Diane Arbus (1923-1971)

retratoPertence a unha brillante xeración de creadoras norteamericanas. Exerceu como fotógrafa de moda, pero sobre todo destacou polos retratos que fixo de mendigos, prostitutas, travestís, monstros de feira, nudistas, perturbados mentais… toda unha corte esperpéntica de criaturas solitarias que representaban para ela a faciana máis amarga do sono americano. Foi a primeira fotógrafa en ser exposta no marco oficial da Bienal de Venecia e no MOMA.

VIDA:

O seu nome orixinal é Diane Nemerov. Naceu o 14 de marzo do ano 1923, en Nova York, Estados Unidos, no seo dunha familia adiñeirada, de orixe xudía, propietarios dos grandes almacéns Russek’s, dedicados á venda de peles, situados na Quinta Avenida. O seu irmán maior, Howard Nemerov, é un dos poetas máis recoñecidos de EE.UU., que recibiu importantes premios. A irmá máis pequena chamáse Renee, tamén artista, unha pintora que ten o seu traballo exposto na entrada do Empire State Building.

O seu pai David Nemerov era fillo dun xudeu ortodoxo procedente de Rusia, que chegou a EE.UU. no ano 1880, e a súa nai Gertrude Russek descendía igualmente de xudeus pero chegados dende Polonia.

Diane Nemerov tivo unha infancia privilexiada aínda que cun exceso de sobreprotección paterna que repercutiu no seu carácter ó longo da súa curta vida. Ata que casou, viviu cos seus pais e irmáns nun piso do nº 146 de Central Park West, un edificio chamado San Remo. Ela mesma declarou: O meu irmán e máis eu nunca nos aventuramos fora do fogar… O mundo exterior era tan afastado…! Non malo, senón afastado, porque as portas estaban pechadas…, e nunca esperabas atopalo. Vivín moitos anos como si fora houbera unha epidemia. Podería dicirse que o meu mundo era o da inocencia, pero nunca que fora bonito…

No ano 1930, cando tiña sete anos, Diane comezou a asistir á Ethical Culture School, en Central Park West, un dos mellores colexios privados da zona de Manhattan, en Nova York. Na súa autobiografía confesaba: Os mestres adoitaban crer que eu era lista, e iso atormentábame porque eu sabía que era terriblemente parva. Ao igual que a maioría das súas amigas, recibiu como educación todo aquilo que adornaba ás mulleres burguesas do século XVIII: clase de pintura, piano, idiomas e modais así como bos coñecementos da arte en xeral.

Como continuación ós estudos do seu primeiro colexio, ingresou en Cultura ética Fieldston Escola, unha das tres escolas máis prestixiosas do barrio de Fieldston, un dos barrios máis ricos da cidade de Nova York, no que cursou dende sétimo ó undécimo curso, inclusive.

No ano 1935, con doce anos, Diane comezou a ir pola tenda dos seus país, Russek’s, ó saír do colexio para tomar leccións de debuxo coa ilustradora da tenda, Dorothy Thompson, con quen falaba de arte e ía visitar museos. Con motivo destas visitas á tenda, coñeceu a Allan Arbus, un rapaz de dezanove anos, orixinario de Varsovia, que traballaba no departamento de arte de Russek e que ó saír de traballar ía ó New Skool. Alan quería ser actor e asistía a clases polas noites. Allan converteríase co paso do tempo, no seu guía, no seu mentor, na súa razón de existir, pasando a ser a persoa máis importante da vida de Diane.

Renunciou a estudar na universidade porque desexaba casar con Allan Arbus. A pesar da oposición dos seus pais a este casamento, anunciaron o compromiso matrimonial no New York Times o 3 de marzo de 1941, uns días antes de que cumprira os 18 anos. O 10 de abril deste mesmo ano casaron e Diane Nemerov pasou a chamarse Diane Arbus. Allan entregoulle unha cámara Graflex como agasallo de vodas que utilizou para fotografar familia e amizades.

No ano 1943, con motivo da segunda guerra mundial, Allan ingresou no exército, no Servizo de Transmisión en Nueva Jersey, na escola de fotografía que había cerca de Ford Monmouth, máis tarde sería trasladado a Birmania cun grupo de fotógrafos. Nestas circunstancias, Diane Arbus regresou a casa dos seus pais, onde naceu a súa primeira filla Doon Arbus o 3 de abril de 1945.

No ano 1946 agasallárona cunha cámara Speed Graphic e durante un breve período de tempo estudou con Berenice Abbott. As primeiras fotos que fixo despois destas clases continuaban na liña das anteriores, eran instantáneas do seu irmán Howard, amigas e da súa propia vivenda.

Rematada a guerra, deron de baixa a Allan no exército no ano 1946. Diane volveu abandonar a casa dos seus pais para vivir nun piso alugado na rúa 70, entre Broadway e a Avenida West End. Aquí abriron o seu primeiro estudio de fotografía, chamándolle Diane e Allan Arbus, onde ela sería a directora e estilista e Allan o fotógrafo.

Ó comezo da súa carreira Diane Arbus, xunto co seu marido, traballaron no estudio de Russek’s, retratando modelos para Bonwit Teller, un grupo de grandes almacéns de luxo na Quinta Avenida, de Nova York, que ocupaban unha columna do periódico onde participaban ademais Robert Frank e Louis Fauner aportando as súas fotografías.

A principios do ano 1947, foron contratados por Alexander Líberman, director artístico da editorial Condé Nast Publications que publicaba revistas como Vogue, Glamour, Madamoiselle, House and Garden, Seklf e Vanity Fair. O primeiro traballo de Diane e Allan Arbus para Glamour publicouse en maio de 1947 e levaba o título de O novo xersei ten unha longa historia, no que se amosaban primeiros planos de pescozos, mangas e outros detalles da prenda. Foi por esta época cando Diane Arbus comezou un romance con Alex Eliot, un escritor estadounidense editor de arte da revista Equipo, que rompería cara o ano 1950.

Durante a década dos anos cincuenta, traballaron como fotógrafos de moda e publicidade. Era unha época onde a TV estaba nos seus comezos e as axencias de publicidade invertían millóns de dólares nas campañas publicitarias de produtos como a cervexa, os coches, os desodorizantes, os cigarros, etc. Diane e Allan Arbus daban elegantes ceas no seu estudio onde invitaban ás persoas responsables das axencias publicitarias, ás editoras de moda, a periodistas, etc. co obxectivo de conseguir clientes.

O 16 de abril de 1954 naceu a súa segunda filla, Amy e cambiáronse para unha casa máis grande, con tres pisos, no nº 319 da rúa setenta e dous Este que pertencera ó escultor Paul Manschip.

No ano 1955, Edward Steichen, fixo incluír a fotografía dun pai e un fillo lendo un xornal, de Diane Arbus, na exposición fotográfica realizada no MoMA, titulada The Family of Man.

Ó seguinte ano, Diane e Allan deciden deixar de traballar xuntos como asociados e iniciar cada un a súa propia andadura. El continuou dirixindo o estudo Diane e Allan Arbus, sen cambiar o nome porque era moi coñecido, e Diane deixou o estilo e a moda para dedicarse o tipo de fotografía que realmente lle gustaba.

Ó principio Diane Arbus saía ás rúas a fotografar, pero o seu alto grao de timidez impedíalle obter resultados, así que decidiu matricularse nas clases de Alexey Brodovitch, que ademais de fotógrafo era o director de arte da revista de moda Harper Bazaar, no New School, para ver si podía axudala a vencer a timidez.

Máis tarde, continuou formándose, estudando arte fotográfica, partindo da primeira fotografía do mundo, feita polo precursor Joseph Niepce (unha vista borrosa dun xardín francés, tomada dende unha ventá, no ano 1826). Máis adiante, familiarizouse cos retratos de Julia Cameron (fotógrafa británica que se dedicou ó retrato fotográfico de corte artístico), e coa documentación dos campos de batalla da guerra civil estadounidense que fixo Mathew Brady (fotógrafo nacido en Nova York). Estudou a Paul Strand (un dos precursores da fotografía directa ou fotografía pura, xunto a Alfred Stieglitz e outros fotógrafos da Photo-Secessión e a Galería 291, ademais dun reputado cineasta) e analizou as sobrecolledoras fotos de nenos traballando nas minas de carbón e outras empresas, de Lewis Hine.

Visitou algunhas noites Limelight, en Sheridan Square, unha galería ideada por Helen Gee, inaugurada no ano 1954, e que foi a primeira galería do país dedicada exclusivamente á fotografía. Entre as fotógrafas e fotógrafos que expuxeron alí a súa obra atópanse: Paul Strand, Ansel Adams, Robert Capa, os Weston, Bert Stern, Louis Faurer, Elliott Erwitt, Jerome Liebling, Robert Frank, Gordon Parks e Henry Cartier-Bresson. A galería pechou no ano 1961.

Con 35 anos, no 1958, Diane Arbus matriculouse nas clases de Lisette Model, no New Skool. Lisette pediu a Diane a que percorrera as rúas de Nova York e advertiulle: Non dispares ata que o suxeito que enfocas te produza dor na boca do estómago. Alentada por Model, Diane comezou a documentar xentes e lugares cos que non se atreveu antes por temor, a fotografar o perverso, o alienado, o extremado, o marxinado…

O hándicap de Diane Arbus foi superar a súa gran timidez. Cando abordaba a unha persoa para retratala facía comentarios como: Que aspecto tan marabilloso ten! Gustaríame tomarlle unha foto… Tras o cal a persoa remataba cedendo porque o aspecto de Diane era agradable, nada ameazador. Ela mesma confesaría: A maioría das veces eu estaba aterrorizada.

Ao principio, comezou a fotografar xente dende unha certa distancia, no contexto do seu propio ambiente e só moito despois dedicouse ós primeiros planos. Co paso do tempo os temas de Diane Arbus fóronse facendo máis concretos: Os andróxinos, os tollidos, os deformes, os mortos, os moribundos…

A finais dos cincuenta, Diane Arbus coñeceu a Robert Frank (importante figura estadounidense dentro do ámbito da fotografía e o cine, autor do libro de fotografías The Americans que reflicte a sociedade americana en todos os estratos), e comeza a frecuentar os ambientes bohemios participando nun grupo integrado por mulleres de extraordinario talento artístico, aínda que traballaban na súa maioría na clandestinidade por ser mulleres. Entre elas estaban Mary Frank (pintora e escultora), Anita Steckel (coñecida polas súas pinturas e fotomontaxes), Rosalin Drexler (novelista, dramaturga e guionista), Shirley Clark (cineasta independente), Maya Deren (directora de cine, bailarina, coreógrafa, poeta e escritora), e a novelista Pati Hill.

Publicou no 1960 o seu primeiro ensaio fotográfico na revista Esquire, chamado A viaxe vertical. Unha serie de seis fotografías, nas que xustapón a riqueza e a miseria na cidade de Nova York.

Por esta época Diane Arbus e Allan cambiáronse a un piso de grandes dimensións nunha bonita casa rehabilitada, situada no nº 71 de Washington Place, en Greenwich Villa, onde abriron un novo estudo fotográfico. Pasado o tempo, Diane a as súas fillas volveron a mudarse, esta vez para o que fora un pequeno curral situado no número 121 da rúa Charles, detrás da comisaría do sexto distrito, quedando Allan en Washington Place.

Diane Arbus utilizou durante anos unha cámara Leica, como moitas das artistas contemporáneas, pero no ano 1962 optou por utilizar unha Rolleiflex. Esta cámara tiña negativos de 5 1/2 cm, menos granulados, o que brindou a Diane a claridade que desexaba e contribuíu ó refinamento dun estilo clásico, de enganosa simplicidade, recoñecido dende entón como unha das características que distinguiu os seus traballos.

O período comprendido entre 1962 e 1964 foi un dos máis fecundos e activos da vida de Diane Arbus. Nestas datas non só estaba moi dedicada ó seu propio traballo, senón que tiña encargos de diversas revistas, entre elas Show, cuxo director artístico, Henry Wolf, non estaba de todo satisfeito co estilo cru e provocativo de Diane.

No ano 1963, recibiu unha beca Guggenheim para un proxecto sobre ritos americanos, formas e costumes, que lle permitiu percorrer os perigosos barrios de Nova York retratando á poboación marxinal americana, buscando personaxes como mutilados, deficientes, prostitutas… Diane comezou a utilizar unha cámara Twin-lens reflex Mamiya, con flash, ademais da Rolleiflex.

Cara mediados dos anos sesenta Diane Arbus xa era unha figura familiar para a maioría dos fotógrafos que traballaban en Nova York. Estaba presente en todos os espectáculos, e tamén en todos os desfiles e manifestacións contra a guerra de Vietnam. Converteuse nunha fotógrafa de culto e o seu traballo era respectado e admirado por fotógrafos da talla de Richard Avedon e Walter Evans. Este último diría de Diane: É unha artista ousada, con grandes dotes…, unha cazadora nata. Tal vez haxa no seu traballo un certo candor, si é que o diaño pode ter algo de candor… O estilo de Arbus radica no suxeito que fotografía. A súa técnica coa cámara limítase simplemente a unha especie de exercicio competente case automático, sen esforzo aparente, pero iso non importa: satisfacemos o feito de que logre que as súas fotografías falen por se mesmas con claridade. O que a distingue como fotógrafa, está na súa mirada, que a miúdo dirixe cada o grotesco e o salaz, unha mirada sabia para detectar e amosarnos, o horror que pode ocultarse nun puñado de terra.

No ano 1966 concedéronlle unha segunda beca Guggenheim, que lle permitiu levar adiante o seu proxecto sobre retratos dos loucos dun manicomio disfrazados o día da festa do centro.

Diane Arbus tiña moitos problemas para vender as fotografías que facía. Entre elas as que lle fixera ás drag-queens e isto repercutía no seu estado anímico. Andy Warhol comentou ó respecto: A comezo dos sesenta eran fenómenos sociosexuais. Warhol consideraba que Diane se adiantara ó seu tempo cando as fotografou, porque as drag-queens non foron aceptadas ata 1967, nin sequera nos círculos de xente excéntrica.

Con motivo da exposición titulada Recent Acquisitions, no Museo de Arte Moderno de Nova York, onde participaron diversos autores, incluíronse tres fotos de Diane Arbus. Dúas delas eran de drag-queens e a terceira unha parella de nudistas. O público que visitou a exposición, reaccionou con violencia. A xente sentíase incómoda e ameazada polas imaxes de Diane.

No ano 1967, realizouse unha exposición fotográfica no MoMA titulada New Documents, onde Diane Arbus expuxo uns trinta retratos, como resultado da beca Guggenheim recibida no ano 1963. Nesta exposición participaron os fotógrafos Garry Winogrand e Lee Friedlandre. Á inauguración asistiron personaxes do mundo da moda e da fotografía. Entre eles estaban: Emile de Antonio, Henry Heldzahler, Andy Warhol, Robert Frank, Walker Evans, Tom Hess, Lisette Model, Richard Avedon, Marvin Israel e Robert e Ethel Scull (coleccionistas de arte pop). Esta exposición foi o punto culminante da vida da artista porque amosaba a súa obra ó mundo. De feito, os mellores eloxios e críticas recaeron sobre os trinta retratos de ananos, nudistas e travestidos que ocupaban unha sala en exclusiva. Segundo todos os expertos en fotografía, esta exposición reformou o enfoque dos fotógrafos documentais ó longo de toda a década dos setenta, e o traballo de Diane Arbus tivo un efecto profundo, pois foron centos os fotógrafos e as fotógrafas que copiaron a súa maneira de fotografar: formato cadrado e enfoque directo con flash.

Continuou traballando nesta época para as revistas Squire e Bazaar. Por encargo de Squire, viaxou a Carolina do Sur para realizar unha reportaxe sobre un mozo, médico branco, que intentaba combater a inanición e as lombrigas intestinais nunha localidade pobre chamada Beaufort, de poboación negra. Acompañada do médico visitou as chozas onde vivían as familias amontoadas e as fábricas onde as mulleres abrían ostras por 15 € a temporada. Diane comentou desta viaxe que nunca vira tanta pobreza e sacou centos de fotografías onde rexistrou a endogamia, a desnutrición e a depresión patolóxica da gran pobreza sureña.

No ano 1969 Allan divorciouse de Diane Arbus para casarse cunha actriz. Pouco despois da voda Allan pechou o estudo de Washington Place, onde Diane revelaba, para trasladarse coa súa muller a Hollywood.

Diane Arbus fotografou ó seu ídolo, Jorge Luís Borges (o gran escritor arxentino), en Central Park, a Natalia Sarraute (novelista francesa), a Mae West e outras celebridades, por encargo de Haper’s Bazaar; ademais, en abril de 1969, viaxou a Londres por encargo da revista Nova, onde fotografou a roqueiros en Brighton e a cantante pop británica, Lulu, entre bastidores.

O traballo destes últimos anos axudoulle a superar as frecuentes crises depresivas que sufría desde que era moi nova. Esta década dos sesenta, foi a época máis produtiva de Diane Arbus, pero tamén a máis convulsa no terreo persoal e afectivo. Libre, rebelde, intelixente, segura da súa filosofía de vida pero insegura con respecto a súa propia valía e autoestima.

A pesar de que a súa reputación de artista sempre foi ascendente, a situación económica foi precaria. Por unha parte porque as revistas, por ser muller, pagábanlle a metade do que lle pagaban ós seus compañeiros e, por outra, debido a que recibía contados encargos e moitas das súas fotos, a pesar de que espertaban moita admiración, non eran publicadas polas revistas por medo a reacción que puideran ocasionar.

A principios do ano 1970 con corenta e sete anos trasladouse a vivir a Westbeth, un complexo para artistas que acababa de estrearse cerca dos peiraos do río Hudson. Coincidindo con este traslado a fotógrafa declarou: Aquí estou… recoñecida como unha artista… pero non podo gañarme a vida como fotógrafa. Por esta época traballou con John Szarkowski (director de fotografía do MoMA), quen a contratou para que lle axudara nos preparativos dunha exposición de fotografías de periódicos que planeaba facer no Museo, co nome de Iconography of the Daily News.

Diane Arbus, deu clases nun piso baleiro do Westbeth. As súas clases estaban abarrotadas. Nelas non trataba só de fotografía, senón que falaba da xente, de como relacionarse con ela e obter unha resposta xenuína. O alumnado describía nas clases, con todo detalle, historias sobre experiencias que nunca fotografaran. Outra das tarefas que lles solicitaba ao alumnado era que fotografaran algo ou alguén que non houberan fotografado antes. Comentáballes que sacar un retrato era como seducir a alguén, que ela recorría a todo para poder facer unha fotografía, dende actuar como unha parva ata deixar caer cousas para que o suxeito se distraera e se sentise menos ameazado. Comentaba que á maioría das persoas gustáballes que as fotografaran, gustáballes que alguén lles prestara atención.

Diane Arbus experimentou desordes emocionais e episodios depresivos durante toda a súa vida. Na primavera do ano 1971, Diane Arbus atopábase melancólica e deprimida, facía esforzos para manterse activa. Adoitaba pasar polo departamento artístico de Bazaar e polo despacho de Harold Hayes, en Esquire. Rechazou a oferta que lle fixo Walker Evans para que ensinara fotografía na universidade de Yale no outono de 1971.

A galería Corcorán de Washigton convenceuna para que exhibira as súas obras na Bienal de Venecia do ano 1972, un feito sen precedentes, xa que ningún fotógrafo ou fotógrafa recibira semellante proposición ata ese momento.

Peter Schlesinger chamou a Diane Arbus o 27 de xullo de 1971, para confirmar que dirixiría un simposio sobre fotografía que el organizara para uns días máis adiante, pero ninguén contestou. Marvin Israel tamén chamou unhas cantas veces ese día, pero tampouco tivo sorte e, o día seguinte, foi ó piso onde atopou morta a Diane con cortes nos pulsos. O corpo xa estaba en estado de descomposición. Sobre o escritorio estaba o seu diario aberto pola páxina do 26 de xullo, na que escribiu: a última cea. Non se atopou ningunha outra mensaxe. Tras a autopsia, o minucioso informe do médico forense sinalaba que pesaba 45 quilogramos, que medía un metro setenta centímetros e que a súa morte produciuse por unha intoxicación aguda de barbitúricos.

Richar Avedon, outro dos seus grandes amigos, comentou tras a súa morte: Nada sobre a súa vida, as súas fotografías ou a súa morte foi accidental ou ordinaria.

Con posterioridade, o seu irmán Howard dedicoulle o poema titulado, Morta pola súa propia man:

Miña querida, pregúntome si antes do fin
pensaches naquel xogo de nenos
ó que seguramente xogaches, no que
corres por riba do estreito muro dun xardín
imaxinando que é a cima dunha montaña
con insondables precipicios a ambos lados
e cando sentiches que perdías o equilibrio
saltaches, porque temías caer, e pensaches
só por un instante: É agora cando morro.
Iso foi hai unha vida. Agora xa non estás,
negácheste a seguir xogando o xogo dos adultos
no que, mantendo o equilibrio na cima que coroa a escuridade
séguese correndo sen mirar cara abaixo
e nunca se salta por temor a caer.

OBRA:

A Obra de Diane Arbus viuse influenciada por Lisette Model e a película Freaks (A parada dos monstros) dirixida por Tod Browning no ano 1932, baseada nun conto de Tod Robbins titulado Espuelas. As súas imaxes son provocadoras, non deixan indiferente a ninguén e incluso pode chegar ata molestar.

O estilo de Diane Arbus consistía en crear fotografías nun formato cadrado, en branco e negro, con flash na propia cámara e tomar a foto no propio entorno da persoa que retrataba. As persoas miraban directamente á cámara, polo que o flash poñía de releve todos os seus defectos. A súa intención era producir nos espectadores temor e vergoña.

A súas fotografías son sorprendentes e denotan unha gran colaboración entre a fotógrafa e a persoa fotografada.

Diane Arbus preséntanos a súa particular beleza representando o normal como monstruoso e para conseguir isto rompe a composición, sitúa á personaxe no centro mirando directamente con tensión e forza.

A maioría dos seus retratos pertencen a grupos discriminados (ananos, travestís, esmoleira, drogadictos, obesos…) ou a minorías (nudistas, fenómenos de circo, prostitutas…). Segundo as súas propias palabras: Os Freaks foron os que máis fotografei. Foron unhas das primeiras cousas que fotografei e foi terriblemente motivador para min. Simplemente, adorábaos. Aínda hoxe adoro algún deles. Con isto non quero dicir que sexan os meus mellores amigos, eles fixéronme sentir unha mestura de vergoña, temor e asombro. Existe unha especie de lenda acerca dos Freaks. Como esa persoa que nun conto de fadas detente e esíxete que resolvas unha adiviña. A maioría da xente pásase a vida temendo pasar por unha experiencia traumática. Os Freaks naceron cos seus traumas. Eles xa pasaron esa proba. Son aristócratas. Grazas a este traballo de Diane Arbus, puideron ver a luz imaxes que de outro modo pasarían desapercibidas ou simplemente serían vedadas para a sociedade burguesa se non as tivera fotografado. Na súa documentación de manicomios, campos nudistas, freaks, seres deformes e cocktails da alta sociedade deixa entrever a mensaxe de alienación. Non hai apenas diferenzas entre persoas dementes e persoas cordas, porque todas son parte dunha mesma sociedade absurda.

Diane Arbus amosa unha total ruptura coa tradición e con todo aquilo que considera socialmente aceptado e por iso non existen normas na súa fotografía, como tampouco existe unha busca da beleza estándar ou dunha estética tradicional.

Foi cara o final da súa vida cando se granxeou a reputación de pioneira do Novo Estilo Documental, entre todas as súas compañeiras e compañeiros da fotografía.

Aínda hoxe as fotos realizadas por Diane Arbus seguen perturbando.

No ano 1972, despois da súa morte, a súa obra expúxose na Bienal de Venecia e o MoMA de Nova York dedicoulle unha retrospectiva itinerante polos Estados Unidos e Canadá que contou con máis de nove millóns de visitantes.

A exposición estivo acompañada do libro publicado pola súa filla Doon Arbus e Marvin Israel, titulado Diane Arbus: an Apeerture Monograph. O libro vendeu máis de 300.000 exemplares e está considerado por algúns autores como un dos Fotolibros máis importantes da historia.

No ano 2005, expúxose no Metropólitan de Nova York, unha gran retrospectiva da súa obra composta por máis de cento oitenta fotografías que percorreron cronoloxicamente o traballo da artista.

O 17 outubro de 2006 a editorial WW Norton & Company, publica o libro titulado Diane Arbus: A Biography, escrito por Patricia Bosworth. Unha biografía baseada nas informacións de familiares e amigas e amigos que coñeceron moi de cerca a Diane Arbus, dende a súa infancia ata a súa morte.

No ano 2006, estrenouse a película Historia de una obsesión, dirixida por Steven Shainberg e interpretada por Nikole Kidman, como Diane Arbus e Rober Downey Jr., como Allan, que presenta unha versión totalmente distorsionada de Diane Arbus, presentándoa como unha persoa híper romántica que estaba atrapada entre os seus problemas sentimentais, dando unha visión totalmente ridícula e distorsionada da súa vida.

O 3 de marzo de 2006, Caixa Forum, acolleu en Barcelona a primeira exposición internacional retrospectiva de Diane Arbus. Co título Revelacións, a exposición euniu unhas 200 imaxes, incluíndo a maioría das súas fotografías máis emblemáticas e algunhas inéditas. Anteriormente, esta mostra estivo exposta no MoMA de San Francisco, o Metropolitan de Nova York e o Victoria and Albert de Londres, entre outros moitos importantes museos do mundo.

Diane Arbus Revelations é o libro sobre o traballo de Diane Arbus que contén grandes reproducións de toda a súa obra máis emblemática e moitas obras menos coñecidas intercaladas con comentarios e información biográfica.

En decembro de 2007, o patrimonio de Diane Arbus doou os arquivos completos e o equipo fotográfico ó Museo Metropolitano de Arte.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

FONTES:

Libros:
  • Diane Arbus. A biography, de Patricia BosWorth. Circe Ediciones, S. A.
Páxinas web:
Vídeos:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta