MADAMA FRITZ

INICIO-ARTIGO

Daguerrotipo anónimo, interior e portada

Foi a primeira muller que exerceu a fotografía de forma profesional no Estado Español, a primeira daguerrotipista que traballou entre 1844 e 1845 nas principais cidades.

VIDA:

Sábese que Madama Fritz era de orixe francés, aínda que o seu apelido poda ter procedencia alemá. Posiblemente era unha pintora reconvertida á fotógrafa, xa que dentro da súa oferta profesional ofrecía o coloreado das fotografías.

Viaxou durante algúns anos pola península, Portugal incluído, visitando as principais cidades. A súa presenza na península como fotógrafa, a igual que todos os demais profesionais estranxeiros que viñeron a España nos primeiros anos do nacemento da fotografía, debeuse á carencia de daguerrotipistas profesionais. O daguerrotipo(1), difundido en 1839 polo goberno francés, foi utilizado ao principio da súa descuberta no Estado Español por parte de persoas dedicadas á investigación e á industria, como instrumento para o seu traballo, pero non como instrumento profesional para realizar retratos, de aí que comezaran a establecerse fotógrafas e fotógrafos doutros países, que visitaban, por curtos período de tempo as principais cidades e capitais provinciais, establecéndose como transeúntes en fondas, onde se ofrecían como retratistas profesionais a través de anuncios na prensa.

A presenza das mulleres fotógrafas no territorio peninsular comezou moi pronto. A primeira delas foi Madama Valpery(2) no ano 1842, seguida de Madama Fritz, que chegou a cidade Córdoba(3) nos primeiros días de abril do ano 1844. Era a primeira vez que unha profesional do daguerrotipo visitaba a cidade. Deuse a coñecer cun anuncio(4) que publicou no Boletín Oficial da Provincia, no que facía mención da súa estadía anterior nas cidades de Madrid e Barcelona. Nel, indicaba o tipo de retratos que realizaba, ofrecendo o coloreado como unha das opcións, así como a temporalidade da súa estancia nesta localidade:

AVISO. La Señora Fritz tiene el honor de participar al público que hace toda clase de retratos al daguerreotipo, á la sombra, coloreados y no coloreados, de todas dimensiones, desde la sesta [sic] parte del grandor natural hasta la mas mínima, por un método propio dé ella, en el tiempo de ocho á quince segundos.

La aceptación que han tenido sus obras en Madrid y Barcelona no la dejan duda: de la agojida [sic] que tendrá en esta población, en donde no permanecerá sino hasta el 10 de Abril.

A precio de 60 rs. Vive en el café parador de diligencias generales, calle del Cabildo viejo.

Non sabemos a idade que tiña cando chegou á península, pero non cabe dúbida de que era unha muller moi adiantada para o seu tempo, atrevéndose a viaxar a outro país, pouco habitual nas mulleres da súa época, para ofrecer un produto totalmente descoñecido, que trataba de substituír ao retrato pintado a man e a miniatura ao óleo, por un procedemento que conseguía uns resultados moito máis veraces pero que, aínda estando ao alcance da nova burguesía que agromaba, resultaba tamén moi caro para aquela época, pois segundo o anuncio custaba un retrato sesenta reais. Avanzada tamén por utilizar a prensa como medio de promoción, algo moi pouco usual nese tempo, distinguíndose da pouca competencia que podía ter, coa utilización dun procedemento propio, que aceleraba o tempo de exposición.

A súa estancia en Córdoba durou un mes, pois en maio marcharía a Cádiz(5) e posteriormente debeu de viaxar a Portugal, porque na prensa(6) hai referencia de que chegaba a Valencia procedente de Lisboa en novembro de 1844.

En Valencia permaneceu máis tempo, realizando viaxes curtas a Cataluña. Meses máis tarde da súa chegada, anunciábase con data 13 de abril de 1845, no semanario valenciano El Fénix:

RETRATOS AL DAGUERREOTIPO. Madama Fritz, conocida ya en esta ciudad por la perfección de los retratos al daguerreotipo, coloridos y sin serlos, de todas dimensiones, desde la xesta parte del grandor natural hasta la más mínima, teniendo además la ventaja de hacerlos en el corto tiempo de ocho á doce segundos, brevedad propia de dicha señora, acaba de recibir de París planchas y demás ingredientes necesarios para dicho arte. Vive en la fonda del Cid, piso tercero, cuarto número 25.

Este anuncio é similar ao anterior publicado en Córdoba, pero nel, ademais, informa de que recibe de París os produtos que utiliza, e que a súa estancia, aínda que provisional, hospedábase nunha fonda, xa era coñecida en Valencia, cidade na que permaneceu dende novembro de 1844, ata decembro de 1845. Mentres estivo na cidade, residiu en diferentes localizacións como: a rúa Torno de San Gregorio, onde se estableceu a súa chegada; a Fonda do Cid onde residía cando publicou o anuncio anterior, moito máis céntrica; a rúa Granotes situada na Praza do Cemiterio de San Andrés; a rúa Juristas e a Praza de San Francisco(7) .

En outubro de 1845, coincidía con ela nesta mesma capital valenciana outra fotógrafa, Polonia Sanz Ferrer, coñecida profesionalmente co nome de Madama Sanz, de orixe aragonés, que facía ao igual que Fritz, retratos ao daguerrotipo así como outro fotógrafo, tamén daguerrotipista, Mr. Voelker, quen utilizaba o mesmo peródico que Madama Fritz, El Fénix, para inxerir os anuncios nos que dedicaba especial atención ás mulleres, ás que se ofrecía para darlles clases de fotografía(8) :

[…]En las ciudades más cultas de Europa, las señoras de primera distinción se dedican a la fotografía por entretenimiento y recreo. El artista espera que la ilustrada Valencia ocupará el debido puesto en la alta civilización europea, por lo que se ofrece asimismo a dar lecciones en las casas particulares como en la que ocupa Plaza de Cajeros, esquina a calle de las Fuentes nº 64, moderno, primera habitación.

Madame Fritz viaxa a Cataluña para realizar os primeiros retratos ao daguerrotipo en Reus(9) , no mes de maio de 1845, como así o testifica os anuncios inxeridos os días 2 e 3 deste mesmo mes, no Diario de Reus:

imaxe-texto

Ao igual que en Córdoba, sería a primeira persoa en realizar un daguerrotipo nesta cidade. No anuncio reflicte a súa experiencia profesional como daguerrotipista non só en toda España, senón tamén en Portugal. En Reus permanecerá, como di o anuncio, ata o día dez do mesmo mes de maio.

Aproveitando o seu paso por Cataluña, en xuño visitou Barcelona, unha cidade na que xa estivera ao principio da súa chegada á península, visita que fai mención o Diario de Barcelona con data 3 de xuño de 1845, no comentario que ven a continuación, en relación cun retrato ao óleo da reina Isabel II, pintado por Joaquim Espalter i Rull(10) , fotografado por Madame Fritz:

Ayer tarde observamos a una señora de nación francesa, que en uno de los salones del Palacio de la Diputación provincial estaba sacando una copia daguerrotípica del precioso retrato que posee aquella Excma. Corporación, obra de nuestro paisano el señor Espalter, que actualmente ocupa un lugar distinguido entre los primeros artistas de la corte.

Foi neste espazo pequeno de tempo, antes de volver a Barcelona, cando Madame Frit casou cun fotógrafo francés, chamado Durrieu, apelido que utilizou para aparecer nun anuncio con data 28 de xuño de 1845, no Diario Mercantil, de Valencia, no que informaba ao público do cambio de apelido, mencionando que xa era coñecida como Madama Fritz, que baixara os prezos e cambiara a súa residencia para a rúa dos Granotes, na Praza do cemeterio de San Andres nº 2, en Valencia, domicilio onde posiblemente residía a parella.

Visita de novo Barcelona no mes de xullo deste mesmo ano 1845, anunciando a súa chegada cun anuncio que publica o periódico El Barcelonés o día dous, no que volvía a retomar o seu apelido, Fritz:

AVISOS. Retratos al Daguerreotipo.
Madama Fritz conocida ya ventajosamente en esta capital tiene el honor de participar al público que vuelva á hacer toda clase de retratos á la sombra, coloreados, y no coloreados, de todas dimensiones, desde la sesta parte del grandor natural hasta la mas minima, por un método, propio suyo, en el tiempo de 8 a 12 segundos lo mas, brevedad que evita cualquiera incomodidad que puedan temer las personas mas delicadas.
La aceptación que han tenido sus obras en toda España y Portugal no la permiten duda, de que en esta ocasión obtendrá de esta población la misma buena acogida que obtuvo antes. Vive en la Rambla numero 15, entrada del café de la Reina.

En decembro de 1845 a parella de fotógrafos volvía deixar Valencia para viaxar a Barcelona. A noticia sábese a través doutro anuncio que o marido de Fritz realizou na prensa(11) .

A partir de 1854, Madama Fritz estableceuse en Portugal, traballando nas cidades de Oporto e Lisboa durante a segunda metade do século XIX(12) .

Madama Fritz axudou a popularizar a fotografía, como vimos, por varias cidades españolas, pero carecemos de información sobre a conservacións dos daguerrotipos que realizou.

NOTAS AO FINAL:

(1)Como xa se sabe, o daguerrotipo presentouse publicamente na Academia de Ciencias en París, Francia, no ano 1839 e foi o primeiro proceso fotográfico, desenvolvido e perfeccionado por Louis Daguerre, de quen toma o nome, grazas as experiencias previas de Joseph Niépce. O daguerrotipo consiste en poder fixar as imaxes obtidas por medio dunha cámara escura sobre unha prancha metálica ou vidro sensibilizada ao vapor de iodo, obtendo unha emulsión. Permite obter só un orixinal, sen posibilidade de reproducir copia algunha.

(2)Madame Valpery estivo asociada con Mr. Sardin na cidade de Madrid durante os meses de agosto e setembro de 1842, segundo o Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936) de Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso.

(3) GONZÁLEZ PÉREZ, ANTONIO JESÚS, “La fotografía más antigua de Córdoba. Origen de la Fotografía en Córdoba 1839-1862″. Fotoperiodista e especialista en Historia de la Fotografía: “La ciudad de Córdoba ocupa un lugar destacado en la historia de la fotografía española y europea. Su pasado hispanomusulmán, representado por la Mezquita Aljama, fue un imán que durante todo el siglo XIX atrajo a los más importantes fotógrafos y compañías europeas para captar la belleza de la perla del arte califal.”

(4)O anuncio que Madama Fritz publicou no Boletín Oficial da Provincia, consérvase na Biblioteca Municipal de Córdoba. Fonte Ilustracordoba.blogspot.com

(5)Segundo R. GARÓFANO SÁNCHEZ, Cádiz en la fotografía del siglo XIX, Madama Frith estaba nesa cidade o cinco de maio.

(6)El FénizEl Diario Mercantil, 05/11/1844.

(7)Información recollida do Directorio de Fotógrafos en España (1851-1936) de Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso.

(8)El Fénix, 30 de xuño de 1844. España y Alemania – Intercambio cultural en el siglo XIX. Estudios de Historia del Arte de la Asociación Carl Justi. Ars Iberica et Americana.

(9)EA ECOS DE LA ACADEMIA. Revista da Facultade de Educación Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) – Universidade Técnica do Norte – Ibarra – Ecuador. Num. 4-2016-Art.1. Los orígenes de la fotografía en la segunda ciudad de Cataluña: Reus, 1839-1903.

(10)Joaquim Espalter i Rull (1809-1880), foi un pintor catalán do século XIX, autor de numerosos cadros históricos.

(11)El Fénix, 05/12/1845

(12)En Oporto, desde 1854. A. SENA, Historia de imagem fotografica em Portugal.

 

FONTES:

  • Ilustra Córdoba
  • Fotógrafos alemanes en España en el siglo XIX
  • EA ECOS DE LA ACADEMIA. Revista de la Facultad de Educación Ciencia y Tecnología – FECYT – Universidad Técnica del Norte – Ibarra – Ecuador. Num.4-2016-Art.1- Los orígenes de la fotografía en la segunda ciudad de Cataluña: Reus, 1839-1903. Los orígenes de la fotografía en la segunda ciudad de Cataluña: Reus, 1839-1903. PhD. Albert Arnavat. Docente Investigador de la Universidad Técnica del Norte
  • SAZATORNIL RUIZ, LUIS y JIMÉNO, FRÉDÉRIC. El Arte español entre Roma y Parías (Siglos XVIII Y XIX). Intercambios artísticos y circulación de modelos. Casa de Velázquez. Madrid 2014.
  • GONZÁLEZ PÉREZ, ANTONIO JESÚS, La fotografía más antigua de Córdoba. Origen de la fotografía en Córdoba 1839-1862. Fotoperiodista e especialista en Historia da Fotografía.

 

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest