BERTHA VALERIUS (1824-1895)

PORTADA-ARTIGO

Foi unha fotógrafa pioneira e pintora sueca, primeira muller en ser nomeada retratista oficial da corte Real de Suecia.

VIDA

O seu nome completo é Aurora Valeira Albertina Valerius Ingell, nacida o 21 de xaneiro de 1824 en Estocolmo, Suecia. A súa nai era Kristina Aurora Ingell e o seu pai Johan David Valerius, oficial sueco e poeta, membro da Academia Sueca onde ocupaba o asento 15 e da Academia da Música e membro honorario da Royal Academy.

O seu pai estudara en Gotemburgo ensino medio, continuando cos seus estudos nas Universidades de Lund e de Uppsala, onde acadou a licenciatura en Dereito. A finais dos anos 1790 fixo un intento de ser cantante de ópera, pero debido ao medo escénico que padecía, resultoulle imposible. Con todo, continuou a facer unha gran variedade de traducións de óperas, operetas, comedias e dramas.

Bertha Valerius tiña unha irmá, Amalia Aurora Adelaida Leuhusen convertida en baronesa cando casou en 1852 co barón Axel Reinhold Leuhusen, de quen tomou o seu apelido. Ámbalas dúas irmás gustáballes a música e a pintura, pero Adelaida Leuhusen sempre amosou unha aptitude precoz para a música, materia na que se especializou en canto, tendo como mestres a importantes músicos de diferentes capitais europeas nas que daba concertos, como en Berlín, Frankfurt e París. Foi profesora de canto de Christina Nilsson, unha das sopranos suecas máis importantes da época, que chegou a ser membro da Real Academia Sueca de Música en 1869 e a quen presentou en París, onde comezou a súa carreira internacional. Sen deixar a música, Adelaida Leuhusen comezou a formarse como pintora a partir de 1874 en Dresden e Florencia, chegando a participar coa súa obra nas exposicións da Real Academia Sueca das Artes.

Ao igual que a súa irmá, Bertha Valerius amosou tamén unha actitude precoz para a música e a pintura, pero mentres a súa irmá inclinábase pola música e o canto, ela prefería o debuxo e a pintura. Comezou a súa formación artística, aos vinte anos, na Real Academia de Bellas Artes de Suecia, xusto cando abriu as súas portas para as estudantes femininas, onde tivo como compañeira de clase a Augusta Borg, unha importante pintora sueca que tamén abriría gabinete fotográfico en Gotemburgo. Aquí adquiriu seguridade técnica e a base necesaria para o seu desenvolvemento no futuro como artista.

En 1852 viaxou ao continente, visitando Düsseldorf, Dresde e París. Nestas cidades estudou, seguindo as antigas tradicións, tanto a arte antiga como a recente. Bertha Valerius era unha persoa sensible e inquieta, con moita enerxía que desexaba traballar para poder independizarse e ser ela quen manexara o timón da nave da súa vida, algo impensable nas mulleres do seu tempo, así que ao seu regreso a Suecia, comezou a pintar retratos, expoñendo as súas obras na Real Academia Sueca das Artes entre 1853 e 1856.

Era así mesmo, unha persoa escrupulosa e responsable co seu traballo e como tal, desexaba ampliar os seus coñecementos técnicos, así que oito anos máis tarde, en 1860, ofreceuse para acompañar a súa irmá Adelaida Leuhusen a París onde ía estudar canto. Durante a súa segunda estancia na cidade do Sena relacionouse con diferentes artistas o que lle permitiu coñecer con detalle os segredos da arte fotográfica, que naqueles momentos comezaba a despegar grazas ao invento do colodión húmido por Frederick Scott Archer e o seu emprego no papel “negativo” proposto por Le Gray.

Ao seu regreso en Estocolmo, en 1862, sen deixar a pintura, abriu o seu propio gabinete fotográfico, converténdose nunha das primeiras mulleres fotógrafas. A novidade da materia e os destacados gustos artísticos de Bertha Valerius así como o seu constante esforzo, pronto fixeron que medrara a súa reputación e, un ano máis tarde, en 1863, xa estaba considerada como unha das fotógrafas máis destacadas de Estocolmo.

Abriría o seu gabinete na época en que a fotografía experimentara un gran avance. O daguerrotipo dera paso a un novo adianto da fotografía, o colodión húmido, que permitía preparar copias ilimitadas de cada negativo, algo imposible de realizar co invento de Daguerre. Nesta época, a finais da década de 1850 e principios da dos 60, comezaron a establecerse en Suecia os primeiros gabinetes fotográficos, antes que Bertha Valerius establecérase como fotógrafas Hedvig Soderstrom en Estocolmo sobre 1857 e Hilda Sjölin na cidade de Malmö no ano 1860, chegando a ser un total de catorce mulleres entre os cen fotógrafos rexistrados, aínda que a maioría delas traballaron moi pouco tempo.

No ano 1864 foi a primeira muller en ser nomeada retratista oficial da Corte Real de Suecia. Na Corte realizou retratos dos reis Carlos XV e Oscar II, sucesor do anterior, este último doado ao Club de Jockey en Londres. Fotografou tamén á reina nai Xosefina de Leuchtenberg e a varias condesas, todos eles en mans privadas. Algúns destes retratos eran óleos sobre lenzos.

En 1866, foi premiada nunha exposición realizada en Kungsträdgarden (O xardín do rei), un parque situado no centro de Estocolmo, onde foi premiada cun diploma de honra.

Trasladou en 1867 o seu gabinete fotográfico situado na rúa Mestre Samuelsgatan para establecerse nunha zona onde estaban os gabinetes nos que a clase alta e a clase media rica visitaban, nunha das prazas máis céntricas de Gotemburgo, a praza Gustaf Adolfs Torg. Aquí Bertha Valerius ademais de retratos, a súa actividade principal, realizaba tamén collages fotográficos.

A pesar da gran demanda que tiña como fotógrafa, pechou o seu gabinete fotográfico en 1872 para sempre, cando tiña 42 anos, dedicándose a partir desa data exclusivamente á pintura de retratos, onde tamén alcanzou gran éxito, sobre todo cunha pintura onde representa a Jesucristo rezando, unha imaxe que se fixo moi popular, da que se reproduciron miles de tarxetas postais por todo o país.

Bertha Valerius non casou nin tivo descendentes. Faleceu o 24 de marzo de 1895, aos 71 anos de idade en Estocolmo.

As coleccións do Museo Nórdico teñen no seu poder algún dos seus retratos, incluída a súa paleta de madeira con residuos de pintura. Así mesmo, está representada na Academia das Artes en Estocolmo, na Biblioteca da Universidade en Uppsala e na Academia das Ciencias e o Museo de Linköping.

OBRA

Algúns retratos fotográficos:

Algúns retratos ao óleo:

FONTES

Páxinas web:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest