Berenice Abbott (1898-1991)

portada

Berenice Abbott foi unha fotógrafa documentalista estadounidense moi coñecida pola súa fotografía en branco e negro sobre a arquitectura da cidade de Nova York e polo seu traballo innovador no campo da física.

VIDA:

Berenice Abbott naceu o 17 de xullo de 1898 en Springfield, Ohio, (EE.UU.). Os seus pais divorciáronse pouco tempo despois do seu nacemento, polo que raras veces vía o seu pai. Separada da súa irmá e de dous irmáns, pronto marcharía da casa. Nunha nota autobiográfica, escribiría: Eu era unha nena infeliz, tiña unha familia fragmentada, pero iso ensinoume a ser autosuficiente, a ser unha nena independente.

Trasladouse á cidade de Nova York xunto con outros compañeiros. Establecéronse en Greenwich Village, que acababa de ser proclamada república independente por Marcel Duchamp, un lugar adecuado para declarar a guerra aos valores conservadores da América profunda. Nun principio matriculouse na Universidade de Columbia no ano 1917, porque quería ser periodista, pero decepcionada co curso do seu traballo, pasou a interesarse pola escultura, facendo modelaxe para artistas. Introducida nos círculos bohemios desta parte da cidade, coñeceu ao anarquista Hippolhyte Havel, moito máis vello que ela, quen a proclamaría filla súa oficialmente, a escritores e artistas como Djuna Barnes (escritora), Sadakichi Hartmann (fotógrafo e poeta) e Marcel Duchamp (artista e pintor dadaista e surrealista francés). É unha época no que Berenice realiza traballos de todo tipo (secretaria, perruqueira, arquiveira…) e ó mesmo tempo escribe poemas, fai teatro e estuda escultura.

No ano 1921 embarcouse xunto con outros artistas, expatriados americanos, para visitar Europa, lugar onde por aquel entón parecía atoparse “o dourado cultural”, permanecendo en Francia, onde viviu varios anos. Estudou escultura na Académie de la Grande Chaumière en París, e no Kunstschule en Berlín, ademais de chegar a publicar algunha poesía no xornal literario experimental Transición.

Estando en París, foi contratada no ano 1923 por Man Ray, que abrira un estudo de retratos en Montparnasse, pouco despois da súa chegada a Francia, para traballar como asistente no seu laboratorio. Aquí Berenice non só aprendería as técnicas da cámara escura e o retrato, senón que se relacionaría cos vangardistas, especialmente os surrealistas. Man Ray, impresionado polo seu traballo, permitiulle realizar as súas primeiras fotografías no estudio, antes de abrir o seu propio no ano 1926 na rue du Bac, coa axuda financeira das súas amigas Peggy Guggenheim e Anne Winifred Ellerman. Traballou para a revista Vogue francesa e amosou o seu traballo na galería Au Sacre du Printemps. O seu estilo é moi lúcido, case espido, moi afastado do de Man Ray que segundo comentaba Berenice: os retratos masculinos de Man Ray eran bos, pero as mulleres facíaas aparecer como pequenos obxectos graciosos. Ela sentía a necesidade de borrar a propia subxectividade do fotógrafo e para conseguir iso, dedicáballe moito tempo á realización de cada retrato, falando moito coa persoa a que ía fotografar. Ela mesma explicaba: Para fotografar a unha persoa debe haber un intercambio, unha colaboración. A sesión debe ser unha especie de visita durante a cal se conversa animadamente. Con este sistema conseguía que os seus retratos se caracterizaran pola expresión de naturalidade, que conseguía a través das expresións propias de cada persoa retratada e dunha coidada iluminación. Polo seu estudio pronto comezaron a pasar todo tipo de personalidades francesas da cultura, expatriados estadounidenses, bohemios e escritores. Entre estas personalidades atopábanse Chanel, Djuna Barnes, Max Ernst, Cocteau, Duchamp, Joyce, Guide…

Coñeceu a Eugene Atget, aquí en París, nado en Libourne, Francia no ano 1857, que se trasladara a París para gañarse a vida como fotógrafo, facendo retratos na rúa e fotografando a cidade da luz dende un punto de vista tan particular, que chamou a atención dos surrealistas, cos matices que conseguía, por exemplo, cos reflexos fantasmagóricos dos cristais e outros aspectos referentes á luz e aos xogos de sombras. Vivía na miseria e Berenice, sorprendida polo realismo espido das súas fotografías, mercáballas cando tiña algo de diñeiro. Convenceuno para que se deixara fotografar no seu estudio e realizoulle o único retrato que quedou de Atget no século XX. Comprendendo que o arquivo de Atget corría perigo de perderse, á morte de Eugene, no ano 1927, Berenice decidiu mercar a parte do seu traballo que quedaba, pedindo diñeiro prestado aos seus amigos, co obxectivo de dar a coñecer a obra deste fotógrafo. Pasou semanas ordenando e clasificando as tomas e gardouno todo en decenas de caixas.

Berenice expuxo a súa obra dous anos máis tarde de abrir o estudio, en maio de 1928, no Primeiro Salón dos independentes da Fotografía, en París, coincidindo coa retrospectiva que se levou a cabo sobre Atget e Nadar. Nesta época París estaba cheo de artistas surrealistas, seguidores de Atget, como Brassai, Gisele Freund, André Kertész, Germaine Krull e Man Ray. Os retratos de Berenice, en ocasións, estaban manifestamente influenciados polo surrealismo. Mostraba un especial interese pola mascarada, xogar co disfrace, incluso as veces co uso da sobreimpresión e a distorsión. As modelos femininas expresaban certa ambigüidade sexual. Este mesmo ano expuxo no Salón de L’Escalier un manifesto contra o pictorialismo e realizou un ano máis tarde dúas exposicións cos modernistas alemáns: “Fotografía der Gegenwart” en Essen e “und Film Foto” en Stuttgart. Este mesmo ano regresaría ós EE. UU.

De volta nos EE. UU. a principios de 1929, visitou Nova York co obxectivo de atopar unha editora para publicar as fotografías de Atget. Berenice quedou fascinada co cambio sofrido pola cidade e inmediatamente veu o seu potencial fotográfico. Volveu a París para pechar o estudo e regresou a Nova York no mes de setembro. Continuou coa mesma actividade que viña desenvolvendo en París: abriu un estudio de retrato e participou en varias exposicións de fotografía modernista, como na realizada na Galería Weyhe, “As fotografías de Nova York por Nova York Fotógrafos”, “Fotografías de Berenice Abbott”, “Exposición de Fotografía Retrato” na galería Julien Levy e “Murales por pintores americanos e fotógrafos” no Museo de Arte Moderno (MoMA). Ó mesmo tempo promoveu a obra de Eugène Atget, descoñecido para a maioría do público. Presentouna nas universidades, propúxoo para os museos e publicou o libro “Atget, fotógrafo de París” no ano 1930, obra na que se inspirou Walter Benjamin para desenvolver as súas ideas respecto ó mundo moderno. Berenice continuaría ao longo de moitos anos con este traballo de promoción de Atget publicando un novo libro, O Mundo de Atget en 1964, series fotográficas e ensaios que axudaron a Atget a gañar o recoñecemento internacional. Hoxe Eugène Atge está considerado como un dos grandes pioneiros da fotografía de principios do século XX. No ano 1968 o Museo de Arte Moderna adquiriría o seu ficheiro.

O encontro co vello fotógrafo francés ensináralle a Berenice Abbott o que era a paixón, o segredo do auténtico artista: Tes que desexar unha cousa con todas as túas forzas e logo tes que facela. Seguindo o seu exemplo, fotografou a cidade de Nova York durante eses anos, un proxecto que lle levaría case que dez anos en ver a luz. Ela mesma comentaría anos máis tarde a impresión que lle xerou esta transformación: As cores eran totalmente vivas e se levantaban rañaceos por todos os sitios. O aire estaba cheo de enerxía. Sentíame estranxeira. Podería chegar de Marte. Cando te sentes fresca, impresionable, sensible e estiveches afastada durante moitos anos, e logo volves y ves esta terra estraña, que é a túa… emociónaste.

Fotografou a cidade de Nova York dende todos os ángulos coa dilixencia e atención ao detalle que tanto admiraba en Atget: rúas, tendas, edificios, prazas, metro, trens, estacións, oficinas, etc. durante un período de seis anos. O seu traballo non era nostálxico, interesáballe resaltar os contrastes entre a Nova York baixa, coas súas casas de dous pisos do século XIX e os impoñentes rañaceos que se construían nese momento. Ao principio utilizaba unha cámara de Kurt-Bentzin de man, pero máis tarde mercaría unha cámara Century Universal coa que utilizaba uns negativos de 8×10 polgadas. Con esta cámara de gran formato foi como fotografou toda a cidade, de forma independente, incapaz de obter apoio financeiro de organizacións, fundacións ou individuos particulares para o seu proxecto documental sobre a cidade de Nova York. En concreto dirixiu os seus intentos cara o Museo da Cidade de Nova York e a Sociedade Histórica de Nova York, sen éxito algún para o seu financiamento. No ano 1934 conseguiu que se exhibiran as fotografías da cidade no Museo da Cidade de Nova York, coa esperanza de atraer patrocinadores. Fotografar Nova York non era fácil, necesitaba unha entrega total para non desanimarse diante da cantidade de impedimentos cos que se atopaba: con frecuencia os policías impedíanlle parar e obrigábana a afastarse para non entorpecer o tráfico; os vixilantes dos rañaceos sospeitaban dela cando lles pedía subir ao último andar, por temor a que quixera suicidarse… Paralelamente a este proxecto, para manterse, traballou durante anos para revistas como Fortune e Life facendo diversos traballos fotográficos (publicidade, reportaxes periodísticos, retratos), ensinou fotografía na New School for Social Research dende o ano 1933.

Por esta época coñeceu á periodista Elizabeth McCausland, a través dun artigo periodístico que chamaría moito a atención de Berenice, publicado por Elizabeth nun periódico de Springfield, cidade berce de Berenice. Ela mesma comentaría: O primeiro artigo intelixente sobre o meu traballo que apareceu neste país. A carta que escribiría á periodista sería o principio dunha longa relación sentimental. Elizabeth trasladouse a Nova York e foise vivir coa fotógrafa nun apartamento xemelgo situado no mesmo piso, en Commerce Street. Elizabeth foi unha ardente defensora de Berenice, escribiu varios artigos para o xornal republicano Daily, de Springfield, e para o Trena e New Masses (neste último asinaba os artigos co pseudónimo de Elizabeth Noble). Cada unha dedicouse a súa paixón, unha á fotografía e outra á escritura, aínda que as veces traballaron conxuntamente para algún libro de texto e outras publicacións

Finalmente, o apoio para o proxecto, chegaríalle no ano 1935, de mans do Proxecto Federal de Arte (FAP), un programa creado para axudar a artistas da Works Progress Administration (WPA), como parte do New Deal (Proxecto lexislativo de política económica posto en práctica polo Presidente estadounidense Franklin D. Roosevelt entre 1933 e 1940 para rescatar aos EUA da Gran Depresión). Neste programa Berenice dispoñía dun equipo de investigadores que a axudaban a crear os textos e os debuxos que acompañaban a cada unha das imaxes, o que lle permitía dedicar todo o seu tempo á produción, impresión e visionado das súas fotografías. Baixo o título Cambio de Nova York gárdase un vasto rexistro documental da cidade e unha obra de arte persoal. Oitenta das 305 fotografías que constitúen este proxecto foron seleccionadas para a exposición que anos máis tarde realizaría o Museo da Cidade de Nova York. Berenice centrouse nos contrastes entre o vello e a nova estrutura da Cidade. As súas imaxes alternan unha visión estética que se caracteriza por un énfase nos detalles e perspectivas audaces e un estilo máis documental. Máis que un enfoque nostálxico, a miúdo exercido sobre puntos de referencia dunha cidade e lugares típicos, este conxunto ofrece unha explotación da natureza da modernidade e céntrase nas formas en que o pasado e o futuro están temporalmente unidas entre si. Buscando reinventar as formas e funcións da fotografía en relación coa práctica documental, Berenice estableceu para capturar a “inmediata desaparición” xustapoñendo motivos dunha cidade suxeita a un proceso sen precedentes de demolición e reconstrución.

No verano de 1935, Berenice viaxou xunto con Elizabeth McCausland pola estrada ata o Sur dos EE.UU. Contratada pola Farm Security Administration (FSA) co fin de crear un proxecto dunha zona rural que reflectira o mundo da crise. A este conxunto de imaxes nominounas como “Escena americana”. Esta vez Berenice centrouse nas modestas casas de madeira e os agricultores. Ambas mulleres vían este proxecto fotográfico como algo ambicioso que se podería converter na publicación dun libro, pero nunca chegou a ocorrer.

No ano 1937, o Museo da Cidade de Nova York montou unha exposición coas fotografías do seu proxecto Cambio de Nova York. No seguinte ano, co fin de sacar proveito ós cincuenta millóns de visitantes que se esperaban para a Feira Mundial de Nova York de 1939, a editorial E.P. Dutton propuxo levar a cabo unha selección dun centenar de imaxes do proxecto acompañadas dun texto escrito pola súa compañeira Elizabeth McCausland. O proxecto previsto inicialmente polas dúas mulleres foi modificado pola editorial, cambiando a presentación das fotografías e converténdoa nunha guía turística, rompendo a cidade nunha serie de rutas e de viaxes de norte a sur e do centro ó exterior. O texto tamén foi despoxado da súa poética e das súas dimensións pedagóxicas deixando só a parte da información relacionada cos edificios que aparecían nas fotos.

Continuou centrándose na fotografía de arquitectura urbana ata o ano 1940, no que comezou a inclinarse pola fotografía científica, un dos seus proxectos máis ambiciosos. Ela era consciente de que estabamos entrando nunha era científica onde a fotografía cumpriría un papel moi importante de difusión e, a pesar da súa falta de formación no campo continuou no seu empeño. Seguiu cursos de química e de física. Durante este período fotográfico, uns vinte anos, realizou extraordinarias e dificilísimas fotografías, retratando campos magnéticos, corpos en movemento, pompas de xabón, correntes de aire. Traballaba cunha cámara especial que ela mesma puxo a punto, a Supersight Camera, unha máquina fotográfica enorme que lle permitiu imaxes de moi alta definición. Traballou para a Universidade de Cambridge e no ano 1944 foi contratada como xefa do departamento de fotografía, pola revista Ciencia Illustrated onde publicou algunhas das súas imaxes.

Berenice Abbott tiña certo talento para inventar técnicas e deseñar novos equipos para outras fotógrafas e fotógrafos. No ano 1947 fundou House of Photography, sociedade a través da cal vendía os seus inventos, como o Autopole, a cinta adhesiva dobre para pegar as fotos, o famoso chaleco multipetos ou o Abbott Distorter que deforma a pracer as imaxes durante a impresión. Non se enriqueceu coa sociedade, o que lle interesaba era a parte técnica do traballo, ela non estaba feita para os negocios.

Ó longo de 1954 percorreu o que se coñece co nome de Ruta 1. Unha viaxe pola estrada máis longa de EE. UU. que percorre 3.813 km. da costa este, partindo dende o sur en Florida, ata Maine, no norte na fronteira co Canada. Visitou os pequenos pobos polos que pasaba e as cidades en expansión, nos que tomou unhas 2.400 fotografías nas que se reflicten a arquitectura antes da guerra e a nova arquitectura na estrada. Pouco máis tarde desta viaxe Berenice someteríase a unha operación de pulmón, tendo que saír da cidade de Nova York para evitar a contaminación do aire. Trasladouse a Blanchard, Maine, onde mercou unha casa situada ás marxes do río Piscataquis, máis adiante trasladaríase a veciña Monson, na que permaneceu ata a súa morte.

Como contestación ó lanzamento soviético do Sputnik ó espazo exterior no ano 1957 e o apoxeo da Guerra Fría, a Fundación Nacional da Ciencia creou un Comité de Estudo de Ciencias Físicas no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) que encargou a Berenice unha serie de materiais fotográficos para un novo manual escolar sobre Física. Acometeu o traballo durante dous anos, no que estivo fixando coa cámara o movemento ondular e outros fenómenos físicos, realizando fotografías innovadoras para ilustrar os principios da mecánica cuántica. Usando formas abstractas foi capaz de explicar visualmente complexos conceptos e leis mecánicas invisíbeis. Como non existían tecnoloxías para levar adiante este tipo de instantáneas, tivo que idear dispositivos especiais para fotografar estes fenómenos físicos.

Unha vez rematado o manual, toda a súa colección de fotografías científicas foron mercadas polo Instituto Smithsonian en 1960. A exposición bautizada co nome de Imáxenes da Física xerou tal interese que se tomou a decisión de organizar unha exposición ambulante. As imaxes foron distribuídas polos museos e escolas de todos os Estados Unidos.

Na década dos sesenta retírase a vivir a Maine, cidade da que Berenice se namorara durante a reportaxe fotográfica realizada pola Ruta 1. Aquí mercara unha gran casa de madeira rodeada por un bosque. Ó principio foi só unha casa de verán, porque Elizabeth prefería a cidade, pero despois da súa morte, en 1965, pasou a ser a súa residencia principal. Nesta casa, cun gato como única compaña, recibiu ás súas amigas e amigos. Neste lugar asumiu un novo proxecto fotográfico co fin de captar a verdadeira vida e plasmar a cultura do pobo, o que quedou reflectido no libro Un retrato de Maine, publicado no ano 1968.

Como consecuencia do traballo que lle producía as peticións de impresión e revelado das súas fotos dos anos trinta, rematou cedendo todo o seu arquivo a un coleccionista que máis tarde o vendería aos grandes museos americanos.

No ano 1989 recibiu o premio International Center de Lifetime Achievement da fotografía.

Aínda que se consideraba xubilada, dende a súa última publicación “Un retrato de Maine”, Berenice continuou tomando fotografías e gozando dunha vida social activa ata a súa morte en 1991, en Monson, Maine, o nove de decembro, aos noventa e tres anos de idade.

OBRA:

Cando Berenice Abbott comezou a fotografar, a fotografía aínda non estaba considerada como unha forma de arte seria e, moito menos, as mulleres que se dedicaban a exercela.

Foi unha das fotógrafas que ó longo dos sesenta anos de carreira abrangueu máis tipos de traballos que calquera outra persoa na historia da Fotografía americana e que destacou en todos e cada un deles: retratos, imaxes documentais da vida americana e fotografía científica para ilustrar textos de revistas e libros. Ademais tamén exerceu como inventora de aparellos técnicos relacionados coa fotografía, escritora, activista, historiadora e profesora.

Berenice Abbott foi un membro comprometido da vangarda de principios de 1920 e unha firme opositora do pictorialismo e a escola de Alfred Stieglitz. Abbott pasou todo a súa carreira explorando os límites e a natureza da fotografía documental.

Os seus retratos significábanse porque retrataba as mulleres con certo aire de ambigüidade, con corte de pelo ou roupa masculina, transmitindo deliberadamente unha sensación de incerteza con respecto a súa identidade. Na composición dos seus retratos, Berenice desenvolveu unha estética distintiva, moi pouco convencional, moi lonxe da comercial habitual. Os fondos que utilizaba eran paredes lisas, o que axudaba a centrarse no corpo e a expresión facial das persoas que posaban. O uso do trípode e un obxectivo colocado á altura dos ollos, permitíalle evitar as distorsións e polo tanto incrementar a presencia física dos modelos. O seu traballo foi exhibido xunto co de Man Ray, André Kertész e outros no Primeiro Salón da Fotografía Independente, e no vestíbulo do Teatro dos Campos Eliseos, en París. Tamén formaría parte da Exposición de Fotografía Modernista realizada nos anos 1928-9 en Bruxelas e en Alemaña.

O primeiro proxecto fotográfico e un dos máis coñecidos de Berenice foi o traballo de documentación que fixo sobre a cidade de Nova York, nomeado Cambio de Nova York, publicado no ano 1939 e considerado pola crítica como o mellor no campo da fotografía documental. Un proxecto que lle levaría rematalo uns dez anos (1929-1939), aínda que seguiría realizando fotografías de Nova York ata 1956. As primeiras fotografías que fixo estaban tomadas cunha cámara pequena, pero a partir de 1932, fíxose cunha cámara Century Universal con negativos 8×10 polgadas que lle permitiu ampliar o alcance do seu proxecto. Neste proxecto advírtese a influencia que, o traballo de Atget sobre París e arredores, exerceu sobre a fotógrafa. Algunhas das imaxes que forman parte del, convertéronse en iconas, como o “canón” creado pola estreita Exchange Place, a espléndida contorna do edificio Flatiron, a fachada do restaurante Blossom na que se ve a un camareiro saíndo enfurruñado, entre outras. Ademais documentou todas as fases de construción do Rockefeller Center.

Berenice non restrinxiu as súas actividades documentalistas á cidade de Nova York, sendo unha observadora atenta da escena americana. En 1932, viaxou por toda Nova Inglaterra ao longo da Costa Este, para documentar algunhas cidades que existían antes da Guerra Civil. A mediados dos anos 1930 documentou a zona Centro-Oeste e Sur de Estados Unidos e no inicio da década de 1950 a US Route 1, dende Fort Kent, Maine ata Key West, en Florida, onde 2.400 fotografías informaron sobre as vilas e pequenos pobos por onde ía pasando. Máis tarde, na década dos setenta, documentou a cidade de Maine, fotografando a vida e cultura do lugar, que quedou reflectido no libro titulado: Un retrato de Maine, publicado no ano 1968.

A mediados da década dos corenta emprendeu o seu proxecto máis notable, dedicándose á fotografía de fenómenos científicos, contribuíndo coas súas imaxes á difusión da ciencia en todos os EE. UU. Berenice foi unha das primeiras en facer incursión nas fotografías artísticas sobre fenómenos físicos e químicos. Sentía o proxecto da fotografía científica como a culminación da súa obra. Este proxecto é un dos máis sobresaíntes e innovadores de toda a súa obra e foi fundamental na creación de novos métodos de ensino da Física combinándoos coa excepcional visión de fotografías case abstractas.

Ao longo da súa vida realizou múltiples exposicións:

  • Exposición individual na Weyhe Gallery, New York, NY, novembro 1930
  • Fotografías de New York New York por fotógrafos (grupo) na Julien Levy Gallery, New York, NY, 2 de maio – 02 de xuño de 1932
  • Fotos por Berenice Abbott en Julien Levy Gallery, New York, NY, 26 de setembro – 15 de outubro de 1932
  • Nova York Fotos por Berenice Abbott no Museo da Cidade de Nova York, New York, NY, outubro de 1934 – xaneiro 1935
  • Nova York Fotos por Berenice Abbott no Museo de Belas Artes, Springfield, MA, marzo 1935
  • Nova York Fotos por Berenice Abbott en Jerome Stavola Gallery, Hartford, CT, Abril 1935
  • Nova York Fotos por Berenice Abbott en Fine Arts Guild, Cambridge, MA, 10-15 abril de 1935
  • Cambiando Nova York, Washington Circuíto, proxecto federal da arte, exposición itinerante de 1936
  • Cambiando New York no Museo da Cidade de Nova York, New York, NY, 20 de outubro de 1937 – 03 de xaneiro de 1938
  • Cambiando New York no Teachers College Library, New York, NY, novembro 1937
  • Exposición individual na galería Walker D. Hudson, New York, NY, Abril 1938
  • Cambiando New York en New York State Museum, Albany, NY, xullo 1938
  • Cambiando New York Federal no Art Gallery, New York, NY, 11-22 abril, 1939
  • Exposición individual na Architectural League, New York, NY, Abril 1939
  • Cambiando New York en Lawrenceville School, Lawrence Township, NJ, maio 1939
  • Cambiando New York no Photo Gallery League, New York, NY, de xullo de 1939
  • Cambiando New York en New York State Servizo de Emprego, New York, NY, novembro-decembro 1939
  • Cambiando New York en Walton bacharelato, New York, NY, decembro 1939
  • Fotografías de New York por Berenice Abbott en A Unión Biblioteca Cooper, New York, NY, 25 de novembro – 09 de decembro de 1940
  • Berenice Abbott: Río Vermello Fotos en Hudson D. Walker Gallery, Provincetown, Massachusetts, 24 agosto – 6 setembro de 1979.

Algúns dos seus proxectos publicados:

  • Cambiando New York New York: Dutton, 1939. Con texto Elizabeth McCausland.
    • Reimpresión: New York nos anos trinta, como Fotografado por Berenice Abbott (New York: Dover, 1973).
    • Grandemente aumentada, edición anotada: Bonnie Yochelson, ed, Berenice Abbott: Cambiando New York (New York: New Press e do Museo da Cidade de Nova York, de 1997.
  • Greenwich Village: Onte e Hoxe New York: Harper, 1949. Con texto por Henry Wysham Lanier.
  • A Portrait of Maine Nova York : Macmillan, 1968. Con texto Chenoweth Hall.

Outros libros de ou con contribucións importantes de Berenice Abbott:

  • Atget, fotógrafo de París: Henri Jonquières; New York: E. Weyhe, 1930. (Como editor fotografía)
  • O Universo atractivo: Gravidade ea forma do espazo Cleveland: Mundo de 1969. Con texto G. Evans Valens.
  • Unha Guía para a Mellor Fotografía New York: Crown, 1941. Edición revista: Novo Guía de fotografía mellor (New York: Crown, 1953).
  • Madrid Cleveland: Mundo de 1984. Con texto G. Evans Valens.
  • Movemento Londres: Longman Young, 1965. Con texto G. Evans Valens.
  • Vinte fotografías por Eugène Atget 1856-1927.
  • The View Camera Made Simple Chicago: Ziff-Davis, 1948.
  • A Vision of París: As fotografías de Eugène Atget, as palabras de Marcel Proust. Nova York: Macmillan, 1963. Editado por Arthur D. Trottenberg.
  • O mundo de Atget New York: Horizon, 1964. (E edicións posteriores).
  • “Berenice Abbott.” Alemaña/New York: Steidl de 2008. Berenice Abbott. Editado por Hank O’Neal e Ron Kurtz.

ALGUNHAS FOTOS:

FONTES:

Páxinas web:
Prensa:
Vídeos en inglés:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta