MARY DILLWYN (1816-1906)

portada-artigo

Foi a primeira muller fotógrafa de Gales, afeccionada a fotografar flores, animais, familia e amizades entre 1840 e 1850.

VIDA

Mary Dillwyn naceu no ano 1816, nunha fermosa mansión, hoxe desaparecida, que deu o seu nome á vila de Penllergare, situada no condado de Swansea, en Gales. Penllergare é hoxe, para a maioría da xente, un pequeno pobo nas aforas de Swansea, e poucas persoas saben, que hai moito tempo nese lugar, construíuse unha mansión rodeada de lagos onde se paseaba en bote, había un observatorio, unha fervenza artificial e xardíns creados cun admirable coñecemento botánico. A casa foi demolida, pero a navegación polos lagos, a cascada, o observatorio e algunhas árbores e arbustos aínda sobreviven. A principios do século XIX Swansea era unha cidade portuaria cun mercado próspero e de rápido crecemento industrial. Os minerais de cobre chegaban ao principio procedentes de Cornwall, máis tarde do norte de Gales e Irlanda e logo de España, Cuba e sur dos Estados Unidos para ser fundidos en Swansea, converténdose no centro mundial da metalúrxica non ferrosa. Pese a isto, a cidade era un lugar agradable para vivir, fronte a fermosa baía, onde se respiraba un aire de mar suave.

O pai de Mary Dillwyn era Lewis Weston Dillwyn, un historiador botánico membro da British Mineralogical Society, precursor da Sociedade Xeolóxica onde publicou traballos científicos referidos á botánica e a concholoxía. Trasladouse ao condado de Swansea en 1803 para facerse cargo dos negocios da familia, cando o seu pai (avó de Mary e un empresario dedicado á cerámica de moito prestixio), mercou a empresa Cerámica Cámbrico. Casou no ano 1807 con María Llewelyn, procedente dunha adiñeirada familia coa que tivo seis fillos, dos que só sobreviviron catro.

Un ano despois de nacer Mary Dillwyn, a máis nova de todos os irmáns, o seu pai abandonou os negocios familiares para converterse no Alcalde de Swansea en 1818.

A familia de Mary Dillwyn era moi culta e compartía moitos e moi diversos intereses, como a astronomía, a botánica, o arte e a fotografía. Dáse a circunstancia que cando William Henry Fox Talbot anunciou o descubrimento do seu proceso fotográfico negativo/positivo para o mundo, os habitantes de Penllergaer non se sorprenderon. Talbot era curmán da avoa de Mary Dillwyn e visitaba con frecuencia a zona de Swansea. Residía no Castelo de Penrice, en Gower, na costa sur de Gales, lugar que a familia Dillwyn visitaba con frecuencia, o que lles facilitaba o acceso aos últimos desenvolvementos en fotografía. De feito, o irmán maior de Mary, John Dillwyn Llewelyn, está considerado como un dos fotógrafos máis antigos de Gales, pero como pasa sempre nalgúns estudos históricos, non se presta a mesma atención ao talento fotográfico da súa irmá máis nova, Mary Dillwyn, que foi a primeira fotógrafa do País de Gales e tamén unha das mulleres fotógrafas máis notables de Gran Bretaña.

A maioría das fotografías tomadas por Mary Dillwyn son pequenos calotipos, método fotográfico creado por Talbot, realizados entre as décadas 1840 e 1850, o período máis prolífico para a fotografía en Penllergaer. O procedemento baseábase nun papel sensibilizado con nitrato de prata e ácido gálico que, tras ser exposto á luz, revelábase posteriormente con ambas sustancias químicas e fixábase con hiposulfito sódico. Este foi o primeiro procedemento que xerou unha imaxe en negativo que podía ser posteriormente positivada tantas veces como se desexara e asemade, moito máis económico porque utilizaba como soporte o papel, á diferenza do daguerrotipo, que era un positivo directo único e utilizaba o metal. Este proceso fotográfico foi o máis utilizado entre os fotógrafos e fotógrafas que empregaban papel antes do descubrimento da copia á albúmina que se estivo utilizando aproximadamente ata 1860, data aproximada na que Mary Dillwyn deixou de facer fotografías.

A diferenza dos seus compañeiros de sexo masculino, Mary Dillwyn prefería utilizar unha cámara pequena, que lle permitía facer curtos períodos de exposición, proporcionándolle a oportunidade de realizar fotografías máis espontáneas.

O crecente interese de Mary Dillwyn por utilizar esta tecnoloxía tan nova e revolucionaria fai pensar que era unha muller adiantada ao seu tempo. O autor Martin W. Sadler afirma:

De todas as invencións realizadas nunha era como esta de constantes innovacións, foi a cámara a que ofrecía ás mulleres a mellor oportunidade para plasmar a súa expresión creativa.

A cámara deu ás mulleres unha nova independencia, foi un procedemento que resultou ser moito más accesible a todas elas porque a maioría aprendeu a utilizar a cámara de forma autodidacta. O mundo académico da arte tíñaas discriminadas, e unha proba disto no caso de Mary Dillwyn, é que non foi ata o ano 2002 cando a Biblioteca Nacional de Gales comezou a interesarse polo seu traballo.

As fotografías que se conservan de Mary Dillwyn están arquivadas en dous álbums, unha práctica moi popular entre as mulleres das clases altas na era vitoriana e, como a maioría das fotógrafas desta época, fotografaban o que tiñan ao seu redor, flores, animais, retratos de familia e das amizadas. As súas imaxes son máis espontáneas e naturais que as dos outros fotógrafos da súa época. Esta afección pola fotografía por parte das mulleres foi moitas veces mal entendida, interpretándose como un pasatempo sen importancia que enchía o tempo de lecer porque non gozaban da mesma liberdade social que os homes.

O interese de Mary Dillwyn pola fotografía parece rematar en 1857, cando casou co Reverendo Montague Earle Welbty e se afastou de Swansea, indo a vivir a Arthog, unha vila na comunidade de Meirionnydd, moito máis ao norte, no mesmo Gales.

A obra de Mary Dillwyn merece o mesmo recoñecemento que o concedido a outras pioneiras da fotografía, da época victoriana, contemporáneas dela, pero máis coñecidas como Julia Margaret Cameron, Anna Atkins e Lady Hawarden.

Mary Dillwyn morreu en Arthog, Meirionnydd, en decembro de 1906.

OBRA

As fotografías tomadas por Mary Dillwyn foron adquiridas pola Biblioteca Nacional de Gales por valor de 48.000 libras a un propietario privado americano, quen as tiña no seu poder por terlles mercado os dous álbums a unha sobriña de Mary Dillwyn. O goberno adquiriunos logo de negarse a concederlle unha licenza de exportación:

  • O álbum que contén 42 calotipos ou sistema coñecido tamén como “impresión ao papel salgado”, Salt print en inglés, foi mercado pola biblioteca no ano 2002. Inclúe vistas da casa de Mary Dillwyn en Penllergaer, retratos de familia e amigos así como estudos de flores cultivadas en Penllergare e paxaros.

Unha das imaxes que realizou ao seu sobriño, William Mansel Llewelyn, mentres este miraba fixamente para algo fóra da cámara, está considerada como a primeira fotografía que captou un sorriso en Gales e pode que no mundo. Os métodos empregados durante a primeira década da fotografía por outras fotógrafas e fotógrafos eran moi lentos para que se puidera incorporar un sorriso. Mary Dillwyn usaba unha pequena cámara que precisaba de exposicións máis curtas que o habitual, con pequenos negativos que concentraban a luz máis facilmente. Esta imaxe ven sendo un exemplo do enfoque informal que aplicaba Mary Dillwyn ás súas fotografías.

  • O segundo álbum foi adquirido no ano 2007. Contén outros 72 calotipos, realizados en 1853. Nel pódense ver fotografías de imaxes de flores, de bonecas, de aves e animais de compañía, así como retratos da familia e de amizades. É un álbum moi pequeno en tamaño, mide 12×9,7 cm, está forrado de coiro azul escuro e decorado con follas de ouro.

As fotografías que conteñen estes álbums foron realizadas antes de que Mary Dillwyn casara co reverendo Welby en 1857 e deixara o seu fogar familiar en Penllergare, nun período de experimentación axitado, case unha década despois da carreira que houbo entre Louis Daguerre en Francia e William Fox Talbot en Gran Bretaña para anunciar o descubrimento da fotografía. O tamaño das imaxes que se ven nos álbums é pequeno, normalmente de 80 por 100 milímetros, amosando aspectos diferentes na súa presentación, as veces acompañadas dunha lenda curta, as veces cortadas de forma oval e outras en círculos, montadas sobre páxinas de diferentes cores pastel.

Algunhas das súas impresións, moitas veces asinadas como MD, atopáronse arquivadas en álbums que gardaban obras do seu irmá, e aínda que non eran os exemplos máis interesantes do seu traballo, isto deu pé para que fora considerada como subordinada do seu irmá, cando o seu traballo merecía ser recoñecido por propio dereito.

O seu traballo é distinto, transmite calor e humanidade, algo que a distingue doutros fotógrafos dentro do seu círculo e doutras mulleres fotógrafas contemporáneas. Nesta época os retratos fotográficos eran moi formais, austeros, con expresións severas, resultado dos longos tempos de exposición e quizais tamén polo pouco atractivo que tiñan as dentaduras. Os retratos de Mary Dillwyn están tomados en exteriores, neles as persoas aparecen relaxadas e sorrindo, como si descoñeceran a presenza da cámara, outras veces amosando xoguetes, animais ou outros obxectos. En esencia son as primeiras instantáneas do mundo, entre as que se pode ver unha fogueira realizada na noite das fogueiras, celebración que se fai en toda Inglaterra onde se simula que se queima a Guy Fawkes, un conspirador inglés morto en 1606 e tamén un boneco de neve.

ALGUNHAS IMAXES

FONTES

Fotografías:

Páxinas web:

Prensa:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta