EULALIA ABAITUA (1853-1943)

eulalia abaitua - cabeceira

É a primeira fotógrafa do País Vasco da que se ten antecedentes. Unha fotógrafa social e antropolóxica que destacou pola calidade técnica das súa fotografías, por recoller as costumes, festas e tradicións de finais do século XIX e principios do XX e retratar as faenas e actitudes das mulleres dotándoas de protagonismo.

VIDA:

Foi rexistrada co nome de María Elvira Juliana Abaitua Allende-Salazar, nacida en Bilbao no seo dunha familia burguesa o 25 de xaneiro de 1853, na zona Siete Calles, hoxe casco vello de Bilbao. A súa nai era Eulalia Allende-Salazar Eguia, procedente de Guernica, filla dun Deputado Xeral de Bizkaia e membro do corpo consultivo para asuntos forais, que morreu días máis tarde do seu nacemento, o 12 de febreiro. Como consecuencia deste infortunado suceso, e na honra da súa nai, a familia mudoulle o nome, pasando a chamarse Eulalia. O seu pai era Luís de Abaitua y Adaro, un comerciante bilbaíno propietario dunha embarcación e dunha Casa de Comercio que, diante da morte da súa esposa, contratou unha ama de cría para que coidara da crianza de Eulalia, da súa irmá María Venceslada Gertrudis que morrería ese mesmo ano sen cumprir os dous anos, e do seu irmá maior Felipe.

Segundo Maite Jimenez Ochoa de Alda, autora do libro La fotógrafa Eulalia Abaitua (1853-1943), Eulalia medrou san e alegre pero debía ser demasiado presumida polo que o seu pai, nun intento de modular ese aspecto do seu carácter, non dubidou en raparlle o pelo como queda reflectido nun retrato de infancia que lle fixo o fotógrafo Cosme Duñabeitia.

Sábese que Eulalia estudou en Barcelona, no colexio do Sagrado Corazón de Xesús de Sarriá, aínda que se descoñece o tipo de estudios que cursou e o tempo que permaneceu nel porque os arquivos do centro foron destruídos na guerra civil.

Cando tiña once anos, en 1864, o seu pai foi nomeado titor e curador duns parentes chamados Juan Narciso e Ana Olano que quedaran orfos tras a morte do seu pai Juan Ygnacio Narciso de Olano, un comerciante afincado en Sevilla con quen Luis de Abaitua tiña lazos de consanguinidade e amizade, e a súa muller Carlota Picavea de Lesaca. A partir deste momento, a vida de Eulalia e Felipe, quedaría unida á deles. Eulalia tiña tanta amizade e complicidade con Ana que ambas chegaron a protagonizar unha aventura cando rendían culto como camareiras da Virxe de Begoña: Disfrazáronse de monxas e dirixíronse aos sacerdotes da basílica de Begoña pedindo unha caridade; ao non ser recoñecidas déronlles a esmola que, tras un tempo, e logo do arrepentimento, devolveron pedindo desculpas, o que lles custou unha reprimenda.

A familia trasladouse a vivir a Gran Bretaña durante a guerra Carlista. Cando Eulalia Abaitua contaba uns dezaoito anos, en xaneiro de 1871, vivía co seu irmá e os parentes tutelados polo seu pai en Liverpool, no número 69 da rúa Shaw. O censo desta data indica que está habitada por Luis de Abaitua, de 51 anos, os seus fillos Felipe e Eulalia, os seus catro sobriños: Ignacio (estudante de arquitecturas) e Rosario de Abaitua, Juan Narciso de Olano (estudante de enxeñería) e María de Adaro; a súa prima Manuela de Adaro e tres empregadas: unha institutriz, un criado e unha serventa. Ana Olano tamén vivía en Liberpool interna na escola da viúva Mary Hayter Bullen.

Sería nesta mesma cidade, na igrexa católica de St. Francis Xavier de Sallisbury Street, cando uns meses máis tarde, o 16 de maio, casarían os catro: Eulalia que tiña 18 anos con Juan Narciso de 20, e Felipe de 26 con Ana de 19 anos. O parentesco natural que tiñan por vía paterna, un cuarto grao por parte de Eulalia e un terceiro por parte de Juan Narciso, motivou que tiveran que contar cunha dispensa papal para poder contraer matrimonio. As dúas parellas convivirían anos xuntos na mesma residencia á beira do Támesis, en Lambard Villas número 3, ao sueste de Greenwich.

Eulalia Abaitua dispoñía dun patrimonio propio, que o seu marido administraba e que foi incrementando ao longo da súa vida, o que lle permitiría levar unha vida acomodada e sen trabas económicas, incluso despois de quedar viúva. Así, Maite Jimenez Ochoa de Alda, indica no seu libro La fotógrafa Eulalia Abaitua (1853-1943), facendo referencia a un documento escriturado ante notario realizado en Bilbao, no que se indicaba os bens que cada un aportaba ao matrimonio, que Eulalia contribuía con 40.171,75 pesetas (160.687 reais 28 marabedís) correspondentes a súa lexítima materna ás que había que sumar outros ingresos procedentes de débedas pendentes e a dote paterna de 10.000 pesetas anuais mentres o seu pai seguira con vida. Juan Narciso contribuíu ao matrimonio cun patrimonio aproximado de 181.502 reais entre inmobles e diñeiro en efectivo aos que había que sumar a valoración doutros bens mobles.

Juan Narciso traballou nunha compañía de navegación do seu tío, un dos negocios en auxe nesa época, que abriu unha ruta comercial coas colonias españolas de Porto Rico, Cuba e máis tarde coas Illas Filipinas e China.

Da unión entre Eulalia Abaitua e Juan Narciso Olano, que era Enxeñeiro Civil, nacerían seis fillos, os catro primeiros con dous anos de diferencia entre eles: María Carlota Victorina, no ano 1872 en Bilbao; Luis María Andrés, vería a luz no ano 1874, en Gordexola, municipio da comarca vizcaína de Las Encartaciones; Luis María Javier, nacería no ano 1876 en Greenwich, distrito situado ó sueste de Londres, Inglaterra; Mª Concepción, no ano 1878 en Begoña, un distrito de Bilbao a igual que os dous últimos, Juan José María Ramón Vicente en 1883 e Manuel María Eduardo Javier Pantaleón no ano 1887, que morrerían ao pouco tempo de nacer.

No ano 1876 finou en Madrid o seu pai, Luis Abaitua, pasando a recibir Eulalia e o seu irmá Felipe unha pequena fortuna.

Sería nesta década dos setenta, estando Eulalia aínda na localidade inglesa de Liverpool, onde tomaría o seu primeiro contacto coa fotografía, aprendería a técnica e mercaría os materiais necesarios para realizar as súas primeiras fotografías no ano 1873. Foi nesta década tamén cando comezaron a fabricarse as primeiras placas de gelatinobromuro sobre vidro, unha técnica que comezaba neses anos a difundirse entre a alta burguesía como alternativa á pintura, na que destacaba por esa época en Inglaterra Julia Margaret Cameron, como unha das figuras precedentes na fotografía artística.

Rematada a guerra, a parella fixaría a súa residencia definitiva en Bilbao xunto á Basílica de Begoña, aproximadamente alá polo 1879, onde construíron un palacio, hoxe coñecido como o Palacio do Pino, dentro dunha finca da súa propiedade que levaba o mesmo nome, unha construción cuxo proxecto parece que foi obra do seu marido, Juan Narciso, quen importou para a súa construción os materias desde Inglaterra, xunto co mobiliario e o deseño do xardín onde instalaron un campo de croquet, creando unha unha estética moi británica. Eulalia Abaitua instalou o seu laboratorio fotográfico no soto desta casa, lugar onde pasou moitas horas durante as últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX.

A finais do século XIX, os poucos dereitos que asistían á muller solteira desaparecían inmediatamente cando casaba, quedando subordinada ao seu marido, como así estaba establecido en diferentes artigos do Código Civil de 1889. Neste sentido, o seu marido Juan Narciso era o encargado de administrar os bens de Eulalia e estaba facultado para representala nos xuízos. Ela non podía asinar contratos ou calquera outro tipo de actos administrativos sen a licencia do seu marido. Pese a todo, Eulalia Abaitua foi socia comanditaria, aportando un capital de 15.000 pesetas, xunto con Rita Pérez, da Sociedade Comanditaria Olano y Compañía, unha sociedade constituída en Bilbao o 7 de xullo de 1903 dedicada á fabricación de cravos, chatolas e artigos similares relacionados coa industria e o comercio, onde participaban tamén os seus maridos Justo García e Juan Narciso como socios colectivos e o seu fillo Andrés Olano Abaitua que exercía como apoderado.

Eulalia Abaitua xa dominaba a técnica fotográfica perfectamente e sabía o que quería desa arte dende comezos do século XX, tal e como o amosan a maioría das súas placas estereoscópicas. Asinaba o seu traballo fotográfico coa letra “A”, inicial do seu apelido Abaitua, aínda que oficialmente figuraba como “Sra. De Olano”, tal e como establecía a orde social vixente da época, e alén de ser unha fotógrafa afeccionada, con este xesto conseguía reafirmarse na súa propia identidade.

Ao igual que todas as mulleres da súa época figuraba en todos os documentos oficiais no apartado de oficio dedicada ás labores propias do seu sexo, que trocou por propietaria a raíz da morte do seu marido e ao igual que todas elas, tivo que compatibilizar a súa vida como muller coa súa afección pola fotografía. Quizais porque a súa dedicación non era profesional, dispuxo de suficiente liberdade para poder desenvolver o seu discurso fotográfico facendo o que quería, como quería e cando quería, deixando un legado de 2.500 imaxes que están conservadas no Museo Vasco de Bilbao, toda unha testemuña histórica da memoria.

O seu marido, Juan Narciso Olano, morreu o 14 de maio de 1909 como consecuencia dunha bronconeumonía, sendo enterrado no panteón familiar do Campo Santo de Begoña.

Eulalia Abaitua elixía minuciosamente os asuntos a fotografar, centrándose na sinxeleza das xentes do pobo, das persoas humildes, sen retoques, no seu vivir común, no seu quefacer diario e no seu tempo de asueto. Fotografaba ás persoas, ben en grupo ou en solitario, na súa maior parte mulleres, algunhas eran amigas e outras veciñas do barrio o do seu entorno, ou ben formaban parte do seu servizo e das familias deste. As súas imaxes falan do duro esforzo cotiá, onde a pesar de todo, as veces debuxaban sorrisos. Foi unha fotógrafa sinxela que traballou a naturalidade e a espontaneidade, case sempre en exteriores e con luz natural. Para fotografar empregaba diferentes tipos de planos, agás os primeiros ou primeirísimos planos que non están presentes no seu legado.

A pesar de que retrataba a persoas que estaban próximas xeograficamente, a maioría das imaxes están sen identificar, a algunhas delas puxéronlle nome os seus descendentes cando foron a ver as exposicións organizadas polo museo a partir de 1990. Nalgunhas ocasións levaba unha persoa para que lle axudara a transportar o trípode e suxeitara a tea escura que montaba sobre un bastidor que lle servía de fondo, recurso que utilizaba cando retrataba fora do fogar; outras veces situaba ás persoas diante dun muro de pedra ou no oco dunha porta, co obxectivo de resaltar o rostro das persoas fotografadas e eliminar todo tipo de distracción.

Os modelos máis próximos que lle permitiron investigar con diferentes encadres, luces, disfraces e outros aditamentos atopounos entre a súa familia máis achegada. Dúas modelos de excepción que posaban atendendo as instrucións de Eulalia, foron a súa filla menor Concha e a súa neta Conchita, que aparecen en diferentes imaxes xuntas ou por separado.

Eulalia Abaitua experimentaba con diferentes procesos fotográficos como se pode observar no legado do Museo Vasco de Bilbao. Dous destes procesos son a dobre exposición e o collage, o que nos amosa as inquedanzas da autora por explorar outras facetas da fotografía. A dobre exposición consiste en realizar sobre unha mesma placa dous ou máis disparos para conseguir que determinados elementos aparezan por duplicado en diferentes posicións, o que implica controlar o tempo de exposición para cada disparo. Con esta técnica só se conservan fotos do seu marido, o que fai supoñer que Juan Narciso prestábase para os ensaios que lle propoñía a súa muller.

Aínda que en menor medida, tamén quixo rexistrar distintos tipos de vistas: rúas, parques, xardíns, edificios, esculturas, casas de labranza, acantilados, praias… Outras son escenas urbanas, rurais, costeiras ou mariñas que nos documentan sobre o que estaba ocorrendo, e que a converterían na primeira reporteira gráfica antes de que nacera o reporterismo.

Con 83 anos, comezada a Guerra Civil Española, Eulalia Abaitua trasladou a súa residencia a un piso de Bilbao, situado no edificio La Equitativa, na Praza dos Jardines de Albia. As súas últimas obras, algunhas en cor, están datadas no ano 1939, catro anos antes da súa morte.

Xa no ano 1941 volvería trasladar a súa residencia para a rúa Gran Vía, ó número 58, coñecido como a casa Ampuero, onde morrería dous anos máis tarde, o 16 de setembro de 1943, á idade de 90 anos, sendo enterrada xunto co seu marido no panteón familiar Olano-Abaitua do Campo Santo de Begoña.

Na súa homenaxe, hai unha glorieta en Valdemoro (Madrid) que leva o seu nome, Eulalia Abaitua, e dúas rúas, unha en Guadalajara e outra en Bilbao.

OBRA:

Ata o ano 1990, Eulalia Abaitua era unha gran descoñecida, e foi a partir do momento no que o Museo Vasco de Bilbao comezou a expoñer a súa obra, cando se empezou a coñecer na súa terra.

Gran parte da súa obra, máis de dúas mil cincocentas imaxes, foi adquirida polo Museo Vasco de Bilbao aos descendentes directos da súa familia. Segundo fai constar Maite Jiménez Ochoa de Alda no seu libro La fotógrafa Eulalia Abaitua (1853-1943), o fondo fotográfico ingresou no Museo en seis datas diferentes e conta con seis números de Inventario Xeral distintos. O resto dos fondos están en poder dos descendentes de Eulalia e na Fundación Sancho el Sabio de Vitoria-Gasteiz, dentro do Archivo Basualdo.

A obra de Eulalia Abaitua pode clasificarse en tres grandes grupos: a vida privada, as imaxes costumistas e as viaxes. O primeiro grupo está formado polos seus familiares e amigos no Palacio do Pino, onde vivían, con tomas interiores e exteriores, tendo como protagonistas ao seu marido, fillas, netas e parentes máis próximos como o seu irmá Felipe, a súa cuñada Ana e as persoas do servizo que traballaban na súa residencia de Begoña, en todo tipo de poses, buscando múltiples composicións, ás que hai que sumar tamén os retratos realizados a personalidades relevantes que pasaban pola súa finca, como os representantes da curia pontificia e o poder político. O segundo componse de instantáneas que rexistran o ambiente da súa localidade, Begoña e arredores, onde Eulalia implicouse como reporteira gráfica fotografando todo o que acontecía entre os dominios do Concello con a praza pública e o santuario: as celebracións civís e relixiosas, as feiras do gando, os bailes, as comidas, o auga das fontes, as vodas…; retratou a visitantes migratorios, como os xitanos, que instalaban o seu campamento en Santutxu e visitaban o Palacio do Pino para vender os seus produtos; os retratos que realizaba ás mulleres, onde calquera escenario ou pose resultáballe interesante para plasmar o ambiente no seu mundo real. No último grupo, o das viaxes, consérvanse fotografías realizadas na visita a diferentes países, como Italia, Marrocos, Palestina, Francia; a cidades como Málaga ou Barcelona; pero o seu verdadeiro leitmotiv estaba en reflectir os espazos urbanos de Bilbao deixando imaxes dos eventos que se producían nas súas rúas; no val de Arratia onde visitou os seus pobos, os seus barrios, as súas igrexas e caseríos ata chegar ás estribacións do monte Gorbea, entre estes lugares destacan as súas Miradas del pasado, que inclúen retratos de homes e mulleres anciáns, algunha delas fumando; percorreu as marxes da ría do Nerbiol (Bilbao, Sestao, Portugalete, Santurtzi, Las Arenas, Algorta) para deixar plasmadas a través da súas fotografías as persoas traballadoras, os barcos, o movemento de mercadorías, os eventos relixiosos e deportivos, os pescadores…, Lekeitio, Mundaka, Ondárroa, San Sebastián, Santoña…, foron outros lugares que quedaron plasmados para a historia nas súas imaxes.

A maioría das súas fotografías son en branco e negro, aínda que tamén dispón dalgunha en cor, chamadas autocromos, invento francés dos irmáns Auguste e Louis Lumière, que apareceu no mercado a partir de 1907, que consistía nunha emulsión de partículas de amidón de pataca (tinxidas en azul, roxo e verde) máis a capa habitual para branco e negro que se cubría cun segundo cristal antes de expoñerse á luz. Requirían unha longa exposición e tiñan un elevado custo. Neste formato deixou unha colección completa que amosa a paisaxe urbana e rural de Bizkaia dende finais do século XIX ó XX, de aí que o seu traballo estea considerado como unha proba rigorosa da realidade do seu tempo.

As persoas expertas que realizaron o estudo das máis de 2.500 imaxes conservadas no Museo Vasco de Bilbao, afirman que o material preferido por Eulalia foron as placas estereoscópicas de vidro, tanto positivas como negativas, en formato 4,5 x 10,7 cm e emulsión de xelatinobromuro. Pola súa abundancia destacan as marcas A. Lumière & ses fils e Guilleminot & Cie., ambas de fabricación francesa. Eulalia Abaitua aplicou a técnica do virado a sepia nalgunhas placas para crear tons quentes.

Debido ao paso do tempo, os traslados, manipulacións pouco coidadosas, … o arquivo de Eulalia Abaitua chegou ao Museo Vasco de Bilbao nunhas condicións pouco favorables. A pesar de que ela dotou ao seu arquivo dun sistema de codificación, que está localizado nas caixas de almacenamento das placas e nas propias placas, parece que vai ser moi difícil ou case que imposible, reconstruír o material ao seu estado orixinario, é dicir, tal e como o tiña a autora.

O Museo Vasco de Bilbao realizou seis exposicións temporais con imaxes seleccionadas da obra de Eulalia Abaitua acompañadas dos seus correspondentes catálogos nos que se reproducen todas as fotografías que forman parte de cada mostra:

  • 1990. Gure Aurreko Andrak /Mulleres Vascas de Onte.

  • 1991. Kresalibaia bebinolako irudiak / A Ría imaxes de outro tempo.

  • 1994. Senitartea / A Familia.

  • 1998. Lehenagokoen begiratuak / Miradas do pasado.

  • 2005. Begoña 1900. Errepublika eta Santutegia / República e Santuario.

  • 2010. Exposición retrospectiva.

Na primeira exposición, o Museo seleccionou, na súa homenaxe, a temática da muller, facendo unha selección que poñía de relevo o número de imaxes onde a muller é a protagonista. O fotógrafo Alberto Shommer comentou no seu catálogo:

Eulalia es un ojo sensible que ama a su pueblo y se dedica a interpretarlo. Por ello con sus temas las campesinas, lavanderas, sardineras, lecheras, hay maternidades y retratos. También tiene marinas, artes de pesca, tipos en las ferias, etc. No olvida las procesiones y fiestas. […] Esta mujer no busca el arte por el arte, ni tampoco el juego de luces o las composiciones rebuscadas, es una auténtica “reporter”, que ahora sería una gran fotógrafa de la “Agencia Magnum” […] Eulalia Abaitua, ha dejado una obra para la posteridad de una gran pureza morfológica y etnográfica incalculable. […] Su arte era componer con extrema naturalidad. No hay nada rebuscado.

Patxi Cobo escribiu o prólogo da publicación que acompañaba á exposición realizada en 1998, titulada Lehenagokoen begiratuak / Miradas do pasado, e no seu texto comentaba:

[…] la estancia de Eulalia Abaitua en Inglaterra coincide con la época en la que Julia Margaret Cameron (1815-1879) realizó sus retratos de intelectuales y aristócratas ingleses. […] En con- traposición con los profesionales de la época […] la obra de Eulalia Abaitua trasmite la limpieza de ver el mundo que le rodea sin artificio y siempre con el elemento humano como protagonista, la mayoría de las veces en su medio natural, otras en el propio jardín de su casa.

Unha selección de imaxes das catro primeiras mostras, foron expostas no Basque Museum & Cultural Centre de Boise, en Idaho, EE. UU. durante o verán do ano 2000, coincidindo coa celebración da Jaialdi, festa internacional vasca.

Na quinta exposición realizada, Begoña 1900 Errepublika eta Santutegia / República e Santuario, o común denominador destas imaxes é o lugar, o sitio seguro e concreto; en canto a data, 1900, pode interpretarse como unha data aproximada ao redor do cambio de século. Con esta mostra, o Museo Vasco quería facer públicas un centenar de imaxes da antiga antiglesia da división administrativa da comarca Uribealdea, que tivera voto e rexistro nº XXXVI nas Xuntas Xerais de Gernika e rescatar así algúns aspectos da vida das súas xentes.

No 2010, o Museo, presentaba unha retrospectiva na que se incluían 55 imaxes en branco e negro e unha proxección que contiña outras 161 reproducións, na súa maioría inéditas, onde se amosaban as costumes, festas e tradicións de todo un pobo.

As imaxes de Eulalia Abaitua formarían parte dalgunha das exposicións colectivas realizadas en España, como por exemplo, na que organizou Acción Cultural Española (AC/E) e o Concello de Madrid, no Centro Conde Duque, no ano 2012, titulada 100 años en femenino. Una historia de las mujeres en España, onde estivo presente algunha das súas fotografías. Esta exposición recorría os novos camiños emprendidos polas mulleres españolas durante o último século, unha centuria marcada pola reivindicación da igualdade de oportunidades e dereitos das mulleres e polo seu acceso maioritario á vida profesional e pública. Outra exposición colectiva onde estaría presente con algunha das súas fotografías foi a organizada pola Fundación Mapfre, de Madrid, no ano 2013, titulada España contemporánea.

A sala de exposicións Areatza acolleou no ano 2013 unha mostra de fotografías de Eulalia Abaitua, baixo o nome de Arratiako Irudiak. Tratábase dunha selección de imaxes da historia e costumes da Arratia de inicios do século XX.

A última exposición sobre Eulalia Abaitua (Bilbao, 1853-1943), tiña lugar o 1 de marzo de 2016 no Centro Clara Campoamor de Barakaldo, Vizkaia.

Bibliografia:

  • La Ría. Imágenes de otro tiempo. Eulalia Abaitua Allende-Salazar (1853-1943). EAEKM-MAEHV. 1991.
  • La Familia. Eulalia Abaitua Allende-Salazar (1853-1943). EAEKM-MAEHV. 1994
  • Gure Aurreko Andrak – Mujeres Vascas de Ayer. Colección Eulalia Abaitua. EAEKM-MAEHV. 1997.
  • Miradas del pasado. Eulalia Abaitua Allende-Salazar (1853-1943). EAEKM-MAEHV.1998.
  • Begoña 1900: República y santuario. Eulalia Abaitua Allende-Salazar (1853-1943). EAEKM-MAEHV. 2005.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

 Libros

 Pdf

 Páxinas web

 Vídeos

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta