Gerda Taro (1910-1937)

portada

Esta considerada como a primeira periodista gráfica de guerra, e a primeira fotógrafa da historia falecida en combate. Concretamente durante a Guerra Civil Española.

VIDA:

O seu verdadeiro nome era Gerta Pohorylle. Naceu o un de agosto de 1910 en Reutlingen, unha cidade do sur do Estado de Baden-Württemberg, en Alemaña onde emigraran os seus pais Hersch Pohorylle e Ghittel Boral, xudeus procedentes de Galitzia Oriental, unha das máis grandes rexións de Autria-Hungría (hoxe territorio Ucraniano), decididos a comezar unha nova vida rebautizándose cos nomes de Heinrich e Gisela, ocultando así as súas orixes xudías.

O mesmo día que Gerta Pohorylle cumpriu catro anos, estalou a Primeira Guerra Mundial. A guerra provocou que a prosperidade crecente do negocio familiar de venta de ovos ó por maior, rexentado polo seu pai, crebase, tendo que trasladarse a familia a Stuttgart, onde a axuda familiar tratou de paliar os problemas de subsistencia provocados polas dificultades do racionamento.

A pesar destas carencias non viviron mal e Gerta pasou a ser coidada pola súa tía Terra, irmán da súa nai, quen se ocupou de satisfacer todas as necesidades que a nena podía ter. Gerta estudou na Königin-Charlotte Realschule de Stuttgart, no Internat Villa Florissant de Lausana e na Höhere Handelsschule (Escola Superior de Comercio) de Stuttgart. No seu diario deixou escrita a súa primeira experiencia antisemita cando, sendo aínda pequena, invitou a compañeiras do Königin á súa casa: Foi o día no que invitei a miña casa a un grupo de compañeiras da escola. Quedáronse moi estrañadas ó ver como non se correspondía o aspecto humilde do seu interior cos bonitos vestidos cos que me vestía a miña tía. A decoración é sinxela, propia dun fogar xudeu, pero ten pouco que ver cos seus fogares. As humillacións e bromas que sufrín dende entón afectáronme moito.

Gerta aprendeu desta experiencia e viviu ocultando as súas raíces ás amizades máis próximas. Ata 1926, ano no que cumpriu 16 anos, viviu por riba das súas posibilidades, visitando ambientes de elevada posición económica, segura de que sería o mellor para o seu futuro.

O ano 1929 foi decisivo no camiño de crecemento persoal de Gerta. A situación familiar era precaria porque o seu pai tivera problemas co negocio. Sufrira dificultades económicas acentuadas porque as súas calidades estaban limitadas para o comercio. Decidiu mudarse coa familia e comezar de novo en Leipzig, cidade situada ó noroeste de Saxonia (Alemaña). Gerta escribiu con dezanove anos no seu diario: Os meus pais non me explicaron as razóns. Ó principio foi difícil para min. Tiven que interromper os meus estudos na escola de comercio. Abandonei os lugares máis queridos, ós meus amigos Meta e Pieter. Non quero perdelos, e teño a esperanza de que tanto as cartas e as chamadas telefónicas como as visitas axudaranme a preservar a súa amizade e o seu amor. Espero que esta ruptura non teña carácter definitivo. Pero teño que acomodarme a miña nova situación.

En Leipzig, Gerda cursou estudos na Gaudig Schule. Este centro gozaba de boa reputación polas súas ensinanzas de carácter progresista e humanista. Nas súas aulas ninguén permanecía ó marxe dos problemas políticos que se vivían no país, que rexistraba unha violencia crecente, tensións entre a burguesía e a clase media e falta de unidade entre os partidos de esquerda, reforzando a posición do Partido Nacionalsocialista. Nun dos encontros políticos da escola, o estudante de medicina Erwin Ackerknecht falou sobre a loita de clases, a creación de sindicatos de estudantes e da necesidade de cambiar o sistema. Entre o alumnado que o escoitaba estaba Gerta Pohorylle e Ruth Cerf, que se convertera na súa mellor amiga.

Gerta sente a necesidade de participar en política. Entre os seus coñecidos está Georg Kuritzkes, dous anos maior que ela, líder dun grupo de estudantes de orientación esquerdista, fillo a súa vez dun “médico roxo” e de Dinah Geibke (que coñecera a Lenin cando estivo exiliada en Suíza no ano 1912). Gerta escribiu a súa amiga Meta: Sei que lle gusto a Georg. Teño menos nostalxia de Stuttgart e de Pieter. Doume conta de que se pode estar namorada de dous homes á vez. Que se vaian ó diabro! Se me comera o coco sería moi parva. Interésanme os novos contactos, incluído Georg. Sei que, con só mover un dedo, teño a cinco ou seis tipos ó redor. Dareiche Meta detalles dos meus admiradores na miña próxima carta… se os nazis non me matan antes…

Gerta implicouse de forma apaixonada na loita ante-nazi, o que lle supuxo moitos problemas. Coa chegada dos nazis ó poder comezou unha ola de arrestos entre os seus amigos. Poucos meses despois, ós vinte e tres anos, caeu presa por distribuír propaganda contra o partido de Hitler. Foi liberada o catro de abril, logo de ter pasado vinte e sete días na cadea, por mediación da embaixada polaca a petición dos seus pais. Daquela aínda non se estabilizara o réxime nazi e tiñan coidado coas relacións con países estranxeiros. Probablemente, se o seu arresto fora un pouco máis tarde, sería enviada directamente a un campo de concentración. Ela mesma describiu os acontecementos: Chámome Gerta Pohorylle. Teño vinte e tres anos, estou solteira, os meus pais chámanse Heinrich e Gisela. Nacín en Stuttgart pero son cidadán xudía con pasaporte polaco. Ingresei con carácter preventivo na prisión da Wächterstrasse tras ser detida na casa dos meus pais, ás sete da tarde do 18 de marzo de 1933, por unha columna móbil uniformada das Sturmabteilung.

En comisaría declaro que a sinatura que aparece nese documento non é a miña, aínda que creo que teñen sospeitas fundadas da súa autenticidade. Durante o interrogatorio, amósome como unha persoa que non sabe de política. Maniféstolles que non teño o máis mínimo interese, e que, polo tanto, non podo subministrarlles información útil para as súas investigacións. Non teñen nada do que acusarme. Non hai probas contra min. Confío en que pronto sairei en liberdade. O consulado polaco está facendo xestións.

Así as cousas, meses despois de saír da cadea, decidiu a finais de setembro de 1933, emigrar a París en compañía da súa amiga Ruth Cerf, pasando por Stuttgar, onde na súa fuxida foi acollida pola súa amiga Meta. Gerta escribiu sobre este novo desterro: Sinto unha mestura de alegría e tristeza cando piso territorio francés. Estou salvada pero digo adeus a toda miña vida anterior. Non me sinto especial. Vivo a mesma peripecia de miles de persoas obrigadas a fuxir. Teño sorte. Meus amigos de Stuttgart axudáronme con algo de diñeiro. Prometéronme envíos periódicos cando me estableza en París. Non sei ó que vou a dedicarme. Espero que me sirvan os idiomas. Véxome obrigada a abandonar a miña patria, pero négome a que Hitler goberne o meu destino, o meu futuro.

En París, instalouse na praza de Port-Royal, traballando como secretaria para o psicanalista René Spitz. Pagáballe moi pouco, polo que tivo que depender das axudas que lle enviaba o seu amigo Willi Chardack, de Leipzig e das que recibía dos comités de apoio. Comparteu un modesto aloxamento coa súa amiga Ruth Cerf, que traballaba como empregada do servizo doméstico. Con frecuencia visitaba o barrio de Montparnasse onde se desprazaba a pé, sentándose nos cafés, convertidos en lugares de encontro do colectivo de inmigrantes. Os encontros nestes cafés tiñan dobre función, por un lado facilitaban o intercambio de datos útiles para a supervivencia básica, distribuíase información sobre empregos e coñecíase a situación de Alemaña e por outro discutíase sobre política. Neles atopábanse os círculos da cultura e as artes, converténdose as súas paredes en grandes galerías de arte.

Durante esta época, Gerta coñeceu a persoas que participaban na Schutzverband Deutscher Schriftsteller (Asociación de Escritores Alemáns), como Walter Benjamín, Joseph Roth, Heinrich Mann ademais de coincidir, máis dunha vez, con Bertolt Brecht, Anna Seghers, Arthur Koestler e outros literatos e políticos notables da época.

O ano 1935 foi decisivo para a súa vida porque coñeceu a persoas que lle abrirían as portas ó mundo da fotografía. Entre elas estaban, David Seymour (máis coñecido por Chim), Fred Stein e Endre Ernö Friedmann, nado en Hungría, que en París respondía só polo nome de André e que no futuro cambiaría polo de Robert Capa. Gerta Asistiu a reunións políticas, entre elas a unha reunión clandestina celebrada no mes de abril onde foi acompañada do músico e pedagogo Alfred Schmidt-Sas, con quen colaborara, había dous anos, en actividades políticas da resistencia e que, anos máis tarde, sería asasinado polos nazis.

O encontro con André, tres anos menor que ela, produciuse por mediación da súa amiga, Ruth Cerf. O fotógrafo coñecera a Ruth nun café da cidade e convenceuna para que posara para unha sesión de publicidade no parque de Montparnasse. Ruth non quería ir soa e pediulle a Gerta que a acompañara á sesión fotográfica.

Gerta cambiou de domicilio para instalarse na rúa Colaincourt, na casa de Fred Stein e a súa esposa Lilo, avogado e refuxiado político, un dos poucos afortunados que tiñan un apartamento, onde se abrigaban refuxiados e se facían grandes comidas para alimentar ós amigos. Ó non atopar traballo como avogado, Stein asumiu a fotografía a través da primeira cámara Leica que saíu ó mercado. Gerta colaboraba con el nas tarefas de laboratorio e comezou a dar os seus primeiros pasos en fotografía.

Foi neste ano cando 1935, nalgún momento do verán, cando Gerta e André namoráronse facendo acampada na illa francesa de Sainte-Marguerite. Así foi como André comezou a ensinarlle a fotografar.

No mes de setembro, Gerta e André fóronse vivir xuntos a un pequeno apartamento cerca da torre Eiffel. Gerta manifestou: Compartimos un estudo achegado á Torre Eiffel, pero seguimos con problemas económicos. Buscamos diñeiro como podemos. André conta por carta a súa nai o felices que somos. Levantámonos pronto e saímos a buscar traballo ata ben entrada a noite. Regresamos esgotados. Ensinamos fotos a bastante xente, pero de momento non temos resposta. Loitamos para que se recoñeza o seu traballo, pero de momento, nada. Polo menos, vivimos de modo independente. Un mes máis tarde, Maria Eisner, amiga de André e fundadora de Alliance Photo, contratou a Gerta como axudante. Esta axencia gozaba de boa reputación debido ós seus traballos de arte e viaxes, ademais das fotos de reportaxes e publicidade.

Gerta introduciu a André no círculo de Leipzig e á inversa, o círculo de amizades de Gerta tamén se ampliou máis aló da emigración alemá. André presentoulle a Geza Korvin, compañeiro de escola de Budapest, a Imre Weis, a Henri Cartier Bresson e a Chim, con quen André asistía ós encontros da sección francesa da Unión Internacional de Escritores.

Como esquerdista convencida, Gerta pensaba, ó igual que André, que a fotografía podía supoñer unha importante contribución á causa antifascista, e fixeron plans para traballar en equipo. Convenceuno para que cambiara a forma de vestir e o peiteado, ambos de aspecto algo descoidado e bohemio, por unha imaxe máis profesional. Animábao no seu traballo e cando remataba algún encargo ocasional, ela pasáballe a máquina os pés de foto.

As cousas non acababan de irlles ben, as editoriais consideraban pouco profesional as persoas que non falaban ben o francés e, a maiores, en París traballaba o fotógrafo Georges Friedmann, xa establecido, o que podería producir certa confusión nos créditos das revistas porque só mencionaban o apelido. Así que ambos, Gerta e André, decidiron inventarse a personaxe de Robert Capa, inspirándose supostamente en Frank Capra. Robert Capa sería un reputado fotógrafo, chegado dos EE. UU. para traballar en Europa. Como era tan famoso vendía as súas fotos a través dos seus representantes: Friedman e Pohorylle a tripla do prezo cun fotógrafo francés. Este truco funcionoulles perfectamente e comezaron a ter traballo. Máis adiante descubriuse, pero daquela, Gerta e André xa se labraran unha boa reputación profesional. A pesar de todo, André decidiu manter o pseudónimo de Robert Capa, porque o consideraba máis comercial e Gerta, pola súa parte, resolveu poñerse tamén un pseudónimo, asinando as súas fotografías a partir de entón co nome de Gerda Taro, en honor ó artista xaponés con residencia en París, Taro Okamoto.

En febreiro de 1936, Gerda recibiu a súa primeira tarxeta de prensa por parte da axencia fotográfica A.B.C. Press Service, con sede en Amsterdam.

A Guerra Civil española estalou en xullo do 36 e Gerda e Robert pasaron a cubrila para Vu, un semanario francés de información creado e dirixido por Lucien Vogel que se estivo editando entre 1928 e 1940. Chegaron a Barcelona o cinco de agosto. Gerda Taro fotografou os preparativos para defender a cidade, incluída unha serie de imaxes de milicianas facendo instrución nunha praia ás aforas de Barcelona. Gerda describiu a súa chegada: Non entendemos o catalán, pero nos bastan os xestos e sentimentos xenerosos e espontáneos dos barceloneses. Os guerrilleiros libertarios van en mono ou levan camisetas e camisas arremangadas. Po todas partes escoitamos a palabra “camarada”. Robert e eu sentímonos participantes e concernidos. Os defensores da República son nosos aliados, nosos camaradas de combate contra o fascismo.

A mediados do mes de xullo, a parella, acompañada de outro fotógrafo, David Seymour “Chim” (un dos grandes colaboradores de Capa) desprazáronse á fronte de Aragón, onde quedaron unha semana e logo a Madrid, onde permaneceron uns días para proseguir viaxe cara o sur, á fronte de Córdoba. Nesta fronte, a mañá do cinco de setembro de 1936, os milicianos da organización anarcosindicalista Confederación Nacional del Trabajo (CNT), lanzaron unha ofensiva dende o Cerro Murciano. Aquí, ambos fotografaron a un grupo de milicianos republicanos. Entre as múltiples imaxes que tiraron este día, está a fotografía máis famosa da guerra civil, titulada Morte dun miliciano, realizada por Robert Capa. Todas as fotos realizadas por Gerda Taro as comercializaba co nome de “Capa”, a marca que ambos crearan.

A última semana do mes de setembro volveron a París pasando por Alcázar de San Juan e Barcelona. En París fotografaron uns exercicios multitudinarios de defensa civil. Gerda escribiu estando en París: Non puidemos amosar ó mundo que o pobo español é capaz de derrotar ó fascismo. Polo menos, xa coñecemos o medo e a angustia que provocan as guerras na poboación civil. Non sabemos si regresaremos a España. Non nos interesa fotografar a derrota. Ademais, si somos capturados, probablemente non se respecte a nosa inmunidade como reporteiros de guerra, dado o noso aliñamento coa República.

Entre novembro e decembro de 1936, Gerda Taro viaxou a Nápoles para visitar a Georg Kuritzkes, amigo e estudante de medicina en Leipzig, para convencelo de que se unira ás Brigadas Internacionais recentemente creadas.

No mes de febreiro, volveu a España acompañada de Robert. Hai constancia de que nesta nova viaxe, Gerda viu como enviada especial do periódico francés Ce Soir. Así o confirmaba a súa acreditación de prensa expedida con data 25 de febreiro de 1937 pola Secretaria de Propaganda-Sección Fotográfica da Xunta de Defensa, que estaba rubricada por Arturo Serrano Plaja. Nesta acreditación Gerda figuraba co seu verdadeiro nome, Gerta Pohorylle. No carne figuraba tamén o selo da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura, presidida por José Bergamín. Esta vez tiñan como obxectivo facer fotos da costa, en Almería, cidade na que as rúas estaban cheas de refuxiadas de Málaga que fuxiran aterrorizadas pola crueldade que os fascistas amosaran ó seu paso polo Campo de Xibraltar e por varios pobos da provincia. En Almería Gerda fotografou armamento e a tripulación do acoirazado Jaime I, o máis importante buque da flota republicana, que sufrira o primeiro ataque áreo da guerra. Decidiron avanzar pola costa en sentido contrario ó éxodo, chegando a Calahonda, onde se uniron ó batallón Tchapaiev e o batallón español Otumba. Publicáronse dúas fotos de Gerda en Regards correspondentes a estas incursións. Nestas mesmas datas realizaron unha longa reportaxe sobre as antigas minas de mercurio de Almadén. Ó seu regreso a Madrid, fotografaron o elaborado sistema de trincheiras, túneles e covas que os republicanos escavaran en torno ó Hospital Clínico da Cidade Universitaria, un dos principais bastións dos fascistas.

A parella deixara atrás o selo Capa e publicaba baixo a sinatura de Capa e Taro. A primeira reportaxe importante así asinada apareceu en Regards, o dezaoito de marzo de 1937, unha revista semanal francesa creada no ano 1932 como publicación de ideoloxía comunista, iniciadora do fotoxornalismo. Grazas a estas publicacións Gerda comezou a ter certo renome por si mesma e non como agregada ó traballo de Capa.

Nesta época a relación amorosa comezou a cambalearse, quizais como consecuencia do rexeitamento de Gerda á proposición de matrimonio feita por Robert. Capa regresou a París deixando soa en España a Gerda que seguiu traballando para Ce Soir. Aloxouse na Casa de la Alianza, sede da Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura, unha organización civil formada por escritores, artistas, investigadores, científicos, intelectuais…, radicada primeiro en Madrid e logo en Valencia, creada o 30 de xullo de 1936, nada máis iniciarse a Guerra Civil Española.

Estando contratada polo periódico Ce Soir, Gerda Taro publicou varias fotografías en solitario, realizadas á marxe da súa colaboración con Capa coa marca Photo Taro, independizándose un paso máis da súa parella. As súas fotos publicáronse regularmente en Regards, Ce Soir e Volks-Illustrierte. Cubriu a batalla de Guadalaxara entre os días oito e vinte e tres de marzo de 1937, onde foi testemuña da vitoria republicana sobre as tropas de Mussolini, unha das súas primeiras reportaxes publicadas coa marca Photo Waro en lugar de Photo Taro, como consecuencia dun erro tipográfico, na revista Regards o oito de abril de 1937. Realizou fotos na fronte do Jarama e viaxou a Valencia para realizar unha reportaxe sobre o novo Exército Popular e cursos de formación para recrutamento da poboación, que se desenvolvían nas prazas de touros.

Entrou a formar parte do círculo de intelectuais antifascistas que capitaneaba o mesmo Ernest Hemingway. Entre as súas amizades contábanse ademais de Hemingway, George Orwell ou André Malraux.

Ó seu regreso a París, fotografou o enorme funeral das vítimas dun asalto policial en Clichy. A mediados do mes de abril Gerda Taro e Robert Capa volveron a Madrid e se aloxaron no Hotel Florida, en compañía de Ernest Hemingway, John Dos Passos e Herbert Matthews, do New York Times. Gerda Taro viaxou á fronte do Jarama e visitou ó equipo de The Spanish Earth, un documental de Joris Ivens en apoio ós democraticamente elixidos republicanos. O vinte e dous de abril ambos regresaron a París.

Volveu soa a España no mes de maio, atopándose en Valencia cando as tropas fascistas comezaron a bombardear a cidade os días 14 e 15 deste mes. As súa cámara foi testemuña das consecuencias dos ataques nocturnos á poboación civil. Gerda acudía de mañá ós hospitais onde eran trasladados os mortos e feridos para fotografar os cadáveres que colocaban aliñados e cubertos levemente con sabes, pero co rostro ó descuberto. Tamén captou a xente esperando noticias dos seus familiares e as imaxes dos edificios destruídos. Esta reportaxe gráfica foi publicada en Regards o 10 de xuño, baixo o título Repetición xeral da guerra total. A finais de mes, logo de pasar por Almadén (Cidade Real), onde fotografou a mineiros das explotacións de mercurio, reuniuse con Robert no porto de Navacerrada, cerca de Segovia, onde chegou o 26 de maio. Aquí fotografaron a ofensiva republicana que fixo famosa Hemingway no seu libro Por quen dobran as campás.

No mes de xuño deste mesmo ano de 1937, Gerda Taro e Robert Capa regresaron á fronte de Segovia para fotografar e filmar os arredores de Madrid. En Carabanchel, un barrio obreiro da capital, Gerda fotografou a un grupo de dinamiteiros que trataban de repeler ó exército fascista. Tamén filmaron imaxes dunha fábrica de munición. Interromperon o seu traballo o doce de xuño, para ir a Valencia, a cubrir o enterro do xeneral republicano Pavol Lukacs, morto na fronte de Huesca. Por estas datas Gerda escribiu: Non teño medo. O meu traballo require valor, e por iso esíxome ó máximo. A miña solidariedade interior implicar compartir, con todas as consecuencias, a vida perigosa dos protagonistas das miñas reportaxes. Non me satisfai observar os acontecementos dende un lugar seguro. Prefiro vivir as batallas como as viven os soldados, como única forma de comprender a súa situación.

A mediados de mes viaxaron ó sur, unha vez máis á fronte de Córdoba, e o vinte e catro chegaron ó cuartel xeneral do batallón Chapaiev, en Peñarroya. Gerda Taro fotografaba, mentres Robert Capa filmaba unha reconstrución da vitoria do batallón sobre os fascistas en La Granjuela.

Gerda visitou, xunto a Ted Allan (comisario político da unidade médica do doutor Bethune), o cuartel xeral das Brigadas Internacionais, radicado cerca de Morata de Tajuña, na comunidade de Madrid. Tomou fotos e dialogou cos combatentes. Noutra das ocasións acudiu dende a fronte do Jarama a Saelices, pasando por Tarancón, provincia de Cuenca, acompañando de novo a Ted Allan, que quería visitar a un amigo que estaba ferido.

O catro de xullo, Gerda e Robert cubriron a inauguración do II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, que tiña a súa sede central en Valencia, pero que ademais celebraría reunións en Madrid e Barcelona. Un encontro cultural que se converteu nunha manifestación política de adhesión á causa republicana. Este congreso estaba presidido por Juan Negrín, que pronunciou o primeiro discurso, e polos ministros Hernández, Giral, Zugazagoitia e Giner de los Rios, tendo como asistentes a douscentos delegados representantes de vinte e oito países, entre os que se atopaban Antonio Machado e León Felipe. Robert regresou a París, mentres que Gerda Taro seguiu ó congreso ata Madrid. Aquí instalouse outra vez na Alianza. Gerda fotografou o xeneral Miaja mentres percorría os xardíns da edificación xunto a Rafael Alberti e Mª Teresa León. Fíxose boa amiga do poeta, con quen charlaba frecuentemente sobre o proceso fotográfico, trasladándolle os seus coñecementos, ensinándolle a revelar e ampliar os seus primeiros negativos no piso baixo do edificio, onde tiña instalado un pequeno laboratorio.

O seis de xullo, cubriu a batalla de Brunete, ó oeste de Madrid, onde captou unha das fotos máis coñecidas. Non se trata dunha instantánea de acción, senón que nela aparecen tres soldados republicanos diante dun muro no que se vía unha placa que tradicionalmente identificaba en España o nome da cidade, vila ou aldea, e que se colocaban na fachada da primeira casa. A fotografía transformouse nun trofeo, xa que ofrecía a proba irrefutable de que a poboación fora conquistada polo exército republicano, contradicindo a información da propaganda fascista que dicía o contrario. Esta fotografía converteu a Gerta nunha celebridade e, de repente, todos os medios de comunicación querían contar co seu traballo.

Por esta época Gerda escribiu: Telegrafei ós meus xefes en “Ce Soir”. Pedíndolles permiso para permanecer uns días máis e poder cubrir o desenvolvemento da ofensiva. Aínda que teño a posibilidade de regresar a París cos escritores, prefiro quedarme. Dáme a sensación de que os acontecementos reclaman a miña presencia. Concedéronme o permiso. Quédome en España.

A mediados de xullo de 1937, Gerda regresou a París onde pasou unhas curtas vacacións e celebrou o día da Bastilla xunto a Capa. Sería a última vez que se viran. Poucos días despois Gerda volveu a Madrid acompañada de Ted Allan (un escritor canadense xudeu) só por uns días, para visitar un escenario bélico situado entre Villanueva de la Cañada e Brunete. Sábese que Gerda descoñecía que as tropas fascistas tomaran Brunete porque estando en Madrid, escribiu: Telefonei a Ted Allan para pedirlle que me acompañe. Necesito unha serie de boas fotos de acción que levarme a París. Atopei un coche, e si alcanzamos a fronte, terei a oportunidade de conseguilas. Será a última vez.

O vinte e cinco de xullo de 1937, un día antes do seu regreso a París, Gerda Taro e Ted Allan víronse atrapados na retirada aterrorizada do exército republicano. En pleno bombardeo, Gerda seguiu fotografando todo o que sucedía ó seu redor, metida nunha trincheira acompañada por Ted. Aceptando as súplicas de Ted, Gerda decidiu retirarse. Subíronse ó estribo do coche do xeneral Walter, membro das Brigadas Internacionais, que marchaba emprendendo a retirada. Nun momento dado, uns avións inimigos voando a baixa altura sementaron de novo a confusión. Foi entón cando un tanque descontrolado cruzouse na estrada. O condutor do coche virou bruscamente para esquivalo e Gerda caeu ó chan. As cadeas do tanque pasáronlle por riba, esmagando o seu corpo. Foi trasladada urxentemente ó hospital de campo inglés, pertencente á 35ª División, no Goloso, no Escorial. Alí morreu poucas horas despois, na madrugada do día vinte e seis. Gerda Taro foi a primeira reporteira morta en acto de servizo.

Ó día seguinte o seu féretro foi trasladado á Alianza de Valencia, acompañado dunha representación da Alianza de Intelectuais Antifascistas, o periodista francés Soria e o poeta Pérez Infante. A caixa mortuoria foi colocada no salón da Casa da Alianza onde estivo exposto durante os días vinte e sete e vinte e oito. Durante toda a mañá acudiron representacións dos Ministerios, partidos e organizacións, prensa e outros organismos a depositar ramos de flores e transmitir as súas condolencias a Juan Gil-Albert, secretario xeral da Alianza en Valencia.

O vinte e nove de xullo, o seu féretro foi enviado a París, acompañado durante a viaxe polo escritor Paul Nizan, responsable da sección internacional do periódico Ce Soir. A pesar de que nunca militou nin estivo afiliada ó PC, o Partido Comunista Francés (PCF) declarouna mártir antifascista e organizou un multitudinario funeral. O seu cadáver permaneceu exposto na Maison de la Culturede París durante o día trinta e un de xullo, por onde pasaron decenas de miles de persoas; entre elas estaban Chim Seymour, Ted Allan e, por suposto, Robert Capa. O fotógrafo selou a lembranza de quen fora a súa parella e xamais volveu falar dela en público, excepto na dedicatoria da súa recompilación fotográfica Death in the Making, un libro homenaxe no que participaron, entre outros, André Kertész e Jay Allen e que inicio con esta dedicatoria: A Gerda Taro que pasou un ano na fronte española, e alí se quedou.

O periódico francés Ce Soir para o que traballara, deu conta da morte da súa reporteira nunha ampla información. Publicou un retrato de Gerda Taro sorrindo, encadrado en negro e a gran tamaño na primeira páxina e unha nota que dicía: Estamos seguros de que o París, ó que “Taro” amou tanto, saberá acompañar o cadáver a súa derradeira morada, e tamén facer sentir á familia que acaba de recibir tan rudo golpe, que a súa filla era tamén un pouco filla de París. Ela era o valor e a xuventude, a xenerosidade e a piedade, ela era a que deu a súa vida, sen atopar niso nada sorprendente. A información completábase nas páxinas interiores coa publicación de imaxes tomadas en Brunete e fotografías persoais da reporteira falecida.

María Teresa León, con motivo da morte de Gerda, escribiu o seguinte nas páxinas do mesmo periódico: Gerta caeu combatendo nas primeiras liñas de fogo da fronte da Liberdade. A pluma négasenos a escribir. Estabamos acostumados a vela regresar todas as noites a nosa Casa da Alianza, co seu trípode mordido polas metralladoras. Críamos que non caería nunca, agora teremos que acostumarnos a non vela regresar xamais. Eu a saúdo, en nome de todos os intelectuais da España republicana.

Gerda Taro foi enterrada o un de agosto de 1937, o mesmo día no que cumpría vinte e sete anos, no cemiterio de Père-Lachaise, en París, onde o Partido Comunista Francés, encargo ó gran escultor modernista Alberto Giacometti que creara un monumento para a súa tumba.

No primeiro aniversario da súa morte, un articulo publicado pola revista Life lembrouna como a primeira fotógrafa da historia falecida en combate, e destacaba a singularidade e a autenticidade do seu traballo.

OBRA:

Durante a Segunda Guerra Mundial e especialmente tras rematar a Guerra Civil Española, o seu nome e as súas imaxes practicamente desapareceron. Máis aínda, moitas delas foron atribuídas a quen fora o seu compañeiro e depositario dos seus bens tras a súa morte, o propio Robert Capa. François Maspero asegura no seu libro Sombra dun fotógrafo. Gerda Taro, Biografía: Taro sufriu o peor destino que pode ter unha sombra: Non ser a sombra de si mesma, ser a sombra de outro.

Foi a investigadora alemá Irme Schaber, máxima experta mundial na fotógrafa, quen publicou a obra de Gerda Taro no ano 1994, unha completa biografía que xunto ós datos aportados por Richard Whelan, biógrafo de Capa,, sobre a relación de ambos, propiciou que a súa historia saíra á luz.

No ano 2007, con motivo do 70º aniversario da morte de Gerda Taro, o Internacional Center of Photography (ICP) de Nova York, organizou unha exposición comisariada por Irme Schaber, Richard Whelan e Kristen Lubben. Nesta mostra, exhibíronse cerca de oitenta fotografías, a metade delas inéditas. A principal achega desta exposición é, sen lugar a dúbidas, a definitiva identificación das imaxes realizadas por Gerda Taro, moitas delas sen autoría ou adxudicadas a Robert Capa, unha restitución que permitiu coñecer e valorar tanto a súa obra como a súa traxectoria.

Como expón Irme Schaber no seu libro, Gerda Taro, Fotoreporterin. Mit Robert Capa im Spanischen Bürgerkrieg. Die Biografie, a figura de Gerda Taro foi un exemplo visible de como a historia das mulleres viuse e vese xeralmente desfigurada e ocultada, ata o punto de que os tres motivos fundamentais polos que Taro foi tomada en consideración foron: ter vivido e traballado cun home famoso, ser atractiva e a súa tráxica morte. Tres elementos que non fixeron máis que dificultar unha apreciación equilibrada do que simbolizou e representou o seu traballo como reporteira na Guerra Civil.

Aínda que pode resultar difícil tratar de definir o estilo das fotografías de Gerda Taro debido a súa curta traxectoria, si resulta máis fácil ver como foi tomando postura diante da guerra e afirmándose no oficio.

É coñecido que as primeiras reportaxes que fixo desenvolveunas xunto a Capa, fotografando as mesmas situacións e lugares e que durante algún tempo as fotografías de ambos vendéronse e publicáronse baixo o nome común de Capa, o nome que crearan xuntos. Pero dende principios de 1937, Gerda Taro foi independizándose progresivamente realizando viaxes e reportaxes por separado e o copyright das fotos foi cambiando de Capa a Capa & Taro para quedar finalmente en Taro.

En Barcelona fotografou a nova realidade que ofrecían os milicianos nas rúas, os nenos xogando entre as barricadas e as mulleres instruíndose para a guerra nunha praia cerca da cidade. En Aragón reflectiu o traballo dos campesiños. En Córdoba, na fronte sur, as dificultades e fuxida da poboación civil. Describiu o cerco de Madrid e a vida nas trincheiras, os orfos nun orfanato, a actividade dos dinamiteiros na defensa da cidade e a batalla da provincia limítrofe, Guadalaxara, onde testemuñou a vitoria das tropas republicanas. Amosou sen pudor as vítimas da guerra nun hospital de Valencia e o II Congreso Internacional de Escritores pola Defensa da Cultura realizado nesta cidade e en Madrid. Ilustrou a situación na fronte de Segovia e finalmente os combates da ofensiva de Brunete onde atopou a súa morte.

Comezou fotografando a revolución e rematou rexistrando a guerra, pasou de rexistrar a realidade a testemuñar o acontecemento, simbolizando e ensinando coas súas imaxes as necesidades da República. No seu traballo obsérvase que cada vez fotografaba máis cerca, aceptando o risco da súa profesión como reporteira para captar as mellores e máis audaces imaxes, cun espírito de militancia que tiña moito que ver co que animaba ás Brigadas Internacionais, dada a súa condición de refuxiada e a súa clara posición antifascista.

Dende o estalido da guerra no 1936, moitas artistas e profesionais internacionais de esquerdas comprometéronse co bando republicano. Algunhas das fotografías de Gerda Taro, Capa e Seymour (Chim) publicáronse en medios e revistas de todo o mundo, converténdose en iconas da loita dos republicanos contra as tropas fascistas. Pero ó focalizar o conflito o seus negativos déronse por perdidos para sempre. Debido ó avance alemán en Francia, Capa fuxiu a EE.UU. e, temendo ser acusado de simpatizante comunista, deixou os negativos ó cargo do seu amigo e axudante Csiki Weisz, quen os ordenou e catalogou minuciosamente en tres caixas de cartón. As caixas foron parar ás mans do embaixador de México en Francia, Francisco Aguilar González, un xeneral despistado que non lles deu moita importancia. Diante do avance de Hitler en Europa, o embaixador regresou a México. A súa maleta fixo o mesmo percorrido que os 20.000 exiliados españois acollidos grazas ó labor do presidente mexicano Lázaro Cárdenas, o único mandatario americano que apoiara á República. En México os negativos permaneceron ocultos durante máis de 70 anos. Logo dunha longa historia de recuperación das imaxes, o descubrimento dos negativos da Guerra Civil Española débese a outra muller, Trisha Ziff quen dirixiu o documental La maleta mexicana no ano 2011, dando a coñecer a historia en todo o mundo. As imaxes puideron exhibirse en EE.UU., España, Francia e México, a través dunha mostra co mesmo nome.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

Libros:
  • Sombra dun fotógrafo. Gerda Taro, Biografía. François Maspero. Fiction and Co, 2006
  • Gerda Taro. Fotógrafa de guerra. El periodismo como testigo la historia. Fernando Olmeda, 2007
  • Robert Capa. Obra fotográfica. Richard Whelan. Phaidon Press Limited 2001
  • Gerda Taro, Fotoreporterin. Mit Robert Capa im Spanischen Bürgerkrieg. Die Biografie. Irme Schaber. Editada por Jonas Verlag en 2013
  • Gerda Taro. Irme Schaber e Richard Whelan. 2009
Páxinas web:
Vídeos:
En Español En Inglés
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta