AMALIA LÓPEZ CARRERA (1837-1899)

portada artigo

Foi unha das primeiras mulleres que exerceron a fotografía profesional no Estado Español.

VIDA:

Non hai moitos datos dos rexistros sobre Amalia López Cabrera, agás que naceu en Almería no ano 1837, polo que se descoñece o nome dos seus pais e demais familia.

Traslada o seu domicilio a Jaén cando casa aos vinte anos, en xuño de 1858 con Francisco López Vizcaíno, editor, tipógrafo e dono dunha coñecida imprenta da localidade. Francisco era viúvo e tiña tres fillos do seu primeiro matrimonio.

Amalia López Cabrera aprendeu a fotografar co Conde de Lipa, nome polo que era coñecido Ludwik Tarszenski Konarzenski (1793-1871), un capitán do exército polaco, recoñecido pola súa participación no Levantamento de Novembro contra Rusia, motivo que o levou a exiliarse a París, onde residiu algún tempo; participou en 1843 na defensa contra o asedio que sofría a cidade de Sevilla, por parte do General Espartero, razón pola que a reina Isabel II nomeouno Caballero de la Orde de Isabel la Católica; foi o fotógrafo de cámara das Raíñas Isabel II de España e María II de Portugal, ademais de profesor de fotografía, que traballou polo sur da península ibérica, residindo en diferentes localidades, entre elas Jaén. Un dos retratos que se conservan do Conde de Lipa foi realizado pola propia Amalia López Cabrera.

Xunto co Conde de Lipa, introducíronse na península outros profesionais estranxeiros como Charles Clifford ou Eugenio e Enrique Lorichon, entre os máis destacados, que ademais de fotografar e ensinar a técnica por todo o territorio, vendían todo o material necesario para realizar daguerrotipos, calotipos e colodión húmido: cámaras, trípodes, placas e produtos de fixado e revelado; fomentando así fotógrafas e fotógrafos locais, como no caso de Amalia.

Amalia L. Cabrera, abriu o seu primeiro gabinete fotográfico, a principios de 1860, na mesma casa onde vivía, na rúa Obispo Arquellada nº 2, compartindo espazo coa imprenta do seu marido. Como titular do estudio que acababa de instalar, rotulaba os soportes de cartón das fotografías co seu nome.

Familiarizada como estaba coa imprenta, Amalia L. Cabrera inxeriu con data 16 de febreiro de 1866, un anuncio no periódico local “El Anunciador de la provincia de Jaén”, no que textualmente dicía:

Gabinete Fotográfico. Calle Obispo Arquellada 2. Retratos. Grupos. Reproducciones. Vistas. Se han obtenido todos los adelantos recientes en este establecimiento, que podrán ver las personas que lo favorezcan en un álbum donde se han colocado algunos trabajos nuevos. No se entregan retratos si no satisfacen a las personas interesadas. Se sacan fotografías en todos [los] tamaños.

Hay una colección de fotografías en targeta [sic] compuesta de cuadros de Murillo y Rafael, vistas de la Catedral de Jaén, reproducciones de imágenes veneradas y retratos de personajes distinguidos, etc., etc.

Horas de trabajo desde la diez a las dos de la tarde. Se hacen retratos aun en los días nublados. Tiempo de exposición casi instantáneo.

Do texto do anuncio pódese deducir que Amalia L. Cabrera non só traballaba no estudio, realizando retratos de todo tipo: familia, nenos, señoras, posiblemente tamén de defuntos (algo habitual en todo o século XIX) e o que se terzara, senón que tamén fotografaba exteriores, realizando vistas da cidade, de monumentos e de pinturas, que logo vendía en formato tarxeta postal no seu estudio. Así mesmo, no anuncio indica o horario no que retrataba, entre as dez da mañá e as dúas da tarde, que son as horas do día onde hai máis luz, e avisa que o tempo de exposición era case que instantáneo, rapidez que permitía o uso da técnica do colodión húmido.

Tomando como referencia o ano 1860, no que se estableceu como fotógrafa, o tempo sitúa a Amalia López Cabrera entre as primeiras profesionais en exercer a fotografía en Andalucía; despois de Madama Fritz, de Durrieu, daguerrotipista que comezou en Córdoba en 1844 e a Viúva de Luís León Masson, en Sevilla dende comezos de 1851. Tempo máis tarde virían outras, como Joaquina Mayor Baro, viúva de Lorichon en 1855; Luisa Dorave en 1866, que exercería a profesión como fotógrafa en Málaga; ou Pastora Escudero que rexentaría un gabinete fotográfico en Sevilla no ano 1866.

Por esta época, exercían a fotografía en Jaén outros dous fotógrafos, Higinio Montalvo que tiña aberto un gabinete estable, onde conxugaba os oficios de pintor e fotógrafo, algo moi usual nos períodos iniciais da arte de Daguerre e, Genaro Giménez.

Confiando na súa experiencia profesional participou en 1868 na Exposición Aragonesa, unha exposición rexional celebrada entre o 15 de setembro e novembro dese mesmo ano, onde conseguiu unha mención honorífica polo seu traballo fotográfico. Na exposición participaban os mellores fotógrafos que había no estado naquel momento, entre eles estaba a firma catalá Antonio F. Napoleón, onde participaba Anaïs Napoleón xunto co seu marido e fillo, a primeira fotógrafa catalá en utilizar o daguerrotipo; Pedro Martínez Hebert, de Madrid; Eusebio Juliá e García Núñez, de Madrid; Mariano Judez e Ortíz, de Zaragoza…

Este mesmo ano 1868, Amalia L. López trasladou a súa residencia familiar a Madrid, onde o seu marido continuou co negocio de impresión, pero non hai datos sobre si continuou fotografando. Aquí, na inmensidade da cidade pérdese a súa pista. Nesta mesma localidade morrería aos 62 anos de idade, en 1899.

OBRA:

Posiblemente durante os oito anos que se coñece estivo traballando como profesional, e seguramente moitos máis, Amalia L. López realizou centos de fotografías pero, o maltrato sufrido polas mulleres ao longo da historia fixo que a conservación do seu traballo non se tivera en conta.

Foi unha das primeiras fotógrafas profesionais en utilizar a técnica do colodión húmido en España e, polos datos recollidos, de conservarse o seu traballo, Jaén contaría cunha visión máis ampla de como era a cidade e a vida a principios da primeira metade do século XIX.

Aquí so podemos mostrar unha fotografía do retrato que lle fixo ao Conde de Lipa e familia, realizado en 1863, que está gardada no Archivo H. Luike.

1863 - Retrato do Conde de Lipa e a sua familia copia
FONTES:

  • Exposición Aragonesa de 1868. Catálogo de los expositores premiados a propuesta de la Junta General del Jurado.
  • Rediris
  • Camaracoleccion.es

  • Mujeres tras la cámara. Fotógrafas en la Andalucía del siglo XIX. Antonia Salvador Benítez. Universidad Complutense de Madrid. Facultad Ciencias de la Documentación. Dpto. Biblioteonomía y Documentación.
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest