FILOMENA DÍAZ (1850-1913)

PORTADA-FILOMENA-BN

Diferentes litografías utilizadas nos cartóns por Filomena Díaz

VIDA:

Filomena Díaz Villada naceu o 27 de maio de 1850(1) en Mondoñedo, segundo figura no censo de poboación do ano 1906 do Arquivo Municipal de Mondoñedo. De pai descoñecido, a súa nai foi Manuela Díaz Villada, tamén nacida nesta vila.

A nai de Filomena Díaz, formaba parte dun fogar coñecido en Mondoñedo como “mulleres que veñen de sobre si”, é dicir, que eran fogares sen varón. As viúvas e solteiras de sobre si, supoñían a mediados do século XVIII un 15% do total de fogares mindonienses; porcentaxe que, conforme medraba a poboación e os homes emigraban, foi aumentando ao longo do século XIX, chegando a superar a porcentaxe de mulleres sobre a de homes de forma moi significativa. Como exemplo, significar, que na década de 1800 a poboación masculina era do 48,9% mentres que a feminina era do 51,1%, porcentaxe que, na década de 1820 foi superada, sendo de 59,4% contra o 40,6% de homes(2) .

Filomena Díaz, pola súa condición de filla de solteira, vivindo nunha sociedade moi hermética, conservadora e fortemente influenciada pola igrexa, vira condicionada a súa vida, ao igual que Manuel Leiras Pulpeiro,(3) contemporáneo da fotógrafa, e un dos mindonienses máis ilustres, cando casou polo civil, rompendo con todas as normas eclesiásticas.

1886-06-02-El Hermandino - anuncio 2

Descoñecemos cando comezou a facer uso da súa cámara, e quen sería a persoa que a iniciou nesta profesión, pero, segundo consta no apartado de profesións do censo de poboación do ano 1880,(4) con trinta anos, xa exercía como fotógrafa. Na década de 1880 había en Mondoñedo outra fotógrafa, Antonia Santos, que levaba exercendo a profesión dende había máis de dez anos, polo que é moi probable que fora ela a súa mestra. Agora ben, nesa época utilizaban a fotografía outras persoas na localidade, como Hermenegildo Macebo,(5) músico e dono dunha das imprentas máis importantes da cidade, creada por el no ano 1870, afeccionado á fotografía e a quen lle gustaba realizar tomas das paisaxes da cidade e tamén un tal Julián Villada, empregado de correos e fotógrafo que se anunciaba así no ano 1886, no periódico de Mondoñedo “El Hermandino”(6) .

Filomena Díaz, rexentaba un gabinete fotográfico que levaba o seu nome, un dos poucos gabinetes abertos en Galicia a nome dunha muller nesa época. O gabinete fotográfico estaba localizado no segundo piso dunha vivenda alugada a Ramón Docal Fernández, de profesión tablajero,(7) situada na rúa Padilla, número 16, unha rúa moi céntrica, e que actualmente recibe o nome de Alfonso VII. O nome do gabinete fotográfico e o da rúa onde estaba radicado, aparece no dorso dos cartóns sobre os que montaba as fotografías.

Nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta, en Galicia existía toda unha xeración de fotógrafos e fotógrafas retratistas, cuxos nomes, no caso dos homes, forman parte xa da historia da fotografía galega, non así as mulleres; entre eles estaban Andrés Cisneros, María Cardarelly e Manuel Chicharro, en Santiago; a saga dos Avrillón e os Sellier en A Coruña; Francisco Zagala en Pontevedra; Francisco Prieto en Ourense e Pontevedra; Felipe Prósperi e Cándida Otero en Vigo. Foron décadas de expansión da fotografía na que tanto homes como mulleres fotógrafas axudaron a dar a coñecer, a través de diferentes tipo de tarxetas, os rostros de persoas pertencentes ao campo da cultura, da política, permitindo o acceso á fotografía dos novos sectores sociais.

Filomena Díaz era moi coñecida no último cuarto do século XIX como fotógrafa á que moitas familias mindonienses recorrían para ser retratadas. Anunciouse no apartado de Fotógrafos do Anuario Bailly-Baillieri(8) dende 1897 a 1911, dous anos antes da súa morte e no Anuario Riera(9) dende 1901 ata 1908.

Pola documentación que dispoñemos, parece que non estivo casada nin tivo descendencia, sendo esta unha das posibles causas, da desaparición e falta de conservación da maioría dos seus traballos que quedaron soterrados nos álbums de moitas familias mindonienses.

Logo de exercer tres décadas como fotógrafa profesional, Filomena Díaz faleceu aos sesenta e tres anos, como consecuencia dunha enfermidade pulmonar, o 28 de agosto do ano 1913,(10) na mesma vivenda da rúa Padilla onde exercía a fotografía, segundo consta no Rexistro Civil de Mondoñedo, no libro 32 de defuncións, folio 158.

OBRA:

A obra desta fotógrafa, como a de todas as fotógrafas galegas da súa época está practicamente desaparecida. Como se indica na páxina de Miscelanea Mindoniense,(11) os exemplares son escasos e moitas das familias mindonienses xa desapareceron, pero aínda hai veciños que posúen boas fotografías de gabinete de Filomena Díaz, conservadas en bo estado, onde se poden contemplar uns bonitos decorados.

O comercio fotográfico do retrato de estudo experimentara un crecemento espectacular a partir de 1854, grazas a cámara inventada por André Adolphe Eugène Disdéri. Esta cámara contaba con varios obxectivos, entre 6 e 12. Este cambio, permitía impresionar, na mesma placa, ata doce pequenas fotografías, o que se coñecía como Tarxeta de Visita, rompendo coa limitación que impoñía a cámara tradicional, capaz de impresionar só unha. Esta mellora técnica abaratou o retrato, favorecendo a proliferación de estudios fotográficos en todo o mundo, abríndose así o mercado do retrato para moitas persoas que ata ese momento non o podían pagar.

Cando Filomena Díaz comezou a fotografar na década de 1880, o formato de Tarxeta de Visita xa estaba implantado por toda a península e, dende había anos, era un formato que viña sendo utilizado pola xa mencionada fotógrafa, Antonia Santos, veciña da mesma localidade de Mondoñedo, pero nas fotografías que se reproducen aquí, non hai ningunha. Nas poucas fotos que se puideron conseguir, utiliza outros formatos de cartóns como a Tarxeta Victoria, Tarxeta Salón, Tarxeta Gran Promenade ou Tarxeta París, que xurdiron a raíz da gran popularidade acadada pola Tarxeta de Visita. Un dos formatos máis habituais nas fotografías que se acompañan, é o chamado Tarxeta Americana,(12) un formato que anunciaban en España en 1868,(13) pero que se viña usando en Gran Bretaña dende 1863, máis grande que a Tarxeta de Visita, con medida estándar de 168×108 mm; que tiña como característica no anverso, baixo a fotografía, a ilustración do nome do gabinete da fotógrafa e o enderezo e no reverso grandes litografías indicando os datos do gabinete, aínda que nas fotografías que podemos ver máis abaixo hai algunha destas tarxetas co reverso en branco.

En canto aos procedementos fotográficos utilizados, dicir que, cando comezou a fotografar, usábase o colodión húmido,(14) pero este sistema xa comezara a ser desprazado pola aparición da instantánea fotográfica das placas secas de vidro ó xelatino-bromuro (un procedemento creado no ano 1871 por R. L. Maddox e mellorado no 1878 por Charles E. Bennett), que permitía rebaixar o tempo de exposición a un cuarto de segundo, de aí o nome de instantánea fotográfica. Así que é posible que Filomena Díaz Villada utilizara os dous procedementos ao longo da súa vida profesional.

Aquí podemos contemplar once fotografías positivadas á albúmina, realizadas por Filomena Díaz Villada, das que oito pertencen ao meu fondo fotográfico e tres a outros fondos particulares:

muller con neno - anverso

Muller con neno (140×100 mm). Cartón 160×105 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

O formato desta fotografía correspóndese coa Tarxeta americana, nomeada tamén, Portrait Álbum ou Retrato Gabinete. Responde á descrición feita en parágrafos anteriores para este formato: Leva na parte inferior esquerda, litografado o nome da fotógrafa, Filomena Díaz, as siglas FD no centro e o enderezo á dereita.

Na imaxe, diante dun fondo decorado imitando un interior, vese o corpo dunha señora fotografada en tres cuartos, lixeiramente ladeado, acollendo cos brazos a un neno sentado sobre unha mesa con tapete estampado, que está recostado sobre o brazo dereito da muller, quen lle suxeita a man esquerda do neno. Na súa cara reflicten ambos un medio sorriso.

O reverso da fotografía está en branco, sen litografías de ningún tipo.

 

 

nena sentado en cadeira -

Nena sentada sobre unha cadeira (140×100 mm). Cartón 160×105 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

O formato desta fotografía, a igual que o anterior, é Tarxeta americana, co reverso en branco.

Na foto pódese ver, diante do mesmo fondo decorado que a anterior, a unha nena que parece non chegar ao ano de idade, coas mans apoiadas sobre as pernas, postura que mostra a tranquilidade da modelo, sentada sobre unha cadeira tapizada coa mesma tea que o tapete que oculta a  mesa que está á súa dereita, sobre a que hai un álbum de fotos.

A igual que a anterior, o reverso é branco, sen litografías nin anuncios.

 

 

 

 

Dama con veo -anverso e reverso

Muller con veo (160×105 mm). Cartón 170×110 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando.

Fotografía dunha muller chamada Dominica, en formato Tarxeta Americana. A figura está lixeiramente ladeada, cubrindo parte da cabeza e busto cunha mantilla de enxaixe negro.

O atenuado ao redor da figura é característico da última década do século XIX.

O reverso sen litografar, leva unha dedicatoria dirixida á madriña do fillo da retratada, é dicir, á súa comadre, na que lle amosa o gran cariño que lle ten e a súa amizade. A dedicatoria está datada o 8 de xullo de 1897, en Vilanova de Lourenzá, vila da provincia de Lugo.

 

 

Senor de uniforme - anverso e reverso

Cabaleiro uniformado (165×105 mm) Cartón 167×107 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

Retrato do busto dun cabaleiro uniformado en formato Tarxeta Americana.

A igual que a fotografía anterior, está atenuado ao redor da figura.

A diferenza das anteriores, o cartón está fileteado cun borde dourado. A litografía impresa na parte inferior da fotografía tamén é dourada, con tipografía diferente ás anteriores. Á esquerda da foto figura o nome de Filomena Díaz e á dereita só o nome da vila, Mondoñedo.

No reverso leva unha gran litografía con motivos florais, na que se pode ler “FOTOGRAFÍA” en grandes letras maiúsculas dentro dunha faixa, o nome da fotógrafa “Filomena Diaz” en grafía cursiva baixo a mesma en disposición diagonal, o nome da localidade “MONDOÑEDO” destacado sobre un selo redondo e o domicilio do gabinete fotográfico.

Busto masculino - anverso - reverso

Cabaleiro con smóking. Colección particular

Retrato do busto dun cabaleiro vestido con “smóking” en formato Tarxeta Americana. A fotografía está dentro dunha máscara oval, técnica utilizada dende a década de 1860.

O formato do cartón tanto no anverso como no reverso, é practicamente igual que o da fotografía anterior, agás o fileteado do anverso que esta non leva.

 

 

 

 

nena con sombreiro -anverso-reverso

Nena con sombreiro (100×70 mm). Cartón 125×83 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

Fotografía de corpo enteiro dunha nena en Tarxeta Victoria, un formato cun tamaño un pouco maior ao de Tarxeta de Visita.

A nena, que aparenta ter unha idade entre catro e cinco anos, leva botas, e un sombreiro cun gran lazo, un vestido branco cheo de adobíos, ataviada cun colar e pendentes, aparencia que pon de relevo a clase social á que pertence. Está de pé e de fronte mirando directamente á cámara, diante dun fondo decorado cunha paisaxe. Ten a man dereita apoiada no que parece unha rocha, e sostén un pequeno ramo coa esquerda.

No anverso, baixo a fotografía hai litografada a mesma información empregada nas Tarxetas Americanas vistas con anterioridade.

No reverso, hai unha gran litografía, diferente as anteriores, nela pódese ver, na parte superior, o texto resaltado de “Gran Fotografía”, seguido da preposición “de”; no medio unha composición floral atravesada por unha faixa co nome da fotógrafa; na parte inferior o enderezo e, baixo este, en letras moi miúdas o nome da imprenta na que se imprimiu o cartón: “A. Sáenz Corona, Madrid”. Tendo en conta que o litógrafo Ángel Sáen Corona comezou a anunciarse en Madrid a partir de 1898, queda acotada a data desta fotografía nos primeiros anos do século XX.

Grupo de 5 homes - anverso e reverso

Grupo de cinco homes (220×170 mm). Cartón 330×270 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

Nesta imaxe pódese ver un grupo de cinco homes, diante dun fondo decorado con árbores. Tres deles sentados en cadeiras diante dos dous que están de pé. A pesar de que van vestidos de maneira moi formal, dada a colocación do grupo e as súas mans, a aparencia do conxunto é de informalidade.

As medidas do formato do cartón deste fotografía non se corresponde con ningún dos estándares comercializados no século XIX, vistos ata agora. A explicación pode estar en que a fotografía foi feita no tránsito de século, onde se puxeron de moda outros formatos.

No anverso, a foto vai enmarcada nunha litografía con elementos decorativos simétricos, coas siglas do nome da fotógrafa, F. D., ao pé.

No reverso leva un sinxelo selo de tinta con forma ovalada, modalidade que comezou a utilizarse a principios do século XX. Nel figura a inscrición do nome do establecemento e localidade onde radica paralela aos bordes “FOTOGRAFÍA DE FILOMENA DÍAZ – MONDOÑEDO”, enmarcando no seu interior a radicación do mesmo “16, Padilla, 16”, na que repite o número antes e despois do nome da rúa.

Sacerdote - anverso - reverso

Sacerdote, montada sobre cartón (230×155 mm). Cartón 253×172 mm. Colección de Fernanda Padín Ogando

Busto dun sacerdote, lixeiramente ladeado, coa mirada baixa.

A fotografía está montada sobre cartón con formato Tarxeta Salón, tamén coñecida como Imperial.

No anverso, baixo a fotografía e no reverso, leva estampada a mesma litografía que utiliza en outros formatos anteriores.

 

 

 

Sacerdote - 2 - anverso - reverso

Retrato de home (219×128 mm). Colección particular.

Retrato dun sacerdote montado en cartón con formato Tarxeta París, tamén coñecida como Boudoir. O clero era, naquela época, cliente asiduo dos gabinetes fotográficos.

Baixo a fotografía ten litografado o nome de “Filomena Díaz” á esquerda e o nome da localidade “Mondoñedo” á dereita, coa mesma grafía e cor que outros formatos xa vistos.

No anverso ten litografada a marca comercial do gabinete fotográfico mantendo o mesmo estilo que nas anteriores.

 

 

Nena sentada - anverso - reverso

Nena sentada. Colección particular.

Retrato dunha nena, entre 12 e 15 anos, de corpo enteiro que, a igual que a anterior, está montada sobre cartón formato Tarxeta París ou Boudoir.

Esta fotografía ten a mesma ambientación que outra precedente. A nena está diante dun fondo decorado cunha paisaxe sentada sobre unha especie de rochas que hai diante. Está de fronte, mirando directamente á cámara, coas mans xuntas sobre as pernas, aguantando un ramo pequeno de flores. Leva un vestido branco con adobíos, suntuoso, indicativo da súa pertenza a unha clase social alta.

 

 

Filomena Diaz - nena primeira comunon - anverso reverso - 72ppp

Nena primeira comuñón (219×135 mm). Colección de Fernanda Padín Ogando

Unha nova fotografía montada sobre cartón formato Tarxeta París ou Boudoir con cantoneiras, unha moda establecida, aproximadamente, entre 1890 e 1910. A imaxe reflicte a unha nena vestida de “primeira comuñón”, axeonllada sobre un reclinatorio, sostendo nas mans un misal e un rosario. Completa a decoración a súa dereita, unha mesa redonda, cuberta cun pano estampado igual ao de fotos anteriores, sobre a que hai un crucifixo, e as súas costas, un pequeno moble de madeira que soporta unha begonia, diante dun pano de fondo que semella unha entrada con columnas e suaves cortinas abertas ao exterior.

No reverso, repítese a mesma litografía floral que aparece nunha das fotos anteriores, onde lese máis claro o nome da imprenta na que se imprimiu o cartón: A. Sáenz Corona. Madrid.

O retrato de nenos e nenas de “primeira comuñón” púxose de moda moi pronto, aló menos dende a década dos setenta do século XIX, un evento que xeraría importantes ingresos aos estudios fotográficos.

 

 

PÉS DE PÁXINA:

(1)Arquivo Municipal de Mondoñedo, censo de poboación do ano 1906.
(2)Datos recollidos da Enciclopedia Galega, Tomo 21. Mondoñedo.
(3)Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912), médico mindoniense dende 1878, con gran recoñecemento popular polo labor desenvolvido non só a nivel profesional, no que se gañou o alcume de “médico dos pobres”, senón tamén pola súa faceta de poeta, a que lle serviu para ser recoñecido como unha das principais figuras do Rexurdimento galego, xunto a Rosalía de Castro, Murguía, Pondal ou Curros Enríquez.
(4)Censo de poboación de Mondoñedo de 1880.
(5)ANDRÉS GARCÍA DOURAL – Miscelánea mindoniense.
(6)Anuncios aparecidos no periódico Mondoñedo: El Hermandino – Año V – nº 377 do 12/05/1886 e nº 383 do 02/06/1886. Julián Villada exercería como empregado de Correos en Santiago de Compostela e logo en Ferrol, onde morreu sendo oficial 1º de telégrafos no ano 1892 vítima dunha longa enfermidade, segundo informaban os periódicos El Correo Gallego e a Gaceta de Galicia de datas 4 e 5 de febreiro de 1892, respectivamente.
(7)É o nome tradicional que se lle daba aos vendedores de diversos artigos alimenticios nos mercados, porque o facían en táboas ou postos públicos nas prazas maiores ou plazuelas.
(8)Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración de España, sus colonias (Cuba, Puerto Rico y Filipinas), Estados Hispanos-Americanos y Portugal, con anuncios y referencias al Comercio e Industrial Nacional y Extranjera. (BAILLY-BAILLIERE). Anos 1898, 1899, 1900, 1901, 1902, 1903, 1904, 1905, 1906, 1908, 109, 1911. Filomena Díaz estivo acompañada nestes anuncios de outros dous fotógrafos: Antonia Santos ata 1903 e Pedro Corral ata 1908. Dende 1909 a 1911 deixaría de anunciarse Antonio Corral e aparecerían dous novos fotógrafos: Santiago Pernas e Antonio Teijeiro.
(9)En Barcelona o editor Riera comezou a publicar en 1896 un anuario chamado “Anuario-Riera. Guía general de Cataluña”, que a partir de 1901, converteríase nunha publicación de ámbito estatal, baixo o título: Anuario-Riera. Guía Práctica de industria y Comercio de España. Filomena Díaz estivo acompañada nestes anuncios doutros dous fotógrafos: Antonia Santos ata 1905 e Pedro Corral ata 1905. Nos anos seguintes 1906 a 1908 o seu nome iría acompañado dun novo fotógrafo, Antonio Teijeiro.

(10)Rexistro Civil de Mondoñedo, libro 32 de defuncións, folio 158.
(11)Miscelanea Mindoniense (Blog)
(12)Este foi o nome habitual deste formato, chamado así polos profesionais e pola prensa, aínda que tamén se utulizaron outros, como “Portrait Álbum” ou “Retrato Gabinete”. Foi un formato que se utilizou durante o que quedaba do século XIX. Información de RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
(13)RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia
(14)O colodión húmido, recibe este nome porque a placa debía permanecer húmida durante todo o proceso de toma e revelado das imaxes. É un procedemento fotográfico que consiste en sensibilizar as placas de cristal cunha especia de verniz que se vertía líquido contra elas. O colodión sensibilizábase en nitrato de prata e as placas de vidro tiñan que estar moi limpas para obter uns resultados nítidos e sen manchas.

FONTES:

  • Arquivo Municipal de Mondoñedo, censo de poboación de 1906.
  • Arquivo Municipal de Mondoñedo, censo de poboación de 1860.
  • Rexistro Civil de Mondoñedo, libro 32 de defuncións, folio 158.
  • RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico da Diputación de Valencia.
  • Enciclopedia Galega, tomo 21, Mondoñedo.
  • Periódico “El Hermandino”, Mondoñedo.
  • Periódico “El Correo Gallego”.
  • Periódico “La Gaceta de Galicia”.
  • Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración de España, sus colonias (Cuba, Puerto Rico y Filipinas), Estados Hispanos-Americanos y Portugal, con anuncios y referencias al Comercio e Industrial Nacional y Extranjera. (BAILLY-BAILLIERE).
  • Anuario Riera. Guía General de Cataluña.
  • Ligazóns:
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest