LADY FRANCES JOCELYN (1820-1880)

portada-artigo

LADY FRANCES JOCELYN

Foi unha aristócrata que se iniciou na fotografía a finais de 1850.

VIDA:

Frances Elizabeth Cowper naceu o 9 de febreiro de 1820, en Londres. Era a filla menor de Peter Leopold Cowper, 5º conde Cowper, e de Emily María Cordero.

Aínda que a súa paternidade atribuíuse oficialmente a Peter Cowper, o historiador K. D. Reynolds e outros argumentaron que Henry John Temple, 3º vizconde Palmerston era en realidade o pai de Lady Frances e do seu irmá William. Lady Cowper casou con Palmerston en 1839, logo de quedar viúva de Cowper. Palmerston convertiriase en primeiro ministro no ano 1859.

Cando tiña 17 anos de idade, Lady Frances E. Cowper, máis coñecida como Fanny polas súas amizades, foi elixida pola reina Victoria para ser unha das súas damas de honra na súa coroación o 28 de xuño de 1838. Dous anos máis tarde, tamén desempeñou o posto de dama de honra na voda da reina co príncipe Alberto, en 1840.

Lady Frances E. Cowper era unha muller dunha gran beleza. Casou aos 21 anos de idade, o 27 de abril de 1841, co político Robert Jocelyn, vizconde Jocelyn, catro anos maior que ela, fillo do terceiro conde de Roden, un oficial do exército que servira na “Brigada do Rifle” e tomara parte na expedición china do ano 1840 (popularmente coñecida como a “Primeira Guerra do Opio”). En 1842, Robert Jocelyn foi elixido Conservador M. P. para a zona de King’s Lynn, servindo como Secretario Adxunto da Xunta de Control durante 18 meses. Durante este período Frances E. Cowper, agora vizcondesa Jocelyn, serviu á reina Victoria como dama de compañía de alcoba, posto que desempeñou ata 1867.

Tras o seu matrimonio foi a vivir na finca da familia do seu marido, unha familia que, ao contrario da dela, era moi relixiosa. Tiveron cinco fillos en común: Victoria Alexandrina Emily Jocelyn, nacida o 23 de setembro de 1842 que morrería antes de acadar un ano de idade; Alice María Jocelyn, nacida o 2 de decembro de 1843 en Hampshire, un condado do sur de Inglaterra; Edith Elizabeth Henrietta Jocelyn, nacida o 10 de febreiro de 1845, en Londres, que casou con Arthur Gore, máis coñecido como Vizconde Sydley, diplomático anglo-irlandés, que se convertería máis tarde no quinto conde de Arran; Robert Jocelyn, nacido o 20 de marzo de 1846, que sería o 4º Conde de Arran; e Frederick Spencer Jocelyn, nacido o 11 de xullo de 1852.

No ano 1853, o seu marido, o vizconde Robert Jocelyn, fíxose tenente coronel e pasou a encabezar un rexemento de milicias. Un ano máis tarde, en 1854, cando o rexemento da milicia do vizconde Jocelyn estaba aloxados na Torre de Londres, houbo un brote de cólera e o marido de Lady Jocelyn contraeu a enfermidade, morrendo como consecuencia en Carlton Gardens, Londres, o 12 de agosto de 1854, á idade de trinta e oito anos.

Levaban doce anos casados, sendo a súa morte un duro golpe para Lady Jocelyn, quen quedou viúva á idade de trinta e catro anos e con catro fillos. Nese mesmo ano, regresou á casa de Lord Palmerstons, padrastro seu, onde se recluíu ata o punto de limitar o seu contacto cos seus fillos.

A Biblioteca Nacional de Gales, garda unha imaxe de Lady Jocelyn onde aparece vendo Fra Diovolo na ópera, acompañando á Reina Victoria e outros reis europeos en 1857.

1857-lady-frances-a-dereita-en-la-opera-coa-reina-victoria-a-esquerda-e-outros-reis-europeos

A imaxe é un bosquexo de Francis Elixabeth Wynne, e correspóndese no tempo en que a princesa Carlota de Bélxica casou co arquiduque Maximiliano de Austria en Bruxelas. De esquerda á dereita da reina Victoria, Leopoldo I de Bélxica, a princesa Carlota de Bélxica, o príncipe Alberto (de pé), Victoria Princess Royal, Friedrich príncipe herdeiro de Prusia e Lady Frances Jocelyn.

Segundo suxire Isobel Crombie, directora asistente da “NGV National Gallery of Victoria”, quen realizou un estudio sobre a vida e a obra da vizcondesa, foi nesta época, a finais da década de 1850, cando Lady Jocelyn desenvolveu o seu interese pol fotografía (hai unha fotografía dela acompañada de tres dos seus fillos datada neste ano), posiblemente co apoio do Dr. Ernst Becker, bibliotecario do Príncipe Albert e membro fundador da “Sociedade Fotográfica de Londres”, e de outros dous membros da mesma Sociedade, lord Dudley Charles Fitzgerald de Ros, un fotógrafo afeccionado e William Graham Vivian, fillo dun rico industrial, que no ano 1858 tomara unhas fotografías de Broadlands, a residencia de campo de Lord Palmerston, o padrastro de Lady Jocelyn.

Ó redor de 1858, Lady Jocelyn trasladouse á costa sur, instalándose no White Rock Villa, unha gran casa que adquiriu xunto ao mar entre Hastings e St. Leonards-on-Sea, onde permaneceu ata o ano 1878. Parece que o seu traslado á costa sur de Inglaterra pudo ser debido por razóns de saúde. Os catro fillos de Lady Jocelyn parecían estar enfermos de tuberculosis. Alice María, a filla maior morreu en Londres o 29 de novembro de 1867 aos 23 anos; a súa segunda filla, Edith Elizabeth Henrietta viviu para casar con Sir Arthur Saunders Fox Gore, quinto conde de Arran o 21 de febreiro de 1865, tiveron catro fillos nos primeiros cinco anos de matrimonio e morreu o 3 de outubro de 1871 en Basilea, Suiza aos 26 anos; ao mes seguinte, o 12 de novembro de 1871, o fillo menor, Frederick Spencer morreu á idade de 19 anos; e o penúltimo fillo, Robert, cuarto conde de Roden, morreu aos trinta e tres anos, en 1880.

Ela e os catro fillos aparecen rexistrados no Censo de Hastings e St Leonards de 1861 xunto con sete serventes da casa. Neste Censo pódese comprobar que, a pesar de formar parte da nobreza británica, figura no apartado de Profesión ou Ocupación como “fotógrafa”, algo que pon de manifesto a súa forte dedicación á fotografía.

detalles

Durante o tempo que permaneceu en White Rock Villa, Lady Jocelyn realizou varias fotografías dos seus fillos (Alice, Edith, Robert e Frederick), posando na terraza e no patio da casa. Existen nove copias á albúmina feitas por Lady Jocelyn de composicións moi coidadas que gardou nun álbum baixo o título de “Horas pasadas por la vizcondesa Jocelyn”.

Como visitante asidua de Broadlands, a finca onde residía a súa nai e Lord Palmerston en Hampshire, Lady Jocelyn realizou, a finais da década de 1850 e principios de 1860, moitas fotografías onde se recollían esas paisaxes.

Pronto se convertería nunha fotógrafa consumada, ata o punto de ser elixida como membro da “Real Sociedade Fotográfica” o 1 de novembro de 1859, segundo se pode ler no “Diario Fotográfico” do 15 de novembro deste mesmo ano, onde constaba xa como membro na “Asemblea Xeneral Ordinaria”. Traballaba tanto a paisaxe como o retrato e durante esa etapa da súa vida, foi para ela unha das actividades máis importantes.

real-sociedade-fotograficaNo ano 1861 Lady Jocelyn pasa a formar parte de outra asociación, neste caso a “Asociación Fotográfica de Afeccionados”, creada ese mesmo ano, na que contribuíu expoñendo algunhas das súas fotografías.

Na década de 1860, dedicou a maior parte do seu tempo á creación de álbums de fotos privados. Algunhas destas fotografías parece que foron recortadas e pegadas en follas para formar montaxes coas imaxes e ilustrar o árbore da familia ou simplemente para dar a coñecer a través das imaxes a súa vida diaria.

No ano 1862 expuxo catro das súas vistas fotográficas da finca Palmerston. na Exposición Internacional de Londres, onde os membros do xurado do “Departamento de Fotografía da Exposición” outorgáronlle unha “mención de honra polo efecto artístico na fotografía de paisaxe”. As fotografías presentaban catro puntos de vista diferentes da mansión Broadlands, tomadas por Lady Jocelyn mediante o procedemento do colodión. Estas fotografías serían exhibidas tamén na exposición de fotografías e daguerrotipos que a “Sociedade Fotografica” realizaría en Londres a principios de 1863.

Participa no ano 1865 na Exposición Internacional que se celebrou en Dublín, con varias fotografías baixo o título de “Grupos e paisaxes”

Entre 1867 e 1871 Lady Jocelyn pasa por un período moi triste e duro, perde a tres dos seus catro fillos. No ano 1867 falece a súa filla maior, Alice María, pasando Lady Jocelyn a facerse cargo dos seus netos; e chegado o ano 1871 atopan a morte dous máis, no mes de outubro a súa filla Edith Elizabeth e ao seguinte mes o seu penúltimo fillo, Frederick. Só queda o seu último fillo, quen herdará o título de cuarto conde de Roden.

Todos estes acontecementos aceleraron a mala saúde de Lady Jocelyn, e na década de 1870 comeza a reducir o seu interese pola fotografía. A partir de aquí ocuparía gran parte do seu tempo viaxando na compaña dos seus netos e visitando balnearios en Inglaterra e a costa sur de Francia, en Niza e Cannes, onde morreu aos 60 anos de idade, o 24 de marzo de 1880.

Varios anos despois da súa morte, a reina Victoria encargou ao artista Eduardo de Moira a copia dunha miniatura que William Ross fixera de Lady Jocelyn décadas antes.

OBRA:

As mulleres foron as primeiras en participar no emerxente campo da fotografía, cuxa flexibilidade, si se compara con outras formas de arte, permitíalles máis liberdade para participar na materia que lles interesaba, xa que non existía unha xerarquía ou un corpo de normas que rexera o seu traballo.

Aínda que todas as fotógrafas da época victoriana coincidían xeograficamente en retratar o pequeno mundo que lles rodeaba, centrándose no doméstico, na xente, na paisaxe e na familia; tamén tiñan en común a práctica de gardar as súas fotografías en álbums, o que permitiu a súa conservación e recuperación da súa obra. Non todas utilizaron as mesmas técnicas fotográficas nin tiñan o mesmo estilo. A diferenza de Lady Jocelyn, Anna Atkins utilizaba a técnica do cianotipo para reflectir o fascinante mundo das algas, tema no que centrou o seu traballo; Mary Dillwyn empregaba o calotipo para procesar as fotografías que realizaba cunha pequena cámara que lle permitía uns tempos de exposicións máis baixos que a do resto dos fotógrafos, o que lle permitía obter das persoas que retrataba uns resultados de expresión moito máis naturais; Clementina Hawarden, utilizaba o colodión ao igual que Lady Hocelyn, pero a súa atención centrouna na creación de imaxes enigmáticas das modelos que utilizaba, as súas fillas, a quen fotografaba con poses que foron interpretadas na época como provocativas; Julia Margaret Cameron, ao igual que Clementina e Lady Hocelyn utilizaba o colodión, e valíase da técnica flou, ou efecto borroso, aplicando filtros especias no obxectivo para obter imaxes que estiveran envoltas nunha peculiar brétema, converténdose nunha antecesora do pictorialismo fotográfico.

Lady Jocelyn mantíñase dentro desta tendencia, e con estes temas familiares, elaborou unha serie de álbums durante a década de 1850. A “Enciclopedia da Fotografía do século XIX” define as súas composicións fotográficas como coleccións de imaxes recortadas e pegadas sobre fondos pintados con acuarelas, e describe o seu traballo como unha mostra de enerxía creativa que a distinguía dos demais.

Entre as súas composicións máis rechamantes destacan:

  • Unha na que amosa nove retratos fotográficos que se corresponden con membros da familia de Lord Palmerston, recortados e dispostos sobre un rombo con bordes pintados, ilustrado cunha flor de cerdeira en cada unha das súas arestas.

  • Outra, realizada sobre 1860, correspóndese cunha diana semellante á do tiro con arco, que ten debuxados cinco círculos concéntricos, cada un dunha cor diferente, e no círculo do centro hai pegada un retrato.

Algunhas das súas fotografías están depositadas na Washington National Gallery of Art.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta