SHIMA RYU (1823-1900)

papel con relevo

Era unha artista xaponesa, pioneira da fotografía.

VIDA:

Descoñécese o seu segundo apelido e quen foron os seus pais. Naceu en Kiryu, concello de Gunma, unha provincia de Xapón situada na rexión do Kanto, no ano 1823.

Estudou na escola de arte en Edo, nome como se coñecía ao actual Tokio ata 1868. Na escola coñeceu a Shima Kakoku, un compañeiro de estudios, catro anos máis novo que ela, procedente da provincia de Tochigi, fillo dun pintor, con quen casou aos 32 anos de idade, en 1855.

Shima Ryu e o seu marido viaxaron xuntos pola rexión do Kanto, unha área xeográfica de Honshu, a illa máis grande de Xapón, unha das máis poboadas do mundo, probablemente para expoñer as súas obras ao longo do percorrido.

Xapón vivira unha situación de aillamento económico e político case que absoluto (agás con China e Holanda) ata 1853, un período coñecido co nome de Edo, iniciado dous séculos antes, no ano 1603, polo clan máis poderoso do Xapón, o clan Tokugawa e que remataría no 1867. Sería a partir de 1859, ano no que Shima Ryu cumpría 36 anos, cando Xapón abriu as portas ao comercio exterior, sendo aproveitado por numerosos fotógrafos estranxeiros para establecerse comercialmente alí, chamados pola curiosidade. Ata ben avanzada a década dos oitenta proliferaron os estudios fotográficos occidentais, sendo moi poucos os estudios xaponeses que podían competir con eles.

Descoñécese cando comezaron a fotografar pero a primeira mostra do traballo realizado por Shima Ryu refírese a un retrato que lle realizou ao seu marido na primavera de 1864, sendo esta a fotografía máis antiga que se coñece realizada por unha muller xaponesa. O negativo desta imaxe atópase depositado no Museo Histórico de Tojo; unha impresión de positivo directo de colodión húmido, é dicir, unha fotografía deste mesmo retrato, está no poder dos arquivos da familia Shima; e o Museo de Belas Artes de Houston posúe unha impresión á albúmina.

Sábese que Shima Ryu traballou xunto co seu marido nun estudio fotográfico situado en Edo aproximadamente entre os anos 1865 e 1867, ano no que Shima Kakoku aceptou un posto de profesor en Kaiseijo.

Shima Ryu quedou viúva moi nova cando no ano 1870 morreu o seu marido á idade de 43. Foi neste momento cando decidiu regresar a súa cidade natal, Kiryu, onde se estableceu abrindo un estudio fotográfico propio, e onde morreu aos 77 anos de idade, en 1900.

OBRA:

A única fotografía coñecida dela, é o retrato que lle fixo ao seu marido. Pódese supor que a súa especialidade foi o retrato, como a maioría das fotógrafas e fotógrafos desa época.

O retrato que Shima Ryu realizou ao seu marido no ano 1864, onde aparece rindo e sostendo unha cabaza nunha man e un abanico na outra, reflicte unha emoción moi viva, pouco frecuente na fotografía antiga, xa que que non sería ata a aparición das cámaras instantáneas cando se comeza a retratar de forma menos seria. Aínda que chegaron a tratar esta imaxe como un autoretrato, o certo é que Kakoku non podería ter realizada esta fotografía sen asistencia dunha persoa que lle retirara a tapa do obxectivo para proceder a exposición, polo que se pensa que Shima Ryu que traballaba con el no estudio tivo que asistir ao seu marido, sendo realizado coa colaboración de ambos.

A influencia que os fotógrafos foráneos tiveron en Xapón, vese reflectida no tipo de fotografía que realizaban, coñecida co nome de photo-souvenir ou fotografía turística, onde se reflectían fundamentalmente vistas e escenas de ficción con sentido comercial, que proxectara os aspectos máis exóticos do país. Para que se poda ter unha idea do tipo de fotografía que se realizaba no Xapón durante o século XIX, pódese consultar a páxina Charivari. Aínda que non se indican os nomes das autoras ou dos autores destas fotografías, algunhas poden ser da autoría de Raimund Von Stillfried (1839-1911), fotógrafo austríaco que se estableceu en Yokohama abrindo un estudio que permaneceu aberto ata 1886, ou de Felice Beato (1833-1909), un dos fotógrafos máis famosos e recoñecidos do Xapón, de orixe italiana, que se estableceu no país en 1863, fundando o primeiro estudio de fotografía de relevancia Beato & Wirgman artist & photographers, cuxos fondos fotográficos serían mercados polo propio Raimund Von Stillfried.

ALGUNHAS IMAXES:

Shima Kakoku retratado por Shima Ryu

FONTES:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta