ANTONIA SANTOS GARCÍA (1831-1905?)

PORTADA-ARTIGO-BN

Diferentes litografías dos cartóns utilizados por Antonia Santos

Coñecida como a fotógrafa do carlismo mindoniense, é unha das primeiras fotógrafas profesionais galegas de mediados do século XIX que, como tantas outras mulleres, foron esquecidas.

VIDA:

Pouco se sabe da vida de Antonia Santos García, agás polos datos rexistrados na diocese de Mondoñedo-Ferrol.

O seu nome completo é Antonia Xosefa Santos García, nacida o día 30 de xuño do ano 1831, ás dez e media da noite, en Mondoñedo, provincia de Lugo, cidade de Pardo de Cela e capital da provincia Bretona ata a eliminación formal do Reino de Galicia no ano 1833, dous anos despois do nacemento de Antonia Santos.

O seu pai era Pascual Santos Rodríguez, fillo de José Santos e Margarita Rodríguez, e a súa nai chamábase María García, filla de Antonio Alonso e Isabel García, todos veciños de Mondoñedo. Foi bautizada na igrexa da localidade, exercendo como padriños Pedro José Otero e Antonia Rodríguez.

No ano 1856 Antonia Santos García, segundo o censo de Mondoñedo, vivía na casa da súa irmá, na rúa Angustia de Mondoñedo (na actualidade rúa Concepción) á idade de vinte e cinco anos, no mesmo lugar onde tiña o gabinete fotográfico, segundo consta na marca comercial inxerida no reverso dalgunha das fotografías que se poden ver máis abaixo.

Era contemporánea doutros fotógrafos que, como ela, exerceron a profesión na segunda metade do Século XIX en Galicia, e que na actualidade ocupan espazo na historia da fotografía galega, como Andrés Cisneros en Santiago; Luís Sellier, na Coruña; Felipe Prósperi en Vigo; Francisco Prieto en Ourense, Pontevedra e Marín; ou Francisco Zagala en Pontevedra e Manuel Chicharo en Santiago; pero aínda que a historia da fotografía non recolla ata o momento ás mulleres, xunto a Antonia Santos exercían na década dos setenta algunhas outras, entre elas estaban María Cardarelly(1) en Santiago, considerada a primeira fotógrafa profesional que traballou en Galicia e Cándida Otero en Vigo. Durante os últimos anos da década de 1880 e primeiros do século XX, coincidiu exercendo a fotografía en Mondoñedo con outra fotógrafa, Filomena Díaz, e cun fotógrafo, Pedro Corral, cuxos nomes acompañaban ao de Antonia Santos nos anuncios dos Almanaques(2) .

Tamén foi contemporánea de dous mindonienses ilustres: Pascual Veiga (1842-1906) compositor do Himno Galego e da Alborada Gallega, e de Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912), médico mindoniense dende 1878, con gran recoñecemento popular polo labor desenvolvido non só a nivel profesional, no que se gañou o alcume de “médico dos pobres”, senón tamén pola súa faceta de poeta, a que lle serviu para ser recoñecido como unha das principais figuras do Rexurdimento galego, xunto a Rosalía de Castro, Murguía, Pondal ou Curros Enríquez.

Descoñécese como chegou a exercer a fotografía, se foi autodidacta ou se iniciou como aprendiz ao lado dalgún mestre, como era o habitual naquela época, dado que a preparación necesaria para operar cun equipo fotográfico non era excesivamente complexa, polo que se puido dar o caso de que se aventurara a abrir un estudo fotográfico que compaxinaba con outra actividade profesional tal e como está rexistrado no Listado de donos de comercios, tendas, tabernas e postos ambulantes de Mondoñedo do ano 1868, onde Antonia Santos figuraba no apartado de Comerciantes Ambulantes de tejidos, lana y galones.

Aínda que a súa actividade está documentada na década de 1870(3) na zona de Mondoñedo, o seu nome saíu á luz como consecuencia de fotografar un grupo de Carlistas que tomou as armas en Galicia no ano 1872. Esta foto ven confirmar que ademais de retratar no gabinete, fotografaba tamén en exteriores, de aí pódese tirar a explicación de que estivera rexistrada no apartado de “ambulantes” que se menciona no anterior parágrafo.

Aténdonos aos datos, Antonia Santos exerceu a súa profesión de fotógrafa durante 35 anos, e ata ben avanzada a súa idade. Como fotógrafa en activo, aparecía rexistrada no Almanaque Anuario Bailly Bailliere(4) dende 1897 a 1903 e no Almanaque Anuario Riera(5) dende 1901 a 1905, inclusive, cando xa tiña 74 anos de idade, así que esta interrupción publicitaria fainos supoñer que deixou de exercer a súa actividade en 1905, por motivos que descoñecemos.

OBRA:

O nacemento da fotografía cando Antonia Santos se incorpora como profesional é moi recente, en constante evolución, dende que foi inventada por Joseph-Nicéphore Niepce en 1824, ata que o Estado francés mercou en 1939 o daguerrotipo (inventado polo pintor Louis Daguerre, que permitiu obter unha imaxe en negativo sobre a superficie dunha placa de prata pulida), sofreu diferentes modificacións, sobre todo na óptica, que permitiu mellorar o sistema, reducindo os tempos de exposición dende quince minutos, que eran necesarios no ano 1839 para a exposición da placa de luz, contando cun sol brillante, ata os vinte ou corenta segundos que se requirían no ano 1842(6) . Pero este sistema suscitaba unha serie de inconvenientes, era demasiado caro, en parte debido ao emprego de grandes formatos e ao feito de que a placa metálica non se prestaba á reprodución e pola contra, só resultaba accesible a un número reducido de persoas con alto poder adquisitivo; así que houbo que esperar uns anos, ata principios da década de 1850, para cun fotógrafo chamado André Adolphe Eugène Disdéri comprendera cales eran as dificultades do daguerrotipo e creara o retrato chamado Tarxeta de Visita, patentada en 1854 (Daquela Antonia Santos andaba polos vinte e sete anos). Nas Tarxetas de Visita o formato quedaba moi reducido (60×90 mm) e utilizábase placa de vidro, inventada había tempo. Todo isto reducía considerablemente o prezo das fotografías, dende cincuenta ou cen francos que custaba ata entón unha soa, aos 20 francos que cobraba o mesmo Disdéri por doce fotografías. Trinta anos máis adiante da innovación de Disdéri, en Mondoñedo, cobrábase entre tres e seis pesetas por seis retratos en formato Tarxeta de Visita(7) , unha cantidade considerable para aqueles tempos.

Hai constancia, de que a Tarxeta de Visita, nome co que se popularizou este formato, chegou a península a principios do ano 1860, a Madrid(8) , coñecidas co nome de Retratos Tarxetas ou Retratos en Tarxeta, unha tradución literal do nome francés Portraits Cartes.

Segundo consta nunha das fotografías realizadas por Antonia Santos, rexistrada no Museo del Traje, a Tarxeta de Visita que utilizaba, correspóndese cunha cámara especial de múltiples obxectivos, que realizaba ata oito exposicións de 60 x 100 mm, aproximadamente, que se cortaban de forma independente e se montaban sobre cartón. As imaxes obtíñanse a partir dun negativo sobre placa de cristal ó colodión húmido(9) , unha especie de verniz que se vertía líquido contra elas. O positivo era sobre papel á albumina.

En todo ese tempo no que exerceu a profesión, máis de tres décadas, debeu de utilizar diferentes formatos e tamaños; mais é o de Tarxeta de Visita, o que se conserva en maior número de fotografías.

A obra de Antonia Santos García está practicamente extinguida, a pesar de ter exercido durante máis de tres décadas. De momento emerxeron dezaseis fotografías, a maioría formato Tarxeta de Visita:

1ª fotografía: Carlistas mindonienses

Carlistas mindonienses

Esta é unha fotografía histórica. Nela aparece a única partida carlista que tomou as armas no ano 1872. Manuel Moral Roncal asígnalle a titularidade desta imaxe a Antonia Santos no seu libro titulado Las guerras carlistas, editado no ano 2006, concretamente no apartado titulado El Conflicto Bélico y la fotografía de la época, no que di:

En Galicia tamén traballou outra muller, Antonia Santos de Mondoñedo, que en 1972 realizou unhas imaxes dos prisioneiros carlistas reunidos nunha casa de Cabana da Vella, a catro quilómetros de Mondoñedo.

Outra referencia da titularidade desta fotografía a Antonia Santos está no blog de Juantxo Egaña, no artigo Las Guerras Carlistas, onde podemos ler unha referencia a Antonia Santos no apartado número 5, dedicado aos fotógrafos en Galicia e Asturias:

Poucas referencias son as que quedaron de imaxes do Carlismo en Galicia […] As poucas imaxes que chegaron ata os nosos días son de dous fotógrafos afincados en Santiago, Guiard e Palmeiro […] Pouco habitual é a presenza dunha fotógrafa, Antonia Santos, de Mondoñedo, que na mañá do 11 de outubro de 1872, realiza unhas imaxes duns prisioneiros carlistas nunha casa de Cabana da Vella a catro quilómetros de Mondoñedo.

Esta mesma imaxe tamén forma parte da portada do libro titulado A Partida Carlistas Mindoniense 1872, de Xosé Ruíz Leivas e Andrés García Dourál, publicado pola Asociación de Amigos da Cidade de Mondoñedo.

As Tarxetas de Visita, realizadas por Antonia Santos, que se poden ver a continuación, axustábanse aos canons indicados por Disdéri: Pano de fondo liso ou decorado; corpo enteiro ou tres cuartos; mobiliario moi sinxelo onde era habitual que as cadeiras ou as cómodas apareceran cortadas, e rixidez producida polos repousacabezas(10) .

Muller de mediana idade. Colección de Carlos Castelao

Retrato de corpo enteiro de muller de mediana idade que está de fronte, coas mans xuntas, apoiando o brazo dereito sobre a mesma columna que aparece na seguinte foto.

No reverso pódese ler litografada a marca comercial que di “Fotografía de Antonia Santos – Mondoñedo”, enmarcada entre dúas ilustracións ornamentais.

 

 

 

 

Muller con traxe tradicional. (Tarxeta de Visita 101×65 mm). Colección “Museo del Traje

 

Fotografía dunha muller nova, ataviada co traxe tradicional de corpo enteiro. Está de pé coa man dereita apoiada na cintura mentres a esquerda repousa sobre a mesma columna que a fotografía anterior. No reverso, ademais doutros datos escritos a man, pódese ler a marca comercial con igual texto que a anterior fotografía, pero con diferente litografía e tipografía.

Esta fotografía forma parte da colección do Museo del Traje. Centro de Investigación del Patrimonio Etnológico(11) , no que consta que foi realizada entre 1870 e 1879, aproximadamente.

 

 

Muller nova (Tarxeta de Visita 107×65 mm). Colección particular

Retrato de corpo enteiro ou plano xeral, dunha muller anónima que está apoiada sobre o que parece unha cómoda, posando de medio lado, unha postura que permite amosar a forma do luxoso vestido que leva e o peiteado. No seu reverso pódese ler na parte superior unha dedicatoria escrita a man:

Dedicado a mi siempre noble y fiel amigo, Manuel.

Na metade da Tarxeta de Visita, a marca comercial da fotógrafa cun tipo de litografía utilizada con frecuencia nas súas cartonaxes, igual que na foto anterior, o que nos fai supor que a data de realización foi durante a década de 1870.

 

 

Retrato de Balbina Méndez (Tarxeta Princesa 98×58 mm). Colección particular

Retrato de Balbina Méndez (Tarxeta de Visita). Colección particular

Estas dúas fotografías correspóndense cun mesmo retrato realizado a Balbina Méndez y Fernández, retratada de medio corpo con impresións litográficas ou viñetas florais que enmarcan as fotos de forma oval. En ambas imaxes coincide a mesma expresión, pose e peiteado, polo que é de supoñer que se trate da mesma fotografía pero con soporte de cartón diferente, atendendo as medidas, a primeira parece corresponderse co formato Tarxeta Princesa(12) e a segunda coa Tarxeta de Visita. En ambas hai dedicatorias escritas a man, asinadas pola propia retratada e dirixidas á mesma persoa:

Balbina Mendez y Fernández dedica su retrato á su querido y constante amigo Manuel Corton.

En prueba de mi constante y eterno amor dedico todo mi ser a mi adorado Manuel y le juro amor hasta la muerte. Balbina

Na primeira fotografía, a impresión litográfica ou viñeta que enmarca a forma oval do retrato é unha litografía coincidente con outra utilizada polo fotógrafo Juan Suárez, depositada no Museo Fotográfico de Madrid. Un fotógrafo que exerceu nesa capital entre 1863 e 1868(13) . Isto pode darnos unha pista de que Antonia Santos xa fotografaba na década de 1860. No reverso desta mesma fotografía, pódese ler o número catro da rúa Angustia formando parte da marca comercial do gabinete fotográfico.

No reverso da segunda fotografía, volvese repetir o mesmo tipo de litografía e tipografía empregada pola fotógrafa noutras cartonaxes.

Retrato de Ruperto (Tarxeta de Visita). Colección particular

Retrato de Ruperto (Tarxeta de Visita). Colección particular.

Dous bustos, un de perfil e outro de fronte, correspondentes ao mesmo home, chamado Ruperto. A vestimenta (mesma chaqueta, gravata e chaleco) e o peiteado que leva, fainos pensar que ambas fotografías parecen estar realizadas no mesmo día.

A litografía que enmarca as dúas fotografías en formato oval é a mesma, pero a tipografía da marca comercial do reverso é diferente, na primeira resulta xa coñecida, mentres que na segunda cartonaxe utiliza outra máis sinxela, coincidente coa da primeira Tarxeta de Visita.

No reverso da primeira fotografía, hai unha dedicatoria escrita a man, asinada polo propio retratado: A mi constante y fiel esposa, Ruperto

Retrato de Pepita Ramallal (Tarxeta Princesa 90×60 mm). Colección particular

Retrato de Pepita Ramallal, de corpo enteiro, e de fronte. Ten apoiado o cóbado esquerdo nunha cadeira e as mans entrelazadas. No reverso desta fotografía pódese ler na parte superior unha dedicatoria escrita a man que dí:

Aquí está el querer eterno de tu constante y fiel Pepita Ramallal.

Na parte inferior vese a marca comercial litografada, que neste caso inclúe o nome da rúa Angustia e o número.

 

 

Retrato de Carlos VII (Tarxeta de Visita 97×57 mm). Colección particular.

Fotografía, no formato Tarxeta de Visita, de Carlos VII, atribuído tamén a Antonia Santos. No seu reverso, ademais do selo en seco, pódese apreciar escrito a man o nome de Carlus Septimus… Non hai constancia de que Carlos VII viñera a Galicia, polo que o retrato podería ser unha das múltiples reproducións que se facían nos estudios fotográficos, xa que a propaganda política por medio da fotografía foi utilizada masivamente tanto polos liberais isabelinos (partidarios de Isabel II en España), como polo carlistas, utilizando fotos de Carlos VII para popularizar a súa imaxe entre os españois, permitindo así, sortear a censura imposta sobre medios de comunicación impresos.

 

 

busto de neno formato oval - anverso e reverso

Retrato de Neno.(Tarxeta de Visita 107×65 mm). Colección Fernanda Padín Ogando

Busto de neno en formato oval.

A fotografía está pegada sobre un soporte de cor amarela con fileteado dourado no anverso, un tipo de cartón que se puxo de moda a finais dos anos setenta e principios dos oitenta do século XIX cando a aparición das placas secas de xelatino-bromuro.

No reverso, esta vez utiliza un selo, igual que o da foto anterior e as que seguen, en forma oval, gravado en seco e con relevo: “Fotografía Antonia Santos – Mondoñedo”. Este reverso é un dos máis utilizados nas fotografías que se ven nesta páxina web.

 

 

Home novo (Tarxeta de Visita 105×61 mm). Colección particular.

Retrato dun mozo, de medio corpo, con formato ovalado enmarcado baixo a mesma impresión litográfica ou viñeta que noutra fotografía anterior, que como se comentou antes, fora utilizada por outro fotógrafo que exerceu na década de 1860.

No reverso leva pegado o selo seco.

 

 

 

 

Retrato de Amalia (Tarxeta de Visita). Colección particular

Busto dunha muller chamada Amalia, que asina a dedicatoria no reverso da fotografía: Manuel te jura Amalia que te amará siempre.

A imaxe está enmarcada de forma oval por unha litografía ou viñeta, diferente as anteriores.

No reverso aparece tamén o anagrama comercial en forma de selo seco.

 

 

 

 

Antonia Santos - nena 7 anos - anverso e reverso

Nena de sete anos (Tarxeta de Visita 97×65 mm) Colección Fernanda Padín Ogando


Retrato dunha nena de corpo enteiro suxeitando un abanico entre as mans. A composición da fotografía é clásica. A nena está de pé, subida sobre o que semella ser un pequeno coxín que lle permite acadar a altura suficiente para descansar o brazo esquerdo sobre unha columna tapada cun pano e decorada coa mesma cesta de flores que a fotografía seguinte. Como fondo, un sinxelo telón rematado cunha tea fruncida.

Conta no reverso, ademais do selo seco, cunha dedicatoria escrita a man ilexible, na que se poder ler destacado ao final, entre admiracións ¡7-años!, que seguramente serían os anos da modelo

 

Retrato de muller. (Tarxeta de Visita 100×65 mm). Colección Fernanda Padín Ogando

Retrato dunha muller, anónima, que está de pé e de fronte, apoiando o brazo dereito sobre a mesma columna que aparece na seguinte fotografía, á que incorporou a cesta de flores utilizada na fotografía anterior.

O tipo de soporte que utiliza para pegar a fotografía é un cartón de cor rosa, fileteado no anverso en dourado. As gamas de cores dos cartóns puxéronse de moda a finais da década dos 70 e durante a década dos 80.

No reverso, que está bastante deteriorado, repítese o mesmo selo oval en seco, co texto en relevo.

 

Retrato de José Villar e fillo (Tarxeta de Visita). Colección particular.

Retrato de corpo enteiro dun militar de alta graduación, chamado José Villar, cun segundo apelido difícil de descifrar, aínda que podería ser Jeriñe, acompañado dun neno. Están de pé e de fronte, apoiando os brazos sobre unha columna que está situado no medio de ambos. A mesma columna que a fotógrafo utilizou na imaxe anterior. A igual que as anteriores imaxes de corpo enteiro, vese que están sobre un pequeno estrado cuberto pola mesma alfombra, pero, a diferenza das precedentes, ambos aparecen enmarcados por unha cortina como fondo de imaxe, algo que responde aos canons estéticos dese momento.

A man esquerda do militar descansa sobre o sable e a man dereita do neno suxeita un sombreiro, buscando así máis naturalidade nos retratados.

No reverso da fotografía, ademais do xa característico selo en seco, pódese ler a seguinte dedicatoria:

A mi querido amigo Don José Araujo, en prueba del aprecio en que le tiene su affmo. SS. José Villar Jeriñe

A maioría destas imaxes son de corpo enteiro, o fondo é neutro e os mobles utilizados e utensilios, son os habituais desta época (cadeira, alfombra, cortina, columna…), o anverso dos cartóns teñen unha litografía moi similar e moi sinxela, polo que todo isto fainos pensar que é posible que algunhas delas se correspondan coa primeira época da tarxeta de visita, décadas de 1860-70.

Observando as dedicatorias escritas no reverso dos retratos das mulleres, tres delas, a de Pepita Ramallal e as dúas de Balbina Méndez y Fernández, de contido amoroso, advírtese que están dirixidas ao mesmo home, Manuel Cortón, personaxe do que se descoñecen datos. As outras dúas dedicatorias, tamén de contido amoroso, unha anónima e outra da muller chamada Amalia, son coincidentes no nome do seu destinatario, Manuel.

A marca comercial utilizada por Antonia Santos no reverso dos cartóns sobre os que montaba as súas fotografías, contén en todos a mesma información, presentada en diferentes formatos litográficos: Fotografía de Antonia Santos – Mondoñedo. Esta información aparece en forma de selo seco ovalado, con texto en relevo, en cinco das fotografías, unha moda que comezou aparecer nos últimos anos do século XIX e principios do XX; noutras seis, presenta a marca litografada no centro do reverso utilizando diferentes tipografías. A maiores desta información, pódese ver en dúas das imaxes a rúa e o número onde tiña establecido o seu gabinete.

Obsérvase que en todas as fotografías que emprega plano xeral, as persoas retratadas están subidas nunha tarima cuberta coa mesma alfombra, fácil de identificar polo debuxo simétrico que ten.

NOTAS AO PÉ:
(1)CASTELAO, CARLOS. María Cardarelly, “Un lóstrego na fotografía galega“.
(2)Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración de España, sus colonias (Cuba, Puerto Rico y Filipinas), Estados Hispanos-Americanos y Portugal, con anuncios y referencias al Comercio e Industrial Nacional y Extranjera. (BAILLY-BAILLIERE). Anos 1898, 1899, 1900, 1901, 1902 e 1903.
(3)Mª JOSÉ RODRÍGUEZ MOLINA e JOSÉ RAMÓN SANCHIS ALFONSO (2013). “Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936)“. Diputación Provincial de Valencia.
(4)Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración de España, sus colonias (Cuba, Puerto Rico y Filipinas), Estados Hispano-Americanos y Portugal, con anuncios y referencias al Comerio e Industria Nacional y Extranjera.
(5)En Barcelona o editor Riera comezou a publicar en 1896 un anuario titulado “Anuario-Riera. Guía general de Cataluña”, que se convertería nunha publicación de ámbito nacional a partir de 1901 baixo o título: Anuario-Riera. Guía Práctica de industria y Comercio de España.
(6)FREUND, GISÈLE (2015). “La fotografía como documento social”. Editorial Gustavo Gili, S. L. 1ª edición, 16ª tirada.
(7)Anuncio aparecido no periódico Mondoñedo: El Hermandino – Año V – nº 377 do 12/05/1886.
(8)Os fotógrafos Ángel Alonso Martínez, Juan Laurent Minier, Pedro Martínez de Hebert y José Martínez Sánchez, foron os primeiros en utilizar este formato. Fonte: RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
(9)O colodión sensibilizábase en nitrato de prata e as placas de vidro tiñan que estar moi limpas para obter uns resultados nítidos e sen manchas. Este método recibe o nome de colodión húmido, porque a placa debía permanecer húmida durante todo o proceso de toma e revelado das imaxes.
(10)RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.
(11)Europeana: Museo del Traje.
(12)A Tarxeta Princesa é un formato fotográfico comercializado entre 1887 e 1890 por diferentes distribuidores, entre eles Lohr y Morejón, de Madrid. Tiña un tamaño de 90×50 mm.
(13)RODRÍGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”. Volumen II. Deputació General de Valencia ARXIU. 2013. Páx. 545.

FONTES:

  • Rexistro Diócese Mondoñedo-Ferrol
  • Censo poboación 1856 de Mondoñedo
  • MORAL RONCAL, ANTONIO MANUEL (2006), “Las guerras carlistas”.
  • RUIZ LEIVAS e GARCÍA DOURÁL, ANDRÉS, “A Partida Carlistas Mindoniense 1872” (2013). Asociación de
  • Amigos da Cidade de Mondoñedo.
  • RODRIGUEZ MOLINA, Mª JOSÉ e SANCHIS ALFONSO, JOSÉ RAMÓN (2013). “Directorio de fotógrafos en España (1851-1936)”.Deputació General de Valencia ARXIU. Volumen II. Páx. 545.
  • Europeana
  • GARCÍA DOURAL, ANDRÉS, “El jefe de la partida carlista mindoniense de 1872″.
  • CASTELLANOS MIRA, PALOMA (1999). “Diccionario histórico de la fotografía”.
  • Terra e Tempo

AGRADECEMENTOS:
A Carlos Javier Iglesias Castelao pola súa colaboración, contribuíndo a que se poda coñecer unha fotografía máis desta pioneira.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest