HILDA SJÖLIN (1835-1915)

portada-artigo

Foi unha fotógrafa sueca, das primeiras mulleres coñecidas como fotógrafas profesionais no seu país.

VIDA:

O seu nome completo é Hilda Sjölin Ida Hultgreen, naceu o 28 de xullo de 1835 en Malmö, unha das cidades máis importantes de Suecia, situada no condado de Skåne County o máis meridional do país. Era a máis nova de catro fillas.

Está considerada como a primeira muller artista de Malmö, e unha das primeiras fotógrafas profesionais de Suecia, sesenta anos antes de que as mulleres obtiveran o sufraxio político.

Cando contaba vinte e cinco anos, Hilda Sjölin rexistrouse como fotógrafa, con data 24 de maio de 1860, abrindo o seu propio estudio na localidade que a veu nacer, no barrio de Västergatan, na rúa West Street número 64, onde se dou a coñecer como fotógrafa profesional a través dun primeiro anuncio, onde ela recomendaba os seus servizos:

Fotografía en vidro, hule e papel”

As súas fotografías foron caracterizadas pola alta calidade técnica e artística, pasando a ser pronto recoñecida como fotógrafa especializada.

Debido aos avances técnicos experimentados na fotografía, a década de 1860 foi unha época de expansión para a fotografía estereoscópica. Todos os países pertencentes ao ámbito cultural occidental tiñan fotografas ou fotógrafos especializados na obtención e comercialización de vistas estereoscópicas. Hilda Sjölin foi a primeira fotógrafa sueca que realizou a primeira fotografía estereoscópica da ría de Malmö, en 1864.

En 1873 viaxou por toda Suecia, acompañada da súa irmá, aprendendo as costumes e os hábitos dos habitantes dos primeiros núcleos urbanos suecos, visitando cidades como Estocolmo, Gotemburgo, Lund e Hilsingborg, un circuíto que lle permitiu documentar a vida en Suecia do século XIX.

A súa carreira como fotógrafa foi longa, aínda que os quince primeiros anos destacan como os máis activos. Deixou Malmö en 1884, xunto cunha irmá, para establecerse finalmente, en Hörby ó redor de 1910, a uns 50 km de distancia, no mesmo condado de Skåne County.

Hilda Sjölin distínguese ademais pola agresividade da súa publicidade e pola valentía que tiña para saír coa cámara polo día percorrendo as rúas das cidades.

Hilda Sjölin, pertenceu á esa xeración de pioneiras fotógrafas profesionais de Suecia, entre as que estaba Brita Sofía Hesselius, nacida en Alster, municipio de Karlstad, considerada como a primeira fotógrafa profesional en traballar co daguerreotipo; Hedvig Södersström, de Estocolmo, estimada como a primeira muller en abrir un estudio profesional na súa localidade; así como Emma Scherson en Gotemburgo ou Wilhelmine Lagerholm en Örebro. Na década de 1860 había rexistradas en Suecia, alomenos, 15 fotógrafas, tres de elas, Rosalie Sjöman, Caroline von Knorring y Bertha Valerius, formaban parte da elite dentro da súa profesión.

Nacida na década de 1830, a igual que Hilda Sjölin, en Galicia temos a Antonia Santos, unha das primeiras fotógrafas profesionais galegas, con estudio aberto en Mondoñedo, Lugo; así como outras dúas fotógrafas profesionais máis, nacidas unha década máis tarde, pero que exerceron nesta época, como son María Cardarelly en Santiago e Cándida Otero en Vigo.

Faleceu o 6 de xullo de 1915, na súa casa da rúa Torggatan número 6, situada na localidade de Hörby, a residencia onde pasou os seus derradeiros anos.

Aparece rexistrada como fotógrafa no “National Registry (NFR)”, unha institución desenvolvida pola Secretaría de fotografías do Museo Nórdico en 1008, que contén información sobre as fotógrafas e os fotógrafos que estaban activos en Suecia entre mediados da década de 1800 a 1900.

OBRA:

Na década en que se estableceu como fotógrafa Hilda Sjölin xa desapareceran practicamente as técnicas do daguerrotipo e o calotipo, foran suplantadas polo colodión húmido, técnica utilizada pola fotógrafa. Esta técnica mantívose, incluso, cando no ano 1871, o inglés Richard Leach Maddox (1816-1902), ideou o procedemento chamado placa seca, consistente en impregnar cunha emulsión de auga, xelatina e bromuro de cadmio a mesma placa de vidro utilizada no sistema de placa húmida. A esta emulsión engadíaselle nitrato de prata que reaccionaba co bromuro, deixando a continuación secar a placa protexida pola luz, que se convertía así nun negativo do que se podían obter múltiples positivos. Ao papel de albumina, utilizado para positivar, uníuselle o de xelatina ou papel baritado, un papel impregnado dos mesmos materiais utilizados para a fabricación da placa seca.

Hilda Sjölin destacou non só pola alta calidade artística dos seus traballos de estudio e exteriores, senón tamén polas súas fotografías estereoscópicas, entre as que sobresae a que fixo da ría de Malmö no ano 1864. As leis ópticas que rexen a estereoscopía foron formuladas polo físico inglés Charles Wheatstone en 1833, ano no que publicou un artigo en Outlines of Human Phisiology no que describía a visión estereoscópia, pouco antes de que J. M. Daguerre anunciara os fundamentos técnicos da daguerrotipia. Este método basease na visión humana e na separación, aproximadamente, de 65 mm que existe entre os nosos ollos, onde cada un recibe unha imaxe diferentes que o cerebro xunta creando un efecto tridimensional. As cámaras estereoscópicas da época tiñan dous obxectivos que impresionaban as placas sensibles con dúas imaxes diferentes.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

  • Libros

    • Carin Österberg (En sueco): Svenska kvinnor: föregångare, nyskapare (mujeres suecas; predecesoras, pioneras) Lund: Signum 1990. (ISBN 91-87896-03-6)

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta