Anna Atkins (1799-1871)

imaxe-cabecera-artigo

Foi a primeira muller fotógrafa da historia e a primeira persoa en publicar un libro ilustrado exclusivamente con imaxes fotográficas. Pioneira asemade, en legar gran parte da súa obra ás institucións para que se conservara e permanecera.

VIDA:

A igual que a maioría das fotógrafas nacidas no século XIX, de Anna Atkins apenas hai documentación persoal. A súa vida hai que reconstruíla a través da biografía do seu pai, curiosamente escrita por ela mesma.

Anna Children, o seu verdadeiro nome, naceu en Tonbridge, no condado de Kent, no ano 1799, no seo dunha familia acomodada. O seu avó George Children, ademais de terratenente, era banqueiro, avogado e ocupaba diferentes cargos institucionais importantes, como o de Xuíz de Paz e o de subgobernador civil dos condados de Kent e Sussex. Foi filla única, a súa nai, Herster Anna Holwell, morreu a consecuencia do parto antes de que cumprira un ano, feito que condicionaría toda a súa vida e a do seu pai, John George Children, con quen establecería uns lazos moi estreitos durante toda a súa vida, ademais de ser para ela todo un referente.

A educación recibida por Anna Children, pouco convencional para esa época, provocou que se apartara da imaxe típica da muller vitoriana, con poucas posibilidades de estudar, e optara por unha vida máis próxima á innovación e a experimentación, grazas a que puido traballar co seu pai, que era químico, minerólogo e zoólogo, do que aprendeu moitas cousas. Herdou a afección e o interese pola ciencia que tiña o seu pai John G. Children, herdada asemade do seu proxenitor George Children. Ambos os dous estaban interesados polos experimentos científicos, sobre todo polos descubrimentos eléctricos de Volta, contando cun laboratorio na súa propia casa por onde pasaron eminentes científicos. Entre os dous idearon unha pila voltaica, a máis grande ata aquel entón, segundo o Annals of Philosophy, revista líder no campo das publicacións periódicas científicas comerciais, fundada en 1813 polo químico escocés Thomas Thomson, que incluía entre os seus colaboradores a John G. Children, descubridor ademais, en 1823 dun mineral que sería chamado “childrenita” en honor ao apelido do seu descubridor.

Chegado o ano 1816, o seu avó Geroge Children arruinouse aos 74 anos, coa quebra do banco. Este feito marcaría a historia da familia, obrigados a vender a casa familiar en Tonbridge, coñecida como Ferox Hall para trasladarse a vivir a Londres onde o pai de Anna Atkins atopou traballo por mediación dun amigo, como axudante de bibliotecario do departamento de Antigüidades do Museo Británico, sito en Montagu House por aquela época. No ano 1822 foi designado gardián auxiliar da Sección de Historia Natural, un traballo que pouco tempo despois lle levaría a traducir e resumir o libro Genera of Shells, de Jean Baptieste Pierre Antoine de Monet, Caballero de Lamarck, naturista frances, que contiña máis de 250 ilustracións de moluscos realizados pola súa filla, Anna Atkins, cando esta tiña 23 anos, traballo que realizou cunha gran minuciosidade, perfección e preciosismo, onde a calidade dos debuxos orixinais, que se conservan no Museo Británico, é case fotográfica. Este primeiro traballo de Anna poría de relevo todas as súas grandes dotes artísticas e sería un precedente da súa gran obra fotográfica, realizada vinte anos máis tarde, sobre as algas.

Aos 26 anos, pasou a chamarse Anna Atkins, adoptando como era costume o apelido do home con quen casou en 1825, John Pelly Atkins, un rico herdeiro con plantacións de café en Jamaica, dedicado ao comercio, as finanzas e promotor do ferrocarril, que vivía na finca de Halstead Place, no condado de Kent. Anna non tería descendencia e, neste lugar permanecería ata a súa morte, e efectuaría todos os seus traballos, entre eles a súa obra máis importante: British Algae. Cyanotype Impressions.

Comezou con esta gran obra ao principio dos anos trinta, estudando as plantas británicas, labor que a levaría a investigar as algas, traballo ao que se consagrou durante dez longos anos fotografándoas. No ano 1839, foi admitida como membro da Sociedade Botánica de Londres, unha das poucas institucións científicas que admitía mulleres pola aquela época.

Neses anos comezaba a era da fotografía. Daguerre presentaba o seu daguerrotipo, o 7 de xaneiro de 1839 na Academia das Ciencias en París, mentres que William Henry Fox Talbot, amigo dos Children, presentaba días máis tarde, na Royal Society de Londres, o seu Calotipo, ou tamén chamado Talbotipo, aínda que Talbot decidira non patentar o invento ata o ano 1841 co obxectivo de perfeccionar as imaxes positivas que se obtiñan. Un mes máis tarde de realizar a súa patente mellorada, Talbot enviou ao pai de Anna Atkins un paquete con imaxes tomadas co seu proceso, que se baseaba en utilizar un papel sensibilizado con nitrato de prata e ácido Gálico e que consistía en utilizar un papel negativo a partir do que se podían obter un número ilimitado de copias. O pai de Anna, agradeceu o envío coas seguintes palabras:

A miña filla e mais eu abocarémonos a traballar seriamente ata lograr o éxito na práctica do seu inavaliable proceso.

A muller de Talbot, Constance, ademais de compartir amizade con Anna Atkins, compartían tamén a afección pola fotografía, e sábese, que nas súas prácticas iniciais compaxinaban o uso dunha cámara de madeira cunha lente e un pequeno burato para poñer o papel sensible, á que chamaban “a ratoneira”, creada polo propio Talbot. Non é posible asegurar cal das dúas mulleres realizou a primeira fotografía porque non se conserva ningunha feita por Constance.

Para a realización de British Algae, Anna decidiu utilizar o método do Cianotipo, procedemento de fotografía sen cámara, é dicir por contacto, inventado tamén no ano 1841, polo astrónomo inglés Sir John Herschel, un sistema fotográfico monocromo, que conseguía unha copia do orixinal nunha cor azul de Prusia, chamada cianotipo, máis simple, barato e detallado que o calotipo de Talbot. Herschel ademais de veciño, vivía a tan só a 30 millas da casa de Anna, era tamén amigo da familia e iso permitíalles estar ao tanto deste procedemento. Ao respecto do Cianotipo, Anna manifestou:

A dificultade de facer debuxos precisos de obxectos tan pequenos como algas e confervas induciume a aproveitar o fermoso proceso do Cianotipo de Sir John Herschel para obter impresións de tales plantas.

Anna Atkins reflicte en British Algae: Cyanotype Impressions, máis de catrocentas imaxes fotográficas de algas, repartidas en álbums que ela mesma autopublicaba en privado, regularmente, cun número limitado de copias, e co texto escrito a man, dos que se conservan moi poucos.

O primeiro álbum publicouno en outubro de 1843 e o último en 1853. Anna asinaba todos os seus traballos con dúas iniciais, A. C. (Anna Children) cando estaba solteira e A. A. (Anna Atkins) despois de casada. Así foi como Anna se transformou nunha pioneira da fotografía e a primeira persoa en publicar un libro con ilustracións fotográficas, oito meses antes de que William Henry Talbot publicara o seu The Pencil of Nature. Ambos compartían un mesmo entusiasmo pola fotografía aínda que con finalidades diferentes: O traballo fotográfico de Anna Atkins pretendía demostrar a utilidade da fotografía na reprodución de imaxes cunha finalidade científica, mentres que Talbot pretendía promover un invento, publicando o primeiro libro fotográfico e ilustrado da historia, onde se detalla o desenvolvemento do Calotipo no que inclúe vinte e catro impresións realizadas con este proceso, ademais de ilustracións dalgunhas das posibles aplicacións que se podían facer con esta nova tecnoloxía.

O nacemento da fotografía a partir dos anos 30, e a súa evolución no mundo da ciencia, non foi ben recibido polos grandes ilustradores e copistas que vían no novo sistema de reprodución un claro perigo para o seu futuro. Anna Takins en desacordo, apartouse desta corrente de opinión e se propuxo, utilizando a fotografía, plasmar imaxes cuxa forma fora o máis obxectiva posible. A súa idea non quedou só no ámbito científico, senón que o traspasou e aportou unha nova metodoloxía ó mundo das artes e a estética. A beleza das súas imaxes abriu as portas da estética no mundo editorial e moitos anos despois, personaxes da talla de Man Ray e Moholy Nagy beberían do traballo realizado por Anna, quen se convertería nunha verdadeira inspiracións para eles.

Posteriormente á morte do seu pai no ano 1852, que vivía con ela en Halstead Place dende que se xubilara, colaborou con outra botánica, Anne Dixon, que era como unha irmá para ela, na realización de outros tres libros fotográficos utilizando a Cianotipia: Cyanotypes of British and Foreingn Ferns, publicado en 1853 e agora no J. Paul Getty Museum; Cyanotypes of British and Foreign Flowering Plants and Ferns publicado en 1854, cuxas páxinas desmontadas atópanse nas mans de diferentes museos e coleccionistas; e un álbum titulado “Capitán Henry Dixon”, sobrino de Anne Dixon, no ano 1861. Por esta época tamén comezou a escribir e publicar libros relacionados coa literatura e a poesía.

A sociedade algóloga, debido as reticencias que existían na época cara a fotografía, nunca recoñeceu o mérito do seu traballo, alegando que o Cianotipo restáballe moito valor e credibilidade. As críticas ao seu traballo manifestaban que as algas, ao igual que as plantas, teñen diferentes cores, e que o proceso bitono azul e branco da Cianotipia, impedía aprecialos, preferindo as ilustracións, a pesar do compoñente subxectivo que primaba na maioría delas.

Anna Atkins foi tamén pioneira no feito de legar a súa obra aos museos, no ano 1869, dous anos antes da súa morte. Ela sabía que era o mellor lugar onde se podía conservar unha obra e deuse conta que co tempo as institucións e museos públicos chegarían a converterse nos centros do “saber artístico”.

Morreu en Halstead Place, Sevenoaks, no mes de xuño de 1871, paralizada polo reumatismo e o esgotamento, á idade de 72 anos.

Pasaron 145 anos dende a súa morte e, aínda hoxe, segue sen ocupar o lugar destacado que lle correspondería na historia da fotografía.

OBRA:

As imaxes de Anna Atkins din moito sobre o fascinante mundo das algas, e non tan só a nivel botánico, senón tamén no ámbito estético e artístico. Esta forma de expresión por parte de Anna, abriu moitas portas á historia da fotografía, apuntou tendencias tanto no ámbito estético, compositivo e temático, como no da aplicación do medio fotográfico. O feito de utilizar o Cianotipo como proceso nas algas, produce un efecto visual moi etéreo, dando a sensación de que as algas están no seu habitat natural ao ter esa base de cor azul de Prusia que o semella ao mar.

Anna Atkins soubo darse conta das cualidades plásticas das algas, aproveitando ao máximo a configuración de cada mostra ou exemplar e potenciando a súa estrutura morfolóxica. Soubo xogar coas transparencias, cos contrastes, coas formas, entendendo e dominando este medio como poucos o fixeron.

O álbum British Algae: Cyanotype Impressions, tiña un único texto que servía de páxina introdutoria. Este álbum fai historia na publicación de libros ilustrados. Ela explica na introdución do primeiro álbum que a dificultade de debuxar exemplares nalgúns dos casos moi diminutos, levouna a aproveitar o proceso do Cianotipo para editar as plantas en cuestión e ofrecérllelas aos seus amigos botánicos. Explica que as colocou intencionadamente de forma sistemática, sempre que a idiosincrasia das algas o permitía, para presentar así cada unha delas como se fora unha mostra. Comenta tamén o problema de representar algunha das algas debido a súa extrema complexidade.

Anna Atkins produciu un total de tres volumes de fotografías de British Algae: Cyanotype Impressions entre 1843 e 1853. Sábese que existen tan só 17 copias do libro, cada unha en diferente estado de integridade. As copias están agora en mans das seguintes institucións:

  • Biblioteca Británica, Londres, que ofrece 429 páxinas escaneadas.

  • Museo Kelvingrove, Glasgow, Escocia.

  • Museo Metropolitano de Arte, Nova York.

  • New York Public Library, que proporciona 285 páxinas escaneadas.

  • Royal Society, Londres, que conta cunha copia de 403 páxinas e 389 placas, sendo a única copia que existe do libro.

  • Victoria & Albert Museum, Londres, que alberga unha serie de obras orixinais na súa biblioteca.

  • La Linnean Society de Londres. Ten unha copia que lle falta a parte 7 do tomo 1.

Dise que debido a gran rareza do libro e a súa importancia histórica, é bastante caro. Unha copia do libro con 411 placas en tres volumes vendeuse por 174.017 euros nunha poxa realizada no ano 1996. Outra copia con 382 gravados en dous volumes que era propiedade do científico Robert Hunt, vendeuse por 294.416 euros noutra almoeda no ano 2004.

Ademais da obra anterior, a máis importante, Anna Atkins realizou outros álbums utilizando o proceso do Cianotipo:

  • Cyanotypes of British and Foreign Ferns (1853)
  • Cyanotypes of British and Foreign Flowering Plants and Ferns (1854)

A dedicación á botánica utilizando métodos fotográficos, non foi a súa única dedicación, xa que conta no seu haber con algúns libros que escribiu fora do tema científico, máis cerca da literatura e a poesía. Entre eles, os seguintes:

  • The perils of fashion (Os perigos da moda) (1852),
  • The Colonel. A story of fashionable life (O Coronel: unha historia da vida da moda) (1853)

  • Memoir of J.C. Children, including some unpublished poetry by his father and himself (Memoria de J.C. Children, incluíndo algo de poesía inédita do seu pai e dela mesma)(1853)
  • Murder will out. A story of real life (O asesinato o fará. Unha historia da vida real) (1859)
  • A page from the peerage (unha páxina da nobleza) (1863).

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta