Gertrude Käsebier (1852-1934)

portada-gertrude-artigoFoi unha das fotógrafas americanas máis influentes de principios do século XX. Era coñecida polas imaxes evocadoras que facía da maternidade, os seus poderosos retratos de nativos americanos e a promoción que facía da fotografía como carreira para as mulleres.

VIDA:

O seu nome orixinal era Gertrude Stanton, nacida o 18 de maio de 1852, nunha cabana de troncos en Fort Des Moines, a capital e cidade máis extensa do estado de Iowa, agora coñecida como Des Moines, nos Estados Unidos. Filla de John W. Stanton, propietario dun próspero serradoiro en Golden, Colorado, que abrira coa esperanza de prosperar, ao comezo da febre do ouro do pico de Pike en 1859. Á idade de tres anos contraeu a escarlatina, o que lle causou a perda permanente da audición dun oído. Con oito anos de idade, Gertrude viaxou coa súa nai, Muncy, e un irmán maior que ela, Carlos, para reunirse co seu pai en Colorado, onde a nai axudou á economía familiar, durante esta estancia, vendendo produtos que enfornaba para os mineiros. O éxito do serradoiro deulle unha boa reputación local e ese mesmo ano (1860) foi elixido por primeira vez alcalde de Golden por entón capital do territorio de Colorado.

A nova riqueza e a posición social adquirida, permitiron que os seus pais puideran ofrecer unha boa educación aos seus fillos. A pesar da radicación xeográfica da casa familiar, a nai de Gertrude mercou un piano coa esperanza de que a súa filla estudara música, pero a imaxinación vívida de Gertrude e a súa curiosidade en xeral, levárona cara o debuxo e o bosquexo. Mentres permaneceu en Colorado tivo como compañeiras e compañeiros de xogo, aos nenos dos indios das tribos locais e contou que, polo Nadal, os seus veciños indios agasallábana con contas que ela apreciaba moito máis que as pequenaspepitas” de ouro que recibía dos mineiros.

Cara 1864, a Guerra Civil fixo que a vida neses lugares se tornara cada vez máis difícil, así que a súa familia trasladouse ao este de Brooklyn, en Nova York. O pai, que morrería neste mesmo ano, conseguiu empregarse como refinador de carbonato de sodio, mentres a súa nai obtiña ingresos adicionais alugando habitacións.

Entre os anos 1868 e 1870, Gertrude Käsebier viviu coa súa aboa materna en Bethlehem, Pensilvania, onde asistiu ao seminario feminino Belén (chamado máis tarde Colexio de Moravia), fundado en 1742 como o primeiro colexio para nenas nos EE. UU. Anos máis tarde reuniríase novamente coa súa nai en Nova York.

Cambiaría o apelido Stanton polo de Käsebier, cando casou aos vinte e dous anos, no 1874, cun inquilino da súa propia casa, Edward Käsebier, un home de negocios, pertencente a unha rica familia alemá, que decidira facer a súa propia fortuna nos Estados Unidos. Coa súa experiencia na química e nos negocios, Edward pronto se convertería nun home de negocios con éxito, importando goma laca dende Wiesbaden (Alemaña), conseguindo relacionarse a un nivel social alto en Brooklyn. Terían tres fillos moi seguidos, entre 1878 e 1880: Federeico Guillermo, Gertrude Elizabeth e Hermine Mathilde. A familia viviría comodamente e residirían en diferentes casas radicadas en Brooklyn e na área metropolitana de Nova York, normalmente con persoal contratado que axudaba a Gertrude no coidado dos fillos e da casa. Xuntos trasladaríanse a unha granxa en New Durham, Nova Jersey, co fin de proporcionar un lugar máis saudable para a crianza dos seus pequenos. Pasados os primeiros anos a incompatibilidade de caracteres na parella fíxose notar e o matrimonio comezou a cambalear. Edward era tradicional e reservado, mentres que Gertrude, polo contrario, era orixinal e vivaz escollos que levaría a que se distanciaran considerablemente. Máis tarde, Gertrude lembraría cando tomou a decisión de casarse con Edward, como un erro, xa que cando o coñeceu, ela rematara naquel momento cunha relación anterior e a proposta que lle fixo Edward pareceulle boa. Ela mesma escribiría máis tarde sobre o infeliz que se sentía:

Si o meu marido vai ao ceo, quero ir ao inferno. Era terrible… Nada lle era suficientemente bo.

Nese momento considerábase o divorcio escandaloso, así que a partir do nacemento do seu último fillo, os dous permaneceron casados, mentres vivían vidas separadas. Esta situación tan traumática serviríalle a Gertrude anos máis tarde de inspiración para algunha das súas fotografías, a máis sorprendente, a titulada “co xugo e amordazada” (1915).

A pesar das diferenzas que tiña co seu marido, e de que este non compartía o interese que Gertrude amosaba polas artes, apoiouna cando os fillos xa eran maiores e ela decidiu, con trinta e sete anos, matricularse no recentemente creado Instituto Pratt de Arte e Deseño de Brooklyn para estudar a pintura do retrato, que era o que ela quería facer orixinalmente. Tiveron que mudarse de casa unha vez máis, esta vez percorrerían o traxecto de volta dende Nova Jersey a Brooklyn. No Pratt estudou entre 1889 e 1893 debuxo e pintura, pois a escola non ofrecía fotografía. A súa fascinación pola fotografía xurdiu pouco a pouco e foi transformando a súa vida mentres aplicaba a súa formación de arte clásica aos novos medios. Utilizaba a biblioteca da escola para promover o coñecemento e mellora das técnicas fotográficas e comezou realizando emotivos retratos da súa familia en 1890.

Gertrude Käsebier era coñecida pola súa hospitalidade entre as súas compañeiras e compañeiros, o que pronto se estendería ao profesorado, a outras artistas e fotógrafos, actitude que lle axudaría a avanzar na súa carreira. No Pratt forxou unha relación duradeira co seu mestre Arthur Wesley Dow, un pintor, gravador e fotógrafo que máis tarde axudaríaa a promover a súa carreira fotográfica, escribindo críticas favorables sobre as súas exposicións e presentándolle a outros fotógrafos.

No ano 1893, visitou a Exposición Colombina Mundial de Chicago e na primavera de 1894, gañou dous concursos de fotografía: No primeiro recibiu un premio de cincuenta dólares concedido pola revista Quarterly Illustrator á mellor fotografía, na que se vía unha muller nova que presentaba un efecto de halo, como se fora unha pintura clásica europea; e o segundo premio concedeullo o New York Herald. Así foi como Gertrude Käsebier comezou a considerar á fotografía como unha carreira, aínda que nesta época a fotografía non estaba considerada como unha arte lexítima, por iso, cando os seus profesores tiveron coñecemento dos premios, reaccionaron avergonzándose das fotografías e da súa publicación, chegando Gertrude a sentirse tan mal que devolveu o importe gañado.

Este mesmo ano 1894, Gertrude viaxou a Europa por período dun ano para estudar con Hermann Wilhelm Vogel, fotógrafo e químico, creador do método práctico para realizar fotografías en cor, que tamén fora profesor de Alfred Stieglitz uns dez anos antes. O seu obxectivo era coñecer mellor as distintas técnicas fotográficas. Aproveitando que os seus sogros vivían en Wiesbaden, deixou aos seus fillos con eles para pasarse uns meses en Francia, estudando con Frank Vicent Dumond, un dos máis influentes mestres pintores, ilustrador e impresionista americano do século XX. Ao principio desta viaxe Gertrude Käsebier fotografaba e pintaba escenas da cidade e paisaxes; sen embargo, ela comezou a cambiar o seu enfoque ao retrato durante a súa estancia en Francia. Ela mesma comentaría:

Ata agora eu non lle prestara ningunha atención ao retrato, pero un día que chovía moito e non podía saír ao campo a pintar, púxenme a experimentar na casa facendo un retrato en exposición e o resultado foi tan sorprendente para min que a partir de ese momento souben que encontrara a miña vocación.”

O ano que pasou en Europa foi moi importante para a súa evolución como artista fotográfica, pero a mala saúde do seu marido levouna de regresou a Brooklyn. Os médicos daríanlle un ano de vida a Eduard, aínda que viviu durante doce anos máis. Como consecuencia desta enfermidade, a situación económica e familiar volveuse moi delicada, polo que Gertrude Käsebier decidiu dedicarse profesionalmente á fotografía, converténdose por un curto período de tempo na asistente do fotógrafo de retratos Samuel H. Lifshey, onde aprendeu a levar un estudio e ampliou os seus coñecementos sobre técnicas de impresión.

A pesar de que o seu marido se recuperou, Gertrude continuou traballando, gañando diñeiro pola súa conta e na década de 1890, abriu o seu primeiro estudio de fotografía, no santuario da súa casa en Brooklyn, aínda que pronto se trasladaría para o emerxente distrito comercial de alto poder adquisitivo, coñecido como o Ladies Mile, na Quinta Avenida de Manhattan, na cidade de Nova York, onde loitou contra vento e marea contra todos os prexuízos sociais existentes naquela época, enfrontándose ás múltiples críticas que recibiu por parte dunha sociedade que non consideraba adecuado que as mulleres traballaran ou participaran en calquera tipo de negocio, desafiando a aqueles provedores que consideraban que as mulleres non podían acceder a mercar equipos fotográficos de alta calidade. Foi o primeiro estudio aberto e dirixido por unha muller. Gertrude decorou o estudio e ambientouno para que reflectira o tipo de arte que ela desexaba realizar. Contaba con pisos de madeira, cortinas de muselina e mobles que eran simples e elegantes, compaxinando a sinxela decoración coa do movemento de Artes e Oficios.

Para conseguir clientes e dar publicidade ao estudio, comezou a exhibir as súas fotografías. A primeira exposición tivo lugar no Boston Camera Club, no mes de febreiro de 1896, na que exhibía 250 retratos de mozas e mozos pertencentes á sociedade de Brooklyn, ao estilo de pinturas antigas, representando unha das máis grandes producións para unha artista individual daquela época, e particularmente para unha muller. En febreiro de 1897 exporía 150 destas mesmas fotografías no Instituto Pratt, onde estudara.

O éxito como retratista non se fixo esperar, as súas fotografías de mulleres e nenos estaban colgadas nas principais exposicións e os críticos aplaudían as virtudes dos seus retratos.

Gertrude Käsebier especializouse na realización de fotografías de persoas relevantes. Cando as novas revistas ilustradas xurdiron na década de 1890 e principios de 1900, debido ás innovacións na impresión das imaxes e melloras na distribución do correo, utilizounas para atopar un novo público para o seu traballo. Por exemplo, a revista World’s Work, no número de decembro de 1900, contiña un retrato do escritor e humorista Mark Twain. Esta Revista das Artes e das relacións públicas, era de carácter progresista e publicábase mensualmente entre 1900 e 1932, nela analizábanse complexos problemas sociais e aparecían persoas cuns perfís de éxito. O seu editor Walter Hines foi tamén socio de outras revistas, como Doubleday, Page and Company.

En 1898, Gertrude Käsebier presenciou o desfile anunciando o espectáculo Buffalo Bill’s Wild West que pasaba ás portas do seu estudio da Quinta Avenida en Nova York, cara o Madison Square Garden, quedando impresionada coas caras dos nativos americanos, que lle traían agradables e agarimosas lembranzas da súa infancia en Colorado. Púxose en contacto co creador do espectáculo, William, máis coñecido como Buffalo Bill, solicitando permiso para fotografar no seu estudio aos Sioux que formaban parte do show. Aprobada a solicitude de Gertrude, esta comezou en abril de 1898 un proxecto fotográfico puramente artístico, onde as imaxes realizadas non foron comercializadas nin utilizadas nos carteis ou folletos promocionais do espectáculo. Este proxecto, do que nesta páxina só se amosan fotografías de 1900, foi o inicio dunha gran amizade entre Gertrude e os Sioux que lle daría pe para realizar moitas máis fotografías durante as seguintes décadas. Fotografías que forman parte hoxe da colección do Museo Nacional de Historia Americana no Instituto Smithsonian. Alfred Stieglitz publicaría cinco destas fotografías na revista fotográfica Camera Work, declarando a Gertrude como unha das principais fotógrafas artísticas de retratos.

Gertrude Käsebier aliouse co movemento pictorialista emerxente na arte da fotografía. No período que transcorre entre os anos 1898 e 1912, Gertrude pertenceu a esta escola, capitalizando temas vitorianos xa populares como a maternidade. Á volta do século XIX contacta con Stieglitz co obxectivo de favorecer o seu traballo mesturándose cos fotógrafos artísticos, para promover o seu coñecemento e para trazarse novos rumbos na súa vida. Ambos fixéronse amigos rapidamente. Estaban de acordo en que a fotografía era un xeito de expresión artística e traballaron con procesos similares co fin de lograr unha impresión fotográfica con capacidade creadora. Tempo despois, Stieglitz comezaría a promover a obra de Gertrude Käsebier a través da súa publicación na revista Cámera Work da que era o seu editor, e organizando exposicións individuais da súa obra, unha das cales foi no Camera Club de Nova York, do que Gertrude fíxose membro.

A exposición máis importante deste período histórico foi no primeiro Salón Fotográfico de Filadelfia, no ano 1898. Das 1200 obras de arte presentadas para a súa exhibición, só se seleccionaron 259, entre elas dez de Gertrude Käsebier. Isto supuxo un pulo para Gertrude que a colocou a altura de Stieglitz e outros contemporáneos. Os xuíces da exposición, como William Merritt Chase declararon que o traballo de Gertrude Käsebier era tan bo como calquera dos retratos que pintara Van dyck. Ao seguinte ano, 1899, Gertrude exerceu como xuíza no Salón Fotográfico de Filadelfia.

No ano 1890 unha das fotografías de Gertrude Käsebier, titulada O pesebre, vendeuse por 100 dólares, o prezo máis alto pagado ata ese momento por unha fotografía e un rexistro que non se conseguiu superar ata pasados cincuenta anos. Gertrude comezou a relacionarse con F. Holland Day, Clarence White e converteuse nunha das profesionais máis influentes da fotografía debido a calidade da súa obra e o seu único estilo. En decembro deste mesmo ano, o propietario dos Almacéns Filadelfia, John Wanamaker, comprou a revista Everybody’s Magazine, unha das revistas familiares con máis éxito naqueles días, que proporcionaba unha gran visibilidade para os fotógrafos. No momento da compra a revista acadou ó redor de 150.000 fogares. Para evitar o estigma asociado á fotografía comercial, Gertrude reducira ao mínimo a publicidade do seu estudio, pero a inclusión das súas fotografías en revistas ilustradas e a publicidade de Wanamaker, non pasaba desapercibida.

Entre principios de 1900 e maio de 1902, Gertrude publica dez retratos impresionantes na revista World’s Work, nos que aparecen retratados, entre outras persoas, Arthur Twining Hadley, presidente da Universidade de Yale; Booker T. Washington, presidente de Tuskegee Institute e autor da autobiografía Up from Slavery; e Jacob Riis, fotógrafo e autor activista da autobiografía The Making of an American. Colaboraba asemade con outras revistas como The Ladies Home Journal e The Crasftsmen.

Ao igual que moitas artistas, Gertrude Käsebier realizou ilustracións fotográficas para a ficción. Destacan as que produciu sobre agricultura e o benestar do agricultor para un conto titulado Going Back to the Soil, publicado na revista World’s Work na edición de xaneiro de 1901. As ilustracións amosaban escenas de granxa, os animais e as persoas que traballaban nas tarefas da granxa.

Comezou a dar conferencias e a escribir en diversas publicacións sobre o apropiado que era a fotografía para as mulleres que buscaban unha forma de realizarse económica e socialmente nun entorno cultural opresivo e machista. Nunha das conferencias onde amosaba o seu traballo, realizada na Sociedade Fotográfica de Filadelfia, animaba ás outras mulleres dicindo:

Sinceramente alento ás mulleres con intereses artísticos a aprender o pouco traballado campo da fotografía moderna. Parece estar especialmente adaptado a elas e as poucas que afondaron nel están atopando un gratificante e lucrativo éxito.”

Influíu en moitos e moitas fotógrafas, entre elas en Imoge Cunningham, que decidiu facerse fotógrafa cando visualizou o traballo de Gertrude titulado Blessed Art Thou Among Women, a quen chegou a coñecer persoalmente no ano 1901 e de quen recibiu apoio para poder mercar a súa primeira cámara fotográfica. Frances Benjamin Johnston, outra fotógrafa pioneira americana, de quen era amiga Gertrude, publicaba a finais da primavera deste ano un artigo en Ladies’ Home Journal sobre as fotografías de Gertrude expostas na Exposición de París de 1900, titulada The Foremost Women Photographers of America, un artigo no que comentaba os traballos de cada unha das fotógrafas que participaran na exposición. No artigo comentaba que Gertrude Käsebier chegara en só tres anos ao máis alto nivel de recoñecemento na fotografía de arte nos Estados Unidos, acompañado o texto con catro das fotografías máis coñecidas de Gertrude.

Foi a primeira muller seleccionada por The Linked Ring, unha asociación de fotógrafos organizada no ano 1892, coñecida tamén por The Brotherhood of the Linked Ring, fundada por Alfred Maskell e George Davison, que se atopaban en desacordo co funcionamento da Sociedade Fotográfica de Gran Bretaña, por promover a fotografía como proceso técnico e científico para o rexistro da realidade, en contraposición ao seu valor como medio de expresión artística. Este movemento tiña un enfoque de tipo pictorialista e xurde tamén noutros países, destacando o Camera Club de Viena que se opoñía á Photographische Gesellschaft, o Photo Club de París oposto á Sociedade Francesa de Fotografía ou o Camera Club de Nova York que deu orixe finalmente ao movemento Photo-Secession.

O grupo Photo-Secession foi fundado por Alfred Stieglitz co apio das persoas que formaban parte deste movemento como Gertrude Käsebier, Edwar Steichen, Alvin Langdon Coburn, Clarence White e outros, no ano 1902, e a revista Camera Work pasaría a ser a revista oficial do Grupo. O primeiro número publicado a finais deste ano, tiña seis ilustracións e dous artigos sobre Gertrude, un deles escrito por Frances Benjamin Jonhston, no que caracterizaba o seu traballo desta forma:

Os retratos de Mrs. Käsebier non son sempre moi bos nin tampouco sempre agradables, pero son sempre sinceros, e ela nunca falla en poñer o selo da súa propia individualidade incluso sobre o máis común e pouco interesante dos seus retratos.”

Ao seguinte ano, Charles H. Caffin, publicou o seu libro de referencia titulado A fotografía como unha bela arte, no que lle dedicou un capítulo completo a fotógrafa: Gertrude Käsebier e o artístico Retrato Comercial.

No ano 1905 expuxo xunto con Clarence White (cofundador da corrente Photo-Secession, recoñecido profesor de fotografía e tamén polos seus retratos pictorialistas) na galería 291, coñecida ao principio como Little Galleries of the Photo-Secession, radicada no número 291 de Fifth Avenue, en Nova York, creada e dirixida por Alfred Stieglitz. Un espazo que axudou a elevar a fotografía nos Estados Unidos á altura da pintura e a escultura e onde anos máis tarde expuxeron algúns dos artistas europeos máis vangardistas da época, como Pablo Picasso ou Marcel Duchamp. Catro anos máis tarde parte destas obras exhibiríanse en Búfalo, na Exposición Internacional de Fotografía Pictórica de Stieglitz.

Gertrude Käsebier non tardou en sufrir no seu corpo o estres que lle supuña compaxinar a súa vida profesional coa familiar, agravado coa decisión do seu marido de trasladarse a Oceanside, Long Island, que supuxo para ela un distanciamento do centro artístico de Nova York. Viaxou en 1905 de novo a París, acompañada de Edward Steichen, onde tomou numerosas fotografías de Auguste Rodin.

Aínda que Gertrude permaneceu no grupo Photo-Secession durante varios anos, comezou a ter crecentes diferencias con Alfred Stieglitz en canto a comercialización da fotografía. As vantaxes comerciais que Gertrude vía na fotografía como apoio a economía familiar, moi debilitada coa enfermidade do seu marido, chocaban directamente coa natureza idealista e antimaterialista de Stieglitz contraria á realización de encargos comerciais e fotografías para revistas. A medida que Gertrude ía sumando éxito comercial, Stieglitz sentía que estaba traizoando cada vez máis os sentimentos cun verdadeiro artista debería emular. En maio de 1906 Gertrude uniuse á Asociación de Fotógrafos Profesionais de Nova York, unha recente organización que representaba ás fotógrafas e aos fotógrafos profesionais, afastados das preocupacións artísticas que caracterizaban ao grupo Photo-Secession. Despois disto, Stieglitz comezou a distanciarse de Gertrude e a súa relación nunca recuperou o estado anterior de admiración artística mutua, incluso houbo un tempo no que Stieglitz comezou a falar publicamente en contra do seu traballo, a pesar de que incluíu vinte e dúas obras obras na exposición histórica de pictorialistas que se realizou na Galería Albirght-Know Art, ese mesmo ano.

A súa biógrafa, Bárbara Michaels, comentou en relación cos anos 1908 e 1909, cando a enfermidade do seu marido chegaba ao final, que o interese de Gertrude polo seu propio negocio parecía ter crecido. A súa necesidade de prosperar era tan psicolóxica como financeira, a pesar de que o seu marido a deixara nunha posición acomodada. Ela podería ter vivido comodamente sen ingresos adicionais, pero a súa carreira foi a súa vida.

O seu marido, Eduard Käsebier, morreu o 17 de decembro de 1909. Gertrude seguiu participando nas exposicións do grupo Photo-Secession e publicou algunhas das súas fotografías en Camera Work. Continuou co ensino e a fotografía de retrato profesional, participando en exposicións como a Exposición Internacional de fotografía ilustrada e do ensino.

Chegado o ano 1912, Gertrude sería a primeira integrante en saír do grupo, Photo-Secession e renunciaría tamén a The Linked Ring. Con 60 anos cumpridos, decide trasladarse a un apartamento no oeste da rúa 71 en Nova York, onde combina casa e estudio.

No ano 1916, axudou a Clarence White e Alvin Langdon Coburn a formar o grupo Pictorial Photographers of América, que foi interpretado por Stieglitz como un desafío aberto ao liderado artístico que el representaba a través de Photo-Secession. Por esta época Stieglitz xa ofendera suficientemente aos seus amigos, entre os que se atopaban White e Robert Demachy, e veuse obrigado a disolver o grupo Photo-Seccesion.

Ao redor de 1925, Gertrude käsebier estaba case completamente xorda, problema que arrastraba como consecuencia da perda de audición nun oído cando era nena, e a vista comezaba a fallarlle, así que en 1929 pecha o estudio e confínase máis na súa casa desfrutando coa visita e a correspondencia dos fotógrafos xa establecidos. Coincidindo con estas datas, o Brooklyn Institute of Arts and Sciences dedicaríalle unha gran mostra individual.

Finalmente morre de “vellez” o 13 de outubro de 1934, en Nova York, a idade de oitenta e dous anos, na casa da súa filla Hermine Turner.

OBRA:

A súa obra estaba Influída e vinculada ao Pictorialismo, un movemento fotográfico que consistía en emparentar á fotografía coa pintura, tratando os mesmos temas e recorrendo á mesma estética, deixando a parte propiamente técnica da fotografía nun segundo lugar. Esta corrente ten a súas orixes na década dos sesenta do século XIX, aínda que non adquiriu a súa máxima repercusión ata chegados os oitenta, prolongándose ata a I Guerra Mundialk (1914-1918), deixando paso a outras correntes máis modernas.

Algúns dos temas máis recorrentes eran as paisaxes nos días de choiva e con néboa, que impedían realizar fotografías de paisaxes nítidas e lles permitían introducir texturas borrosas nas súas representacións; as alegorías cargadas dun forte contido moral ou escenas mitolóxicas. No retrato a selección de figuras femininas é notable, aparecendo con posturas, xestos e aspectos que se identifican cos cadros dos pintores contemporáneos a esa época.

Para realizar este tipo de fotografías, utilizaban obxectivos de foco suave e positivaban con baixo contraste, ou cun leve desenfoque ou flou, emulando á pintura. Facían uso das liñas diagonais. As técnicas que se utilizaban era a platinotipia e as veces tamén usaban a goma bicromatada, un proceso moi utilizado polos pictorialistas, xa que permitía moito marxe de manipulación e intensificaba os efectos do movemento.

As imaxes de Gertrude Cäsebier son sinxelas e suxestivas, marcadas polas correntes pictorialistas da época. Existen diferencias entre a placa orixinal, negativo de cristal, e as fotografías que posteriormente amosa como positivado definitivo. No seu traballo observase unha reelaboración do negativo orixinal co fin de destacar as figuras humanas, intensificar a impresión dramática do tempo e demostrar a beleza da paisaxe. Aínda que o principio da súa carreira o tema máis utilizado foi a maternidade, onde familiares e amigas posaban para ela, a medida que se foi emancipando comezou a ampliar a súa mirada cara o exterior. En relación con isto, comentaría:

Os meus fillos e os seus fillos foron o meu pensamento máis próximo, pero a partir dos primeiros días nos que a miña individualidade emerxeu, desexei sen descanso tomar imaxes da xente… que simulen biografías, amosando en cada retrato o esencial da súa personalidade.”

Un dos seus proxectos máis célebres, é o titulado O salvaxe oeste de Buffalo Bill, no que retrata aos integrantes dun espectáculo itinerante, onde ela gozaba lembrando as relacións de amizade que tivera na súa infancia cos nativos americanos, durante a súa estancia en Colorado, foi a serie de retratos realizada aos indios Sioux, que formaban parte dun espectáculo circense itinerante. Gertrude conseguiu que foran ao seu estudio e alí, dun xeito relaxado e tranquilo, posaron para ela, entre outros o Xefe cola de ferro e o Xefe voo do falcón, dous dos retratos máis difíciles e reveladores de entre todos os que tivo realizado. Este proxecto de Gertrude Käsebier, a diferenza doutros proxectos similares realizados por fotógrafos contemporáneos, céntrase máis en describir a expresión e a individualidade da persoa, en lugar dos traxes e costumes como facía Edward Curtis, por exemplo. A sesión que Gertrude realizou co Xefe cola de ferro é a única historia que quedou rexistrada:

“Reuníronse os Xious que traballaba no Oeste salvaxe de Buffalo Bill para distribuírse a mellor roupa e accesorios para ser fotografados. Käsebier admirou os seus esforzos, pero desexaba fotografar o que ela vía cando era unha nena, en referencia aos seus primeiros anos en Colorado e nas Grandes Chairas. Realizou fotografías ao Xefe cola de ferro sen insignias, porque el non se opuxo, e así a fotografía resultante era exactamente o que tiña imaxinado Käsebier: Un retrato relaxado, íntimo, tranquilo e fermoso do home, carente de decoración e galas, presentándose diante dela e da cámara sen barreiras. Cando varios días despois o Xefe cola de ferro veu a fotografía, rompeuna, afirmando que era demasiado escuro. Käsebier volveuno a fotografar, esta vez co seu vestido de gala.”

Estas imaxes están rexistradas no Museo Nacional da Historia Americana fotográfica – Colección de Historia, no Instituto Smithsoniano.

A pesar de que a súa fama decreceu durante algún tempo, o traballo de Gertrude Käsebier foi redescuberto e, máis dun século despois de que ela comezara a súa carreira, as súas fotografías seguen sendo aclamadas pola súa beleza e a universalidade dos temas que evocan.

No ano 1979, Gertrude Käsebier foi incluída no Museo Salón Internacional de Fotografía da Fama.

A Biblioteca do Congreso dos EE. UU. contén unha gran selección de fotografías e negativos de Gertrude Käsebier así como as revistas nas que foron publicadas e os periódicos que proporcionaron a cobertura do seu traballo. Fotografías dela con amigas e colegas, en particular con Frances Benjamin Johnston e Clarence White facilitan tamén o estudio da súa vida e os factores que influían nela. Este material chegou á División de Impresións e Fotografías como agasallos ou compras, transferidas dende a Oficina de Dereitos de Autor e a División de Manuscritos da Biblioteca e das coleccións de Frances Benjamin Johnston e Clarence White.

Gertrude Käsebier foi recoñecida por diferentes periodistas e institucións como a fotógrafa profesional máis importante dos EE. UU. Hoxe en día, o seu traballo está recollido nalgúns libros sobre a historia da fotografía, como o de Beaumont Newhall titulado The History of Photography. From 1839 to the Present; Camera Work the Complete Illustrations 1903-1917. Alfred Stieglitz.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

 Libros

  • Diccionario histórico de la fotografía. Paloma Castellanos. Ediciones Istmo, S. A., 1999
  • The History of Photography. From 1839 to the Present. Beaumont Newhall. Paperback. 1982.
  • Camera Work The complete Ilustrations 1903-1917. Alfred Stieglitz. Tachen.
 Fotografías

 Páxinas Web

 Vídeos

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta