina Muchart Collboni. Universidad Complutense de Madrid.

(3)Guía General de Andalucía, Valencia y Extrtemadura é indicador de España para 1881 – de Muñoz Cerissola. Apartado “Fotografías” en Málaga capital:

1881-GUIA GENERAL DE ANDALUCIA VALENCIA Y EXTREMADURA E INDICADOR DE ESPANA

(4)O nome de Gerónima ou Jerónima, era bastante habitual escribilo con “G” ou “J”, naquela época, de feito o nome da nai tamén aparecía escrito con “J” no asento da Defunción de Sabina, no Libro de Defuncións.

(5)M. de los Santos García Felguera. De Olot a Málaga. La fotógrafa Sabina Muchart Collboni. Universidad Complutense de Madrid.

(6)Como se comentou antes, o nome de Gerónima, escribíase indistintamente con “G” ou con “J” .

(7)Anuario del Comercio de la Industria de la Magistratura y de la Administración ó Directorio de las 400.000 señas DE ESPAÑA Ultramar, Estados Hispano-Aericanos y Portugal con Anuncios y referencias al Comercio é Industria Nacional y Extranjera (BAILLY-BAILLIERE).

(8)Anuario-Riera Guía General de Cataluña – Comercio, Industria, Profesiones, Artes y Oficios – Propiedad Urbana, Rustica y Pecuaria, Datos Estadisticos, Geograficos y descriptivos y Sección de Propaganda – Eduardo Riera Solanich.

(9)Anuario Regional descriptivo, informativo y seleccionado de la Industria, Comercio, Agricultura, Profesiones, Arte y Tursimo del Norte de España. Comprende las provincias de Galicia, Asturias, Santander y Vascongadas, Madrid, Anuarios Regionales de España, 1ª edición, 1932.

(10)Primeira Guerra do Rif ou “Guerra de Margallo”, campaña das guerras de España e Marrocos que tivo lugar entre 1893 e 1894 contra as tribus ou cabilas que rodeaban Melilla.

(11)Dende que en 1890 comezara a crise de Melilla, había constantes choques entre as tropas españolas estacionadas en Melilla e as cabilas rifeñas (tribus árabes e bereberes do norte de África que forman unidades homoxéneas e independentes política e socialmente que ocupan unha zona determinada), ata culminar no ataque a cidade durante os días 27 e 28 de outubro de 1893, no que morreu o gobernador militar da praza, o xeneral Margallo.

(12)Tamén chamada a Segunda Guerra de Marrocos ou simplemente Guerra de África. Enfrontamento orixinado pola sublevación das tribus do Rif contra as autoridades coloniais española e francesa.

(13)Autor do libro: Fotógrafo de guerra. Fotografía de guerra en España, 1859-1939. Deputación de Córdoba.

(14)La Ilustración Artística (11/12/1893).

(15)La Ilustración Artística (11/12/1893).

(16)Alrededor del mundo. Redacción y Administración Praza do Progreso nº 1, Madrid. Nº 256. 28/04/1904: Reportaxe titulado Impresiones de Málaga

(17)Semanario taurino ilustrado editado en Barcelona dende o dous de abril de 1904 publicado os sábados.

(18)La historia de la Fotografía en España desde sus orígenes hata 1900. Ediciones El Viso, S.A. 1981.

(19)Chamada así en España, foi un dos primeiros formatos fotográficos para retratos de estudio, que se poría de moda en todo o mundo, utilizado como tarxeta de visita polo seu pequeno tamaño, de aí o seu nome. Foi patentado en París polo fotógrafo Disdéri en 1854, co nome de “carte de visite portrait photographe”.

(20)Mª José Rodríguez Molina e José Ramón sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia. Páx. 124.

(21)Mª José Rodríguez Molina e José Ramón sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia. Páx. 124.

(22)Colección Fernandez Rivero de fotografia histórica: Tras los pasos de Lorichon por Teresa García Ballesteros e Juan A. Fernández Rivero.

(23)Mª José Rodríguez Molina e José Ramón sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia. Páx. 124.

(24)Mª José Rodríguez Molina e José Ramón sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia. Páx. 124.

(25)Artigo publicado en Crónica (El Mundo), de Eduardo del Campo con data 30 de xuño de 2016.

FONTES
Ademais das que figuran en notas ao final de documento, consultáronse as seguintes:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest