Lissette Model (1901-1983)

FOTO-PORTADAForma parte imprescindible da historia da fotografía xunto cun grupo de creadores e creadoras de Estados Unidos que nas décadas dos 1940 e 1950 do século XX, estableceron unha nova forma de traballar, ademais de influír como docente a distintas xeracións de fotógrafas e fotógrafos.

A súa fotografía urbana e os retratos dunha burguesía decadente derivaron, temporalmente, cara a fotografía de bodegóns e monumentos cando a administración estadounidense comezou a investigala por actividades antiamericanas.

VIDA:

Lissette Model naceu en Viena (Austria) no ano 1901, no seo dunha familia xudía, adiñeirada e educada. O seu verdadeiro nome era Elise Amelie Feliece Stern. O seu pai, Victor Stern, metade italiano e metade austríaco, tiña propiedades millonarias en Venecia. A súa nai Felicie, de orixe francés, era unha muller fermosísima á que lle gustaba a poesía. Lissette Model, que tiña dous irmáns, medrou atendida por serventas nunha enorme mansión que foi declarada patrimonio nacional polo goberno de Austria.

No ano 1903, o seu pai cambiou o nome dos Stern polo de Seybert, por temor ás represalias que a súa familia puidera sufrir debido ás raíces xudías.

Ata o estalido da primeira guerra mundial no ano 1914, Lissette Model asistíu á escola para mozas Schwarzwald. Estudou música con Arnold Schönberg e pintura e debuxo con Oskar Kokoschka e Adolf Loos. A música chegou a ser a súa paixón, de feito comezou a estudar canto con Marie Gutheil-Schoder, da Viena Hofoper, unha das máis importantes compañías de ópera a nivel mundial.

A súa situación económica viuse truncada pola precaria paz europea de entreguerras e pola morte do seu pai no ano 1924, quedando a familia na absoluta ruína.

No ano 1926, tras a morte do pai, a familia trasladouse a Francia. A súa nai Félicie e a súa irmá Olga, instaláronse en Niza, mentres que Lissette foi vivir a París, onde estudou canto coa célebre intérprete Marya Freund e recibiu clases de pintura de André Lhote, quen tamén foi profesor de Cartier-Bresson e Hoyningen-Huene. Aquí coñeceu as fotógrafas Rogi André e Florence Henri, das que se fixo amiga.

A principios da década dos trinta, por motivos ata hoxe non esclarecidos, abandonou a música para sempre. Comezou a pintar e a interésarse pola fotografía gracias a súa irmá Olga quen realmente a practicaba. Ela foi quen a iniciou na fotografía e nas técnicas de laboratorio. Foi nesta época cando mercou a súa primeira cámara e unha ampliadora.

Lissette Model, decidiu traballar como técnica de revelado no estudo de André Kertész. Foi a muller de André, Elizabeth, quen lle ensinou a utilizar unha Rolleiflex.

As primeiras imaxes que se coñeceron dela son as dun París tocado pola depresión. Estas fotografías conteñen xa a espontaneidade e o apaixonamento polo humano, cualidades detacables na súa obra, pero que revelan tamén a timidez dunha moza de clase acomodada que só ocasionalmente se enfronta cara a cara cos seus modelos. En contraposición a estas imaxes, están as que fixo en Niza, onde as súas lembranzas de nena da alta burguesía veraneando coa familia, fan que a súa mirada sexa distinta, moito máis persoal e directa. A timidez de París volveuse descaro e atrevemento, desafiando as miradas orgullosas dos burgueses despreocupados pola súa cea, os seus corpos ó saír do mar, ou paseando polo Paseo dos Ingleses.

Algunhas fotos realizadas no Paseo dos Ingleses, publicáronllas na revista semanal francesa, de pensamento comunista, Regards, inicialmente coñecida como a precursora do fotoxornalismo.

Coñeceu a Evsa Model, pintor construtivista, ruso de orixe xudeu, membro do grupo artístico Cercle et Carré, que vivía en Montparnasse, e casou con el en setembro do ano 1937.

Un ano máis tarde, decidiron marcharse a Nova York. Establecéronse en Greenwich Village, onde vivían pobremente. O seu marido, Evsa pintaba escenas da vida das rúas de Nova York, era un colorista tan dotado como Modrian, pero fracasou como pintor e veuse obrigado a dar clases de forma irregular, mentres que Lissette comezou a instalarse nunha rede social que lle abriría unha serie de portas no futuro.

En 1940, coñeceu a Ralph Steiner, editor da revista PM?s Weekly, fotógrafo pioneiro documentalista e unha figura clave entre os cineastas da vangarda na década de 1930. A revista publicou as fotos que Lissette Model fixera en Niza, no Paseo dos Ingleses, uns enormes retratos de xogadores franceses e de ricos ociosos tomados nesta cidade, co título de Why France Fell. Steiner contratouna como fotógrafa.

Por esta época, o MoMA creou o primeiro Departamento de Fotografía e mercou algunha das súas obras. O 31 de decembro, inaugurouse no MoMA Sixty Photographs: A Survey of Camera Aesthetics, incluíndo unha fotografía da serie Paseo dos Ingleses, xunto ás obras de Helen Levitt, Berenice Abbot, Ansel Adams e Man Ray.

Realizou a súa primeira exposición individual no ano 1941, na Photo League (organización destinada a utilizar a fotografía como un instrumento político para apoiar o cambio social, da que entrou a formar parte). As súas fotografías, consideráronse moi revolucionarias para esta época, tanto polo seu tamaño (16×20, polo que parecían saírse do marco) como polas personaxes (borrachos, sucios mendicantes e xente ordinaria de proporcións tan aumentadas que a súa existencia era case palpable). Lissette Model chamaba extremos ou esaxeracións ás persoas que fotografaba, e o eran: moi gordos ou moi fracos, moi ricos ou moi pobres. Lissette tiña conciencia da fealdade do corpo humano, e negábase a non testimonialo. As fotos desta exposición foron eloxiadas por fotógrafos como Ansel Adams e Walker Evans, así como por autoridades na materia como Beaumont Newhall.

Lissette Model estaba sorprendida cos resultados desta exposición, de feito, no seu día comentou: Alabáronme baseándose só nuns poucos rolos de proba… foi como si me puxeran nun pedestal! Só en Norteamérica pode suceder algo así! Iso é o máis perigoso que lle pode ocorrer a unha artista, que a convertan en estrela sendo unha principiante. A min encumbráronme por algo que fixera cando non sabía o que facía.

Foi contratada por Alexey Brodovitch, director artístico da revista Haper’s Bazaar, como fotógrafa en Nova York, e colaborou con Carmel Snow e o propio Brodovitch nunha gran variedade de traballos, dende fotos de roupa ambientada en lugares especiais, ata ilustracións sobre a vida nocturna da cidade. Aprendeu así a usar o flash, para poder tomar fotos de noite. Fixo en solitario unha serie de fotos de pés…, pés saíndo do metro, da rúa Wall, correndo pola beirarrúa, facendo cola fronte a Radio City…, pés que se arrastraban, que se movían, que corrían. O movemento dos pés significaba para ela a celeridade, a enerxía e o ritmo de Nova York…, dos Estados Unidos. Esta serie publicouse co nome de Running Legs. Outra serie súa coñecida foi Reflections, onde presentaba a vida de Nova York vista a través dos reflexos dos escaparates.

Tamén sacou fotos importantes a inmigrantes que residían no Lower East Side e en Coney Island, onde logrou unha das súas fotos máis coñecidas: unha muller enorme e gorda en crequenas, ríndose na rompente, unha expresión de vitalidade feminina exuberante e nada sentimental. Esta foto ilustrou a portada do seu libro de fotografías Aperture.

Lissette Model non sempre publicaba todas as súas fotos. Fixo unha serie sobre delicuentes negros en Harlem que a revista Look negouse a publicar, argumentando que querían delincuentes brancos e Bazaar argumentou que Hearst non permitía fotografías de xente negra na súa revista.

Coñeceu a Roy Stryker e Edward Steichen no ano 1943 e, neste ano, presentou a mostra Four Portraits by Lissette Model, no Art Institute of Chicago. Un ano despois obtivo, xunto con Evsa, a cidadanía americana.

O seu marido foi invitado no ano 1945, a impartir un curso de verano en California School of Fine Arts (CSFA). Lissette Model acompañouno e visitou San Francisco onde se encontrou coa súa amiga Pauline Schubert. O Departamento de Fotografía da CSFA converteuse nun punto de reunión e debate, que lle permitíu entrar en contacto coa comunidade de fotógrafos da costa oeste e tomar unha serie de retratos de personaxes prominentes como Robert Oppenheimer, Salvador Dalí, Edward Weston, Imogen Cunningham o Dorothea Lange que foron publicados en Harper’s Bazaar baixo o título The Intellectual Climate of San Francisco.

Neste ano presentou a súa serie Pedestrians, do mesmo estilo que a súa anterior serie Running Legs, pero esta vez en contrapicado e colocando a Rolleiflex á altura da cintura. Invisible entre a multitude das rúas, a cámara podía captar xestos momentáneos, mocas inconscientes, miradas reprobatorias. Ante este tipo de fotografías urbanas descaradas de persoas que se caricaturizan a sí mesmas, as revistas non querían publicar as súas fotografías e, a resposta que lle daban, era unánime, segundo lembra ela mesma nunha entrevista concedida a finais dos setenta: Se isto fora Europa e as fotos foran europeas e as necesitáramos, as publicariamos, pero en América non. Non se pode fotografar América así.

No ano 1948, a Fundación Guggenheim denegoulle unha beca que solicitou para realizar o proxecto New York, Its People and Its Environment.

A revista Ladies Home Journal, encargoulle a ilustración do artigo How América Lives?, no ano 1949 e, este mesmo ano, expuxo quince obras súas na mostra colectiva Leading Photographers producida polo MoMA.

Jacob Deschin, columnista de The New York Times, ofreceulle unha columna para que plasmara sobre o papel as súas ideas sobre a fotografía e a docencia. A columna titulouse Pictures as Art.

Lissette Model era contemporánea de Weegee (pseudónimo de Arthur Fellig) e amiga de Berenice Abbot. Os tres eran coñecidos como os fotógrafos de Nova York.

Convencida por Berenice Abbot, comezou a traballar como profesora no ano 1950, no New School, de Nova York, tras outras experiencias de ensino en California. Este foi o inicio dunha longa carreira como docente, responsable da formación das novas fotógrafas e fotógrafos. O mesmo ano que se estrenou como profesora, Model fixo estas declaracións sobre a fotografía que se converterían nunha especie de manifesto: Dúas tendencias dominan o campo da fotografía hoxe: Unha chea de subterfuxios artificiais, fantasías glamurosas e unha histérica tendencia cara o chocante, mentres a outra busca o realismo, a sinceridade, a verdade… A cámara é un medio de detección, non amosa só o que xa sabemos, senón que tamén pode explorar novos aspectos dun mundo en constante movemento.

Rodéannos novas imaxes por todas partes. Son invisíbeis a causa da rutina, as convencións estériles e o medo. Atopar esas imaxes supón atreverse a ver, ser consciente do que existe e de como existe. O fotógrafo non só recibe información, tamén dá información sobre a vida. É máis, a información concédese a gran escala. A cámara traballa rápido, como o fotógrafo. Nun segundo, o fotógrafo debe ver e sentir, comprender e seleccionar, reaccionar e actuar. O movemento e a expresión non se ven ata que non se lles para. Captúrase así un momento que nunca foi visto e nunca será visto de novo. A velocidade, condición fundamental das actividades do noso día, é o poder da fotografía, e por suposto o arte do noso tempo, o arte da fracción de segundo.

Nas clases non permitía que o alumnado tomara notas, porque temía que a citaran incorrectamente. Non obstante, cando falaba era extremadamente elocuente e acostumaba repetir certas máximas con frecuencia: A cámara é un instrumento de detección… fotografamos o que vemos e o que non vemos… cando apunto a algo coa cámara estou facendo unha pregunta e as veces a fotografía é a resposta… en outras palabras, non trato de demostrar nada. Son eu quen recibe a lección.

Os seus temas básicos eran: A fotografía ampliou a nosa visión, pero de forma que aínda non comprendemos; a fotografía, que nun principio, considerouse unha superstición, hoxe é un desexo aditivo; e, hai unha gran diferenza entre o que ve o ollo e o que ve a cámara…, a transformación que se produce entre a terceira e a segunda dimensión pode crear unha foto ou esnaquizala.

Podía pasar horas falando nas súas clases da importancia da luz nunha fotografía, sobre como a luz está en todas partes e en toda cor, e sobre o gran efecto psicolóxico que ten. A miúdo pedía a un ou a unha estudante que dera voltas ó redor da persoa que pousaba como modelo cunha bombilla acesa na man, a fin de demostrar como a luz afectaba a un rostro en termos de iluminación da sombra…, e, dado que todas as caras son diferentes, a luz ilumina a cada unha tamén de maneira diferente.

Tamén falaba da relación entre a fotógrafa ou fotógrafo e a persoa retratada, aclarando que podía ser un enfrontamento, unha conversación, ou un evento cargado de emoción, pero que sempre era necesario e crucial que se producira un intercambio de tipo visceral para que a foto fora aceptable. As súas frases máis coñecidas son: As fotografías que causan admiración teñen o poder de perturbar ou Con frecuencia, os mellores fotógrafos son subversivos, irresponsables e delirantes.

Ás súas clases asistiron Larry Fink, Bruce Weber, Peter Hujar, ou Rosalind Salomon, importantes fotógrafos e fotógrafa do século XX.

Nesta época naceu o macartismo que disolve a Photo League (unha cooperativa de fotógrafos e fotógrafas en Nova York que se uniron ó redor de múltiples causas sociais), ó ser cualificada como unha organización subversiva polo Comité de Actividades Antiamericanas.

Comezou a dar conferencias sobre fotografía en Nova York e San Francisco e entablou amizade con Imogen Cunningham e Dorothea Lange. As tres fotógrafas reuníanse a miúdo para falar de asuntos profesionais.

A mediados dos cincuenta, Lissette Model, tiña un conxunto de obras pequeno, pero impresionante. Por exemplo, o primeiro número da revista Aperture estaba ilustrado cunha fotografía dela. As súas fotos exhibíanse ano tras ano no Museo de Arte Moderno (MoMA) é foi neste museo, onde en calidade de conferenciante habitual, pronunciou a súa famosa frase: A fotografía é o arte da fracción de segundo. Aínda que lle publicaban fotografías en revistas como Camera, apenas lle chegaban os ingresos para pagar o alugamento. Por aquelas datas non había un mercado para as fotografías artísticas.

No ano 1952 comezou a barallar a idea de publicar un libro sobre músicos de jazz. Mantivo este proxecto durante seis anos, fotografou a diferentes intérpretes e buscou financiamento, pero o proxecto nunca chegou a ver a luz.

Os seus problemas económicos, levárona a viaxar a Europa no ano 1953 para recuperar unha propiedade familiar. Aproveitou esta viaxe para facer fotos en Roma, onde acumulou cerca duns 1.000 negativos en 35 mm. Durante a súa estancia, foi vítima dunha investigación por parte do Comité de Actividades Antiamericanas. A caza de bruxas do macartismo someteu ás artistas á inacción, o que a levou a ter que dedicarse á investigación técnica da fotografía. Neste período de terror calquera forma de realismo fotográfico podía ser interpretado como crítica social polo Comité de Actividades Antiamericanas, ademais Lissette Model conservaba aínda en Europa os impagables negativos da súa documentación da loita antifascista en Italia.

Viaxou a Venezuela e retratou poboacións indíxenas e personalidades da sociedade caraqueña. Fotografou tamén ós intérpretes do Newport Jazz Festival (un festival de música jazz que comezou a súa primeira edición neste ano, 1954, en EE. UU.).

Por esta época inaugurouse a galería e cafetería ideada por Helen Gee, que foi a primeira galería do país dedicada á fotografía. Un lugar de reunión, onde Lissette Model acudiu con frecuencia para tomar café con Robert Frank, Walker Evans ou Helen Levitt, intercambiando opinións sobre fotografía.

Lissette Model, abandonou Harper’s Bazaar no ano 1955. Unha das súas obras formou parte da imprescindible exposición The Family of Man, unha mostra comisariada por Edward Steichen, director do Museo de Arte Moderna, MoMA.

No ano 1956 publicaron os seus últimos encargos para revistas. Deixou de revelar negativos e de positivar e non volveu a ter unha actividade normal de revelado e ampliación de copias ata que coñeceu a Gerhard Sander, no ano 1975.

Diane Arbus converteuse na súa alumna no ano 1957. Ambas fixéronse grandes amigas reuníndose con frecuencia na casa de Lissette Model a laretar ou a falar e discutir durante longas horas intercambiando segredos, teorías e puntos de vista filosóficos. A amizade entre ambas durou ata o suicidio de Diane no ano 1971.

A instancias de Diane Arbus, volveu a solicitar a beca Guggenheim para o proxecto Glamour, a imaxe da nosa imaxe, que lle concederon no ano 1965.

Volveu viaxar a Europa, esta vez a Italia, no mes de outubro de 1967. Levou cartas de presentación de John Szarkowski, director do Departamento de Fotografía do MoMA, dirixidas ós directores dos museos nos que estaba interesada en fotografar. Tomou fotografías en covas perdidas da Toscana e Sicilia e regresou a Nova York para ser tratada dun cancro, que superou con éxito.

No ano 1968 Lissette Model, foi nomeada socia de honor da American Association of Magazine Phtographers.

Iniciou o proxecto Keeping the Legend Intact no ano 1973, un de tantos outros que non chegou a publicar. Recibiu axuda económica do Creative Artists Public Service Program. Impartiu un taller de verán en Berkeley, onde fotografou ó mundo hippy e estudantil.

Coñeceu a Gerhard Sander, neto do fotógrafo August Sander no ano 1975. Converteuse no seu galerista e o home de confianza de Lissette Model para realizar copias da súa obra.

As súas fotografías formaron parte da exposición colectiva Women on Photography. A Historical Survey, do Museo de Arte Moderno de San Francisco.

O 19 de outubro do ano 1976, faleceu o seu marido Evsa.

No ano 1979, Lissette Model publicou unha monografía sobre a súa obra, con deseño de Marvin Israel e texto de Berenice Abbot: Model, Lissette, Lissette Model, New York, Aperture.

O Museum of Art, de New Orleans, inaugurou unha exposición de Lissette Model no ano 1981. Este mesmo ano, recibiu un doutorado honoris causa da New School for Social Research, xunto a súa gran amiga Berenice Abbot.

Recibiu a Medalla de Ouro da cidade de París en abril de 1982.

O 4 de marzo de 1983, Lissette Model deu a súa última clase maxistral no Haventford College. Morreu o día 30 deste mesmo mes, en Nova York, ós 82 anos de idade.

OBRA:

Dise que Lissette Model utilizaba a cámara con todo o corpo e que tiña os ollos máis intuitivos do mundo da fotografía. As súas imaxes van máis aló da chamada Fotografía de rúa, pero sen dúbida é un precedente desa corrente. Ademais recortaba as fotos, dotándoas así dunha intensidade engadida. Tiña unha mirada moi incisiva que poñía ó descuberto o que se pretendía esconder.

Revelaba os carretes no drusgstore, o que facía que o aspecto das fotografías fora aínda moito máis cru.

Nas súas fotografías emerxen as clases, os antecedentes, o ser humano como ser social, na rúa e nos lugares públicos, personaxes despreocupados, moitas veces ensimesmados, sen conciencia de estar sometidas á incisiva cámara de Lissette Model. É a autora de dous grupos de imaxes da paisaxe de Nova York, que xa pertencen á realidade, non só daquela cidade, senón de toda idea occidental do urbano:

  • Running Legs presenta unha serie de imaxes de pernas en movemento, enfundadas en roupas escuras de inverno e fotografadas coa cámara a ras de chan.
  • Reflections, presenta unha serie de instantáneas que reflicten a cidade a través dos escaparates, como un colage onde se amosa a vida rápida e o ritmo da cidade de Nova York.

Aínda que a súa produción posterior ós anos cincuenta non espertou o mesmo interese da crítica que a súa obra clásica, a correspondente ó período 1935-1955 aproximadamente, seguiu sendo valorada e reinterpretada polo público e polos especialistas.

Na Galería Nacional de Canadá, que posúe todo o seu arquivo persoal, están documentados centos de series de negativos, moitos sen positivar, outros amosados unicamente con ocasión de outras grandes retrospectivas como a que tivo lugar en 1990 nesta sala.

No ano 1988, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Madrid, expuxo unha retrospectiva de Lissette Model titulada: Lissette Model: retrospectiva 1937-1970.

A National Gallery of Canada, en Ottawa, dedicoulle unha gran retrospectiva no ano 1990.

A Fundación Aperture, organizou no ano 2008 a exposición Lissette Model and Her Successors, comisariada por Diana Edkins e Larry Fink.

No ano 2009, a Fundación Mapfre, dedicoulle unha ampla exposición na sala Azca de Madrid.

ALGUNHAS FOTOS:

FONTES:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta