ANAÏS NAPOLEON (1831-1912)

encabezado-artigo

Anaïs Napoleón, foi unha das primeiras fotógrafas catalás en utilizar o daguerreotipo ademais de constituír, xunto a Antonio Fernández, unha empresa familiar no ano 1851, con estudios fotográficos en Barcelona e Madrid. Unha saga que remataría no ano 1968 co peche definitivo dos estudios.

VIDA:

O seu verdadeiro nome era Anne Tiffon Cassan. Naceu en Narbonne, ao outro lado dos Pirineos, o 18 de marzo de 1831, na casa de Marguerite Marchand, no barrio de Lamourguié, no nº 106, nunha casa que aínda existe hoxe, situada ao sur do río Aude, na antiga Via Domitia dos romanos, moi cerca da place du Bourg (hoxe de Les quatre fontaines) e na rue des Cordonniers (chamada actualmente rue Cabirol o Carriera dels Pegots), unha rua que sigue sendo a principal arteria comercial da cidade. Anaïs era a maior de seis irmáns, filla de Alexis Tiffon Barrau, nacido no ano 1807, barbeiro de profesión, e de Marie Cassans Peyras, nacida cara o ano 1805, procedente de Bize (hoxe Bize-Minervois), casados no ano 1830.

O domicilio familiar mudaría dúas veces de rúa durante os sete seguintes anos no que o matrimonio viviu en Francia, ata que no ano 1844 solicitaron permiso para saír do país con destino a Valencia, algo que conseguiron un ano máis tarde. Non hai constancia algunha da súa estancia en Valencia, pero hai constancia no listado de estranxeiros de Barcelona que a súa familia chegou a esta cidade en 1845, cando Anaïs contaba 14 anos, mentres o seu irmán Napoleon Roque tiña dous e a súa irmá Nazaire un, establecendo o seu domicilio cerca da Puerta del Mar, fronte a igrexa de San José e Santa Mónica, na Rambla de Santa Mónica, onde permaneceu parte da familia durante máis de medio século.

O seu pai, Alexis Tiffon, continuou traballando de barbeiro, cirurxián e calista baixo o nome de “Napoléon Tiffon, artista pedicuro”, anunciándose nas guías da cidade de Barcelona e tamén na sección de Boticas e farmacias; acompañado anos máis tarde polo seu fillo, Napoleón Roque Tiffon Cassan, quen adoptou a mesma profesión.

Anaïs casou aos 19 anos de idade, o 24 de decembro de 1850 na parroquia de San José e Santa Mónica, baixo o nome castelanizado de Ana, con Antonio Fernández Soriano, de 23 anos, nacido o 24 de abril de 1827 en Casasibáñez, un pobo da provincia de Albacete pertencente a diocese de Cartaxena, que estudara fotografía en Francia e estaba traballando en Barcelona como músico militar de contrata no primeiro batallón do Rexemento de Infantería da Constitución número 29, que estaba de guarnición na Cidade Condal.

Tiveron oito fillos entre 1851 e 1867 que bautizaron na mesma parroquia onde casaron, dos cales Alejo Emilio e Napoleón Francisco dedicaríanse á fotografía, seguidos tempo máis tarde por Napoleón Fernando.

No ano 1853 nacería a súa filla Alejandra, e neste mesmo ano, o 31 de xullo, aparece publicado no Correo de Barcelona o que seguramente foi o seu primeiro anuncio relacionado coa familia, un anuncio que non fai mención nin ao nome do fotógrafo nin ao estudio, só daba publicidade á realización de retratos a 12 reais, coloridos ao gusto dos interesados, ademais de múltiples obxectos relacionados coa fotografía. Este anuncio repetirase días máis tarde precisando xa o lugar de traballo do fotógrafo:

RETRATOS. Establecimiento de Daguerreotipo y Fotografía. Rambla frente de Santa Monica, úm. 17, casa de Mr. Napoleon piso 2º,

O domicilio que se indica é onde estaba situada a clínica do pai de Annaïs que se anunciaba como Napoleon. Un ano máis tarde, o 21 de setembro de 1854, anunciaríase xa co seu propio nome, Mr. Fernando. A explicación que se pode dar sobre a elección deste nome responde a unha lenda urbana, na que se di que a Anaïs non lle gustaba o seu apelido e chamáballe Fernando.

RETRATOS. ULTIMA PERFECCION. M. Fernando retratista fotográfico, tiene el honor de anunciar al público que ya ha abierto su establecimiento, y continúa haciendo los retratos con colorido; desde el precio de 12 rs. Rambla, enfrente de Santa Mónica.

Coincidindo co ano de nacemento do seu fillo Napoleón Francisco en 1855, o 18 de xullo, El Áncora, Diario de Barcelona, recollía a actividade de Fernando nunha noticia:

Retratos en fotografía y daguerreotipo. El señor Fernando, retratista en esta ciudad, hace saber á los parientes y amigos del señor coronel Durana, muerto en la Ciudadela de esta plaza el día 14 de este mes, que habiendo sido él elegido para retratar á dicho señor la víspera de su muerte, ha conservado varias copias de su retrato, que se hallarán de manifiesto en su antiguo taller, sito en la Rambla de Sta. Mónica, núm. 17.

O coronel Durana asasinara o 19 de xuño a unha muller da nobreza catalá, cando saía á rúa acompañada da súa irmá e o seu cuñado. Preso polo crime, suicidouse na cadea a noite anterior á súa pena de morte polo garrote vil. Fora un dos crimes con máis sona de Barcelona do século XIX.

O 1 de setembro de 1855 publicaba un novo anuncio no Diario de Barcelona para aclarar a referencia dada no anterior, sobre a expresión “su antiguo taller”:

NO EQUIVOCARSE. El Sr. Fernando, retratista, que vive en el segundo piso de la casa del Sr. Napoleon, Rambla, enfrente de Santa Mónica, núm. 17, avisa á sus numerosos parroquianos que siempre sigue trabajando en el mismo sitio; y que por evitar equivocaciones á las personas que no conocen bien su casa, ha colocado en el dintel de su puerta una lápida de mármol llevando su nombre, y ademas su mismo retrato colocado en la puerta de su casa, núm. 17, piso segundo.

A través dos anuncios, etiquetas e textos impresos nos dorsos das fotografías, vese claro que Anaïs e Antonio traballaban xuntos baixo a marca comercial de Mr. Fernando e Anaïs, durante a década dos cincuenta e sesenta. Anaïs figura inscrita, compartindo titularidade de negocio, no rexistro de industria do Concello, correspondente ao ano económico 1865-66 como “Fernando Napoleon y Anaïs” no mesmo número da Rambla, e ao ano seguinte cambian a orde e figura ela como primeira titular “Anais y Fernando Napoleon”.

A medida que a familia foi en aumento, Anaïs foise retirando da empresa, e esta foi pasando por diferentes nomes, como explica María de los Santos García Felguera na publicación titulada “Anaïs Tiffon, Antonio Fernández y la compañía fotográfica Napoleon”,

Luego, a medida que los hijos de Antonio y Anaïs crecen en edad y en número, y quizá cuando él abandona el ejército para dedicarse de lleno al estudio de retrato, ella desaparece de las etiquetas y de los cartones de las fotografías. Así, el “embolic” de nombres, primero fueron “Anaïs y Mr. Fernando” por Anne Tiffon y Antonio Fernández; luego múltiples variantes de “Fernando”, “Fernando Napoleón fotógrafo”, y Antonio Fernández “dit Napoleon” o, sencillamente, “Napoleon”

O nome de “Napoleon” mantivérono durante os diferentes cambios de denominación do estudio porque lle daba máis prestixio. Era o nome que utilizaba o pai de Anaïs na súa clínica e, ao ser un nome estranxeiro e francés, non tiñan que recorrer a outro tipo de denominacións, moi frecuentes naquela época, como “Fotografía francesa”, italiana, alemá… que utilizaban outros estudios fotográficos.

O estudio de fotografía e a residencia da familia continuaría no número 17 da Rambla de Santa Mónica ata 1862, ano no que Anaïs e o seu marido mercaron o número 15, a onde se trasladaron e onde colocaron un rótulo no balcón do primeiro piso no que se podía ler:

TALLER DE FOTOGRAFÍA

de

Mr Fernando y Anaïs Napoleon.

O seu patrimonio foi aumentando ao longo dos anos como consecuencia da boa marcha do negocio, chegando a rexistrar varias propiedades inmobiliarias, catro casas, polas que Anaïs pagaba impostos nas décadas dos cincuenta e sesenta. Ademais contaba no estudio con dous “Oficiais de Retratista”, un deles Albiach, instalaríase máis tarde como fotógrafo en Madrid.

Cando o seu fillo maior, Emilio, cumpriu 16 anos en 1867, Anaïs e Antonio déronlle un lugar relevante no negocio, pasando a figurar a denominación do estudio como “A. Y E. Dits Napoleón”, aínda que non sería ata 1882 cando quedaría incorporado oficialmente ao estudo dos seus pais, unha vez constituída a sociedade fotográfica na que participaban os tres nun mesmo plano de igualdade. Unha sociedade colectiva con domicilio na Rambla de Santa Mónica número 19, primeiro piso.

Un ano máis tarde da incorporación do seu fillo ao estudio, en 1868, conseguiría un premio, a medalla ao mérito na Exposición Aragonesa, medalla que comezou aparecer no reverso das súas fotografías e que máis tarde veríase acompañada de máis escudos e outros trofeos a medida que ían gañando premios.

Traballaron para a Casa Real, facendo retratos a membros de varias familias reais, obtendo condecoracións non só en España senón tamén en Francia e Portugal. Entre estas condecoracións destacan a que Antonio recibiu no ano 1872, no que foi condecorado coa Encomenda da Orde de Carlos III, e logo chegaríalle a de Comendador da Real Orde de Isabel a Católica, caballero de la Legión de Honor francesa e a Orde de Cristo de Portugal.

O 1 de marzo de 1875, o marido de Anaïs, Antonio, foi nomeado Fotógrafo de Cámara polo rei Alfonxo XII a petición da muller de Arsenio Martínez Campos (militar e político, autor do pronunciamento militar que provocou a Restauración borbónica en España). Isto permitiulle utilizar o escudo de armas reais no reverso das tarxetas fotográficas.

O papel que desempeñaba Anaïs en relación cos distintos negocios emprendidos pola familia era moi activo. Ademais de figurar asociada como membro, asinaba documentos como “apoderada” do seu marido, figuraba como copropietaria das casas mercadas na Rambla de Santa Mónica, Tallers e Escudillers adquiridas na década dos anos sesenta así como nas que foron mercando en novas zonas da cidade ao longo dos anos.

A casa Napoleon expandiuse a través do seu fillo Napoleón Francisco, que abriu un estudio en Madrid, na rúa do Príncipe. En 1881 Anaïs ocupouse persoalmente de entregar o suficiente efectivo para que se abrira, segundo se desprende da Carta de pagamento que ela mesma realizou ante o notario Demetrio de los Rios, en Madrid. Á morte de Napoleón Francisco en 1898, o estudio pasaría a ser rexentado pola súa muller María, ata que foi traspasado en 1905.

Outro dos seus fillos, Antonio, que seguiría os pasos do seu avó, abriría unha clínica médica no ano 1884, contando asemade coa axuda directa da súa nai, quen se ocupou de montala e amoblala persoalmente.

Entre 1888 e 1890 participou, segundo consta no testamento realizado o 12 de agosto de 1890 ante o notario Francisco Maspons, de Barcelona, correndo cos gastos da apertura, arrendamento e subministro de material dun establecemento de lencería e xéneros de punto no negocio que o seu fillo Napoleón Fernando abrira na rúa do Pino da cidade de Barcelona, negocio que pronto pecharía as súas portas. Napoleón Fernando pasaría a rexentar unha sucursal do estudio de fotografía dos seus pais na mesma Barcelona, na antiga praza do Ángel, que estivo funcionando ata 1907, data na que foi derribado o edificio pola ampliación da vía Layetana.

Este mesmo ano, 1888, o estudio participou na Exposición Universal de Barcelona, que se realizou no Parque de la Ciudadela, á que concorreron un total de 22 países de todo o mundo e que recibiu, uns 2.240.000 visitantes. As obras foron expostas no Pabellón Regio. A prensa destacaría:

[…] del fotógrafo Sr. Napoleón con grandes lienzos en forma de estrela.

Durante a década dos anos noventa, unha época de gloria para os estudios fotográficos, onde a maioría decidía realizar reformas para modernizalos, os Napoleon deciden en 1891, derrubar o antigo edificio da casa nº 17 e 19 da Rambla de Sta. Mónica, e construír un novo, que aínda existe, aproveitando uns terreos libres que tiñan na parte traseira. Esta noticia aparece no Diario de Barcelona, o 26 de novembro:

Ha quedado derribada la casa más antigua de la Rambla, contigua al taller de fotografía del señor Napoleon. […] En aquel solar y en el inmediato el señor Fernández Napoleon va á levantar un taller de grandes dimensiones. Tendrá una fachada estilo del renacimiento y en la parte posterior se construirán dos galerías, varias salas y un jardín que ocuparán los terrenos donde estuvo parte del Círculo Ecuestre. Dichas obras las ha proyectado y dirige el joven arquitecto D. Francisco de Asís Rogent y Pedrosa.

A contratación deste arquitecto, fillo de Elias Rogent y Pedrosa, que fora o director da Escola Provincial de Arquitectura de Barcelona dende o ano 1871 e autor de “La arquitectura contemporánea española”, amosaba o gusto moderno dos Napoleon e as súas posibilidades económicas.

Este novo edificio comprendía dúas plantas, unha nova e gran galería para o estudio e talleres no piso principal, e a vivenda familiar. Os baixos e o semisoto foron alugados dende 1893 a diversos establecementos que utilizaban rótulos franceses. O novo estudio era moi luxoso, segundo apuntaba Pere Català Pic (1889-1971) e J. Naranjo, quen describían como era por dentro. Tiña dúas galerías cos teitos e unha parede de cristal, unha delas para nenos, provistas de todo tipo de obxectos necesarios nun estudio: veladores, pedestais, sofás, plantas, columnas, etc; unha sala de espera moi luxosa con mobles de estilo neorrenacemento (acordes coa arquitectura do edificio e o despacho), cortinas de veludo, espellos, unha gran lámpada e as paredes cubertas de retratos enmarcados en todos os tamaño e formatos. Contaba ademais cun taller de pintura moi interesante para dar a coñecer a forma de traballar a fotografía de retrato así como unha entrada para coches de cabalos con grandes escaparates a ambos lados, e un gran patio con cocheira para retratar ás persoas que desexaran saír con carruaxes e cabalos.

A inauguración do novo edificio foi publicado polo periódico “El Noticiero Universal”, o catro de xullo de 1893:

Ayer se inauguraron los nuevos talleres que el acreditado fotógrafo señor Napoleón ha instalado en la casa recientemente construida en la rambla de Santa Mónica, viéndose con tal motivo dicha casa concurrida por la más selecta de la sociedad barcelonesa.

Este periódico, “El Noticiero Universal” utilizaba os escaparates para dar a coñecer as personalidades que pasaban polo estudio, así o 24 de xullo de 1893, dicía:

Al dar noticia á nuestros lectores del magnífico retrato del Excemo. Sr. Capitán General D. Arsenio Martínez Campos, que los señores Napoleón tienen expuesto en su escaparate de la calle Fernando y que tanto está llamando la atención del público estos días, por olvido involuntario, dejamos de reseñar asimismo los finísimos retratos de la Excma. Señora del General Martínez de Campos, sus lindas hijas é hijo marqués del Bastán, ayudante del general, cuyos retratos pintados por medio del procedimiento aguada ú acuarela, acaban de fijar una vez más el sello que distingue á la casa Napoleón.

Anaïs estivo sempre moi interesada non só por coñecer os avances fotográficos senón tamén por aplicalos, así que logo de que os irmáns Lumière fixeran a presentación pública do cinematógrafo en Cataluña, adquiriu a representación desta casa en Barcelona e abriu un cinematógrafo que legaría no ano 1905 ao seu fillo Emilio, segundo consta no testamento realizado por ela neste mesmo ano, que dicía:

La parte que me corresponde en el cinematógrafo con todos sus útiles y enseres y muebles que tenemos instalados en el entresuelo interior de nuestra casa.

Diante do éxito desta sala cinematográfica situada na Rambla, abriu outra no Paralelo en 1901.

Con relación á dirección da sala de cine, hai unha noticia de 1897, da que fala J. Torrás y Comamala no seu libro “Viaje sentimental por los cines de Barcelona”, facendo algunha referencia a Anaïs en relación cun permiso especial que había que pedir a Roma para poder pasar unha serie de películas relixiosas coñecidas como “Películas Vaticanas”:

Aqui hai [sic] que hacer mención da la batería de madame Tiffon […] Fue ella quien programó tales filmes y era ella quien tijera en mano cortaba las escenas algo atrevidas. Todas las películas del cinematógrafo Napoleón la visionaba ella antes de su proyección pública.

Anaïs era unha muller moi relixiosa a quen non lle tremía o pulso cando tiña que facer un corte limpo con tesoiras ás escenas que consideraba “atrevidas”. Sentíase autorizada pola súa devoción a exercer a censura. Vía sempre todas as películas antes da súa proxección pública.

A sociedade fotográfica familiar tería unha vida moi longa que non se vería interrompida nin pola morte da propia Anaïs, no ano 1912, seguindo coa mesma denominación social A. e F. Dits Napoleón.

Anaïs, viviu moitos anos, o que lle permitiu presenciar e protagonizar o auxe e o comezo da decadencia do estudio de fotografía e do cinematógrafo. A súa morte chegaría o 21 de xullo de 1912, cando contaba oitenta e dous anos de idade, causada po un “agotamento senil diabetes”, sendo enterrada dous días mais tarde, segundo consta no Rexistro do Cemiterio de Montjïc de Barcelona, no panteón que ela e Antonio mercaran en 1885 e onde estaban soterrados os restos dos seus pais. No momento da súa morte seguía vivindo, xunto co seu marido, Antonio Fernández, que morrería catro anos máis tarde, no piso principal na Rambla de Santa Mónica números 15 e 17. Quedaban vivos, segundo a necrolóxica, catro fillos dos oito que tivera: Emilio, Alejandra, Napoleón Fernando e Antonio, ademais de corenta e cinco netos e dezaoito viznetos.

OBRA:

Polo estudio pasaron sobre todo militares, no que estaba especializado, quizais porque o marido de Anaïs fora militar noutras épocas, e personaxes importantes da época: gobernadores civís, presidentes da Audiencia e a Deputación, reitores, industriais, políticos… Ademais nos anos oitenta e noventa, os Napoleón realizaban tamén fotos de actos sociais como bailes e traballos fotográficos a domicilio, existindo constancia de que se desprazaban para facer fotografía post mortem.

A habilidade na iluminación e o retoque das fotografías, tanto en negativos como positivos, eran os factores máis importantes que distinguían o bo facer do seu estudio. Con frecuencia eran mulleres as que se ocupaban da labor do retoque, aínda que non só había retocadoras, senón tamén pintoras ou pintores que traballaban no estudio e convertían as fotografías en pinturas ao óleo, á augada ou á acuarela, que unha vez feitas expoñíanse no escaparate durante unha semana para que foran comentadas pola prensa, como nesta noticia publicada polo periódico “El Noticiero Universal” con data 22 de xullo de 1893:

Al retirar de los aparadores que los fotógrafos Sres. Napoleón poseen en la calle de Fernando, un retrato del Excmo. General señor Blanco, pintado con firmeza y gran efecto, exponen en la presente semana otro de tamaño natural cuerpo entero del Excmo. Sr. Capitán General don Arsenio Martínez de Campos: dicho retrato, de un parecido exacto, está pintado con mucha verdad y en él se acentúan más las cualidades que se notaban en el anterior retrato.

Algúns dos daguerrotipos que se conservan de “Mr. Fernando y Anaïs” teñen retoques nas xoias, traxes ou flores. Anaïs foi unha das primeiras mulleres que fixeron daguerrotipos en España, aínda que tamén era especialista en realizar tarxetas de visitas.

Ademais dos retratos iluminados, na prensa aparecen reflectidas noticias utilizando outros procedementos fotográficos, como retratos ao platino e ao carbón, fotografías realizadas sobre espellos e cerámicas en exclusiva utilizando técnicas que tiñan patentadas para impedir que outros estudios as realizaran.

Parte da súa obra está preservada no Arquivo Fotográfico de Barcelona (AFB). O fondo inclúe unha pequena parte das imaxes xeradas pola actividade profesional da familia Napoleon, principalmente retratos de persoas anónimas e outras ilustres como o Pai Cinto Verdaguer ou Alfonso XIII. En febreiro de 2011 o AFB realizou unha exposición cuxos comisarios foron Rafael Torrella e María de los Santos García, na que se amosaron algunhas das magníficas “tarxetas de visita” que lles deron fama e riqueza, unha ducia de daguerrotipos realizados nos seus primeiros anos, miniaturas, fotografías pintadas simulando óleos e algúns traballos realizados sobre espellos e cerámicas ademais de obxectos orixinais do estudio.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

Bibliografía:

Páxinas web

Fotografías

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta