Mary Quintero

composicion-cabeceira-artigo-blogFotógrafa pioneira galega coñecida a nivel internacional, que con 15 anos fixo a súa primeira exposición fotográfica, sendo requirida como relatora en congresos celebrados dentro e fora da península, en Europa e América como vangarda no uso da tecnoloxía e o retoque.

Resumo biográfico:

Mary Quintero (Melide, A Coruña 1931) iniciouse no campo da fotografía cos seus pais, fotógrafos de profesión, que a enviaron a Madrid para rematar a súa formación con Pedro Jaraba e Carlos Pascual de Lara.

Con quince anos realizou a súa primeira exposición, e antes de cumprir os vinte era xa unha fotógrafa recoñecida en toda Galicia polos excelentes resultados que obtiña no coloreado das súas fotografías desde o seu estudio vigués, onde se estableceu no ano 1954.

Foi vangarda na utilización de tecnoloxías como o proxector de fondos e na elaboración dunha nova técnica de retoque fotográfico para a fotografía en cor.

Durante máis de sesenta anos de profesión traballou a fotografía analóxica –en branco e negro e en cor– e a dixital; realizou múltiples exposicións, colaborou como relatora en numerosos congresos e seminarios celebrados ao longo de todo o Estado Español, Europa, Rusia e mesmo América do Sur; obtivo o recoñecemento dos seus compañeiros de profesión en numerosas ocasións e recibiu múltiples galardóns, entre os que destacan o Premio ao Mellor Fotógrafo de España, a Granada de Ouro, a Medalla de Meritxell, «La novia del año Kodak» 1986, o Óscar do ano en 1990 e 2005, o título de Viguesa Distinguida en 1994, a Medalla de Ouro e Brillantes de Sevilla e a Medalla de Galicia. Protagonizou portadas de revistas como “Foto Profesional”, “Galicia Moda”, “Hiposulfito” ou “Revelador”, entre outras.

O meu acercamento á fotógrafa:

portada-libroAchégome a Mary Quintero por mediación dun familiar. A idea orixinal era recoller toda a información e material posible para a súa posterior publicación neste blog, pero pronto quedei seducida pola súa vitalidade, pola súa paixón polo traballo ben feito, pola súa exemplar traxectoria empresarial, profesional e familiar. Ambas acabamos involucrándonos na realización dun proxecto cuxo resultado ten hoxe forma de libro, publicado na editorial Xerais: “Mary Quintero, retratista desde os 15 anos”, a súa biografía acompañada dunha selección de máis de 250 fotografías que abrangue os máis de sesenta anos de profesión.

Mary Quintero non é só unha boa profesional da fotografía e unha emprendedora naqueles anos tan difíciles, senón que, nesas épocas de exclusión da muller, foi quen de destacar entre os seus compañeiros de profesión. Durante moitos anos foi a única presenza feminina nos congresos e convencións que a industria fotográfica realizaba. Era requirida como relatora para expoñer os seus coñecementos e as súas prácticas diante dos máis importantes fotógrafos españois e internacionais. O seu labor profesional sería recoñecido e premiado non só na península Ibérica senón tamén en parte de Europa e Sudamérica.

Para valorar na súa xusta medida os logros conseguidos e as dificultades que tivo que superar, basta volver a mirada aos tempos nos que lle tocou desenvolver as súas actividades como fotógrafa, tempos caracterizados por unha situación xurídica, claramente desigualitaria para a muller que a abocaba á familia como destino natural e que se prolongou durante os corenta anos da ditadura, sen apenas modificacións. Unha anécdota altamente significativa desta situación era que as mulleres que remataban a carreira de dereito non podían exercer como avogadas, nin representar xurídicamente a unha rea ou a un reo, como avogadas de oficio, sen o permiso previo dos seus maridos si estaban casadas. Afortunadamente Mary Quintero tivo a sorte de nacer no seo dunha familia que se rexía por outro tipo de valores, os do respecto ao desenvolvemento persoal independentemente da condición por sexo, e tamén, a de ter casado con José Álvarez, unha persoa que a apoiou sempre no seu desenvolvemento profesional.

Para rematar este achegamento a súa figura e dar paso as ligazóns onde se pode ampliar moito máis o coñecemento desta pioneira da fotografía, quero indicar dúas citas que definen e posicionan no mundo da fotografía a obra de Mary Quintero:

  • Na primeira, Francisco Torres Díaz, autor do libro “Un siglo de fotografía en España”, destacou a Mary Quintero como unha das fotógrafas da década dos sesenta máis sobresaíntes en retrato dentro do panorama español, xunto a nomes doutros países como Helmut Newton (fotógrafo australiano, considerado como un dos máis importantes do século XX) ou David Hamilton (fotógrafo inglés, famoso por posuír un estilo onde predominaban as cores suaves, atmosferas esvaídas e o gran groso, coñecido como hamiltoniano).
  • Na segunda, a revista “Hiposulfito”, publicación estatal de FEPFI (Federación Española de Profesionais da Fotografía e a Imaxe), no ano 1994, con motivo do recoñecemento como Viguesa Distinguida, ademais de destacar a súa produción artística, a súa profesionalidade e o seu estilo, dicía: “Se Mary Quintero nacese nos EE. UU., multitude de libros internacionais incluirían o seu nome xunto a Hamilton, Lord Sowdon, Yussuf Karsh, Steinchen, Sarah Moon ou Hideki Fujil e sería coñecida en todo o mundo. Como naceu en Vigo, a súa fama só transcendeu aos países contiguos (Francia e Portugal) e a América do Sur, onde a través de conferencias e demostracións, significouse como un exemplo do retrato comercial español”.

Despois de moitos anos, Mary Quintero ve compensado o seu labor entrando na Historia de Galicia a finais de 2015, no mes de outubro, como un dos nomes propios da historia da fotografía galega xunto con Virxilio Viéitez, Manuel Ferrol ou Ramón Caamaño, nun acto onde lle entregaron tal distinción, organizado pola Deputación da Coruña. Tamén hai uns días, no mesmo mes, pasou a engrosar o listado do Album de Mulleres que publica o Consello da Cultura Galega.

A data de hoxe, decembro de 2015, Mary Quintero ademais de seguir asistindo aos actos onde é requirida, continúa a súa relación coa fotografía a través dos pinceis, convertendo eses detalles que capta coa súa cámara en preciosas pinturas abstractas, onde a composición, a luz e a cor quedan reflectidas de forma maxistral.

ALGUNHAS FOTOGRAFÍAS:

Páxina web de Mary Quintero

Galería de fotografías do Álbum de mulleres de Consello da Cultura Galega

PARA SABER MÁIS:

Libros:

  • “Mary Quintero, retratista desde os 15 anos”, editado por Edicións Xerais de Galicia, S. A., 2015: Este libro contén os máis de sesenta anos de profesión de Mary Quintero. Nel recóllense datos privados e técnicos, referencias a artigos periodísticos e anécdotas contadas pola propia fotógrafa. Inclúe máis de 250 fotografías que van dende o branco e negro ó dixital, pasando pola fotografía coloreada e a de cor.
  • “Álbum de Carnaval”, editado por Grupo Foto, 1987.
  • “Así os viu a súa cámara”, editado polo Concello de Vigo, Concellaría de ultura, Educación e Muller, 1995.

Páxinas web:

Vídeos:

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta