Imoge Cunningham (1883-1976)

1_imogen_cunningham_blog

Imogen Cunningham é unha das fotógrafas máis brillantes e prolíficas de toda a historia da fotografía. É coñecida polos seus retratos, imaxes botánicas e paisaxes industriais, ademais de polo amplo traballo de investigación sobre a química da fotografía.

VIDA:

Imogen Cunningham naceu o 12 de abril de 1883 en Portland, Oregón. Foi a primeira filla de Isaac Burns Cunningham e Susan Elizabeth Johnson. Os seus país puxéronlle Imogen en honor á heroína de Shakespeare: Cymberline Imogen.

Comezou a súa carreira fotográfica (unha das más longas da historia da fotografía pola cantidade de anos que viviu) no ano 1901, cando mercou a súa primeira cámara. Unha cámara de 4×5 polgadas, acompañada dun curso da Escola Americana de Arte en Scraton, Pennsylvania. Pronto perdeu interese pola fotografía polo que vendeu a cámara a un amigo. Foi dous anos máis tarde, mentres estudaba na Universidade de Washington, en Seattle, cando inspirada na obra de Gertrude Käsebier volveu a dedicarse á fotografía. Autorretratábase espida nos xardíns do campus universitario cando aínda daba os seus primeiros pasos fotográficos, no ano 1905. Aquí tomou un dos seus autorretratos máis coñecidos onde se amosa espida ó aire libre, tendida na herba.

Sufragou os seus estudos na Universidade fotografando plantas para o departamento de botánica e traballando como secretaria do seu profesor de química, o Dr. Horace Byers, de quen recibiu o consello de estudar esta materia para ter unha base científica, si quería ser fotógrafa.

Imogen Cunningham foi axudante de Edward Sheriff Curtis entre os anos 1907 e 1909 (fotógrafo recoñecido polo seu traballo sobre as tribus indíxenas de Norteamérica publicado nos anos 1907-1930 co nome de The North American Indian). Con el aprendeu a técnica da platinotipia e a retocar negativos.

No ano 1909 gañou unha beca da irmandade de mulleres Pi Beta Phi para estudar na Technische Hochschuyle de Dresde, Alemaña, química fotográfica, baixo a tutela de Robert Luther, un destacado experto en fotoquímica que lle propuxo facer un estudo comparativo entre os distintos métodos da platinotipia. En Dresde concentrouse nos seus estudos e non fixo moitas fotos. No mes de maio de 1910, rematou a súa formación académica e publicou a súa tese doutoral baixo o título O desenvolvemento directo do papel platino para tons sepia, describindo o seu proceso para aumentar a velocidade de impresión, mellorar a calidade dos tons de altas luces e producir tons sepia.

Durante a súa estancia en Europa, visitou en Londres a Alvin Langdon Coburn (membro do grupo Photo-Secession dende 1904, que retrataba a cidade a diferenza das outras persoas do grupo, que se especializaron en retratos, espidos e paisaxes máis típicos da fotografía pictorialista) e a Alfred Stieglitz (fotógrafo Estadounidense que loitou por facer da fotografía unha forma de arte ó mesmo nivel da pintura e a escultura). Xa de volta nos EE. UU. visitou en Nova York, a Gertrude Käsebier. Inspirada por estes tres fotógrafos Imoge Cunningham chegou a formar parte do grupo Photo-Secession.

Ó seu regreso de Europa, no ano 1910, abriu o seu propio estudo en Seatle, onde obtivo un rápido recoñecemento polos seus retratos e o seu traballo pictorialista. Os seus primeiros retratos foron encargos solicitados polas personaxes da alta sociedade, o que evidenciaba o prestixio que tiña na localidade. A súa ampla experiencia no positividado permitiulle elaborar obras de gran beleza, logradas a partir de filtros especiais e retoques manuais (como no caso de El bosque máis aló do mundo, de 1912, unha copia ó platino que representa unha paisaxe bucólica, de clara influencia simbolista, onde dúas figuras femininas esvaecidas entre formas arbóreas parecen emerxer dun paraíso perdido). Relacionouse co mundo artístico da época e baixo a influencia de Gertrude Käsebier creou as máis exquisitas imaxes de estilo pictorialista. É a única fotógrafa que foi membro fundador da Sociedade de Artistas de Seattle. Expuxo con frecuencia nesta cidade e publicou un artigo titulado A Fotografía como unha profesión para as mulleres, onde instaba ás mulleres a emprender carreiras profesionais.

No ano 1913, convertida nunha cobizada fotógrafa expuxo na Brooklyn Academy of Arts and Sciences, en Nova York.

Un ano más tarde, os retratos de Cunningham foron exhibidos na Exposición Internacional de Fotografía Pictórica, en Nova York e un porfolio do seu traballo foi publicado na revista fotográfica de Wilson.

Está considerada como unha das pioneiras do Pictorialismo na costa oeste de Estados Unidos.

Imogen Cunningham casou no ano 1915 co artista e gravador Roi Partridge. Na súa primeira aproximación á fotografía de espidos Roi pousaría como modelo no Parque Nacional do Monte Rainier, en Washinton, para unha serie de fotografías de espidos que foron amosadas na Sociedade de Bellas Artes de Seattle. Aínda que aclamada pola crítica, a sociedade en xeral non estaba de acordo con este tipo de imaxes e Imoge Cunningham non volveu a expoñelas ata 55 anos despois. Nacido o seu primeiro fillo Gryffyd, no ano 1920 pechou o seu estudo para trasladarse co seu marido Roi Partridge a San Francisco, California, onde Roi ensinou no Mills College e onde naceron os seus fillos xemelgos, Rondal e Padraic.

Despois do nacemento dos xemelgos, Imogen Cunninham aceptou a súa primeira misión comercial para fotografar o Adolph Bohm Ballet Intime.

É nesta época cando redefine o seu estilo cara unha visión claramente moderna, tomando un maior interese polo estudo das formas e o detalle, eliminando os enfoques suaves característicos dos seus comezos pictorialistas. Entre os anos 1923 e 1925, experimentou sen descanso con magnolias, calas, aloes e cactus no xardín da súa casa, converténdoo na súa principal fonte de inspiración. Alí fotografou algunhas das súas obras máis coñecidas como Flor de Magnolia ou Dúas Calas (ambas de 1925), onde se pode observar como rexistra cada detalle utilizando un enfoque axustado e unha iluminación dramática para conseguir unha imaxe de gran plasticidade e beleza. Ela mesma declarou: Fotografo todo o que pode ser exposto á luz. A razón pola que tomei fotografías de plantas durante estes anos foi porque tiña que coidar tres fillos menores de catro anos. Tiña un xardín dispoñible e as fotografaba no interior.

Ademais da especialidade botánica, sempre sentiu certa predileción pola representación do corpo humano que converteu a través das súas interpretacións persoais nun símbolo de sensualidade en harmonía coa natureza. Os familiares, amigos e artistas, retratados ó longo da súa vida e en repetidas ocasións, convertéronse nos seus modelos máis frecuentes. Entre os seus espidos, ademais da serie que lle fixo ó seu marido Roi, destacan os espidos corporais tomados en primeiro plano, unhas composicións de exquisita delicadeza que consigue a través do tratamento de luces e sombras para articular as formas en espazos xeométricos.

Imogen Cunningham foi incluída na exposición pictórica da sociedade fotográfica no Palacio da Lexión de Honra en San Francisco, California.

No ano 1929 Edward Weston invitouna a formar parte da exposición Film and Foto Exhibition que se fixo en Stuttgart. Esta mostra foi considerada como a primeira exposición máis importante da fotografía moderna europea e americana e contou coa participación de fotágrafas e fotógrafos como Edward Steichen, Berenice Abbott ou Man Ray. Esta mostra na que Imoge Cunningham participou con dez obras (un espido, un estudo arquitectónico e oito imaxes botánicas), proporciounoulle fama internacional, especialmente as súas composicións florais as que titulou PFlanzenformen.

O 15 de novembro de 1932, participou na fundación do Grupo f/64, que foi presentado en sociedade no M. H. de Young Memorial Museum, de San Francisco, xunto a outros dez coñecidos fotógrafos de recoñecido prestixio: Ansel Adams, John Paul Edwards, Alma Lavenson, Edward Weston, Sonia Noskowiak, Consuelo Kanaga, Henry Swift, Williard Van Dyke, Brett Wesston e Preston Holder. Este grupo defendeu a presentación directa da realidade a través de métodos puramente fotográficos; para iso serviuse da menor apertura posible do diafragma (f/64) que podía empregarse nas cámaras que utilizaban, buscando a visión máis definida posible e a maior profundidade de campo. Pese a súa curta duración (o grupo disolveuse no ano 1935), o f/64 influíu moitísimo na traxectoria da artista que nese momento defendía unha fotografía nítida e directa, caracterizada por unha gran profundidade de campo, aínda que o seu afán de experimentación impediu que se amoldara totalmente ó concepto restritivo de fotografía exenta de manipulación que defendía o grupo. Como membro orixinal do Grupo f/64 Imogen Cunningham participou na exposición no M. H. do Young Memorial Museum e realizou unha exposición unipersoal no Museo do Condado de Berkeley, dos Ánxeles.

A partir do ano 1932 no que publicou o retrato da bailarina Marth Graham na revista Vanity Fair, os seus retratos comezaron a ser famosos. Ós seus amigos e amigas, familiares e algúns artistas protagonizaron os mellores pousados da súa traxectoria. Ó longo da súa vida foron moitas as persoas ás que fotografou en máis dunha ocasión, as veces con intervalos de varias décadas. Ademais das persoas do seu entorno máis próximo sumáronse máis tarde o pintor Morris Graves, a campiona de esgrima Helene Mayer, a Modelo Phoenix, o actor Gary Grant, a pintora Frida Kahlo ou a artista Ruth Asawa.

Entre 1933 e 1936, realizou varias viaxes ós Ánxeles e Nova York onde retratou a numerosas celebridades da época, dende os actores Cary Grant, Joan Blondel ou Spencer Tracy ó presidente Herbert Hoover, pasando por numerosos artistas e bailaríns. Nos seus retratos observase como prescinde totalmente dos accesorios e aposta pola caracterización para captar a psicoloxía das personaxes.

Imogen Cunningham traballou de novo en Seattle e expuxo individualmente no Museo da Arte de Dallas e na Galería de Arte EB Crocker, en Sacramento, California.

Comezou a fotografar en cor e as súas fotografías foron incluídas no Photographers Exhibition at Golden Gate International Exposition, Treasure Island, San Francisco.

Durante os anos da guerra vendeu a súa casa en Oakland para establecerse en San Francisco onde montou un estudo na súa casa de Green Street.

Na década dos 1940 Imogen Cunningham volveu a facer fotografía documental compaxinándoa coa fotografía comercial e a de estudo.

No ano 1945 creouse en San Francisco a Escola de Belas Artes de California (CSFA). O proxecto foi ideado por Ansel Adams que encargou a súa dirección ó fotógrafo Minor White. Imoge Cunningham formou parte da nómina desta escola xunto con outras figuras moi importantes do momento, como Dorothea Lange ou Edward Weston. O departamento de fotografía desta escola foi a primeira institución académica do país en establecer un programa de ensino de cara ó exercicio profesional.

Imoge Cunningham coñeceu a Lisette Model no ano 1946, nunha das súas viaxes a Nova York. O estilo creativo de fotografía de rúa que practicaba Model, con detalles dinámicos e recortados, influíu en Imoge Cunningham e animouna a investigar un novo entorno urbano na vida pintoresca que atopaba nos barrios de San Francisco ou de Nova York. Este novo estilo que ela mesma definiu como fotografías roubadas, prolongouse ata os derradeiros anos da súa carreira. Neste tipo de imaxes atópanse claras referencias a fotógrafos como Henri Cartier-Bresson ou Helen Levitt, que patearon as rúas de París ou Nova York en busca da imaxe artística.

No ano 1956 O Museo Internacional da Fotografía, na George Eastman House, en Rochester, Nova York, mercou unha importante colección retrospectiva da obra de Imoge Cunningham coa que organizou unha exposición. Xa con 73 anos de idade, aproveitou eses ingresos para viaxar a Europa Occidental e oriental onde experimentou coa película Polaroid. Nesta viaxe a Europa coincidiu cos fotógrafos August Sancher e Man Ray.

Foi elixida membro da Academia Nacional das Artes e as Ciencias e recibiu o título honorario de Doutora en Belas Artes pola Universidade de California de Artes e Oficios, de Oakland.

Imogen Cunningham xa estaba considerada como unha das fotógrafas máis representativas da Costa Oeste americana durante os últimos anos da súa carreira. No ano 1970, recibiu unha Guggenheim Fellowship para imprimir e restaurar algúns dos seus primeiros negativos. Institucións como o M. H. Young Memorial Museum, de San Francisco e a Witkin Gallery, de Nova York, homenaxearon á artista polo seu noventa cumpreanos e a súa ampla traxectoria fotográfica.

A University of Washington Press, publicou o seu primeiro libro no ano 1973, Imogen Cunningham: Photographs.

No ano 1975 fundou a Imogen Cunningham Trust, unha institución privada dedicada a catalogar, investigar e preservar os seus arquivos fotográficos.

O seu entusiasmo nin sequera decaeu coa idade. Ela mesma confirmou, pasados os noventa anos: A fotografía para min é tan marabillosa que, incluso hoxe, é como si xamais vira unha fotografía.

Nos derradeiros anos da súa vida, Imogen Cunningham embarcouse nunha excepcional serie de fotografías de anciáns que se materializou na monografía póstuma Life After Ninety (A vida despois dos noventa), que recolle unha excelente selección de retratos dedicados a persoas que, como ela, rebasaron a fronteira dos noventa anos. No prólogo do libro, a fotógrafa Margaretta Mitchel a describe: A propia Imogen, ós noventa anos, viu a ser un símbolo vivo de xuventude na vellez: seguía facendo retratos, positivaba case todas as mañás e se mantiña informada das últimas novidades da fotografía a través de outros fotógrafos cercanos ou distantes. O seu traballo non está só na produción de imaxes, estaba tamén nas persoas.

No mes de xuño do ano 1976 morreu en San Francisco ós 93 anos de idade.

OBRA:

A obra de Imogen Cunningham acumulada en máis de setenta anos de traballo fotográfico ao longo dunha vida case centenaria, está marcada polos acontecementos históricos transcorridos nos Estados Unidos durante o tránsito do S. XIX ó XX e as innovacións técnicas desenvolvidas no ámbito da fotografía. É unha das fotógrafas máis brillantes e prolíficas de toda a historia da fotografía.

Observar a súa obra é darlle un repaso á Historia da Fotografía a través de todas as correntes, primeiro porque participou en moitas delas, dende o Pictorialismo ata o mítico Grupo F/64 e, segundo, porque foi unha visionaria que experimentou diversas técnicas regalándonos imaxes que a día de hoxe ségennos a parecer absolutamente contemporáneas.

Na súa etapa Pictorialista é de destacar a serie de fotografías do seu marido Roi, espido. Estas obras constituíron unha das primeiras aproximacións históricas á fotografía masculina do espido. O espido é, sen dúbida, un dos xéneros máis sobresaíntes na súa obra.

Se algo caracteriza a Imogen Cunningham é a súa predilección por traballar en espazos abertos e con luz natural sempre que lle foi posible, facendo así os escenarios das súas imaxes impresionantes e que teñan unha luz con vida propia, onde as sombras toman gran importancia. Neste xogo coa luz natural e os elementos máis esenciais da natureza, descóbrenos que unha simple planta pode ter decenas de fotografías fascinantes e toda persoa pode ser obxecto de varios tipos de imaxes diferentes (segundo se centre no rostro, no corpo, na súa relación co entorno) todos eles moi interesantes. Lonxe das escenografías espectaculares e os esquemas de iluminación complicados que dan un aspecto teatral e demasiado perfecto a moitas das imaxes contemporáneas, as fotografías de Imoge Cunningham podería dicirse que destacan pola súa humanidade, pola súa sinxeleza, pola carencia de alardes técnicos ou de medios, polo seu carácter persoal, pola súa honestidade e sobre todo, pola profundidade da súa mirada.

A exquisita delicadeza coa que Imogen Cunningham trata a forma, a luz e a composición, alcanza cotas de beleza dificilmente superables. Na súa obra hai ángulos de visión orixinais e encadres insólitos que raian a abstracción. As súas fotografías de composicións florais forman parte das súas obras máis coñecidas e entre elas están as obras máis logradas.

No desenvolvemento da súa obra apréciase unha evolución dende as súas primeiras composicións alegóricas e florais, cara ópticas máis próximas, complexas e abstractas.

As súas imaxes de arquitectura e a sorprendente serie de fotografías de serpes no interior dun cubo, parecen explorar patróns inquietantes, surrealistas, onde a xustaposición de curvas, liñas e formas desafían a mirada de calquera persoa que as observe. Igualmente resultan as imaxes de corte futurista, onde as dobres exposicións fascinan pola súa orixinalidade e atrevemento.

A fotografía de rúa ou street photography foi outra das parcelas que cativou a Imogen Cunningham. Durante a súa estancia en Nova York no ano 1934, dedicou gran parte do seu tempo a este tipo de imaxes que ela definiu como Stolen Photographies, é dicir, as comunmente coñecidas como roubados.

Utilizou filtros con texturas na copiadora e fixo dobres exposicións. Xogou co futurismo, e codeouse coas grandes personaxes da fotografía entre elas destacar a Stieglizt e Ansel Adams.

Cando xa cumprira os oitenta anos, Imogen Cunningham comezou a preocuparse pola organización e destino do seu inxente arquivo de negativos e documentación fotográfica. Foi entón cando apareceron os negativos das fotografías que fixera do seu marido espido, fotografías que tivera que gardar polo gran escándalo que se armou cando as expuxo. No ano 1975 fundou a Imogen Cunningham Trust, institución que se dedicou a catalogar, investigar e preservar os seus arquivos fotográficos.

Creou un selo chino para asinar as súas fotografías con tres sílabas I-MO-GEN que se traducen por IDEAS-SEN-FIN.

O legado de Imoge Cunningham pódese ver no Imogen Cunningham Trust, e en varios museos como o Seattle Art Museum, ou a George Eastman House, en Rochester, Nova York, que mercou unha importante colección retrospectiva da súa obra. Tamén pódese ver na Biblioteca do Congreso e na Institución Smithsonian que adquiriu unha parte importante da súa colección.

O derradeiro proxecto de Imogen Cunningham Life After Ninety (A vida despois dos noventa), concentrou toda a súa experiencia e sabedoría, o seu talento e a súa sensibilidade. Esta obra quedou inacabada pola morte de Imogen Cunningham, apenas un ano despois. Pero o proxecto viu a luz trala súa morte grazas a Margaretta Mitchel e a Universidade de Washington. O libro recolle unha excelente selección de retratos dedicados a persoas que, como ela, pasaran a fronteira dos noventa anos. Constitúe unha digna defensa e tributo ós maiores, a súa sabedoría, a súa dignidade, soidade e fortaleza.

O 18 de setembro do 2012 inaugurouse en Madrid, a máis completa panorámica de Imogen Cunningham realizada en Europa nos últimos vinte anos, organizada polo Instituto da Cultura Fundación Mapfre en colaboración coa empresa La Fabrica. A mostra estaba dividida en catro grandes categorías: Retratos, Flores, Paisaxes e Bodegóns; o corpo e a danza; vida e arquitectura urbá.

ALGUNHAS IMAXES:

 

FONTES:

Fotográficas:

Vídeos en español:

 

Vídeos en inglés:

 

 

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta