DOLORES GIL DE PARDO (? – 1883)

portada artigo

Unha pequena mención a esta pioneira aragonesa da fotografía profesional, que exerceu como retratista en diferentes cidades de Aragón e Cataluña.

VIDA:

Dolores Gil de Pardo exerceu a fotografía profesional durante aproximadamente 34 anos, entre 1860 e 1894.

Aragonesa, natural de Almonacid de la Sierra, municipio pertencente á comarca de Valdejalón, na provincia de Zaragoza.

Casou co tamén fotógrafo Bernardino Pardo Cerdá, natural de Tarragona. Xuntos tiveron catro fillos, chamados David, Enrique, Antonia e Manuel; nados todos en Zaragoza, agás o segundo, Enrique, nacido en Olot, Girona.

É unha das poucas mulleres casadas cun fotógrafo, que rexentaba os seus propios gabinetes fotográficos e que figuraba co seu nome completo no reverso das fotografías, cando nesa época, o habitual era que ocultaran o seu nome, someténdose á marca comercial do marido, ou aparecendo coa postila “Y Señora”, como foi o caso en Galicia, por exemplo, de Cándida Otero.

Xa en 1867, aparecía rexistrada como fotógrafa na localidade de Olot capital da comarca da Garrotxa, situada no nordeste de Cataluña entre o Alto Ampurdán e o Ripolles, provincia de Girona, onde permaneceu ata case finalizada a década dos setenta. Desta época hai algunhas imaxes en formato de Carta de Visita, nas que se poden ver nos reversos dos cartóns unha gran litografía que leva escrito en maiúsculas o texto seguinte:

FOTOGRAFÍA DE
Dª DOLORES
GIL DE PARDO
OLOT.

Diversas informacións sitúana tamén en Barcelona, na rúa Jaume I, nº 6.

Dolores Gil de Pardo non era a única muller que exercía a fotografía en Cataluña. Durante esta época en Barcelona, exercían a profesión de retratistas outras fotógrafas: Anaïs Napoleón, rexentando un dos estudios máis estables e duradeiros da cidade; e, Margarita Miret, que rexentou os locais situados no Pla e o Palau ata 1887.

Segundo os Anuarios Dolores Gil de Pardo estivo activa como fotógrafa na rúa Mercado de Zaragoza entre os anos 1879 e 1883. O seu marido, Bernardino Pardo, aparece activo en Zaragoza entre os anos 1882 e 1890, pero con estudio noutra rúa diferente, na chamada Escuelas Pías, nº 63, do que se pode deducir que rexentaban estudios diferentes.

1879-ANUARIO-ALMANAQUE- DOLORES GIL DE PARDO - ZARAGOZA

1879-1880

Recorte do Anuario-Almanaque del Comercio de la Industria, de La Magistratura y de la Administrción ó Almanaque de las 400.000 señas de Madrid, de las provincias, de ultramar y de los estados hispano-americanos (Bailly-Bailliere). 1879-1880.




1882-ANUARIO DEL COMERCIO DE LA INDUSTRIA DE LA MAGISTRATURA Y - DOLORES GIL DE PARDO

1882

Durante os anos 1882 e 1883, ambos aparecen reflectidos no apartado de Fotógrafos, do Anuario del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración, exercendo en Zaragoza, e rexentando diferentes gabinetes fotográficos.

No Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936) de Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso, pódese ver na páxina 187, a imaxe do reverso dunha tarxeta de visita no que se pode ler a seguinte información:


BERNARDINO PARDO
Y SU SEÑORA
DOLORES GIL
Fotógrafos
Plaza de Sn. Andres
Calatayud

información que nos indica que nalgún momento das súas vidas estiveron tamén en Calatayud, aínda que non apareza recollida nos Anuarios.

Dolores Gil de Pardo falece no ano 1883, anos antes que o seu marido, quen volve a casar en segundas nupcias con Victoria Lardiés, natural de Calatayud, provincia de Zaragoza, con quen tivo outro fillo chamado Alfredo.

Segundo o Certificado de defunción, Bernardino Pardo Cerdá finou o 14 de febreiro do ano 1890, aos 54 anos de idade. Dous anos máis tarde, durante o período 1892 a 1894, a súa segunda esposa Victoria Lardiés, rexistrábase nos Anuarios como “Pardo, Viuda de”, no mesmo número da rúa de Escuelas Pías.

OBRA:

O formato utilizado nas fotografías que se conservan de Dolores Gil de Pardo, é o de Tarxeta de Visita, un formato que estaba totalmente implantado na década dos oitenta en toda a península, tras ser patentado, en 1854, polo fotógrafo francés Adolphe Eugéne Disdéri.

Durante o mes de xullo do ano 2006 celebrouse unha exposición en Madrid, no centro cultural Blanquerna, titulada “Fotógrafas pioneras en Catalunya”, comisariada pola fotógrafa Isabel Esteva “Colita” e a historiadora Mary Nash na que se expuxeron os traballos fotográficos inéditos, rescatados, de doce das pioneiras máis relevantes de Cataluña, entre as que se atopaba o traballo realizado por Dolores Gil de Pardo. As outras once eran: Anaïs Napoleón, Carme Gotarde Camps, Maria Serradell Sureda, Madroñita Andreu, Montserrat Vidal i Barraquer, Carme García de Ferrando, Rosa Szücs de Truñó, Roser Oromí Dalmau, Roser Martínez Rochina, Montserrat Sagarra y Joana Biarnés.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

FONTES:

Bibliografía:

  • Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
  • José Antonio Herández Latas. Primeros tiempos de la fotografía en Zaragoza – Formatos “Carte de Visite” y “Cabinet Card”. Dondos procedentes de colecciones privadas. Cajalón

Páxinas web:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest