Ruth Matilda Anderson (1893-1983)

retrato-composicion

Ruth Matilda Anderson destacou por ser unha fotógrafa documental e etnográfica, estudosa das tradicións populares conservadora e experta no traxe típico español. O resumo da súa vida nestas páxinas está centrado nas viaxes que realizou a Galicia enviada pola Hispanic Society of America.

VIDA:

Ruth Matilda Anderson, naceu o oito de setembro de 1893, na cidade de Kearney, condado de Búfalo, no estado de Nebraska, o coñecido como salvaxe oeste americano, onde se estableceron a maioría dos emigrantes procedentes de Francia, Europa do Este, Noruega e de Suecia, de onde eran os antepasados de R. A. Anderson.

O seu pai Alfred Theodore Anderson, fotógrafo de profesión, e a súa nai Alma Matilda Wickstrom, tiñan un estudo fotográfico como única fonte de ingresos no que axudaban, ademais de Ruth as outras dúas fillas Miriam e Theodora.

Durante os anos 1911 e 1912, Ruth estudou arte na Universidade de Nebrask, volvendo a Kearney no ano 1915 para conseguir o certificado do Colexio para Profesores que a cualificou para ensinar arte e música nas escolas públicas.

Pasados dous anos, no 1918, marchou a estudar en Nova York, nunha das escolas de fotografía máis importante, a Clarence White School of Photography, onde Anderson recibiu clases do propio Clarence H. White e de Paul Anderson, entre outros, e tomou contacto con artistas da talla de Max Weber e Edward Steichen. Graduouse no ano 1919 e traballou durante un tempo como diseñadora de interiores.

En 1921 comezou a traballar contratada como fotógrafa na Hispanic Society of America, en Nova York (centro dedicado a documentar o mundo hispano creado no ano 1904 polo filántropo americano Archer Milton Huntington), recomendada polo propio Clarence H. White. Permaneceu nesta empresa ata pouco tempo antes de morrer, ocupando numerosísimos cargos. No 1922, ó seguinte ano de comezar a traballar, nomeárona Conservadora da Fotografía, posto que ocupou ata 1924. A partir deste ano e ata o 1954, período que estivo de expedicións, adxudicáronlle tamén o cargo de Persoal Investigador e no ano 1954 pasou a ocupar o cargo de Conservadora de traxes na que era unha auténtica experta.

O interese por incrementar e sistematizar a información sobre os costumes e as xentes de España, levaron á dirección da Hispanic Society a suscitar un traballo específico, integrado dentro da colección Peninsular Series da súa liña editorial, recaendo o cargo sobre Ruth M. Anderson.

En total, fixo cinco viaxes importantes a España durante a década dos anos vinte por encargo da Hispanic Society of América:

  • 1923: A súa primeira viaxe, cun grupo de colaboradoras que lle serviu de iniciación, experiencia e aprendizaxe.
  • 1924-1925: Visitou Galicia e Asturias acompañada do seu pai Alfred T. Anderson.
  • 1926-1927: Visitou Galicia, León e Extremadura.
  • 1929-1930: Visitou ademais de España, Portugal e Marrocos.
  • 1948-1949: Visitou ademais de España, Portugal e Brasil.

Meses antes de cada viaxe comezaba a revisar o material necesario na biblioteca da Sociedade co obxectivo de trazar itinerarios a seguir; coñecer a flora e a fauna; estudar xeograficamente cada provincia, as súas comarcas e límites. Buscou datos das industrias tradicionais, as costumes típicas, as celebracións e festividades relixiosas ou civís máis importantes. Informouse sobre a historia, a arquitectura, as obras de arte e a literatura de cada lugar. De feito o traballo de campo que Ruth A. Anderson fixo en Galicia e que incorporou aos fondos da Sociedade, dificilmente se podería conseguir de outra forma.

Desenvolveu esquemas de investigación onde compilaba os obxectivos do seu traballo e a fórmula a seguir para levalos adiante. Como indica Noemí Espinosa Fernández na súa tese doutoral sobre Ruth M. Anderson: Os temas non variaban, tratábase normalmente de cinco apartados que ían do xeral ó particular, enfatizando na busca das peculiaridades de cada lugar. A cidade dividíaa en seis puntos, comezando cunha introdución histórica que definía o lugar e ós seus habitantes. As visitas xerais do lugar concretábanse con instantáneas de edificios e monumentos e, unha vez creado o marco xeográfico e histórico, chegaban as escenas populares con exemplos específicos sobre o traxe, o seu interese prioritario, pero tamén os obxectos e utensilios enmarcados na vida doméstica e no traballo cotiá.

Cada un dos negativos que realizou ía acompañado de notas explicativas, recollidas na maioría dos casos directamente da xente do lugar que lle proporcionaba eses datos. Esta metodoloxía de traballo facilitou moito a catalogación e a conservación dun repertorio exhaustivo sobre a cultura popular galega.

Recorreu, sempre que o necesitou, a persoas importantes das localidades para que a informaran e a documentaran. Sobre isto Noemí Espinosa Fernández na súa tese doutoral sobre Ruth M. Anderson documenta: As dúas expedicións a Galicia entre os anos 1924 e 1926, xeraron un impresionante fondo documental, co que podemos ilustrar con claridade o tema dos informantes. Por exemplo, o canónico da catedral de Santiago de Compostela, Robustiano Sández, escribiu unha serie de cartas de presentación, unha delas estaba dirixida a Fernando Álvarez de Sotomayor, que nese momento era director do “Museo do Prado”. Outro dos seus amigos galegos foi José Otero Rúa. Este home que traballaba como inventor na “Diputación Provicinal de Pontevedra”, ademais de informarlle sobre a historia local, púxoa en contacto cunha serie de coñecidos personaxes galegos como o escultor pontevedrés, Francisco Asorey, os intelectuais, Castelao e Antón Losada Diéguez.

A muller galega tivo unha influencia definitiva na visión que Ánderson obtivo sobre o ámbito rural. Eran unhas informantes privilexiadas, xa que o escenario das súas imaxes desenvolvéronse primordialmente nesta contorna, na contorna das poboacións secundarias, das pequenas localidades, destacando a figura feminina.

A primeira vez que viaxou a Galicia desembarcou en Vigo o sete de agosto de 1924 acompañada do seu pai. Estiveron percorrendo Galicia durante todo un ano acumulando unhas 5.000 fotografías. A segunda vez volveu o catorce de novembro de 1925, acompañada dunha axudante, Frances Spalding. Esta vez dispoñían de coche e estiveron ata o 31 de maio do ano seguinte fotografando o que lles quedara pendente na Coruña e Pontevedra, antes de seguir ata Ourense e de aí a León. Volvería a España, pero non a Galicia.

Durante os meses da estancia en Galicia, Ruth revelaba os negativos nun laboratorio de campaña no propio cuarto do hotel ou da pousada onde paraba. Para as fotografías en cor, sempre de traxes rexionais e realizadas a plena luz do sol, dada a baixa sensibilidade das emulsións, enviaba as placas a procesar ós Estados Unidos. Os negativos en branco e negro, unha vez revelados e clasificados, tamén eran expedidos por lotes á Hispanic Society. Nestes envíos non faltaban series de fotografías de autores galegos -Saravia, Pacheco, Zagala, Ksado, Ferrer- mercadas coa intención de enriquecer o arquivo gráfico do museo.

José Luís Cabo escribiu respecto ao traballo de Ruth M. Anderson no Proxecto Galego que elaborou para o CGAI: En tódolos seus itinerarios, Ruth buscou sempre un país incontaminado, seguindo en certa forma un criterio folclorista e impresionista, escapando coa súa cámara dos escenarios comúns ó resto das ciudades occidentais. A diferenza, é dicir, a personalidade, do pobo galego atopouna nas xentes do campo e do mar e nos oficios urbanos artesanais ou de menor categoría, moi na liña dos fotógrafos contemporáneos norteamericanos e coincidente co obxectivo definido pola “Hispanic Society”: a plasmación do que había de xenuíno e verdadeiro no pobo e nas terras de Galicia.

Despois das viaxes realizadas a Galicia, Ruth M. Anderson dedicou as seguintes a especializarse na historia do traxe en España. Entre 1927 e 1928 viaxou por Extremadura, acompañada de novo por Frances Spalding, con fins similares ós de Galicia, pero xa moi centrada no estudio do traxe popular ó mesmo que nas viaxes realizadas entre 1929-49, que se materializaron en 1951 coa publicación do seu libro Spanish Costume: Extremadura. A compilación das súas investigacións históricas sobre o traxe español, manual de consulta obrigado nesta materia, editouse en 1979, catro anos antes do seu falecemento, co título de Hispanic Costume 1480-1530.

Dedicou sesenta anos da súa vida ao servizo da Hispanic Society of America e con ela seguiu colaborando como conservadora emérita ata poucos anos antes de morrer, en Nova York, ós 90 anos, en 1983.

OBRA:

A súa obra revélanos como era Galicia, España en Xeral, coas súas paisaxes, e as súas xentes nun momento político-económico de gran inestabilidade, dunha sociedade que comezaba a modernizarse pouco a pouco, nun panorama anterior á Guerra Civil.

Entre todos os temas que documentou, resaltar o protagonismo que tiveron as mulleres e os nenos. Fotografou ás mulleres no interior da súa casa, mentres desenvolvían tarefas domésticas, pero tamén fora dela, no campo, cando realizaban labores agrícolas e gandeiras; no mar, cando mariscaban, arranxaban as redes, descargaban barcos ou axudaban a subir os barcos á terra. Retratounas nos mercados, onde levaban a vender os produtos dos traballos anteriores. Preocupouse por transcribir os testimonios que lle transmitiron esas mulleres e nenos engadindo as súas propias impresións.

A súa obra merece ocupar un lugar destacado dentro dos estudos sobre o folklore, pola novidade que supuxo a súa recopilación fotográfica das costumes tradicionais que conseguiu perpetuar e que no seu tempo foi recoñecida por algúns dos máis consolidados estudosos.

No seu voluminoso legado consérvanse textos e documentación que utilizou posteriormente para consultar diariamente e para os traballos que publicou.

Os seus traballos máis temperás estruturáronse en monografías de imaxes acompañadas de frases explicativas ou textos pouco extensos, como a serie de Folders y Portfolios (trátanse de folletos con imaxes que documentan temas concretos como, a indumentaria, a cerámica, o bordado, o acibeche, o traxe de voda ou as xoias de muller).

Na súa obra escrita referida a Galicia destaca o texto Bread Making. La industria del pan. (Galicia 1924-1926). Un texto inédito que Noemí Espinosa Fernández na súa tese doutoral sobre Ruth M. Anderson analiza con todo luxo de detalles. Este texto está acompañado de fotografías onde Anderson amósanos os diferentes aspectos da industria do pan en Galicia, centrándose na vila de Cea, en Ourense.

José Luís Cabo, no seu Proxecto Galego escribiría: A obra de Ruth M. Anderson non vería a luz ata 1939, publicada en forma de libro pola Hispanic Society, baixo o título de “Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña”, con preto de 700 fotografías e un documentado e atractivo texto. Recolle exclusivamente as viaxes realizadas por estas dúas provincias, quedando fóra as de Ourense e Lugo, presente, sen embargo, tanto nos seus itinerarios como no arquivo fotográfico da “Hispanic Society”. O fundamental ensaio de Ruth M. Anderson non tivo na práctica trascendencia algunha en Galicia, tanto pola coincidencia da súa data de publicación co último ano da “Guerra Civil” como polo forzado illamento cultural posterior. Só algúns eruditos, como Luis Seoane, deron mostras públicas, anos despois, de coñecer o traballo de Ruth M. Anderson. Para a fotografía galega nunca existiu. Perdeuse así a posibilidade de establecer un modelo de comportamento que tería aforrado non poucos esforzos baldíos nas décadas posteriores.

Como resultado dunha óptima investigación desenvolvida durante anos e baseada no traballo individual de indagación e o contacto directo co tema e estudar, no ano 1951 publicou o seu libro Spanish Costume: Extremadura. Quedando así, con esta publicación, recoñecida a súa erudición sobre o tema dos traxes rexionais.

No ano 1979 publicou un dos libros polo que é máis recoñecida nos Estados Unidos: Hispanic Costume, 1480-1530. New York: Hispanic Society of America, un dos escasos manuais sobre moda española dende o punto de vista histórico escritos en inglés.

No ano 2004 o Museo Extremeño de arte Contemporáneo (MEAC) e a Hispanic Society of America, xunto co Dr. Lenaghan como principal responsable, organizaron unha exposición e publicaron un catálogo titulado, In the Lands of Extremadura. Ruth Matilda Anderson’s Photographs, contendo no mesmo unha selección de fotografías realizadas en Extremadura no transcurso de dúas expedicións, a do 1927-28 e a do 1948-49. Incluíronse os itinerarios da viaxe e unha selección de notas, así como a análise dos propósitos de Huntington co respecto á colección.

O Dr. Lenaghan (un dos expertos na figura de Ruth M. Anderson) investigou ampliamente a súa obra en Galicia, Extremadura e León. No seu libro titulado Unha mirada de antaño (2010) concentrouse nos traxectos por Galicia entre 1924 e 1926 e publicou unha extensa selección de imaxes, ademais de textos e notas do diario do pai, o seu compañeiro de viaxe nese momento.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

Arquivos en formato PDF:

Vídeos:

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta