FRANCES BENJAMIN JOHNSTON (1864-1952)

CABECERA ARTIGOFoi unha das primeiras fotógrafas profesionais e xornalistas dos Estados Unidos, coñecida por ser unha defensora tenaz das mulleres fotógrafas e os seus dereitos, que sobresaíu polas series de fotografías que realizou sobre as orixes da arquitectura do seu país.

VIDA:

Frances Benjamin Johnston naceu durante a guerra civil americana, o 15 de xaneiro de 1864 en Grafton, West Virginia, Estados Unidos. Única filla que sobreviviu dos catro fillos que tiveron os seus pais, Frances Antoinette Benjamin e Anderson Doniphan Johnston, persoas adiñeiradas e ben relacionadas socialmente.

Cando tiña aproximadamente once anos, en 1875, a súa familia trasladouse a Washington, DC; onde a nai traballou como periodista do Congreso e crítica dramática para o “Baltimore Sun”. O seu pai traballaba no Departamento do Tesouro.

No ano 1882, cando contaba dezaoito anos e moito tempo antes de que descubrira a fotografía, Frances Benjamin Johnston publicou o seu primeiro artigo, titulado “As cousas vellas xa pasaron”, na revista “Saint Nicholas”.

Formouse asistindo ao “Notre Dame Convent” en Govanston, Maryland (agora coñecido como “Notre Dame”, da Universidade de Maryland), un centro creado para mulleres novas en Govanstown, un barrio situado ao nordeste de Baltimore, Maryland (agora parte da cidade de Baltimore). Tras a súa graduación viaxou a Europa en 1883, permanecendo en París, Francia, para estudar debuxo e pintura na “Académie Julian”, unha escola de arte privada de pintura e escultura fundada polo pintor e profesor francés Rodolphe Julian, famosa pola cantidade e calidade de artistas que participaron durante o gran período de efervescencia que tiveron as artes no inicio do século XX.

De volta aos EE. UU., inscribiuse na “Art Student’s League”, fundada anos antes por un grupo de artistas, case todas mulleres, situada no West 57TH Street, en Manhattan, Nova York, como resposta ás demandas para atender ao alumnado de todas as esferas da sociedade que non podía soportar taxas moi altas nas matrículas e que requirían dispoñer de horarios flexibles para acomodalos ás súas necesidades.

Chegado o ano 1886, retornou a Washington DC para incorporarse ao museo de arte “Corcoran Gallery of Art”, unha das institucións culturais máis antigas da capital dos Estados Unidos, máis tarde coñecida como a “Corcoran College of Art”. Durante a súa estancia aquí gozou dunha vida moi bohemia.

A súa primeira cámara fotográfica foi unha “Kodak 100 Vista”, que utilizaba carretes de 100 fotos circulares. Recibiuna de mans do propio George Eastman, un amigo próximo da familia, inventor do primeiro filme en forma de rolo en 1884 e das cámaras “Eastman Kodak” en 1888. Neste mesmo ano, Frances Benjamin Johnston comezou a estudar técnicas fotográficas e de laboratorio na “Smithsonian Institution”, con Thomas Smillie, un fotógrafo e arquivista esocés-americano, fotógrafo oficial e curador honorario da institución que leva o seu nome.

Despois de formarse, e antes de traballar como fotógrafa independente, Frances Benjamin Johnston realizou retratos de amigos, familiares e figuras locais e utilizou os contactos que lle pasara Thomas Smillie para visitar importantes fotógrafos. A súa experiencia práctica como fotógrafa incrementouse cando pasou a traballar para a empresa “Eastman Kodak”, recentemente aberta en Washington polo amigo da familia George Eastman.

A fotografía documental tivo gran auxe a partir da década de 1890, e Frances Benjamin Johnston reunía as cualidades idóneas para conseguir o éxito dentro do campo periodístico, era unha muller de carácter, cunha forte personalidade, ousada e audaz ademais de posuír un gran talento como fotógrafa. Escribiu varios artigos ilustrados con fotos para revistas como “Demorest Family”, “Cosmopolitan”, “Harper Semanal”, “Ladies ‘Home Journal” e outros periódicos, onde incluía todo tipo de fotografías e temáticas. Un dos seus artigos máis famosos foi o titulado “Mammoth Cave by Flashlight”, publicado no “Demorest’s Family Magazine” en 1892, onde explicaba como fixera as fotografías, a iluminación da cova e o uso do flash, ilustrándoo con imaxes dunha gran beleza.

Abriu o seu propio estudio fotográfico no ano 1895, en Washington, DC, na V Street, entre a 13 e 14 Streets, sendo a única muller fotógrafa en toda a cidade. Conectada como estaba coa sociedade de elite, as revistas encomendáronlle facer retratos de “famosas e famosos” entre os que destacan: o retrato de vodas de Alicia Roosevelt, varios retratos do Almirante Dewey (do que se fala máis adiante) a bordo do barco “USS Olympia”; Susan B. Anthony, activista feminista que xogou un importante papel no movemento dos Dereitos da Muller no século XIX; Mark Twain ou a Charlotte Perkins Gilman, escritora. Tamén fotografou á famosa herdeira americana Natalie Clifford Barney, unha dramaturga estadounidense, poeta e novelista que vivía expatriada en París, pero quizais a obra máis famosa de Frances B. Johnston sexan os seus autorretratos: nun deles, realizado en 1896, aparece como unha “New Woman”, en actitude desafiante, sentada, fumando, cunha xarra de cervexa na man e amosando as enaguas, unha fotografía que causou escándalo; noutro autorretrato, tan provocador como o anterior, aparece vestida cun traxe de chaqueta pantalón, con chaleco e un bigote pintado, apoiando as súas mans no guiador dunha bicicleta.

Dada a súa familiaridade co escenario político de Washington, grazas a súa nai, foi aceptada como fotógrafa non oficial, con acceso á Casa Branca durante as administracións de Benjamin Harrison, Grover Cleveland, William McKinley e Theodore Roosevelt. Fotografou aos equipos de goberno, ao persoal da casa, visitantes, dependencias, aos familiares dos presidentes, como o fillo de Roosevelt, Quentin, a quen fotografou acompañado dun amigo de cor xogando coa súa mascota (un cabalo anano) nos xardíns da casa Branca; actividade pola que se gañou o alcume, segundo os seus biógrafos Pete Daniel and Ratymond Smock, de “Fotógrafa da corte Americana”. Foi unha época na que Frances Benjamin Johnston vivía unha dobre vida, por unha parte a dunha muller vitoriana convencional que entraba na Casa Branca e nos círculos oficiais de Washington, e por outra a da muller bohemia que frecuentaba e conectaba coa comunidade artística, poetas, escritores, actrices e actores que formaban parte das súas amizades e que estaban en contra dos convencionalismos e tradicións vitorianas.

Frances Benjamin Johnston exhibiu por primeira vez as súas fotos no ano 1891, no Cosmos Club, un club social privado de Washington, fundado por John Wesley Powell en 1878 que tiña entre os seus obxectivos poñer os medios para que os seus membros avanzaran na ciencia, na literatura e na arte. Un club moi importante que chegou a contar entre os seus compoñentes a varios presidentes e vicepresidentes norteamericanos, xuíces do Tribunal Supremo, Premios Nobel, etc. Recoñecida como fotógrafa expuxo en varias galerías de arte en Nova York.

Foi unha das fotógrafas oficiais da Exposición Universal de Chicago, coñecida tamén como “World’s Columbian Exposition”, realizada nos EE. UU. entre maio e outubro de 1893, unha exposición que tiña como tema o cuarto centenario da descuberta do Novo Mundo por Cristóbal Colón.

Na arte emerxente da fotografía, amósase como unha defensora constante do papel das mulleres fotógrafas, proba disto son as reportaxes que publicaba nas que se implicaba dando importancia á que as mulleres recibiran unha boa educación. Quizais o artigo máis coñecido, dada a gran difusión que tivo entre as mulleres que pretendían acceder como profesionais ou afeccionadas á fotografía, foi o publicado no “Ladies Home Journal” no ano 1897, titulado “O que unha muller pode facer cunha cámara”. Nel, Fracnes Benjamin Johnston aconsella ou guía ás mulleres que querían converterse en fotógrafas:

A muller que fai a fotografía rendible, ten que ter, como cualidades persoais, sentido común, paciencia ilimitada para levala a través de fracasos interminables, tacto igualmente ilimitado, bo gusto, un ollar rápido, un talento para o detalle, e un xenio para o traballo duro.

Durante a última década do século XIX, dedicouse a viaxar por Europa. Na visita realizada aos portos europeos, Frances Benjamin Johnston, efectuou unha serie de fotografías sobre as persoas e as actividades á bordo do barco USS Olympia, mentres o barco do Almirante Dewey estaba en Nápoles, Italia. O Almirante da Forza Naval Estadounidense, George Dewey, sería recordado pola súa vitoria, sen perder ningún dos seus homes na Batalla da Baía de Manila, acontecida no ano 1898 durante a Guerra Hispano-Estadounidense. Este traballo consta de 241 fotografías: 151 de xelatina de prata, 88 cianotipos e 2 a albúmina; conservadas en dous álbums de 28×34 cm que foron publicadas en 1899. Na serie pódese ver, ademais do barco, mariñeiros no traballo e no lecer, con animais, con vendedores ambulantes, comendo e lavando a roupa; algúns retratos son individuais e outros en grupo, incluíndo policías, cociñeiros asiáticos, pasaxeiras do sexo feminino e ao Almirante Dewey. Esta colección forma parte a igual que a anterior da Biblioteca do Congreso dos EE. UU.

Gañou moita máis notoriedade cando foi contratada no ano 1899 para documentar as escolas públicas de Washington, DC. Deste traballo, a Biblioteca do Congreso conserva 361 fotografías de tamaño 19 x 24 cm, obtidas polo método do cianotipo. Esta serie componse de fotografías de Educación Secundaria, Educación Secundaria Júnior, Educación Elemental, escolas profesionais en Washington, DC, e as actividades escolares, incluíndo clases de química, cociña, deseño, educación física, excursións a museos, zoo, Biblioteca do Congreso, entre outras. O traballo estaba acompañado de catro libretos titulados: “A nova educación lustrada, por Edith Westcott con fotografías da vida por Frances Benjamin Jonhnston”. As fotos foron exhibidas na exposición de París de 1900.

No ano 1900 Frances Benjamin Johnston foi seleccionada para actuar como unha das delegadas do “International Congress of Photography” celebrado conxuntamente coa Exposición Universal de París. Este foi un dos eventos con maior éxito da historia, pois foi visitado por cincuenta millóns de persoas. Actuou como curadora da mostra, composta por unhas 150 fotografías de máis de vinte e oito fotógrafas estadounidenses, pondo de relevo que existían mulleres con talento capaces de expresarse no campo das artes visuais, un mundo que estaba reservado só para os homes. A exposición visitaría cidades como Moscú e Londres.

Neste mesmo ano 1900, Frances Benjamin Johnston realizaría outra serie de fotografías, esta vez sobre o “Hampton Normal and Agricultural Institute”, en Hampton, estado de Virxinia, o primeiro instituto que admitía afroamericanos e nativos americanos nas súas aulas. O traballo constaba de 173 imaxes das que 164 eran xelatina de prata e 9 cianotipos. Na serie pódense ver estudantes afroamericanos en laboratorios, artes liberais e clases de ciencias agrícolas. As imaxes, na súa maioría, son retratos de grupo de organizacións de estudantes, edificios, campus e vida rural dos arredores, a través das que conseguiu ilustrar a filosofía desta escola e as ideas que alí se xestaban. Parte destas imaxes foron expostas con gran éxito na “American Negro Exhibit”, exposición organizada para dar a coñecer a historia, educación e progreso dos afroamericanos; sendo galardoada cunha medalla, gañando así o “Grand Prix” da mostra na que o xurado afirmaba: “Existe unanimidade en declarar que nunca antes a lente dun fotógrafo fora tan elocuente na narración dun traballo como este”. Ao igual que as coleccións anteriores, está baixo a custodia da Biblioteca do Congreso de EE. UU.

No ano 1901, tomou a derradeira fotografía do presidente McKinley, pouco antes de ser asasinado o seis de setembro deste mesmo ano, na “Pan American Exposition”.

Frances Benjamin Johnston realizou no ano 1902, por encargo dun dos seus fundadores, Booker T. Washgington, unha reportaxe do vixésimo aniversario do “Tuskegee Normal and Industrial Institute”, en Alabama, un instituto similar ao de Hampton, e que no ano 1985 adquiriría rango universitario. O estudio tivo como resultado a obtención de 648 fotografías, das cales 595 son xelatina de prata, 52 cianotipos e 1 albúmina. No traballo inclúe retratos de Booker T. Washington, a súa esposa, William H. Taft e de Andrew Carnegie, membros do consello de Tuskegee; retratos de grupos de profesorado e alumando; estudantes en clase e nas actividades extraescolares; cerimonia do 25º aniversario, e outras escenas. Nalgunhas destas imaxes emprega técnicas de fotomontaxe.

Durante o ano 1903 parte do seu traballo centrouno en documentar as vilas e cidades situadas nos Grandes Lagos. Este serie está composta por 200 fotografías, 164 de xelatina de prata e 36 cianotipos. As fotografías son tomas sobre viaxes e actividades turísticas, incluíndo retratos individuais e de grupo de turistas, así como indios norteamericanos; embarcacións, como barcos de vapor, veleiros e canoas, na auga e no peirao, un navío cuberto con xeo; o faro do lago St Clair; escenas no río do St Marys; rúas; imaxes sobre o traballo que se facía na mina a ceo aberto en Mesabi Gama, ao norte de Minnesota; portos e actividades de transporte marítimo, incluíndo peiraos de mineral en Cleveland, Ohio, e Duluth, Minnesota; homes que traballaban na central e serrarías nas proximidades de Duluth como xornaleiros.

Fotografía no ano 1904 a Feira Mundial de St Louis, Missouri, da que se gardan na Biblioteca do Congreso 165 fotografías, 78 de xelatina de prata e 87 cianotipos. Nelas pódese ver a apertura da cerimonia de inauguración e diferentes puntos de vista dos salóns da exposición, así como africanos e asiáticos co traxe nativo, implicados en actividades fóra das cabanas.

Emprende unha viaxe por todo o mundo no ano 1905. En París visita aos irmáns Auguste e Louis Lumière. Con eles aprendería o novo proceso de fotografía en cor coñecida como “autochrome”, un proceso fotográfico patentado no ano 1903 polos irmáns Lumière e comercializado no ano 1907, que resultou ser o único procedemento en cor dispoñible ata o ano 1935. Na Biblioteca do Congreso, consérvanse 859 fotografías deste traballo, 754 xelatina de prata, 103 cianotipos e 2 albúminas. Son imaxes de edificios, detalles arquitectónicos, pontes, fontes, ruínas romanas, paisaxes, persoas exercendo actividades típicas rurais, escenas de aldea, retratos individuais e de grupo, artistas de París, e outros realizados en Inglaterra, Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Suíza, Holanda e lugares de Oriente Medico, como Constantinopla (Istambul), Grecia, Siria e Haifa. Entre os retratos realizados, destacar os de Gertrude Käsebier, Antoine Lumière e Auguste Rodin.

Recibiu a primeira encomenda para fotografar arquitectura no ano 1909, por encargo do arquitecto John M. Carrère, fotografando o interior e o exterior do “New Theater” (tamén coñecido como “Century Theater”), en New York, NY.

Entre 1910 e 1930, aproximadamente, fotografou, investigou e deu conferencias sobre xardíns, na que se convertera en toda unha especialista. Frances Benjamin Johnston foi unha defensora dos xardíns. Ilustrou, utilizando diapositivas, diferentes conferencias entre socios de clubs, museos e sociedades hortícolas. O historiador Sam Watters deu sentido a toda esta colección investigando a vida de Frances B. Johnston, rastreando información en bibliotecas e arquivos de todo o país, durante cinco anos, para identificar cada un dos xardíns. O libro que escribiu “Xardíns para América fermosa” ofrece o contexto necesario para a comprensión destas diapositivas. As fotografías representan máis de 200 sitios-xardíns, principalmente privados, pero tamén amosa hortas, unha biblioteca pública e museo, e varios parques. Xeograficamente están localizados no Sur, Este e Oeste americano, ademais de toda unha representación de xardíns europeos en Italia, Francia e Inglaterra, de cando Frances B. Johnston viaxou por Europa durante nove meses. As fotografías datadas entre 1913 e 1917, foron tomadas durante a súa colaboración con Mattie Edwards Hewitt, unha fotógrafa estadounidense especializada en arquitectura, paisaxe e proxectos, con quen estivo asociada durante catro anos na empresa chamada “Johnston-Hewitt Studio”, en Nova York.

No ano 1930 traballou nun proxecto para axudar a preservar os monumentos históricos e animar o interese pola historia da arquitectura americana. Esta investigación comezou sendo financiada para documentar a propiedade Chatham (propiedade restaurada por Helen Devore) e as proximidades de “Fredericksburg” e “Old Falmouth”, Virxinia, ambas financiadas pola Sra. Devore. Grazas a este traballo de encarga sobre a arquitectura en Fredericksburg, Frances B. Jonhston incrementou aínda máis o seu interese pola arquitectura e o estado das edificacións. Sendo consciente do estado ruinoso de moitas das construcións que fotografaba, creou un arquivo fotográfico con todas elas para que quedara constancia da súa existencia. Un traballo moi minucioso onde chegaba a comparar as grandes mansións coas casas ruinosas da xente traballadora. Rematado este traballo, amosouno nunha exposición titulada “Un documento histórico que conserva algo da atmosfera da antiga cidade de Virxinia e os seus arredores”, 247 fotografías que ilustraban a rexión dende a época colonial ata a década de 1930.

Como resultado do traballo exposto sobre Fredericksburg, o Estado de Carolina do Norte requeríuna en 1933 para realizar un traballo sobre a arquitectura histórica. E a “Carnegie Corporation” de Nova York contratouna para que documentara a arquitectura antiga do estado de Virxinia. Para realizar este estudo concedéronlle ata seis becas, durante os sete anos que durou o traballo, para documentar as construcións do estado de Virxinia e de outros oito estados do sur, coa condición de que depositara os negativos na Biblioteca do Congreso de Wahington, para que todo o mundo puidera acceder aos mesmos. O seu método de traballo era moi rigoroso. Cando chegaba a unha cidade reunía ás autoridades locais e a cidadanía da zona para informarse. Estudaba minuciosamente cada un dos sitios que visitaba e verificaba datos e documentos con arquitectos e historiadores, agrupacións e asociacións locais, en busca da máxima información posible que lle permitira documentar as súas fotografías. Logo daba conferencias para concienciar á poboación sobre a necesidade de preservar todas estas estruturas declarándoas patrimonio ou paraxes naturais de interese histórico.

Frances B. Johnston percorreu na década de 1930 miles de millas en busca de construcións do pasado arquitectónico americano a punto de desaparecer (antigas granxas, palleiros, muíños, refuxios de madeira das persoas pioneiras), e logrou descubrir lugares esquecidos dende facía décadas. Chegou a coleccionar ata dez mil imaxes que documentan a primeira arquitectura americana.

Entre 1937 e 1945, realizou diferentes exposicións nas que expuxo as series de arquitectura nas cidades de Baltimore, MD; Chapel Hill, NC; Charleston, SC; New Orleans, LA; St Augustine, FL; e Washington, DC. As súas fotografías ilustraron libros sobre arquitectura.

Mudouse no ano 1945 a Nova Orleans, LA, para establecerse no Barrio Francés, nunha casa que adquirira no ano 1940, onde levou unha vida tranquila, independente e bastante solitaria nos seus últimos anos, aínda que a súa enerxía non diminuíu, pois transformou o patio da casa, que estaba en ruínas, nun fermoso xardín cunha pequena piscina e paseaba polo barrio francés apoiada nun bastón, sentándose nos bares a falar e beber licor de cereixa, prescindindo do “whiskey borbón” ao que era afeccionada, por prescrición médica.

O mesmo ano do seu traslado a Nova Orleans, sería nomeada membro honorario do “American Institute of Architects” polo seu notable traballo fotográfico sobre a arquitectura dos inicios dos Estados Unidos.

Frances Benjamin Johnston morreu en New Orleans o 16 de maio de 1952, aos 88 anos de idade, sendo enterrada no Rock Creek Park Cemetery, en Washington DC. A pesar da notoriedade que adquirira, a súa morte pasou case que desapercibida para a prensa, tan só o “New Orleans TimesPicayune” fíxose eco do seu falecemento, pero cunha data incorrecta.

As súas fotos e documentos complementarios foron vendidos á Biblioteca do Congreso, un ano máis tarde da súa morte.

OBRA:

A maior parte da súa obra foi mercada por museos como o “Metropolitan”, o “Virxinia Museum of Fine Art” ou o “Baltimore Museum of Art” e tamén por moitas universidades que adquiriron series para as súas bibliotecas.

A contribución que fixo Frances B. Johnston á conservación da historia americana foi tan valiosa que os seus traballos están sendo utilizados por historiadores, conservadores, estudantes, arquitectos e numerosos profesionais interesados na historia da arquitectura dos Estados Unidos.

As series que realizou, caracterízanse pola súa minuciosidade, tanto nos exteriores como nos interiores, para ela ambos eran importantes.

A pesar de que deixa o retrato de persoas a finais do XIX, nas súas fotografías de arquitectura aplica o mesmo proceso de encadre para reflectir a personalidade da edificación, a súa singularidade, o seu propio estilo. Frances B. Johnston potencia cada un dos elementos que retrata: escaleiras, chemineas… Para a realización das fotografías de casas familiares, convencía aos seus moradores para que marcharan e a deixaran fotografar soa, presentándonos así, fotografías de casas valeiras, sen presencia humana, reflectindo esa desolación que transmiten os muros vellos.

As súas fachadas presentan unha variedade de texturas e de tramas moi diversa e moi rica en matices, en canto a gama de grises (o seu traballo é en branco e negro), os tons e intensidades superpóñense, pero nunca se solapan; a fotógrafa sabe como potenciar as transparencias entre elas, sumar calidades e tonalidades con o acerto e a habilidade de crear un mosaico harmónico de texturas do material da fachada en cuestión, mesturando coas sombras, por exemplo, as árbores que circundan a construción fotografada, integrando ademais o elemento arbóreo na toma. Johnston encadra cunha liberdade de acción tal, que pode cortar e axustar a vista onde lle veña en gaña, rompendo regras e moldes compositivos creando ela as súas propias. Non sinte a necesidade de dar unha visión global da construción que quere dar a coñecer, ela determina, axusta o límite e enmarca onde quere, como por exemplo omitir parte do acabado final dunha edificación, ou dunha ventá, ou dun lateral dunha fachada, demostrando a seguridade que sinte cando fixa a súa mirada.

Foi unha das fotógrafas defensoras dos xardíns, imaxes que amosa de máis de douscentos sitios, xardíns principalmente privados, pero tamén hortícolas e varios parques. En relación con estas imaxes, deu varios conferencias. Na charla titulada “Os nosos xardíns americanos”, amosaba imaxes de propiedades dende Virxinia a Rhode Island. No ano 1917 presentou “Xardíns de California” e na década de 1920 impartiu diferente charlas sempre con o xardín como tema central: “Problemas do pequeno xardín”, “Xardíns para City e Suburbio”, “Flor de xardinería salvaxe”… Como resultado da súa xira por Europa, presentou “O vello mundo dos xardíns” que exhibiu en prestixiosas galerías de Nova York.

Dende finais dos anos 1920 á década de 1940, Frances Benjamin Johnston traballou en estreita colaboración coa Biblioteca do Congreso, creando un arquivo moi importante que complementa a historia americana das construcións e outras coleccións da biblioteca fundada por Leicester B. Holland, mentres foi o xefe da División de copias e das fotografías. A Biblioteca mercou o ficheiro Johnston no ano 1953, incluíndo as diapositivas (pequenas transparencias de vidro, polo xeral 3,25 x 4 polgadas, deseñadas para usar cun proxector) que realizou durante toda a súa colaboración, e que representan aproximadamente o 70% das imaxes que a fotógrafa efectuou na súa vida.

Ao longo da súa vida profesional realizou diferentes publicacións. Os seus artigos apareceron en publicacións tan importantes, como a revista de “Demorest Family”, “Cosmopolitan”, “Revistas de Frank Leslie”, “Harpista weekly”, e as “Ladies ‘Home Journal”:

  • Artigos que publicou na revistaFamilia Demorest”:
    • Diñeiro do tío Sam, decembro 1889-xaneiro 1890
    • Historia na Casa Branca, maio-xuño 1890
    • Algunhas casas baixo a administración, xullo-decembro 1890
    • A través do País de carbón cunha cámara, marzo 1892
    • A Evolución dunha gran Exposición, describindo a configuración da Exposición de Chicago, abril 1892
    • Cova Mammoth por Flashlight, xuño 1892
    • Das profundidades dun mar cristalizadas, febreiro 1893
    • Alegacións estranxeiras en Washington, Abril-xullo 1893
    • Un día en el Niagara, agosto 1893
  • Outras publicacións coas que colaborou:
    • The New Tenants da Casa Branca, “Ladies ‘Home Journal”, outubro de 1897
    • Os alumnos do Art of War, “Illustrated americano”, 23 de xuño de 1894
    • Tío Sam como Stamp-Maker, “Mesa Redonda de Harper”, 11 de xuño de 1895
    • Diplomatic Casamento, de “Harper Weekly”, 07 de abril de 1894
    • Eagle Perch no exterior, “Harper Weekly”, 18 de maio de 1907
    • Dobe Trophy House, “Country Life”, agosto 1919
    • Small White House Orchids, xuño 1895
  • Libros:
    • Igrexas coloniais en Virginia ,. . . estudos fotográficos por Frances Benjamin Johnston. Brock, Henry I. Richmond: A Dale Press, [1930].
    • Investigación de Carnegie da arquitectura do Sur, 1927-1943, Johnston, Frances B. Alexandria, VA: Chadwyck-Healey, 1985.
    • The Early Architecture of Georgia. Unha investigación pictórica por Frances Benjamin Johnston. Nichols, Frederick D. Chapel Hill: University of North Carolina Press, 1957.
    • Plantacións de Carolina Low Country. Charleston. Stoney, Samuel G. SC: Asociación Carolina Art, 1939. As placas de fotografías son de Frances Benjamin Johnston e Ben Judah Lubschez.

Algúns dos artigos e libros que escribiron sobre ela:

  • O Legacy fotográfica de Frances Benjamin Johnston. Ausherman, María Isabel. Gainesville: University Press of Colorado, c2009.
  • A muller detrás do Lens: A Vida e Obra de Frances Benjamin Johnston, 1864-1952. Berch, Bettina. Charlottesville: University Press of Virginia, 2000.
  • Talent for Detalle: As fotografías de señorita Frances Benjamin Johnston, 1889-1910. Daniel, Pete, e Raymond blusa. A New York: Harmony Books, [1974].
  • Embaixadores do Progreso: mulleres americanas Fotógrafos en París, 1900-1901. Griffith, Bronwyn AE, Giverney, Francia: Muse’e d’Art Ame’ricain Giverney en asociación coa Biblioteca do Congreso, Washington, DC; Hanover, NH: Distribuído por University Press of New England, c2001.
  • Frances Benjamin Johnston, 1864-1952″.Vanderbilt, Paul. Journal of the American Institute of Architects (novembro de 1952).
  • Xardíns para América fermosa, 1895-1935: Fotos por Frances Benjamin Johnston. Watters, Sam. New York: Acanthus Press en colaboración coa Biblioteca do Congreso, 2012.

ALGUNHAS IMAXES:

Escolas Washington e Instituto Hampton:

Instituto Tuskegge:

USS Olympia:

Arquitectura e xardinería:

FONTES:

  • Libros:
    • Sinrazones del olvido – Escritoras y fotógrafas de los siglos XIX y XX. Isabel Nuñez e Lydia Oliva. Icaria. 2010.
    • Frances Benjamin Johnston: Women of Class and Station. Costance W. Glenn e Leland Rice. 1979
    • Woman behing the Lens. The Life and Work of Frances Benjamin Johnston. 1864-1952. Bettina Berch. 2000
    • A Talent for Detail: The Photographs of Miss Frances Benjamin Johnston, 1889-1910. Pete Daniel e Raymond Smock. 1974

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest