Julia Margaret Cameron (1815-1879)

portada-paxinaJulia Margaret Cameron está considerada como unha das mellores fotógrafas do século XIX, dedicada ó retrato fotográfico de corte artístico e á representación escenográfica de alegorías que a enmarcan na corrente da fotografía academicista.

VIDA:

Julia Margaret Pattle naceu o once de xuño de 1815 en Garden Reach, un barrio de Calcuta (India) no seo dunha familia acomodada de dez irmáns. Filla dun escocés, e dunha francesa, pertencentes ambos á sociedade bengalí. O pai era oficial na Compañía das Indias Orientais e descendente de aristócratas franceses.

Educouse en París e Inglaterra ata o ano 1834, no que ó cumprir dezanove anos, regresou de novo á India, onde coñeceu ó seu marido, Charles Hay Cameron, xurista e dono dunha gran plantación de té na India, vinte anos maior que ela, de quen tomou o apelido, pasando a chamarse Julia Margaret Cameron, con quen tivo seis fillos. Establecéronse en Sri Lanka (antiga Ceilán na época da colonización).

No ano 1836 coñeceu a Sir Jonh Herschel (matemático, químico, astrónomo e fotógrafo experimental inglés), autor do descubrimento das propiedades do tiosulfato de sodio como fixador das sales de prata, e a persoa que implantou os termos positivo, negativo e fotografía, quen actuou as veces como asesor fotográfico de Cameron.

Volveu coa súa familia a Inglaterra no ano 1848 para, doce anos máis tarde instalarse na illa de Wigth.

Julia Margaret Cameron era unha persoa excéntrica e profundamente relixiosa, amiga de moitas das mentes máis brillantes da Inglaterra vitoriana, entre elas o seu veciño na illa de Wigth, o poeta Alfred Lord Tennyson, o pintor G. F. Watts; os científicos Charles Darwin e o nomeado matemático Sir John Herschel, o historiador e filósofo Thomas Carlyle e os poetas Robert Borwning e Henry Taylon, a quen recibía na súa gran casa da illa de Wigth.

A súa curta carreira fotográfica, apenas doce anos de traballo, onde chegou a producir unhas novecentas imaxes, comezou no ano 1863, ós 48 anos de idade, cando os seus fillos estaban lonxe, no internado e a súa única filla Julia, casara e xa non vivía con ela. Foi precisamente Julia quen a agasallou cunha cámara de fotos (construída en madeira cun obxectivo da marca Jamin), para que paliara a soidade na que se atopaba por mor das continuas ausencias do seu marido, que viaxaba con frecuencia a Sri Lanka para atender as plantacións de café da familia. Improvisou un laboratorio e un estudo fotográfico habilitando dúas habitacións da súa casa e, con esta cámara fotográfica, un equipo de revelado e a axuda dos seus amigos John Herschel, posiblemente tamén de Oscar Gustav Rejlander, fotógrafo sueco afincado en Inglaterra que a fotografou xunto coa familia na súa casa de Wigth por esta época e Lewis Carrol, nome polo que se coñecía a Charles Lutwidge Dogson, fotógrafo, matemático e escritor británico, en poucos meses dominou o proceso ó colodión húmido sobre placas de vidro. Realizaba retratos da filla e dos fillos; de veciños como os Tennysons a quen fotografou infinidade de veces; de amigas e amigos e do persoal ó seu servizo, obrigándolles en moitas ocasións a posar por longos períodos de tempo coa finalidade de investigar sobre a luz e as placas. Este mesmo ano foi elixida membro da Sociedade Fotográfica de Londres e Escocia.

Julia Margaret Cameron inspirábase na Literatura, no Renacemento, na Pintura-Pre-Rafaelista e tamén na Biblia para realizar as súas alegorías, moitas de ámbito relixioso. Cría que a fotografía era a forma para resucitar o arte sacro. Nunha carta dirixida ó seu amigo Sir John Herschel escribía: As miñas aspiracións son ennobrecer a fotografía e alzala á categoría de arte, combinando a realidade coa poesía e a beleza ideal.

Aínda que a súa privilexiada posición social permitíalle practicar a fotografía como afeccionada, ela enseguida rexistrou os dereitos de copia no Fine Arts Registres of the Public Record Office e chegou a un acordo coa galería Colnaghi de Londres para exhibir, publicar e comercializar as súas fotografías. No prazo de dezaoito meses tiña vendido oitenta gravados ó Museo Victoria e Alberto.

Os seus retratos foron expostos en diferentes exposicións ó longo da década dos anos sesenta deste século: no ano 1864 expuxo en Colnaghi’s de Londres. En maio de 1865 enviou fotos da serie Madonna (retratos da súa amiga Mary Hillier, unha das súas modelos máis frecuentes e das nenas Elizabeth e Kate Kunh, fillas dun garda da illa de Wight) á exposición anual da Sociedade Fotográfica de Escocia. O Diario Fotográfico escribiría, ó respecto desta última exposición, sobre Julia Margaret Cameron: A señora Cameron exhibe a súa serie fora do foco dos retratos de celebredidades. Debemos dar a esta dama certo crédito por atreverse a ser orixinal, pero a expensas de todas as demais cualidades fotográficas. Un verdadeiro artista empregaría todos os recursos que ten a súa disposición, en calquera rama do arte que puidera practicar. Nestas fotos, todo o bo da fotografía está descoidado e os inconvenientes da técnica exhíbense de xeito prominente. Lamentamos ter que falar tan severamente das obras dunha dama, pero sentímonos obrigados a facelo no interese da materia. El periódico The Illustrated London News, respondería a estas acusacións describindo os seus retratos como o enfoque máis próximo ó arte, ou máis ben as aplicacións máis audaces e existosas dos principios das belas artes na fotografía.

As mesmas fotos da serie Madonna enviounas a Berlín no ano 1866, a cidade da fotografía artística segundo ela dicía, onde foron premiadas coa medalla de ouro. Aquí había unha gran división entre os fotógrafos profesionais e os artistas: Os primeiros, que só buscaban cualidades como a nitidez e as técnicas en xeral, opinaban que non se explicaban por que lle deran un lugar de honor na exposición a unhas fotografías que parecían estar feitas polos alumnos máis torpes de fotografía, burlándose e ríndose das imaxes. Os segundos, polo contrario, interesáronse moito, eloxiando o labor artístico de Cameron como algo tan excepcional, que as deficiencias técnicas non contaban.

Este mesmo ano 1866 a serie Madonna recibiría un segundo premio, a medalla de prata que lle concedía o Instituto Hartley. No seguinte, deixaría as súas fotografías para ser expostas na Exposición Internacional de París e no 1868 na Galería Alemaña, de Londres onde Charles Darwin contratouna para que lle realizara os seus retratos. A Exposición Internacional de Viena no ano 1873 sería a seguinte. En todas elas as súas fotografías tiveron moi boa acollida por parte da sociedade como medio de expresión artística.

Valíase da técnica flou, ou efecto borroso, aplicando filtros especiais no obxectivo, de aí que as súas imaxes estiveran envoltas nunha peculiar brétema. Naquela época, os seus colegas de profesión rechazaron esta intencionada imperfección por que ía contracorrente dos avances da fotografía. Nunca foi recoñecida en vida por eles, aínda que si nos círculos intelectuais máis elitistas. Ela mesma declararía: a cámara non é algo que sirva para documentar a realidade, senón que é para crear arte.

As súas composicións alegóricas revelan a influencia do seu amigo o pintor vitoriano George Frederick Watts, que vivía en Londres, na casa da irmán de Cameron.

A súa filla Julia morreu no ano 1873. Foi no seguinte ano cando Julia Margaret Cameron comezou a escribir a súa autobiografía, The Annals of my glass house, que sería publicada no ano 1874. Nela relata a súa paixón pola fotografía; como foron os seus comezos; o primeiro retrato dun granxeiro ó que pagaba media coroa por hora; como despois de experimentar e gastar moitas coroas conseguiu obter a súa primeira fotografía boa; como continuou fotografando a nenos e nenas a quen lles explicaba, para que se estiveran quietos durante as longas exposicións, o dispendio de químicos e esforzos consumidos si se movían. Cóntanos como fotografaba ós seus amigos e amigas converténdoos en personaxes e como unha das modelos preferidas era a súa sobriña Julia Jackson, que máis tarde casaría e se convertería na Sra. Herbert Duckworth, nai da famosa escritora Virginia Woolf. Nesta autobiografía tamén nos fala do discutido desenfoque das fotografías, un desenfoque deliberado, que ela buscaba, porque lles atopaba un encanto especial e, como cando comezaba a enfocar e chegaba a algo que para o seu ollo era bonito, paraba e o fotografaba, en lugar de continuar ata o enfoque definitivo que os demais fotógrafos perseguían.

Colaborou na edición do libro titulado Idylls of the king and other poems, do poeta Tennyson, ilustrándoo con doce fotografías e producindo a segunda parte deste libro de poemas no ano 1875, no mesmo formato que o anterior.

No ano 1875 decidiu volver a oriente e establecerse en Sri Lanka, onde os seus fillos rexentaban as súas plantacións. Aquí a súa afección pola fotografía foi diminuíndo co tempo, aínda que realizaría algúns retratos de aboríxes, as súas últimas manifestacións fotográficas antes de morrer, no ano 1879, á idade de sesenta e catro anos.

Tra la morte da súa nai, Henry, un dos seus tres fillos, abriría un estudo fotográfico en Londres.

OBRA

A súa fotografía encádrase no retrato fotográfico artístico, o que se coñece como fotografía academicista, desenvolvida na segunda metade do século XIX, na que se buscaba incorporar a esta disciplina elementos propios da pintura. O mesmo tempo, o uso do efecto flou que caracteriza as súas fotografías a destaca como unha das antecesoras do pictorialismo fotográfico (movemento fotográfico de pretensións artísticas que se desenvolveu a nivel mundial, principalmente en Europa, EE.UU e Xapón, entre finais dos anos 1880 e primeira guerra mundial). A súa obra sería recoñecida postumamente, grazas as reivindicacións por parte dos fotógrafos do pictorialismo, o apoio do grupo literario de Boomsbury e a súa sobriña neta Virginia Woolf quen a elevaría ó lugar merecido que lle corresponde dentro da fotografía.

As fotografías de Julia Margaret Cameron destacan pola sensibilidade e carácter romántico que buscaba deliberadamente provocando o desenfoque ou efecto flou para distanciarse da realidade. Crese que foi o azar quen a levou a descubrir unha combinación de elementos técnicos que lle deron como resultado a falta de nitidez, converténdose esta técnica no seu selo artístico. As súas imaxes teñen algo de relixioso, algo que se pode ver reflectido, por exemplo, nas fotografías das súas Madonnas, que sosteñen nenos ou nenas no colo mentres a súa mirada os observa.

Ademais do efecto flou, Julia Margaret Cameron utilizaba outras técnicas que se poderían considerar pouco ortodoxas entre os fotógrafos daquela época, de feito, os membros da London Photographic Society non a admitiron entre eles por estes motivos. Algún dos exemplos poderían ser o uso dos obxectivos que empregaba inadecuadamente con as placas que utilizaba ou que non se preocupaba se as placas resultaban manchadas ou rañadas porque o que perseguía era a obtención de efectos que afastaran da realidade as imaxes captadas, buscando máis o estético que o técnico, a expresión poética que a realista. Repetía as copias unha e outra vez, ata que se sentía satisfeita do resultado. Xamais retocaba ou ampliaba os seus negativos: sacaba copias de contacto das súas enormes placas húmidas con formato de 20×25 e 30×40 cm.

A pesar de que foi sistematicamente atacada polos críticos da súa época en relación cos seus defectos técnicos, Julia Margaret Cameron, grazas a súa posición social e económica, resistiuse ó emprego das normas técnicas e continuo fiel ós seus principios estéticos, amosando o espírito e os trazos dos homes máis eminentes do seu tempo.

Conseguía captar a beleza e a forza expresiva dos seus modelos con tanta mestría como podía facelo un pintor ou unha pintora. Cando se trataba de retratos de grandes homes, entre eles figuras literarias, artísticas e científicos notables, a súa meta era reflectir a súa personalidade que conseguía retratando en planos curtos, sen ningún tipo de referencia externa, onde a cabeza convertíase nunha icona que afirmaba a posible determinación do carácter e os trazos da personalidade, seguindo así a tendencia da frenoloxía, unha antiga teoría que se comezou a aplicar a principios do século XIX. Sen embargo os planos femininos eran diferentes, neles trataba de resaltar o ideal de beleza do Renacemento utilizando planos medios en moitas das imaxes e axuda de complementos, como as ás que se ven na fotografía I Wait, que evocan as pinturas dos anxos do Renacemento. Dentro da fotografía alegórica academicista destacan obras como O bico da paz realizada en 1859, Roga por nos, alegoría da anunciación para o Ave María, ou O aroma dos lirios, entre outras. Esta produción foi a que a levou a ser integrada na corrente da fotografía academicista.

Os seus retratos máis famosos son de personaxes ingleses coñecidos como artistas, pertencentes ó seu círculo de amizades, a súa sobriña Julia Jackson (nai de Virginia Wolff) e Vanessa Bell aínda que tamén tiña moitas outras persoas descoñecidas, sobre todo mulleres. Hainos illados e en grupos, como no coñecido Retrato de verán realizado en 1865, onde aparecen dúas mulleres e nenas en pose deliberadamente artificial e coas miradas perdidas.

ALGUNHAS IMAXES:

FONTES:

  • Los grandes fotógrafos/[director, Juan Manuel Prado]; tradución, Diorki Tradutores. Orbis, D. L. 1983-1985, Barcelona.
ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterPin on Pinterest

Deixa unha resposta