GENEVIÈVE ÉLISABETH FRANCART-DISDÉRI (c. 1817-1878)

portada-artigo-bn

Retrato de Elisabeth Francar-Disderi. Foto A. Neveu.

Foi unha das primeiras daguerreotipistas francesas que realizou fotografías arquitectónicas, e que permaneceu oculta baixo a fama que acadou o seu marido Adolphe E. Disdéri coas Carte de Visite.

VIDA:

O seu nome completo era Geneviéve Élisabeth Francart, nacida no ano 1817 en París, segundo consta no certificado de falecemento, e non en Brest, como lle asignan a maior parte das biografías(1) . Era filla dun contratista, Nicolas Francart e de Geneviève Joséphine Ternois. Foi a cuarta filla en nacer de entre seis irmáns.

O seu pai era, ademais, accionista da Compagnie des ponts, gare et port(2) , de Grenelle, unha empresa creada en 1826. Asemade, participou activamente na urbanización deste barrio parisino de Grenelle que chegou a converterse nun dos máis dinámicos da capital.

Élisabeth Francart quedou orfa de pai cando tiña quince anos, en 1832, infortunio que non influíu para que puidera seguir mantendo o nivel económico da familia grazas a importante herdanza recibida.

En 1843 casou con André Adolphe Eugêne Disdéri, dous anos menor que ela. Adolphe Disdéri, como sería coñecido, fora estudante de pintura no taller de Charles Abraham Chasselat entre 1831 e 1837, empregado da compañía de teatro de Grenelle, posiblemente como pintor de escena, mentres tivo que soster a súa familia tras a morte do seu pai. No ano do seu casamento, converteuse en fabricante de lencería utilizando parte da contribución financeira que a súa esposa, Élisabeth, recibira en herdanza á morte do seu pai, as accións da Compagnie de Grenelle. Élisabeth tomou del o apelido, como era costume nesta época, pasando a chamarse Geneviève Élisabeth Disdéri. Ambos tiveron seis fillos, dous naceron en París e catro en Brest, dos que tan só o último, chamado Jules (c. 1851-1880), sobreviviu á infancia.

Adolphe E. Disdéri, non tiña boa man para os negocios. Aos poucos meses de casados, a empresa na que se embarcara, quebrou, deixando pendentes algunhas débedas, e abriu un novo negocio, esta vez de calcetería que tampouco tivo demasiado éxito.

Élisabeth Disdéri pronto descubriu o incompetente que era o seu marido para levar adiante unha empresa e protexer o seu patrimonio e, malia que as mulleres casadas quedaban legalmente sometidas aos seus maridos, dependendo deles e que non podían posuír por lei propiedades(3) , solicitou ante os tribunais a separación de bens, a que lle concederon en xullo de 1845, dous anos despois do seu casamento.

A familia, tras o fracaso dos negocios familiares, trasladouse en 1848 de París á Brest, cidade francesa situada no departamento de Finistère, na rexión de Bretaña onde vivían parentes dos Francart e o irmá de Élisabeth Disdéri, un membro destacado da comunidade por desempeñar o posto de Comisionado Adxunto do Arsenal. Nesta cidade Adolphe E. Disdéri fora contratado como contador nos granadeiros. Aquí establecéronse na rúa St. Yves nº 43.

Élisabeth Disdéri, tivo catro fillos nesta localidade: O 13 de marzo de 1848, nacería a súa terceira filla, Marie Colette, que morrería aos sete anos. O 10 de abril de 1850 pariría outra nena, Clémentine Pauline Élisa, que viviu tan só catro meses.

No ano 1851, segundo o censo, realizado antes do nacemento no mes de outubro do seu sexto fillo Jules Marie Eugène, a parella vivía na rúa du Château, cunha nena de catro anos chamada Gabrielle, que morrería poucos meses despois, a nai de Élisabeth, Josèphe Francart e un servente.

Segundo Jean Foucher(4) , a parella abriu no ano 1848, grazas a axuda financeira do irmá de Élisabeth, un gabinete fotográfico na mesma rúa du Château onde vivían, no que ambos traballaron con daguerrotipos facendo retratos, actividade principal dos fotógrafos nesa época. A marca comercial do gabinete fotográfico levaba o nome de M. Et Mme. Disdéri.

Élisabeth Disdéri foi unha das primeiras retratistas que traballou co daguerrotipo en Francia, ao mesmo tempo que en España o facían Madama Valpery no ano 1842 e Madama Fritz no ano 1844. En Galicia non hai datos sobre mulleres que utilizaran o daguerrotipo, a primeira profesional retratista da que se ten constancia é María Cardarrelly na década dos sesenta utilizando o procedemento do colodión.

No ano 1851, Adolphe Disdéri asociouse con Joseph Diosse, un pintor especializado en conxuntos teatrais, co propósito de explotar un diorama(5) en Londres. Este negocio fracasaría e pecharía aos seis meses da súa apertura, deixando unha nova brecha financeira.

Algúns biógrafos cren que son estes problemas financeiros os que fan que Adolphe Disdéri marche definitivamente de Brest, pero para outros son as súas posicións políticas, a causa da súa marcha.

Das biografías consultadas tírase a conclusión que tanto Adolphe Disdéri como dous dos irmáns de Élisabeth, Prosper e Adolphe Francart, tiñan opinións políticas socialistas e eran ferventes republicanos. Así, na súa chegada a Brest, a parella relacionouse con Aristide Vincent e Le Doré, persoas comprometidas e activistas de ideas socialistas, das que Adolphe Disdéri tamén participaba. Polo lado dos Francart, Louis Adolphe Francart, chegou a Brest o 27 de decembro de 1849, baixo condicións especiais, por ser un dos insurxentes de París que foran detidos en xuño tras os disturbios de 1848. Luis Adolphe tomara as armas o 23 de xuño de 1848 coa intención de “sangrar á garda burguesa” e foi detido esa noite na rúa Ste. Apolline con cartuchos de pólvora nas súas mans. Logo foi trasladado a Fort du Hommet en Brest, onde permaneceu durante tres anos, antes de ser exiliado a Stif, en Arxelia, localidade na que foi executado en 1856. Mentres permaneceu en Brest, o seu cuñado Disdéri, visitaba aos prisioneiros, preocupándose polo seu destino.

Coa marcha de Adolphe Disdéri no ano 1852, dáse a ruptura familiar. Unha ruptura que parece estar provocada como resultado da presenza dunha terceira persoa, Eugène Collet-Corbinière, viúvo cun fillo chamado Georges, profesor de ciencias na Escola Naval de Brest, embarcado na nave-escola Le Borda, e fotógrafo apaixonado, que sería membro da Socieété Française de Photographie entre 1859 e 1885, persoa na que parece que Élisabeth Disdéri atopaba o apoio que o seu marido non podía darlle, dado o carácter inestable e a incapacidade que tiña para asentarse permanentemente nun traballo, xunto coas poucas ou nulas habilidades de xestión que levaran á familia a ter problemas financeiros. Segundo Foucher, a parella non deixou nunca de apoiar economicamente a Adolphe Disdéri, algo que amosan as actas notariais que inclúen un gran número de contratos que demostran que Madame Disdéri e Eugène Collet-Corbinière apoiaban a Disdéri nas diversas empresas que tivo ao longo dos anos, incluídos os estudios que abriu en París.

Logo de permanecer un ano en Nîmes, onde segundo M. E M. Auer(6) , estudou o novo proceso fotográfico ao colodión húmido ou albúmina, creado en 1851 por Gustave Le Gray e Frederick Scott Archer, Adolphe Disdéri regresa a principios de 1854 a París, onde abriu un novo gabinete fotográfico no número 8 da avenida dos Italianos, descrito como un dos máis grandes de París, con dous pisos, arriba dúas terrazas de vidrieiras e un salón elegante para retratar ás mulleres. En decembro deste mesmo ano transformou o negocio en sociedade por accións Disdéri et Cie, e adquiriu a concesión para fotografar os obxectos da Exposición Universal. Neste mesmo ano patentou unha cámara fotográfica con varios obxectivos que, combinada cun chasis móbil, permitía obter ata oito copias nunha soa toma; cada unha das imaxes que se obtiñan desta cámara recibiu o nome de Carte de Visite, un formato peculiar de 60×90 mm que, debido ao seu baixo prezo e a facilidade de reprodución, foi toda unha revolución no campo da fotografía.

Élisabeth Disdéri permaneceu en Brest dirixindo o gabinete fotográfico durante uns anos máis. Segundo o censo de 1856, este gabinete foi trasladado dende a rúa du Château ao número 65 da rúa Siam. Durante este tempo, practicou e dominou as diferentes técnicas fotográficas, adoptando a nova do colodión e traballando co formato de Carta de Visita, popularizado polo seu marido. Mantivo este gabinete en funcionamento ata finais de 1858.

Sería o 19 de setembro de 1857, cando Adolphe Disdéri asinara unha autorización que lle permitira a súa muller exercer en nome propio como fotógrafa; autorización que, como se comentou nun parágrafo anterior, necesitaban dispoñer as mulleres si querían exercer unha profesión.

Nesta época, a maioría das profesionais traballaban o retrato, pois os avances da técnica fotográfica aínda non permitían traballar exteriores con facilidade, sen embargo, Elisabeth Francart-Disdéri, como se facía chamar algunhas veces, chegou a facerse coñecida grazas ás imaxes de vistas, converténdose nunha das poucas mulleres que contribuíu coa fotografía arquitectónica. Entre 1856 e 1858, realizou unha serie de vistas da contorna da cidade de Brest, que ilustran Bretaña, publicadas co nome de Brest et ses environs (Brest e as súas contornas)(7) . A maioría destas imaxes recollen a arquitectura da zona e reflicten o competente dominio que Élisabeth Disdéri tiña sobre a técnica e a composición. Dúas destas fotografías foron adquiridas polo coleccionista estadounidense George Cromer: As ruínas da abadía de Saint Mathiu Point, datada aproximadamente en 1856 que a autora asina en tinta “Me. Disdéri” e a titulada Grupo no cemiterio de Daoulas, da mesma data que a anterior, pero sen asinar, ambas son albúminas.

Élisabeth Disdéri estaba presente na visita que o emperador Napoleón III e a emperatriz Eugenia de Montijo realizaron a Brest durante os días 9, 10 e 11 de agosto de 1858. O fotógrafo oficial desta visita era Édouard Denis Baldus(8) , que dirixía un equipo de sesenta profesionais presentes no sitio para cubrir o evento. A información está recollida nun artigo sobre Gustave Le Gray(9) no que nomean á fotógrafa: A súa colleita (G. Grey) é moi superior en todos os aspectos á de Baldus e os moitos outros fotógrafos presentes (falamos de sesenta), como Furne e Tournier ou a Sra. Disdéri.

A reputación que se forxara o seu ex marido, Adolphe Disdéri, co establecemento en París onde retratara ao propio Napoleón III, e co formato da Carta de Visita, comezou a declinar, logo de ter coñecido o éxito, a partir da década de 1860. Tras abrir gabinetes fotográficos no estranxeiro, o seu temperamento inquedo seguiu xogándolle malas pasadas; dilapidou as súas ganancias e perdeu o lugar que ocupaba na arte fotográfica. En 1865 planeou crear un taller en Londres e outro en 1868, que serían de novo negocios frustrados. Permaneceu durante un tempo en España, do que hai constancia, estando en outubro de 1864 en Madrid, nun estudio situado na rúa Pontejos nº 6 e na rúa do Príncipe nº 14, da mesma capital, no ano 1865, onde abriu un establecemento propio que vendeu uns meses máis tarde, en xaneiro de 1866 ao dentista Mr. Pauchet, que seguiu mantendo o mesmo nome comercial de Disdéri(10) . En 1875 vendeu o seu fondo fotográfico.

No mes de xuño de 1862, morre a nai de Élisabeth aos 65 anos na rúa de Siam, en Brest, e, segundo as fotos atopadas, Madame Disdéri segue activa no ano 1864 como retratista, fotografando a notables da rexión e outras persoas desta localidade.

As viaxes á capital, París, en carro de cabalos, duraban ao redor de catro días antes da chegada do ferrocarril a Brest o 26 de abril de 1865, no que quedaron reducidas a dezaoito horas, un tempo que permitiu reiniciar o contacto entre Adolphe Disdéri e o seu fillo Jules que nesa época era xa todo un adolescente. Por esta época aumentaran considerablemente o número de gabinetes fotográficos en Brest e no resto de Francia, así que tendo en conta esta circunstancia, que Jules estaba cerca da idade adulta e a comodidade do novo transporte, Élisabeth Francart-Disdéri comeza a meditar a opción de deixar Bretaña e trasladarse a París.

Segundo información doutras biografías, Eugène Collet-Corbinière estivera presente en todos os acontecementos importantes da vida de Élisabeth Francart-Disdéri, dende o nacemento do seu fillo Jules ata a morte da súa nai, a Sra. Francart, pero a altura do ano 1868 parece que desaparecera da súa vida. Nesta época, Eugène posuía un apartamento en París, estaba xubilado e dedicado á escritura(11) . Por outra parte, a fotógrafa non estivo presente na voda do seu fillo Georges.

Élisabeth Disdéri, trasládase a París entre 1868 e 1872, logo de pasar vinte anos en Brest. Vendeu o seu estudio a Edmond Tufferau para abrir un novo gabinete no número 146 da rúa du Bac deste capital, onde posiblemente foi asistida polo seu fillo Jules, convertido tamén en fotógrafo.

Segundo os anuncios das guías comerciais Almanach-Bottin, Madame Disdéri, como así asinaba as súas fotografías, mantivo a súa actividade como fotógrafa en París ata a súa morte(12) .

Élisabeth Francart-Disdéri, falece en París, o 18 de decembro de 1878, á idade de 61 anos, no Hospital de la Pitié de París, radicado na rua Lacépède nº 1. No seu certificado de defunción datado o 16 de decembro, indícase que segue sendo a esposa de Disdéri e que non ten profesión, aínda cando tiña un estudio na capital.

OBRA:

Na época en que traballou a fotografía, os procedementos utilizados por Élisabeth Francart-Disdéri, foron o daguerrotipo e o colodión húmido utilizado coa Tarxeta de Visita.

A diferenza do seu marido, Adolphe Disdéri, Élisabeth non vendeu o seu fondo fotográfico, polo que a maior parte da súa obra, de non estar destruída, permanece esquecida, seguramente, nos álbums fotográficos da época.

Nesta páxina podemos ver tres retratos, un daguerrotipo e dúas albúminas máis dúas fotografías das vistas da contorna de Brest, que a fotógrafa publicou co nome de “Brest et ses environs”, realizadas entre 1856 e 1858 mercadas polo coleccionista estadounidense George Cromer:

  • Fotografía do Cemiterio de Plougastel, creada o 01/01/1856.
  • Fotografía das ruínas do Interior de St. Mathieu, creada o 1 de xaneiro de 1869

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

NOTAS AO PÉ:

(1)Bastit-Lesourd, Marie-Françoise (2006). ELLESAUSSI: Geneviève-Elisabeth Francart-Disdéri.
(2)Unha especie de aduana que cobraba peaxe a persoas, carros e animais que atravesaban a ponte en Grenelle, unha antiga comuna francesa do antigo departamento do Sena anexionada a París en 1860.
(3)O Código Napoleón (1803) dispoñía que a muller casada carecía de autonomía persoal e tanto os seus bens como os seus ingresos eran administrados polo marido. Só no século XX conseguirase en Francia romper a lexislación discriminatoria.
(4)Editor, xefe de oficina e arquiveiro da Biblioteca Municipal de Brest, onde durante 38 anos vixiou os arquivos desta localidade que pasaron por diversas mudanzas antes de establecerse no edificio actual. A investigación levada adiante por Jean Foucher en colaboración con Georges Thomas, deu como resultado varias obras como Le vieux Brest et ses cartes postales ou La vie à Brest de 1848 à 1948, onde os dous autores abordaron os acontecementos e a vida daquela época.
(5)É un antecedente do cine. Tratáse dun lenzo de grandes dimensións con figuras diferentes pintadas por ambas caras e onde, mediante xogos de luz nun sala escura, prodúcense diversas imaxes dando sensación de movemento.
(6)A colección privada de Michel e Michèle Auer está considerada como la colección de fotografías máis importante de Suiaza e unha das máis relevantes de Europa. Esta colección supera as 150.000 fotografías, dende os primeiros daguerrotipos ata os grandes nomes da fotografía do século XX.
(7)Nilsen, Micheline (2011). ARCHITECTURE IN NINETEENTH-CENTURY PHOTOGRAPHS. Essays on reading a collection. Ashgate Publishing. p. 181.
(8)Édouard Denis Baldus (1813-1889) foi un fotógrafo de paisaxe, arquitectura e ferrocarril, de orixe prusiano nacionalizouse francés en 1856.
(9)Gustave Le Gray era un investigador e fotógrafo francés (1820-1884) que abriu un estudio na mesma época que Adolphe Disdéri, en París e que as limitacións técnicas do daguerrotipo, acompañado do éxito de Disdéri, leváronlle a abandonar o xénero do retrato fotográfico para dedicarase á fotografía de paisaxe e de viaxes.
(10)Rodríguez Molina, Mª José e Sanchis Alfonso, José Ramón (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
(11)Eugène Collet-Corbinière é autor de dous libros:
Tratado elemental do motor de vapor mariño, escrito segundo o programa oficial para os candidatos para o comando de buques comerciais. 1868.
Leccións de mecánica elemental escritas segundo o programa oficial para o uso dos Liceos, etc. 1869.
(12)An unidentified dancer, Paul Frecker London.

FONTES:

Libros

  • Nilsen, Micheline (2011). ARCHITECTURE IN NINETEENTH-CENTURY PHOTOGRAPHS. Essays on reading a collection. Ashgate Publishing. p. 181
  • Enciclopedia of Nineteenth-Century Photography . John Hannavy. Elisabeth Francart-Disdéri.
  • Rodríguez Molina, Mª José e Sanchis Alfonso, José Ramón. (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
  • Castellanos, Paloma (1999). Diccionario histórico de la fotografía. Istmo.

Páxinas web

As fotografías esta página forno feitas cunha máquina reflex Nikon D7100 – Nikon DX AF-S NIKKOR 18-105mm 1:3,5-5,6 G ED.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest