CLEMENTINA HAWARDEN (1822-1865)

portada-artigo

Máis coñecida como Lady Clementina Hawarden, foi una fotógrafa de retratos da Época Vitoriana, considerada unha precursora da fotografía de moda, que deixou máis de 800 imaxes, na maior parte tomando como modelos as súas fillas adolescentes.

VIDA:

O seu verdadeiro nome era Clementina Elphinstone Fleeming, nacida o 1 de xuño de 1822, en Dunbartonshire, ou condado de Dumbarton, unha área situado ao oeste das terras baixas de Escocia, cerca de Glasgow; terceira dos cinco descendentes do matrimonio entre o Almirante británico Charles Elphinstone Fleeming, coñecido pola súa participación nas guerras de liberación de Venezuela e Colombia, e a española, Catalina Paulina Alessandro, unha beleza exótica, 26 anos máis nova que el.

Gran parte da vida de Clementina Hawarden segue sendo un misterio debido a que existen pouca documentación que poda dar algunha idea sobre a súa vida e o seu carácter.

Sábese que Clementina Elphinstone casou en 1845 con Cornwallis Maude, cuarto Vizconde Hawarden, pasando a chamarse Clementina Maude, viscondesa de Hawarden, aínda que que era coñecida polo referente abreviado de Lady Hawarden, en vez do pesado Viscondessa Hawarden. O matrimonio tivo dez fillos, dous nenos e oito nenas, dos que oito sobreviviron ata a idade adulta.

Comezou a fotografar aproximadamente sobre finais de 1857, cando vivía na propiedade da familia do seu marido na vila de Dundrum, no Condado de Tipperary en Irlanda, experimentando con fotografías estereoscópicas de paisaxes ó redor da finca antes de pasar ao gran formato dos retratos da súas fillas. Durante esta época tamén realizaba personificacións dos traballadores da finca utilizando a súa propia familia, algo que era frecuente entre as fotógrafos e fotógrafos da aristocracia. Nunha destas personificacións, vese ao Vizconde Hawarden cunha xarra e a súa filla maior cun fervedor de auga, vestidos como traballadores da finca, cun pano de fondo rodeado de ferramentas de limpeza: un cepillo, unha escoba e unha fregona.

Dous anos máis tarde, en 1859, establecería a súa residencia en Londres, Inglaterra, nunha casa radicada no elegante distrito de South Kensington. Clementina Hawarden transformou a sala de estar do primeiro piso da súa residencia de Londres nun estudio, un espazo privado que deixou baleiro dos característicos mobles e obxectos decorativos correspondentes á decoración dunha casa de clase alta londinense, para poder recrear imaxes e poses teatrais tendo como modelos principais ás súas fillas adolescentes: Isabella Graza, Clementina e Florence Isabel.

Aínda que foi unha fotógrafa moi apreciada polo tipo de fotografía artística que realizaba, ela mesma se consideraba unha fotógrafa afeccionada, así que nunca se preocupou de dar a coñecer o seu traballo, agás en dúas exposicións. Un traballo moi prolífico (oitocentas fotografías entre 1857 e 1864), se consideramos a cantidade de anos que estivo absorbida pola maternidade e que foi sorprendida pola morte sendo moi nova.

Clementina Hawarden, exhibiu o seu traballo na exposición anual da Sociedade Fotográfica de Londres, a primeira vez en xaneiro de 1863 baixo o título de Studies from Life, e a segunda vez no ano 1864, baixo o título de Photographic Studies, sendo agasallada coa medalla de prata da Sociedade en ámbolos dous anos.

As súas fotografías foron duramente criticadas por unha sociedade vitoriana moi conservadora, que non podía admitir a idea de sexualidade na adolescencia que transmitía algunhas imaxes das súas fillas, as veces con posturas provocativas. Aspectos que, por outra banda, servíronlle para suxerir novos retos na arte da fotografía, sendo considerada como a primeira artista da imaxe fotográfica por determinados especialistas e unha precursora da fotografía de moda.

Insistindo neste aspecto a profesora de Historia de Arte e Estudos Visuais na Universidade de Manchester, Carol Mavor, autora do libro As fotografías de Clementina, viscondessa, Hawarden, publicado en 1999 pola Duke University Press, afirmaba que as imaxes da fotógrafa convértense en ventás da cultura vitoriana, o erotismo, as relacións entre nai e filla, a intimidade:

As fotografías de Clementina, vizcondesa Hawarden, suxiren que as poses a miúdo provocadoras das fillas de Hawarden son significativas. Os vitorianos estaban molestos pola idea da sexualidade e a adolescencia, e en 1861 a Lei de Delitos contra a Persoa elevou a idade de consentimento de 10 a 12 anos. Esta foi tamén a época en que Hawarden comezou a facer este tipo de fotografía, aínda que xa hai evidencia de que ela estaba explorando deliberadamente este tema controvertido.

O escritor Lewis Carrol, famoso polo seu libro Alicia no país das maravillas, que comezara a interesarse pola fotografía en 1855, era un gran entusiasta e admirador do traballo de Clementina Hawarden, talvez porque entendía a fotografía como un medio de expresión artística ou quizais porque utilizaba fundamentalmente a nenas como modelos, igual que facía a fotógrafa. Despois de ver a exposición itinerante organizada polo V & A Museum no ano 1984, comentaría no seu diario que non admiraba as grandes cabezas da Señora Cameron tomadas fora de foco, que o mellor traballo que vira era o da Señora Hawarden. Carrol adquiriu cinco fotografías de Clementina Hawarden e colocounas nun álbum que chamou Profesional e outras fotografías, depositado actualmente na Universidade de Texas, en Austin, EE.UU. Carrol tivo que abandonar a fotografía en 1880, cando foi acusado de pederastia por retratar a nenas espidas, aínda que deixou unha inxente obra recollida en albumes e copias en libros que se atopan en diversas bibliotecas e museos de Estados Unidos e Inglaterra.

Outro fotógrafo profesional que admiraba as fotografías de Clementina Hawarden era Oscar Rejlander (1813-1875), un fotógrafo e pintor sueco radicado en Inglaterra, que está considerado como un dos pioneiros da fotografía artística na época vitoriana.

O seu traballo foi comparado co de Julia Margaret Cameron, outra fotógrafa, da época vitoriana, contemporánea de Clementina Hawarden, pero moito máis coñecida porque ela preocupábase de amosar o seu traballo, e considerada como unha das máis importantes fotógrafas desa época.

Clementina Hawarden nunca chegou a recoller as súas medallas na Sociedade Fotográfica de Londres. Morreu traxicamente na súa casa de South Kensington, o 19 de xaneiro de 1865, aos 42 anos de idade, despois de sofrer unha pneumonía que a abateu durante unha semana. Os médicos explicaron a súa morte dicindo que o seu sistema inmunolóxico estaba debilitado debido ao constante contacto cos produtos químicos fotográficos.

O fotógrafo O. G. Rejlander, escribiu unha necrolóxica, In Memoriam publicada no British Journal of Phtography o 27 de xaneiro de 1865, afirmando que Clementina Hawarden traballara con honestidade, cun bo estilo, comprensible. Que era unha perda para o progreso da fotografía, unha perda para moitos amigos e unha enorme perda para unha feliz familia.

Unha colección de 775 retratos foron doados ao Victoria and Albert Museum, de Londres, en 1939 pola súa neta, Clementina Tottenham. As fotografías foran arrincadas de álbums da familia, por razóns aínda sen esclarecer, o que explica as zonas que hai desgarradas, características da obra de Clementina Hawarden.

Redescuberta na década dos setenta, a súa obra influíu na práctica de artistas contemporáneas tan importantes como Cindy Sherman e Sarah Jones. Cindy Sherman unha fotógrafa e directora de cine estadounidense, das máis respectadas do século XX, cuxa obra, ao igual que a de Clementina Hawarden destaca polo uso da vestimenta que utilizan nas súas modelos. Sarah Jones, unha das principais artistas contemporáneas, na que o vínculo con Clementina Hawarden quedou patente na exposición Lady Hawarden/Sarah Jones – Almas xemelgas en Fotografía, realizada en marzo do 2000 no Huis Marseille, en Amsterdam.

OBRA:

Como continuación ás súas primeiras fotografías estereoscópicas de paisaxes tomadas cando estaba en Irlanda, Clementina Hawarden centrouse nas súas fillas. O seu traballo rexistra a vida e os intereses dunha familia media vitoriana de clase alta. Os fotógrafos masculinos dese momento marchaban a miúdo para explorar lugares máis afastados, pero sendo muller e con tanta familia tivo que traballar cerca da súa casa, promovendo así coa creación das imaxes enigmáticas das súas fillas, poñer de relevo novos horizontes da fotografía artística.

Clementina Hawarden produce exquisitos estudos das súas fillas adolescentes, sempre realizadas no interior do estudio ou no balcón da súa casa, elixindo a postura e unha coidadosa selección de accesorios que se poden atopar repetidos en numerosas fotografías, como cofres, roupa, espellos, xarróns, cortinas, e o balcón. As figuras e o vestido son o tema principal, coidadosamente enmarcado na sala, e usualmente fronte ao balcón, proporcionando a cidade que se ve máis aló, un fondo borroso. Como se pode deducir dos fortes raios de sol das súas fotografías, gustáballe utilizar a luz natural das ventás en lugar de fontes de luz artificiais que comezaban a ser utilizadas no momento, algo que se considerou unha “novidade” ou algo “atrevido” para aquel tempo, e colocaba espellos para reflectir a luz, explorar a idea de a dobre imaxe, ao igual que outros fotógrafos ou ocasionalmente para fotografarse a ela mesma.

A técnica que utilizaba era o colodión húmido, unha das técnicas máis estendidas na metade do século XIX. Clementina Hawarden facía copias á albúmina a partir de negativos de colodión húmido. Introducidos no ano 1851, os negativos de colodión húmido utilizáronse amplamente debido a que o tempo de exposición era relativamente curto, e o ton e o enfoque da fotografía resultante eran bos.

As esquinas rotas das súas fotografías, por ter sido arrincadas dos álbums, fan que cada impresión sexa única, aínda que hai algúns duplicados de fotografías.

As fotografías de Clementina Hawarden estiveron no poder da súa filla maior, Isabel, ata que esta llas pasou a súa filla. A colección de fotografías de Clementina Hawarden non chegou ao Victoria and Albert Museum ata 1939, a raíz dunha visita realizada pola súa neta, Lady Clementina Tottenham, para visitar unha exposición de fotografías antigas organizada por Charles Gibbs-Smith, por entón conservador das coleccións de fotografías do museo, con motivo da conmemoración do centenario da Fotografía 1839-1939. A non encontrar o traballo da súa avoa entre as fotografías expostas, dirixiuse a Gibbs-Smith para cuestionar a ausencia da obra da súa avoa, ao que lle respondeu que non tiña ningún exemplo do seu traballo. A neta pronto regresou con 775 fotografías, que ela xenerosa e espontaneamente doou ao Museo. Este Museo é a institución adecuada para acoller o arquivo, non só pola relevancia mundial que poda ter a colección, senón tamén porque South Kensington. foi o lugar onde viviu a fotógrafa dende 1859 ata a súa morte en 1865. O arquivo chegou ao museo sen ningún tipo de material adxunto que revelara máis sobre a vida da fotógrafa e a súa obra, ademais de coincidir no tempo coa chegada da Segunda Guerra Mundial, polo que pouco se puido facer naquel momento. As fotografías foron procesadas anos máis tarde en dúas quendas, a primeira no ano 1947 e a segunda en 1968. Cando a fotografía como medio artístico volveuse a reactivar na década de 1970, houbo un crecente interese pola obra de Clementina Hawarden, así que en 1977 o V & A Museum, trasladou dende a Biblioteca, onde estaba depositada, ata o Departamento de gravados, debuxos e pinturas a colección de fotografías e as impresións de Clementina Hawarden, tratando as fotografías como obras de arte gráfica en lugar de ilustracións para textos.

Con frecuencia pode verse a obrade Clementina Hawarden, nas galerías fotográficas que o Victoria and Albert Museum ten en Internet ou tamén se poden contemplar na Sala de Estudio de gravados e debuxos do propio Museo.

As fotografías de Clementina Hawarden incluíronse na exposición itinerante que o V & A Museum realizou no ano 1984 co título de A idade de ouro da fotografía británica.

O traballo de Clementina Hawarden foi admirado por moitos críticos e a miúdo comparado co da súa contemporánea Julia Margaret Cameron, unha fotógrafa que exhibía e vendía activamente o seu traballo e que está considerada como unha das grandes fotógrafas experimentais da época. A diferenza dela, Clementina non daba ás súas fotografías títulos específicos, nin realizaba imaxes borrosas para lograr os efectos desexados, nin se preocupaba de promover o seu traballo, tan só exhibía as fotografías como “estudos”. En lugar de centrarse na cara das súas modelos como fixo Cameron, utilizou o entorno da sala, así como panos de fondo e teas, para engadir á composición.

Unha importante colección de 37 gravados á albumina e un par de bosquexos a lapis de ela e o seu marido, puxéronse á venda en poxa e puideron acadar ata 237.000 libras. A venda da colección por un dos máis importantes e influentes coleccionistas de fotógrafos de arte vitorianos é un evento raro neste mercado. As imaxes veñen dun único álbum e a gran maioría non están representadas na colección do Victoria & Albert Museum.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

Libros

    • Clementina, Lady Hawarden: Studies from Life, 1857-1864. Virginia Dodier. London: V&A Publications. 1999.
    • Clementina, Lady Hawarden. Graham Ovenden. London: Academy Editions. 1974.
    • Becoming: The Photographs of Clementina, Viscountess Hawarden. Carol Mavor. London: Duke University Press. 1999.

 Páxinas web

Vídeos

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest