Dorothea Lange (1885-1965)

dorothea-lange-portada-paxina

Dorothea Lange é unha das fotógrafas documentalista máis importantes e pioneiras do século XX. Foi coñecida polo seu traballo da Gran Depresión en EE.UU. e polas fotografías de traballadoras e traballadores inmigrantes. A súa mirada escápase do sentimentalismo e da dramatización, xurdindo dun profundo sentimento humano e dunha conciencia social unida a unha loita pola igualdade da muller.

VIDA:

Naceu o 25 de maio de 1885, en Hoboken, Nova Jersy, EE. UU, froito dunha segunda xeración de alemáns. O seu pai, Heinrich Nutzhorn, era avogado e a súa nai, Johanna, quedou na casa para criar a Dorothea e máis ó seu irmán, Martin.

Ós sete anos de idade, sofreu poliomielite quedándolle a súa perna e pe dereitos afectados. Esta enfermidade marcaría o seu futuro, como diría ela máis adiante: Foi o máis importante que me aconteceu, pois formoume, orientoume, instruíume, axudoume e tamén humilloume.

Cando tiña doce anos, o seu pai abandonou a súa familia e divorciáronse. Aquí foi cando Dorothea decidiu tomar o nome de solteira da súa nai, Lange.

Dorothea Lange estudou pedagoxía en Nova York. Formouse en fotografía con Arnold Genthe a partir de 1914 traballaron un ano xuntos. Entre 1917 e 1918 estudou na H. White School Clarence Fotografía, fundada no 1914 por Clarence Hudson White, a primeira institución de ensino nos Estados Unidos para ensinar fotografía como arte.

Ó finalizar os estudos, trasladouse a San Francisco, onde traballou como fotógrafa independente e onde abriu un estudo de retratos que tivo moito éxito, no que traballou ata 1940, cando se estableceu en Berkeley, California.

En 1920 casou co pintor occidental Maynard Dixon, nacendo deste matrimonio dous fillos.

Foi na década de 1930, coa ofensiva da Gran Depresión cando Lange comezou a centrar a súa atención nos temas sociais, no mesmo San Francisco, fotografando as colas das “sopas populares”, as folgas dos muelles, e as persoas vagabundas. Con estas imaxes realizou unha exposición en Oakland, California.

No inicio desta década (1930), Dorothea Lange coñeceu a Paul Schuster Taylor, profesor de Economía Agraria, e a súa atracción foi inmediata, deixando ámbolos dous, en 1935, as súas respectivas parellas para estar xuntos.

A partir de 1935 e ata o ano 1940, foi invitada xunto con outros fotógrafos, como Walker Evans ou Ben Shahn, a participar no proxecto da Farm Security Administration (Direccion del Seguro Agrario), creado na época de Franklin D. Roosevelt para axudar aos agricultores en apuros. Dorothea Lange centrouse nos retratos das familias agrícolas que eran vítimas da gran depresión que lles fixo emigrar cara California. Entre 1935 e 1942 traballou no Sur e no Oeste de Estados Unidos.

Durante cinco anos, a parella Taylor-Lange viaxou ao longo dos Estados Unidos documentando a pobreza rural e a explotación de meeiros e de inmigrantes traballadores que atoparon para a Farm Security Administration (FSA). Taylor escribía os informes e Lange fotografaba a xente.

No ano 1939 publicou xunto co seu marido, An American Exodus, un libro que criticaba as posicións sociais da FSA, sendo esta a causa da ruptura entre ela e o coordinador da FSA, Stryker. Neste traballo está incluído o retrato máis coñecido de Lange, “Nai emigrante” realizado en Nipomo, California, imaxen icónica do sufrimento e da dor que tantos americanas e americanos se estaban enfrontando.

En 1941, Lange converteuse na primeira muller que recibiu o Premio Guggenheim pola Excelencia en fotografía, consistente nunha subvención para traballar sobre a sociedade americana, un traballo que finalizou antes de que comezara a Segunda Guerra Mundial.

Ó pouco tempo do ataque de Pearl Harbor, en decembro de 1941, pasou a enfocar o seu traballo fotográfico en deixar constancia da evacuación dos “nisei”, cidadáns estadounidenses de orixe xaponés, aos campos de concentración na costa oeste do país por parte da War Relocation Authority (WRA). Dorothea Lange cubriu todos os actos de reubicación dos xaponeses, a súa evacuación temporal en centros de reunión e os primeiros campos de concentración permanentes nos que os aloxaron entre 1942 e 1948 unhas 120.000 persoas. O seu traballo fotográfico en Manzanar, California, o primeiro destes campos, foi pioneiro en denunciar esa política discriminatoria e abusiva por parte das autoridades federais. Foi alí no ano 1942 onde realizou unha das fotografías máis famosas dun grupo de nenos estadounidenses de orixe xaponés facendo o xuramento á bandeira das barras e as estrelas antes de ser enviados aos campos de concentración. As súas imaxes foron tan críticas que o exército embargounas. Actualmente estas fotografías atópanse no Arquivo Nacional e na Biblioteca Bancroft da Universidade de California, en Berkeley.

En 1945, Dorothea Lange foi empregada de novo pola OWI (Office of War Information) para documentar a conferencia de San Francisco que creou a Organización das Nacións Unidas e neste mesmo ano foi invitada por Ansel Adams a aceptar o cargo de docente no departamento de fotografía da Escola de Artes de California.

A partir de 1951 comezou a dar seminarios e conferencias. Fundou a revista Aperture no ano 1952, xunto a Minor White, Newhall e Ansel Adams.

Realizou reportaxes para a revista Life entre 1954 e 1955. Volveu a converterse en fotógrafa independente a partir de 1958 e desde ese ano ata 1965 viaxiou acompañada do seu marido por toda Asia, Latinoamérica e o Medio-Este americano.

Lange estaba na “Lista de Honor da Sociedade de Fotógrafos de Revistas Americanos”. Tivo numerosos homenaxes e exposicións en Estados Unidos, Canadá e Europa.

No ano 1965 inaugurou unha retrospectiva no MoMA de Nova York. Pouco despois morrería enferma de cáncer en Marin County, San Francisco. Antes de morrer cedeu os seus arquivos ó Museo de Oakland.

Entre os libros publicados atópanse The American country women (1967), Dorothea Lange (1972) e destaca o que escribiu con ela D. L. Elliott, Dorothea Lange (1966)

OBRA:

Lange deixou preto de 25.000 negativos que son agora parte importante da historia de Estados Unidos.

O arquivo de Dorothea Lange foi adquirido polo Museo de Oakland en California, que foi estudado por numerosos investigadores e público en xeral, durante as tres décadas seguintes á súa adquisición. A sorprendente variedade de temas abordados por Lange ao longo dunha carreira de cincuenta anos, xunto coa súa sensibilidade pouco común e visión, fixeron que as súas fotografías foran moi útiles en publicacións e investigacións dunha ampla variedade de disciplinas e campos.

As súas imaxes exerceron unha profunda influencia sobre o desenvolvemento da fotografía documental moderna. A preocupación de Lange polas persoas, a súa valoración do común e a empatía impresionante que ela amosou con elas fan que sexa única entre os fotógrafos da súa época.

No ano 1972, o Whitney Museum realizou unha das máis importantes exposicións que se realizaron sobre a súa obra. Baixo o título de Executive Order 9066, amosáronse por primeira vez ao público estadounidense vintesete das fotografías que realizou Lange sobre os campos de concentración para nisei, en chan americano, durante a Segunda Guerra Mundial.

No ano 2008, o gobernador de California Arnold Schwazenegger e a primeira dama María Shriver anunciaron a inclusión de Lange na California Hallo Fame, organismo que se encarga de homenaxear ás persoas que encarnaron un espírito innovador e deixaron a súa pegada na historia.

A colección de fotografías coñecidas como “Migrant Mother”, correspóndese cunha serie de fotografías que Dorothea Lange fixo de Florence Owens Thompson, unha muller inmigrante e os seus fillos, en febreiro ou marzo de 1936 en Nipomo, California, coincidindo coa viaxe que fixera durante un mes fotografando ós traballadores agrícolas inmigrantes en todo o estado. Lange deixou escrito un relato da experiencia: Vin a unha nai famenta e desesperada e achegueime a ela como atraída por un imán. Non me lembro como expliquei a miña presenza e como a fotografei, só me lembro que non me fixo ningunha pregunta. Fixen cinco exposicións, traballando cada vez máis preto dela. Non preguntei o seu nome nin pola súa vida. Díxome a súa idade, que tiña trinta e dous anos e sete fillos. Comentoume que estaban vivindo só dos vexetais fríos da zona e dos paxaros que mataban os nenos. Acababa de vender os neumáticos do seu coche para mercar comida. Foi alí, baixo a súa tenda, onde se sentou rodeada dos seus fillos como sabendo que as miñas fotos a podían axudar, e axudoume. Habia unha certa equidade nisto.

As imaxes Migrant Mother foron feitas cunha cámara Graflex. Os negativos orixinais son de película 4×5.

Dorothea Lange facía ducias de fotografías frontais ata que se sentía satisfeita de ter conseguido o aspecto adecuado na película: a expresión precisa no rostro da persoa que respaldara as súas propias nocións de pobreza, a luz, a dignidade, a textura, a explotación e a xeometría.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

Libros:

  • Libro recomendado: “Dorothea Lange: A Life Beyond Limits” escrito por Linda Gordon en 2009
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta