WILHELMINA LAGERHOLM (1826-1917)

portada artigo

Unha fotógrafa sueca que exerceu a fotografía durante cerca de dez anos, abrindo o primeiro estudio estable da súa cidade, aínda que destacou máis como pintora.

VIDA

Wilhelmina Catharina Lagerholm Ekman, naceu no seo dunha familia acomodada o 25 de marzo de 1826, en Örebro, capital da mesma provincia, unha cidade situada na rexión de Nárke, en Suecia. Filla de Nils Fredrik Wilhelm Lagerholm, agrimensor de profesión, e de Anna Elisabeth Ekman, era a cuarta de oito irmáns.

A igual que todas as mulleres nacidas nesta época, os seus dereitos como muller estaban limitados polo patriarcado. As mulleres non se consideraban libres, estaban custodiadas polo seu pai e, se casaban, pasaban a estar baixo a custodia do marido, o que lles impedía ter poder de decisión sobre as súas finanzas ou montar o seu propio negocio.

A educación que recibiu foi bastante típica para unha nena de cidade, é dicir, aprendeu a manexarse para levar e traballar nun fogar, pero tamén a ler libros e escribir ben. Ademais entre as clases sociais economicamente máis altas, considerábase bo que as nenas puideran aprender algo de música, debuxar ou falar francés, para o que Wilhelmina tamén recibiu instrución, resultando ser unha alumna excelente en debuxo, materia que ela quixo seguir estudando.

Unha amiga da familia, Hedda Dahlgren, esposa dun alto funcionario, que traballaba na tradución de textos alemáns modernos sobre educación e educación infantil en sueco, influenciaron nos pais de Wilhelmina para que a deixaran ir estudar a Estocolmo, onde había unha escola de arte para nenas dirixida polo profesor Ringdahl. Os pais, aínda que non estaban moi convencidos de que fora un bo futuro para unha muller, deixaron que marchara.

Era a primavera de 1850 cando Wilhelmina Lagerholm, con 24 anos de idade, deixou aos seus pais en Örebro para marchar a Estocolmo. Nun artigo publicado na revista IDUN – Illustrerad Tidning För Kwinnan och Hemmet, con data 18 de outubro de 1902, lembrando esa época, dicía:

Lembro moi ben a primeira vez que o señor RingDahl me presentou como estudante ao resto das miñas compañeiras, a sorpresa que levei cando observei a elegancia dos traxes que levaban. Sentinme ridícula e torpe co meu vestido caseiro, pero ao mesmo tempo pensei que o meu traballo sería o que atraería a atención.
Esta confianza pronto quedou reforzada cando o señor RingDahl me preguntou como me chamaba e ensinou algunhas probas da miña habilidade coa pintura, ensinándolles os meus cadernos de bocetos ás compañeiras.

Neses anos, as mulleres non podían acceder á universidade; o acceso estivo vedado ás mulleres ata o último terzo do século XIX, polo que Wilhelmina non podían ingresar na Escola Superior de Artes, a Academia Konstak de Estocolmo; pero, logo de permanecer durante un par de anos nesta capital, coa axuda dos contactos adecuados Wilhelmina foi aceptada como unha estudante “extraordinaria”, o que significaba que recibiría clases un par de veces á semana xunto con outras mozas, iso si, todas elas tiñan que situarse tras un biombo para non ser vistas polos estudantes varóns.

Os atrancos anteriores non foron impedimento para que Wilhelmina Lagerholm entrara nunha esfera onde a súa habilidade tivo a oportunidade de desenvolverse, sendo recoñecidos a súa enerxía e pracer polo traballo. Algo que colaborou para que se fixaran nela como unha talentosa e prometedora pintora, e así no inverno de 1856, a Academia outorgoulle unha beca por importe de 500 coroas suecas para estudantes elixidos, no estranxeiro.

Os seus pais, que ata ese momento non se preocuparan polo futuro da súa filla como pintora, vendo que outras persoas con moita máis experiencia que eles crían no seu compromiso, deixaron de contradicila, rematando por darlle máis liberdade e acceder aos seus desexos. Coa suma concedida pola beca non podía chegar moi lonxe, pero o seu pai axudouna no seu viaxe a París acompañándoa no vapor Gauthiod ata Lübeck, mentres toda a familia a despedía coa man desde Skeppsbron (en sueco, “Ponte do Barco”), paseo marítimo de Etocolmo.

A estancia en Paris de Wilhelmina Lagerholm, durou tres anos, entre 1856 e 1858, parte dos mesmos traballando no estudio de Jean Baptiste Ange Tissier, pintor francés de estilo romántico; e onde contaba entre outros camaradas con pintores suecos tan destacados como Uno Troili, pintor retratista e Ferdinand Fagerlin, pintor de xénero sueco-alemán, ambos de recoñecido prestixio, que influíron na súa carreira, en particular Troili.

Rematados os estudos, iniciouse coa pintura, traballando o retrato, no que chegou a ser unha figura destacada.

Chegado o ano 1862 Wilhelmina atópase cun problema moi común a todas as mulleres, non só desa época, senón tamén deste século XXI. Vese na disxuntiva de elixir entre continuar coa súa carreira de pintora ou realizar un descanso para facerse cargo dos seus anciáns pais que necesitaban coidados. Elixiu o que ela consideraba máis correcto, sendo a única filla que estaba solteira, e volveu para a súa casa en Örebro a coidar deles. A decisión non foi fácil, en Örebro non podía pintar, desesperada pensou que a súa liberdade rematara, pero repúxose, e a idea de poder seguir creando e ser independente para poder cumprir o seu sono, fixo que tomara de novo impulso para continuar e abrir, neste caso, un gabinete fotográfico na casa dos seus pais. Este estudio foi o primeiro gabinete fotográfico permanente que se abriu na cidade, era a época na que a “Tarxeta de Visita” fora patentada en París polo fotógrafo Disdèri había poucos anos, en 1854, e tal novidade irrompera no mundo fotográfico con tanta forza que moitas das persoas dedicadas a realizar retratos ao óleo, vendo como o seu traballo descendía, víronse obrigadas a compaxinar a pintura coa fotografía ou, a utilizar definitivamente esta nova tecnoloxía, máis demandada polo público porque resultaban moito máis baratas que un retrato ao óleo.

Wilhelmina Lagerholm, traballou como fotógrafa durante case dez anos, entre 1862 e 1871; compatibilizando con viaxes a Düsseldorf, París e Copenhague para estudar fotografía. É lembrada como unha das primeiras profesionais femeninas da fotografía en Suecia, xunto con Emma Schenson en Uppsala, Hilda Sjölin en Malmö e Rosalie Sjöman en Estocolmo.

En 1871 morto o pai decide deixar a fotografía e volver a coller os pinceis. Pechou e vendeu o gabinete fotográfico e Marchou a Estocolmo, coa intención de alugar un taller no que puidera establecerse como pintora. Atopou o que buscaba en MästerSamuelsgatan 39, 4 tr., estudio que contratou por un período de seis anos pero que acabou prorrogándoo por case que trinta e un anos máis. O taller acadou certa notoriedade, coñecido como o “taller de Miss Lagerholm”, serviu de escola de debuxo e pintura a numerosos grupos de estudantes.

Como pintora, destacou nos retratos e na pintura de xénero, sendo este último un tipo de obra artística xerada polo Romanticismo, movemento cultural que se desenvolveu no século XIX, no que se representaban escenas cotiás en interiores ou exteriores; quizais influenciada por Ferdinand Fagerlin, pintor nomeado anteriormente. Unha das obras máis famosa é a titulada “Unha vella historia”, pintada en 1876, e na actualidade, adornando as coleccións estatais do Museo Nacional de Estocolmo. Este mesmo ano sería admitida como membro da Real Academia Sueca das Artes.

Morreu en Estocolmo o 19 de xuño de 1917, sendo soterrada no cemiterio de Nikolai na súa cidade natal, Örebro.

ALGUNHAS IMAXES FOTOGRÁFICAS

FONTES

Webs:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest